Boletín da Real Academia Galega

Núm. 385, pp. 293-317

© 2024. Real Academia Galega

https://doi.org/10.32766/brag.385.890

ÁNGEL CERRATO ÁLVAREZ: O COMPROMISO E A GALEGUIDADE DUN ETNÓGRAFO SENLLEIRO

ÁNGEL CERRATO ÁLVAREZ: THE COMMITMENT AND GALICIANNESS OF A UNIQUE ETHNOGRAPHER

Alexandre Rodríguez Guerra
Universidade de Vigo

ORCiD: 0000-0002-2022-8243

Resumo: Nesta contribución estúdase a traxectoria e a obra dun etnógrafo e historiador, Ángel Cerrato Álvarez, de nacenza vallisoletana e de galeguidade entregada e comprometida. Alén do seu perfil biobibliográfico, investíganse as súas obras principais, sobre todo as monografías centradas na realidade limiá, e fornécense as chaves que permiten interpretar o seu compromiso vital e profesional, cun activismo sen complexos e cunha metodoloxía, rigorosamente científica, que callou nun excelso traballo de campo. En todas as súas publicacións fala directamente o pobo e esta sabedoría popular transmítese con paixón, precisión e amor a partes iguais. Tanto por calidade coma por fondura e diversidade, a investigación etnográfica de Cerrato Álvarez constitúe por méritos propios unha obra de consulta obrigatoria.

Abstract: This contribution studies the career and work of an ethnographer and historian, Ángel Cerrato Álvarez, who was born in Valladolid but was fully committed to Galicia. In addition to a bio-bibliographic profile, his main works are examined (especially the monographs focusing on the district of A Limia), in order to provide a basis on which to interpret his life and professional commitment, uncomplicated activism, and rigorously scientific methodology, which produced excellent fieldwork. Throughout his publications, it is the people who speaks directly to the public and this popular wisdom is conveyed, in equal parts, with passion, precision and love. Cerrato Álvarez’s ethnographic research constitutes a must-read work on its own merits, in terms of its quality, depth, and diversity.

Palabras chave: Ángel Cerrato Álvarez, A Limia, etnografía galega, cultura galega, lingua galega, historia de Galicia.

Key words: Ángel Cerrato Álvarez, A Limia, Galician ethnography, Galician culture, Galician language, history of Galicia.

1. LIMIAR E BIOBIBLIOGRAFÍA SUMARIA

Hai case trinta anos que coñecín a Ángel Cerrato Álvarez. Contra mediados da última década do s. XX dei un curso de lingua galega no Centro Galego de Salamanca. Había moita xente matriculada e moi interesada nel, tamén Cerrato Álvarez, que asistiu a todas as aulas de tarde, desprazándose diariamente dende Valladolid. Interviña habitualmente, sempre con moito criterio, sempre atento, e cada vez que se trataba un tema relacionado coa cultura, historia, costumes etc. a súa era unha opinión moi autorizada. Nesa altura puiden comprobar de primeira man o seu fondo amor polo galego e por todo o galego: non poden ser máis sinceras as súas palabras “comprácenos facelo, pois, en lingua galega” (Cerrato e Cerrato 2010c, p. 6), explicitadas nesa cita, pero implícitas e consubstanciais á produción de Cerrato Álvarez.

Ángel Cerrato Álvarez naceu o 19 de febreiro de 1941 en Valladolid no seo dunha familia humilde de labradores. O seu pai foi Zósimo Cerrato Pérez e a súa nai Modesta Álvarez Merino, e foi o quinto de once irmáns. Eran os duros anos da posguerra tras o golpe de Estado fascista, e seis deles morreron por desnutrición e falta de atención médica. Cerrato Álvarez dende os cinco anos “tivo que participar nas duras tarefas do campo” e “pasou fame negra e estreiteces de todo tipo” (Cerrato Covaleda 2024).

No ano 1946 a familia trasladouse a Revilla Vallejera (Burgos), de onde era natural M. Álvarez Merino. En palabras do noso historiador, “la vida en el pueblo me marcó profundamente y pude recuperarla durante mi investigación de campo de Galicia” (Cerrato Álvarez 2023).

Naquela altura, a Compañía de María realizaba exames nas escolas rurais e propoñíalles ás familias dos escolares que obtiñan as mellores cualificacións que fosen estudar ós seus centros en réxime de internado. Así lle acaeceu a Cerrato Álvarez que, concluída a primaria, foi estudar secundaria con trece anos ó colexio Nuestra Señora del Pilar (Valladolid). Acabada a secundaria nos marianistas con dezasete anos, foi enviado a Madrid para formarse como relixioso, camiño da vocación que deixará para matricularse con 21 anos en Historia na Universidad Complutense de Madrid e realizar os dous primeiros cursos. Mais, “por amosar diferencias de principios coa Compañía, estes a modo de castigo deixan de pagarlle os estudos e fanlle traballar sen salario, en réxime de mantemento, en diferentes centros seus” (Cerrato Covaleda 2024). En 1969 poderá retomar a carreira de Historia e licenciarase en 1972. Casou no ano 1975 e tivo tres fillos.

Como estudante na licenciatura de Historia participou nas escavacións da Universidad Complutense en Numancia (Soria, 1970) e Cásculo (Xaén, 1972), e dispuxo dunha estadía de estudos durante xullo e agosto do ano 1972 en Roma, Xénova, Florencia, Milán e Nápoles. Neste período de formación universitaria, Cerrato Álvarez (2023) recoñece que, como alumno, tivo o pracer de “gozar de la amistad personal de tres grandes catedráticos, a los que considero mentores y a los que profeso admiración”. Trátase de José María Blázquez (formado na Universidad de Salamanca e profesor de historia antiga de España), Francisco Presedo Velo (betanceiro formado na Universidade de Santiago de Compostela, bizantinista, orientalista e exiptólogo) e Luis Cencillo (profesor de antropoloxía xeral).

O seu percorrido profesional, en colexios marianistas, comezou en 1963 como mestre de primaria no Colegio de Nuestra Señora del Pilar (Madrid), onde estivo ata 1965. Foi profesor de historia no Colegio de Nuestra Señora del Pilar en Jerez de la Frontera entre 1965 e 1967, e no Colegio San Felipe Neri de Cádiz entre 1967 e 1969.

De 1972 a 1979 Cerrato Álvarez foi docente de historia no Instituto Centro Cultural de Valladolid. No ano 1979 aprobou a oposición de historia no Ensino Público de Secundaria, o que repercutiu transcendentalmente na súa carreira profesional, pois foi na escola publica onde “pude, por fin, ejercer libremente derechos fundamentales declarados en la Constitución como el de la Libertad de Cátedra, la Libertad de Expresión/Pensamiento, de manifestación y de sindicalización y hacerlo orgulloso al servicio de la Enseñanza Pública” (Cerrato Álvarez 2023). Desenvolverá a súa carreira profesional docente como profesor de historia nos institutos de Fabeiro (O Bierzo, 1979-1980), Peñafiel (Valladolid, 1980-1981) e Ferrari (Valladolid, 1981-1982).

Pero vai ser o ano 1982 o que marque para sempre a súa vida e carreira profesional: nese ano a familia trasládase a Xinzo de Limia e, no período comprendido entre 1982 e 1992, Cerrato Álvarez será profesor de historia no instituto desta localidade.

Entre os anos 1992 e 1999 será profesor de historia no Instituto de Portillo (Valladolid) e, sen cargas familiares, en 1999 Cerrato Álvarez trasládase de novo a Xinzo de Limia. Ata que se xubilou no ano 2001, foi profesor de historia no Instituto de Maceda (Ourense).

2. O ACTIVISMO POR BANDEIRA

Cerrato Álvarez nunca se acomodou e, como el mesmo recoñece, “he intentado tomar siempre parte activa en mis entornos profesionales” (2023). Nesa contorna profesional despuntan algunhas persoas que marcaron a súa traxectoria intelectual:

2.1. ACTIVISMO NA SÚA CONTORNA PROFESIONAL E SOCIAL

O primeiro exemplo que sintetizamos aconteceu a mediados dos anos sesenta do s. XX. Dando clases en Jerez de la Frontera, Cerrato Álvarez solidarizarase coas traballadoras do servizo de limpeza do seu centro e transmitiralle á dirección as queixas daquelas. Cerrato Álvarez será trasladado a un colexio de Cádiz.

O segundo ocorreu durante o curso 1976-1977 no colexio marista Centro Cultural de Valladolid. Nunha época en que, na sociedade en xeral e no eido educativo en particular, existía a necesidade de alcanzar unha maior liberdade e unha mellora nas condicións sociais e laborais, un grupo de compañeiros e Cerrato Álvarez crearon o primeiro sindicato da educación privada2 en Valladolid e organizaron a primeira folga neste ámbito na cidade despois da ditadura. Mais o contexto histórico nesa altura, como lembra Cerrato Álvarez (2023), non era o máis adecuado porque “aún no se había firmado la Constitución y Franco nunca firmó la Carta de los Derechos Humanos”.

Canda o profesorado do Colegio de San Agustín (dos agostiños), pasaron todo o urso realizando “asambleas secretas al anochecer de los miércoles o jueves en diferentes iglesias de la ciudad, que rotábamos cada semana para evitar la suspicacia de la policía y para evitar que se enteraran las direcciones de nuestros centros” (Cerrato Álvarez 2023). Como consecuencia de todo isto, crearon o Sindicato de Enseñantes, redactaron os estatutos e, finalmente, organizaron a primeira folga:

Cuando ya tuvimos todo planeado, enviamos un comunicado a nuestras respectivas direcciones pidiendo una reunión informativa sobre la huelga, y avisamos a los alumnos y a través de ellos a sus familias. Habíamos planeado que durase dos días, pero en un ambiente de riesgo y oposición solo conseguimos que durase uno. Si bien como logro tangible solo conseguimos el inicio de un movimiento de apertura en el trato de los profesores religiosos hacia los seglares, en realidad el mayor éxito fue el psicológico: unos simples trabajadores habían escapado al radar y habían organizado la primera huelga. (Cerrato Álvarez 2023)

Outro exemplo transcorrerá durante o curso 1979-1980, no instituto do berciano Fabeiro, nun momento especialmente conflitivo na minaría berciana, polas mortes de mineiros e fortes folgas. Durante unha desas folgas “se llegó a secuestrar a varios jefes durante días en el fondo de unos pozos. En Ponferrada se llevaron a cabo los juicios a los mineros involucrados, con fuerte presencia policial para renar el masivo apoyo familiar y social que recibían” e Cerrato Álvarez (2023) nas súas aulas apoiou “públicamente a los hijos de los mineros en huelga y a los mineros juzgados”.

Xa no Instituto de Xinzo de Limia, no 1991-1992, por mor da primeira guerra do Golfo Pérsico, Cerrato Álvarez (2023) apoiou nas súas clases “y en los claustros a los alumnos en huelga en contra de la invasión” e tamén se sumou ás manifestacións dos estudantes.

Algúns anos despois, nos anos 1999 e 2000 nos institutos de Portillo (Valladolid) e Maceda (Ourense), opúxose ás visitas dos militares ós centros educativos coa finalidade de recrutar voluntarios3, na súa voz: “En mis clases hice siempre hincapié en la historia de España en su militarismo colonial, y me opuse en los claustros a estas visitas de los militares” (Cerrato Álvarez 2023). No primeiro dos centros mencionados Cerrato Álvarez recoñece (2023): “Conté con el apoyo de dos compañeros, y basándonos en la LOGSE, donde se mencionaba la educación para la paz, generamos la suficiente sensibilización en contra como para conseguir evitar que ese curso vinieran”, mentres que no segundo “me encontré en solitario, pero conté con el apoyo de los alumnos de mi COU que el día en que iban a venir, les apoyé cuando decidieron ir por las clases llamando a los demás alumnos a boicotear la visita”4.

Cerrato Covaleda (2024) resume perfectamente esta actitude activa e valente de Cerrato Álvarez, que o levou a defender as causas xustas sen lle importar as repercusións profesionais ou persoais: “Durante a súa carreira profesional, sempre se rebelou contra as inxustizas, as estruturas do poder e as conformidades cos statu quo”.

2.2. ACTIVISMO PROMOTOR CULTURAL E ETNOGRÁFICO

Cerrato Álvarez foi en 1989 un dos membros fundadores da asociación cultural O Bión. No seo desta asociación levouse a cabo no ano 1990 unha investigación antropolóxica de campo en equipo, que mereceu unha axuda oficial da Consellería de Cultura de 1.538.000 pts. De 1990, sempre dende O Bión, data tamén a creación e apertura do primeiro “(y único)” (Cerrato Álvarez 2023) Museo Etnográfico da Limia en Vilar de Santos, Ourense, que será xestionado polo Bión ata 1994. En xullo do ano 1992 inaugurouse oficialmente o Museo Etnográfico da Limia, que foi merecedor do Premio Nacional do Ministerio de Educación ó mellor proxecto de museo etnográfico (cunha dotación de 500 000 pts.). En Cerrato Covaleda e Murias Román (2023) indágase polo miúdo a historia dende as súas orixes, desenvolvemento e evolución posterior deste Museo Etnográfico da Limia. Do ano 1990 ó 1992 Cerrato Álvarez será o seu director e, tamén nese período, dirixirá a revista do centro, A Voz do Museo. Por último, entre 1999 e 2001 realizará diversas actividades de investigación de campo na Limia Alta co alumnado do Instituto de Maceda.

2.3. ACTIVISMO INVESTIGADOR E DIVULGADOR

Cerrato Álvarez participou como poñente en numerosos congresos, simposios e xornadas, entre os que podemos escolmar:

Alén dos anteriores, no ano 1997, a Consejería de Educación y Cultura de Castilla y León concedeulle unha bolsa para realizar o proxecto de investigación antropolóxica Inventario del patrimonio etnográfico de Castrillo de Murcia, Burgos5.

Como se pode verificar, durante as dúas primeiras décadas do s. XXI, Cerrato Álvarez, xa xubilado, non deixou de continuar coa súa investigación persoal de campo na bisbarra galega da Limia e do Norte de Portugal.

3. O MÉTODO

A rigorosidade, competencia, meticulosidade e capacidade de traballo sempre acompañaron o labor de Cerrato Álvarez. Cando se incorporou ó grupo de entusiastas limiaos/ás (que acabará callando na asociación cultural O Bión), Cerrato Álvarez “además de aumentar la autoconfianza, introduce sistematización y rigor y aumenta el nivel de exigencia. Como resultado, la actividad se formaliza y se reformula” (Cerrato e Murias 2023, p. 108).

Cerrato Álvarez (2019, p. 8) desenvolveu sempre un labor de “investigación de campo, de arquivo e bibliográfica”, mais “tendo a primeira, a investigación de campo, como a referencia número un, xa que logo, os arquivos vivintes”. En efecto, Cerrato Álvarez combina o traballo de campo co manexo das fontes bibliográficas pertinentes, e a súa rigorosidade e celo profesional fan que, por exemplo, chegue a expoñer que a súa bibliografía non se limita a ser un amoreamento de títulos, senón que todos eles foron consultados e aproveitados (Cerrato Álvarez 2013b, p. 135).

Verbo do traballo de campo podemos afirmar que Cerrato Álvarez era un mestre. Sabía localizar e acceder ós mellores informantes, fixesen falta as viaxes e desprazamentos que cumprisen. Conseguía conectar con eles/as dende o primeiro momento, amosaba interese, preguntaba, escoitaba, dialogaba e sacaba sempre a máxima información posible: “hay que acercarse con humildad y mentalidad abierta, respetuosa y entregada y empezar a reconstruir su mundo desde ellos mismos” (Cerrato Álvarez 2003a, p. 89).

A maiores, Cerrato Covaleda (2024) destaca un aspecto fundamental da investigación de campo aplicada sempre polo noso etnógrafo: a “participación das xeracións mais novas para que a práctica se autotransmita”.

O rigor do método científico de Cerrato Álvarez leva aparellado, sempre, a obtención de evidencias de todo tipo: gráficas, fotográficas, gravacións sobre todo de son pero tamén de vídeo6 ou documentais. Estamos a falar de ducias e ducias de informantes e de centos de horas de entrevistas. Expóñeno Cerrato Covaleda e Murias Román cando escriben que “parte de este proceso inductivo-deductivo giró en torno al análisis de centenas de horas escuchando una y otra vez las grabaciones orales que realizaron a los donantes” (2023, p. 116). Tamén o explica o propio Cerrato Álvarez (2023): “llegué a recopilar y usar para mis publicaciones 250 horas de grabaciones orales de decenas de informantes”.

Sempre coa honestidade científica por bandeira, identificou os seus informantes para deixar constancia da súa contribución e da súa existencia e que non quedasen no anonimato, e para demostrar que detrás de cada palabra, de cada termo, de cada descrición, de cada reflexión, atópase unha persoa con nome, apelidos ou alcume.

É moi certeira e adecuada para concluír esta epígrafe a reflexión de que para Cerrato Álvarez “a investigación de expresións e métodos da sociedade preindustrial [...] ten como único sentido a súa recuperación e reutilización, nunca facer un suspiro nostálxico para agradar á academia e as súas torres de marfil” (Cerrato Covaleda 2024).

4. A ETNOGRAFÍA

Por mor da extensión da obra de Cerrato Álvarez, centrámonos nesta epígrafe unicamente nos seus libros. Esta (s)elección non vén motivada por aspectos de calidade ou preferencia, simplemente porque era preciso acoutar e porque o concepto das propias monografías permite advertir en toda a súa amplitude e complexidade o excelente labor etnográfico deste historiador.

4.1. REVILLA VALLEJERA

Ó longo de tres lustros, Cerrato Álvarez publicou catro libros que xiran ó redor da burgalesa Revilla Vallejera e, con eles, quere tributar unha homenaxe ós seus 500 habitantes “que se asombran de que el pueblo, ellos, den para 4 libros” (Cerrato Álvarez 2023):

4.2. A ETNOGRAFÍA GALEGA

Como xa se apuntou en § 2.2, Cerrato Álvarez promoveu e foi o primeiro director do Museo Etnográfico da Limia en Vilar de Santos. Para unha análise pormenorizada do seu traballo na asociación cultural O Bión e de toda a (intra)historia relacionada coa orixe do devandito museo, véxase Cerrato Covaleda e Murias Román (2023, p. 111 e ss). Así mesmo, tamén se explica a elaboración dun proxecto de recuperación etnográfica, arquitectónica e ambiental da aldea de Congostro, entre outras iniciativas.

4.2.1. A cantaría

A primeira das monografías sobre etnografía galega examina a cantaría (Cerrato Álvarez 2004c). Esta obra está constituída por dúas grandes temáticas: por unha banda, a parte I dedícase á cantaría e ó longo de 96 páxinas desenvólvense polo miúdo todos os aspectos concretos relacionados coa vida dos canteiros e coa profesión da cantaría (explícanse minuciosamente os andares —levante, norte e contra— e o rachado da pedra, como se prepara a pedra extraída —proceso do traballo, caras e medidas da pedra labrada e nomes das pedras segundo a súa función—, como se transporta, como se asenta e as ferramentas empregadas polos canteiros), ó que se engaden os principais valores transmitidos pola arquitectura popular (tradición, integración no medio, funcionalidade ou sobriedade son algúns destes valores). Por outra banda, a sección II céntrase nos homes e fornécese unha pequena recensión individual (de natureza principalmente biográfica e profesional, con datos esenciais para localizar —no espazo e no tempo— e identificar todos os informantes) de cada un dos dezaoito canteiros que colaboraron co noso etnógrafo.

A rigorosidade metodolóxica é unha obsesión constante na obra de Cerrato Álvarez: a investigación realízase do xeito máis obxectivo posible, e deixando sempre constancia de todos os aspectos pertinentes, incluída a propia entrevista. Deste xeito, Cerrato Álvarez certifica todas as fontes en que se basea o seu estudo e, como notario, dá fe do que lle explican, levanta acta dos comentarios, realiza fotografías e debuxos propios ou emprega outros xa elaborados (sempre cun rigor total e especificando a autoría de todas e cada unha destas figuras, imaxes ou esquemas).

4.2.2. Antigos traballos comunitarios

Cunha estrutura en nove capítulos, en Cerrato Álvarez (2007c) repásanse outros tantos grandes tipos de traballos comunitarios tradicionais galegos. O primeiro dedícase ó monte comunal (con seccións específicas de todo aquilo que se obtiña del: pastos, leña, toxo, cavadas para o pan, carbón e caza e pesca); o segundo fala das augas levadas (estúdanse dende os tipos de terra e cultivos da rega ata os criterios fundamentais para as partillas); en terceiro lugar atópase o liño (alén dunha aproximación histórica, fálase do cultivo, colleita, tratamento e tamén do tecido); o cuarto xira ó redor do carreto e asentado da pedra; en quinto lugar estúdase a montaría e, nela, o comportamento do lobo7 é o protagonista así como a súa interacción co home; a continuación aproxímase ós concellos, coas asembleas e traballos, así como tamén os conflitos e as súas solucións; o antepenúltimo enfoca todo o relacionado coa sega e a malla (como se efectuaban, preparación do cultivo, labores despois da sega e a chegada dos novos tempos coa introdución das máquinas); os dous últimos capítulos céntranse nos traballos da vixía e mais nos labores das fornadas, respectivamente.

Pecha o libro un epílogo, en que o autor aproveita para salientar todos os valores destes traballos comunitarios, que cualifica como “vellos”, e dos que extrae unha serie de conclusións entre as que destacamos “os valores do mundo labrego nacen e morren no mundo labrego”, “o mundo comunitario dos labregos ten uns fortes valores prácticos”, “o recoñecemento dunha autoridade que é aceptada polo seu valor de traballo e de servizo” ou “a colaboración práctica duns cos outros levou ás fondas convivencias dos traballos comunitarios, e trouxo a conciencia de vida colectiva e o sometemento dos intereses particulares ás necesidades comúns” e tamén a “solidariedade”8 (Cerrato Álvarez 2007c, p. 155). Situándose nunha perspectiva máis actual, reflexiónase sobre a perda e desaparición de todos eses valores e traballos, que resume “é un grave erro antropolóxico, etnográfico, cultural e histórico a destrución do legado dos pobos en calquera das súas manifestacións” e recoñécese que “nunca Galicia sufriu unha tan radical transformación que varreu o pasado coma a dos tempos actuais” (Cerrato Álvarez 2007c, p. 157).

Cada capítulo pecha coa indicación das fontes e dos/as informantes, coa procedencia dos debuxos e coas referencias bibliográficas empregadas. Todo o libro está ilustrado con fotografías, mapas e debuxos, que volven moito máis comprensible o exposto. O devezo de rigor fai que Cerrato Álvarez lles dea a palabra ós seus entrevistados, con voz directa en todo o libro, reproducindo as súas explicacións, comentarios ou reflexións.

4.2.3. Cruceiros, cruces e petos de ánimas

Esta monografía, despois dunha introdución xeral de catorce páxinas (Cerrato Álvarez 2009c), aproxímase ós cruceiros, cruces, viacrucis e calvarios da Limia ourensá dende a perspectiva tipolóxica e tamén das datas inscritas; o terceiro capítulo localiza sobre o terreo todas estas construcións, e no cuarto estúdanse as súas estruturas (medidas, formas e características en función da cronoloxía); outros tres capítulos máis breves tratan por unha banda dos temas, por outra, da relixiosidade popular e, finalmente, doutras funcionalidades dos cruceiros limegos; o penúltimo capítulo oriéntase cara ás escolas de canteiros durante catro séculos (do s. XVII ó s. XX) e, por último, o capítulo final focalízase nos petos e na súa nomenclatura, tipos, datas, estruturas e técnicas, temas, situación etc.

Na fin da obra, antes da bibliografía consultada e mais da identificación dos/as informantes, o autor recompila en táboas a distribución nos 23 concellos das Limias, Alta e Baixa, dos 178 cruceiros, 72 petos, 39 cruces, 15 calvarios e 43 viacrucis estudados.

4.2.4. A sega dos galegos en Castela

En Cerrato Álvarez (2013b) disecciónase o traballo dos segadores limiaos en Castela. Alén dunhas moi interesantes reflexións sobre as orixes históricas do fenómeno, cunha aproximación á vida dos labregos galegos e ás causas da súa ida á sega (entre as que se estudan atópanse a posesión da terra, os foros, os impostos —civís e clericais—, as guerras e as levas militares, o caciquismo, os prestamistas e usureiros, os pazos e a vida neles, os gobernantes e as loitas campesiñas), as páxinas do libro aprovéitanse para, a partir das vivencias en primeira persoa dos entrevistados, afondar e concretar neste fenómeno histórico.

Pescúdanse a fondo as poboacións limegas dende as que se desprazaron e tamén as de destino que os acolleron, os séculos en que se produciron estes desprazamentos, o tempo en que se ía á sega, como se desenvolvían os tratos e acordos para ir á sega, como se facían os desprazamentos (son especialmente valiosas as demoradas e apaixonantes descricións dos camiños que se facían a pé9, mais tamén en camións ou no tren), o calzado, a roupa e a ferramenta empregadas, como se conformaban as cuadrillas de segadores, explícase como é o proceso da sega (do miúdo, do cereal, orde e colocación das fouces, a técnica da sega, o afiado das fouces, os maiorais, ateiros e servidores, as comidas e o descanso durante a seitura). Tamén se fala dos condicionantes, dos patróns así como da visión dos segadores da terra e da vida castelá, e documéntase o camiño de volta da sega, a paga e o seu destino. Todo o discurso, perfectamente enfiado por Cerrato Álvarez e sempre certificado a través da voz directa dos seus protagonistas, inclúe un sistema de múltiples citacións, o que aumenta a presenza emocional en cada liña.

Entre as páxinas 43 e 46 ofrécese un pequeno vocabulario coa constatación de cales foron, textualmente, algunhas das palabras que empregaron os segadores. Alén de castelanismos como avena, blanco ou cena, dalgún dialectalismo como il, iles, son especialmente interesantes, entre outras, formas como amorcar ‘facer unha meda cadrada’, beldar ‘aventar, separar na aira a palla do grao’, branquiñar ‘quedar ben feito o fío da fouce’, lías ‘cordas finas para atar os mañuzos da pabea’ ou parba ‘montón de palla trillada recollido na aira’.

Cerrato Álvarez e os testemuños que recolle contribúen a criticar e desmitificar os tópicos relacionados coa sega en Castela: visión vitimista, traslado de culpabilidades que “evita investigar dentro”. O autor abstráese deses tópicos e deixa que falen, libremente, os protagonistas sobre a terra e as xentes castelás que “deron unha visión máis axustada cá dos moitos persoeiros de salón do pobo galego” (Cerrato Álvarez 2013b, p. 10). Deste libro, Cerrato Covaleda (2024) resumirá que derruba “as fabulacións idealistas” da visión oficial e que

desbarata os mitos [...] de que o galego emigra por desexo, tradición, aventura... e fustriga a falacia de que os galegos son por natureza vítimas e os casteláns maltratadores [...] que tanto gusta ao statu quo político, académico e literario galego, sexa da ideoloxía que sexa.

Na fin da monografía ofrécese unha breve biografía dos 26 informantes, todos homes, que se entrevistaron. Seguen dous mapas moi clarificadores dos percorridos dos segadores da Limia por Castela e pecha a obra unha extensa bibliografía.

4.2.5. Percepción negativa e positiva da realidade histórica galega

É moi interesante a explicitación dos aspectos máis negativos da historia galega que Cerrato Álvarez foi observando nos moitos anos de contacto coa realidade do país. A historia negativa desta realidade, tal e como a percibiu, dá inicio con “la sumisión al caciquismo y la sumisión al poder clerical y a la explotación por parte de los curas del rural” (Cerrato Álvarez 2023) e prosegue cos sete puntos seguintes:

Verbo da historia positiva percibida da realidade galega, Cerrato Álvarez resúmea indirectamente na seguinte cita:

A história [...] é feita de Terra e de Mar. Velas e arados rasgando a mesma seara. [...] Toda a ciência está aqui. No trabalho e nos dias do Homem. Nas marcas e nos sulcos da quilha e da charrua. Geometrias e dinâmicas a quem tudo devemos. Génese de um passado que não é outro senão o nosso futuro. (Lopes 2004)

E engade: “También lo que escuché en muchas ocasiones de mis informantes para mis libros: «A xentiña era máis humilde, máis unida. Cantabamos moito, e tiñamos outra moral que non vemos agora»” (Cerrato Álvarez 2023).

Xa en 2019 Cerrato Álvarez seleccionou dez impresións históricas “transmitidas de pais a fillos e de avoas a netos” (2019, p. 6) que percibiu reiteradamente entre os seus informantes. Entre elas están feitos históricos como a loita dos Irmandiños, as loitas no s. XVIII de poboacións do sur da bisbarra da Limia, a sublevación no s. XIX en Maceda, recrutamentos para as guerras estatais do s. XIX; a “liquidación” tanto de quen loitou polo reparto xusto da terra e pola participación democrática contra o caciquismo, coma dos mestres “cunha pedagoxía científica, cultural, laica, política e social”; “o medo, o silencio e o terror” impostos polo franquismo; o minifundismo; a emigración como solución “á moita necesidade”, pois presentala “coma connatural ó sangue galego é unha labazada imperdoable”; e, finalmente, a actuación de curas, abades e bispos (2019, pp. 6-8).

5. DARWIN EN GALEGO

Escrito na órbita dos 200 anos do nacemento de Darwin e nos 150 da publicación de A orixe das especies, o libro de Cerrato Covaleda e Cerrato Álvarez (2010) constitúe unha primeira pedra, angular, na presentación en galego dunha biografía darwiniana. Nesta primeira monografía en galego sobre Darwin ofrécese moita e necesaria información contextual, que permite situar no tempo e calibrar o verdadeiro alcance e repercusión das ideas do naturalista no momento histórico en que se produciron. Esta función é a que desempeñan os tres capítulos introdutorios, que analizan as respostas tanto de natureza relixiosa coma racional ó problema da evolución.

É no capítulo IV, que coincide no título “Darwin, a paixón de pensar” co do libro, onde se deseñan os primeiros pasos da biografía de Darwin, ata os preparativos da súa viaxe científica (1831-1836), que comezou no Beagle o 27 de decembro do 1831. Dedícase un capítulo específico, o V, á visita ás illas Galápagos e sublíñase que constitúe un “fito fundamental”, descríbense polo miúdo os seus achados e inclúese algunha ilustración clarificadora como a dos diversos tipos de pimpíns.

No capítulo VI desenvólvese con precisión e detalle a etapa posterior ó regreso da viaxe, período en que viviu en Inglaterra, conxúganse datos biográficos con información sobre os seus traballos que levaron á publicación o 24 de novembro de 1859 d’A orixe das especies. Analízase en detalle a súa inmensa contribución, así como a súa repercusión, con reflexións e explicacións das respostas favorables e desfavorables. Despois dunha aproximación ás obras A orixe do home e a selección en relación ó sexo (1871) e A expresión das emocións no home e nos animais (1872) e ás súas principais teses, conclúese co percorrido vital de Darwin e con algúns recoñecementos posteriores. No penúltimo capítulo, “Darwin despois de Darwin”, realízase un repaso das principais influencias do transcendental pensamento darwiniano e, sen obviar as burlas recibidas, desenvólvense as principais obxeccións científicas, relixiosas así como o relacionado coa manipulación das propostas de Darwin co social-darwinismo (salientan os autores a reflexión de Darwin feita en 1871 “prefiro descender dun mono valente antes que dun salvaxe que goza martirizando ós outros” 2010, p. 74) e finalízase coa recuperación do darwinismo que virá da man, fundamentalmente, dos estudos de xenética.

O epílogo que pecha o libro, “Terra e home”, (alén dunha completa bibliografía consultada) compórtase como unha homenaxe a Darwin. Nel, realízase un resumo xeral da evolución da terra, da evolución do home e descríbese, dende o coñecemento máis actual, a liña que conducía ó ser humano, enlazando este discurso —elaborado cos coñecementos de inicios do s. XXI— con Darwin, que tivo o mérito de “adiantar estes procesos e as ferramentas de estudo”, máxime nun “ambiente social, científico e relixioso pechado e dirixido como o do seu tempo e cun só resto arqueolóxico dun ser humano, o dun neanderthal”. Por iso, para os autores deste libro verbo do traballo de Darwin, foi unha “proeza científica manter que o home era un produto da evolución doutros seres” (2010, p. 86).

6. A (RE)CREACIÓN: CONTOS LIMEGOS

En Cerrato Álvarez (2019) recóllense dezaoito relatos sobre vida e morte, bíos e tánatos, nun rural tan limiao coma inconcreto. Son dezaoito pezas narradas por un “meu amigo”, todas en galego agás a última, pois respectan a lingua en que llas contaron a Cerrato Álvarez. Estes relatos “son, ás veces, a copia literal do escoitado”, noutras ocasións “son recreacións ampliadas e centradas no entorno literal no que sucederon” e “outros recrean e lembran sucesos xa de épocas case que mortas, mais impresas na memoria dos vellos de cando eran novos” na “época da inmisericorde guerra e de posguerra coa impunidade dos vencedores” (2019, p. 9), así que, mesmo sendo relatos, Cerrato Álvarez non abandona a súa faceta de historiador e tamén amosa “o mundo do Poder no que se desenvolveron os sucesos das vivencias non mortas aínda para aclarar moitos aspectos que quedarían escuros” (2019, p. 9).

Na introdución, “Aclaración para centrar os relatos” o autor realiza toda unha declaración de ideas e intencións, deseña unha pequena autobiografía como profesor de historia que chegou a Galicia cun descoñecemento total das xentes, da lingua, dos costumes e da terra. Pero que soubo mergullarse nela ata a medula sendo un máis.

Abre o primeiro relato un epitafio, “A máis fermosa historia de amor”, que serve para, tendo o amor como eixe sobre o que pivota a historia, falar da vida na aldea, da guerra civil, da necesidade, da emigración... de todo o denunciado e anunciado polo autor na súa introdución. Noutras ocasións aprovéitase para recoñecer a sabedoría popular, o valioso traballo dos mestres do ferrado, con amplas descricións das terras, dos animais e do seu aproveitamento, dos traballos comunais... e para destacar o labor dunha mestra nova que chegou á aldea chorando e marchou dela tamén chorando, pero con choros de natureza ben distinta.

Cóntanse vinganzas bíblicas, cun garda civil asasino e asasinado, nunha recreación que salienta a violencia do poderoso e a valentía e o sufrimento do pobo humilde. Están presentes as aldeas arraianas, cruceiros e petos, que se mesturan coa vida e a morte dunha fermosa amante, ou coa descrición dunha batida tradicional do lobo, en que se combina a dureza caciquil coa xustiza dunha man misteriosa co lobo como executor. Todo o tradicional é protagonista, fálase de feiras, de segadores, cesteiros, fiadeiros, festas e romarías... todo localizado, na terra, no tempo e na historia. E con amor finaliza o libro, co amor dunha avoa e da súa árbore.

7. CODA

Para esta investigación conseguíronse recuperar preto de 50 traballos publicados por Cerrato Álvarez (cfr. coa bibliografía final). Baseándonos nos artigos, libros, congresos e capítulos de libros, nos gráficos 1 e 2 represéntase a cronoloxía destes traballos de pescuda etnográfica.

Gráfico 1. Distribución e tipoloxía das contribucións de Cerrato Álvarez10. Fonte: elaboración propia

No gráfico 1 reflíctese a distribución cronolóxica das publicacións indicando a súa tipoloxía. Os máis numerosos son os artigos (54,3 %), seguidos dos libros (21,7 %) e dos congresos (19,6 %), alén de dous capítulos de libro (4,4 %). Todos eles espállanse equilibradamente entre 1998 e 2020: no inicio concéntranse os artigos, que nunca perden importancia, os libros comezan no 2004 e manteranse ata o 2020, e os congresos agrúpanse entre 2009 e 2015.

Gráfico 2. Lingua das publicacións de Cerrato Álvarez. Fonte: elaboración propia

Como se observa no gráfico 2, o galego está presente nunha parte moi importante, practicamente un terzo, da produción esencialmente investigadora de Cerrato Álvarez, que dende o primeiro momento amosou un compromiso máximo coa lingua galega, compromiso que mantivo ininterrompidamente ata as últimas publicacións. Neste sentido cómpre subliñar que, se nos fixamos exclusivamente nos libros publicados por Cerrato Álvarez, o 60 % deles están en galego (estes libros supoñen o 40 % do total de publicacións escritas en galego). Este feito, que a maioría das súas monografías estean en galego, é especialmente relevante pola repercusión que alcanzan entre a comunidade científica, educativa e, tamén, da sociedade en xeral: son traballos de moita envergadura e calado, que perduran no tempo e, como xa apuntamos, cunha gran proxección.

Cerrato Álvarez sempre amosou unha preocupación por empregar un galego vivo e correcto11, un interese por reflectir a riqueza dese galego nas súas obras, unha inquedanza pola súa formación en galego e, sobre todo, moito amor pola lingua e compromiso co seu uso12. Xa se foi destacando a incalculable riqueza léxica do galego empregado por Cerrato Álvarez nas súas obras: variedade, exuberancia e máxima precisión terminolóxica grazas a definicións basicamente enciclopédicas. Galego sempre de base oral, mais cun estilo coloquial que volve moi doada a lectura, sen perder nada do seu rigor, máis ben o contrario porque sempre se tentan argumentar todas as exposicións, con datos, apoio en referencias bibliográficas ou arquivísticas alén dos nomes dos informantes, con esquemas e explicacións, definicións...

A enxurrada léxica é de tal calibre e é tan valiosa, que outros aspectos como o uso dos clíticos pasan a un segundo plano. Das súas obras poderíanse extraer moitos repertorios lexicográficos ou vocabularios de galego limiao enxebre. Esta afección, esta necesidade por poñer en valor as voces galegas, subliñan unha vez máis o fondo amor do autor polo galego e pola sociedade que o fala. Así, descubrimos os nomes das caras da pedra labrada (cabeza, leito, paramento, sobreleito, trasdós), as pedras segundo a súa función (agullas, lumieira, peitoril, tranqueiro, xuntoiro...), as ferramentas dun canteiro (cicel, cuña, lima, martelo, martelón, maza, pauferro, pico...), termos relacionados co cultivo do liño (arrincado, ripado, enriado, secado, mazado, deluvado, espadelado, asedado, fiado, ensarillado ou branqueado), ou co calzado, roupa e ferramentas dos segadores (albarcas, dedís, lías, chapeus, fouces...). Todo no seu contexto para aclarar significados, funcionalidade e con debuxos e imaxes ou fotografías explicativas e comprobativas.

Non queremos concluír esta contribución sen subliñar o papel docente de Cerrato Álvarez, que sempre tentou “ensinar e amosar [...] o pasado e o presente do pobo e das bases das xentes humildes”, mais xentes humildes cheas de “coñecementos do seu traballo e do seu entorno”, homes e mulleres dos que Cerrato Álvarez aprendeu máis que de moitos “sabios de despacho” (2019, p. 5).13 E, como contrapartida, tivo o recoñecemento do estudantado, por exemplo, no curso 1991-1992 en Xinzo de Limia por mor das manifestacións, ou, tamén, cando o profesor da Universidad de Valladolid, Carlos Sanz Mínguez, declarou publicamente que elixiu a carreira de historia polo impacto positivo que lle produciu o seu profesor Cerrato Álvarez. A última das homenaxes públicas que coñecemos de gratitude ó seu labor docente recibiuna na mañá do 1 de xuño do 2024, no salón de actos da vallisoletana Biblioteca de Castela e León, por parte de antigos estudantes seus do Instituto Centro Cultural de Valladolid (Negro 2024).

Na altura en que se escribiu este artigo, Cerrato Álvarez, por mor da idade e da saúde, hai tempo que non ve en persoa moita xente ou non pode asistir ás reunións da Asociación Cultural Pintia. Mais a pegada xa está conseguida, a repercusión lograda e ben labrada, puída e asentada, a conciencia creada e a transmisión alcanzada: aínda que nestes momentos Cerrato Álvarez non se poida desprazar fisicamente ás escavacións arqueolóxicas, a realizar unha enquisa de campo ou conversar diariamente con colegas e estudantes, xa sementou tanto e ben, que o seu maxisterio é omnipresente, do mesmo xeito que a súa sabenza, honestidade e compromiso son e serán imperecedoiros.

NOTAS

Esta investigación, no seo do grupo TALG (Tecnoloxías e Aplicacións da Lingua Galega), púidose concluír grazas a unha estadía de investigación na Universidade do Minho. Ós/ás colegas do CEHUM da UMinho e mais a Á. C. Cerrato Covaleda o meu agradecemento.

1

Cerrato Álvarez colaborou intensamente con esta revista e publicou, cando menos, en trece números espallados entre 1998 e 2011 (véxase a bibliografía final).

2

Aínda non existía a educación concertada co deseño que amosará a partir do ano 1985.

3

Nun contexto de suspensión do servizo militar obrigatorio (Lei 17/1999) “el sentimiento anti mili generado por más de 20 años del movimiento de objeción de conciencia hacía difícil reclutar voluntarios”, de aí que o Ministerio de Defensa ensaiase “varias estrategias, como reclutar gente procedente de Latinoamérica o el reparto de propaganda en los institutos de enseñanza secundaria, incluyendo charlas en los centros educativos por parte de militares” (Cerrato Álvarez 2023).

4

O propio docente explica a resolución: “La dirección del instituto informó a Inspección Educativa, que me amenazó con iniciar un expediente contra mí, pero durante el proceso tuve una defensa eficaz por parte del sindicato ANPE, y el expediente finalmente no se materializó” (Cerrato Álvarez 2023).

5

O resumo deste proxecto publicarase no libro Estudios de Etnología de Castilla y León, 1992-1999 (Cerrato Álvarez 2001c).

6

Neste caso, o mesmo ca con outro tipo de material bibliográfico ou fotográfico, descoñécese onde está depositado (Cerrato e Murias 2023).

7

Moi presente en traballos como Cerrato Álvarez 2007b, 2014b ou, tamén, na nova de xornal coa recreación dunha batida (García 2007).

8

Verbo da solidariedade, véxase tamén o artigo de Juan S. (2010).

9

Sirvan como exemplo os seis días para chegar dende A Limia a Zamora e a Salamanca, cunha media de 40 a 50 km diarios (Cerrato Álvarez 2013b, p. 59).

10

Como data dos congresos manexamos a da realización, non a da publicación no caso de existir.

11

Verbo da formación en lingua galega, Cerrato Álvarez (2023), que realizou os cursos de galego no Centro Galego de Salamanca na última década do s. xx (§ 1), recoñece que nunca aprendera academicamente a lingua galega e, por iso, a realización deses cursos permitiulle afianzar o seu galego, o que repercutiu en que o seu “trabajo de campo se hizo más fácil”.

12

Atracción recoñecida publicamente en innumerables momentos: “é un incondicional da Limia e emprega o galego como lingua propia” (A. M. F. 1996), que tamén transmitiu xeracionalmente no núcleo familiar.

13

A idea recóllese nalgún titular de xornal: a xente maior ten moito que contar (L. F. 2007).

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS

FONTES PRIMARIAS

Cerrato Álvarez, Ángel (1998). Un ancestral taller de alfombras y tapices. Hermanos Nistal de Astorga. Revista de Folklore. 215, 169-174.

Cerrato Álvarez, Ángel (1999a). A importancia dos vellos oficios: O traballo de telleiro. Lethes. Cadernos Culturais do Limia. 1, 128-137.

Cerrato Álvarez, Ángel (1999b). Las ferias de La Limia (Orense). Revista de Folklore. 227, 166-172.

Cerrato Álvarez, Ángel (2000). As feiras polos camiños da Limia. Lethes. Cadernos Culturais do Limia. 2, 112-127.

Cerrato Álvarez, Ángel (2001a). Afilador en tierras de Castilla. Revista de Folklore. 249, 79-85.

Cerrato Álvarez, Ángel (2001b). Ubaldo Pascual: el oficio de cantero. Revista de Folklore. 242, 46-56.

Cerrato Álvarez, Ángel (2001c). Inventario del patrimonio etnográfico de Castrillo de Murcia (Burgos). En: Estudios de etnología en Castilla y León (1992-1999). [Valladolid]: Junta de Castilla y León, 593-596.

Cerrato Álvarez, Ángel (2002a). Carboneros de las sierras del sureste de Orense. Revista de Folklore. 256, 123-132.

Cerrato Álvarez, Ángel (2002b). Luis Abad, albardero ambulante. Revista de Folklore. 263, 147-157. Ilustracións de Ana I. Cerrato.

Cerrato Álvarez, Ángel (2002-2003). Os regos na Limia. Lethes. Cadernos Culturais do Limia. 4, 190-213.

Cerrato Álvarez, Ángel (2003a). El patrimonio arquitectónico de la Cabrera. Revista de Folklore. 267, 89-95. Ilustracións de Pilar Ortega.

Cerrato Álvarez, Ángel (2003b). Fábrica de chocolates “Santocildes”, Castrocontrigo (León). Tierras de León. Revista de la Diputación Provincial. 41(117), 45-58.

Cerrato Álvarez, Ángel (2004a). Construcciones de techo de paja: pervivencia y destrucción. Revista de Folklore. 277, 31-36.

Cerrato Álvarez, Ángel (2004b). Revilla Vallejera. Una familia de pastores. Revista de Folklore. 280, 111-124.

Cerrato Álvarez, Ángel (2004c). A cantería: Un oficio a extinguir. Colección Etnografía Galega, XIII. Vigo: AGCE.

Cerrato Álvarez, Ángel (2005). Tierra, producción y precios. La Limia Alta, siglo XVIII. Catastro de Ensenada 1753. Revista de Folklore. 296, 39-48.

Cerrato Álvarez, Ángel (2006). La piedra en la arquitectura tradicional de la Cabrera leonesa. Piedras con raíces. La revista de nuestra arquitectura vernácula. 15, 40-45.

Cerrato Álvarez, Ángel (2007a). Los dinteles de la arquitectura popular de la Limia Alta y de la Limia Baja. Piedras con raíces. La revista de nuestra arquitectura vernácula. 17, 41-46.

Cerrato Álvarez, Ángel (2007b). Trampas para abatir a los lobos. Piedras con raíces. La revista de nuestra arquitectura vernácula. 19, 50-56.

Cerrato Álvarez, Ángel (2007c). Vellos traballos comunitarios do mundo labrego. Colección Historia e Etnografía Galegas, XXV. Vigo: AGCE.

Cerrato Álvarez, Ángel (2008a). D. Pedro González de Ulloa: adoración del poder y desprecio del pueblo (s. XVIII). Revista de Folklore. 331, 28-36.

Cerrato Álvarez, Ángel (2008b). Manifestaciones populares religiosas en torno a los cruceiros de los siglos XVII y XVIII. Limia Alta y Limia Baja (Orense). En: José Luis Alonso Ponga e María Pilar Panero García, coords. Gregorio Fernández: antropología, historia y estética en el Barroco. Valladolid: Ayuntamiento de Valladolid, 121-133.

Cerrato Álvarez, Ángel (2008c). Revilla Vallejera. Arquitectura integral de un pueblo agrícola y ganadero de los páramos de Burgos. Piedras con raíces. La revista de nuestra arquitectura vernácula. 23, 47-55.

Cerrato Álvarez, Ángel (2009a). Os cruceiros da bisbarra da Limia (Sur da provincia de Ourense). En: Estanislao Fernández de la Cigoña Núñez, coord. Actas do I Congreso Galego sobre “Cruceiros e Cruces de Pedra”, 11 e 12 de setembro de 2009, Casal de Ferreirós, Poio. Colección Historia e Etnografía Galegas, L. Vigo: AGCE, 49-62.

Cerrato Álvarez, Ángel (2009b). Revilla Vallejera: arquitectura integral, conocimiento del medio y adaptación estructural de un pueblo del SO de Burgos. XVº Congreso Internacional de Antropología Iberoamericana: Estudios socio-culturales en Brasil y España. Facultad de Ciencias Sociales / CEB, Universidad de Salamanca, 27-29/IV/2009.

Cerrato Álvarez, Ángel (2009c). O mundo dos cruceiros, cruces e petos de ánimas da bisbarra da Limia. Colección Historia e Etnografía Galegas, XLV. Vigo: AGCE.

Cerrato Álvarez, Ángel (2010a). El herrador. Revista de Folklore. 345, 89-95.

Cerrato Álvarez, Ángel (2010b). El largo final del mestizaje cubano. XVIº Congreso Internacional de Antropología Iberoamericana: Culturas Ibéricas y Mestizaje en América, África y Oriente. Facultad de Ciencias Sociales / CEB, Universidad de Salamanca, 20-22/IV/2010.

Cerrato Álvarez, Ángel (2010c). Os cruceiros da bisbarra da Limia dos séculos xvii e xviii. En: Estanislao Fernández de la Cigoña Núñez, coord. Actas do II Congreso Galego sobre “Cruceiros e Cruces de Pedra”, 24 e 25 de setembro de 2010, Castelo de Vilasobroso. Vigo: AGCE, 170-180.

Cerrato Álvarez, Ángel (2011). Una excepcional familia de viejos canteros. Revista de Folklore. 353, 21-32.

Cerrato Álvarez, Ángel (2012). Manifestaciones ancestrales de religiosidad popular. Tierras gallegas de la Raia (Orense-España). XIX Congreso Internacional de Antropología Iberoamericana: Representaciones, rituales e imaginarios religiosos y profanos en Iberoamérica. CEB, Universidad de Salamanca, 8-10/V/2012.

Cerrato Álvarez, Ángel (2013a). Os petos porticados do sur da provincia de Ourense. En: Estanislao Fernández de la Cigoña Núñez, coord. Actas do III Congreso Galego de “Cruceiros e Cruces de Pedra”, Lugo, 17 e 18 de novembro de 2012, Vigo: AGCE / Asociación de Amigos dos Cruceiros, Cruces de Pedra e Petos de Ánimas, 85-96.

Cerrato Álvarez, Ángel (2013b). A sega dos galegos en Castilla. Colección Historia e Etnografía Galegas, LXIV. Vigo: AGCE.

Cerrato Álvarez, Ángel (2013c). Revilla Vallejera. Memoria del pasado III: Trajinantes y transeúntes. Vigo: AGCE.

Cerrato Álvarez, Ángel (2014a). Manifestaciones ancestrales de religiosidad popular. Tierras gallegas de la Raia (sur de Orense, tierras fronterizas de Portugal). 1º Curso Livre sobre Religiosidade Popular, organizado pola Câmara Municipal de Idanha-a-Nova, 18/IV/2014, Fórum Cultural de Idanha-a-Nova, Portugal.

Cerrato Álvarez, Ángel (2014b). O home o lobo na bisbarra da Limia (sur de Ourense). EMYS. 1, AGCE / Asociación Gallega para la Conservación de la Biodiversidad, 13-24.

Cerrato Álvarez, Ángel (2015a). Cruceros y cruces del Cerrato castellano. En: Actas do VI Congreso Galego de Cruceiros, Pazo de Tor, Monforte de Lemos, 15 e 16 de novembro de 2014. Lugo: Asociación de Amigos dos Cruceiros, Cruces de Pedra e Petos de Ánimas, 158-173.

Cerrato Álvarez, Ángel (2015b). Homenaje a nuestros burros. EMYS. 2, AGCE / Asociación Gallega para la Conservación de la Biodiversidad, 109-123.

Cerrato Álvarez, Ángel (2015c). Unha proeza humana: a sega dos galegos en Castilla. Soberosum. Revista de Estudos Museo Municipal de Ponteareas. 4, 53-66.

Cerrato Álvarez, Ángel (2016). Cruceros y cruces del Cerrato castellano. II parte: manifestaciones en piedra. En: Actas do VII Congreso Galego de Cruceiros, Ourense, 28 e 29 de novembro de 2015, Vigo: AGCE / Asociación de Amigos dos Cruceiros, Cruces de Pedra e Petos de Ánimas, 365-380.

Cerrato Álvarez, Ángel (2017). Un traballo de arquitectura popular. Os petos porticados. En: Actas do VIII Congreso Galego de Cruceiros, Museo-Fortaleza San Paio de Narla (Friol), 19 e 20 de novembro de 2016. Lugo: Asociación de Amigos dos Cruceiros, Cruces de Pedra e Petos de Ánimas, 105-121.

Cerrato Álvarez, Ángel (2019). Dezaoito relatos de vida e de morte. Colección Escritores Populares, XXVII. Vigo: AGCE.

Cerrato Álvarez, Ángel (2020). Revilla Vallejera (IV). Memoria del pasado, raíces ancestrales y otros relatos. Colección Escritores Populares, XXVIII. Vigo: AGCE.

Cerrato Álvarez, Ángel e Cerrato Covaleda, Ángel Carlos (2011). Revilla Vallejera. La memoria del pasado, II. Los oficios. Revilla Vallejera (Burgos): Ayuntamiento de Revilla Vallejera.

Cerrato Covaleda, Ángel Carlos e Cerrato Álvarez, Ángel (2010). Darwin, a paixón de pensar. Colección Etnografía Galega, XII. Vigo: AGCE.

Romero Plaza, Antonio e Cerrato Álvarez, Ángel (2006). Revilla Vallejera y Villamedianilla. La memoria del pasado. Revilla Vallejera (Burgos). Ayuntamiento de Revilla Vallejera.

Fontes secundarias

A. M. F. (1996). Namorado da cultura popular limián. La Región. 28/VII/1996, 24.

Cerrato Álvarez, Ángel (2023). Entrevistas de Ángel Carlos Cerrato Covaleda a Ángel Cerrato Álvarez. Inéditas.

Cerrato Covaleda, Ángel Carlos e Murias Román, Ruth (2023). El Museo Etnográfico da Limia. Revista de Folklore. 502, 108-127.

Cerrato Covaleda, Ángel Carlos (2024). Entrevista. Inédita.

Fernández, Ana María (1994). Recuperar el respeto por las raíces. La Región. 29/VIII/1994, 6.

García, Jesús Manuel (2007). Os veciños de Corbelle fixeron unha batida medieval do lobo. La Voz de Galicia. 16/IX/2007, 10.

Juan S. (2010). La solidaridad que había en los pueblos desapareció con el concepto de progreso. La Región. 29/VI/2010, 10.

L. F. (2007). La gente mayor tiene mucho que contar. La Región. 6/XI/2007, 19.

Lopes, Manuel (2004). Sim, porque toda a gente sabe que a meditação e a água se encontram indissoluvelmente ligadas. Dia Nacional do Mar. Sociedade de Geografia de Lisboa. 16/XI/2004.

Negro, Laura (2024). Homenaje al profesor Cerrato y a una vida dedicada a la enseñanza. El Norte de Castilla. 1/VI/2024.

Quevedo, Javier (1994). Ángel Cerrato: ‘Hay que eliminar en el alumno la sorna ante un arado o un carro de vacas’. Faro de Vigo. 28/VIII/1994, 5.