Nº 366 (2005)

Lorenzo Varela

No mes de maio de 1906, adiantándose uns meses á constitución formal da Academia Galega, apareceu o primeiro número do Boletín da Academia Galega, que non incorporará o adxectivo Real ata o número cinco.

Este breve apuntamento quere chamar a atención sobre o feito de que este noso actual número, o 366, relativo a 2005, sairá do prelo cando xa se están a preparar os actos conmemorativos do centenario da Real Academia Galega e, tamén, do seu voceiro que acompañou a institución nesta singradura entre dous séculos. Pensado nun primeiro momento como publicación mensual, o Boletín acusará ao longo da súa vida certas lagoas e irregularidades provocadas por moi diversas causas. Pero sempre acabou superando as dificultades con certa dignidade e foi digno voceiro do espírito aberto, interdisciplinario e científico da institución.

Se nunha primeira etapa estivo dedicado ao estudo das fontes populares da nosa cultura e á transcrición de manuscritos medievais, sen esquecer nunca as figuras senlleiras do Rexurdimento, ás que dedicou brillantes monografías, hoxe os contidos de boa parte do Boletín teñen como referente o personaxe do Día das Letras Galegas.

Nesta ocasión a elección do escritor homenaxeado, Lorenzo Varela, supón unha cita obrigada coa cultura do exilio. A experiencia do exilio como feito político marcará decisivamente a obra poética e xornalística do escritor de Monterroso. Tanto as alocucións do acto institucional celebrado na vila natal do escritor, a cargo de Alonso Montero, Neira Vilas e Xosé L. Axeitos, como os traballos doutros investigadores e críticos –Carmen Blanco, Ferreiro Fente, Xosé A. García López, Xosé R. López García e Daniel Salgado– afondaron na vida e na obra de Lorenzo Varela, exhumando textos, destacando o seu compromiso cívico, reivindicando a modernidade da súa obra, etc.

Como novidade salientable temos que sinalar as páxinas informáticas coas que a Academia glosou a vida e a obra de Lorenzo Varela. Estas páxinas, ademais da incorporación do novo formato, tiveron a honra de ser agasalladas cun manuscrito autógrafo, inédito en gran parte, do escritor de Monterroso. Debemos este traballo, que inclúe a transcrición dos textos manuscritos, a Nélida Cosme Abollo, Lurdes Revaldería e Dolores Sánchez Vales.

Non falta neste número, seguindo o esquema tradicional da publicación, o apartado de Estudos, nesta ocasión reservado á escrita epistolar en galego de don Diego Sarmiento de Acuña, a cargo, transcrición e estudo, de Rosario Álvarez e Xosé Luís Rodríguez Montederramo. Esta sección inclúe tamén un estudo introdutorio de Xosé R. Barreiro Fernández e Xosé Luís Axeitos á edición facsímile da Cartilla Constitucional de J. M. Paz Novoa.

A sección oficial recolle as necrolóxicas de Tovar Bobillo, Meijide Pardo e Manuel María a cargo, respectivamente, de Alonso Montero, Barreiro Fernández e Darío Xohán Cabana.

A crónica da Academia pecha este número 366 do Boletín da Real Academia Galega, correspondente a 2005.

Número completo

Ver ou descargar o número completo PDF

Táboa de contidos

Estudos sobre a figura homenaxeada no Día das Letras Galegas

Lorenzo Varela na Antología de la poesía española fuera de España, inédita e prohibida (1965)
Xesús Alonso Montero
PDF
9 - 15
María Balteira, muller leda sen lei: a loanza oculta no poema de Lorenzo Varela
Carmen Blanco
PDF
17 - 20
"Lonxe", "Dolmen" e "Compañeiros da miña xeneración mortos ou asasiñados": os seus textos autógrafos
Gregorio Ferreiro Fente
PDF
21 - 34
Notas arredor de dúas pezas musicais inspiradas na poesía de Lorenzo Varela
Xosé Anxo García López
PDF
35 - 40
A tradición conquistada: presenzas de Charles Baudelaire na poética de Lorenzo Varela
José Ramón López García
PDF
41 - 48
"Premáticas e desahogos": palabra contra o derrubamento
Daniel Salgado
PDF
49 - 61
Algúns inéditos
Lorenzo Varela
PDF
63 - 205

Alocucións académicas no Día das Letras Galegas

Lonxe, de Lorenzo Varela, un poemario para sentirse próximo
Xosé Luís Axeitos
PDF
209 - 212
Lorenzo Varela, home de América
Xosé Neira Vilas
PDF
213 - 215
Lectura minimamente política dun poema de Lorenzo Varela aparentemente moi político
Xesús Alonso Montero
PDF
217 - 220

Traballos de investigación e estudo

Escrita epistolar en galego: a correspondencia de don Diego Sarmiento de Acuña, I Conde de Gondomar (1567-1626) (II)
Rosario Álvarez Blanco, Xosé Luís Rodríguez Montederramo
PDF
225 - 303
Pedagoxía democrática: a cartilla constitucional de J.M. Paz Novoa (Introdución á edición facsímile da obra)
Xosé Ramón Barreiro Fernández, Xosé Luís Axeitos
PDF
305 - 398

Vida oficial

Vida oficial da RAG
Real Academia Galega
PDF
403 - 427