Un estudo da paisaxe lingüística en Santiago de Compostela
DOI:
https://doi.org/10.32766/cdl.35.8Palabras clave:
Paisaxe Lingüística, usos lingüísticos, planificación lingüística, multilingüismo, sociolingüísticaResumen
O estudo da Paisaxe Lingüística (PL) aplícase por primeira vez en Santiago de Compostela por medio da cuantificación e análise da presenza de diferentes linguas (nomeadamente galego e español, mais tamén outras) nos textos escritos do espazo público. O estudo da PL resulta especialmente relevante en Galicia ao tratarse dunha comunidade cun bilingüismo historicamente diglósico. Obsérvanse interesantes tendencias nas linguas empregadas dependendo da zona da cidade e autoría do sinal. Cuantifícase un maior uso do galego nos textos de autoría ‘institucional’, onde predomina o galego, aínda que non se usa exclusivamente esta lingua, fronte aos textos privados, nos que existe máis variedade e un notable predominio do español. Constatáronse, ademais, diferenzas significativas entre as zonas “nova” e “vella” da cidade, con máis diversidade na segunda fronte ao predominio moi marcado do español na zona nova. Se a PL é un espazo de loita importante para unha lingua minorizada como o galego, concluímos que neste eido aínda hai moito camiño que percorrer para poder acadar a súa normalización plena. O baixo emprego do galego na PL é indicativo dunha falta de prestixio e o seu uso neste ámbito non reflicte os usos e actitudes lingüísticas mostradas pola cidadanía noutros dominios.