Nº 370 (2009)

Ramón Piñeiro

Coma en anos anteriores, a figura de Ramón Piñeiro, homenaxeado no Día das Letras Galegas correspondente ao ano 2009, é tema esencial e dominante no Boletín 370, que estará na rúa a finais do presente ano.

Seguindo unha inveterada tradición, a RAG organizou en Santiago, os días 18, 19 e 20 de novembro de 2009, un Congreso promovido pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, coa colaboración do Consello da Cultura Galega. Para abordar as distintas facetas da personalidade intelectual do homenaxeado presentáronse no Congreso cualificadas intervencións, en parte recollidas neste número da publicación institucional.

Son concretamente os relatorios de Antón Santamarina, Benxamín Casal, José Luís Meilán, Camilo Nogueira e Xosé Manuel da Silva. A estes estudos temos que engadir as alocucións académicas pronunciadas o día 17 de maio por Ramón Villares, Víctor F. Freixanes e Andrés Torres Queiruga. Desta maneira o Boletín pretende dar tratamento a todas as facetas, pensamento, cultura e política, nas que se desenvolveu a traxectoria intelectual de Ramón Piñeiro. En próximas entregas do Boletín recolleremos os restantes traballos presentados no Congreso dedicado a Ramón Piñeiro se antes non temos a oportunidade de consagrarlle un volume monográfico.

No apartado III non se descoida a faceta conmemorativa, tan ligada aos fins da institución, de facer visible a tradición da nosa cultura. Así, neste eido, figuran dúas colaboracións, unha relativa a Emilio Pita no ano do seu centenario e outra a Juan Manuel Pintos cando se van cumprir 200 anos do seu nacemento. Son estes traballos obra de Xosé Anxo García López e de Xosé Xove Ferreiro, respectivamente. Complétase esta sección cos traballos de Ana Isabel Boullón, Mercedes Fernández Couto, Henrique Monteagudo, Silvia Viso e Xulio Prada Rodríguez.

No apartado IV, dedicado á vida oficial da RAG, destacamos as necrolóxicas dos académicos Camilo Gonsar Suárez-Llanos, por Franco Grande, e a de Constatino García, por Manuel González González. Ambos os traballos conxugan perfectamente o discurso que impón o xénero coa emotividade humana e sentimental pola perda do compañeiro.

Temos, finalmente, a satisfacción de saudar a incorporación da vicepresidencia primeira da Excma. Deputación Provincial de Lugo entre os colaboradores deste número do Boletín da RAG.

Número completo

Ver ou descargar o número completo PDF

Táboa de contidos

Estudos sobre a figura homenaxeada no Día das Letras Galegas

Ramón Piñeiro
7 - 17
Benxamín Casal
19 - 26
José Luís Meilán Gil
27 - 32
Camilo Nogueira
33 - 37
Xosé Manuel Dasilva
39 - 53

Alocucións académicas no Día das Letras Galegas

Ramón Villares
57 - 63
Víctor Fernández Freixanes
65 - 70
Andrés Torres Queiruga
71 - 74

Traballos de investigación e estudo

Rosario Álvarez Blanco, Xosé Luís Rodríguez Montederramo
79 - 115
Ana Isabel Boullón Agrelo
117 - 152
Mercedes Fernández-Couto Tella
153 - 163
Xosé Anxo García López
165 - 178
Henrique Monteagudo, Silvia Viso
179 - 229
Xulio Prada Rodríguez
231 - 251
Xosé Xove Ferreiro
253 - 275

Vida oficial

Real Academia Galega
279 - 339