Arquivos

  • Florencio Delgado Gurriarán
    Núm. 383 (2022)

    Córgomo foi unha festa. Poucas veces a celebración do Día das Letras Galegas tivo unha resposta popular tan activa e espontánea. Imposible entender a poesía e mesmo o talante de Florencio Delgado Gurriarán sen a música e a paisaxe de Valdeorras. Era a primeira vez que a Academia viaxaba nesta data (o día grande da lingua) a aquelas terras, que tanta personalidade teñen, e mais era tamén a primeira vez que visitabamos e homenaxeabamos a memoria do exilio de México, con tanta significación para a nosa lingua e a nosa cultura, para a nosa identidade nacional e a causa da liberdade. Destes asuntos se fala nas páxinas deste Boletín número 383 dedicado ao poeta de Bebedeira, Galicia infinda, Cantarenas, O soño do guieiro, activista comprometido coa causa republicana do galeguismo.

  • Xela Arias
    Núm. 382 (2021)

    Este Boletín da Real Academia Galega (número 382) dedica unha parte moi importante das súas páxinas á figura e a obra de Xela Arias, igual que no ano anterior o número 381 estivo principalmente dedicado á figura e a obra de Ricardo Carballo / Carvalho Calero. Abrimos cos traballos e semblanzas que se realizaron durante o Simposio dedicado á autora (11, 18 e 25 de novembro). Deseguido reproducimos as alocucións académicas na sesión plenaria extraordinaria do 17 de maio na cidade de Vigo: Ana Romaní, Marilar Aleixandre e Manuel Rivas. E ofrecemos dous traballos científicos, un deles centrado nas figuras de Ayras Nunez, Afonso O Sabio e as Cantigas de Santa María, elaborado polo académico Henrique Monteagudo, e outro de sociolingüística asinado por técnicos especialistas neste seminario da RAG, Gabino S. Vázquez-Grandío e Xaquín Loredo. Como é habitual, o Boletín conclúe cun apartado específico dedicado á vida oficial da institución.

  • Ricardo Carballo/Carvalho Calero
    Núm. 381 (2020)

    Neste ano 2020, a Real Academia Galega acordou dedicar o seu día grande, o Día das Letras Galegas, a un autor especialmente significativo do pasado século, figura sobranceira da memoria do galeguismo contemporáneo. O ano 2020 foi o Ano Ricardo Carballo Calero, tamén Carvalho Calero, como el empezou asinar a partir de 1981.

  • Antonio Fraguas Fraguas
    Núm. 380 (2019)

    Nos traballos que constitúen o núcleo deste número do Boletín fálase da traxectoria biográfica de Antonio Fraguas e da súa personalidade, na que conflúen aspectos moi diversos. Nas diferentes seccións deste número abordouse esa diversidade: a súa dimensión docente, os traballos como etnógrafo, arqueólogo, xeógrafo, historiador, investigador e publicista divulgador, referencia obrigada na creación e consolidación de institucións como o Museo do Pobo Galego, sen esquecer o seu carácter afable, incluso e conciliador.

  • María Victoria Moreno
    Núm. 379 (2018)

    O número 379 do Boletín da Real Academia Galega, como xa vén sendo habitual, está especialmente dedicado á figura que a institución salienta cada ano coa celebración do Día Das Letras Galegas (17 de maio). Nesta ocasión foi a persoa e a obra de María Victoria Moreno a que mereceu os honores dos estudosos e a mobilización social que medra en cada convocatoria. As Letras Galegas son, sen dúbida, a gran festa da nosa cultura, da nosa lingua e da nosa literatura, participada cada ano por institucións de todo tipo, o asociacionismo cultural e o asociacionismo civil.

  • Carlos Casares
    Núm. 378 (2017)

    O Boletín da Real Academia Galega número 378, correspondente ao ano 2017, vai centrado na figura de Carlos Casares, a quen a Real Academia Galega acordou dedicar o día grande da nosa lingua e da nosa literatura, o Día das Letras Galegas, festa que dende o ano 1963 non fixo máis ca medrar, convocando en cada edición novas vontades, novas adhesións e entusiastas iniciativas. Tamén estudos literarios, históricos e filolóxicos, parte importante dos cales se recollen nestas páxinas, moi principalmente os traballos que se prepararon para o Simposio que a RAG celebrou no salón da rúa Tabernas no derradeiro trimestre do ano, traballos que comezaron na cidade de Ourense, da man da Fundación que leva o nome do autor, continuaron en Vigo, nas dependencias da Fundación Penzol, logo en Santiago de Compostela (Consello da Cultura Galega) e concluíron solemnemente na sede da Academia, na cidade da Coruña.

  • Manuel María
    Núm. 377 (2016)

    Este número do noso vello Boletín (377) debrúzase, esencialmente, sobre o escritor Manuel María (1929-2004) a quen a Academia lle dedicou, no ano 2016, o Día das Letras Galegas. En realidade, o día suscitou actividades literarias durante os doce meses dese ano, moi fecundo en conferencias, recitais, representacións teatrais, concertos... dentro e fóra das aulas. Cómpre aclarar que Manuel María, antes do ano 2016 (e mesmo antes de 2004, ano do seu pasamento), xa fora obxecto de non poucos estudos, algúns moi valiosos.

  • Xosé Filgueira Valverde
    Núm. 376 (2015)

    Este número do noso Boletín, o 376, é un dos máis ricos dos últimos lustros, período no que non escasean volumes de considerable riqueza. É que o presente número acolle textos de moi distintos encontros protagonizados pola nosa institución, en primeiro lugar o Simposio dedicado a Xosé Filgueira Valverde, persoeiro que protagonizou o Día das Letras Galegas de 2015. Este capítulo acolle dezaoito comunicacións que son outras tantas incursións nas moitas especialidades cultivadas por aquel inmenso polígrafo que se chamou Xosé Fernando Filgueira Valverde.

  • Xosé María Díaz Castro
    Núm. 375 (2014)

    Chegamos ó número 375 do noso Boletín, nesta ocasión dedicado, en boa parte, á obra poética de Xosé María Díaz Castro, protagonista do Día das Letras Galegas do ano 2014. Para este mester, o Boletín convocou un número relativamente elevado de estudosos da poesía de Díaz Castro, unha boa parte deles vellos e moi atentos lectores de Nimbos e doutros poemas seus. Pensamos que a presente publicación é un digno colofón do labor crítico e erudito que suscitou a obra literaria de Xosé María Díaz Castro ó longo de 2014.

  • Roberto Vidal Bolaño
    Núm. 374 (2013)

    O noso Boletín, (o Boletín da Real Academia Galega) chega ó número 374, correspondente a 2013, o ano no que Roberto Vidal Bolaño foi o protagonista do Día das Letras Galegas: protagonista do 17 de maio e do ano enteiro. Esa é a razón pola que o noso órgano oficial dedica unha boa parte das súas páxinas ó estudo da súa vida e da súa obra. Nese corpus monográfico recóllense as tres alocucións académicas proferidas na sesión solemne de Santiago o 17 de maio, e seis estudos dos especialistas que protagonizaron o Simposio Roberto Vidal Bolaño en decembro de 2013.

  • Valentín Paz-Andrade
    Núm. 373 (2012)

    Este é o número 373 do noso Boletín dedicado en moi boa parte á vida e á obra de Valentín Paz-Andrade (1898-1987), personalidade intelectual á que se lle dedicou o Día das Letras Galegas no ano 2012. Foi don Ramón Villares Paz, un dos académicos máis versados na biografía e na bibliografía de Paz-Andrade, o editor literario das páxinas relativas a este escritor, páxinas que abranguen unha boa parte do presente volume.

  • Lois Pereiro
    Núm. 372 (2011)

    O noso Boletín dedica unha boa parte das súas páxinas á vida e á obra do poeta Lois Pereiro (1958 - 1996), a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas do ano 2011. Sabido é que foi un éxito intelectual grande: edicións, estudos, traballos divulgativos e, nomeadamente, a acollida das súas páxinas poéticas entre os escolares e outros grupos mozos.

  • Uxío Novoneyra
    Núm. 371 (2010)

    Por primeira vez a Real Academia Galega acolleu na súa sede da rúa Tabernas o congreso dedicado á figura homenaxeada no Día da Letras Galegas, neste ano, Uxío Novoneyra para o que se contou coa inestimable colaboración da Universidade da Coruña, o Concello da Coruña e a Deputación de Lugo.

  • Ramón Piñeiro
    Núm. 370 (2009)

    Coma en anos anteriores, a figura de Ramón Piñeiro, homenaxeado no Día das Letras Galegas correspondente ao ano 2009, é tema esencial e dominante no Boletín 370, que estará na rúa a finais do presente ano.

  • Xosé María Álvarez Blázquez
    Núm. 369 (2008)

    O presente número do Boletín, o 369, está dedicado en boa parte ao estudo da vida e da obra de Xosé María Álvarez Blázquez, personaxe que protagonizou o Día das Letras Galegas do ano 2008.

  • María Mariño / Centenario da RAG
    Núm. 368 (2007)

    Nunca chegan os tempos de bonanza para este tipo de publicacións periódicas de natureza institucional; e unha vez máis nos vemos na obriga de presentar este número 368, relativo a 2007, cun considerable atraso. Ben é verdade que sempre contamos coa xenerosa comprensión dun público ao que sorprendemos favorablemente porque a diferenza das publicacións comerciais, necesitadas de compradores, nós andamos na procura de lectores. E isto é posible grazas ao mecenado da Fundación Rodríguez Iglesias e a Hércules de Ediciones, coeditores do Boletín da Real Academia Galega.

  • Manuel Lugrís Freire
    Núm. 367 (2006)

    Cando este número 367 do Boletín da Real Academia Galega, relativo a 2006, se atope cos seus lectores, xa esta publicación terá feitos os seus primeiros cen anos. Non son moitas as publicacións periódicas que resisten o paso dos anos ata chegar ao número mítico e redondo do século. Nesta longa singradura como voceiro e cabeceira da institución académica foron moitas as desventuras e azares polos que atravesou, case sempre azoutado por ventos diversos, moi poucas veces tivo oportunidade de navegar por augas encalmadas.

  • Lorenzo Varela
    Núm. 366 (2005)

    No mes de maio de 1906, adiantándose uns meses á constitución formal da Academia Galega, apareceu o primeiro número do Boletín da Academia Galega, que non incorporará o adxectivo Real ata o número cinco.

    Este breve apuntamento quere chamar a atención sobre o feito de que este noso actual número, o 366, relativo a 2005, sairá do prelo cando xa se están a preparar os actos conmemorativos do centenario da Real Academia Galega e, tamén, do seu voceiro que acompañou a institución nesta singradura entre dous séculos.

  • Xaquín Lorenzo
    Núm. 365 (2004)

    Un ano máis o noso Boletín, albiscando xa o centenario do seu nacemento, acode á cita anual como voceiro da Real Academia Galega.

    Nesta xeira está dedicado no seu apartado primeiro a Xaquín Lorenzo Fernández “Xocas” como homenaxeado no Día das Letras Galegas 2004.

  • Avilés de Taramancos
    Núm. 364 (2003)

    O número 364 do Boletín da Real Academia Galega chega á súa cita anual nesta nova etapa da publicación académica coa sinxela aspiración de reflectir a súa vontade de estar presente na vida intelectual e cultural de Galicia.

  • Padre Sarmiento
    Núm. 363 (2002)

    O presente número, o 363 do noso Boletín, está dedicado, en boa parte, ó estudio da vida e da obra do P. Sarmiento, personalidade literaria e científica que protagonizou o Día das Letras Galegas do ano 2002.

  • Eladio Rodríguez González
    Núm. 362 (2001)

    Este número, o 362 do noso Boletín, está dedicado a tres temas literarios moi vencellados, dun xeito ou doutro, á Academia.

  • Manuel Murguía
    Núm. 361 (2000)

    A Real Academia Galega presenta neste volume unha edición anovada do seu Boletín tradicional. Singularízase polo seu carácter monográfico, dedicado á figura e á obra de Manuel Murguía, primeiro presidente da institución.