Sobre a revista
Cadernos de lingua é unha revista de investigación lingüística, que sen renunciar a tratar temas de investigación teórica, pretende centrarse fundamentalmente no estudo de problemas prácticos e de interese xeral.
Creouse coa finalidade de informar e orientar os traballadores da lingua e o público en xeral sobre problemas sincrónicos e diacrónicos da lingua galega dunha maneira asequible e facilmente comprensible.
Número actual
Nas viaxes galegas de Dorothé Schubarth, traballo de campo para a recolla de música e canto tradicional sobre o que se desenvolveu a redacción dos sete volumes do Cancioneiro popular galego, a investigadora suíza recolleu nas súas gravacións contos narrados polos mesmos informantes, que foron descartados por non ser o obxecto da investigación, mais que, polo seu interese, recadou en novas gravacións que entregou no Arquivo do Galego Oral.
Carme Hermida preséntanos neste número 41 de Cadernos de Lingua, a transcrición de 22 destas narracións recollidas en lugares dos concellos de Pedrafita do Cebreiro, Cuntis, Dumbría ou A Estrada.
Pola súa banda, Inés Veiga e Yolanda Iglesias reflexionan no seu traballo sobre a orixe e a evolución semántica das voces monogamia, bigamia, poligamia, poliandria e polixinia no galego e noutras linguas da contorna coa finalidade de identificar prexuízos, estereotipos e outros nesgos ideolóxicos e presentar novas propostas de definición máis adaptadas aos modelos actuais de relacións afectivo-sexuais. Martín Luna examina, nun outro artigo, o concepto de motivación lingüística e propón un sistema de clasificación fundamentado nas relacións entre os compoñentes do signo lingüístico que distingue entre tipos de motivacións intralingüísticas e extralingüísticas. Esta proposta quere ser un esteo onde se apoien futuras investigacións así como asentar as bases para a súa aplicación na cartografía motivacional.
Pecha o número 41 de Cadernos de Lingua unha laudatio que Francisco Fernández Rei dedicou a Antón Santamarina no marco da homenaxe ao académico nas XX Xornadas de Normalización Lingüística organizadas polas Escolas Católicas-Galicia o 22 de novembro de 2024 en Santiago de Compostela.