Boletín da Real Academia Galega

Núm. 385, pp. 265-291

© 2024. Real Academia Galega

https://doi.org/10.32766/brag.385.889

A CEN ANOS DE RONSEL. HISTORIA E INTRAHISTORIA DUNHA REVISTA LUGUESA

A CENTURY OF RONSEL. THE HISTORY AND INTRAHISTORY OF A LUGO JOURNAL

Álvaro Varela Suanzes-Carpegna

Este pequeno traballo está dedicado a D. Xesús Alonso Montero, mestre sempre e amigo. Con gratitude e cariño.

Resumo: O presente traballo pretende recordar a revista Ronsel, ao cumprirse 100 anos da súa publicación, e por dispoñer de valiosas informacións nunca antes publicadas sobre a súa historia. Trátase de informacións proporcionadas, hai xa cincuenta anos, por destacadas persoas do mundo da cultura galega daquel tempo, moi particularmente por varios membros do equipo da publicación, como o seu fundador e director, Evaristo Correa Calderón, que fornecen o coñecemento da intrahistoria de Ronsel.

Acometemos este artigo intentando valorar e contextualizar a publicación dentro do renacer cultural, ideolóxico e político da Galicia dos anos xx, así como analizando a súa vinculación coa eclosión editorial e artística xurdida en Europa e América no primeiro cuarto dese século, na que as revistas xogaron un papel decisivo. Con Ronsel, irmá menor da coruñesa Alfar, Galicia situouse dentro das coordenadas internacionais da modernidade.

Abstract: This work aims to recall the journal Ronsel, on the 100th anniversary of its publication, and to share previously unpublished and important information regarding its history. This information was provided fifty years ago by leading figures in the world of Galician culture at that time, and specifically by several members of the publication’s board (such as its founder and director, Evaristo Correa Calderón), who shed light on the intrahistory of Ronsel.

This article seeks to assess and contextualize the publication within the cultural, ideological, and political rebirth of Galicia in the 20th century, as well as to analyse its links with the publishing and artistic boom in Europe and America in the first quarter of that century, in which journals played a decisive role. Ronsel, the younger sister publication of the A Coruña journal, Alfar, provided Galicia with aspects to aspects of international modernity.

Palabras chave: Ronsel, Evaristo Correa Calderón, Álvaro Gil, Ángel Johán, Álvaro Cebreiro, vangardas.

Key words: Ronsel, Evaristo Correa Calderón, Álvaro Gil, Ángel Johán, Álvaro Cebreiro, avant-garde.

As revistas recadan, dun xeito moi vivo, a colleita cultural de cada tempo. Son coma espellos, onde se refrexan feituras e actitudes que os libros non sempre poden recoller. Ábrennos horizontes non sospeitados, fornécennos datos que sóio nelas podemos atopar. A súa propia e fuxidía actualidade fai que sexa árdigo axuntalas. Moitas tiveron tiradas mínimas, coma se fosen libros de bibliófilo, nadas pra seren escollidas rarezas. Emporiso a xenerosa tarefa da reedición de vellas pubricacións galegas merez tanta gratitude. Xosé Filgueira Valverde1

1. A MODO DE EXPLICACIÓN

A comezos do curso académico de 1973/74, sendo eu estudante do Curso de Orientación Universitaria, decidín acometer un traballiño sobre a revista Ronsel, sabedor de que na primavera de 1974 se conmemoraría o cincuentenario da saída á rúa daquela fermosa publicación. Certamente era raro que naquel tempo se recordase a revista. Aínda faltarían anos para que empezase a cobrar interese, entre os historiadores da cultura galega, a revisión e estudo de revistas de épocas pasadas.

Máis estraño era que un rapaz de instituto sentise curiosidade por estas cuestións. A explicación era sinxela. Na miña familia era habitual referirse a determinados lucenses coa expresión “é/era un ronsel”. E isto era así pola proximidade familiar cun membro do grupo fundador, o secretario de redacción, Álvaro Gil Varela. Por iso lembro a sorpresa que levou o meu querido e respectado profesor de literatura, don Xesús Alonso Montero cando lle consultei a idea de encetar o proxecto e se o consideraba pertinente. Nin que dicir ten o apoio entusiasta recibido en todo instante polo ilustre profesor.

Como me parecía que o traballo era ambicioso de máis para min só, decidín facer partícipe a un amigo e compañeiro de aula, Rodrigo Romaní, que, pese a descoñecer a existencia daquela publicación, acolleu a idea con ilusión. Puxémonos a ordenar as ideas a finais de 1973 e, en xaneiro do novo ano, escribimos una carta cunha chea de preguntas a quen fora o seu director, Evaristo Correa Calderón, de quen tivemos unha cálida, inmediata e non menos sorprendida reposta ante a nosa iniciativa.

Son precisamente esas cartas a fonte informativa para retomar agora, cincuenta anos despois, aproveitando o centenario da saída a rúa da revista, a idea de recompoñer a súa historia. Cómpre dicir que xunto con Correa tiven información verbal de Álvaro Gil Varela na súa casa familiar de Lugo. Agora sinto non me poñer en contacto, daquela, co terceiro membro do grupo, Jesús Bal y Gay, activo e valioso participante. Hoxe, ao reorganizar estas notas, decátome de cantas cousas importantes deixamos sen consultar, por mor da nosa cativa formación, que axudarían a entender mellor aquela aventura.

Xa para rematar con esta nota preliminar debo dicir que tamén nos puxeramos en contacto epistolar con Rafael Dieste, quen, afectuosamente, respondeu ao noso inquérito con clarificadoras notas referidas ao vocábulo e que paso a comentar.

2. ORIXE LITERARIA DA VOZ RONSEL

A cálida palabra ronsel, incorporada ao léxico común da nosa lingua dende precisamente os anos vinte do século pasado, era entón absolutamente descoñecida, xa que se trataba dun sintagma popular, ben afastado do uso culto que ía ter inicialmente a verba. Popular e mariñeiro.

Sempre pensamos que fora Rafael Dieste o “descubridor” desta voz, tomada directamente dos mariñeiros de Rianxo e comunicada ao seu amigo e conveciño Manuel Antonio, sendo este o primeiro en darlle uso literario. Na súa poesía estaría, xa que logo, a inspiración para o título da revista. Pero, como imos amosar, a afirmación de Dieste entra en contradición cos feitos. Sustentabamos esta opinión coa certeza de que a autoridade de Dieste non admitía dúbida, cando nos explicaba con detalle, nunha carta asinada en abril de 1974, a historia da palabra e mesmo como chegara a engaiolar a José Ortega y Gasset, que falara dela nun artigo publicado no xornal El Sol2.

Os primeiros usos rexistrados da palabra son, ou parecen ser, de 1922. Foi Jaime Quintanilla o primeiro en utilizala no seu libro Saudade, primeira obra das pequenas novelas de Céltiga, editorial fundada e dirixida en Ferrol polo autor. A peza está estruturada en tres partes, a segunda baixo o título Ronsel. É dicir, non só fora empregada como unha verba máis, senón que era elevada á categoría, parcial, de título literario. Por suposto, no interior deste apartado, a repetición da palabra é constante. Como deu coa verba o médico escritor? De ser certa a opinión de Dieste, poderíase pensar que foi a través de Manuel Antonio, pois sabemos que entre os dous existía unha boa relación. De non atoparmos un poema publicado na prensa, datado antes de 1922, haberá que darlle o mérito a Quintanilla de ser o primeiro en empregala.

Seguindo a orde cronolóxica, a segunda vez que a vemos escrita é por Manuel Antonio en “Poemas d’o FARO I”, datado no mes de xuño de 1922. O poema pertence ao libro Foulas que, como é sabido, permaneceu inédito ata 1972. No mesmo ano Eugenio Montes volverá utilizala en dúas ocasións: unha no conto titulado O vello mariñeiro toma o sol, publicado na mesma colección de Céltiga, e outra no número 14 da revista Nós, no ensaio Estética da muiñeira, logo editado en separata. Tamén López Abente a empregará en dous textos de Bretemadas, inéditos pero que, a diferenza do que ocorre co de Manuel Antonio, descoñecemos o mes en que foron escritos. Xa para rematar co uso literario, en 1922 atopamos o poema “Mariñeira”, asinado en Mondoñedo no Nadal daquel ano por José María de la Fuente Bermúdez e levado ao prelo en xaneiro de 1923, no número 99 da revista mindoniense Acción Social: revista, órgano del Centro de Acción Social Católica.

É de subliñar o diferencial significado dado nos exemplos citados, pois, agás no derradeiro, afástanse da acepción primeira, ou sexa, “marca de escuma que deixa o navío pola popa”. Destacamos nos outros casos o uso poético, asociado ao de rastro nocturno e lumínico: “branca raiola de luar deixando lumioso Ronsel veuse relucente chegar” (López Taibo), “ronseles de maduros polígonos de estrelas” (Montes en Estética da muiñeira). Pola contra, no poema de José María de la Fuente, o significado marítimo, consonte co título do poema, é absoluto: “inda máis branco que a espuma / que forma o voso ronsel”. Correa, primeiro no título da revista, e logo no poema que sinalamos na nota anterior, dálle os dous significados, o mariñeiro e o lumínico.

A partir do ano 1923 o emprego da palabra vaise estendendo ata chegar ao ano da nosa revista. Queda, pois, evidenciado o erro de Evaristo Correa cando nos dicía que se trataba dunha “palabra gallega que ningún escritor gallego había usado”. O equívoco é máis rechamante se pensamos que fora en Céltiga, colección ben coñecida polo lucense —nela publicara en 1923 Luar, contos galaicos—, onde, como vimos de dicir, aparece a palabra en dous títulos. Con todo, non nos cabe dúbida que a fortuna e o pulo do vocábulo, traspasando mesmo os límites de Galicia, foi debido á publicación luguesa.

Non queremos rematar estas notas sen lembrar un peculiar emprego da nosa verba. Referímonos ao paso de substantivo común a antropónimo. Tal é o nome co que Cándido Fernández Mazas bautizou, e deseñou, o protagonista masculino da súa peza teatral Santa Margorí, publicada en 1930, debuxo que reproducimos no apartado gráfico3.

3. NACEMENTO DA REVISTA

Cara a fins de 1923, nas súas habituais xuntanzas na rotonda do Círculo das Artes, un grupo de amigos lucenses deciden crear, na súa cidade, unha revista de arte4. A idea partiu de Evaristo Correa Calderón, sen dúbida o verdadeiro arquitecto e construtor da mesma5. Malia a súa xuventude era xa un experimentado escritor xornalístico, pois con tan só dezaseis anos comezou a publicar na prensa local. En 1917 colaboraba en A Nosa Terra pero tamén na revista ourensá, dirixida por Risco, La Centuria. Nese mesmo ano estréase na madrileña Los Quijotes que tiña a Rafael Cansinos Assens, logo colaborador de Ronsel, como efectivo director. Cansinos, a personalidade máis valiosa na introdución en España da modernidade europea, xunto con Ramón Gómez de la Senra, outro colaborador da revista, ten retratado a Correa en diversas ocasións, tal na súa novela El movimiento VP6. Evaristo, ao igual que o resto do grupo7, sentiu inicialmente a paixón pola pintura pero serán a poesía, a prosa narrativa, o xornalismo e o ensaio os camiños que trazarán a súa biografía intelectual8. Participou, como dixemos, na prensa literaria protagonizando a activación cultural, tanto en Madrid coma en Galicia9. En Lugo volverá participar, sete anos despois de Ronsel, noutra empresa editorial, o xornal Vanguardia Gallega, a carón do seu irmán Juan Antonio.

Segundo a información que nos subministraba Correa, formaban ese grupo inicial, xunto a el, Álvaro Gil, Ángel Johán, o seu irmán Juan Antonio, Salvador Fole (irmán de Ánxel) e Carlos Araújo. Temos algunhas dúbidas sobre esta relación de nomes, quizais porque a memoria, a cincuenta anos dos feitos, non era totalmente certeira, como evidencia noutras lembranzas. Digo isto pola presenza do seu irmán menor que, fóra desta información, nunca vin referenciada. Por outro lado, sorpréndenos que non incluíse no grupo ronseliano un home esencial na publicación, Luís Pimentel. A ausencia debemos achacala a un lapsus calami, propio da espontaneidade do xénero epistolar cinco décadas despois dos feitos relembrados.

Dicíanos Correa que a presenza de Jesús Bal y Gay se debeu á amizade que tiña co seu irmán menor, Juan Antonio, quen lle falou a Evaristo das súas calidades intelectuais e artísticas. Feita esta observación, o que si podemos dicir é que os Ronsel estaban representados por estes individuos e algúns máis, como Pepe Álvarez, o Quirogués, Valentín Roldán, Paco Teijeiro ou Desiderio Fole (descoñecemos os motivos de non estar no grupo Ánxel Fole, máxime cando nel estaban os seus dous irmáns)10. A prensa xa anunciaba con bastante antelación, o 21 de febreiro (La Voz de Galicia), a saída da revista e o nome do seu director11.

A dirección artística encomendouse a un mozo coruñés, Álvaro Cebreiro Martínez (1903-1956). Era Cebreiro un caricaturista e ilustrador xa coñecido malia a súa xuventude, pois as súas primeiras colaboracións aparecen cando era un adolescente. En 1922 asinara con Manuel Antonio o célebre manifesto Máis alá! (dese ano é unha sonada caricatura do poeta). En 1923 Cebreiro ilustrara o libro de Correa Luar. Contos galaicos, impreso, como xa dixemos, por Céltiga12. Foi Cebreiro quen deseñou a sinxela e elegante portada do primeiro número, a barca de vela latina que se empregará como distintivo da empresa editorial. A el débense diversos e magníficos debuxos como os de Baroja e Unamuno13. Pero o seu papel na revista foi máis aló do artístico. Como nos contaba Correa, “Álvaro Cebreiro me enviaba numerosísimas colaboraciones de sus amigos catalanes y portugueses”14.

A publicación tiña unha tiraxe de entre 400 e 500 exemplares e un prezo de unha peseta. A meirande parte destes exemplares enviábanse fóra de Galicia, dato este non menor pois explica o desexo de situar a revista nun contexto extra-galego; español, europeo e hispanoamericano. Foron aquelas revistas decisivas para o espallamento das novas tendencias artísticas xeradas a ambos os lados do Atlántico, nun intenso intercambio que contribuíu ao que hoxe chamamos “globalización”. Neste senso, é de notar as referencias que a revista facía sobre as publicacións que de todas as partes chegaban á redacción de Ronsel. Así mesmo, hai que constatar a presenza da nosa publicación no seo desas revistas15.

Unha das características que máis chaman a atención da revista, e que a nós mesmo, hai cincuenta anos, xa nos causara unha fonda sorpresa, foi a da fermosa e pulcra tipografía, moi superior ao que era habitual naquel tipo de publicacións. A este respecto contestábanos Correa:

Me hacen Vds. una pregunta muy interesante. Para el material de imprenta utilizado se consiguió que el impresor Palacios compusiera unos caracteres nuevos, como al gusto de los que empleaba la Revista de Occidente; debido a eso no me extraña que a Vds. les sorprenda la limpieza con que está impresa la revista16.

Ronsel morreu despois de se publicar no mes de outono o sexto número. O sétimo nunca se chegou a preparar. A causa da defunción foi, esencialmente, económica. A revista sostíñase con contribucións diversas, máis aló da venda de exemplares, posiblemente a fonte menos importante de ingresos, pois, como vimos de dicir, unha gran parte se repartía fóra de Galicia, dirixida a revistas irmás de Madrid, Barcelona, París, Lión, Porto ou Buenos Aires, e, polo tanto, de xeito gratuíto17. O autofinanciamento era un recurso non infrecuente, así que cada membro achegaba 25 pesetas18. A isto habería que sumar un “socio capitalista”, tampouco raro, como vimos na nota anterior, Pepe Álvarez que, desinteresadamente, colaboraba cunha certa cantidade monetaria. Por último, a revista nutríase dunha fonte fundamental, a publicidade, que se insería no inicio e no final de cada número, en papel de menor calidade, dando noticia de diferentes casas de comercio local, de profesionais médicos e mesmo da banca. Pese a todos os esforzos por recadar fondos, estes resultaron insuficientes, aínda que Correa nos deixaba entrever algún outro motivo non manifestado.

A alusión a esta última fonte de ingresos, a publicitaria, debemos remarcala toda vez que, nunha notable edición feita en 2010 á que logo me referirei, se negaba esta presenza, chegando, supomos que para probar a súa ausencia, a suprimir a reprodución desas páxinas, e deixando mutilada o que pretendía ser unha edi-ción facsimilar que, deste xeito, en rigor e inexplicablemente, deixaba de selo19.

Listaxe de revistas anunciadas no número de maio de Manomètre. Esta importante revista de vangarda, na que participaban nomes esenciais da literatura e da plástica do século xx, estaba dirixida por Émile Malespine, colaborador na publicación luguesa. Xunto a Ronsel aparece a coruñesa Alfar. En varios números están presentes os dous directores de Ronsel. Outros escritores galegos, como Eugenio Montes, tiveron tamén cabida nas súas páxinas.
Curioso manifesto, abandeirado por Malespine, onde atopamos os nomes de Cebreiro e Correa.
Publicacións recibidas por Manomêtre, onde se recolle El milano y la rosa de Evaristo Correa-Calderón

4. RONSEL E O ECLECTICISMO

A revista naceu nunha encrucillada de ideas políticas e estéticas que a explican. No terreo da arte, o mundo enteiro, de xeito especial Europa e, xa que logo, España, foi unha fervenza de creatividade artística e de multiplicidade de órganos difusores desas novas realidades, as revistas. A Ronsel, á que con frecuencia se ten clasificado, erroneamente, coa etiqueta de vangardista (mesmo Ánxel Fole a caracterizou de ultraísta) debemos desmarcala de tal catalogación. Os colaboradores, tanto literarios coma artísticos, eran de moi distinta ascendencia (Castelao / Alberto; Noriega Varela / Manuel Antonio…). Maioritariamente representaban, sen dúbida, a renovación e a modernización estética, pero nela dificilmente veremos expresións de cuño radicalmente vangardista. A penas atoparemos manifestacións de raizames cubistas, futuristas, expresionistas e menos aínda dadaístas ou surrealistas; mesmo, e isto é máis sorprendente, tampouco, no plano literario, referencias creacionistas ou ultraístas, os dous ismos de maior pegada na poesía hispanoamericana, se ben en 1924 o ultraísmo estaba xa fenecido dende uns anos antes20. Tampouco o ideario inspirador de Evaristo Correa estaba xa dentro das coordenadas do radicalismo vangardista, é dicir, lonxe da actitude de combate, rebeldía e iconoclastia, enfrontada coa tradición, contra os “vellos”21. Neste senso, Ronsel é un modelo de concordia, de interacción entre actitudes e prácticas diversas, e, ás veces, diametralmente opostas, o que, precisamente, lle outorga á publicación, visto dende unha ollada actual, un especial engado. Pero, como diciamos, si asistiremos a mostras da modernidade que representaban pintores como o uruguaio Barradas, cunha composición próxima ao cubismo e ao mecanicismo futurista, emparentada con Fernand Leger (El tranvía), a presenza da incipiente Escola de Vallecas (Padre e hijo de Lacasa, o Café de Atocha do seu cuñado Alberto Sánchez). Norah Borges participa nesa modernización á que nos referiamos22, como tamén o fai, anovando e dando frescura á plástica galega, Ángel Johán. É frecuente o emprego do gravado sobre madeira e do linóleo, técnicas ambas moi vinculadas á vangarda xermana, que deixarán unha fecunda pegada nos artistas galegos ao longo dos anos vinte e trinta.

A preocupación por introducir cambios na sensibilidade musical ocupaba un lugar destacado en Ronsel. Jesús Bal, o musicólogo do grupo, encargábase con paixón de introducir as novidades musicais, europea e española, que o novo músico cifraba devotamente en tres nomes: Stravinsky, Debussy e Falla23.

Esa convivencia entre distintos mundos que apuntabamos, ese eclecticismo caracterizador de Ronsel (García de la Concha 1973), é palpable na presenza galega. O novo xeito de afrontar a poesía ou a plástica, presentes en Ángel Johán ou Suárez Couto, distaba moito da arte de Castelao, tan remiso a certas novidades da plástica que florecía en Europa. Do mesmo xeito podemos contrapoñer as distantes concepcións poéticas de Noriega e Manuel Antonio. No entanto, todos teñen cabida na revista.

En canto a posibles colaboradores de Ronsel chama a atención a ausencia de tres nomes que naqueles momentos estaban a dar, entre nós, mostras modernizadoras na literatura poética e na plástica: Eugenio Montes, Cándido Fernández Mazas e Luís Amado Carballo. Os tres encaixaban á perfección coas propostas dos responsables da revista e, sen dúbida, enriqueceríana notablemente. A súa ausencia é unha mágoa á que non lle atopamos explicación. Os tres xa eran autores de certo prestixio e recoñecemento. O misterio destas ausencias agrándase se reparamos en que tanto Montes coma Fernández Mazas aparecían na nómina de redactores de Ronsel24.

5. RONSEL E A NOVA XERACIÓN GALEGA

O derradeiro número introduce un sutil apuntamento ao subtitularse Revista de la nueva generación gallega. Máis alá de se esta variación no título (Ronsel. Revista de arte) estaba suxerida pola revista arxentina Inicial25, o que interesa subliñar é o que ten de indicador da toma de conciencia de inaugurar unha nova etapa, do cambio epocal do que Ronsel era parte activa nese novo proceso de ruptura co anterior mundo artístico e intelectual galegos. Esa idea reafírmase na dedicatoria que fai Jesús Bal no seu primeiro libro, segundo da editorial, Hacia el ballet gallego: ensayo (1924), “Para la nueva generación gallega, este esfuerzo virgen”26.

Portada da revista bonaerense Inicial, receptora de Ronsel, citada no número 5 da nosa revista

6. EDICIÓNS “FACSIMILARES”

Existen dúas edicións da revista, ambas valiosas pero non exactamente facsimilares, se entendemos por facsimilar a reprodución idéntica do orixinal27. A primeira foi publicada en 1982 por Sotelo Blanco Edicións. Este editor galego radicado en Barcelona, Olegario Sotelo Blanco, encetou unha eloxiable labor de reedicións de significativas revistas galegas do primeiro terzo do século na súa Serie Resgate28. Esta edición recolle, asemade, a publicación do número conmemorativo do cincuentenario da revista, e un texto de Evaristo Correa Calderón. A presentación correu a cargo do asesor literario desta serie, Basilio Losada Castro, quen fixo unha atinada explicación de Ronsel. Como vimos de dicir, a edición que comentamos dista de ser facsímile por dous motivos: a non inclusión das páxinas de publicidade e por non respectar o tamaño orixinal, de dimensións maiores.

A segunda reedición publicouse case trinta anos despois, en 2010. Foi un encargo do Concello de Lugo ao Consello da Cultura Galega. O proxecto recaeu nun grupo baixo a dirección de Luís Alonso Girgado. Neste caso si que se respectou o formato orixinal pero elimináronse as páxinas dedicadas á publicidade. Como xa anunciamos, de sermos rigorosos, esta mutilación impide a consideración de edición facsimilar. Non entendemos como e por que os responsables desta publicación decidiron non reproducir ditas páxinas, menoscabando, pois, o completo valor das mesmas. Pero se isto cae no terreo do absurdo, maior gravidade ten o aserto de que a revista carecía de publicidade comercial29, fonte esencial, como xa fixemos notar, para o seu mantemento económico. Se non entendiamos a supresión daquelas páxinas da revista, isto último é dunha gravidade que non é necesario salientar e que o lector destas liñas saberá axuizar.

Á parte destas notables chatas, e doutras que comentaremos, a reedición de 2010 representa un valioso e completo contributo ao estudo de Ronsel. Nela reprodúcense textos de recepción, crítica e bibliografía, rematando con doce colaboracións que axudan a valorar e contextualizar a revista.

Ademais de destacar o xa dito, cómpre facer algunhas rectificacións alí afirmadas. No que atinxe aos colaboradores e ao polilingüismo da revista, debemos facer algunhas precisións. Unhas afectan á nacionalidade dalgúns colaboradores, como o de facer ruso a Barcinski, autor do debuxo de Jesús Bal aparecido no número 6. Henryk (ou Henoch) Barcinski (ou Barczyński) foi un pintor polaco e xudeu nacido en 1896, vinculado ao expresionismo, motivos ambos, semitismo e “arte dexenerada”, que ocasionaron o seu asasinato polos nazis en 1941. Estivera en España e debeu recalar, centro de obrigada visita, na Residencia de Estudiantes, onde coñecería a Bal. Tampouco era portugués, senón brasileiro, o debuxante Brandão, se ben daquela vivía en Portugal.

Polo que respecta ao polilingüismo, certo é que hai un exemplo de tradución poética de Michelangelo, vertida ao galego por Xoán Vicente Viqueira, pero non debemos incluír o italiano nin o alemán como linguas presenciais. No caso desta última, trátase de traducións ao castelán feitas por Mercedes Pimentel. As lingua presentes en Ronsel son castelán, galego, portugués, catalán e francés30.

7. RONSEL, UN AGRUPAMENTO A PROL DA DINAMIZACIÓN CULTURAL LUCENSE. A EDITORIAL

Os fundadores da revista quixeron dar un paso máis á fronte e tentar converterse nun núcleo de dinamización cultural local. O logro máis valioso foi, sen dúbida, a formación dunha editorial, sumándose así ao notable mundo da edición que se estaba a producir en Galicia naqueles primeiros anos XX e da que pasaremos a falar de inmediato. Pero debemos sinalar, pese aos humildes logros, o desexo de artellar na pequena cidade un plan que pasaba por organizar conferencias, exposicións de pintura e de fotografía e sospeitamos que, tamén, veladas musicais. Para a creación dun cineclub haberá que esperar á seguinte década grazas aos esforzos da xente que formaron o Ateneo Popular Lucense, o Comité de Cooperación Intelectual e, felizmente, cando se constitúa a finais de 1935, o grupo Ars Lugo31. Pouco antes da saída da revista, o grupo ronseliano xa estaba en acción.

A primeira mostra foi a organización dunha conferencia que sobre o Graal disertara, no Círculo das Artes, centro clave da actividade cultural lucense durante século e medio, o polifacético Ángel del Castillo. A prensa local daba así a noticia:

A las cinco de la tarde pronunció su anunciada conferencia don Ángel del Castillo, en el Círculo de las Artes. Hizo la presentación del conferenciante don Evaristo Correa Calderón, que fue muy aplaudido. A continuación, el conferenciante pasó a hablar del milagro del Santo Grial en el Cebreiro, afirmando que es probable que la leyenda del Santo Grial en que se inspiraron el autor de Parsifal y varios otros no fuese más que el milagro del Cebreiro, difundido por los peregrinos que de todas partes venían a Santiago. El orador también fue muy aplaudido. Por la noche fue obsequiado el señor Castillo con una cena a la que asistieron muchos amigos y representaciones del Círculo y de Ronsel, revista próxima a publicarse.

Tamén se recollía que o público foi numeroso, “entre el que se encontraba el obispo R. P. Plácido, que el gobernador, el delegado de Hacienda y otras personalidades”. Esta noticia revela varias cousas: o protagonismo de Evaristo Correa, o intenso labor preparatorio feito polos integrantes de Ronsel, que xa estaban a realizar actividades antes mesmo da aparición da publicación e, por outra banda, a importante aceptación inicial que tivera na sociedade lucense.

Outra actividade a destacar foi a “exposicion regional” de fotografía, inaugurada o 2 de outubro e celebrada nos locais da Deputación Provincial e patrocinada pola Comisión de Festejos (enténdese, do San Froilán).

Ronsel foi un selo que perdurou máis alá da revista, converténdose, de inmediato, nunha editorial con vida ata os primeiros anos da República. Descoñecemos quen foron os responsables que estiveron á fronte dela, pois varios dos seus membros abandonaran a cidade. Con todo, pensamos que Evaristo Correa debeu estar moi directamente implicado nas publicacións realizadas unha vez clausurada a revista32 É posible que Ángel Johán, que moitos anos despois amosaría a súa querenza polo traballo editorial33, ou quizais Juan Antonio, irmán menor de Evaristo e autor do derradeiro libro da editorial, en 1933, fosen os que souberon darlle azos34.

A revista anunciaba no terceiro número o desexo de converter Ronsel nunha editorial, coa saída do primeiro volume para o mes de agosto, a novela de Correa El milano y la rosa que “formará un sencillo y elegante tomo de cien páginas” e posteriormente un ensaio de Jesús Bal titulado Hacia el ballet gallego. No número de agosto publicitábase a venda da obra de Correa e Jesús Bal facía unha recensión, “bella novela, hermosa y delicada” que recorda as óperas wagnerianas, póndoa en relación con Valle-Inclán, e Pérez de Ayala ao tempo que o seu “estilo concentrado nos recuerda a los rusos… En Correa Calderón se advierte una fina madurez, pero una madurez juvenil de hombre nuevo”. No derradeiro número xa se anunciaba a saída á rúa do ensaio de Bal e na sección Crisol louvábase a obra, feita, sen dúbida, por Evaristo Correa que, en reciprocidade, loaba o primero libro do musicólogo,

Flor y fruto de una adolescencia plena y rebosante de ideas y emociones […] Frente a la desorientada, vulgar é inconsciente juventud española, existe la minoría de unos cuantos muchachos que consagran su vida iniciante a las más arduas disciplinas, caminando de acuerdo con su época. […] es un […] grito que ha de ser trascendente para nuestra tierra, por la oportunidad con que ha sido lanzado al viento.

Jesús Bal ha puesto en él ciencia y polémica, su meditado estudio de nuestro arte popular […] y la pasión de su juventud contra los fariseos. (Ronsel. 6, p. 22)

É de notar, en ambas as notas bibliográficas, algúns trazos típicos da época, tanto na linguaxe coma na actitude: insistencia, case obsesiva, por crear algo propio, a pose de altiveza xuvenil, o berro dunha minoría rebelde que se alza contra os vellos, pegadas, como xa fixemos notar, do xa fenecido ultraísmo, e o repudio do filisteísmo, termo este utilizado ata a saciedade no primeiro terzo de século, para amosar a oposición irreconciliable entre aqueles e, como diría Risco, os “homes preocupados polas cousas do espírito”. Tempo e actitude de “afirmación e negación”.

A produción editorial, esencialmente literaria, ademais dos dous títulos que abrían a biblioteca, citados anteriormente, completouse con D’Outono, de Gonzalo López-Abente (1924), fermosamente ilustrado por Cebreiro; o libro sobre pintura de Evaristo Correa, A arte racial de Suárez Couto (1925); Ontes do mesmo autor (1928), e os Trinta poemas en prosa para os trinta días do mes de abril de Juan Antonio Correa (1933). Este libro, xa afastado do tempo primeiro da publicación da revista e dos primeiros libros, non só se imprimiu baixo o mesmo selo, senón que seguía incluíndo a súa característica icona, a barca de vela latina, deseñada por Cebreiro, notas claras de querer perdurar algo xa inexistente. Isto, e que o autor fose o irmán de Evaristo, acentúa máis a nostalxia polo pasado próximo do seu autor. Os Trinta poemas foron, evidentemente, custeados xa polo escritor35.

É moi revelador o interese amosado polo grupo lugués por incorporar, a modo de colección, opúsculos de carácter científico, algo que choca cos presupostos que haberiamos de esperar nunha editora exclusivamente artística. Penso que isto haino que pór en contexto coa realidade sociocultural, política e ideolóxica da Galicia que arranca en 1916, é dicir, coa fundación das Irmandades da Fala e con ela a superación do rexionalismo cara a unha progresiva consolidación do nacionalismo republicano. Non hai que esquecer que moitos dos responsables da revista pertencían ás Irmandades, moi especialmente os seus dous directores, ambos colaboradores nos principais proxectos nacionalistas como, en primeiro lugar, A Nosa Terra, e xa nos primeiros anos vinte, en revistas e editoriais como Nós ou Céltiga.

Por outra banda, tampouco debemos esquecer que naqueles anos se estaba a dar o nacemento de dúas institucións que cambiaron o panorama intelectual e científico de Galicia: a Misión Biolóxica en 1921 e o Seminario de Estudos Galegos en 1923. Así mesmo, debemos ter en conta a importante pegada que institucións herdeiras do republicanismo da Institución Libre de Enseñanza tiveron entre nós. A Misión é produto disto. Os homes de Ronsel participaron dese renacer cultural que se estaba a vivir, simultaneamente, como vimos de comentar, co espertar nacionalista e coa pegada do institucionismo. Xoán Vicente Viqueira, tan íntima e familiarmente vinculado aos mestres da Institución, e Antón Vilar Ponte, fundador das Irmandades, representan, ben ás claras, esa bicefalia que podería parecer contraditoria, nun aparente enfrontamento Galicia-España pero que era a realidade que alimentou unha boa parte daquela xuventude emprendedora.

Cómpre lembrar que o grupo nuclear de Ronsel participou moi directamente en institucións como a Residencia de Estudiantes, pola que pasaron os Pimentel (tanto Luís coma os seus irmáns), Correa, Gil e Bal, este último de maneira moi activa, quen, por outra parte, ingresaría no SEG en 1926. Tamén estiveron vinculados coa Junta de Ampliación de Estudios, como é o caso de Álvaro Gil, bolseiro en Alemaña para fornecer os seus coñecementos de xenética vexetal, cando traballaba, dato significativo, na Misión Biolóxica, creación debida ao interese rexeneracionista daquela España que se propuxo atacar con eficacia o atraso histórico deste país36. Desta duplicidade, galeguismo e republicanismo, participou aquela mocidade, que pagou cara cando a barbarie do 36 a súa fidelidade de principios e ideais: exilio de Jesús Bal e de María Mercedes Pimentel, un doloroso exilio interior de Luís Pimentel e Álvaro Cebreiro, o cárcere para Álvaro Gil no penal de San Simón ou o longo apresamento de Ángel Johán nas Palmas de Gran Canarias. Só os Correa Calderón ficaron á marxe37.

Por todo o dito entendemos tanto a utilización de galego e castelán na revista coma a edición de obras científicas na súa editorial. O sabio fundador e presidente da Misión Biolóxica, Cruz Gallástegui Unamuno será o primeiro autor, en 1924, desta clase de publicacións co seu Cómo se debe hacer la selección en el maíz, obra que dedica ao seu amigo o doutor Juan López Suárez, home decisivo para a consecución da Misión e moi próximo, como queda dito, ás cabezas visibles da Institución Libre de Enseñanza, da que tanto el coma Gallástegui, foron partícipes e beneficiarios. O segundo título é da autoría do enxeñeiro agrónomo na Misión, Ramón Blanco, que tamén compartía a dedicatoria de don Cruz. Era o seu traballo o titulado Apuntes sobre la enfermedad del castaño, publicado en 1925.

DOCUMENTOS GRÁFICOS

Grupo fundacional de Ronsel. De esquerda a dereita: Evaristo Correa, Luís Pimentel, Álvaro Cebreiro, Jesús Bal y Gay e Álvaro Gil. Bótase en falta a Ángel Johán, quizais fose el o fotógrafo.
Evaristo Correa aos 18 anos, ocupando a portada da revista Los Quijotes, onde se inicia no xornalismo literario madrileño.
Retrato do mozo Álvaro Cebreiro.
Jesús Bal nos seus anos de adolescencia e xuventude.
Bal e á súa dona, a pianista Rosa García Ascot con Manuel de Falla (Granada, 1935). Ascot foi a única alumna que tivo Falla.
O matrimonio Bal - García Ascot con Igor Stravinski e Vera Artúrovna en México nos anos corenta. A amizade deste matrimonios foi tal que Bal, Ascot e Vera fundaron na cidade de México a galería de arte Diana, unha das máis importantes do país.
Ángel Johán.

Nas catro seguintes fotografías, inéditas, aparecen reunidos varios responsables da revista.

Nos xardíns da praza Maior de Lugo, o director artístico, o xerente e o secretario de redacción: Álvaro Cebreiro, Ángel Johán e Álvaro Gil.
Fonte: Arquivo municipal de Lugo
En primeiro termo Ángel Johán, á dereita Gil e no medio, Cebreiro.
Fonte: Arquivo municipal de Lugo
Gil, Cebreiro e Ángel Johán.
Fonte: Arquivo municipal de Lugo
Cebreiro, no medio, Gil e Valentín Roldán, co sombreiro na man, amigo e fotógrafo afeccionado.
Fonte: Arquivo municipal de Lugo

Todo fai pensar que estas fotografías foron tomadas o mesmo día, posiblemente na primavera do 24. Sen dúbida, Ángel Johán foi quen fotografou os seus compañeiros, mentres que, no caso das outras tres, foi Valentín Roldán.

Os irmáns Pimentel, Luís e Mercedes, única muller colaboradora do grupo lucense (na revista só participaron dúas, Mercedes e Norah Borges)
Completamos as imaxes do equipo editorial con esta do xerente e mais do secretario, Carlos Araújo e Álvaro Gil, retratados na muralla.
Fonte: Arquivo municipal de Lugo

A EDITORIAL

Obras de carácter científico técnico, 1924 e 1925, de Cruz Gallástegui Unamuno.

Obra de carácter científico técnico (1925) de Ramón Blanco

Dedicatorias a Ángel Johán de Hacia el ballet gallego de Jesús Bal.

Dedicatoria a Ángel Johán do Índice de utopías gallegas de Evaristo Correa.
Derradeira publicación da editorial,1933.
Debuxo de Cándido Fernández Mazas de Ronsel, protagonista masculino da súa obra teatral Santa Margorí, 1930.

NOTAS

1

Palabras de presentación á edición facsímile da revista literaria Cristal. 1998.

2

Con exactitude informábanos Dieste ao respecto que “La palabra fue recogida por mí de los marineros de Rianxo y transmitida a Manuel Antonio (en conversación que tuve con él, probablemente el mismo día); la primera divulgación literaria procede de algún poema suyo, y dio más tarde título a la revista… Aparte de estos datos escuetos, le recordé a D. Jesús [refírese a un encontro con Xesús Alonso Montero] algunos pormenores graciosos de mi entrevista con los marineros, y punto de arranque de todo el proceso”.

Mi dificultad de precisar la fecha en que vi la palabra ronsel utilizada por Ortega y Gasset… Recuerdo que fue en Ribeira, y en compañía de Otero Espasandín, y que ambos participamos en la misma sorpresa. Se trataba de algunos de los “Folletones” que por entonces publicaba Ortega en El Sol con cierta regularidad. Fue, según creo, bastante antes de la proclamación de la República. Pero ¿en qué número? Haría falta una paciente labor de hemeroteca (que aquí no hay) para investigarlo, aunque también podía servir para el mismo propósito — y siempre con paciencia y arte de buscar alguna buena edición de Obras Completas (en que figuren dichos folletones con mención de sus fechas y origen)—... La palabra no fue transmitida a Ortega por mí. Supongo que, oralmente, por nadie, al menos antes de que él mismo la hubiese visto como título de la revista. ¿Quién le explicó el significado? Pudo muy bien ser Evaristo Correa Calderón. Otra posibilidad: García Martí. Son varias las hipótesis posibles, pero todas verosímiles”.

Esquecíase Dieste doutra posibilidade, quizais a máis plausible: Jesús Bal y Gay, moi activo na Residencia de Estudiantes coa que Ortega tiña unha grande afinidade.

Nun comentario xornalístico, asinado por Juan Soto en El Progreso o 21 de abril de 1970, referido ao acto de ingreso de Dieste na Real Academia Galega, aludíase a un comentario feito por un amigo do novo académico dicindo que fora o de Rianxo o primeiro en utilizar a palabra ronsel, causante, en última instancia, do nome da revista. Quérese dicir que a explicación que o protagonista nos ofrecera na carta citada e reproducida, era unha reiteración ou unha reafirmación xa expresada, grosso modo, catro anos antes.

3

Para intentar fixar cronoloxicamente o uso desta voz, botamos man do Tesouro Informatizado da Lingua Galega (TILG), que sitúa en 1922 a primeira aparición da mesma. Con todo, cómpre facer constar algunhas inexactitudes e omisións aí aparecidas e que pasamos a sinalar. A primeira é a de non situar en marzo de 1922 a data en que Jaime Quintanilla emprega o vocábulo (hápax?). O TILG faino en agosto, paradoxalmente, nun comentario crítico sobre o libro de Quintanilla aparecido, sen asinar, no número 12 da revista Nós. Tampouco se marca a data do mes de xuño, cando Manuel Antonio asina o xa citado “Poemas do Faro I”, incluído no poemario Foulas, anterior nun ano ao que sinala o TILG para este autor, neste caso no poemario Sempre e mais dispois. Respecto dos dous textos de López Abente que o Tesouro antepón ao escritor de Asados, deberiamos pospolo a aquel, pois carecen da precisión temporal que viamos no caso anterior, máis alá de seren de 1922. Así mesmo non se alude ao poema de José María de la Fuente, escrito en Nadal de 1922 e publicado no mes seguinte. Pero o que resulta máis sorprendente é a omisión do emprego máis transcendente da verba, a que deu título á revista que nos ocupa, en maio de 1924. Tampouco se rexistran os dous usos poéticos aparecidos no primeiro número da publicación, da autoría de Victoriano Taibo, en primeiro lugar (“O teu ronsel é o camiño / que me leva a ti, meu ben”) e, en segundo, de Evaristo Correa (“Divinho caminho, / ronsel do luceiro”). Aínda sendo extremadamente rigorosos neste rastrexo léxico, deberiamos anotar as diferentes veces en que se usa o termo para anunciar a revista luguesa dadas na prensa da Coruña, Vigo e Lugo durante os meses de febreiro e marzo.

Nunha enquisa realizada polo xornal El Progreso, o 19 de abril de 1961, sobre a lingua e literatura galegas, Evaristo Correa volvía reclamar o seu protagonismo sobre a palabra: “Considero urgente exhumar las palabras que ya existen. Yo lancé Ronsel, que ya existía, y hoy es de uso común”.

Sobre a reflexión lingüística en xeral, e no plano léxico en particular, é de interese a que expresaba Vicente Risco, en época tan temperá como 1925. O 29 de outubro, en La Zarpa, no apartado “A nosa fala”, escribía o seguinte sobre a verba, a propósito da necesidade de arrequecer o noso léxico literario: “Ás veces, as necesidades da espresión escrita principalmente, obriga a botar mau de verbas esquecidas e en desuso. […] ou vivas ainda n-algunha aldeia recuada […] coma: […] ronsel por ‘estela de un barco’, etc.”. É esta a primeira vez que se trata a palabra dende unha óptica lexicográfica.

Nos tres casos, Dieste, Correa e Risco, hai coincidencia en que se trataba dunha voz viva no galego oral, pero comentada dende ópticas e valoracións ben distintas. Nos dous primeiros respecto da responsabilidade na recuperación e a súa posta en uso, e, no terceiro, dende unha perspectiva estritamente lingüística e literaria.

4

En La Voz de Galicia, El Pueblo Gallego, Alfar e El Progreso foron aparecendo noticias da revista en meses anteriores á súa saída.

5

Dicía Gil no número do cincuentenario (1975, p. 30): “aos vinte anos, cando Correa Calderón nos axuntóu para publicar Ronsel”.

6

Evaristo Correa era un dos poucos asistentes aos dous faladoiros madrileños, o de Pombo, presidida por Gómez de la Serna e o de El Colonial de Rafael Cansinos Assens. A pertenza a un equivalía á exclusión do outro, tal era o enfrontamento que había entre os dous pontífices da modernidade literaria española. A simpatía de Correa con moitas daquelas persoas que pululaban neses cenáculos artísticos foi determinante para atraelos como colaboradores de Ronsel.

7

Na lembranza que facía Álvaro Gil, no número homenaxe do cincuentenario, a propósito da súa veciñanza e amizade familiar con Jesús Corredoira, comentaba o seguinte: “Era eu un neno e xa sentía fonda ademiración por el. Na miña casa, o meu pai fora un bó artista, profesor de Dibuxo na Escola de Artes e Oficios, e tamén o foi un parente seu, o augafortista Castro Gil. Eu mesmo debería ser pintor […] De neno vía pintar a Corredoira, verdadeiramente asombrado. Axiña me tomou por modelo. E alí estóu, cos meus oito ou dez anos, figurando no seu magnífico cadro Triptico de Navidade, no que tamén aparez, xa rapaz lanzal, Luis Pimentel tocando a gaita, que por aqueles días adeprendía a pintar con el” (1975, p. 30). A afección pola pintura de Bal queda amosada nun notable óleo, unha anciá sedente, cando era pouco máis ca un neno.

8

No limiar do seu libro Índice de utopías gallegas (1929) confesaba que “La vocación irresistible de mi adolescencia fue la de pintor. Pero tuve que dejarlo porque no tenía condiciones para ello”.

9

Nese mesmo prólogo dicía: “Sobre todos mis aspectos, me parece que se destaca el de animador: de problemas, de sugestiones, incluso de empresas. Siento dentro de mí el dinamismo de mi época” (Correa 1929).

10

A este grupo xeracional pódese engadir algunha outra persoa, por exemplo Xoán Rof Carballo. Celestino Fernández de la Vega inclúeo no seu artigo do cincuentenario (1975). O propio Rof inscribíase neste grupo. Na salutación que fixo ao tomar a cadeira como membro da Real Academia Española na vacante deixada, curiosamente, polo seu amigo Eugenio Montes, dicía o culto doutor e ensaísta: “Señores Académicos: tenemos en gallego una hermosa palabra, ‘ronsel’. Significa la estela que un navío va dejando en el mar. Un grupo de escritores de mi generación editó en 1924, con este nombre de ‘Ronsel’, una revista de jugoso contenido y de duración breve. Eugenio Montes figura entre sus redactores primeros y yo entre los últimos”. (Rof 1984, p. 5).

Nos distintos momentos en que Fole fala da revista e dos seus membros, faino cunha certa distancia, sempre sen se incluír no grupo ao que pertencían os seus irmáns Desiderio e Salvador. Así e todo, Fole sería o principal dinamizador cultural local dende os inicios da década seguinte, póndose á fronte de revistas como Guión e Yunque, publicacións interxeracionais, acaroando persoas da xeración de Ronsel, de maneira especialmente significativa a Ángel Johán, cos máis novos como Álvaro Cunqueiro.

11

Tamén a revista coruñesa Alfar daba conta dela no número de marzo. Outros xornais, como El Pueblo Gallego facían o propio coa mesma antelación.

12

Polo que atinxe á relación entre os dous directores é significativa a presenza de Correa, como conferenciante de arte, nos locais das Irmandades da Fala de Ferrol en 1921, por mor da exposición de Cebreiro celebrada nesta cidade.

13

As portadas dos seguintes números foron obra do lugués Ángel Johán, encargado tamén de moitos péquenos detalles de ornamentación. Desta maneira podemos considerar que a dirección artística foi, de feito, compartida entre os dous artistas, pois non hai que esquecer que o lucense é autor de varias mostras como o fermoso debuxo Rapaciña galega, de clara raigame modiglianesca.

14

A revista abría o seu primeiro número cun poema de Teixeira de Pascoaes, exactamente como fixera a revista Nós. Teixeira era un autor venerado por todo o mundo en Galicia, mozos e maiores. É significativo que na ampla relación epistolar mantida polo poeta saudosista con escritores e artistas galegos sexan Noriega Varela e Álvaro Cebreiro os que sostivesen unha máis fraternal e respectuosa relación. Sen dúbida o motivo da visita realizada a Amarante por Cebreiro e Álvaro Gil (Manuel Antonio non puido ir por mor dunha doenza) era o de conseguir a súa participación na revista. A viaxe é comentada por Domingo García-Sabell na edición da poesía do poeta de Asados (1972, tomo I, p. 31).

15

Reproducimos, a modo de exemplo, a aparecida na francesa Manomètre.

16

A este respecto é curiosa a crítica que facía Risco sobre o que sempre se considerou un logro valioso de Ronsel, a fermosa e limpa edición, feita cuns caracteres que engaden modernidade á feitura da publicación.

No comentario ao libro de Gonzalo López Abente, D’outono, publicado baixo o selo Ronsel, dicía o mestre ourensán, nunha actitude ultranacionalista, que ao libro non había que poñerlle chata ningunha: “a editorial Ronsel fixo unha edición feituca y-escorreita, que non ten máis que ll’apor, senón que s’imita demais, até nos tipos empregados, ás da Revista de Occidente. Pensamos que hai un geito doado de qu’a unha edición feita en Galiza se lle coñeza que é unha edición galega: compre cria-lo tipo do libro galego” (Risco 1925a).

17

No número do cincuentenario lembraba o secretario de redacción “¡¡cantas cartas escribía pedindo artigos e dibuxos!! ¡¡canto traballei para que a revista chegase a meio mundo, xunto cos amigos que xa eran escritores declarados!!” (Gil 1975).

18

É de interese o comentario de Carlos García sobre este particular, o financiamento de revistas de vangarda, no seu artigo “La querella entre los modernos. Vicente Huidobro y Guillermo de Torre (1920)” (2018). En referencia a unhas cartas cruzadas entre Guillermo de Torre e Gerardo Diego, o autor sinala: “El argumento […] es interesante, entre otras cosas, porque plantea la pregunta acerca de los medios de financiación de las publicaciones ultraístas —o de vanguardia en general— […] Falta un estudio sistemático acerca del tema financiación de órganos de vanguardia. Aparte de los datos relacionados con Reflector (financiada por Ciria y Escalante) merece mención aquí el papel asignado a Huidobro en estos menesteres. Así, por ejemplo, Torre espera que el chileno colabore con 300 pesetas a la financiación de su nonata revista Vertical. El grupo que haría en 1921 la revista Ultra (Madrid), por su parte, escribe a fines de 1920 a Huidobro solicitando su adhesión al proyecto —y su dinero”.

19

No momento de escribir este artigo chéganos a espléndida noticia da reprodución dixitalizada, libre e pública, feita pola Real Academia Galega. Deste xeito o lector destas liñas poderá comprobar a presenza publicitaria á que nos referimos.

20

A contribución creacionista presente na revista é galega, a que ofrece Manuel Antonio no seu poema “Excelsior”, cunha disposición próxima ao caligrama e con marcado individualismo, emprego dunha linguaxe técnica e lúdica (radiografías, pirotecnia, constelación) todo moi na liña huidobroiana. O poema está asinado en maio de 1923 e forma parte de Foulas.

Os ecos de Vicente Huidobro chegaron ata a década seguinte. É innegable a súa pegada no primeiro poema de Poemas do si e do non de Álvaro Cunqueiro, publicado en 1933. O poeta mindoniense, ávido lector, tivo que ler o poema/libro Altazor editado dous anos antes. Cotexemos os inicios de ambos poemarios: “Prefacio. Nací a los treinta y tres años el día de la muerte de Cristo; / nací en el Equinocio, bajo las hortensias y los aeroplanos…”. “Limiar. Eu nascín / —entre as zocas e os lóstregos / na mitade da noite— / corenta e sete días despois do primeiro aeroplano…”.

21

Non esquezamos , por exemplo, as palabras de Pedro Garfias en “La Fiesta Ultra” ao falar dos vellos: “Ellos ocupan, injustamente, nuestros puestos y […] pretenden acallar el triunfo de nuestras voces juveni-les. […] Yo os predico el odio y la guerra a los viejos […] ¿No creéis llegado ya el momento de la severa revisión de valores? ¿O es que queda aún en vosotros una sombra de respeto para los viejos que nos odian y crispan los puños, esperándonos?”. Quizais o máis próximo a esta actitude era a que representaba Manuel Antonio, lembremos as referencias aos vellos e “devanceiros” no manifesto Máis alá, malia que el mesmo mantiña unha actitude contraditoria.

22

A pintora e gravadora arxentina volverá colaborar, en 1932, noutra publicación lucense, Yunque.

23

Non deixa de ser sorprendente que dous deses nomes tan reverenciados naqueles días por Bal, acabarían sendo cordiais amigos.

24

Nunha carta de Evaristo Correa a Jesús Bal, este laméntase da morte de Amado Carballo e evidénciase a relación e admiracion dos lucenses respeto do pontevedrés. Nela dicía Correa que “Ya habrás visto la pérdida que hemos tenido con la muerte de Amado Carballo, ¡Se nos están yendo los mejores!” (www.residencia.csic.es).

25

O certo é que, xustamente no número 5, anunciábase a bonaerense >nicial. Revista de la Nueva Generación, de título coincidente co que adoptará Ronsel a partir do seguinte e derradeiro número.

26

Os estudosos da nosa historia cultural denominarán de distintas maneiras a aparición deste amplo grupo: Xeración do 25 (denominación acuñada polo propio Jesús Bal); Xeración do Seminario de Estudos Galegos; Novecentismo e, incluso Xeración Ronsel. Eu mesmo atrevinme a introducir unha nova denominación, a de Xeración de 1928, baseada no significativo acontecemento da publicación, nese ano, dun libro en que, por vez primeira, se agrupan os principais membros da nosa renovación poética: Amado Carballo, Eduardo Blanco Amor, Manuel Antonio, Eugenio Montes, Cándido Fernández Mazas (Denys Fernández), Jesús Bal y Gay e Xulio Sigüenza. O libro é a Antología de la lírica gallega de Álvaro de las Casas (Varela 2006).

27

Como recolliamos nas palabras de Filgueira Valverde coas que encabezabamos este artigo, este tipo de edicións fixeron posible, durante moito tempo e aínda hoxe, que o público curioso tivese a posibilidade de consultar esas revistas impresas moitos anos atrás. Claro que dende entón todo mudou radicalmente e xa non é preciso acceder fisicamente a tan valiosas publicacións grazas ás dixitalizacións.

28

La Centuria (1981), Ronsel (1982), Logos (1983). Pouco antes, en 1979, a editorial Galaxia encetara este labor coa revista Nós.

29

“Características externas. Publicidade: unicamente de libros, editoriais e revistas e só na p.[23] dos números 3, 4, 5 e 6”. Páx.13”.

30

Os argumentos explicativos que nos daba Correa verbo da lingua castelá como lingua “oficial” da publicación merecen uns comentarios. Dicíanos que en galego xa se facía unha revista, Nós, argumento pouco convincente para unha persoa que xogaba co nacionalismo, pero a maiores inexacto pois no tempo que viviu Ronsel a revista Nós deixara de publicarse (dende xullo de 1923 ata o mesmo mes de 1925). Por outra banda, ter o galego como lingua subalterna resulta estraño nunha persoa que uns anos antes dicía palabras de tan exaltado nacionalismo como as empregadas o 23 de xaneiro de 1921 no Heraldo de Galicia xornal cubano: “¿Tendo unha lingoa nosa, debemos falar unha estranxeira que nos impon o centralismo? Unha centella caia sobor do renegado que sinta vergoña da sua nai e da sua lingoa. [...] Tende odio e xenreira a aqueles que teñen a pouta posta na y-alma da Galiza. ¡Cómo os vermes debemos esmaga-los baixo os nosos pés…!”.

31

Paga a pena destacar o espazo que, antes da formación daquel grupo, se lle dedicara ao cinema no xornal dos irmáns Correa, Vanguardia Gallega, en 1931 e 1932. Sen dúbida a iniciativa pioneira de Ronsel foi unha lembranza viva para aqueles que, anos despois, nun contexto político e cultural máis favorable, levarían a cabo unha importante actividade cultural na cidade.

32

Non esquezamos que a editorial publicou, con posteridade a 1924, varios títulos da súa autoría.

33

El sería o responsable da edición, póstuma, do libro do seu compañeiro e amigo íntimo Luís Pimentel, Barcos sin luces (Editorial Celta, 1960).

34

O irmán menor de Evaristo tivo unha vocación publicista moi activa dende idade moi temperá; en 1917, con dez anos dirixiu o semanario infantil do Instituto de Lugo, El Ideal, e en 1918 codirixiu, con Antonio Goy Ulloa, a revista decenal Juvenilia. El foi, como vimos de dicir, o autor do derradeiro titulo editado por Ronsel en 1933, os Treinta poemas en prosa para los treinta días del mes de abril.

35

O libro foi celebrado por Azorín no xornal La Nación de Buenos Aires.

36

Non está de máis lembrar a importancia fundamental da figura de Juan López Suárez, Xan de Forcados, determinante para a creación da Misión Biolóxica. Xan de Forcados era cuñado de José Castillejo, secretario da Junta de Ampliación de Estudios e un dos homes con máis capacidade de decisión dentro do institucionismo gineriano.

37

Escribía Francisco Lamas (1905-1987), un dos principais activistas culturais lucenses durante a República, responsable, xunto a Ánxel Fole, das revistas Guión e Yunque, lembrando aquela xuventude, a súa, que “Los influjos de la Institución Libre de Enseñanza, matizado por un sentimiento galleguista intenso serían nuestros cimientos ideológicos”. Lamas obtivera unha bolsa da Junta de Ampliación de Estudios para formarse na prestixiosa escola neurofisiolóxica de Keith Lucas, en Cambridge, á que renunciou polo seu compromiso político e ideolóxico. Véxase o libro Para los que no vieron. Francisco Lamas López, memorias del alma lucense republicana, por Elvira M. Melián (2004), libro memorialístico do que foi derradeiro alcalde republicano de Lugo, fiel expoñente desa xeración, represaliado polo novo réxime durante cinco anos, entre 1936 e 1941, no penal navarro de San Cristóbal.

Pola contra os irmáns Correa Calderón, especialmente Evaristo, serían, a partir de 1936, membros activos do falanxismo cultural.

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS

Cora, José e Soto, Juan (1970). Hombre y letras. Rafael Dieste en la Academia Gallega. El Progreso. 21/IV/1970, 4.

Correa-Calderón, Evaristo (1921). Verbas acesas. Heraldo de Galicia: periódico consagrado a los intereses del pueblo galiciano y paladín de la colonia gallega en Cuba. 27 (23/I/1921), 2.

Correa-Calderón, Evaristo (1929). Índice de utopías gallegas. Madrid: Cª Ibero-Americana de Publicaciones.

Fernández de la Vega, Celestino (1975). Los de Ronsel. Ronsel. Revista de literatura y arte. Número conmemorativo del cincuentenario de su publicación 1924-1974, 59-61.

García, Carlos (2018). La querella entre los modernos. Vicente Huidobro y Guillermo de Torre (1920). Ómnibus. 56. Dispoñible en

García-Sabell, Domingo (1972). Limiar. En: Manuel Antonio, Obra completa. Vigo: Galaxia.

García de la Concha, Víctor (1973). Ronsel: Revista de literatura y arte. Lugo, 1924. Papeles de Son Armadans. CCIII.

Gil Varela, Álvaro (1975). Corredoira de novo. Ronsel. Revista de literatura y arte. Número conmemorativo del cincuentenario de su publicación 1924-1974, 29-31.

Melián Elvira M. (2004). Para los que no vieron. Francisco Lamas López, memorias del alma lucense republicana. Sada: Ediciós do Castro.

Risco, Vicente (1925a). Os homes, os feitos, as verbas. Libros. D’Outono, por Gonzalo López Abente. Nós. Boletín mensual da cultura galega : órgao da Sociedade Galega de Pubricacións. 19, p. 19.

Risco, Vicente (1925b). A nosa fala. IX. La Zarpa. Diario de los agrarios gallegos. 29/X/1925, 1.

Rof Carballo, Xoán (1984). Un médico antes el lenguaje: discurso leído el día 17 de junio de 1984 en su recepción pública por el Excmo. Sr. D. Juan Rof Carballo y contestación del Excmo. Sr. D. Joaquín Calvo-Sotelo. Madrid: Garsi.

Varela Suances-Carpegna, Álvaro (2006). Álvaro das Casas expoñente dunha xeración (¿a do 28?). Ágora do Orcellón. 11.