Sobre a revista
O Boletín da Real Academia Galega (BRAG) é unha publicación anual editada pola Real Academia Galega dende o ano 1906. Dende o ano 2000 está redactada enteiramente en lingua galega. Recolle traballos de investigación centrados en distintos aspectos da lingua, cultura e a literatura galegas, e mais outros contributos arredor da figura homenaxeada no Día das Letras Galegas.
Número actual
A figura e a obra de Francisco Fernández del Riego lévannos pola historia do galeguismo e da cultura galega ao longo de todo o século xx, con momentos tan significativos coma o Seminario de Estudos Galegos, o Partido Galeguista e a Segunda República, a guerra civil e o que a historiografía denomina o “exilio interior”, etapa de resistencia á ditadura na que, no ámbito da cultura (tamén na política), Del Riego tivo unha significación especial, servindo de ponte entre xeracións e entre a Galicia exiliada en América e na Galicia do interior. Empresas como a editorial Galaxia ou a Fundación Penzol, que dirixiu dende a súa creación ata pouco antes do seu pasamento, son exemplos deste labor, sen esquecer a súa actividade na Real Academia Galega, na que en distintas etapas contribuíu á súa renovación e na que, xunto cos académicos Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo, ideou e puxo en marcha a celebración do Día das Letras Galegas (1963), acaso a iniciativa cultural máis eficaz e brillante das últimas décadas. De todo dáse conta nestas páxinas.