Núm. 42 (2025)

Cuberta Cadernos 42

O número 42 de Cadernos de Lingua céntrase de maneira practicamente monográfica nos traballos desenvolvidos polo Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega.

O número abre cun repaso ás principais conclusións do Informe sobre a situación da lingua galega segundo os datos do Instituto Galego de Estatística de 2023: Análise da enquisa sobre coñecemento e uso do idioma galego (2023) e da evolución sociolingüística de Galicia (1992-2023) (2024), aprobado polo plenario da Real Academia Galega. Henrique Monteagudo extracta tamén no seu artigo a análise dos principais datos referentes ao coñecemento e uso do idioma galego da “Enquisa estrutural a fogares” do Instituto Galego de Estatística.

Pola súa banda, Martín Vázquez Fernández, membro do Seminario de Sociolingüística, insiste en analizar os procesos de substitución lingüística do galego polo castelán a través dos resultados do Mapa sociolingüístico escolar de Santiago de Compostela, unha investigación desenvolvida dende este Seminario, que combina datos sociolingüísticos e sociodemográficos recollidos entre o profesorado, o alumnado e as familias da educación primaria, secundaria e postobrigatoria da cidade.

O técnico Gabino S. Vázquez-Grandío e Rosa Moreiras Cuñarro, membro do Servizo de normalización Lingüística do Concello de Ames, expoñen o desenvolvemento, execución e resultados de Modo galego, actívao!, un proxecto de dinamización lingüística no que colaboran a Real Academia Galega, o Concello de Ames e os distintos axentes da comunidade educativa local. Os obxectivos deste programa son a mellora da autoconfianza e a diversificación do uso do galego da totalidade do alumnado, a visibilización e apoderamento do alumnado galegofalante e a promoción dos centros de ensino como «espazos seguros» para o uso do galego. Os datos extraídos de cada edición axudan na investigación en dinamización lingüística e contribúen ao desenvolvemento de mellores iniciativas.

A académica e membro do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega María López-Sández e Alejandro Doval Casas, investigador da USC, analizan a influencia da variable xénero nas prácticas lingüísticas do profesorado galego de matemáticas. Os resultados confirman a maior tendencia das mulleres á converxencia lingüística e á acomodación nas súas prácticas docentes como estratexia de xestión comunicativa e afectiva na aula. No contexto actual de retroceso nos niveis de uso do galego, a preferencia expresada pola maioría do profesorado de matemáticas polo galego como lingua na que lle gustaría impartir docencia, así como a constatación do peso da regulamentación lingüística á hora de impedilo, poñen de relevo a necesidade de revisar o modo en que se empregan as linguas no ensino e de repensar a súa regulación.

Finalmente, as investigadoras do Instituto de Psicoloxía da USC Elena Rey García, Estrella Romero Triñanes, Paula Ganitsky Chemby e Isabel Fraga Carou empregan o Modelo dos Cinco Grandes de Goldberg, para explorar os descritores léxicos da personalidade en lingua galega. Os adxectivos máis frecuentemente evocados polos falantes de galego ao describir trazos de personalidade mostran un predominio de termos con valencia positiva e unha maior representación das dimensións de extraversión e afabilidade. Esta investigación constitúe unha primeira aproximación e subliña a necesidade de desenvolver recursos específicos adaptados á realidade lingüística propia.

 

     

Publicado: 2025-12-22

Número completo