Envíos

Envíos en liña

Xa tes nome de usuaria/o e contrasinal para Boletín da Real Academia Galega?
Vai a identificación

 

Normas para autores/as

As persoas interesadas en enviar artigos para a súa publicación no Boletín da Real Academia Galega deberán aterse ás seguintes normas:

  1. A lingua de publicación é o galego.
  2. Os traballos deberán conter material non publicado nin presentado para a súa publicación en ningún outro medio de difusión. A secretaría do Boletín comunicará a recepción dos orixinais.
  3. De cada traballo presentarase unha copia ben en papel, ben en soporte dixital. A copia en papel debe ser enviada ao seguinte enderezo:
    Real Academia Galega. Boletín.
    Rúa Tabernas, 11
    Apartado 557.
    15001 A Coruña

    A copia en soporte informático, pola súa banda, remitirase a:
    publicacions@academia.gal
  4. A partir da recepción do traballo, solicitaranse informes de avaliación a expertos externos e/ou membros do comité científico. O seu ditame será decisivo para a súa inclusión no BRAG. O proceso de avaliación desde a recepción do orixinal ata a resposta ao autor ou autora non durará máis de dous meses. No caso de que o traballo precise correccións, á vista dos informes, o autor ou a autora disporá do prazo de un mes para devolver o orixinal corrixido.
  5. Ao publicar no BRAG o autor ou autora cede á Real Academia Galega, con carácter gratuíto e con fins de divulgación, estudo, investigación ou docencia, os dereitos de reprodución, distribución e comunicación pública da obra. Esta cesión será de forma exclusiva e para todo o mundo.
  6. O texto deberá entregarse en versión definitiva. Unha vez recibidos os orixinais non se permitirá facer modificacións nin engadidos que afecten significativamente ao proceso de edición.
  7. O corpo utilizado nos parágrafos normais do texto será 12, con entreliñamento sinxelo e cunha extensión dun mínimo de 20.000 e un máximo de 50.000 carácteres por artigo.
  8. O artigo virá acompañado dun resumo (que non debe exceder as duascentas palabras) e das palabras chave (máximo oito), ambos en galego e en inglés.
  9. As referencias á bibliografía no texto faranse conforme o modelo de citación internacional:
    • Dentro do texto e das notas, as referencias bibliográficas faranse de xeito abreviado, por medio do apelido do autor ou autores, o ano e, de ser o caso, o número da páxina, coma nestes exemplos: (Ferreira 1989: 47), (Ferreira/Amoedo 1999: 17n), (Ferreira 1996b). A referencia completa reservarase para a bibliografía final.
    • Ao final, incluiranse por extenso as referencias bibliográficas das obras citadas ao longo do texto. Exemplos:
      • Barreiro Fernández, Xosé Ramón (2012): Murguía. Vigo: Galaxia.
      • Rodríguez Fer, Claudio (1980): “O fonosimbolismo na poesía de Novoneyra”, Grial 68, 144-160.
      • Cochón, Iris (2003): “Lois Pereiro”, en Arturo Casas (ed.), Antoloxía consultada da poesía galega 1976-2000. Lugo: Editorial TrisTram, 661-682.
      • Suquet Martínez, Mirta (2011): “Da topoloxía do corpo á utopía da escrita: Poesía última de amor e enfermidade (1992-1995) de Lois Pereiro”, Revista de Poesía 1, 22-41 (http://www.poesiagalega.org/revista_de_poesia/revista/f/199).
      • TILG = Santamarina, Antón (dir.): Tesouro informatizado da lingua galega. Santiago de Compostela: Instituto da Lingua Galega. http://www.ti.usc.es/TILG/ [consulta en maio-setembro 2011].
  10. As citas textuais que se fagan dentro do texto principal deberán adoptar dous formatos diferentes: se non superan as cinco liñas, irán dentro do parágrafo, co mesmo tipo de letra, entre comiñas; as citas máis longas poñeranse en parágrafo á parte, sen comiñas, con sangría pola esquerda e letra de corpo 10. En ningún caso se empregarán as cursivas.
  11. As notas do texto principal situaranse ao pé e estarán numeradas de xeito correlativo, en corpo 10. Non se incluirán aquí as referencias bibliográficas por extenso, para evitar a proliferación de notas no rodapé.
  12. Táboas/cadros. Realizaranse utilizando o comando específico de “edición de táboas”. As táboas ou cadros deben cumprir as seguintes normas: 1) irán numerados correlativamente (Táboa 1, Táboa 2 etc.); 2) levarán un encabezamento conciso. Farase referencia ás táboas ou cadros no texto principal. Exemplo: (Vid. táboa 1).
  13. Gráficos. Presentaranse orixinais con calidade para seren dixitalizados. No seu caso, tamén se poden presentar nun arquivo informático (preferentemente Excel). Neste caso recoméndase incluír na mesma páxina o gráfico e mais a táboa de datos. Sempre irán numerados de xeito correlativo (Gráfico 1, Gráfico 2 etc.). (Farase referencia aos gráficos no texto principal. Exemplo: (Vid. gráfico 1)).
  14. Fotografías, ilustracións, mapas, planos. Poderán presentarse orixinais con calidade para seren dixitalizados. Se o autor prefire presentar arquivos informáticos, recoméndase cumprir os seguintes parámetros:
    • Mapas, debuxos, planos, gravados: a dixitalización farase en “modo liña” ou “mapa de bits” (non se recomenda o modo “escala de grises”); a resolución será de 1200 ppp.
    • Fotografías: dixitalizaranse cunha resolución de 300 ppp. Resolucións inferiores a 225 ppp non son recomendables.
    Recoméndanse os seguintes formatos de arquivo: .TIFF, .EPS, .JPG.
    Irán numerados de xeito correlativo (Fig. 1, Fig. 2 etc.) con números arábigos.
    Farase referencia aos gráficos no texto principal. Exemplo: (Vid. Fig.1).
  15. Os materiais complementarios (táboas, gráficos, imaxes, mapas...) deben acompañarse do recoñecemento da fonte e da autoría, e, no seu caso, dos correspondentes permisos de uso e reprodución.
  16. Os autores poden solicitar que se lles envíen as primeiras probas para corrixir. Admitiranse só correccións tipográficas e ortográficas e, sempre a xuízo dos editores, aqueles engadidos ou eliminacións de texto que non afecten á maqueta da publicación.
  17. Os orixinais que non se suxeiten ás anteriores normas serán devoltos aos seus autores para a súa corrección.

 

Listaxe de comprobación de preparación de envíos

Como parte do proceso de envío, pídeselles aos autores que indiquen que o seu envío cumpra con todos os elementos que se indican de seguido, e que acepten que aqueles envíos que non cumpran con estas indicacións poidan ser devoltos ao autor.

  1. A petición non foi publicada previamente, nin se presentou a outra revista (ou se proporcionou unha explicación en Comentarios ao editor).
  2. O texto cumpre cos requisitos bibliográficos e de estilo indicados nas Normas para autoras/es, que se poden atopar en "Sobre a revista".
  3. Se está enviando un traballo a unha sección da revista que se revisa por pares, ten que asegurarse que as instrucións que figuran en Garantir unha revisión cega feita por expoertos foron seguidas.
  4. Se o artigo inclúe calquera tipo de material que requira permiso para a súa reprodución, debe facelo constar (use Comentarios ao editor) e proporcionar ao editor os correspondentes permisos. O editor, en calquera caso, exímese de toda responsabilidade derivada da eventual vulneración de dereitos de propiedade intelectual por parte do autor.
 

Nota de copyright

O Boletín da Real Academia Galega atópase baixo unha licenza internacional Creative Commons BY-NC-ND 4.0. Calquera forma de reprodución, distribución, comunicación pública ou transformación desta obra non incluída na licenza Creative Commons BY-NC-ND 4.0 só pode ser realizada coa autorización expresa dos titulares, salvo excepción prevista pola lei. Pode acceder Vde. ao texto completo da licenza nesta ligazón: https://creativecommons.org/licenses/by-nc-nd/4.0/deed.gl

 

Declaración de privacidade

Os nomes e enderezos de correo electrónicos inseridos nesta revista usaranse só para as fins declaradas por esta revista e non estarán dispoñibles para ningún outro propósito ou outra persoa.