Sobre a revista

Temática e alcance da revista

O Boletín da Real Academia Galega (BRAG) é unha publicación científica de acceso libre e periodicidade anual, editada pola Real Academia Galega.

Creouse no ano 1906 como órgano oficial da institución, e tamén para dar soporte e difusión a traballos de investigación sobre diferentes materias e disciplinas científicas, nomeadamente literatura e lingua galegas, pero tamén historia, arte, arqueoloxía, etnografía e folclore, sempre en relación con Galicia. Despois de 95 anos de historia, con períodos de inactividade, a publicación retómase no ano 2001, cunha periodicidade anual e un novo formato.

A revista presenta varias seccións:

  • Estudos sobre a figura homenaxeada no Día das Letras Galegas, con traballos de investigación relacionados co persoeiro homenaxeado.
  • Alocucións académicas no Día das Letras Galegas, que recolle os discursos dos académicos na sesión plenaria extraordinaria do 17 de maio dese ano.
  • Traballos de investigación e estudo: Con traballos de investigación sobre lingua e cultura galegas.
  • Recesións: onde se reúnen recensións descritivas e/ou críticas de publicacións resultantes de procesos de investigación ou ensaísticas dunha certa actualidade.
  • Vida oficial: noticias que dan conta das actividades e do funcionamento interno da Academia.

Acéptanse traballos escritos en lingua galega.


Proceso de revisión por pares

Os traballos poden ser recibidos na redacción ao longo do ano, e serán revisados en primeira instancia pola Dirección e Secretaría ou polos membros do Comité de Redacción, segundo os casos e as necesidades. Nesta primeira revisión determinarase se o traballo atende aos requirimentos mínimos para a súa publicación. De non ser así, enviarase unha comunicación razoada do rexeitamento nun prazo breve de tempo.

Os traballos que se axusten aos requirimentos mínimos indicados serán remitidos en forma anónima a dúas persoas de recoñecida competencia na materia, quen, no prazo dun mes, deberán emitir un informe sobre a conveniencia da súa publicación. A Dirección, A Secretaría e/ou o Comité de Redacción da Revista seleccionará estes dous avaliadores externos que, pola súa traxectoria investigadora, xulgue pertinentes.

Poderanse considerar nomes suxeridos por quen envía o texto, sempre que non participasen na elaboración do traballo nin manteñan relacións que poidan facer depender o resultado da avaliación de criterios que non sexan estritamente científicos. En calquera caso, o nome dos avaliadores non será dado a coñecer (sistema de dobre anonimato).

Para que os traballos se publiquen os dous informes deben ser positivos. Se só unha das avaliacións recomenda a publicación do traballo, este remitirase a un terceiro avaliador anónimo cuxo ditame será definitivo.

Os traballos encargados pola Dirección da Revista non serán sometidos á revisión por pares.

A Secretaría comunicará nun prazo máximo de tres meses despois da recepción do traballo e mediante correo electrónico a aceptación (definitiva ou condicionada) ou o rexeitamento das colaboracións. A comunicación irá acompañada dos informes anónimos dos avaliadores. Eventualmente, poderá enviarse un único informe elaborado polo Comité de Redacción a partir dos formularios entregados polos avaliadores.

Se o traballo é provisionalmente aceptado, o Comité de Redacción da revista poderá incluír na comunicación unha listaxe coas súas propias recomendacións. Entre estas incluiranse, se é preciso, indicacións relativas ao estilo, redacción, corrección gramatical e presentación da información, así como a listaxe de incumprimentos das normas de publicación. O novo traballo, cos cambios introducidos, deberá ser enviado á Revista destacando os cambios realizados. A nova versión do traballo, xunto co documento indicado, será enviado de novo aos revisores, os cales, nun prazo de quince días, emitirán un informe sobre a conveniencia ou non da publicación.

O Comité de Redacción, nun prazo de quince días a partir da comunicación dos revisores, acordará e notificará a aceptación ou o rexeitamento definitivo do traballo.


Frecuencia de publicación

O Boletín da Real Academia Galega (BRAG) publícase anualmente. Os artigos vanse publicando a medida que están preparados para publicación, engadíndoos á táboa de contidos do volume en curso.


Política de acceso aberto

O Boletín da Real Academia Galega (BRAG) facilita o acceso sen restricións a todo o seu contido.

A publicación non ten ningún custo para os autores.


Indexada en

dialnet


Exención de responsabilidade

O BRAG non se fai responsable do contido de ningún artigo e o feito de patrocinar a súa difusión non implica, necesariamente, conformidade coas teses expostas. O editor, en calquera caso, exímese de toda responsabilidade derivada da eventual vulneración de dereitos de propiedade intelectual por parte do autor.


Directrices éticas

A Real Academia Galega comprométese a garantir a ética dos artigos publicados no seu Boletín, tomando como referencia o “Código de conduta e boas prácticas para editores de revistas científicas” que define o Comité de Ética de Publicacións (COPE). É imprescindible que todas as partes implicadas no proceso de edición —equipo editorial, autores/as e avaliadores/as— coñezan e acaten os principios deste código.

Equipo editorial:

  • Responsabilízase da decisión de publicar ou non no Boletín os artigos recibidos, que se examinan sen ter en conta a raza, o sexo, a orientación sexual, a crenza relixiosa ou a orientación política dos autores e das autoras.
  • Garante a confidencialidade dos traballos, non revelando a súa autoría a outros actores que non sexan os membros autorizados da editorial ou o consello de redacción da publicación.
  • Publica directrices actualizadas sobre as responsabilidades dos autores e das autoras e as características dos traballos enviados ao Boletín, así como sobre o sistema de arbitraxe empregado para seleccionar os artigos e os criterios de avaliación aplicados nas avaliacións externas.
  • Comprométese a publicar as correccións, aclaracións e desculpas necesarias no caso de consideralo oportuno, e a non empregar os artigos recibidos para traballos de investigación propios sen o consentimento dos seus autores e autoras.
  • Garante a confidencialidade do proceso de avaliación, do contido avaliado, do informe emitido na avaliación e de calquera outra comunicación que fagan os comités editorial e científico. Garante o anonimato de avaliadores/as e dos autores e autoras. Mantén tamén a confidencialidade ante posibles aclaracións, reclamacións ou queixas enviadas polos autores/as aos comités do Boletín ou aos avaliadores/as do artigo.
  • Declina a publicación dun traballo por non cumprir os requisitos formais esixidos ou por tratar unha temática allea ao seu ámbito. Comunica dentro dos prazos establecidos, unha vez vistos os informes de avaliación e oído o consello de redacción, a aceptación ou o rexeitamento dos traballos presentados.
  • Declara o seu compromiso polo respecto e a integridade dos traballos xa publicados.
  • É especialmente estrito fronte ao plaxio: os textos que se identifiquen como plaxios eliminaranse da revista ou non se publicarán.

Autores e autoras:

  • Fanse responsables do contido dos traballos enviados para a súa publicación.
  • Envían traballos que presenten unha investigación orixinal sobre un tema claramente identificable e non previamente publicado. Non envían traballos que inclúan unha parte substancial doutros xa publicados.
  • Garanten que o artigo e os materiais asociados son orixinais e non infrinxen os dereitos de autor de terceiros. En caso de coautoría, xustifican o consentimento de todos os autores/as implicados/as.
  • Informan á dirección do Boletín de posibles erros nos seus artigos, coa finalidade de facer as correccións oportunas.
  • Fan constar o posible conflito de intereses entre as conclusións do seu traballo e as fontes de financiamento deste.

Avaliadores e avaliadoras:

  • Rexeitan a encarga de valorar un traballo se recoñecen non estar cualificados na área temática obxecto de estudo.
  • Rexeitan avaliar artigos cando exista algún conflito de intereses resultante dunha eventual relación, pasada ou presente, cos autores/as do traballo ou coas institucións das cales estes dependan.
  • Tratan os manuscritos recibidos como documentos confidenciais e non utilizan o seu contido en traballos propios.
  • Comprométense a facer unha revisión informada, crítica, construtiva e imparcial do artigo. O informe de avaliación ten que ser obxectivo e expresarse de maneira razoada e clara. Os comentarios deben perseguir a mellora do traballo.
  • Respectan os prazos establecidos. No caso de non ser posible, deben comunicalo con antelación á dirección do Boletín.
  • Non comparten, difunden nin utilizan a información dos artigos sometidos a revisión sen o consentimento da dirección do Boletín e dos autores/as.
  • Aceptan ou rexeitan un artigo fundamentándose na súa relevancia, na súa orixinalidade e interese e no cumprimento das normas de publicación e de contido indicadas nos criterios editoriais.

Detección de plaxio

O Boletín da Real Academia Galega esixe que os traballos presentados sexan orixinais e respecten a propiedade intelectual de terceiros.

No caso de dúbida ou sospeita de plaxio, a dirección do Boletín da Real Academia Galega reserva o dereito de aplicar aos textos recibidos o programa “SimilarityCheck” para a detección do grao exacto de similitude e coincidencia.


Protocolos de interoperabilidade

O BRAG proporciona unha interface OAI-PMH (Open Arquives Initiative Protocol for Metadata Harvesting) que permite que outros portais e servizos de información poidan acceder aos metadatos dos contidos publicados.

Especificacións:

  • OAI-PMH Protocol Version 2.0
  • Dublin Core Metadata 1.1

Ruta para os colleitadores: https://publicacionsperiodicas.academia.gal/index.php/BRAG/oai


Políticas de preservación dixital

O BRAG desenvolve diversos procesos destinados a garantir a accesibilidade permanente dos obxectos dixitais que alberga nos seus propios servidores:

  • Copias de seguridade.
  • Seguimento da contorna tecnolóxica para prever posibles migracións de formatos ou software obsoletos.
  • Metadatos de preservación dixital.
  • Utilización de DOI.

Os arquivos publicados nesta páxina web están dispoñibles en formatos facilmente reproducibles.