Núm. 386 (2025): As cantareiras e a poesía popular oral
O número do Boletín da Real Academia Galega que presentamos ofrece un mostrario significativo da actividade intelectual da nosa institución ao longo do ano 2025. Como é de habitual, comeza coas achegas ao simposio anual arredor da figura do Día das Letras Galegas, que nesta ocasión puxo o seu foco no cantigueiro popular galego, e continúa coas alocucións pronunciadas no acto central desta celebración, que tivo lugar en Malpica de Bergantiños. Seguen catro bloques de estudos. O primeiro bloque recolle os contributos realizados nas xornadas sobre A invención da tradición, organizadas pola Sección de Historia, que se celebraron en Lugo e en Vigo. O segundo ofrece os traballos presentados na xornada Achegas xurídicas a cuestións ambientais, organizada polo Grupo de traballo Pensamento e ensaio da Sección de Literatura, que tivo lugar na Coruña. O terceiro reúne as intervencións proferidas na homenaxe ao escritor Paco Martín, celebrada en Lugo, no marco dos encontros sobre Voces da narrativa que promove a Sección de Literatura. Finalmente, no último bloque ofrécense a disertación pronunciada na xornada Momentos da historia, dedicada a Castelao, que se desenvolveu no Museo de Pontevedra, e un estudo relacionado coa publicación de Rimas populares gallegas de Manuel Murguía.









