A Real Academia Galega vén programando nos últimos meses do ano o simposio que lle dedica á figura homenaxeada o Día das Letras1. Transcorridos os actos institucionais e publicadas —agás algunha excepción— tanto as obras da autoras coma os estudos sobre elas, a escolla da data sitúa as persoas participantes nunha posición de certo privilexio á hora de facer valoracións sobre as Letras Galegas en cuestión.
Son as últimas semanas do ano as coordenadas temporais nas que sitúo este traballo, que ten como obxectivo facer unha sorte de balance e tamén unha listaxe de tarefas pendentes. Especialmente acaído resultaba para o título o comezo dun dos textos en prosa máis coñecidos de Luísa Villalta, a coluna “Para que serven os libros”, aparecida no semanario A Nosa Terra o 22 de maio de 2003 e recollida posteriormente en Libro das colunas (2005). Na incisiva afirmación que abre o artigo tense visto non só unha reflexión sobre a celebración das Letras e a súa incidencia na sociedade, senón tamén unha advertencia que, lida desde o presente, pode resultar visionaria:
Xa está. Xa pasou o Día. Antón Avilés de Taramancos xa ten a merecida restitución do seu nome, reincorporado por vía da súa propia obra aos fundamentos máis sólidos do noso progreso como pobo. Xa se enteirou todo o mundo, quen nada disto sabían e quen, sabendo, temían, porque é condición dos febles temer mesmo a forza que os vén axudar. (Villalta 2005, p. 73)
A alusión á merecida restitución do seu nome
, que viña reparar o descoñecemento de quen nada disto sabían
, e o silenciamento de quen, sabendo, temían
, semella reforzar un marco de lectura no que o paralelismo entre as figuras homenaxeadas en 2003 e 2024 resulta evidente. Así se percibe na reivindicación da obra do poeta noiés, cuxos libros se resisten a quedaren definitivamente pechados, clasificados e bendecidos co marchamo institucional de benfeitores da patria
porque a [súa] memoria está viva e moitos de nós aínda temos na retina o braceo indócil das súas palabras, que digo, do vento tan arrasador como xeneroso que era a súa idea de patria
(Villalta 2005, p. 73).
Deixando a un lado similitudes e intuicións, interésame retomar, para a cuestión que nos ocupa, a afirmación tallante coa que comeza o artigo, xa pasou o Día
, que remite ao coñecido refrán “pasou o día, pasou a romaría”. Tales palabras convidan a pensar sobre o sentido da celebración das Letras e sobre a repercusión da efeméride nos procesos de restauración, difusión, estudo e canonización da figura homenaxeada. Neste sentido, o texto de Luísa Villalta anticipa un debate que se vén producindo desde hai un tempo sobre en que medida o interese pola escritora á que se lle dedica o Día das Letras Galegas non converte as homenaxeadas en flores dun día e vítimas do esquecemento, como acontece no citado caso do poeta de Taramancos.
Pretendo compartir nesta reflexión dúas preocupacións. Unha delas, que vén de vello e se reaviva co rescaldo das palabras de Luísa, interrógase sobre o(s) modelo(s) de celebración da efeméride das Letras no referido á difusión da obra da figura homenaxeada. A outra, sobre como pensar —isto é, que tarefas quedan pendentes, que folla de ruta é preciso seguir— Luísa Villalta despois das Letras Galegas 2024. Son ademais consciente de estar a facer esta reflexión nas portas dun ano no que o obxecto da homenaxe, as cantareiras e a poesía popular oral, xera, pola súa propia natureza, expectativas insólitas.
Para facer unha valoración, por forza incompleta, sobre o ano de Luísa Villalta semella necesario partir das motivacións e obxectivos que se sinalan na nota de prensa emitida pola Real Academia Galega para anunciar a súa escolla:
[...] o 17 de maio será unha ocasión excepcional para reivindicala en toda a súa amplitude como a intelectual que foi. A autora coruñesa foi unha escritora para facernos pensar o mundo contemporáneo a través dunha obra marcada polo pensamento apaixonado, a procura do rigor e tamén a exploración estilística. O cruzamento entre a poesía e a música é outro dos trazos definitorios dunha autora recoñecida sobre todo como poeta, pero que tamén cultivou con talento o teatro, a narrativa, o ensaio, o articulismo e a tradución.Todos estes perfís serán motivo de atención o ano que vén arredor dunha celebración que permitirá actualizar e ler a súa figura á luz de novos marcos de análise, e tamén ao abrigo dos afectos que a súa personalidade segue a xerar. (Real Academia Galega 2023; cursivas miñas)
Tres son polo tanto os obxectivos que subxacen na declaración institucional da Academia:
- A reivindicación de Luísa Villalta “en toda a súa amplitude” e o recoñecemento da súa condición de “intelectual”, que apunta ao reducionismo co que até o momento viña sendo coñecida.
- O coñecemento da súa obra, o que implica a reedición de practicamente todo o seu corpus.
- A “lectura á luz de novos marcos de análise”, isto é, a súa investigación e estudo.
Á hora de falar da obra de Luísa Villalta, creo necesario reparar nos factores condicionantes do corpus que denominarei literatura das Letras, para referirme a biografías, estudos, edicións, antoloxías, adaptacións e outras achegas. Estes axentes poden ter un carácter xeral, derivado da propia natureza da celebración das Letras, e afectar cada ano, en maior ou menor medida, á produción de materiais. Son:
- As carencias estruturais do sistema editorial galego, especialmente débil en xéneros como o teatro ou o ensaio, e que ten como consecuencia a descatalogación de títulos e a súa conseguinte exclusión en canto obras vivas.
- Os condicionantes derivados do esixente calendario das Letras e que ten como implicación máis inmediata unha premura na edición que non permite, nunha boa parte dos casos, a reflexión debida. O compromiso de escribiren sobre a homenaxeada que adquiren persoas e institucións leva a miúdo a planificacións de urxencia con frecuentes solapamentos. A isto debe engadirse a dificultade que nalgúns casos presenta o acceso aos materiais. A simultaneidade dos procesos de investigación e escritura que se adoita producir non permite en definitiva o necesario diálogo entre as diferentes publicacións.
Outros condicionantes da literatura das Letras afectaron de maneira particular á figura e á obra de Luísa Villalta. Foron, no fundamental:
- A dispersión e descatalogación da súa obra, derivada en boa medida dunhas escollas editoriais particulares, das que os desaparecidos Cadernos da Escola Dramática Galega ou A Nosa Terra son bos exemplos.
Para entender este proceso cómpre ter tamén en conta que, nos primeiros meses do ano das Letras de Luísa Villalta tan só estaban dispoñíbeis a edición da súa poesía completa édita, o volume Pensar é escuro. Poesía reunida (1991-2004) (2023), ao coidado de Armando Requeixo; o inédito As palabras ingrávidas (2020), ao coidado do mesmo autor; a antoloxía Así vou eu formando parte (2024), de Eva Veiga e Pilar Pallarés; e Sinfonía de escenas: obra dramática completa de Luísa Villalta (2018), editada e anotada por Alexandrina Fernández Otero e Lino Braxe.
- Algunhas dificultades no acceso ao fondo documental.
- A demora no proceso de edición, que supuxo que a autora obxecto de homenaxe non sempre puidese ser estudada “en toda a súa amplitude” nin sequera lida en toda a súa totalidade.
Alén de infrecuente, o último dos factores sinalados resultou especialmente grave dado o esquecemento que a autora viña experimentando tanto no ámbito da investigación coma no do ensino. Nas páxinas que introducen o libro Escribir para quen. Relecturas posíbeis de Luísa Villalta (2024), que coordinamos Montse Pena Presas e mais eu, deixamos constancia de tal anomalía ao nos referir a unha obra que, en boa medida, segue agardando parcialmente a ser editada (cando menos á altura do mes de marzo, cando mandamos ao prelo este volume)
(Nogueira Pereira e Pena Presas 2024, p. 10). Tamén Dolores Vilavedra, nun capítulo do mesmo libro, considera que
para termos unha visión completa da Luísa Villalta narradora cómpre atendermos á ducia aproximada de relatos que deixou espallados en revistas e publicacións colectivas de diversa índole e que, na miña opinión, están a demandar unha edición nun volume conxunto que nos permita lelos e estudalos como corpus. (Vilavedra 2024, p. 68)
O atraso no ritmo de edición, se facemos comparación co que vén sendo habitual no calendario das Letras de anteriores anos, non só supuxo atrancos no estudo da obra da escritora senón que, lonxe de permitir que fose lida “en toda a súa amplitude”, profundou nas inercias da súa recepción. Tal se deduce da reconstrución da cronoloxía atendendo aos diferentes xéneros.
— A poesía. A publicación dos mencionados Pensar é escuro (2023), pola editorial Galaxia, e a antoloxía Así vou eu formando parte (2024), por Chan da Pólvora, que incluían ademais os únicos estudos de conxunto sobre a autora feitos até o momento, afianzou a tendencia a sobredimensionar esta faceta da súa escritura, e mesmo a reducir a figura de Luísa Villalta á condición de poeta. A coidada reprodución facsímile do calendario As palabras ingrávidas (2020), polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, tivo unha transcendencia considerablemente menor debido á súa restrinxida distribución e apenas abriu o (necesario) debate sobre a publicación con carácter póstumo de textos inéditos.
Por outra banda, a demora na reedición de Papagaio (2006), que levaba anos esgotado, por Kalandraka2, privou do coñecemento de dúas facetas da poesía de Luísa Villalta: a interartística (o diálogo coas fotografías de Maribel Longueira) e a social (a transformación da cidade, a especulación urbanística, a marxinalidade).
A este corpus habería que engadir a edición tardeira —tomando como referencia o ano das Letras— dos haikus compilados por Luciano Rodríguez no recente Formas breves de pensamento (2024), aparecido no mes de setembro. Tamén a Poesía inédita e dispersa (en prensa cando isto escribo), preparada por Pilar Pallarés e Miguel Mato, as dúas publicadas por Galaxia.
— A narrativa. Diferente foi a situación da obra narrativa de Luísa Villalta que, nas portas do ano das Letras, era practicamente inaccesíbel. Á difusión dos seus libros contribuíu o volume Narrativa reunida 1991-2001 (2024), publicado no mes de marzo por Galaxia, que reunía Silencio, ensaiamos (Vía Láctea, 1991), Teoría de xogos (Laiovento, 1997) e As chaves do tempo (A Nosa Terra, 2001). Este último foi tamén reeditado no mesmo mes por Cuarto de Inverno.
O anunciado volume Narrativa inédita e dispersa (en prensa cando isto escribo), ao coidado de Daniel Chapela, tamén en Galaxia, semella atender a demanda feita por Dolores Vilavedra (vid supra) de completar o corpus da escritora.
— O teatro. Como xa se indicou, a difusión do teatro de Luísa Villalta viuse afectada pola debilidade do sistema editorial e a súa desatención ao xénero. Neste senso, a publicación de Sinfonía de escenas: obra dramática completa de Luísa Villalta (2018), en Edicións Proscritas da Asociación Cultural Alexandre Bóveda, constituíu un fito cuxas dimensións se viron reducidas pola escasa tiraxe e distribución do libro. Deste xeito, a lectura da obra dramática da autora viuse reducida até a aparición de Teatro completo de Luísa Villalta (2024), preparada por Henrique Rabuñal para Galaxia, que non viu a luz até o mes de xullo.
— O ensaio e outras prosas (de non ficción). O cultivo de prosa non ficcional, a miúdo etiquetada baixo o termo ensaio, ten unha notábel importancia simbólica á hora de afianzar o modelo de muller pensadora e intelectual reivindicado para Luísa Villalta. A publicación destes textos reforzan ademais a singularidade da autora, dada a escaseza de mulleres que naquela altura escribiron ensaio e xéneros próximos.
Do corpus escrito baixo tan amplo paraugas terminolóxico cumpriría polo tanto diferenciar o ensaio propiamente dito, entendido como un xénero en prosa de non ficción e con vocación de estilo, doutras modalidades como o xornalismo literario, a columna de opinión, o aforismo ou a divulgación. Dos dous libros escritos por Luísa Villalta con clara vocación ensaística, O outro lado da música, a poesía: relación entre ambas artes na historia da literatura galega (1999) foi reeditado en 2021; O Don Hamlet de Cunqueiro: unha ecuación teatral (1992) foino en 2024. Recentemente, Galaxia sacou do prelo o citado Formas breves de pensamento (2024), unha incursión na sempre controvertida publicación de inéditos. Neste caso trátase de catorce aforismos e dous cadernos sobre música, interpretación musical e escritura, “Compendium musices 1994” e “Compendium musices 1999”. Estas coleccións, que se publican aténdonos á disposición que deixou establecida a propia autora
(Rodríguez 2024, p. 9), ensanchan e diversifican o corpus da escritora.
Para o coñecemento da prosa non ficcional de Villalta, nomeadamente o artigo de opinión, foi fundamental a reedición do mencionado Libro das colunas (A Nosa Terra, 2005) por Galaxia en maio de 2024. A recuperación do volume, que facilitou o coñecemento dunha Luísa Villalta en permanente diálogo cos temas da contemporaneidade, evidenciou tamén a necesidade de recuperar moitos outros textos dispersos, tanto en revistas coma en volumes colectivos, dunha autora que sempre se amosou disposta a achegar a súa palabra analítica, crítica, divulgativa ou activista e a escribir sobre os temas máis diversos. Todos estes textos, entre os que figuran dous pequenos ensaios que se acostuman citar á hora de falar de Luísa Villalta e o feminismo, “Mulleres si, pero” (1994) e “Por que os homes non nos len? (A difícil homologación da literatura escrita por mulleres)” (2003), e tamén moitos outros de difícil acceso, resultan imprescindíbeis para o coñecemento da autora.
Retomando a pregunta de como pensar, a partir de agora, cando xa pasou o Día, Luísa Villalta, e como facer fronte ao esquecemento que paira sobre moitas figuras homenaxeadas, enumerarei, a xeito de prontuario, unha serie ideas que en boa medida se desprenden do até aquí exposto:
- Pensala, isto é, tela presente: incorporala aos currículos e ás antoloxías. Lela e estabelecer diálogos coa súa obra. Mediar, se for necesario, naqueles textos que así o demanden para afastar de Luísa Villalta a presuposición dun hermetismo ao que en máis dunha ocasión se ten asociado.
- Situala nos diferentes modelos estéticos que se desenvolveron na literatura galega a partir da década dos oitenta. Neste senso, sería desexábel superar o marco xeracional que se veu empregando até o momento como criterio case único, e cuxa aplicación excesivamente ríxida ten deixado tantas zonas de sombra, e explorar fórmulas máis produtivas.
- Combater inercias que condicionaran ou poidan condicionar a súa lectura, principalmente dúas:
- O peso do biografismo, unha sombra que paira sobre numerosas figuras femininas e/ou contemporáneas. Neste senso, cabería preguntarse se é o ano das Letras o momento máis acaído para facer unha biografía, que non sexa de emerxencia, de figuras tan próximas no tempo como Luísa Villalta, Xela Arias ou Lois Pereiro.
- A iconización e a obxectualización, que afecta tamén ás voces mencionadas (Rodríguez Vega 2024). Deslindar Luísa Villalta destas voces contemporáneas semella necesario para evitar xeneralizacións e falsos paralelismos.
- “Actualizar”, recollendo as palabras da amentada nota de prensa da Real Academia Galega, “e ler a súa figura á luz de novos marcos teóricos”. Neste sentido, é preciso encher o baleiro existente, máis alá da literatura das Letras, nos estudos historiográficos, na crítica e na investigación, e fomentar análises desde paradigmas como a interartisticidade, o xénero ou a poesía e o pensamento, por mencionar tan só algúns exemplos.
- Pensar, como suxería a Academia, Luísa Villalta “en toda a súa amplitude”, sen deixar a media luz ningunha das facetas por ela desenvolvida, e ler a súa obra nunha dimensión macrotextual que permita entendela como un todo interconectado e esmeradamente planificado.
- Non esquecer un dos piares fundamentais que sosteñen a súa obra, como é o compromiso: o compromiso que a levou a entrar en diálogo cos debates da actualidade (a especulación urbanística, a prostitución, a guerra de Iraq ou a situación da lingua), e tamén a experimentar con todos os xéneros literarios, mesmo cos que naquela altura eran menos transitados por voces femininas.
Estas maneiras de pensar, de aquí en diante, Luísa Villalta non só demandan, como afirmei, un coñecemento da totalidade da súa obra senón tamén o pouso dunha literatura e uns materiais necesariamente de emerxencia como son os das Letras. Se cadra, tamén un pouco de distancia temporal para gañar perspectiva e, entrementres, seguir mantendo vivo o braceo indócil das súas palabras, que digo, do vento tan arrasador como xeneroso que era a súa idea da patria
, por volver lembrar a voz de Luísa Villalta a propósito de Avilés de Taramancos.