About the Journal
Temática e alcance da revista
A revista está aberta ao tratamento de todos os temas relacionados co estudo, coñecemento e divulgación da lingua galega nos seus diversos aspectos.
Non obstante, serán eixos temáticos prioritarios os seguintes:
- A sociolingüística, tanto entendida como socioloxía da lingua (coñecemento, usos, actitudes, lexislación...), coma entendida como estudo da variación.
- As cuestións referidas á norma
- A gramática histórica e historia da lingua
- O léxico e a terminoloxía.
- A onomástica
- A fonética e fonoloxía
- A gramática
As contribucións deben ser orixinais e inéditas.
A lingua de publicación é o galego, aínda que excepcionalmente poderán aparecer traballos escritos noutras linguas.
Proceso de revisión por pares
Os artigos e notas serán revisados por dous membros do consello de redacción, do comité científico ou por revisores alleos designados polo consello de redacción.
A avaliación dos revisores versará sobre os seguintes aspectos:
- Adecuación aos temas de que se ocupa Cadernos de Lingua
- Relevancia do tema tratado
- Metodoloxía utilizada
- Coherencia entre o desenvolvemento argumentario e as conclusións
- Coñecemento e utilización da bibliografía pertinente
- Organización e presentación da información
- Aspectos formais, particularmente os referidos á redacción, corrección lingüística e presentación da bibliografía
Á vista do anterior, o revisor recomendará a súa publicación, a súa publicación con cambios pouco importantes, a súa publicación con cambios relevantes que esixen unha segunda revisión, ou a non publicación.
A revisión será cega, e polo tanto os revisores non terán coñecemento da autoría do traballo.
En caso de que existan fortes discrepancias na valoración entre os dous revisores, a achega será enviada a outro ou outros revisores para confirmar a calidade do traballo.
Independentemente das suxestións e correccións dos revisores, o consello de redacción poderá efectuar correccións ortográficas, de puntuación ou de estilo sempre que sexan de pouca entidade, e non afecten o contido.
Frecuencia de publicación
A revista ten unha periodicidade anual, pero cada artigo da revista, unha vez que pase o proceso de control de calidade e sexa aprobado para a súa publicación, publicarase de maneira individual, cunha paxinación autónoma, incorporándoo á táboa de contidos do volume, onde aparecerá marcado como "en proceso de edición".
Ao final de ano realizarase a edición colectiva de todos os traballos que integran o número anual da revista.
Política de acceso aberto
Esta revista fornece acceso libre inmediato ao seu contido baixo o principio de achegar de balde a opinión e a investigación ao público, co fin de contribuír á difusión do coñecemento e fomentar a discusión científica.
Que é Cadernos de lingua
Cadernos de lingua é unha revista de investigación lingüística, que sen renunciar a tratar temas de investigación teórica, pretende centrarse fundamentalmente no estudo de problemas prácticos e de interese xeral.
Creouse coa finalidade de informar e orientar os traballadores da lingua e o público en xeral sobre problemas sincrónicos e diacrónicos da lingua galega dunha maneira asequible e facilmente comprensible.
Público ao que se dirixe
Cadernos de Lingua, como revista que se ocupa de temas referidos á lingua galega, pode ser de interese para calquera persoa que estea interesada en acceder a información e coñecemento de problemas referidos a esta lingua, pero oriéntase de maneira especial a:
- Profesorado de lingua galega de todos os niveis, desde o Universitario ao de ensino básico.
- Normalizadores lingüísticos de entidades públicas e privadas: da administración autonómica, da administración local, da administración de xustiza (Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Audiencias provinciais...), de colexios profesionais, de federacións de empresarios...
- Mediadores culturais, que teñan como lingua vehicular o galego
- Investigadores da lingua galega
- Estudantes Universitarios, de maneira especial os de Filoloxía, Tradución e Xornalismo.
Estrutura
A revista consta de 4 seccións:
1.- Artigos
2.- Notas
3.- Informes da RAG
4.- Recensións