Boletín da Real Academia Galega

Núm. 384, pp. 321-345

© 2023. Real Academia Galega

https://doi.org/10.32766/brag.384.850

FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO E A XENTE DE GALICIA EMIGRANTE HISTORIA DUNHA DISENSIÓN PRODUTIVA

FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO AND THE PEOPLE OF GALICIA EMIGRANTE A HISTORY OF A PRODUCTIVE DISAGREEMENT

Pablo García Martínez
Universidade de Santiago de Compostela
Instituto da Lingua Galega

ORCID: 0000-0003-3923-2442

Resumo: Este artigo analiza a relación entre, por unha banda, Francisco Fernández del Riego e o grupo Galaxia e, pola outra, o grupo de galeguistas republicanos de esquerdas que se artellou en Buenos Aires, durante a segunda metade dos anos 50, á volta da revista Galicia Emigrante, dirixida por Luis Seoane. Sobre a base construída por un arquivo feito de textos xornalísticos, correspondencia e informes políticos, o texto conecta as tensións constitutivas do campo cultural galego transatlántico co contexto global das loitas pola hexemonía cultural durante a guerra fría.

Abstract: This article analyses the relationship between, on the one hand, Francisco Fernández del Riego and the Galaxia group and, on the other, the left-wing republican Galicianists based in Buenos Aires, during the second half of the 1950s, concerning the journal Galicia Emigrante, which was edited by Luis Seoane. Based on an archive comprising journalistic items, correspondence and political reports, this study connects the power relations constitutive of the transatlantic Galician cultural field with the global context of the struggles for cultural hegemony during the Cold War.

Palabras chave: Francisco Fernández del Riego, Luis Seoane, Galaxia, Galicia Emigrante, guerra fría cultural.

Key words: Francisco Fernández del Riego, Luis Seoane, Galaxia, Galicia Emigrante, Cultural Cold War.

Trabajaste sólo cuando nadie lo hacía y eso nos basta. Todos los demás, para nosotros, vinieron después y el tiempo dirá cuando pase hasta que punto fué fecunda y útil tu labor. Esto es todo y va unido, en tu caso, a una amistad que nació hace muchos años, un cuarto de siglo, y para mí esto pesa de un modo entrañable. (Carta de Luis Seoane a Francisco Fernández del Riego, 13 de xuño de 1957, Proxecto Epístola)1

Unha década despois de reactivar as relacións co galeguismo asentado na Galiza ibérica, Luis Seoane (1910-1979) vive o momento máis tenso da súa relación con aquel grupo que se artellaba, dende comezos dos anos cincuenta, á volta da editorial Galaxia. A ese momento pertence esta carta que Seoane lle envía ao seu antigo compañeiro na prensa do galeguismo republicano de esquerdas, Francisco Fernández del Riego (1913-2010) e, precisamente, este contexto de tensión nas relacións entre os grupos que se comunicaban a través deles dálle aínda máis valor ás louvanzas de Seoane. A alta valoración que o exiliado arxentino-galego ten de Del Riego mantense ata o final, tal e como deixa rexistrado meses antes de morrer Seoane cando, a comezos de 1978, asesora a Isaac Díaz Pardo, que estaba a organizar unha homenaxe ao Seminario de Estudos Galegos. Suxírelle daquela que sexa o escritor de Lourenzá quen se encargue da difícil tarefa de revisitar a política cultural galega durante a ditadura: nadie puede hacerlo mejor (carta de Seoane a Díaz Pardo, 3 de marzo de 1978, Proxecto Epístola).

O galeguismo funcionou para estes dous intelectuais como salvagarda dunha relación de disensión produtiva que permitiu unha sostida colaboración, máis alá da fidelidade de cada un deles a principios ideolóxicos diverxentes no mapa cultural da posguerra atlántica. Porén, existiron momentos nos que estas diferenzas tomaron especial protagonismo, como foi o ciclo 1956-1958. Nas liñas que seguen usarei a figura de Francisco Fernández del Riego como fío condutor para unha reconstrución dese intenso período, que se insire nunha máis ampla reconfiguración das hexemonías na cultura galeguista que mantiña aínda unha marcada natureza transatlántica por mor das fuxidas e silencios forzados polo terror franquista naqueles galeguistas que conseguiran salvar a vida durante a guerra civil.

1. A FOLLA IMPRESA, NO NACEMENTO E NA REACTIVACIÓN DUNHA DISENSIÓN PRODUTIVA

Quisiera que esta correspondencia que comenzaste tú a entablar con esta carta peregrina que yo contesto hoy, se continuase entre nosotros, pues si bien hemos perdido el contacto personal hace muchos más años que los que uno desearía hubiesen pasado, hemos tenido noticias vuestras bastante a menudo a través de cartas escritas a amigos nuestros de aquí o de algún que otro viajero. Hemos trabajado mucho, con suerte y sin ella, de cualquier manera, haciendo de todo, pero tratando en todo momento de hacer honor con nuestra conducta y labor a Galicia. [...] Todos trabajamos lo que podemos, es el único modo de ir matando la nostalgia que nos corroe y el deseo de regresar. Algún día, ahí en Vigo, o en Santiago como en otros años, hablaremos de todo, cuando todo sea ya recuerdo. (Carta de Seoane a Del Riego, 20 de xaneiro de 1947, Proxecto Epístola)

Esta pasaxe pertence a unha carta que Luis Seoane lle envía a Francisco Fernández del Riego, tres anos máis novo ca el pero compañeiro na Universidade de Santiago de Compostela así como en órganos do galeguismo republicanista de esquerdas, como foi a revista Ser. Semanario gallego de izquierdas (1935). Na cohabitación naquelas páxinas atopamos un antecedente da inserción relevante que terá Del Riego coa cultura galeguista da Arxentina durante as décadas que seguiron á guerra civil, posición esta cobizada polo grupo Galaxia, tal e como lle deixará claro ao avogado de Lourenzá o “director literario” da editorial, Ramón Piñeiro: de ningún xeito nos interesa perder a representación que ti tes, que deu e aínda dará de si moito xogo no futuro. Pra nós é vital conservala (carta de Piñeiro a Del Riego, 18 de xuño de 1957, Fundación Penzol)2. A carta de Piñeiro a Del Riego inscríbese no momento de reconfiguración das hexemonías nun galeguismo político e cultural que, durante a década dos cincuenta, vía progresivamente atenuada a natureza transatlántica que definira a súa subsistencia no decenio anterior. Será precisamente a mediados dos corenta, en maio de 1946, cando se produza un momento de gran relevancia para o asentamento da posición de Del Riego como interlocutor primeiro co galeguismo porteño: a reactivación da relación con Luis Seoane.

Se tomei como punto de partida aquí a cohabitación entre Del Riego e Seoane nas páxinas de Ser é porque considero que non se pode entender a presenza porteña do primeiro sen ter presente a importancia que a cultura impresa tivo, tamén no galeguismo, á hora de xerar no papel diálogos, encontros e encontróns que a distancia física entre os interlocutores non permitiría. Aínda nos cincuenta, cando se deu unha progresiva reactivación da actividade literaria en Galiza, os escritores galeguistas atopaban nas follas impresas nunha das grandes capitais da edición literaria ibérica —dislocada por aquel entón— espazos para expresarse con liberdade, ás veces baixo pseudónimos como o frecuente Salvador Lorenzana de Galicia Emigrante. Aquí gustaríame chamar a atención sobre o interesante xiro cara á materialidade dos textos impresos que está na base da renovación da historia do libro que constituíron, nas últimas dúas décadas, os Print Culture Studies e que consideraron —no seu estudo da cultura do período que vai de finais do século XIX a mediados do século XX— que o modernism non sería posible sen as pequenas revistas que contribuíron a artellalo, a facer dialogar na páxina voces emitidas moitas veces dende latitudes distantes3. Igualmente, sen as revistas non existiría o antifascismo, a cultura antifascista que tomou forma con claridade na Europa da década dos trinta, en resposta ao auxe dos fascismos, e que se expandiu tamén, da man de tantas e tantos exiliados, a novos terreos nos que aquelas e aqueles atoparon acubillo4.

Pois ben, o mesmo pode dicirse da historia do galeguismo e do nacionalismo galego, tanto no conxunto do século XX coma, particularmente, na subsistencia durante as primeiras dúas décadas de ditadura franquista. Dificilmente se pode concibir a supervivencia da cultura galeguista nas dúas primeiras décadas de ditadura sen a cultura impresa. Así, a apelación xa no título deste texto á revista Galicia Emigrante conéctao cun recente xiro epistemolóxico nuns estudos literarios tradicionalmente dominados polo libro como obxecto que está na orixe da dotación de significado para a explicación de momentos concretos da historia dos campos literarios. Este texto pretende complementar esa dinámica epistemolóxica a través dunha abordaxe da historia intelectual do campo de produción cultural galego escrita no eixo que vai da correspondencia á folla impresa da revista, ou viceversa.

Retomando o fío do inicio da correspondencia entre Del Riego e Seoane á que pertence a pasaxe que abre este apartado, cómpre recordar que a epístola de Seoane era unha resposta á do seu antigo compañeiro dos anos trinta composteláns onde o autor homenaxeado en 2023 no Día das Letras Galegas avisaba da chegada dun ensaio da súa autoría para o certame literario organizado pola esquerdista Federación de Sociedades Galegas da Arxentina, en 1946, con motivo do 25º aniversario desta institución5. Ampliaba daquela Del Riego o seu eido de relacións cara a unha figura clave na edición porteña dos anos corenta e quen, ao mesmo tempo, estaba conectado cun Centro Gallego de Buenos Aires en que tería especial relevancia dentro da súa Comisión de Cultura, así como a través da dirección da súa publicación periódica, Galicia, que exercería ata o ano 1957. Mais, sobre todo, establecíase unha relación epistolar que será testemuño ineludible para entender a historia cultural galega deses anos.

Del Riego e Seoane conversando, ao fondo da imaxe, durante a presentación da exposición anual deste na Galería Bonino de Buenos Aires, que coincidiu coa viaxe á Arxentina do avogado de Lourenzá, en 1954. Fundación Luis Seoane

Dende Galiza, as epístolas de Del Riego constitúen unha valiosa cartografía da súa sobresaínte capacidade de traballo, ofrecendo alí un dietario das novidades literarias nuns anos de recuperación da man de voces como X. L. Méndez Ferrín, Xohana Torres, Gonzalo Rodríguez Mourullo ou Xosé Manuel Beiras, entre outras e outros, a maior parte vencellados daquela, en menor ou maior medida, con Galaxia. As cartas de Del Riego combinan a posta ao día sobre as amizades compartidas con Seoane, a información sobre os traballos feitos por Galaxia e tamén as novidades culturais do país. Trátase dunha mostra máis do titánico traballo feito polo intelectual de Lourenzá. Do outro lado do intercambio epistolar está un Seoane que tamén enchía os seus días con moitas e moi dispares trasfegas, das que lle vai dando conta a Del Riego.

Para o fío do que quero tirar aquí teñen especial interese aquelas cartas onde Seoane dá conta das moitas iniciativas bosquexadas por el e orientadas á galeguización da colectividade emigrada que con tanta claridade lle exporá ao seu interlocutor afincado en Vigo, con motivo da planificación dunha viaxe deste á Galiza austral6. Nas epístolas dos anos anteriores, Seoane defendera iniciativas como a elaboración dun plan de ensinanza da historia galega nas colectividades galegas de América (carta de 12 de outubro de 1950, Proxecto Epístola), a realización dunha exposición de arte galega no Centro Gallego de Buenos Aires (varias cartas do período 1950-1951)7, a elaboración de fichas dos intelectuais galegos en América que puidesen levar esta información ao público dos Cadernos Grial (carta de 13 de xuño de 1951, Proxecto Epístola) ou a elaboración dunha sorte de editora / distribuidora de libro galego —ao estilo da Follas Novas que anos despois crearían na mesma cidade Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda— para a que pensara o nome Amigos del Libro (carta de 17 de xullo de 1952, Proxecto Epístola).

No medio deste fervedoiro de ideas sobre como conectar de novo a colectividade galega da América coa terra súa —ou dos seus devanceiros—, Seoane fai, en abril de 1951, a primeira referencia á creación dunha nova revista literaria, proxecto que se concretará, tres anos despois, coa fundación de Galicia Emigrante, da que lle di ao seu interlocutor vigués que va a ser una revista corriente pero que tienda a galleguizar a los hijos de gallegos e incrustarse en la vida de este país (carta de 11 de abril de 1951, Proxecto Epístola).

2. DEL RIEGO E GALICIA EMIGRANTE

Nunha epístola de abril de 1954, un Seoane entusiasmado coa visita a Buenos Aires que Francisco Fernández del Riego estaba a piques de facer advírtelle ao seu vello compañeiro da necesidade de que reclames, cuando llegue el momento, libertad para utilizar tu tiempo para ponerte en contacto con los elementos intelectuales argentinos que son de extraordinario interés para nosotros (carta de 22 de abril de 1954, Proxecto Epístola). Esta carta pon a Del Riego sobre a pista da que será unha das principais achegas ao recoñecemento da diferenza histórica galega realizada polo exiliado, feita valéndose do capital simbólico acadado grazas á súa obra artística, así como ao ben conectado espazo xeográfico dende o que este era activado8. Na carta a Del Riego, Seoane menciona a súa vontade de conectalo co historiador José Luis Romero, unha figura senlleira daquela parte da intelectualidade disidente co peronismo artellada á volta do socialismo liberal que ocuparía as institucións dous anos despois, tras a caída de Perón pola socorrida vía do golpe de Estado9. Mais na epístola coa que anticipa a visita do amigo Del Riego, o exiliado pon a énfase en “hacerte conocer cual es la situación real de la colectividad en la vida cultural argentina”, que diagnostica nos seguintes termos:

nuestra colectividad vive absolutamente al márgen, como puedes quizá haberlo observado, de la vida intelectual del país y de la cultura en general [...] Un porcentaje considerable de hijos de gallegos ocupan aquí puestos destacados en el mundo cultural pero no tienen relación en absoluto con las organizaciones de nuestra colectividad, cerrada a cualquier inquietud y tampoco tienen vinculación con Galicia, porque tampoco los intelectuales gallegos supimos establecer el vínculo necesario con ellos. (Carta de 22 de abril de 1954, Proxecto Epístola)

Precisamente cara ao problema consistente na desconexión cos fillos de galegos asentados na Arxentina apuntaba o exiliado poucas semanas despois, noutra carta onde lle explicaba que está a punto de salir una revista Galicia Emigrante. La dirijo yo y no depende de nadie (carta de Seoane a Del Riego, 11 de maio de 1954, Proxecto Epístola). O que ten verdadeiro interese aquí é aquela parte da epístola de Seoane onde lle anticipa ao avogado afincado en Vigo a súa vontade de contar con este como emisario da revista en terras galegas, un labor que Del Riego engadiría con displicencia á súa ateigada carteira de encargos, na que xogaba un papel senlleiro a conexión do grupo Galaxia cos galeguismos porteños10.

Así, máis alá de xestionar as colaboracións que chegan á revista dende Galiza, o entregado servizo á tarefa de correspondente de Galicia Emigrante levado a cabo polo intelectual de Lourenzá incluía unha longa serie de entrevistas a moitos destes mesmos colaboradores. A serie iníciase no número 11 e tivo como protagonista, significativamente, a Ramón Piñeiro, quen exporá alí o proxecto cultural que entrevistador e entrevistado dinamizaban, artellado á volta da editorial Galaxia. Nos números seguintes, Del Riego entrevistou para Galicia Emigrante a Ramón Otero Pedrayo, Ricardo Carvalho Calero, Domingo García-Sabell, Xohán Ledo, Florentino López-Cuevillas, Fermín Bouza Brey, Celestino Fernández de la Vega, Xesús Ferro Couselo, Carlos Maside, Xosé Ramón Fernández-Oxea (Ben-Cho-Shey), Ramón María Aller, Fermín Penzol, Manuel Gómez Román, Manuel Rodrigues Lapa, Xosé Luís Franco Grande, Francisco Río Barja, Plácido Castro, Isidro Parga Pondal, Cesáreo Saco e, por último, Xohana Torres, a única muller desta longa lista.

Excursión aos Ancares do grupo Galaxia, en setembro de 1957. De esquerda a dereita, Domingo García-Sabell, Francisco Fernández del Riego, Celestino Fernández de la Vega, Ánxel Fole e Ramón Piñeiro. Fundación Penzol

A maiores, as reticencias de Seoane fronte a esa vivencia orixinaria, de plena siñificación ontolóxica (Piñeiro 1951, p. 18) que era a “saudade” —tal e como Ramón Piñeiro a viña definindo para despois situala no centro mesmo da explicación da particularidade do pensamento galego promulgada por Galaxia— non impediron que esta proposta chegase ás páxinas de Galicia Emigrante dende o comezo da revista11. Alí, o avogado de Lourenzá explicará a etapa na historia da poesía galega que Piñeiro consideraba aberta nos anos cincuenta, tal e como defendera na carta-prólogo a Os eidos, onde lle dicía a Novoneyra que o seu libro exemplificaba un sentimento de identicación espritoal coa Terra (Piñeiro 1955a, p. 12). Defendía o director literario de Galaxia a existencia dunha relación entre paisaxe e espiritualidade que tiña a súa máxima expresión na poesía, tal e como deixou dito nas páxinas de Galicia Emigrante, nun artigo sobre a escrita de Luís Pimentel. Alí, defendía que a verdadeira historia espritoal dos pobos sempre ven a identificarse coa historia da súa poesía, de xeito que os poetas foron sempre o máis representativos dos pobos, a persoñificación da súa espritoalidade (Piñeiro 1955b, p. 3). Meses antes, o terceiro número da revista incluía un artigo asinado por Del Riego (1954c), no que afondaba no retrato dese novo ciclo da poética galega que Piñeiro chamara, no prólogo a Os eidos, o da poesía como voz da terra (Piñeiro 1955a, p. 20).

Alí, Del Riego sitúa a lectura que fará máis adiante de voces relevantes na poesía galega contemporánea dentro do marco ofrecido por Piñeiro sobre a interpenetración de paisaxe e poesía como xermolo do lirismo definidor, segundo o autor, do ser galego:

Por el sentimiento del paisaje fué por donde nos hemos descubierto a nosotros mismos. Paisaje y Lirismo son esencialmente el alma de Galicia. El ser gallego es siempre una disposición lírica y la poesía gallega adquiere personalidad, porque el paisaje es algo más que su raíz y su savia. Porque es su espíritu. (Fernández del Riego 1954c, p. 4)

Despois dun breve excurso no que recorda a un Antonio Noriega Varela presentado como sencillo poeta de la montaña gallega, cuxos poemas, tan nobles de arte como ricos de emoción, tienen la dulce y humilde belleza de las flores de los tojos, Del Riego proponlles ás persoas lectoras situarse en las altas y frías campiñas lucenses, cerca de las fuentes del Miño, en la interesante comarca de la ‘Tierra Llana’. Dende alí, convídaas a acompañalo nunha viaxe á cerna mesma da poesía de Aquilino Iglesia Alvariño, de quen defende que cantó en Cómaros Verdes su melancólica belleza, feita de lagunas de desnudas orillas, donde crea el cielo una profundidad de luz fría y temblorosa; ríos por donde llega la noche con su hondo misterio, con remansos callados de estrellas donde el agua es tan quieta, que parece dejar de cantar para ponerse a cavilar en su propia belleza (1954c, p. 4). A seguir, o autor toma a man dos lectores e lectoras para levalas por la penillanura lucense, por los campos de Lemos en demanda de nuevos paisajes, ata chegar a la alegre tierra del vino, en los valles de Quiroga y Valdeorras, terra de Florencio Delgado Gurriarán, quen nacido en estas comarcas, canta su belleza en risueños versos, colmados de graciosas imágenes (1954c, p. 4).

Contra o final do texto, o emisario de Galaxia para as relacións co galeguismo porteño avanza nun artellamento discursivo que —como tamén fixera nas pasaxes dedicadas a Iglesia Alvariño— mestura apuntamentos sobre a paisaxe das terras de orixe dos poetas con versos onde se poden apreciar conexións con eses mesmos escenarios, observados ou evocados. Todo isto enmarcado por unha volta á idea forte que estaba ao principio, pois sobre a base da condición de finis terrae galega formaríase unha realidade —Galicia todo lirismo y todo paisaje, dirá Del Riego (1954c, p. 5)—, na que o descubrimento da paisaxe é un ineludible chanzo no proceso de educación sentimental que había ter na experiencia poética a súa vivencia suprema: Al descubrir el paisaje nos descubrimos a nosotros mismos. Sabemos lo que somos en cuanto sentimos lo que nos rodea. Es el paisaje una formidable pregunta a la que sólo cabe contestar con sentimientos (1954c, p. 5).

Chegadas a este punto propóñolles, estimadas lectoras e lectores, deixar atrás esta breve achega á colaboración de Del Riego con Galicia Emigrante —feita ben baixo a súa propia sinatura, ben con algún dos seus habituais pseudónimos— para erguer a vista dos textos e atender os espazos de enunciación dende os que estes eran postos en circulación. Nas páxinas que seguen, a parte central do artigo ocuparase dun exercicio de historización daquel campo de produción cultural galego aínda marcadamente transatlántico.

3. DEL RIEGO E A XENTE DE GALICIA EMIGRANTE

Coido que sería ben informar ó [Rodolfo] Prada sobriamente da situación e das causas que a orixinaron, pois non sabemos que versión darán os da AGUEA ou os amigos de [José] Villamarín do incidente. Seguramente tratarán de crear un gran confusionismo ligando iste suceso co proieito do cincuentenario. (Carta de Piñeiro a Del Riego, 25 de xuño de 1957, Fundación Penzol)

Esta carta de Ramón Piñeiro a Francisco Fernández del Riego —ou, o que é o mesmo, do director literario ao secretario da editorial Galaxia— está escrita ao fío da detención de Valentín Paz-Andrade, na súa condición de director da revista Industrias Pesqueras. No entanto, o motivo da súa elección para o encabezamento deste apéndice ten que ver co retrato que alí ofrece Piñeiro dun galeguismo porteño no que identifica tres grupos, como son o do Consello de Galiza—ao que pertencía Rodolfo Prada—, o do Centro Gallego de Buenos Aires —presidido por José Villamarín Prieto— e o da AGUEA —siglas da Agrupación de Gallegos Universitarios, Estudiantes y Artistas, á que pertencían Seoane, Eduardo Blanco Amor, Ramón de Valenzuela ou Antonio Baltar, entre outros. A carta ten interese porque amosa a percepción que existe no grupo Galaxia da cartografía do galeguismo porteño, e faino precisamente nun momento en que se daba un fondo corremento de terras nos desgastados equilibrios que sostiveran o nacionalismo galego transatlántico durante a década anterior12. Unha década despois, o moi cambiante contexto dos anos cincuenta será escenario dun estrondoso peche de ciclo na relación entre estes dous grupos, con motivo da infrutuosa xuntanza de setembro de 1958 entre o grupo Galaxia e o emigrante Perfecto López, que acudía á mesma en representación do Consello de Galiza. Un encontrón tantas veces mitificado e tan pouco atendido pola nosa historiografía cultural13.

Mais a segunda metade dos anos cincuenta é tamén un momento en que o desgaste deste eixo levou a un grupo de intelectuais senlleiros da Galiza porteña a procurar, sen éxito, o seu espazo no mapa do galeguismo transatlántico a través dun proxecto de educación popular orientado, en primeiro lugar, á colectividade galega da Arxentina e inspirado por un pensamento galeguista, republicano e de esquerdas. Un primeiro momento do que eu propoño pensar como a materialización do bloqueo que a xente de Galicia Emigrante atopou no seu intento de ter un rol destacado na reformulación do galeguismo transatlántico da década dos cincuenta —bloqueo que terá, tal e como teño amosado noutros lugares (2021, 2023), unha influencia decisiva na metabolización que Seoane fai do momento histórico a través dos seus textos literarios— vivirase no inverno austral de 1956 e, de novo, Del Riego xogará o papel de mediador entre as dúas ribeiras do Atlántico. Refírome aquí ao Congreso da Emigración Galega organizado por iniciativa do Consello de Galiza entre o 24 e o 31 de xullo, e que comezará a cristalizar ante o grupo artellado á volta de Seoane a percepción dunha imposibilidade de engancharse á historia que sentían como súa ou, polo menos, engancharse xogando o rol que pretendían no que facía á posta en circulación, en territorio galego, de marcos para a imaxinación dun futuro mellor. Así o deixa claro o exiliado arxentino-galego nunha carta dirixida á presidencia do “Comisión Orgaizadora”14 do congreso, na que afirma agradescer simpremente a invitación sin poder aportar a axuda inteleitual que solicitan, lamentando Seoane o escaso tempo que media entre a invitación e as deliberaciós do Congreso e chegando a suxerir un aprazamento de ano e medio, ata xaneiro de 1958, facendo daquela coincidir esta importante oportunidade co cabodano de Castelao (carta de 11 de maio de 1956, Proxecto Epístola).

Tres días despois está datada unha carta a Seoane enviada dende Vigo e na que Del Riego inquire sobre este mesmo tema, á volta do cal o grupo Galaxia estaba informado dende semanas atrás15:

Sabemos que en el mes de julio van a organizar ahí un Congreso de la emigración gallega. Los informes que tenemos sobre el particular son bastantes confusos. Querría, por consiguiente, que me dijeses rápida y confidencialmente cuanto sepas sobre el asunto. Claro es que puedes hablarme con entera libertad, porque la cosa quedará entre tú y yo. (Carta de Del Riego a Seoane, 14 de maio de 1956, Proxecto Epístola)

Na súa resposta, Seoane afonda na decepción exposta aos organizadores do evento:

Este Congreso tal como se proyecta es un disparate [...] no puedo participar en un Congreso que se ofrece de trascendencia, referido a temas espirituales, económicos y sociales de la emigración con un temario espléndido hecho por Tobío en Montevideo, a solicitud de unos pocos de Buenos Aires y al que no pueden enviarse ponencias ni clase alguna de trabajos dado el escaso tiempo que media entre la invitación y la celebración de dicho Congreso. (Carta de 21 de maio de 1956, Proxecto Epístola)

Na resposta de Del Riego e, particularmente na xestión da mesma, atopamos un claro exemplo da irrenunciable organicidade do avogado de Lourenzá a un grupo Galaxia que funcionaba dun xeito compacto e para o cal Del Riego aparecía como o encargado desa parte das relacións internacionais que eran os contactos co galeguismo porteño, unha posición de suma importancia para o grupo, tal e como lle dicía Piñeiro na carta de xuño de 1957 citada máis arriba. Así, lonxe de respectar a intimidade que lle ofrecera a Seoane —ese puedes hablarme con entera libertad, porque la cosa quedará entre tú y yo—, Del Riego envíalle unha epístola a Piñeiro o 26 de maio de 1956 consistente unicamente na reprodución da práctica totalidade da que o seu amigo exiliado datara cinco días antes na capital da Arxentina.

A carta enviada dende Compostela polo escritor de Láncara levaba unhas claras indicacións sobre como responderlle a Seoane cun recoñecemento lixeiro do fundamento das queixas súas, que debía en todo caso ir seguido dunha tímida posta en valor das posibilidades que o congreso, tal e como fora organizado, ofrecía:

Convén soslaiar o máis posíbel as súas recriminacións ós nosos amigos; pódese tomar pe na súa eisaxerada teima sobre a falta de tempo pra facer estudos sobre os moitos e difíciles problemas relacionados coa emigración, decíndolle que, con ser certo o que di sobre o particular, compre ter en conta que non se trata de estudos agotadores sobre cada un dos problemas e que, pol-o mesmo, con boa vontade pódense facer traballos nos que pol-o menos queden establecidas ideas e puntos de vista sobre os problemas importantes, cousa que por si mesma xa ten indudable utilidade. (Carta de Piñeiro a Del Riego, 5 de xuño de 1956, Fundación Penzol)
Asistentes ao Primeiro Congreso da Emigración Galega (Buenos Aires, xullo de 1956), que inclúe aos membros da AGUEA Antonio Baltar, Eduardo Blanco-Amor, Rafael Dieste, Luis Seoane e Alberto Vilanova. Fundación Luis Seoane

A fidelidade coa que estas indicacións son refractadas á carta que Del Riego lle envía a Seoane dous días despois axuda a entender, considero, a ascendencia do “director literario” de Galaxia dentro da xestión do campo que o grupo realizaba16.

Conectando dende aquí co mapa do galeguismo porteño bosquexado por Piñeiro na carta que abre este apéndice, propoño pensar que a referencia ao grupo do Consello de Galiza como os nosos amigos —ben diferente ao os nosos cordiales enemigos co que se refire, en carta a Del Riego do 19 de maio de 1957, ao grupo directivo do Centro Galego, presidido daquela por Villamarín Prieto— deixa claro o posicionamento de Galaxia en relación aos dous núcleos tradicionais do galeguismo porteño —Consello de Galiza / Centro Galego— cos que mantiñan periodicamente relación. Mais, cal era a súa posición fronte ao emerxente grupo de galeguistas republicanos de esquerdas artellados á volta da AGUEA e, sobre todo, da revista Galicia Emigrante? Nos meses do inverno austral de 1956 atopamos pistas útiles para darlle resposta a esta pregunta.

Así, se ben Seoane non participaría individualmente no Congreso da Emigración Galega, si que o faría a través da Agrupación Gallega de Universitarios, Estudiantes y Artistas (AGUEA) creada, semanas antes do evento, en resposta ás feblezas organizativas detectadas neste, tal e como Seoane lle explicaba a Del Riego: hace falta establecer una mayor comunicación entre nosotros todos y unirnos. Aquí creo que después de esto vamos a hacerlo (carta de 21 de maio de 1956, Proxecto Epístola). A agrupación quedaría constituída o 22 de xuño de 1956. Na base do esforzo partillado polos intelectuais artellados á volta deste órgano estaba a vontade dun avance no estudo integral da sociedade galega, que comezaría a tomar forma material a través dos cursos anuais, destinados á emigración galega asentada en Buenos Aires, ofrecidos pola AGUEA xa dende agosto dese mesmo 195617.

A maiores, outro elemento ineludible para explicar aquela relación entre o grupo Galaxia e a xente de Galicia Emigrante é a situación destes últimos na xeopolítica do galeguismo dos cincuenta. Aquí ten interese o forte vencello co legado da Segunda República que atravesa os editoriais escritos por Seoane para Galicia Emigrante18 e que reaparece na carta de convite para a reunión fundacional da AGUEA, onde se defende que, si bien la agrupación no es propuesta con finalidades de militancia política activa ni para ser limitada a estrecheces de grupos o partidos, soamente se invitara a participar personas cuya conducta haya testimoniado su adhesión a los principios republicamos de gobierno y que estén impulsadas por el afán de llevar a Galicia hacia la plenitud de sus posibilidades, mediante la libre y consciente autodeterminación de su pueblo19. O conxunto da “Comisión Organizadora” da xuntanza fundacional da AGUEA está integrado por Eduardo Blanco Amor, Rafael Dieste, Xavier Bóveda, Xosé Núñez Búa, Luis Seoane, Vicente Gómez Paratcha e Antonio Baltar, saíndo este último elixido como presidente da agrupación. Daquela, no centro deste proxecto de educación popular orgánico dun galeguismo republicano de esquerdas están Seoane e a revista Galicia Emigrante, mais está tamén a AGUEA, presidida polo médico exiliado Antonio Baltar (1906-1970), que viaxará poucos meses despois a Galiza para tratar de espallar alí o proxecto que tomaba forma na metrópole porteña.

Retrato feito presumiblemente por Seoane, durante a visita da familia Seoane-López aos Baltar-Dieste na provincia arxentina de Neuquén, onde Antonio traballaba como médico (1951). Nesta viaxe realizará Seoane ensaios para cadros paisaxísticos que supoñen un avance decisivo na achega de elementos da linguaxe non figurativa para o seu realismo expresionista. Fundación Luis Seoane

Precisamente nesa viaxe que fai de outubro de 1956 a xullo de 1957 atopamos o outro momento intenso de diverxencia entre os grupos Galaxia e Galicia Emigrante, un momento no que Del Riego poñerá novamente ao servizo dos primeiros a súa traballada posición de intermediario. Así, ao pouco do seu desembarco en Galiza, Baltar visita o avogado de Lourenzá no seu despacho vigués para manter unha longa e proveitosa conversa, segundo este último lle conta a Seoane: Vino a verme A. Baltar y hablamos largamente. Creo que coincidimos en muchas cosas (carta de 9 de novembro de 1956, Proxecto Epístola). No entanto, o informe da xuntanza que Del Riego incorpora ao eixo Compostela-Vigo, no que se decidía a posición de Galaxia na xeopolítica do galeguismo transatlántico, é ben diferente, tal e como queda rexistrado en carta a Piñeiro: Antonio Baltar estivo falando conmigo case tres horas. Interrogueino sobre cousas e persoas. Tiña a pretensión de que fixésemos unha delegación da asociación de escritores galegos que preside, díxenlle, razoadamente, que non viña ó caso, e xa non insistiu (carta de Del Riego a Piñeiro, 6 de novembro de 1956, Fundación Penzol). En xeral, o retrato que Del Riego fai de Baltar é o dunha persoa activa, interesada polo coñecemento dun país que mapeaba con viaxes constantes e, sobre todo, interesado no artellamento de ferramentas para levar a Galiza o proxecto de estudo integral da sociedade galega dende unha óptica nacional-popular. Unha liña que a propia AGUEA levara meses antes ao Congreso da Emigración, nunha palestra colectiva que fora redactada polo propio Baltar. As referencias de Del Riego ás propostas que Baltar vai facendo durante o seu periplo inclúen o proxecto dun “Conferencia Club”, un Instituto de Economía e mesmo unha revista, todo iso dentro dunha liña de acción que o escritor de Lourenzá define como a ousesión de propiciar a pubricación de traballos técnicos (carta de Del Riego a Piñeiro, 30 de novembro de 1956, Fundación Penzol).

As propostas de Baltar serán percibidas como unha ameaza por parte do grupo Galaxia, quen, lonxe de darlle o apoio que lles pide, desenvolven estratexias para bloquear os propósitos de Baltar e dos seus colaboradores, entre os que Piñeiro e Del Riego contan a Carlos Maside, Isaac Díaz Pardo e Valentín Paz-Andrade. Para Piñeiro, este bloqueo debía acadarse ocupando rapidamente Galaxia os espazos que a xente de AGUEA pretendía activar, tal e como explica nunha misiva tan esclarecedora do rol executivo que o escritor de Láncara tiña dentro do grupo como crúa no xuízo que fai da xente de AGUEA:

En xeneral, coido que non son demasiado temíbeles. Cando queiran poñer en marcha o Instituto de estudos económicos, xa nós teremos na rúa a nosa coleición. Lugrís e Río xa están traballando con entusiasmo no Somoza e máis no Lucas Labrade respectivamente. En Lugo falarei con outros colaboradores. Os nosos plans irán adiante con rapidez e firmeza. É preciso. Temos que traducir en feitos ouxectivos e patentes a nosa superioridade sobre calquer grupo de ‘aficionados’ á socioloxía, economía, etc. (Carta de Piñeiro a Del Riego, 11 de novembro de 1956, Fundación Penzol)

Pola súa parte, Del Riego é máis optimista sobre o esvaecemento que había sufrir o pulo de Baltar pola inanición derivada da falta de apoio efectivo dunha Galaxia sen a que era difícil daquela poñer a andar proxectos político-culturais na Galiza que clausuraba a segunda década da ditadura franquista: Teño a seguranza ausoluta de que todo quedará en nada. Pero de todol-os xeitos, estimo comenente a inhibición nosa, inda que refrexada con habilidade e sin enfrentamento (carta de 10 de decembro de 1956, Fundación Penzol). Se ben na correspondencia entre Del Riego e Seoane segue a haber mencións a Baltar, con quen aquel seguía a verse, as referencias á presenza do médico na comunicación epistolar do eixo Compostela-Vigo de Galaxia esmorece despois dun encontrón de Del Riego con Isaac Díaz Pardo a comezos do ano 1957. Desta xuntanza dirá o secretario da editorial Galaxia:

Tivemos unha discusión violentísima. Semella que este, coma o xenro de Dieste [Baltar], teñen a misión de nos esixir responsabilidás. Veu, como de cote, a faguer críticas ó noso labor, empregando os tópicos de costume. Estíveno aturando un bo anaco, pero xa me amolou tanto coas súas estupideces ousesivas, que emprincipiei a despotricar en tons violentos, e despedímonos nun ambente de forte tensión. (Carta de Del Riego a Piñeiro de 16 de xaneiro de 1957, Fundación Penzol)

Reflectía aquí Del Riego unha actitude cortante que aplaudiría o seu colega: Coido que fixeches ben en cortarlle os fumes ó Isaac. Son demasiado pelmas e impertinentes. Son, ademáis, todos o mesmo (carta de Piñeiro a Del Riego de 18 de xaneiro de 1957, Fundación Penzol). A lectura que dos acontecementos lle transmite Baltar a Seoane despois do seu regreso á Arxentina afonda na progresiva diverxencia entre a AGUEA e Galaxia20.

Pola súa parte, Del Riego interpreta a incompatibilidade con Baltar nos seguintes termos: su línea de conducta con respecto a nosotros se mostró bien clara: o aceptábamos sus puntos de vista, o seguía adelante con ellos prescindiendo de nosotros (carta de Del Riego a Seoane, 21 de novembro de 1957, Proxecto Epístola). A acusación de autoritarismo aquí velada serve para conectar o galeguismo transatlántico dos cincuenta co contexto da guerra fría, ao fío das diverxentes posicións entre o grupo Galaxia, no cal existían membros que profesaban un madurado anticomunismo, e un grupo Galicia Emigrante / AGUEA abeirado cara á ribeira comunista da guerra fría cultural.

A lectura a través deste eixo da estadía de Baltar en Galiza, entre 1956 e 1957, é moito máis clara nun informe anónimo gardado no fondo Francisco Fernández del Riego da Fundación Penzol, e en que o grupo Galaxia partilla cos interlocutores porteños do Consello de Galiza a súa lectura dos propósitos que perseguía o médico de orixe rianxeira coa súa viaxe transatlántica21. Ao comezo da segunda páxina —a primeira das accesíbeis, pois falta o primeiro dos cinco folios que o compoñen—, o texto enviado polo grupo Galaxia fai unha análise da creación da AGUEA aderezada cun sostido anticomunismo que invalidaba calquera proposta chegada dende ese grupo pois, no galeguismo recoñecido como válido para os antigos compañeiros no Partido Galeguista que concorrían ao eixo Consello de Galiza-Galaxia, os posicionamentos comunistas aparecían como excluíntes da fidelidade galeguista:

Con visión política oportunista, os comunistas percibiron craramente iste estado de cousas. Aproveitaron o descontento producido polo modo i-a oportunidade en que tivo lugar o Congreso da Emigración Galega e crearon un instrumento de aición destinado a servir de base pra desmontar o tinglado galeguista galaico-arxentino. Ise instrumento de aición, de apariencia inofensiva (no que os comunistas son mestres esperimentados), chámase AGUEA. Inmediatamente, o presidente desta entidade —un comunista fanático disfrazado de home cortés e razonábel, como conviña talmente pra ise cargo—, trasladouse a Galicia. Namáis chegar eiquí, conectou instantáneamente cos máis fanáticos sovietistas do país (os tres pintores —Isaac, Colmeiro, Maside—, o oftalmólogo Leixaprén, un terapeuta parente do Valentín, etc.).
Francisco Fernández del Riego e Ramón Piñeiro en Vigo (1967). Concello de Vigo

Porén, os propósitos de Baltar preséntanse no informe como infrutuosos, por ter batido coa impermeabilidade galaxiana frente a todalas tácticas penetrates ou envolventes. Nunha parte onde se afonda na proposta de Baltar de crear un Instituto de Economía, faise referencia ao propósito da xente da AGUEA de atraguer a unha serie de personalidades importantes do país interesadas direita ou indireitamente no estudo dos problemas ténicos, económicos ou sociales de Galicia mais que, fronte ao convite de Baltar, foron contestando que xa estaban comprometidos con Galaxia e que Galaxia tiña ben madurado un plan de estudo sistemático de tales problemas. Un plan que, resulta lóxico pensar, desemboca na Revista de Economía de Galicia, fundada ao ano seguinte, en 1958.

Todo o texto está artellado nesa dicotomía comunismo-galeguismo, segundo a cal o máis perigoso da praxe de Baltar era a ocultación dunha suposta militancia comunista22: Pra toda esta laboura, os comunistas non aparecerán no primeiro plano, nin siquer en plano visíbel as máis das veces, de xeito que o Partido Comunista, en canto tal, non representa pra o galeguismo perigro ningún. A política do comunismo sí. Mais, cales son as razóns que fundamentan a perigosidade desa política do comunismo? A resposta é clara: o seu perigo explícase porque a política do comunismo disfrazarase, en Galicia, de galeguismo. O seu ouxetivo primordial será iste: infiltrarse no galeguismo ou suplantalo.

Na base dunha análise desta loita pola hexemonía dentro do galeguismo transatlántico dos cincuenta cuxa conexión coa xeopolítica do Atlántico Norte se fai obvia, a raíz da lectura deste documento, está, da parte do grupo Galaxia, un anticomunismo que invalida, como veño amosando, as razóns da xente de AGUEA-Galicia Emigrante, ao tempo que invalida tamén as daqueles que se puidesen unir a eles, definidos no informe como elementos que por razóns personales manifestábanse con resentimento contra o galeguismo. Unha vez despoxada de razóns calquera interpretación diferente dos problemas galegos —e das vías para a súa solución—, só existen o resentimento, a ambición e a inxenuidade como vías para aqueles que puidesen unirse ás propostas que Baltar transmitía, en tanto representante do grupo AGUEA-Galicia Emigrante:

adaptando as propostas a cada caso concreto, poden ofrecerlle un medio de desquite ós que se movan por resentimento, un camiño cheo de posibilidades ós que se movan por ambición e unha tarefa importante a moitos inxénuos que se entreguen de boa fe ós propósitos aparentes de tales iniciativas.

De aí a oportunidade do informe enviado dende Galaxia e que debera chegar a Buenos Aires antes de que o fixese Baltar23, de xeito que puidese ser efectivo no propósito declarado polo grupo Galaxia de bloquear iniciativas consideradas orgánicas desta ofensiva comunista, como era tamén para eles a propia Porcelanas de Magdalena. Así, defende o informe a necesidade de chamarvos a atención sobre istes manexos e proietos para que, debidamente advertidos, sepades aituar con oportunidade e tino pra impedir que os leven adiante con éisito. O texto amosa confianza na capacidade para frear en Galiza a ofensiva comunista —eiquí en Galicia tropezarán con serias resistencias derivadas do prestixio real de Galaxia no país—, mais o risco real, defende o texto, está en Buenos Aires, onde lles abondaría con pregarse á corrente antigaleguista que alenta no Centro [Galego] e na Colonia tratando de dirixila e orientala dende dentro, co ouxetivo primeiro [...] de destruir o privilexio que viñeron usufructuando os galeguistas de B. Aires de falar e aituar en nome da Galicia interior. Ante esta posibilidade, Galaxia advirte: Unha vez destruido iste pedestal pra o que crearon ahí a AGUEA e tratan de crear eiquí o ‘Instituto de Economía Galega’, a forza moral do grupo galeguista de B. Aires esfumarase en gran parte.

Se máis arriba mencionaba que adoito centrarme no período 1956-1958 para referirme á crise das relacións entre Galaxia e Galicia Emigrante, é porque será a comezos deste último ano cando se dea o tenso intercambio epistolar entre Ramón Piñeiro e Luis Seoane á volta —inicialmente, máis non só— da obra de teatro A soldadeira, que dará nunha mitigación temporal das comunicacións transatlánticas entre os dous grupos24. Para daquela, Seoane xa deixara escritos en Galicia Emigrante editoriais moi críticos co labor dos interlocutores da ribeira oriental do Atlántico, dende o durísimo “El exiliado y el perro” publicado en maio dese 1957, no número 28 da revista, ata o “Querubines en el bestiario” mandado ao prelo poucos meses despois, no número 30, e interpretado polo propio Del Riego como dirixido ao grupo Galaxia: Creo, pues, que la información que Baltar te dio no es nada objetiva. Y de ella ha nacido, sin duda, el comentario injusto que nos dedicaste en la revista (carta de Del Riego a Seoane, 21 de novembro de 1957, Proxecto Epístola).

Son os momentos máis tensos dunha disensión produtiva que nunca se quebrou, malia ser sometida, na segunda metade dos cincuenta, a un forte estrés derivado da reformulación das hexemonías que se estaban a dar no Atlántico Norte e da particular refracción destas ao curruncho Atlántico da España franquista onde se estaba a reactivar, paseniño, a posibilidade de imaxinar a vixencia dunha diferenza histórica galega favorecida fortemente, onte coma hoxe, polos espazos conquistados a través da produción cultural e, especialmente, da literaria. Loxicamente, estas mudanzas deron na progresiva perda de centralidade dunha Buenos Aires que mantivera a capitalidade da cultura galega durante as dúas primeiras décadas de ditadura.

CONCLUSIÓNS

Polo amosado ata aquí, o ciclo 1956-1957 é o dunha diverxencia entre os grupos Galicia Emigrante e Galaxia que, suxiro, non pode ser pensada en desconexión coa imaxinación cultural que circulaba, alén do campo de produción cultural galego, nestes anos de intensa guerra fría. Unha tensión que levará a Seoane a interromper a comunicación epistolar co propio Piñeiro e con García-Sabell durante o ano 1958. Non así con Del Riego, con quen nunca deixou de funcionar a relación diplomática cimentada nas follas impresas de Galicia Emigrante, onde quedaban suspendidas as súas diferenzas en favor da incombustible colaboración de ambos.

Dunha banda, Seoane chega á década dos cincuenta abeirado cara á ribeira comunista da guerra fría, tal e como queda constancia a través de tomadas de posición como a súa participación no filo-comunista Segundo Congreso Mundial de Partidarios da Paz celebrado en París, en 1949, ou a súa inclusión, en 1953, como un dos asinantes do Congreso Argentino de Cultura (CAC), iniciativa impulsada por intelectuales ligados a la experiencia de la cultura antifascista de corte comunista (Pasolini 2005, p. 428). Son os mesmos anos en que Seoane lle recomenda á editora da revista venezolana Cruz del Sur que convide a escribir nela ao ensayista extraordinariamente interesante Héctor Pablo Agosti (carta a Violeta Cohen de 26 de maio de 1952, Proxecto Epístola), intelectual de referencia daquela para o PCA, responsable da intensa labor de tradución de Antonio Gramsci ao castelán iniciada en 1950 na editorial Lautaro e autor, en 1951, dun ensaio sobre Esteban Echeverría co que se apoiaba en Gramsci na súa apropiación, para o imaxinario comunista, dunha voz longamente reivindicada pola cultura liberal local, como era Echevarría (García Martínez 2021, pp. 157-161). Trátase de posicionamentos que semellan vixentes anos despois, en xullo de 1960, data dun informe do dirixente comunista español Santiago Álvarez onde detalla unha xuntanza en Buenos Aires referíndose a Seoane como un dos seus interlocutores, entre los cuales —afirma Álvarez— tiene nuestro P. bastante simpatía (citado en Santidrián Arias 2008, p. 582).

Doutra banda, os anos cincuenta son o escenario dos primeiros pasos na “batalla cultural” de Galaxia, que porá nun lugar senlleiro o propósito de prestixiar a lingua galega, punto de partida e tamén de chegada nun proceso máis amplo de posta en valor da literatura e o pensamento galegos. Nesta liña atopamos o Domingo García-Sabell que entra en 1966 no anticomunista Congreso por la Libertad de la Cultura (Amat 2016, p. 380), proxecto que, segundo Olga Glondys, centró su labor en el ámbito de la alta cultura y las elites intelectuales, consideradas como los canales más capaces para ejercer la influencia política en un combate, como el de la Guerra Fría, en gran parte intelectual e ideológico (2015, p. 125). Trátase do mesmo García-Sabell que, ao ano seguinte, exerce como retrucante do discurso de entrada de Ramón Piñeiro na Real Academia Galega, onde o escritor de Láncara diría aquilo de que era necesario incorporar o idioma ás funcións máis requintadas da cultura, dentro dun proceso no que Piñeiro sinalaba como pendente a tarefa de sustituir a súa coroza labrega de xungos polo manto académico de liño (Piñeiro 1967, p. 27).

Se aquí chamo a atención sobre a rendibilidade de pensar as tensións no galeguismo transatlántico dos anos cincuenta a través do marco da guerra fría cultural é porque, na miña investigación sobre Seoane, atopei nesta liña unha vía pendente de exploración coa que espero ter contribuído, moi modestamente, á historia intelectual da Galiza do século XX. No entanto, non me gustaría que este esforzo por conectar a historia galega coas dinámicas do noso redor desviase a atención da proposta coa que comezaba, a da “disensión produtiva” que considero caracterizadora das relacións entre Seoane e Del Riego como emisarios dos grupos Galicia Emigrante e Galaxia. Así, fronte á dicotomía que o informe clandestino de maio de 1957 establecía entre comunismo e galeguismo, considero que unha mirada ao conxunto das tres longas décadas de relación entre Seoane e o grupo Galaxia —canalizadas, principalmente, a través de Del Riego— nos amosa que a fidelidade destes mozos galeguistas de preguerra ás comúns promesas bosquexadas nas primeiras décadas de vida do nacionalismo galego prevaleceu en tanto recordatorio da responsabilidade na común tarefa de transplantar a presentes agrestes os gromos máis aproveitables daquela refracción ao galego da idea de nación.

Esa fidelidade ás posibilidades futuras dun pasado común están contidas nas anoxadas referencias de Seoane á irmandade latente que está nos editoriais de Galicia Emigrante de 1957 e tamén no tenso intercambio epistolar de febreiro de 1958 con Ramón Piñeiro. Mais as diverxencias políticas non impediron a constante colaboración entre os dous grupos, ben na viaxe cara ao oeste dos textos que aparecían nas revistas de Seoane, ben na chegada dos textos e as imaxes asinados por este aos espazos propiciados por Galaxia, unha colaboración iniciada xa na segunda entrega da Colección Grial —dedicada, en 1951, á pintura galega— e emblematizada coa publicación na editorial viguesa da única escolma que o exiliado realizou das audicións radiais de Galicia Emigrante, corpus central para entender o seu proxecto político-cultural. No centro desta conexión está sempre Del Riego, a quen Seoane consideraría, ata o final, como o cronista primeiro ao que acudir para entender a historia cultural galega dese século XX que, tamén aquí, estivo atravesado de paixóns, sangue, desavinzas, silencios e moitos, demasiados, lamentos.

NOTAS

1

As referencias bibliográficas que remiten ao Proxecto Epístola están tiradas dos fondos dixitalizados polo Consello da Cultura Galega, dispoñibles en: http://consellodacultura.gal/fondos_documentais/epistolarios/

2

Agruparanse baixo esta referencia bibliográfica o conxunto de documentos consultados nos varios fondos da Fundación Penzol de Vigo.

3

Ver referencias a traballos vencellados coa consolidación dos Print Culture Studies en García Martínez (2021, pp. 15-25).

4

al foi o caso da Arxentina, onde a refracción desta sensibilidade política á linguaxe propia a través dun antifascismo oposto ao “fascismo criollo” serviulle á oposición democrática do país para conectar o seu rexeitamento dos gobernos autoritarios da chamada “década infame” cunha política internacional dominada pola segunda guerra mundial, que tivera como antecedente a guerra civil (García Martínez 2021, pp. 29-40).

5

O manuscrito resultaría gañador do devandito certame. O libro resultante imprimiríase en agosto de 1949 baixo o título Cos ollos do noso esprito (Buenos Aires: Alborada).

6

Por mi parte trataré de conseguir que algunas de tus intervenciones se realicen en centros universitarios argentinos, pues de esta manera tu colaboración puede ser más útil incluso a la colectividad. Creo que el objetivo más importante para Galicia en América es ganarse a los hijos de gallegos que son una cantidad abrumadora y que están situados como es natural en los puestos más destacados en los países donde nuestra emigración fué constante. Ellos pueden ser útiles a Galicia, los padres solamente de manera muy relativa. En todo caso pueden serlo como lo fueron ya para levantar un puente, editar un libro, hacer una escuela y nada más. A la enorme masa de hijos de gallegos hay que tratar de despertarles el orgullo de su origen, como supieron hacerlo otras colectividades y esa es labor vuestra y nuestra y tu viaje puede ser de enorme utilidad en ese sentido (carta de 22 de abril de 1954, Proxecto Epístola).

7

A exposición inaugurouse o 23 de xullo de 1951 na Galería Velázquez de Buenos Aires, e incluíu lenzos de Xulia Minguillón, Carlos Maside, Laxeiro, Manuel Pesqueira, Isaac Díaz Pardo e Manuel Prego de Oliver, ademais de tres esculturas de Manuel Faílde Gago.

8

Boa mostra témola na epístola de Seoane ao seu marchand neoiorquino, Armando Zegri, con motivo da úa exposición individual de óleos na Galería Suramericana da emerxente capital da arte occidental na posguerra do Atlántico norte: En el catálogo me interesaría que de alguna manera se consignase, al citar mi nacionalidad, que soy de origen gallego, pues es la única manera que tenemos los hijos de los ‘gallegos de m...’, como se les decía a nuestros padres emigrantes de vengar ese desprecio con nuestro orgullo de procedencia (carta de 4 de abril de 1956, Proxecto Epístola).

9

Ofrécelle Seoane a posibilidade de colaborar coa revista Imago Mundi (1953-1956, 12 números), dirixida por Romero, con Seoane como responsable do deseño e da maquetaxe da mesma e cun consello de redacción integrado por intelectuais como o escritor Roberto F. Giusti, o crítico artístico Jorge Romero Brest, o filólogo Enrique Anderson Imbert ou o filósofo e irmán do director da publicación, Francisco Romero. Para facernos unha idea do pluralismo característico desta publicación, é de utilidade pensar en como concorreron ás súas páxinas algunhas das voces máis relevantes á hora de definir, coas súas investigacións, os marcos a través dos que pensaron a Arxentina da segunda metade do século XX varias das culturas políticas de esquerda que cohabitaron no país. É o caso de Ángel Viñas, León Rozitchner ou o moi activo Tulio Halperín-Donghi, quen chegaría a figurar como secretario de redacción de Imago Mundi. Seoane tamén convidou reiteradamente a García-Sabell a participar na revista, un convite ao que este semellaba acceder, pois chegou a anunciar o envío dun artigo seu (carta de 1 de maio de 1954, Proxecto Epístola). No entanto, o único texto publicado por Imago Mundi coa sinatura dun autor galego é o que escribiu Lois Tobío para o quinto número, sobre a pintura bizantina.

10

Un valioso retrato da trasfega constante que caracterizou o tempo en que Del Riego compaxinaba o traballo de avogado coas xestións para Galaxia témolo nunha carta a Piñeiro onde lle di que enxamáis tiven tantas obrigas riba de min. Teño que encherlle as revistas ó Seoane, manter as colaboraciós de América, redaitar case íntegros dous números de Industrias Pesqueras e un de Industria Conservera cada mes. Correxir orixinás de Galaxia e probas de imprensa, manter unha copiosa correspondencia. Realizar xestiós que me piden a todas horas e de todolos sitios. E aínda atender ó traballo do despacho. Nin podo ir a un cine, nin dispoñer dunha soia hora no día. Y enriba teño problemas particulares ou de outro tipo, como un sumario do Departamento Marítimo de Ferrol por unha nota que publicou Industrias Pesqueras. Perdóame este desafogo, que non tencionaba faguer, pero que me foi saíndo sin vir ó caso (carta de Del Riego a Piñeiro, 6 de novembro de 1956, Fundación Penzol).

11

Sobre a posición de Seoane ao respecto, xa antes da fundación de Galicia Emigrante, ten interese a carta que lle envía a Carlos Maside en decembro de 1952, na que defende que no se puede continuar hablando de saudade y de impulso misterioso hacia occidente cada vez que un jornalero o casero gallego emigra para resolver su problema personal o también económico, o para escapar a la presión del secretario del juzgado sin complicarse en algo turbio. Como tampoco puede hablarse de los emigrantes en un tono sentimental o pensando exclusivamente en los emigrados que regresan [...] Todo el sentimiento de saudade es mínimo, es más fuerte en ellos el sentido de la realidad. Bueno, todo esto es un lío del que no sé por qué te escribo. Quizás sea porque aún existe gente, incluso amiga, a quien le molesta escuchar ‘un mecánico cobra por día tanto y una camisa le cuesta diez veces más o un pan le cuesta lo que cobra’, porque le parece de un horrible mal gusto al lado de los tremendos problemas vitales que la existencia del mecánico le plantea cuando no la soledad que le produce al metafísico resentido, vivir entre mecánicos (Maside 2015, p. 255). Para unha máis detallada análise das tensións constitutivas de campo dentro das que hai que ler estas diverxencias filosóficas, ver García Martínez (2021, pp. 173-191).

12

Á volta desta cuestión, ver Villares (2017).

13

Os encargados de ler durante o encontro as palestras preparadas previamente polo grupo Galaxia foron —de acordo cos documentos conservados no fondo Francisco Fernández del Riego da Fundación Penzol, dispoñibles para a súa consulta pública— Domingo García-Sabell (“Cultura e política”), Xaime Isla Couto (“Galaxia”), Celestino Fernández de la Vega (“A nosa posición política”), Ramón Piñeiro (“Balance do noso labor”), Francisco Fernández del Riego (“Consello de Galicia”), Cesáreo Saco (“Castelao”), Fermín Penzol (“Defensa dos nosos presos”), Luís Viñas Cortegoso (“Acusacións que se nos fan”), Manuel Beiras (“As nosas queixas”), Xosé Luís Franco Grande (“Os novos: a continuidade do galeguismo”) e Xosé Manuel Beiras (“Os novos: galeguismo frente a mocedade”).

14

De acordo coa comunicación asinada o 2 de xaneiro de 1956 por Antón Alonso Ríos, na súa condición de “Segredario” do Consello de Galiza, a Comisión Orgaizadora estivo integrada por Manuel Puente, Perfecto López, Francisco Regueira, Xosé Neira Vilas, Xosé B. Abraira, Antón Suárez do Pazo, Francisco Pazos, Antón Alonso Pérez, Manoel Martínez Lamela, Segundo Pampillón, Xosé Alfonso Reboreda, Rodolfo Prada, Cándido Rey, Antón Díaz e Valeriano Saco (Primeiro Congreso da Emigración Galega 1956, p. 12).

15

Del Riego recibira unha información detallada do proxecto de Congreso da Emigración nunha carta enviada dende Buenos Aires o 6 de marzo 1956 por Rodolfo Prada, membro da devandita Comisión Orgaizadora do evento, figura destacada do Consello de Galiza e interlocutor habitual nos diálogos entre os nacionalistas artellados á volta desta institución e o grupo Galaxia.

16

Tienes, desde luego, razón en lo que afirmas sobre la escasez de tiempo para realizar estudios serios sobre los muchos y difíciles problemas relacionados con la cuestión emigratoria. Sin embargo, pienso que no se tratará de realizar estudios agotadores sobre cada uno de los problemas. Por eso mismo, puede aprovecharse la ocasión que se presenta para hacer trabajos en los que, al menos, queden establecidas ideas y puntos de vista sobre las cuestiones importantes. Esta, por sí misma, es cosa que puede tener ya indudable utilidad (carta de Del Riego a Seoane, 7 de xuño de 1956, Proxecto Epístola).

17

Se para o período que vai de agosto a decembro de 1956 os tres cursos impartidos foron os de historia —ao cargo de Alberto Vilanova—, literatura —impartido por Eduardo Blanco Amor— e xeografía —ensinado por Ramón de Valenzuela—, o catálogo ampliaríase ao ano seguinte cun curso sobre lingua galega do que se encargaría Rafael Dieste (Galicia Emigrante 1957, p. 25).

18

De entre as varias referencias ao galeguismo republicano de orientación popular que aparecen nos editoriais de Galicia Emigrante resulta esclarecedora a compilación desta liña feita no último número da revista: Desde el número inicial de Junio de 1954 hasta este último, número 37, tratamos de ser fieles al breve programa expuesto en el primer editorial. Fuimos fieles a la línea de conducta popular, republicana y autonomista que entonces nos trazamos. Tamén atopamos neste texto un recoñecemento autorial, por parte de Seoane, sobre o conxunto de editoriais da revista (Seoane 1959).

19

A pasaxe está tirada da carta enviada pola Comisión Organizadora da AGUEA a Alberto Vilanova, datada o 20 de xuño de 1956 e conservada no Fondo Alberto Vilanova da Deputación Provincial de Ourense. Agradézolle a Ángeles Fernández Pérez, da Fundación Eduardo Blanco Amor, a súa axuda para poder acceder a este documento.

20

Meses máis tarde, Seoane particípalle a Del Riego nos seguintes termos a súa lectura da diverxencia entre Galaxia e AGUEA, simbolizada nos infrutuosos contactos de Baltar con aqueles: Creo que habéis hecho mal en no dialogar con Antonio Baltar. Ahí estáis absolutamente confundidos, por lo que notamos, con respecto a todos nosotros. Si no fuese así, no se puede explicar vuestra actitud con respecto al congreso del año pasado, y vuestra actitud actual con Baltar que llevaba la representación nuestra. Casi toda la obra hecha en Buenos Aires fué hecha al márgen de las gentes que aquí aparecen como apoderados vuestros y que cada vez están más solos. Yo no sé como hablar de esto, pero sentí una gran tristeza al pensar que si hubiese sido yo el que fuese a Galicia, podría pasarme algo parecido a lo ocurrido con Antonio. Os estáis dejando guiar por noticias e informes de terceros, inexactos e interesados, y no es propio, creo, de vosotros ni de nosotros, dejarse llevar de terceros para las cuestiones referidas a problemas nuestros (carta de Seoane a Del Riego, 8 de novembro de 1957, Proxecto Epístola).

21

O texto está catalogado no fondo Francisco Fernández del Riego da Fundación Penzol coa sinatura FR-CA-068/002/040. Pódense atopar análises máis demoradas deste documento na miña tese de doutoramento Un Buenos Aires ibérico: Cultura impresa y modernidades divergentes en el exilio (1936-1959) (2018) e noutra investigación referida varias veces neste artigo (2021). A atribución da autoría do texto a Ramón Piñeiro que Xesús Alonso Montero realizou durante a súa intervención no congreso para o que se escribiu o presente texto xa fora insinuada polo autor, se ben daquela con certas reservas, coincidindo coa publicación dunha versión reducida do documento dispoñible actualmente (Alonso Montero 2009, pp. 409-411).

22

Segundo Xesús Alonso Montero, non existen datos que avalen a militancia comunista que lle apón a Baltar —en forma de acusación— o informe clandestino: non sei se Antonio Baltar foi algunha vez comunista (2007, p. 545).

23

Porén, pola resposta ao informe enviada dende o Consello de Galiza sabemos que o texto non chegou aos seus destinatarios ata moitos meses despois, en xaneiro de 1958.

24

Debémoslle a Xesús Alonso Montero que exhumase estes documentos no seu traballo clásico As palabras no exilio. Biografía intelectual de Luís Seoane (1994).

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS

Alonso Montero, Xesús (1994). As palabras no exilio. Biografía intelectual de Luís Seoane. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.

Alonso Montero, Xesús (2007). Intelectuais marxistas e militantes comunistas en Galicia (1926-2006). Vigo: Edicións Xerais de Galicia.

Alonso Montero, Xesús (2009). Ramón Piñeiro ou a invención da cultura galega. Vigo: Galaxia.

Amat, Jordi (2016). La primavera de Múnich. Barcelona: Tusquets.

Fernández del Riego, Francisco (1954a). Reivindicación gallega de Valle-Inclán. Galicia Emigrante. 1, 10-11.

Fernández del Riego, Francisco (1954b). Rafael Dieste. Galicia Emigrante. 2, 5, 30-31.

Fernández del Riego, Francisco (1954c). Galicia: Paisaje y lirismo. Galicia Emigrante. 3, 4-5.

Fernández del Riego, Francisco [Salvador Lorenzana] (1955). Unha entrevista con Ramón Piñeiro. Galicia Emigrante. 11, 16-17.

Fernández Freixanes, Víctor (1976). Unha ducia de galegos. Vigo: Galaxia.

Galicia Emigrante (1957). Los cursos de “AGUEA”. Galicia Emigrante. 29, 24-26.

García Martínez, Pablo (2018). Un Buenos Aires ibérico: Cultura impresa y modernidades divergentes en el exilio (1936-1959). Tese de doutoramento. The City University of New York.

García Martínez, Pablo (2021). Un largo puente de papel. Cultura impresa y humanismo antifascista en el exilio de Luís Seoane. Madrid: CSIC.

García Martínez, Pablo (2023). Alguén virá... Romanticismo, memoria e revolución na literatura de Luís Seoane. Santiago de Compostela: Laiovento.

Glondys, Olga (2015). El Congreso por la Libertad de la Cultura y su apoyo a la disidencia intelectual durante el franquismo. Revista Complutense de Historia de América. 41, 121-146.

Maside, Carlos (2015). Correspondencia [1928-1958]. Santiago de Compostela: Consorcio de Santiago / Alvarellos. Edición de Anxo Tarrío Varela.

Pasolini, Ricardo (2005). El nacimiento de una sensibilidad política. Cultura antifascista, comunismo y nación en la Argentina: entre la AIAPE y el Congreso Argentino de la Cultura, 1935-1955. Desarrollo Económico. 179, 403-433.

Piñeiro, Ramón (1951). Siñificado metafísico da saudade: notas pra unha filosofía galaico-portuguesa. En: Presencia de Galicia. Vigo: Galaxia, 5-25.

Piñeiro, Ramón (1955a). Carta a Novoneyra. En: Uxío Novoneyra, Os eidos: terras outas e soias do Caurel. Vigo: Galaxia, 9-20.

Piñeiro, Ramón (1955b). A poesía de Luis Pimentel. Galicia Emigrante. 9, 3-4.

Piñeiro, Ramón (1967). A lingoaxe i as língoas. Discurso lido o día 25 de novembro de 1967 na súa recepción pública por Ramón Piñeiro López e resposta de Domingo García-Sabell. Vigo: Galaxia.

Primeiro Congreso da Emigración Galega: feito desde o 24 ao 31 de xulio de 1956 en Bos Aires. 1856 Banquete de Conxo 1956. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2006 [1956]. Edición facsimilar.

Santidrián Arias, Víctor Manuel (2008). Historia do PCE en Galicia. Sada: Ediciós do Castro.

Seoane, Luis (1957a). El exiliado y el perro. Galicia Emigrante. 28.

Seoane, Luis (1957b). Querubines en el bestiario. Galicia Emigrante. 30.

Seoane, Luis (1959). Despedida. Galicia Emigrante. 37.

Seoane, Luis (1970). Notas sobre el arte gallego y el Museo Carlos Maside. Cuadernos del Laboratorio de Formas de Galicia. 1, 5-15.

Seoane, Luis (1973). Comunicacións mesturadas. Vigo: Galaxia.

Villares, Ramón (2017). O Consello de Galiza na estratexia dos exilios ibéricos, 1939-1950. En: Xosé Manoel Núñez Seixas e Ramón Villares, eds. Os exilios ibéricos: unha ollada comparada nos 70 anos da fundación do Consello de Galiza. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 15-93.