Boletín da Real Academia Galega

Núm. 384, pp. 281-320

© 2023. Real Academia Galega

https://doi.org/10.32766/brag.384.849

O EPISTOLARIO FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO - LUIS SEOANE: DIÁLOGO ENTRE O EXILIO INTERIOR E O EXILIO EXTERIOR (COA “PANTASMA DO COMUNISMO” ALÓ NO FONDO)

THE FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO - LUIS SEOANE CORRESPONDENCE: DIALOGUE BETWEEN INTERNAL EXILE AND EXTERNAL EXILE (WITH THE “GHOST OF COMMUNISM” IN THE BACKGROUND)

Xesús Alonso Montero
Real Academia Galega

Resumo: A análise do epistolario cruzado entre Luis Seoane e Francisco Fernández del Riego permite abordar feitos relevantes para esclarecer as relacións entre os galeguistas de aquén e de alén mar. O presente estudo céntrase en dous deles moi presentes nas cartas escritas entre 1955 e 1960: o Primeiro Congreso da Emigración Galega (xullo de 1956) e as viaxes de Antonio Baltar a Galicia a finais de 1956 e comezos de 1957. As cartas de Seoane dirixidas a Del Riego son moi críticas co Congreso organizado polo grupo galeguista de Buenos Aires co que a fratria de Galaxia tiña boa relación. Esta estivo de acordo desde o principio coa idea e coa realización deste Congreso, vencellada como estaba cos membros do Consello de Galiza polo seu “anticomunismo”.

O segundo episodio sucede a fins de 1956, cando Antonio Baltar viaxa a Galicia co obxectivo esencial de dialogar coa xente preocupada, desde as premisas non franquistas, pola cultura do país. Nesa primeira visita, Antonio Baltar entrevístase con Del Riego. Cinco meses despois, volve coa intención de reunirse cos homes de Galaxia. Seoane recolle nas súas cartas o malestar provocado pola falta de atención que recibiu Antonio Baltar, críticas que suscitaron unhas duras páxinas de Ramón Piñeiro.

Nunha terceira parte deste traballo, faise un percorrido polo epistolario para recoller noticias sobre os seis libros “americanos” de Francisco Fernández del Riego, algún deles aínda inédito.

Abstract: The analysis of the correspondence between Luis Seoane and Francisco Fernández del Riego enables relevant facts to be addressed in order to clarify the relations between Galicians at home and abroad. This study focuses on two subjects that were highly prominent in the letters written between 1955 and 1960: the First Galician Emigration Conference (July 1956) and the journeys undertaken by Antonio Baltar to Galicia at the end of 1956 and beginning of 1957. In this series, Seoane’s letters addressed to Del Riego are highly critical of the conference organised by the Galicianist group in Buenos Aires with which the Galaxia phratry enjoyed good relations. Galaxia supported the idea and organisation of this conference from the beginning, in spite of its links with the members of the Council of Galicia due to its “anti-communism”.

The second series of letters were sent at the end of 1956, when Antonio Baltar travelled to Galicia with the key objective of talking to the people who had expressed concern, on non-Francoist premises, about the country’s culture. On that first visit, Antonio Baltar discussed the matter with Del Riego. Five months later, he returned with the intention of meeting the members of Galaxia. Seoane refers in his letters to the discontent caused by the lack of attention received by Antonio Baltar, criticisms which were met with a harsh response from Ramón Piñeiro.

In a third part of this study, this correspondence is analysed in order to glean information about the six “American” books of Francisco Fernández del Riego, one of which remains unpublished.

Palabras chave: Francisco Fernández del Riego, Luis Seoane, epistolario, Ramón Piñeiro, Antonio Baltar, Primeiro Congreso da Emigración Galega, AGUEA, Galaxia, anticomunismo, Café Tortoni (Buenos Aires), Centro Orensano de Buenos Aires.

Key words: Francisco Fernández del Riego, Luis Seoane, collected letters, Ramón Piñeiro, Antonio Baltar, First Galician Emigration Conference, AGUEA, Galaxia, anti-communism, Café Tortoni (Buenos Aires), Buenos Aires Ourensan Centre.

Para Patricia Arias Chachero, que anotou, con tanta erudición e fervor, o epistolario Fernández del Riego – Otero Pedrayo, que eu prologuei. Para ela, oteriana maior, ex toto corde.

LIMIAR

Nos dous capítulos máis extensos deste estudo céntrome en dous feitos moi presentes nas cartas que se escribiron Del Riego e Seoane entre 1955 e 1960: o Primeiro Congreso da Emigración Galega (xullo de 1956) e a viaxe de Antonio Baltar a Galicia a finais de 1956 e comezos de 1957.

Nesas cartas hai caudalosa e significativa información sobre as actividades galeguistas na Terra e no exilio arxentino, información case sempre atravesada pola “pantasma do comunismo”, explicitada ás veces e suxerida de varias formas moitas máis. Está por facer o estudo cabal do que significou nestes anos o marxismo e o comunismo, tantas veces supostos, no pensar e no actuar de certos galeguistas do interior e do exterior. O presente epistolario, redactado por persoas moi representativas dun e doutro exilio, fornécenos de datas e valoracións moi interesantes verbo desta cuestión.

Neses anos, e antes (desde 1939), non se pode entender o galeguismo, o político e o cultural, se non temos en conta, moi en conta, a sombra, moi alargada, da Unión Soviética e dos esquerdistas que, non sendo comunistas, sentían algún tipo de admiración pola URSS e, nalgúns casos, polo ideario marxista. É certo que neste riquísimo epistolario se fan incursións en moitos outros temas, pero non é menos certo que os dous escolleitos por min teñen a suficiente entidade para que, neste traballo, ocupen un posto central.

Neste estudo, como terá ocasión de ver o lector, dedicamos non poucas páxinas ó Congreso da Emigración Galega, o que, por abreviar, denominamos en moitas ocasións Congreso, como fan nas súas cartas Seoane e Del Riego. Convén que o lector non confunda este Congreso co Congreso por antonomasia na historiografía mundial, o Congreso do PCUS (Partido Comunista da Unión Soviética) de 1956, o mesmo ano ca o galeguista de Buenos Aires. Trátase do XX Congreso, a histórica xuntanza na que os comunistas soviéticos denunciaron e repudiaron “os erros e os horrores” de Stalin. Celebrouse entre o 14 e o 26 de febreiro de 1956, cinco meses antes, pois, do congreso galeguista de Buenos Aires, e nada sei (e non sei se alguén o sabe) do estado de ánimo dos “rusófilos” que asistiron a el (o propio Luis Seoane e o seu íntimo camarada en inquedanzas Antonio Baltar) e de certos comunistas que procedían doutros países como Francisco Comesaña Rendo, exiliado en México.

O último capítulo, sobre a “bibliografía arxentina” de Del Riego, non está totalmente alleo á idea que inspira os dous anteriores. Nese capítulo final aparece, máis unha vez, o Seoane incomprendido polos galeguistas de Buenos Aires, que o sinalan de comunista ou de compañeiro de viaxe, e tamén batemos cun Fernández del Riego un pouco inquietante para ese grupo pola súa decidida lealdade a Luis Seoane, un Del Riego que, en 1957, traduce ó galego unha peza de teatro moi política de Jean-Paul Sartre, autor que non estaba, daquela, no canon literario de Ramón Piñeiro, o ideólogo de Galaxia, moi proclive ós que, en Buenos Aires, sempre sospeitaban de Seoane.

En calquera caso, o presente traballo é un rifacimento da conferencia que pronunciei en Vilanova de Lourenzá (Lugo) o 5 de setembro de 2023 no Curso de verán dedicado a Francisco Fernández del Riego. Varía tamén un pouco o título1.

PRIMEIRA PARTE

1. PRIMEIRO ACHEGAMENTO Ó CORPUS EPISTOLAR (1946-1979)

Custódiase este importantísimo epistolario no Consello da Cultura Galega (Santiago de Compostela), institución moi interesada na literatura epistolar de voces moi valiosas das Letras de Galicia (Emilia Pardo Bazán, Ramón Otero Pedrayo, Valentín Paz-Andrade, Lois Tobío...)2. O Consello, no caso que nos ocupa, ofrécenos o facsímile dos textos orixinais (manuscritos ou mecanoscritos) e mais a transcrición. Como é de supoñer, as cartas orixinais de Del Riego e as de Seoane custódianse, respectivamente, na Fundación Penzol (Vigo) e na Fundación Luis Seoane (A Coruña). A min facilitoume o acceso a este extraordinario epistolario Emilia García López, a quen manifesto, de novo, a miña fonda gratitude.

Consta o noso epistolario de 290 cartas escritas entre o 10 de maio de 1946 (Del Riego) e o 2 de marzo de 1979 (Seoane), a maior parte delas polo epistológrafo asentado en Vigo. Unhas e outras foron redactadas en castelán e só nos últimos anos a lingua utilizada foi o galego, por Del Riego desde 1969 e por Seoane desde algo despois3. Alguén debería estudar por que estes dous galeguistas empregaron, case sempre, o idioma castelán na súa relación epistolar. Non foron os únicos naquel tempo.

Como eran e que relación tiñan antes do 36 Fernández del Riego e Luis Seoane, os autores deste epistolario? Nunha recente alocución miña debruceime sobre a cuestión nestes termos4:

Francisco Fernández del Riego e Luis Seoane viviron nos anos da II República momentos de entusiasmo cívico, participando, en ocasións, nas mesmas tarefas culturais e políticas, ás que levaron o seu compromiso e o seu esforzo. Camaradas no galeguismo (“irmáns”, dicíase neses anos), camaradas na causa da cultura e devotos do ideario republicano, representaban moi brillantemente, na Compostela desas datas, aquel tempo de ilusión, que así o definiu Rafael Dieste. Ademais de compañeiros entusiastas na causa da República, na do galeguismo e na da cultura, foron colegas, moi próximos, na Facultade de Dereito, carreira que Seoane finalizou en 1932, e Del Riego, tres anos máis novo, en 1934. Licenciados ambos os dous, acollen o triunfo da Frente Popular de febreiro de 1936 cunha emoción especial e con fermosas perspectivas, que foron dinamitadas, como é ben sabido, a fins de xullo de 1936 por unha sublevación militar apoiada polos estamentos máis reaccionarios do país, xerarquía eclesiástica incluída, e coa colaboración moi eficaz de dúas potencias estranxeiras de réxime fascista: Alemaña e Italia.

Aquí as cousas, as novas circunstancias torcen a vida profesional e cívica dos nosos protagonistas de xeito moi diferente; Del Riego, xa destituído como profesor universitario de dereito civil, alístase, a fortiori, no exército de Franco, e Seoane, que, por sorte para el tamén tiña nacionalidade arxentina, emprende viaxe a Portugal fuxindo das intencións da Falanxe coruñesa. Xa en Lisboa, embarca rumbo a Buenos Aires onde se instala, tras graves dificultades, a fins de 1936. Seoane, ó principio con pseudónimo, loitará contra o Réxime de Franco coa espada afiada da súa pluma e co aguillón do seu lapis de debuxante, mentres Del Riego, en España, na chamada zona nacional, é un soldado de corazón republicano con uniforme franquista que ten que disparar contra posicións que defenden, xa coa espada da pluma, xa co lapis de debuxante, xa con ambas, Rafael Dieste, Arturo Souto, Juan González del Valle e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

Finalizada a guerra en 1939, Del Riego decide probar fortuna en Vigo, onde, pro pane lucrando, nos primeiros tempos, desempeña mesteres moi diversos, desde colaborar nun periódico deportivo ou nunha revista técnica de asuntos pesqueiros ata impartir clases de Letras nalgún centro escolar con carácter, en certo modo, semiclandestino. Mentres, Seoane, en Buenos Aires, en territorio libre, segue a execrar a Franco e a gabar as virtudes do Réxime republicano. Nese período, non moi breve, de 1936 a 1946, Luis Seoane e Fernández del Riego, Del Riego e Seoane, non teñen noticias precisas nin amplas o un do outro. Franco separara as súas vidas aínda que non lograra arrefriar corazóns tan fraternos e fervorosos. (2023, pp. 393-394)

Verbo da relación entre estes dous intelectuais nas datas anteriores ó tráxico verán de 1936, non é desaxeitado reproducir unhas liñas do propio Del Riego escritas no ano 2002:

Fomos el e mais eu compañeiros de estudios universitarios en Compostela alá polos primeiros anos trinta do século pasado. Compartimos preocupacións culturais e actividades reivindicativas na vida da Universidade. Formamos parte ámbolos dous, con outros compañeiros do mundo da cultura, do Comité de Cooperación Intelectual, que polarizaba daquela desacougos literarios e artísticos con afán anovador. Pasamos moitas horas de tertulia na imprenta Nós, colaborando con Ánxel Casal nas edicións que este ía tirando do prelo nun empeño tan idealista como xeneroso ó servicio do país propio. Coincidimos coas nosas firmas en reveladoras páxinas de publicacións periódicas nas revistas Nós, Alento, Universitarios e no xornal Ser. (2002, p. 17)

2. A PRIMEIRA CARTA DE DEL RIEGO (VIGO, 10 DE MAIO DE 1946) E A RESPOSTA DE SEOANE (BUENOS AIRES, 20 DE XANEIRO DE 1947)

É imprescindible reproducir enteira a carta inaugural deste epistolario.

Vigo, 10-5-1946

Sr. D. Luis Seoane

Mi querido amigo:

Aunque hace algún tiempo que perdí el contacto personal contigo, no por ello dejé de tener frecuentes noticias tuyas. Ahora te escribo con un objetivo concreto. Se trata de lo siguiente.

Con esta misma fecha envío por correo aéreo, a la Federación de Sociedades Gallegas, un trabajo para el Concurso literario de octubre, según las condiciones que señalan por medio de la prensa. El trabajo, titulado Cos ollos do noso esprito, es una colección de breves ensayos literarios. Te agradecería, pues, que si te es posible enterarte de si ha llegado a poder de la entidad que organiza el concurso, me lo comuniques para mi tranquilidad.

Nada más por hoy. Afectuosos saludos a todos esos amigos y tú recibe el cordial abrazo de siempre de Fernández del Riego.

Francisco Fernández del Riego.

Sempre me sorprendeu a brevidade, o contido e o ton desta carta5, a primeira que Del Riego lle escribiu, despois de dez anos de incomunicación, ó seu fraterno Luis Seoane. En realidade, semella unha especie de carta de negocios (de negocios literarios) cando parecía esperable, entre dous espíritos tan “irmáns” e tan fervorosos, unha carta á altura da emoción dun reencontro tan agardado. Seoane, sen dúbida, esperaba unha carta con outra música e con outra letra, tamén con moitas máis letras.

Debemos supoñer que as saudades de Seoane foron fondas, cada vez máis fondas, ó decatarse de que pasaban os anos (1939, 1940, 1941...) e non recibía cartas dos compañeiros ou das persoas veneradas. Son dramáticas estas datas: a primeira carta que recibe de Aquilino Iglesia Alvariño é do 28 de xuño de 1947; a de Carlos Maside, o admirado pintor, do 26 de agosto dese ano; a de Ramón Otero Pedrayo, do 26 de novembro; a de Ramón Piñeiro, do 17 de decembro de 1949; a de Domingo García-Sabell, espírito tan coincidente, do 8 de xuño de 1953, e a de Valentín Paz-Andrade, do 31 de outubro de 1954. Así pois, o silencio epistolar de Del Riego non foi o único: o artista exiliado non tiña quen lle escribise. Parafraseando a García Márquez, titulei a miña conferencia no Congreso Internacional sobre o Exilio Galego (Santiago de Compostela, 2001) “Luis Seoane non ten quen lle escriba”6. Houbo, en efecto, grandes amigos que non lle escribiron, como Ánxel Fole, e outros, como vimos de ver, fixérono moi serodiamente. En calquera caso, a carta de Fernández del Riego de 1946 inicia os reencontros epistolares.

Luis Seoane recibe, con meses de atraso por deficiencias no enderezo, a carta do vello camarada, aquela prosaica carta. A resposta do exiliado, cinco veces maior en extensión, contén un parágrafo moi significativo:

Tu carta constituyó un pequeño acontecimiento cuando la tuve en mis manos y, a pesar de que te referías concretamente al envío de una obra tuya, ella fue leída por todos nosotros porque era algo así como la seguridad de vuestra amistad y ello nos causó a todos una gran alegría. Con ella tuvimos la certeza de que, a pesar del tiempo, nuestros amigos, que recordamos constantemente, no nos habían olvidado. (20 de xaneiro de 1947; a cursiva é miña)

Na versión galega de Del Riego omítense as palabras ofrecidas por min en cursiva, proba evidente de que o tradutor era moi consciente do que esas palabras tiñan de denuncia, de amical denuncia. Quizais conveña sinalar que Seoane tardou catro meses en contestarlle ó vello amigo (recibira a carta en setembro), dato que non é irrelevante. Pero os espíritos grandes, sen deixar de chamar ás cousas polo seu nome, están por riba de certas pequeneces, e, na resposta, Seoane quere recuperar o amigo e o “irmán”, e, a través del, outros vellos amigos e “irmáns”. De aí palabras como estas: Quisiera que esta correspondencia que comenzaste tú a entablar con esta carta peregrina7 que yo contesto hoy, se continuase entre nosotros.... Ou estoutras: ¿Qué hacen los amigos comunes? [...] Deseo mantener correspondencia con vosotros, saber de todos.

Lendo con atención este inxente epistolario, axiña concluímos que Seoane recuperou o verdadeiro Del Riego e que este nunca atopou no camarada arxentino as reticencias que non foi capaz de omitir na súa primeira resposta. Este grandioso epistolario, escrito por espíritos vehementes, está atravesado pola amizade fonda, pola irmandade e polo fervor, e, en canto ó seu valor informativo, a riqueza de noticias, sobre todo nas cartas de Seoane, é realmente asombrosa. Xa nesta súa primeira carta lle fai chegar estes datos:

De nuestra vida os suponemos enterados por [Rodolfo] Prada. Hemos trabajado mucho, con suerte y sin ella, de cualquier manera, haciendo de todo, pero tratando en cada momento de hacer honor con nuestra conducta y labor a Galicia. [Arturo] Cuadrado y yo hemos fundado dos editoriales dedicadas a publicar, en parte, libros gallegos, idea que tuvimos que abandonar por falta de eco en la emigración, no sin antes publicar unos cincuenta libros que, por lo menos, quedarán y darán idea de nuestra permanencia en ésta.

En efecto, Rodolfo Prada —amigo, protector e mentor de Castelao— estivera en Galicia había pouco e informara, sen dúbida, sobre as actividades galeguistas de Buenos Aires e os seus protagonistas. Pero Del Riego, o máis erudito nestes mesteres, tiña noticia moi pobre do feito, promovido e auspiciado polo propio Seoane, como confesará algún tempo despois nalgunha carta. Non había, por tanto, hipérbole cando o noso exiliado lle comunicaba que, antes de 1948, publicaran unos cincuenta libros. Debo, pola miña parte, facer unha incursión moi parcial, na actividade como editor de Luis Seoane: Aires da miña terra de Curros (Emecé, Biblioteca Gallega, 1940); Queixumes dos pinos de Pondal (Emecé, Dorna, 1940); Manuel Antonio, De catro a catro, coa tradución castelá de Rafael Dieste (Emecé, Dorna, 1940); Poesía gallega medieval (Emecé, Dorna, 1940); Cancionero popular gallego, compilado por José Pérez Ballesteros (Emecé, Dorna, 1942); Follas novas, de Rosalía de Castro (Emecé, Dorna, 1943)... Tamén editou ou reeditou volumes en castelán implicados, dun xeito ou outro, nunha lectura galeguista de Galicia: Los precursores de Murguía (Emecé, Hórreo, 1940); En las orillas del Sar, de Rosalía de Castro (Emecé, Dorna, 1941); Estudio sobre el origen y formación de la lengua gallega, do padre Sarmiento (Nova, col. Camino de Santiago, 1943); Adolescencia, de Ramón Otero Pedrayo (Nova, col. Camino de Santiago, 1944)...

Esta relación é unhas mostra breve dos volumes editados ou reeditados por Luis Seoane en galego ou en castelán. Dos primeiros, non omite os tres grandes clásicos do XIX (Rosalía, Curros, Pondal) e o poeta máis “clásico” do século XX, Manuel Antonio (en pulcra edición bilingüe de Rafael Dieste), ademais de dúas colectáneas que nos ofrecen as pezas clásicas da nosa poesía medieval e as da poesía popular da tradición oral. Tales reedicións permítennos afirmar que o exilio exterior, da man de Luis Seoane, estaba salvando, na historia editorial, o discurso literario en lingua galega, pois contemporaneamente producírase na Galicia do exilio interior o silencio das musas vernáculas. Sabido é que, entre 1936 e 1947, na Galicia da Terra, non se imprimiron libros en galego dignos de tal nome. Pero na diáspora, concretamente en Buenos Aires, estaba a man esforzada e a conciencia histórica de Seoane para facer chegar ós emigrantes galegos e á minoría culta da Arxentina non só os libros mencionados senón títulos que eran unha indagación na peculiaridade cultural de Galicia, como Los precursores ou Origen y formación de la lengua gallega. Hai máis títulos, en galego e en castelán, para quen queira afondar no labor orixinal e sagaz do editor Luis Seoane8.

Seoane, que non era amigo de adornarse con plumas alleas, cita como colaborador seu a [Arturo] Cuadrado, e faino con inmensa xenerosidade. Cuadrado, alacantino afincado moi novo en Compostela (onde se coñeceron), axudou lealmente (era republicano e autonomista) en tarefas de imprenta e distribución, mais a mente creadora (para escoller autores e títulos, para denominar as coleccións...) era a de Luis Seoane, antes e despois de 19469.

Resulta que a figura de Luis Seoane —o pintor, o gravador, o poeta, o ensaísta...— agrándase, na historia da cultura galega, se temos en conta a súa condición de editor, de editor imprescindible para entendermos a cultura literaria de Galicia de 1936 (textos antifranquistas) a 1970. Ás veces comprometeuse con ese labor (en detrimento doutras ocupacións intelectuais) consciente de que o facía in partibus infidelium ou, dito coas palabras da súa primeira carta a Del Riego, sen eco en la emigración. Nesa carta, tan esperada por Del Riego, tamén lle comunica que o seu libro, Cos ollos do noso esprito, fora premiado pola Federación de Sociedades Gallegas, que o publicaría no ano 1949. Dáse a circunstancia que se trata do primeiro libro (édito) de Fernández del Riego.

SEGUNDA PARTE

1. DA ACTIVIDADE POLÍTICA E CULTURAL DO GALEGUISMO NA TERRA E EN BUENOS AIRES NOS PRIMEIROS ANOS DA POSGUERRA

I

É ben coñecido que a inactividade do Partido Galeguista, como organización, foi total nos tres anos da guerra civil (1936-1939), e tamén de abril de 1939 ó verán de 1943. Certamente, era extremadamente difícil facer política clandestina nestes sete anos e sumamente perigoso para os militantes. Naquel tempo e naquel clima de terror, nin sequera un partido tan poderoso coma o PSOE se organizou como clandestino. Finalizada a guerra civil, os partidos políticos atopáronse cunha realidade moi preocupante: a evolución da segunda guerra mundial era cada vez máis favorable ós intereses do Réxime de Franco. En efecto, o exército alemán, as tropas nazis, parecían invencibles. Abonda con botar unha ollada ó mapa de Europa para decatármonos de que o exército hitleriano antes de 1943 ocupara a case totalidade de Europa, e no caso da oriental estaba ás portas de Leningrado e de Moscova. Para os políticos antifranquistas era non só un tempo de terror (cadea, torturas, abusos...) senón un tempo de desesperanza e non se albiscaba un horizonte de mellora.

Agora ben, o 2 de febreiro de 1943 prodúcese un punto de inflexión no acontecer da guerra mundial: é o día no que o Exército Vermello controla totalmente a cidade (simbólica) de Stalingrado e detén o avance, que parecía imparable, do exército nazi. Poucas semanas despois, o exército soviético vence o alemán nunha batalla de asombrosas proporcións, a de Kursk, a batalla máis numerosa en carros de combate da historia. Con ela, a estratexia da Unión Soviética culminaba a acción iniciada en Stalingrado. Desde marzo a abril de 1943, a primavera é un feito no mundo para a causa dos Aliados e un fortísimo quebranto para a coalición nazi-fascista: a Alemaña de Hitler era vencible. Eu tiña quince anos e lembro con precisión —e non sen emoción— o ollar e certos xestos nalgúns antifranquistas do Ribeiro, especialmente o señor Petouto (Antonio Villar García), canteiro, unha especie de comunista das silveiras, moi botado para adiante ás veces. Cóntase —así o oín eu— que, en certa ocasión, en Ribadavia, foi capaz de dicirlles a uns falanxistas daquela vila, ata daquela moi faltóns e agora unha miguiña prudentes, que os tanques rusos (os nosos tanques, noutra versión) non tardarían en chegar a Berlín, e, se cadra, a Madrid. A hipérbole do señor Petouto non carecía de sentido: o destino de Franco estábase escribindo, dalgún xeito, aló moi lonxe, na estepa rusa.

Detéñome un pouco neste acontecemento, o de Stalingrado, verdadeiramente histórico e maiúsculo, para opoñerme, non sei con que éxito, a tantas e tantas páxinas da historiografía na que abundan os autores obsesionados coa idea de que a gran derrota nazi tivo o seu inicio o 6 de xuño de 1944, cando os Aliados occidentais desembocaron en Normandía. En realidade, non se entende Normandía sen Stalingrado, case ano e medio antes. Alemaña, co avance soviético, estaba moi debilitada, tanto que nese período xorden voces, nos cadros político-militares do III Reich, dispostos a pactaren con Occidente, pois o perigo para o mundo —argumentaban estes estrategos— era a Unión Soviética e o comunismo.

Xa aquí non debo omitir o que pensaba da guerra mundial un galeguista, daquela moi novo, que non tardaría en ser a gran cabeza reitora da galeguidade durante moitos anos: Ramón Piñeiro. Del son estas palabras:

Así pasaron máis de dous anos ata que, no outono de 1942, o mariscal Montgomery derrotou ao Africa Korps e aos italianos no norte de África e a guerra pareceu cambiar de signo, como se confirmará ao ano seguinte. Nese momento chegamos [os galeguistas] á conclusión de que a guerra aínda podía durar moito tempo, pero que os alemáns, durase o que durase, xa non a gañarían. Entón foi cando empezamos a pensar que a derrota de Alemaña supoñía tamén a derrota de Franco e que ese feito nos obrigaba a prepararnos. (Piñeiro 2002, pp. 61-62; as cursivas son miñas)

Un home da intelixencia e da cultura de Ramón Piñeiro non debería silenciar o decisivo papel protagonizado pola Unión Soviética nos primeiros meses de 1943, magnificando, asemade, a acción liderada polo mariscal Montgomery no norte de África, acaecida, por certo, cando xa se iniciara a batalla de Stalingrado, ou sexa, cando o avance de Hitler cara ó trigo de Ucraína e o petróleo de Acerbaixán sufrira un atranco definitivo. É certo que Piñeiro, tras referirse á campaña británica en África e deducir que a guerra pareceu cambiar de signo, engade como se confirmará ao ano seguinte. Esta puntualización temporal só se pode referir ós éxitos militares soviéticos dos primeiros meses de 1943, que Piñeiro, máis anglófilo que rusófilo, non explicita.

Desde 1943, a actividade do líder intelectual do galeguismo vai estar moi marcada polas súas reticencias cara ó comunismo, cara ó Partido Comunista de España, único partido que, como organización clandestina, nunca deixou de loitar contra o franquismo, non só nos ámbitos obreiros senón tamén liderando unha experiencia nova, a das guerrillas nas montañas de Galicia; no llano e no monte, como aclaraba, no seu galego, Camilo de Dios, o máis novo dos guerrilleiros galegos.

Volvéndomos ás actividades galeguistas, foi no verán de 1943 (medio ano despois da vitoria de Stalingrado) cando algúns nomes importantes do galeguismo de preguerra se reuniron en Coruxo (Vigo), na casa de Francisco Fernández del Riego, un dos homes máis comprometidos coa causa, para reconstituíren o Partido Galeguista e actuaren. Actuaron, na clandestinidade, porque eran moi conscientes de que chegara a hora de facelo: os Aliados tiñan a iniciativa da guerra e os Aliados, na hora da vitoria, serían decisivos para derrocaren a Franco, caudillo dun Réxime que chegara ó poder pola poderosa axuda de Mussolini e Hitler, responsables máximos do máis grande conflito bélico da historia.

Os galeguistas, como outros partidos, non ignoraban que o éxito, en España, dos Aliados dependería en parte do labor de oposición que os partidos clandestinos fixeran, e sabían moi ben, ó mesmo tempo, que os partidos que non contribuíran ó derrocamento de Franco ían ter nula ou irrelevante presenza na constitución do réxime democrático posfranquista. O novo Partido Galeguista, que era moi consciente desta eventual situación, trazou o organigrama do partido reconstituído e nomeou secretario político a Ramón Piñeiro, quen asumiu esa responsabilidade, a máis importante e arriscada naquela circunstancia histórica. Piñeiro era, daquela, estudante de Filosofía e Letras na Universidade Central, de 28 anos e irmán que tiña o respecto, cando non a admiración, de todos os membros do partido. Xa en 1934, don Ramón Otero Pedrayo dixera del: Hai un rapaz en Lugo [un rapaz de 19 anos] que é un verdadeiro Erasmo. É o Otero Pedrayo que en abril de 1950 escribiría que era a mente máis rexa e nova das nosas.

Formaban o Comité Executivo o vello arquitecto Manuel Gómez Román (co título de secretario xeral, que é o que era en 1936), Xosé Meixide, Cesáreo Saco, Xaime Isla Couto e Francisco Fernández del Riego, responsable das actividades co exterior. Pero o home que entregou todos os seus traballos e todos os seus días á nova causa (falando, convencendo, viaxando, expoñéndose...) foi Ramón Piñeiro.

Piñeiro conectou en Madrid, en Barcelona, en Santiago, coas forzas políticas máis afíns ó seu proxecto político: nacionalistas vascos, nacionalistas cataláns, anarquistas... En Madrid descubriu un irmán da alma na persoa de Fermín Penzol, rexistrador da propiedade, quen, desde 1946 (xa no cárcere Piñeiro) o substituíu nas tarefas de secretario político. Cómpre non omitir que, desde fins de 1944, o mesmísimo don Ramón Otero Pedrayo, catedrático destituído desde 1937, de 56 anos, figuraba no organigrama co posto, máis que simbólico, de “letrado asesor”.

Hoxe é ben coñecida a actividade política de Piñeiro fóra de España, en Francia, onde chegou clandestino para propoñer a Castelao como ministro (sen carteira) no Goberno republicano do exilio que presidía, en París, José Giral, proposta que tivo éxito malia as dificultades políticas e doutra índole coas que bateu. Foi a comezos de 1946, e, xa en Madrid desde finais de marzo dese ano, o 9 de abril acode a unha cita ó café Pidoux con algúns membros da ANFD (Alianza Nacional de Fuerzas Democráticas) para informalos das xestións realizadas en París. A policía, que viña perseguindo un militante da CNT, irrompeu no café e detivo todos os membros daquel xuntoiro. Sábese que intentou fugarse, sen éxito (por recibir un tiro nunha perna), o anarquista de Vilagarcía de Arousa Juan García Durán, nome de guerra de Luís Costa García. A policía ó día seguinte rexistra a pousada na que residía Piñeiro, na que atopou documentación moi comprometedora, que implicaba tamén a dous galeguistas de Monforte, os irmáns Camilo e Cesáreo Saco, ademais do nacionalista vasco Koldo Mitxelena. Trasladáronos á Dirección General de Seguridad, onde xa estaba Ramón Piñeiro. Coñecido é o periplo carcerario de Piñeiro durante tres anos (1946-1949): Alcalá de Henares, Ocaña e Yeserías. Nas prisións, Cesáreo Saco e Ramón Piñeiro dan charlas ós reclusos galegos, aquel de gramática galega e este de cultura e historia de Galicia. Piñeiro, ós dous ou tres meses de “residir” no cárcere de Alcalá, informa (vía clandestina) ós “queridos irmáns”:

[...] pregáronnos que désemos algunha conferencia explicando as características dos nosos problemas e as razóns das nosas reivindicacións [...] aquí hai arredor de 40 galegos [...] funciona unha clase diaria de gramática galega a cargo de Cesáreo [...] tódalas semanas se dan conferencias en galego [...] resulta verdadeiramente emocionante ollar o fondo e sincero entusiasmo con que tratan de coñecer todo o interesante que Galicia pode ter para os seus fillos...10

Nas Memorias, Piñeiro é un pouco máis explícito verbo da “docencia” de lingua galega no cárcere de Alcalá: [Cesáreo Saco] profesor de gramática galega a uns corenta compatriotas que cumprían condena con nós en Alcalá de Henares, case todos comunistas [...] unha comisión representativa das forzas políticas lle pediu que dese tamén clases de gramática castelá. Os “alumnos” de Cesáreo Saco viviron unha experiencia insólita: a emoción de saber que o idioma deles, subestimado na escola cando cativos, era susceptible de ser explicado, coma se do castelán se tratase. Tales alumnos, conscientes da valía do profesor, tamén solicitaron seren adoutrinados en gramática castelá, saber que podería ser útil cando saísen da prisión. Debemos engadir que Cesáreo Saco xa exercera de profesor, para os reclusos, na prisión da Coruña nos anos da guerra civil. Quizais foi el, na historia da humanidade, o primeiro en impartir clases de lingua galega, feito que merecía un ensaio se temos en conta o perfil político deste profesor: alguén que foi privado de liberdade por defender entre outras cousas os dereitos escolares do seu idioma e a quen as circunstancias da vida lle regalaron unha “cátedra” dentro da prisión, para impartir unhas clases que, fóra dos muros desa prisión, estaban prohibidas e perseguidas. O mesmo lle aconteceu a Ramón Piñeiro, anos despois, no cárcere de Alcalá cando explicaba, en idioma galego, leccións de historia e de cultura galegas.

Nestes anos (de abril de 1946 a marzo de 1949), Piñeiro descobre na prisión as súas virtudes de profesor convincente ante grupos de poucas persoas. Todos os que o tratamos sabemos que nunca foi un brillante orador coram populo e si unha voz persuasiva e moi eficaz na conversa. Vivindo esas experiencias, afirmábase cada vez máis na idea de que chegara a hora de administrar os esforzos dos galeguistas letrados na tarefa de crear e facer chegar á xente libros, opúsculos e revistas que falasen do país galego (da lingua, da literatura, da historia...). Deste xeito, aínda coa prudencia que impuña a férrea ditadura de Franco, algunhas persoas serían conscientes de que se retomaba (en parte) o discurso intelectual tronzado no verán do 36 e de que non morrera a esperanza. Non se trataba só de literatura (escribir e editar), senón tamén de algo cualitativamente moi valioso: falar en privado. Fíxoo, de xeito maxistral e durante anos, o propio Piñeiro, e fíxoo no seu domicilio da rúa Xelmírez 15, 4º (en Santiago), cátedra extraoficial pola que pasaron, desde 1951, Isidoro Millán, Xesús Alonso Montero, Manuel Vidán Torreira, Xosé M. Beiras, Gonzalo R. Mourullo, Xosé Manuel López Nogueira, Ramón Lugrís, Ángel Blanco Losada, Xosé L. Méndez Ferrín, Ramón Lorenzo, Xosé L. Franco Grande, Xohana Torres, Manuel María, Uxío Novoneyra, Pilar Pereira, Antonio Concheiro Caamaño, Salvador García Bodaño, Arcadio López Casanova, Antón Santamarina, Carlos Casares etc. Habería que engadir os “alumnos” epistolares, entre eles Basilio Losada Castro e Xosé Luís Allué Andrade. A prédica oral foi determinante na configuración intelectual do galeguismo constituído arredor de Piñeiro entre 1950 e 1960: o galeguismo de Galaxia, hexemónico en Galicia nesa década e algúns anos despois. Por conseguinte, os homes da xuntanza de Coruxo do verán de 1943 e que reconstituirían o partido nesa data acertaran na súa decisión de abandonaren a loita política e comprometérense cunha acción cultural que, alá no fondo, tiña unha clara dimensión política, feito advertido polas autoridades do Réxime que non aforraron atrancos e prohibicións ó labor editorial de Galaxia desde que publicou, en 1951, os primeiros libros.

II

O galeguismo político de Buenos Aires, que sabe, como os “irmáns” de Galicia, que Hitler vai perder a guerra, tamén se organiza e mobiliza, e funda o Consello de Galiza, institución que pretendía herdar o espírito e o patrimonio do Estatuto de Autonomía de Galicia, plebiscitado na Terra o 28 de xuño de 1936, vinte días antes da sublevación contra a República. Cómpre precisar que esta iniciativa data do 15 de novembro de 1944 e que foi formalizada nun acto solemne fóra da Arxentina, en Montevideo, pois as leis arxentinas non consentían actos políticos desta natureza no seu territorio. En calquera caso, debemos reparar na cronoloxía: a creación do Consello prodúcese despois de Stalingrado e Kursk, incluso bastante despois da reconstitución na Terra do PG. Alguén podería pensar que a nova institución non só foi unha resposta ante o debilitamento militar dos países fascistas (Alemaña e Italia) senón unha especie de advertencia ós galeguistas do interior, neste momento liderados, en realidade, por Ramón Piñeiro. Hoxe coñecemos ben a documentación, sobre todo epistolar, na que Piñeiro e outros camaradas fixeron saber a Castelao, o verdadeiro “inventor” do Consello de Galiza, que eran eles (Piñeiro, Gómez Román, Del Riego, Xaime Isla...), radicados na Terra e en contacto aberto ou clandestino coas voces do país, os chamados a lideraren a acción política para situaren axeitadamente a posición galeguista o día en que Franco fose deposto. O grupo de Piñeiro, que admiraba a Castelao (o artista, o escritor, o concienciador...) sempre foi bastante crítico con certas actuacións políticas súas. Mesmo se chegou a dicir que o gran Castelao sempre tivo á súa beira un mentor político, Valentín Paz-Andrade antes da guerra civil e Rodolfo Prada no exilio porteño.

Rodolfo Prada, que merece unha meditada biografía (1892-1980), é un emigrado que foi clave mesmo na vida cotiá de Castelao e dona Virxinia. Foi el quen xestionou a entrada do líder galeguista na Arxentina de 1940, feito para o que houbo que desmontar atrancos consulares derivados da sona esquerdista e frentepopulista que tiña cando se instalou en Nova York, onde camaradas seus, como Ramón Suárez Picallo e Ernesto Guerra da Cal, o tacharon de comunista. Prada e un reducido grupo de irmáns residentes en Buenos Aires foron os que pagaron o alugueiro do apartamento no que Castelao e dona Virxinia viviron desde 1940 (agás o ano de estanza en París, agosto de 1946 a agosto de 1947). Dona Virxinia, falecido o seu home, seguiu ocupando o apartamento, sempre atendida, con xenerosidade, respecto e agarimo, pola familia de Rodolfo Prada.

Hai que sinalar que entre os protectores de Castelao non todos tiñan a riqueza espiritual de Prada, aínda que algún, como Manuel Puente, dispuxese de moitos máis recursos económicos. Habería que citar neste grupo a Manuel Pedreira Rumbo, Moisés da Presa, Bieito Cupeiro e Xosé Bieito Abraira. No presente epistolario, en varias ocasións, Luis Seoane fala “dos Abrairas” con non moita estima. Estes galeguistas, moi devotos de Castelao, reuníanse á hora do café no Centro Orensano, na Irmandade Galega, xuntoiro que, dalgún xeito, se propuña representar o Partido Galeguista neste lugar de diáspora. Alí toma café Castelao con Puente, Prada, Abraira... Alí evocan Galicia, alí programan os números d’A Nosa Terra (revista exiliada)... Fóra do Orensano hai outras tertulias, outros faladoiros de galegos non alleos a Galicia pero cunha visión das cousas notablemente distinta. Castelao, tan protexido e agarimado polos seus contertulios, tivo que sentirse, en moitas ocasións, un pouco secuestrado, cuestión sobre a que volveremos. O certo é que Castelao tomou centos de cafés no Orensano con “irmáns” que moi pouco ou nada lle podían achegar, agás as sensatas opinións sobre temas moi concretos de Rodolfo Prada, quen mellor o entendía.

III

Existía en Buenos Aires, no número 825 da avenida de Mayo, o café Tortoni, un café mítico desde había anos. Ás súas tertulias levara o encanto da súa palabra e do seu talento Federico García Lorca no tempo en que residiu na capital arxentina (1933-1934). Finalizada a guerra civil española, preclaros exiliados republicanos dábanse cita no Tortoni á hora do café post prandium, esa hora na que os españois do universo das artes e das letras conversan ou discuten sobre os seus mesteres e, na situación posterior a 1939, conversan ademais sobre política e tratan de arranxar o mundo.

Son os exiliados que, nun principio, non desfixeran as maletas, convencidos (ou querendo convencerse) de que o Réxime de Franco sería efémero, ata que a realidade lles fixo ver que chegara a hora de baleiralas. Ilustres republicanos galegos, desde os inicios do exilio, asistían no Tortoni a un faladoiro que foi memorable no seu tempo: o pintor e escritor Luis Seoane, o pintor Manuel Colmeiro, o poeta Lorenzo Varela, o pedagogo Xosé Otero Espasandín, o escritor Rafael Dieste, o médico Antonio Baltar (que fora profesor en Compostela), o profesor Xosé Núñez Búa, o editor Arturo Cuadrado, o fotógrafo Pepe Suárez e unha muller chamada Carmen Muñoz Manzano, inspectora de ensino primario e esposa de Dieste. A ese faladoiro asistían famosos exiliados non galegos (Rafael Alberti, Guillermo de Torre, Francisco Ayala...) e un intelectual arxentino moi amigo de Seoane, Norberto A.(rgentino) Frontini, esposo da célebre recitadora Mony Hermelo, que actuara en Compostela no ano 1932. O perfil político dos contertulios galegos distaba, notablemente, do perfil dos asistentes ó café do Centro Orensano: Lorenzo Varela era —ou fora— militante do PCE (e comisario político na guerra de España); Colmeiro, moi prosoviético; Seoane e Baltar, moi lonxe do anticomunismo; Otero Espasandín (que está á espera dunha gran biografía), home dunha concepción tan esquerdista que aínda hoxe nos sorprende o seu libro El gran tablero del mundo (1947); Núñez Búa, o menos radical (dirían “os Abrairas”), que era o único interlocutor eficaz entre o Tortoni e Rodolfo Prada... Dos extragalegos, comunista era Alberti, marxista Frontini... De feito, os espíritos máis limitados do Orensano, case todos, consideraban o faladoiro do Tortoni “un niño de roxos”. Calquera deles era un “rabanito”, apelativo que aínda me aplicaron a min en 1969, cando fun convidado pola Federación de Sociedades Galegas, entidade, para eles, desde sempre, gobernada ou condicionada polos comunistas, “os rabanitos”, diría Abraira.

É significativo que Castelao non fose contertulio habitual do Tortoni, onde, como mínimo, departiría con contertulios moi versados en arte e literatura, dúas das súas mellores dimensións. Sabemos de boa fonte que nos seus anos porteños só nunha ocasión tomou café cos habituais do Tortoni e tamén sabemos que, nese día, fixo as delicias dos asistentes contando sucesos da súa infancia na Pampa. O episodio remítenos, de novo, ós contertulios do Centro Orensano, sede do seu “secuestro”.

Pasan os anos, e os homes firmes e máis comprometidos cunha concepción progresista de Galicia, Luis Seoane e Antonio Baltar, fundan, o 22 de xuño de 1956, na capital arxentina, AGUEA (Agrupación Gallega de Universitarios, Escritores y Artistas). Xa non residían na Arxentina Xosé Otero Espasandín e Manuel Colmeiro. Incorpóranse a esta agrupación, como profesores, Alberto Vilanova, exiliado dunha segunda fornada, e Ramón de Valenzuela, que aínda non milita no Partido Comunista, ó que se afiliará, coa súa muller, María Victoria Villaverde, en 1962 despois de colaboraren varios anos cos “rabanitos” da Federación de Sociedades Gallegas. AGUEA organizou, nos seus tres anos de vida (1956-1959), clases de lingua, literatura, historia e xeografía de Galicia, ás que asistiron emigrantes (Xosé Neira Vilas) ou fillos de emigrantes (Antonio Pérez Prado).

2. DOUS FEITOS MOI SIGNIFICATIVOS PROTAGONIZADOS POLA DIÁSPORA GALEGA E ABORDADOS NAS PÁXINAS DESTE EPISTOLARIO

2.1 Primeiro Congreso da Emigración Galega (Buenos Aires, 1956)

Este foi o título e así se titularon as actas11 que recollen as intervencións orais e escritas do elevado número de participantes procedentes de bastantes países da nosa diáspora (Arxentina, Uruguai, Estados Unidos, México, Cuba, Venezuela...). Tamén estiveron presentes, moi presentes, as voces de Galaxia, daquela (e anos antes) moi vencelladas ó grupo “dos de Daniel”, que así son chamados neste epistolario os galeguistas devotos de Castelao (finado en 1950), e que foi o grupo que ideou, deseñou e organizou o Congreso, coincidindo co centenario do famoso Banquete de Conxo (1856-1956).

A proba do papel decisivo xogado “polos de Daniel” (ou “os Abrairas”, cunha expresión menos seria) témola no folleto anunciatorio do Congreso, que consigna, na súa primeira páxina, a “Comisión organizadora do Primeiro Congreso da Emigración Galega” e na que figuran, entre quince nomes, estes seis: Manuel Puente (presidente), Perfecto López (vicepresidente), Francisco Regueira (segredario xeral), Xosé B. Abraira (segredario de organización), Manuel Martínez Lamela (protesoureiro) e Rodolfo Prada (vocal). Hai outros do grupo en postos menos relevantes.

Titulan o texto editorial: “O centenario do mentado Banquete de Conxo e o seu precursor siñificado na historia política, social e cultural de Galiza”, título que, tratándose destes organizadores, lle confire ó célebre xantar da carballeira de Conxo unha significación galeguista, significación esbozada en dúas páxinas de Sempre en Galiza (1944) de Castelao, único mentor deste grupo.

No epistolario, as cartas de Seoane dirixidas a Del Riego, un dos homes máis esenciais da fratria galaxiana, son críticas, moi críticas, ás veces acedas, co Congreso, organizado polo grupo galeguista de Buenos Aires co que Galaxia tiña tan boa relación. É elocuente a primeira carta sobre o tema (21 de maio de 1956):

Acabo de recibir ahora mismo tu carta y me apresuro a contestar a tu pregunta sobre el Congreso. Sobre esto te escribía en mi anterior y luego rompí y rehice la carta porque suponía que no debía escribiros algo en que, de alguna manera, podríais, los que estáis ahí, haber tenido intervención y, aunque dolido, pensaba tomar una actitud personal disidente.

Despois de explicar os motivos do seu rexeitamento, faille esta reflexión:

Juegan aquí con vuestros nombres como es posible ahí jugaron con los nuestros y en otros países con los de todos nosotros y creo que debemos de terminar con esto. Y lo malo es que en un lado y en otro suponen unos y otros que estamos complicados por intereses bastardos.

Téñase moi en conta que esta carta de Seoane a Del Riego denuncia as eivas do Congreso antes de que este se celebrase, que foi entre o 21 e o 29 de xullo de 195612. Seoane, na carta que vimos de transcribir, anterior en dous meses á inauguración, coñece ben o programa e os nomes da comisión organizadora, publicitados na prensa e, sobre todo, en dous folletos dos que existen exemplares na Biblioteca Penzol; tamén sabe, por estas fontes, que “os Abrairas”, responsables máximos do acontecemento, non contaron co seu grupo, co de Seoane, o que formula deste xeito Este Congreso, tal como se proyecta, es un disparate. Un disparate que comienza por ofender a los intelectuales que aquí residen manteniéndoles al margen de él. Noutro parágrafo adiántalle a Del Riego: hace falta establecer una mayor comunicación entre nosotros todos y unirnos. Aquí creo que después de esto vamos a hacerlo.

E meu dito, meu feito: un mes despois, os intelectuais marxinados crearon AGUEA, concretamente o 22 de xuño de 1956, un mes antes, polo tanto, da inauguración do Congreso. Quen consulte as actas do mesmo decatarase de que acolleu dous informes subscritos por AGUEA: “Encol dun Museo circulante de fotografías de arte, dibuxos e grabados” (sábese que foi redactado por Seoane) e “A emigración galega e a cultura”. Deste xeito, ante a opinión pública, os intelectuais, con este xesto unitario, non quedan mal, e os organizadores, publicando os traballos dos non convocados para a definición e deseño intelectual do Congreso, quedaron mellor.

Xa finalizado o Congreso, Seoane comunícalle a Del Riego:

Esta es la tercera vez que te escribo en estos días. Las dos primeras cartas las he roto luego de escritas. Me pareció imprudente enviarlas hablándote de problemas que se refieren a esta colectividad, de los supuestos dirigentes que la enturbian, estando tú y todos tus amigos tan lejos de ella. Eran cartas largas y amargas, nacidas de una realidad que vosotros conocéis a medias y no podéis, por eso mismo, comprender suficientemente, de la actitud de algunos, realmente estúpida. Al amparo, sin embargo, del Congreso, que terminó con la petición pintoresca de Abraira de declarar traidores a Valle-Inclán y la Pardo Bazán, con el consiguiente escándalo [...] Las nuestras [as mocións de AGUEA] fueron presentadas a través de las delegaciones de Centro América y de Estados Unidos, pues no fuimos invitados [...] Estuvimos presentes a última hora por la presión y amenaza de retirarse todas las delegaciones del exterior y la intervención fundamental de Tobío. (7 de setembro de 1956)

Lois Tobío, exiliado residente en Montevideo, diplomático de profesión na República, mobilizou, con eficacia, as palabras persuasivas pertinentes, e Seoane e os seus non se retiraron da actividade congresual. Sáibase que Tobío fora consultado, nalgúns aspectos, antes da programación definitiva do Congreso.

Séndomos rigorosos, cómpre sinalar que a declaración de Abraira (Valle e dona Emilia, traidores) non foi recolleita nas actas, publicadas tres anos despois. Faise nela un resumo doutras partes da súa intervención:

Pasa logo o señor Abraira ao tema en debate, referíndose, específicamente, ao Idioma galego e ao seu uso obrigatorio pra todol-os bos galegos, e mui especialmente pr’os nosos inteleituales. Cando se fala ou se escribe en castelán, pra galegos i-entre galegos, ou sobre temas referintes a Galicia, estase nos bordes de traicionar a Patria. (Prodúcense rumores na sala, e varios delegados demandan o uso da verba). [...] Sostén que nas institucións galegas, nas súas correspondencias e comunicacións, así como nas súas asambleias, debe usarse, obrigatoriamente, o idioma galego. E o mesmo debe facerse nas correspondencias dos galegos entre si, e nas que mandan á Patria, aos e familiares, pra que o idioma teña vivencia e pervivencia entre os galegos, como primeiro elemento da persoalidade de Galicia, e do seu esprito i-en todal-as manifestacións do seu vivir integral e cotidián. (1959, p. 31)

Non debemos omitir que, no inicio da súa alocución, Xosé Bieito Abraira comezou:

pedindo un voto de aprauso pra un dos mais xenerosos e desintresados proteitores da Cultura Galega; Don Manuel Puente, entre cuias obras en tal senso figura a edición pol-a sua conta da gran “Historia de Galicia”, escrita e dirixida por esgrevias figuras de Galicia, e entregados xa os prelos os primeiros orixinales. Delegados e público tribútanlle a Don Manuel Puente un afervoado, longo e cordial aprauso. (1959, p. 31)

Se estaba nesta sesión Luis Seoane, supoño que acollería os ditirambos de Abraira con moi pouco entusiasmo. Seoane sempre foi moi crítico co Manuel Puente mecenas da cultura galega. Vexamos, cronoloxicamente, os xuízos que verte sobre el neste epistolario:

a) Se celebró estos días pasados el banquete a Puente. Núñez Búa, otros amigos y yo no hemos asistido a él y nos sorprendió la noticia de que de ahí algunos amigos habían enviado telegramas de adhesión. Están apoyando de esta manera la ingenuidad y la torpeza de unos pocos. Todo esto es muy complicado. Apoyan también la “viveza”, como se dice aquí, de esos pocos. [...] las gentes que organizaron la farsa a que antes me refiero [...] (13 de xuño de 1951)

Del Riego, na resposta, confesa:

Yo sabía del banquete de Puente. Lo que me dices sobre el particular me sorprende, porque yo estaba completamente despistado. Tenía la creencia de que era un mecenas de nuestra cultura, y, por lo visto, no es así. (23 de xuño de 1951)
b) En el caso del Sr. Puente, no existe hasta la fecha tal mecenazgo, casi todo es puro deseo de que exista. A parte del encargo de la Historia de Galicia para cuyo fin se creó un Patronato donde están [Rodolfo] Prada y Núñez [Búa], lo otro que se hizo fue por suscripción. Es un hombre en el que muchos no confiamos... Los únicos “mecenas” conocidos por mí, en cuanto a problemas culturales gallegos, perdóname, somos [Arturo] Cuadrado y yo, que publicamos, como hemos podido, más de cincuenta libros gallegos en las colecciones Hórreo, Dorna, Camino de Santiago y Pomba, aunque a mí me quede mal el decirlo y perdiendo en esta labor lo mejor de nuestros años, pues lo hicimos no sólo sin beneficio alguno, sino incluso sacando el dinero de otros trabajos para hacerlo. A parte del movimiento cultural del Centro Gallego que, bueno o malo, todo cuanto se hizo (te ruego no lo repitas, pues me anularías para continuar haciéndolo), tuvo mi intervención: venida de Otero Pedrayo [1947], libros, dinero para entidades gallegas, concursos, exposición del libro gallego, conferencias de Valentín [Paz-Andrade], etc., y al margen de esto apenas se hizo más... De toda esta labor estuvo al margen Puente... Aquí estuvo resistiendo durante algún tiempo el mejor grupo de intelectuales gallegos que hubo nunca fuera de Galicia (me refiero a América) y nunca tuvieron que ver con Puente o con nadie de la colectividad, excluyendo mi caso, siendo más bien despreciados por ella [...] Este Sr. Puente [...] hasta ahora actuó únicamente de respaldo económico en cuanto a algunas cosas. (6 de xullo de 1951)
c) Perdóname, supongo que me entiendes, pero así estáis viendo la colectividad gallega de Buenos Aires desde esa. Estáis seguros de que son Manuel Puente, gran fantasmón de guiñol, y otros que no cito los autores de todo cuanto se hace aquí. (29 de agosto de 1951)

Nesta carta tamén pon en solfa o mecenado, sen negalo, de Álvaro Gil en Galicia. Non sei se Seoane cambiou de parecer sobre Manuel Puente, a quen, desde 1960, eu percibín como un mecenas, polo menos nalgunha medida. Sen dúbida axudou no alugueiro do apartamento de Castelao e consta que dedicou algúns recursos ó Consello de Galiza e que financiou (incluso pagando ós colaboradores) os tres volumes da Historia de Galiza, citada en varias cartas. Por todo isto e por outros aspectos debería escribirse unha documentada biografía deste emigrante que, despois de conseguida unha fortuna (que non sei cuantificar) implicouse na vida societaria e cultural da colectividade galega de Buenos Aires con achegas económicas, que, quizais, van moito máis alá do indicado por Seoane nos textos epistolares transcritos. Creo, en verdade, que exerceu como mecenas con certos galegos e con certas institucións. Para min está claro que don Manuel Puente, do clan dos Abraira, nunca comungou coas voces do café Tortoni nin con AGUEA, e non poño en dúbida que non levantou un dedo, nin un céntimo, para favorecer e alentar a Luis Seoane e Arturo Cuadrado cando protagonizaron, entre 1940 e 1945, a empresa heroica de publicaren máis de cincuenta libros galegos. O anticomunismo era visceral nel e nos do seu grupo, excluído, quizais, don Rodolfo Prada, que non foi presidente do Congreso da Emigración (como Puente) e non se entendeu mal, no Centro Galego, con Luis Seoane. Sobre o anticomunismo dos Abraira paga a pena lembrar unha carta de Otero Pedrayo a Valentín Paz-Andrade de 1947:

Hai un grupiño de intelectuales puros que, sen manifestalo craramente, combaten a Daniel. [...] En Bos Aires, Daniel e os seus amigos loitan rexamente contra o comunismo. Pra Daniel é un espanto de xeado e mintireiro. (8 de setembro de 1947)13

A fratria de Galaxia estivo de acordo desde o principio coa idea e coa realización do Congreso de 1956. Entendíanse ben os “sucesores de Castelao” na emigración con aqueles que, na terra, foran críticos con Castelao desde 1943, co Castelao do Consello de Galiza. Uníaos o “anticomunismo”, pois na Terra o ideólogo de Galaxia tiña a evidencia, ou case, de que os galegos do Tortoni, primeiro, e logo en AGUEA, eran “compañeiros de viaxe”, como mínimo, do Partido Comunista de España. Cando alguén tome a molestia de ler con atención as páxinas das actas do Congreso, convirá comigo en que é unha lectura que paga a pena para entendermos aquel acontecemento. Quen o faga non deixará de gabar o relatorio subscrito, desde a Terra, pola plana maior da intelectualidade galaxiana: Ramón Cabanillas, Ramón Otero Pedrayo, Xoán Rof Carballo, Domingo García-Sabell, Ricardo Carballo Calero, Celestino Fernández de la Vega, Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla e Ramón Piñeiro. O escrito, case un decálogo moi ben escolleito, foi redactado, sen dúbida ningunha, por Ramón Piñeiro. Tiña por título “A defensa do idioma, vencello espritual de tódolos galegos”.

Son nove nomes importantes, algúns moi ilustres: os dous primeiros, emblemáticos (Cabanillas e Otero), os tres do final, os esteos de Galaxia, a trepia máis activa do grupo, un deles un recoñecido home de letras, xa con certa sona antes do 36 (Carballo Calero), e os outros tres (Rof, García-Sabell e Fernández de la Vega) intelectuais de prestixio que se incorporaran á causa galeguista había pouco. Naquela histórica xuntanza do Congreso, que foi moi numerosa e heteroxénea (galegos antifranquistas de varios países), un documento avalado por un elenco de intelectuais tan esclarecidos do interior tiña, por forza, que causar fonda impresión naquel foro onde, sobre un tema tan espiritual, ningún colectivo se pronunciara coa intelixencia e o rigor conceptual e estilístico de Piñeiro. Constaba o informe destes cinco capítulos: “Siñificado da cultura”, “Idioma e cultura”, “A defensa do idioma, empresa común dos galegos”, “O Gran Diccionario Galego” e “O Padroado da Língoa Galega”.

Para edificar o “Gran Diccionario Galego”, sinalaba Piñeiro que tal labor sería a culminación de monografías e investigacións ad hoc só inscribibles nun organismo que ben podería chamarse “Padroado da Língoa Galega”, realmente o órgano encargado de artellar a adecuación entre os medios económicos e mailos medios técnicos. E engadía: Si se quer poñelo baixo o simbolismo dun nome grorioso, cuia sinificación representativa abranga a totalidade do pobo galego, poderíaselle chamar ‘Patronato Castelao’.

Está claro que Piñeiro apelaba á conciencia e ó peto dos emigrados das tres Américas, onde existían varios centros galegos e algunhas persoas non carentes de recursos económicos para a empresa que se propuña. É certo que non chegou a constituírse o padroado, idea que agarimaba Piñeiro desde 1951, pero os delegados galegos de Venezuela responderon, en parte, á proposta do interior. En efecto, a Casa de Galicia de Caracas, pouco despois, tomou o acordo de financiar a edición do monumental Diccionario enciclopédico gallego-castellano (28 de outubro de 1956), tres grosos volumes de don Eladio Rodríguez González que publicaría a editorial Galaxia, cun extenso prólogo de Otero Pedrayo, entre 1958 e 1961. Nunha nota editorial, Galaxia manifesta a súa gratitude “á patriótica xenerosidade dos integrantes da Casa de Galicia de Caracas”.

2.2 ANTONIO BALTAR, PRESIDENTE DE AGUEA, VIAXA A GALICIA EN 1956, CON PROPOSTAS, E NON FOI RECIBIDO POR RAMÓN PIÑEIRO

Para sabermos algo de Antonio Baltar, camarada fraterno de Luis Seoane nas inquedanzas culturais e políticas, existe unha colectánea de textos que María Díaz Rey publicou co título O compromiso do exilio (Baltar 2002). Paga a pena asomarse a estas páxinas para coñecer o perfil dun intelectual que, procedendo das aulas da medicina e da bioloxía, conectou tan ben, na súa preocupación humanística, co artista e escritor Luis Seoane. Estaban unidos, dun xeito fraterno, polos valores cívicos, pola súa condición de cidadáns, neles previa e superior a calquera outra consideración. Antonio Baltar Domínguez (Santiago, 1906 - Buenos Aires, 1970) era, no ano tráxico de 1936, profesor auxiliar de histoloxía e anatomía patolóxica na Facultade de Medicina de Compostela. Nesas datas é cesado como docente e non tardará en fuxir rumbo a América, ameazado polos sublevados triunfantes. Unha biografía civil exemplar antes e despois do 36. A súa relación coas letras tamén lle viña das persoas coas que emparentou, a familia Dieste. Mireia Dieste, a súa esposa, acompañouno, política e emocionalmente, na Terra e no exilio.

A fins de 1956, Baltar viaxa a Galicia co obxectivo esencial de dialogar coa xente preocupada, desde as premisas non franquistas, pola cultura do país. Non fai falta explicitar que pensaba, esencialmente, nos homes de Galaxia, pois era evidente que eles (o seu pensar, os seus libros, a súa editorial, os seus contactos coa mocidade inqueda...) constituían, naquela altura, o grupo —unha fratria, verdadeiramente— hexemónico. Fóra deles, existían individuos soltos (Baldomero Cores, por exemplo) e un grupo algo heteroxéneo de antifranquistas, en Compostela, no que había algunhas voces antigalaxianas, nomeadamente Aquilino Iglesia Alvariño, Rodríguez de Calo (pai de Gonzalo R. Mourullo, que xa rompera con Piñeiro), Benito Varela Jácome e Borobó (o director de La Noche), quen, cómpre dicilo, pese a estar moi influído por Aquilino, sempre fixo o posible (e algo máis) por publicitar o labor intelectual de Galaxia, consciente, sen ser el, tecnicamente, galeguista, de que a editorial viguesa era unha voz antifranquista coa que había que estar. O grupo tiña un nome, e o seu baptista foi Otero Pedrayo nun interesante e simpático artigo titulado “Os catorce de Osebe” (La Noche, 27/XI/1956). De feito, eran trece, pero na data da crónica de don Ramón contaron cun pintoresco sacerdote que se uniu a eles para evitar que no xantar dese domingo, en Osebe, o díxito supersticioso existise (cousas de Borobó). Asistiu tamén Antonio Rodríguez Cadarso, moi amigo de Borobó e habitual colaborador, sobre todo como autor de entrevistas, na prensa santiaguesa. Cadarso era o único marxistizante do grupo, cousa do que só tiña noticia Borobó, o socialista Borobó. Outro nome marxista e crítico, ás veces, con Galaxia, o pintor Carlos Maside, non asistía ás xuntanzas, basicamente gastronómicas, pola súa precaria saúde (a vella diabetes). Falo das voces marxistas (ou marxistizantes), irrelevantes naquel cenáculo, porque o protagonista deste capítulo, o doutor Antonio Baltar, procedía dun grupo (primeiro no Tortoni, logo en AGUEA) no que abundaban os marxistas e non escaseaban os comunistas. E de “comunistas” eran tachados os compañeiros porteños do doutor Baltar na Compostela de 1957, sobre todo pola xente de Galaxia, e moi especialmente por Ramón Piñeiro, o ideólogo do grupo desde 1950. Eu non fun, nesas datas, alleo a ese ruxerruxe, tal como expliquei nun prólogo dun libro do ano 2002 xa citado. Algún día, Iove volente, escribirei sobre “Os catorce de Osebe”, entre outras cousas, para entender mellor a actividade compostelá de Antonio Baltar, condenado, velis nolis, a falar con eles ante a negativa de Galaxia —da Galaxia de Santiago—, tan temerosa co comunismo. Nese artigo detereime en Domingo Pombo López (aquel que non morreu na masacre do bou Eva, Vigo, abril de 1937), galeguista convencido e que, quizais, daquela (1957) tiña un pensamento social avanzado. Sabido é que, morto Franco, militou no Partido Socialista de Galicia.

En novembro de 1956, Antonio Baltar visita Galicia por primeira vez desde había vinte anos. Neste epistolario, o seu nome aparece en decenas de cartas desta época. A primeira mención, de Del Riego, data do 9 de novembro de 1956: Vino a verme A. Baltar y hablamos largamente. Creo que coincidimos en muchas cosas. Quedó en volver otro día con su mujer. Paga a pena reparar nesa media ducia de palabras en cursiva. Non é certo, pois, que Galaxia non recibiu a Baltar; en Vigo, polo menos, abríuselle unha porta, a de Fernández del Riego, home máis dialogante, nestes mesteres, que Piñeiro. Falaron “largamente”, pero non sabemos de que falaron, se ben, tida en conta a duración da conversa, imponse supoñer que abordaron a cuestión cultural (ou político-cultural) que importaba a Baltar e ós de AGUEA. O que non sabemos é se nas propostas do doutor había algunhas críticas ó exiguo ou nulo esquerdismo de Galaxia; non o sabemos pero non é desaxeitado sospeitalo. Fose ou non así, coincidimos en moitas cousas. Isto, polo menos, abríalle a porta, en Santiago, na casa de Piñeiro, porque, dada a transcendencia das propostas de Baltar, non é ilóxico imaxinar que Del Riego, decontado, alertaría ó camarada compostelán, o ideólogo e “xefe” do grupo, que non recibía, tal como din outras cartas, ó peculiar embaixador da causa galeguista de esquerdas.

Sabemos que, cinco meses despois, Baltar visita de novo a Del Riego: En este momento acabo de dejar a Baltar, con el que estuve charlando largo rato. A primeros del próximo mes [maio] piensa ir a hacer una jira por Europa (10 de abril de 1957). Cónstame que, nesta altura, Baltar xa fora a Santiago, cidade na que residía Ramón Piñeiro, pois o 21 de marzo asistiu a un acto literario protagonizado, en parte, por min no paraninfo da universidade. Eu actuaba como mantedor das Festas Minervais daquel ano no que foron premiados Gonzalo R. Mourullo, Xosé L. Franco Grande, Ramón Lorenzo e Xosé L. Méndez Ferrín (e algún outro). Baltar estaba entre os asistentes que ateigaban aquel local e tomou boa nota do que eu dixen na miña alocución, que, resumida, lle enviou a Seoane, quen a publicou no número 2 de Galicia Emigrante (“Adhesión a los estudiantes compostelanos”, abril-maio 1957). Entre o público tamén figuraba Piñeiro.

Falaron Baltar e Piñeiro nesa data ou en data próxima? A esta pregunta responde unha carta moi substanciosa de Luis Seoane, posterior en meses (8 de novembro de 1957):

Creo que habéis hecho mal en no dialogar con Antonio Baltar. Ahí estáis absolutamente confundidos, por lo que notamos, con respecto a nosotros. Si no fuese así, no se puede explicar vuestra actitud con respecto al Congreso del año pasado, y vuestra actitud actual con Baltar, que llevaba la representación nuestra. Casi toda la obra hecha en Buenos Aires fue hecha al margen de las gentes que aquí aparecen como apoderados nuestros y que cada vez están más solos. Yo no sé cómo hablar de esto, pero sentí una gran tristeza al pensar que, si hubiese sido yo el que fuese a Galicia, podría pasarme algo parecido a lo ocurrido con Antonio. Os estáis dejando guiar por noticias e informes de terceros, inexactos e interesados, y no es propio, creo, de vosotros ni de nosotros, dejarse llevar de terceros para las cuestiones referidas a problemas nuestros.

Non tardou en responder Del Riego, nestes termos (21 de novembro de 1957):

Me ha sorprendido mucho lo que me dices de Antonio Baltar. Si él te dijo que nos negamos a dialogar, no te dijo la verdad, y debo dejar esto bien claro. Conmigo se entrevistó varios días después de hacerlo con otras personas. Que yo sepa, a nadie advirtió que traía vuestra representación. Aunque algunas gentes que tenían noticias de su llegada, anunciaron que venía a “inspeccionar” lo que aquí se hacía, nadie tuvo en cuenta esa absurda indicación y todos dialogaron con él de la manera más cortés y natural. Desde el primer momento lo acogimos cordialmente y lo informamos con leal claridad siempre que se dirigió a nosotros. Incluso colectivamente asistimos y participamos en diálogos por él convocados, sin que se nos ocurriese —como sería por otra parte natural— preguntar por el verdadero origen y por los fines verdaderos de sus modo de actuar. Apenas llegado aquí, se rodeó de un grupo muy significativo, y empezó a actuar de acuerdo con él. Su línea de conducta con respecto a nosotros se mostró bien clara: o aceptábamos sus puntos de vista, o seguía adelante con ellos prescindiendo de nosotros. Ahora bien, como nosotros teníamos un punto de vista elaborado sobre la realidad viva del país, y fundado en la experiencia de una larga y difícil actuación, y ese punto de vista no coincide con el que aquí improvisó Baltar sobre la marcha, era lógico que éste no nos convenciera. Y más si se tiene en cuenta que algunas de sus ideas eran bastante absurdas, quizás por ser fruto de la improvisación.

Como ves, lo que él llama dialogar consiste en aceptar lo que, según su criterio, debía hacerse, sin considerar para nada nuestra labor. Por aquí hay cinco ó seis personas, cuando más, que se ocuparon exclusivamente de sus propios problemas, y jamás mostraron interés por otras cosas. Su actitud, puramente negativa, se limita a criticar lo que los otros hacen, pero sin que ellos den la menor muestra de realizar nada. Y estas personas han sido las que coincidieron con Baltar en el propósito de imponer puntos de vista, que los demás tendríamos que acatar sumisamente.

Estoy absolutamente seguro de que tú, en nuestro caso, procederías de una manera idéntica. Y te equivocas grandemente cuando dices que a tí te podría ocurrir lo mismo que le ocurrió a Baltar. A poco que medites sobre el asunto, debes comprender que aquí encontrarás siempre la profunda estimación amistosa y artística de todos los que somos sinceros amigos tuyos o admiradores de tu obra. No puedo creer que a tí se te ocurriese convertir esta entrañable amistad o esta admiración artística, para imponer normas a quienes fuimos elaborando todos esos elementos de nuestra conducta en una experiencia tenaz y nada fácil, a lo largo de muchos años.

Creo, pues, que la información que Baltar te dio no es nada objetiva. Y de ella ha nacido, sin duda, el comentario injusto que nos dedicaste en la revista. Conozco de sobras tu cordial emoción y admiro demasiado la gran labor que llevas realizando, para que dé cabida a la menor sombra entre nosotros. Ya ves que te hablo con toda lealtad, porque estimo que no debo ocultarte mi pensamiento.

Na carta, por certo, non se indica, de ningún xeito, que Baltar se entrevistase ad hoc coa voz que establecía a ortodoxia en materia de política cultural: con Ramón Piñeiro, e é mágoa que non apuntase algúns nomes do “grupo significativo” que rodeou a Baltar ó chegar a Galicia. En canto ó episodio de Baltar (o de non ser atendido debidamente polo clan de Galaxia), hai outra carta posterior de Seoane cunha referencia a Piñeiro digna de termos en conta, que subliño (15 de maio de 1958):

Con Piñeiro acabamos de cruzarnos cartas agrias —aquí viene lo confidencial que deposito en tu amistad— iniciadas por él con el pretexto de mi pieza de teatro y con motivo de la revista [Galicia Emigrante]. Hace diagnósticos con una ligereza poco digna de su prestigio de hombre estudioso y reposado, cuando no queda mudo tomando una actitud desdeñosa que no le corresponde. Con referencia a mí, confirma mi desconfianza de que no fuese tratado igual que lo fue Baltar, si llegase a ir a esa. Piñeiro supone filiaciones que aquí no compartimos, y con respecto a mí se olvida de toda una historia de 20 años de servicio a una causa y a la amistad. Olvida además cuanto hice por él mismo en muchos casos en que fui consultado o en que tuve que proponer gentes de esa. Lo olvida y me pasa la cuenta de lo que él hizo, según dice, porque conociesen mi obra en Galicia. Es todo muy bajo y repugnante. Desde luego ayuda a sacarme las ganas de pensar siquiera en la posibilidad de regresar nunca, ¿para qué? Si la gente joven está hecha en cuanto a carácter a su imagen lo lamento hondamente por esa generación gallega y me hace más orgulloso de la nuestra, más inquieta, menos resabia, menos prudente y más fecunda a pesar de todas las dificultades por que pasó. Esas cartas son de su parte un verdadero autorretrato. Siento mucho escribirte esto, pero tengo que decírselo a alguien porque me duele.

En efecto, el e Piñeiro acababan de cruzárense cartas moi sinceras e duras que eu publiquei no meu libro de 1994. No esencial, foi unha polémica sobre o realismo social na literatura (e na arte), que eu examino, penso, coa debida atención no libro citado. Iniciou a controversia Piñeiro (30 de xaneiro de 1958) cunha carta que non se atreveu a mandar, se ben, coa mesma data, dá por boa outra redacción algo máis temperada que, aínda así, a Seoane lle doeu. No texto primeiro (non remitido) e no segundo, Piñeiro arremete un pouco faltón (insólito nel) contra algúns editoriais de Galicia Emigrante, anónimos todos pero escritos, na súa totalidade, polo artista exiliado. Nesa carta tamén se pronuncia Piñeiro sobre unha peza de teatro de Seoane que acababa de ser publicada, en castelán, na editorial Ariadna (Buenos Aires, 1957). Trátase d’A soldadeira, escrita polo noso autor en 1956 e traducida por el mesmo para a editora porteña. Para Piñeiro tal peza dramática estaba máis preto da propaganda ideolóxica que dunha elaboración literaria da realidade (léase a polémica, que aínda paga a pena).

Lembre o lector que Seoane, na súa carta a Del Riego do 15 de maio de 1958, deixa caer esta observación: Piñeiro supone filiaciones que aquí no compartimos. Dáballe a entender, na miña opinión, que eles, os de AGUEA, non eran militantes comunistas. Pois ben, na resposta de Seoane a Piñeiro (11 de febreiro de 1958) comunícalle, referíndose a el mesmo: Non teño outra filiación política que a que tiña fai vintedous anos, ou sexa, en 1936. E engadía: Defendo aquelo que o programa do P. [Partido Galeguista] impoñía aos seus afiliados no que ten de permanente... (1994, p. 212). Na mesma carta estampa unha breve reflexión sobre a “mocidade”: Non ademito máis mocedade que aquela que ten a xenerosidade de defender con actos as súas conviciós, comezando, naturalmente, por ter conviciós (1994, p. 213). Esta reflexión hai que relacionala con algunhas presentes, nestas datas, nas cartas a Del Riego e nas que, incluso, ó referirse á mocidade galega adoutrinada por Piñeiro, suxire que se trata dunha xeración da que cabe esperar moi pouco: Si la gente joven está hecha a su imagen, lo lamento por esa generación gallega y me hace más orgulloso de la nuestra, más inquieta, menos resabia, menos prudente y más fecunda a pesar de todas las dificultades por que pasó (15 de maio de 1958). Meses despois, Del Riego aclaráballe:

[...] también entre los mozos hay muchos que poseen auténtica juventud. No niego que existen algunos con carga literaria excesiva. Pero otros, los más y cada día en mayor número, tienen preocupaciones vivas, inquietud y ansia de enfrentarse con los problemas del país. Yo hablo con ellos con frecuencia y me sorprende el espíritu que los anima. (18 de marzo de 1959)

A “desatención” a Antonio Baltar, na primavera de 1957, que está tan presente neste epistolario, suscitou unhas páxinas de Ramón Piñeiro que os interesados neste tema terán que ter moi en conta. Referinme a elas no meu libro sobre Piñeiro nun apartado que titulei “Galaxia e os ‘comunistas’ de AGUEA” (2009, pp. 409-412). O autor fai unha primeira incursión nuns “Documentos políticos” que publicou a revista Grial e que datan de 195814. O que nestas páxinas só se insinúa, nun documento algo posterior explicítase abertamente, sen reserva ningunha. Eu exhumei, no libro citado, esas páxinas15.

Con visión política oportunista, os comunistas percibiron craramente iste estado de cousas. Aproveitaron o descontento producido polo modo i a oportunidade en que tivo lugar o Congreso da Emigración Galega e crearon un instrumento de aición destinado a servir de base pra desmontar o tinglado galeguista galaico-arxentino. Ise instrumento de aición, de apariencia inofensiva (no que os comunistas son mestres esperimentados), chámase AGUEA. Inmediatamente, o presidente desta entidade —un comunista fanático disfrazado de home cortés e razonábel, como conviña talmente pra ise cargo—, trasladouse a Galicia. Namais chegar eiquí, conectou instantaneamente cos máis fanáticos sovietistas do país (os tres pintores —Isaac, Colmeiro, Maside—, o oftalmólogo Leixaprén, un terapeuta parente do Valentín, etc.). Sin perder tempo comenzou a desenrolar o seu plan, escalonado en varios ouxetivos: 1°, situar eiquí a Dieste con miras a captar intelectualmente á mocedade universitaria galeguista (á que logo outros elementos captarían ideolóxicamente) e tamén, a ser posíbel, con miras a incrustalo en Galaxia. 2°, absorber Galaxia dentro dun orgaísmo técnico-económico-cultural máis amplio, no cal corresponderíalle a Galaxia o negociado puramente literario. 3°, destruír a ponte galaico-arxentina creada e aproveitada polo galeguismo, establecendo pra elo novos lazos direitos de Galicia con B. Aires ó marxe dos galeguistas.

Os primeiros intentos foron pra lle buscar xeito ó emplazamento de Dieste en Galicia. Polo de agora non conqueriu resolver as dificultades que o problema ten. A segunda tentativa foi a de conquistar Galaxia, ben infiltrándose dentro dela, ben englobándoa dentro do novo organismo que se trataba de crear e que viría a ser unha especie de super-Galaxia. Axiña comprobou a absoluta impermeabilidade galaxiana frente a tódalas tácticas penetrantes ou envolventes. Entón adicouse a pulsar e tantear a tódolos elementos que por razóns personales manifestábanse con resentimento contra o galeguismo, abrigando a ilusión de poder amalgamar un novo “galeguismo” no que poder enmascarárense os elementos comunistas que revolotean sin eficacia darredor de Galaxia. Iste novo galeguismo, avencellado a AGUEA, serviría, ó mesmo tempo, pra establecer a nova ponte galaico-arxentina, desplazando ós galeguistas de B. Aires do disfrute da “representación” da Galicia interior e dividindo, ó mesmo tempo, o galeguismo deiquí en dous bandos. Como os elementos de que se tiña que valer eran entre sí heteroxéneos, en conxunto negativos —como todo o que nace do resentimento— e dunha capacidade de aición puramente verbal, pouco a pouco foi perdendo a confianza nas posibilidades inmediatas desta tentativa, orientando a súa asombrosa tenacidade cara unha nova vía.

A terceira e máis importante tentativa é a de crear un “Instituto de Economía Galega”, institución tecnicamente neutra e de gran xustificación aparente que serviría maravillosamente ós fins que iles persiguen. Os comunistas viron con toda lucidez que Galaxia era un arma política de estraordinaria eficacia en mans do galeguismo. Propuxéronse conquistala sinuosamente. Cando se convenceron de que non era conquistábel, cambiaron de táctica e propuxéronse anular a súa eficacia política. Pra acadalo planearon unha especie de super-Galaxia (O “Instituto de Economía Galega”) que, dotada de abundantes medios económicos, sirva de instrumento aglutinante do novo “galeguismo” que se desexa crear para opoñer a Galaxia. De paso serviría para atraguer a unha serie de personalidades importantes do país interesadas direita ou indireitamente no estudo dos problemas técnicos, económicos ou sociales de Galicia. Os primeiros pasos desta tentativa foron encamiñados mesmamente a esta cras de personalidades. Mais ocurriu que facía tempo que tamén Galaxia (sempre tropezaron con Galaxia) tiña planeado e seriamente disposto o estudo dos grandes problemas económicos e sociales de Galicia, pra cuia empresa estaban comprometidos os técnicos máis solventes do país. Cando se dirixiron a iles, todos foron contestando que xa estaban comprometidos con Galaxia e que Galaxia tiña ben madurado un plan de estudo sistemático de tales problemas. Atopáronse con que o galeguismo tiña tomadas tódalas posicións vitales antes de que iles viñesen a operar sobre o terreo...

Non sei de ningunha outra páxina na que Piñeiro describa os rivais políticos dun xeito tan negativo e esaxerado, sobre todo tan esaxerado, e penso, ás veces, que isto foi o que levou a Casares, de acordo ou non con Piñeiro, a non incluír estas páxinas no seu libro memorialístico. Hoxe, realmente, soa a hipérbole cualificar de “fanáticos sovietistas” ós pintores Isaac Díaz Pardo, Manuel Colmeiro e Carlos Maside, para min, daquela, antifranquistas de esquerdas que sentían, como moitos outros, unha certa simpatía pola Unión Soviética polo feito de axudar —case en solitario— á República española entre 1936 e 1939 e por protagonizar unha acción decisiva na segunda guerra mundial contra o nazismo. En canto ó “oftalmólogo Leixaprén” (Antón Beiras García), militante nas Mocedades Galeguistas antes da sublevación, cónstame que se afiliou ó PCE, dun xeito pouco máis que simbólico, en 1962 (con Celso E. Ferreiro, Fernando Alonso Amat e algún outro). Que alguén lle chame ó doutor Antonio Baltar Domínguez “un comunista fanático” tamén resulta claramente hiperbólico. Tampouco é crible o papel que os conspiradores de AGUEA lle ían facer xogar a Rafael Dieste, un intelectual tan pouco dotado para a praxe de cada día que nin sequera sabía agolletar os zapatos”.

No documento non está mal expresado o pensamento de Piñeiro cando fala das magníficas relacións entre o galeguismo de Galaxia e o galeguismo arxentino dos Abrairas. Por outra banda, que Baltar e os seus fosen capaces de promover en Galicia (en pleno franquismo) unha super-Galaxia, moito menos “literaria” e moi centrada na economía, é algo difícil de situar nas coordenadas políticas de 1957. En realidade, o ambicioso programa intelectual de AGUEA para Galicia, obxectivamente moi pouco viable, necesitaba contar na sombra —tempos de clandestinidade— cunha organización coma a dos comunistas, e resulta que ningún dos actores mencionados tiña esa militancia por máis que fosen algo marxistas e rusófilos. No libro de Víctor Santidrián sobre a historia do Partido Comunista en Galicia (2002) non hai a menor referencia a este proxecto intelectual16. Nunha “operación política” desta magnitude tiña que estar, por forza, orientándoa e patrocinándoa, o Partido Comunista de España, daquela sen o apoio intelectual en Galicia indispensable. En canto a Carlos Maside, Díaz Pardo, Dieste etc. (citados no desaforado informe de Piñeiro), aínda que fosen “compañeiros de viaxe do Partido”, carecían das características axeitadas para emprenderen unha acción semiclandestina da transcendencia esbozada no informe.

TERCEIRA PARTE

OS SEIS LIBROS “AMERICANOS” DE DEL RIEGO (1946-1959), DOUS DELES AÍNDA INÉDITOS

Consultando os estudos máis documentados sobre Fernández del Riego, temos a impresión de que este capítulo da súa inxente bibliografía contén importantes lagoas. Xa é significativo que o noso escritor se estree, como autor de libros, coa obra Cos ollos do noso esprito, escrita en Vigo no ano 1946 e tirada do prelo en Buenos Aires no ano 1949, colección de ensaios breves publicados pola editorial Alborada da Federación de Sociedades Galegas, que foi a institución que o premiara no ano 1947.

O lector deste epistolario lembrará que a primeira carta de Del Riego a Luis Seoane, de 1946, se refire, no esencial, a este libro que o autor asentado en Vigo lle acababa de enviar á citada institución. O presente epistolario abunda en noticias sobre este libro e sobre outros escritos enviados a Buenos Aires, consciente o autor de que a man amiga e eficiente de Seoane non aforraría esforzos para que tales páxinas se editasen na capital arxentina.

Un libro que nos anos cincuenta foi de notable utilidade, a Historia de la literatura gallega, publicouno Galaxia, na colección de Manuales, no ano 1951, pero o manual fora escrito bastante antes. Xa lle fala del, a Seoane, o 30 de xaneiro de 1947. Catro meses despois, este xa coñece o libro, que lle comenta nestes termos: tu libro me pareció estupendo y de gran utilidad, quizá te faltan algunos datos del exterior de Galicia, algunos de ellos, los que pueda, te enviaré yo las fichas (26 de maio de 1947). Na mesma carta promételle que lle enviará copia de los poemas de Dieste y Lorenzo Varela, hechos a manera de prólogo de dos álbumes míos, hace ya cierto tiempo, y que, a mi juicio, es de lo mejor que se ha escrito, en gallego, en poesía, en estos últimos años. Nestas liñas, Seoane non só se amosa moi amigo dos amigos senón que lle fai saber a Del Riego que a súa Historia non atende debidamente a produción literaria galega dos derradeiros anos. Tamén lle comunica que fará o prólogo Rafael Dieste e que el mesmo, o propio Seoane, fará os debuxos e coidará a edición.

En realidade, a Historia de la literatura non se publicou en Buenos Aires malia que llo mandara a Rodolfo Prada (30 de xaneiro de 1947), home comprometido e influínte na colectividade galega. Xa en carta do 6 de outubro de 1948, Del Riego escríbelle a Seoane deste xeito: ¿No habrá posibilidad de publicar mi Literatura Gallega? Si la hubiese, quisiera corregirla en algunos aspectos. De no haberla, te agradecería que me enviases unos dibujos tuyos y el prólogo de Dieste, para ver la manera de editarla aquí.

Del Riego tivo que esperar tres anos para editar a Literatura. Fíxoo na editorial Galaxia (1951), que acababa de nacer. No mes de xullo dese ano, xa editada, escribe o autor: Supongo que habrás recibido el ejemplar de la Historia de la literatura gallega. Como verás, he cambiado varias partes del texto original y tuve que traducir éste. Creo que en la época contemporánea incluyo un número bastante abundante de literatos. Ya me dirás tu opinión (16 de xullo de 1951).

É nesta altura, e con esta carta, cando temos noticia de que o texto orixinal da Historia literaria, o enviado a Buenos Aires en 1947, fora redactado en galego. Pola miña parte, advirto ós lectores interesados na “biografía” deste libro que existen na Fundación Penzol unha versión galega e outra castelá desta Historia. Consulteino hai moito tempo, antes de ler o presente epistolario.

Na resposta, Seoane gaba a Literatura, de una gran utilidad, está hecha con sentido didáctico, [...], un excelente libro (29 de agosto de 1951). Aínda así, o vello e leal amigo, leal tamén á obra galega dos transterrados na Arxentina, faille saber:

Te agradezco la mención de mi libro [Tres hojas de ruda y un ajo verde o las narraciones de un vagabundo, 1948] [...] No estoy de acuerdo, en cambio, como puedes suponerte, con la mención de [Manuel] Puente y Rodolfo [Prada], pues de esta manera eres injusto con la gente de aquí, que han hecho en esta mucho más por la cultura gallega y tanto, por lo menos, que ellos. Este es el caso de [Arturo] Cuadrado en primer término, que conmigo intentó por dos veces la aventura de crear cuatro colecciones de libros gallegos llegando a publicar una cantidad importante, con afiches por las calles.

Seoane segue, en 1951, na súa vella idea de que “mecenas” como Manuel Puente non foron tales, e mesmo chega a retratalo, na mesma carta, de gran fantasmón de guiñol. Non sei se, anos despois, cambiou de parecer, pois hoxe sabemos que financiou, en realidade, a Historia de Galiza dirixida por Otero Pedrayo e da que se publicaron tres grosos volumes (consta, por documentos, que os colaboradores cobraron, feito pouco frecuente neste tipo de tarefas intelectuais). Non se fai esperar a resposta de Del Riego:

Valoras demasiado una simple mención sin transcendencia, hecha en mi Historia de la literatura gallega [refírese a Puente e Prada]. Es verdad que he pecado de omisiones... Ten en cuenta, no obstante, que mi información sobre vuestra labor cultural era muy reducida. Cuando empecé a mantener correspondencia contigo, ya habíais dejado de publicar obras gallegas. De éstas sólo conozco volúmenes aislados y desconocía que tu intervención en su publicación fuese tan directa.

Isto, malia que o labor cultural de Seoane e Cuadrado (as catro coleccións), anterior a 1945, era descoñecido, en boa parte, polo mesmo Del Riego, o máis informado da realidade editorial galega naqueles anos. Na carta repróchalle, en termos amigos, que non lle enviase a el unha ficha bibliográfica que redactou, en 1947, para Otero Pedrayo co gallo da súa viaxe a Buenos Aires (Otero nunca me habló de esa ficha...). Cómpre procurala, na Penzol, entre os papeis de don Ramón, como cómpre cotexar, na mesma biblioteca, as dúas redaccións da Historia, na garantía de que na versión castelá figuran datos “americanos” suxeridos por Seoane. Ben merece este esforzo o manual de Del Riego no que algunhas xeracións, a miña entre elas, aprendemos a ter unha idea, non incorrecta, do discurso literario en lingua galega.

Pola miña parte, quero e debo ofrecer algúns datos e un texto das dúas redaccións da Historia. Titúlase a primeira Breve historia da literatura gallega, que data de “Xaneiro 1947” (así se consigna na páxina 5). Nesa páxina, na relación de obras do autor, lemos: En preparación, Noites incertas (novela), obra da que ninguén, que se saiba, nos deu noticia. Esa primeira redacción é notablemente inferior á castelá, a publicada, co título Historia de la literatura gallega, o 8 de xuño de 1951 en edición de dous mil exemplares, cifra insólita en libros destas características na Galicia do cincuenta. No exemplar do mecanoscrito de 1947, Del Riego, á man, con posterioridade, deixounos esta indicación: Texto que serviu para a primeira edición do Manual, traducido ao castelán.

Nunha carta xa citada, Del Riego é máis explícito: trátase non só dunha tradución senón dunha reelaboración e ampliación. Si é certo que Galaxia inaugurou con este libro a serie de Manuales, nun principio en castelán, cautela, estou convencido, que a editorial tiña ante a inquisitorial sensibilidade da Administración franquista. A esta cuestión (e a algunha outra) referinme hai doce anos nun artigo de homenaxe a Del Riego (Alonso Montero 2012, pp. 79-80):

Quizais ós estudosos de hoxe lles resulte un tanto estraño que Del Riego publicase en castelán un manual sobre o acontecer literario en idioma galego. Foi decisión do autor? Foi decisión da editorial? Aínda que eu non responda a estas interrogacións, vou proporcionar uns datos bibliográficos non alleos á cuestión que nos ocupa. Existe nos fondos da biblioteca Francisco Fernández del Riego (Casa Galega da Cultura, Vigo) un mecanoscrito de 96 folios co título Historia da literatura galega, redactado por el (así consta) en xaneiro de 1947 e, co mesmo título, outro mecanoscrito de 93 folios, na miña opinión igualiño, no esencial, ó anterior. Tamén é de xaneiro de 1947, e nel, tempo despois, o autor manuscribiu, nunha páxina preliminar, esta aclaración: Texto que serviu para a primeira edición do Manual traducido ao castelán. De tódolos xeitos, na versión castelá hai algún dato bibliográfico máis (pasaran catro anos), algunha observación nova sobre varios autores e un novo apartado breve, ao final, titulado “Actividades culturales” no que se fala, moi sucintamente, do labor literario de Buenos Aires neses anos, das colaboracións do xornal La Noche (Santiago), etc.

O texto de 1951 contén nomes do exterior (Emilio Pita, Lorenzo Varela, o propio Seoane...) ausentes no de 1947. Del Riego valeuse, pois, da información do seu vello amigo. Hai, no apartado “Actividades culturales”, unhas liñas que alporizaron un pouco a Seoane: ...debe significarse la importante labor llevada a cabo en la Argentina por un grupo de gallegos próceres, al frente del cual se hallan Rodolfo Prada y Manuel Puente (1951, p. 151).

Paga a pena cotexar os dous textos. No primeiro, para ser publicado en Buenos Aires no ano 1947, refírese ó exilio de Castelao nestes termos: Emigrado da terra, por mor de circunstancias políticas, percorreu varios países europeos.... No de 1951, publicado na España de Franco, a formulación é esta: Las circunstancias en que Castelao se vio envuelto, lo forzaron a la emigración... (1951, p. 108). Advertían os lectores novos, coma min, o que había debaixo destas palabras, o feito de que Castelao perdera a guerra civil, causante do desterro político? No texto galego, para publicar fóra das coordenadas do Réxime, figuraba un sintagma que o autor evita en 1951 (“circunstancias políticas”). Teño a impresión de que Del Riego escribiu o primeiro texto moi de présa, razón pola cal titula un libro emblemático de Castelao Galicia sempre, título que rectifica en 1951 (Sempre en Galiza).

O terceiro libro que Del Riego enviou a Buenos Aires, tamén en galego, titulábase Precursores e novos. Foi remitido en marzo de 1950 con destino ó concurso literario convocado polo Centro Gallego, como nos conta o propio Del Riego (12 de marzo de 1950). Sete meses despois, comunicáballe Seoane: Leí tu libro Renovadores e novos y me pareció muy interesante y necesario, te agradezco hondamente el haberme incluido y lo que sobre mí dices. Na posdata felicítao con efusión: Recibe mi enhorabuena por el premio del Centro Gallego. Para todos nosotros fue una alegría que te lo llevases tú y deseo volver a repetirla próximamente (12 de outubro de 1950).

Xa premiado, Seoane faille este ofrecemento: Dime si en caso de que se inicie una nueva editorial gallega, la cuarta que inicio, puedo publicar tu libro Precursores e novos (6 de xullo de 1951). Á volta de correos, respóndelle: Desde luego está a tu entera disposición el libro... (16 de xullo de 1951). Salvo erro na miña lectura, non hai noticia no epistolario, durante tres anos, sobre este libro, e cómpre chegar á carta de Seoane do 11 de xaneiro de 1954 para batermos cunha referencia non doada de interpretar: Ayer se aprobó por la Junta Directiva del Centro Gallego la publicación de tu libro Galicia no espello, que estará en tus manos antes de mediados de año, esperando que lo recojas personalmente en esta (11 de xaneiro de 1954).

En efecto, Del Riego viaxou a Buenos Aires en xullo de 1954, convidado polo Centro Galego para actuar, como orador representativo da galeguidade, no Día de Galicia (e noutras institucións galegas noutros días). Un ano despois, en 1955, o convidado sería Domingo García Sabell. Iniciárase esta tradición, idea de Luis Seoane, apoiado por Rodolfo Prada, en 1947, ano no que o orador fora o verbo torrencial e vibrante de Ramón Otero Pedrayo. Pero, que libro é Galicia no espello? Acláranolo Seoane, tres meses despois:

IMPORTANTE: Es necesario que escribas una buena carta al Centro Gallego anunciándoles que vas a cambiar el título de tu libro Precursores e novos por Galicia no espello, aumentándole además algún capítulo que llegará de un momento a otro, si no llegó a Buenos Aires. (22 de abril de 1954)

A documentación obrante na Fundación Penzol permítenos pronunciarnos sobre esta metamorfose bibliográfica. Del Riego en Precursores e novos (semblanzas literarias) compuxo un volume, asinado co pseudónimo oteriano Adrián Solovio, que contiña estes cinco capítulos: “Prólogo”, “Os prosistas”, “Os poetas”, “Os artistas” e “Dúas figuras foráneas (Azorín e García Lorca)”. A edición aumentada contén dous capítulos novos: “A paisaxe” (1954, pp. 7-37) e “A cultura (1954, pp. 189-223); en canto ó capítulo final, agora titulado “Homes de fóra”, acolle seis voces máis (o Marqués de Santillana, Juan Ramón Jiménez...). Cando se faga un cotexo rigoroso, observaremos páxinas refeitas e ampliadas, sobre todo se se trata de prosistas, poetas e artistas que nos catro anos transcorridos (1950-1954) publicaron novas obras. É o caso de Luis Seoane, de quen o noso autor non omite o seu primeiro libro de poemas, Fardel de eisiliado (1952), ó que se refire en termos moi gabanciosos. Foi L. S. (Luis Seoane) quen coidou a edición deste volume publicado en 1954 polo Centro Galego de Buenos Aires. Así consta no texto do colofón.

Hai un cuarto libro de Del Riego, Curros Enríquez. Vida e literatura, enviado a Buenos Aires, tamén a un concurso convocado polo Centro Galego. Era o centenario do nacemento do poeta. O seu traballo (de 103 páxinas)17 non foi premiado. Fórono, en galego, Luís Carré Alvarellos, e en castelán, Alberto Vilanova, aínda hoxe autor da biografía máis documentada. En calquera caso, teño a impresión de que Del Riego non era moi entusiasta da poesía cívica de Curros (Alonso Montero 2003, pp. 77-79). Aínda así, é sorprendente que o omita, tanto no libro Precursores e novos coma en Galicia no espello, libros onde fala de Añón, Lamas Carvajal, Rosalía, Pondal... Foi un lapsus?

Hai un título, tamén enviado a Buenos Aires, que reclama de nós unha atención non pequena. Trátase da obra de teatro A lumia, de 1951, tradución da peza de Jean-Paul Sartre La putain respectueuse, estreada en Francia no ano 1946 (en España, co título de La respectuosa —protagonizada por Nuria Espert e traducida por Alfonso Sastre— non se representou ata 1967). No epistolario, desde outubro de 1950, o nome deste autor francés, tan vixiado polo franquismo, está presente en varias cartas. Na primeira, Del Riego faille este rogo a Seoane:

¿Hay por las librerías de esa, alguna obra de Sartre en francés o castellano? Tengo gran curiosidad por conocer su producción de un modo directo. Te estimaría que me enviases la que por ahí se publicase o tradujese y que no hubiese en las librerías de aquí. Yo te lo abonaría en la forma que me indicases. (24 de outubro de 1950)

O amigo axiña lle envía o Teatro completo en edición de Losada (24 de novembro de 1950). Impaciente, comunícalle tres meses despois: Aún no ha llegado a mi poder el volumen del teatro de Sartre y ya desespero de recibirlo (1 de marzo de 1951). Dous meses máis tarde, engade: El libro de Sartre que me enviaste no llegó por fin a mi poder. Sin embargo, ya me hice con las ediciones francesas de sus principales obras (27 de abril de 1951). Case se pode xurar que o volume da editorial Losada foi interceptado, coma tantas cartas, pola policía viguesa. Quizais nesas cartas falaron da tradución dunha peza de Sartre ó galego.

Pasados seis anos, Del Riego comunícalle a Seoane algo que, forzosamente, xa fora abordando en cartas anteriores: Por lo que respecta a la traducción que te envié, quedas en libertad de hacer con ella lo que estimes oportuno (22 de febreiro de 1957). Desta tradución consérvanse nos arquivos da Penzol (Del Riego era un home moi organizado) dúas copias mecanoscritas, unha de 24 folios e a outra de 42 cuartillas, coa data “febreiro 1951”. Non se volve falar no epistolario de tan curiosa obra de Del Riego: curiosa e pioneira, pois nunca ninguén traducira ó galego un texto de Sartre.

No ano 1959 a editorial Citania —outra proeza cultural de Seoane— publica un breve volume de Del Riego co título Galicia y nuestro tiempo. La obra de una generación, que fora, con outro título, unha conferencia impartida polo autor, en 1954, nunha tribuna galega de Buenos Aires. A disertación porteña foi reelaborada por Del Riego: Te envié [...] el texto reformado de la conferencia sobre la cultura actual... (10 de outubro de 1957). Por carta pouco posterior sabemos que Seoane suxeriu o novo título e animou a Del Riego a que lle dese máis protagonismo á obra poética de Lorenzo Varela, de quen foi sempre un entusiasta valedor:

También recibí el texto sobre La obra de una generación para Citania. Es necesario, primero, cambiar el título por el tipo de público a que va dirigido que no es concretamente gallego. Nuestra tierra y nuestro tiempo quizás deberías poner la palabra Galicia. No sé, piensa que se trata de expandirla más entre gentes ajenas a Galicia y nuestra colectividad y entonces nuestra tierra no tiene el sentido que tiene para nosotros. Te pediría, por creerlo justo, que dedicases algo más a [Lorenzo] Varela por sus poemas Catro poemas pra catro grabados y Lonxe, que para muchos, entre los que me incluyo, nos parece uno de los más importantes poetas gallegos de los últimos 20 años, con acento bien particular en nuestra lírica. Tú verás. Citania promete ir bien. Nos costó bastante formar la sociedad anónima. Abundan entre los accionistas la gente pobre; por mi parte, además de trabajar gratis, como siempre en toda empresa gallega, invertí en ella parte de mis ahorros. Preside el directorio Perfecto López y están ajenos, naturalmente, aquellos para quienes la acción cultural gallega se convirtió en hábito de discursos y tertulias y nada más. (8 de novembro de 1957)

Non omitimos na cita a crítica —unha máis— ós Abrairas, tan antagónicos con todo o que cheiraba a “comunismo”18.

NOTAS

1

Francisco Fernández del Riego na cultura galega do século XX. Curso de verán. Lourenzá, 4-6 de setembro de 2023.

2

Véxase na páxina web do Consello da Cultura Galega, Proxecto Epístola, a sección Fondos documentais.

3

Existe unha edición das cartas de Seoane a Del Riego desde o ano 2002 co título Cartas de Luís Seoane dende o exilio. Prologueina eu, a petición do destinatario, quen puxo nas miñas mans 122 misivas, todas en galego, previamente traducidas por el. Desde agora, o corpus textual fiable é o sinalado na nota 2 do presente traballo. No volume de Ediciós do Castro, no que aparece como autor Fernández del Riego, non figuran todas as cartas, e, ás veces, hai cartas algo incompletas.

4

“Tres horas na vida de Francisco Fernández del Riego, en Vigo...”, lida en Vilanova de Lourenzá o 17 de maio de 2023. Reprodúcese no presente volume deste Boletín (Alonso Montero 2023).

5

Que eu publiquei por primeira vez no Limiar do libro citado na nota 3 (2002, p. 10).

6

O texto desa conferencia incorporeino á segunda edición do meu libro As palabras no exilio. Biografía intelectual de Luis Seoane (2002). A primeira edición saíra no ano 1994.

7

O adxectivo “peregrina” é porque a carta pasou por varios enderezos, razón da súa tardanza (de maio a setembro).

8

Ver, no meu libro sobre Seoane, as táboas co inventario dos libros publicados na Arxentina, en moitos dos cales está a man ilustrada e oportuna de Seoane (1994, pp. 151-161).

9

Quizais a colaboración intelectual de Cuadrado foi maior na concepción e desenvolvemento da colección poética Botella al Mar, dos últimos anos de Seoane.

10

Carta exhumada por Miguel Barros Puente na súa tese de doutoramento (2008, p. 482).

11

O título completo na cuberta é: Primeiro Congreso da Emigración Galega. Documentación. Crónicas. 1956. Buenos Aires. Editouse, en realidade, en novembro de 1959 en Artes Gráficas Alfonso Ruiz. No copyright consígnase Editorial “Nós”. Existe edición facsímile do Consello da Cultura Galega (2006). O 1956, que consta na cuberta, refírese ó centenario do famoso Banquete de Conxo (marzo de 1856), feito histórico que o Congreso homenaxeou.

12

A primeira sesión foi o 21 de xullo, pero a inauguración oficial e solemne celebrouse o 25, que era o Día de Galicia.

13

Carta reproducida en Seixas Seoane (2021, p. 693).

14

Tales “documentos”, lidos na casa de Domingo García-Sabell un ano despois da viaxe de A. Baltar, no verán de 1958, constitúen o que a historiografía, especialmente Miguel Barros, chama “Informe de Compostela”.

15

Hoxe é ben sabido que as memorias políticas de Piñeiro figuran no seu libro Da miña acordanza. Memorias (2002), pero debe saberse, tamén, que este volume foi o resultado dunhas conversas súas con Carlos Casares, persoa que coñecía moi ben os aconteceres de Piñeiro, por quen sentía admiración e devoción. A el, a Casares, dedícalle horas e horas de conversa, moitas gravadas. Todo fai supoñer que Casares non publicou a totalidade do inxente material a el confiado. Pouco antes do seu falecemento, puxo nas miñas mans o documento que reproduzo a continuación e que exhumei no ano 2009.

16

É a súa tese de doutoramento, dirixida por Justo Beramendi na Universidade de Santiago de Compostela, en 2001.

17

Mecanoscrito obrante na Penzol.

18

Repárese no nome de Perfecto López, nome, como o de Rodolfo Prada, do círculo de Xosé Bieito Abraira, Moisés da Presa... pero capaces de entender e entendérense con Seoane, Antonio Baltar etc.

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS

Alonso Montero, Xesús (1994). As palabras no exilio. Biografía intelectual de Luís Seoane. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.

Alonso Montero, Xesús (2002). As palabras do exilio. Biografía intelectual de Luís Seoane. 2ª ed. A Coruña: La Voz de Galicia.

Alonso Montero, Xesús (2003). Curros Enríquez no franquismo. Santa Comba de Xallas: 3C3.

Alonso Montero, Xesús (2009). Ramón Piñeiro ou a reinvención da cultura galega. Vigo: Galaxia.

Alonso Montero, Xesús (2012). Peregrinatio ad loca docta. Viaxar a Vigo, nos meus anos mozos, á procura de Fernández del Riego. En: Francisco Fernández del Riego. Vigo dende o corazón de Galicia. Vigo: Fundación Penzol / Galaxia.

Alonso Montero, Xesús (2023). Tres horas na vida de Francisco Fernández del Riego, en Vigo, o 18 de outubro de 1949: o encontro (semiclandestino) dun intelectual do exilio interior, Fernández del Riego, co seu camarada, Luís Seoane, do exilio exterior, trece anos e catro meses despois de que fosen separados polas consecuencias da sublevación militar do 18 de xullo de 1936. Boletín da Real Academia Galega. 384, 393-398.

Barros Puente, Miguel (2008). O partido galeguista e a revisión do nacionalismo: Ramón Piñeiro 1943-1981. Tese de doutoramento. Universidade de Santiago de Compostela.

Baltar, Antonio (2002). O compromiso do exilio. Sada: Ediciós do Castro. Edición de María Díaz Rey.

Fernández del Riego, Francisco (1951). Historia de la literatura gallega. Vigo: Galaxia.

Fernández del Riego, Francisco (1954). Galicia no espello. Buenos Aires: Galicia.

Fernández del Riego, Francisco, ed. (2002). Cartas de Luís Seoane dende o exilio. Sada: Ediciós do Castro.

Piñeiro, Ramón (2002). Da miña acordanza. Memorias. Vigo: Galaxia / Fundación Caixa Galicia.

Primeiro Congreso da Emigración Galega. Documentación. Crónicas. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2006 [1959]. Edición facsimilar.

Santidrián, Víctor (2002). Historia do PCE en Galicia (1920-1968). Sada: Ediciós do Castro.

Seixas Seoane, Miguel Anxo (2021). Castelao. Construtor da nación. Tomo III. 1940-1950. Vigo: Galaxia.