Sobre la revista

Cadernos de lingua é unha revista de investigación lingüística, que sen renunciar a tratar temas de investigación teórica, pretende centrarse fundamentalmente no estudo de problemas prácticos e de interese xeral.
Creouse coa finalidade de informar e orientar os traballadores da lingua e o público en xeral sobre problemas sincrónicos e diacrónicos da lingua galega dunha maneira asequible e facilmente comprensible.

Número actual

Núm. 40 (2023)
Cadernos de Lingua 40

No número 40 de Cadernos de Lingua, a profesora Carme Hermida Gulías analiza a velocidade media de lectura das persoas adultas en lingua galega, parámetro fundamental para o correcto desenvolvemento dunha serie de actividades relacionadas coa lingua e coa lectura, como poden ser os audiolibros ou audioguías, ou produtos televisivos en versión lingüística orixinal con apoio de subtítulos.

A partir da análise da práctica lingüística de dous falantes, o traballo de Pedro Casais Cobas trata de observar a variación lingüística no galego actual, co obxectivo de determinar de que maneira o contacto do galego popular rural co castelán, coa variedade estándar e con outras linguas inflúe nas variedades do galego rural e establecer a relación existente entre este cambio lingüístico e a creación de novas identidades.

Finalmente Daniel Amarelo pon o foco na variación das perífrases temporais haber (de) + inf. e ir + inf. no galego oral contemporáneo. A partir da consideración do futuro en traballos anteriores, reúnense 150 exemplos de futuro perifrástico (ir + inf.) e 150 exemplos de futuro con haber (haber (de) + inf.), perífrases temporais que compiten na expresión do futuro nos seus espazos semánticos. Esta investigación, de carácter variacionista e con base empírica cuantitativa, demostra como as dúas formas en pugna se distribúen no uso das falantes en función de distintos factores lingüísticos e segundo as súas distintas vías de gramaticalización.

 

     

Publicado: 2023-12-11

Número completo

Ver todos los números