Nun texto de natureza prospectiva en que unha serie de intelectuais galegos, reunidos polo vicerreitor da Universidade de Santiago de Compostela Manuel C. Díaz y Díaz, trataron de imaxinar a situación de Galicia a vinte e cinco anos vista (isto é, cara a 2002), o escritor Álvaro Cunqueiro, máis realista do que se podería sospeitar, imaxinaba a Galicia futura como unha cidade única pero policéntrica, ao modo dunha confederación helvética na que cada urbe debería desempeñar un rol específico. Para a cidade de Vigo, na que el residía daquela, suxería unha das súas propostas máis orixinais, que cito literalmente: eu imaxino para Vigo un goberno de cónsules
(Díaz y Díaz 1978, p. 16). Non importa que o curso da historia fose por outros camiños malia a capacidade futurista que teñen os vates que, como Cunqueiro, poden anunciar o porvir. Pero abonda a referencia a esta función consular de Vigo para abrir a miña intervención sobre unha das facetas máis intensas que tivo a vida e a obra de Francisco Fernández del Riego. É claro que Cunqueiro non estaba a pensar no mundo cultural para definir Vigo nin tampouco no seu amigo e conterráneo Del Riego, quen tanto lle axudara durante os longos anos de exilio no pontus mindoniense.
Con todo, esta referencia cunqueirá aquélalle ben a unha das funcións que Fernández del Riego desempeñou desde que, ao final da guerra, se asentou na cidade de Vigo: ser o elo imprescindible entre a cultura galega do interior e a que estaba a ser creada, antes e despois da guerra, polos emigrados e polos exiliados, que aquí agrupamos no termo más xenérico de “diáspora”. El foi, canda Isaac Díaz Pardo, un dos máis atentos representantes daquelas comunidades galegas no exterior que, durante os longos anos de posguerra, integraban dous grupos algo dispares: o formado por vellos emigrados, galeguizados politicamente desde os anos vinte (Manuel Puente, Rodolfo Prada, Eduardo Blanco Amor, Xesús Canabal...) e por uns centos de exiliados que chegaron despois de 1936 (Ramón Suárez Picallo, Luis Seoane, Antonio Baltar, Silvio Santiago, Florencio Delgado Gurriarán, Emilio González López...).
Neste contexto, podería considerarse a Del Riego como un Ministro de Exteriores do galeguismo
(Villanueva 2023), aínda que entendo que sería máis acaído o nome de cónsul, porque a función deste cargo diplomático é menos política e máis técnica e cultural. A función “consular”, entendida de forma figurada, debe ocuparse do labor de mediación dos emigrados coa súa terra de orixe e mesmo de axuda e de orientación aos que pretenden deixar Galicia, en calidade tanto de emigrados coma de exiliados (casos de Pura Vázquez, Celso Emilio ou Alberto Vilanova). En troques, as funcións máis ben “ministeriais”, fose ou non con exiliados, correspondéronlle realmente a Ramón Piñeiro que, como se indicará, é quen lle marca as pautas ao propio Del Riego en asuntos políticos e estratéxicos. Con todo, trátase dun traballo de conexión e fortalecemento, feito en equipo, dos proxectos culturais do galeguismo do interior cos dos seus compañeiros emigrados ou exiliados.
A RECONSTRUCIÓN DO GALEGUISMO NA POSGUERRA
O gusto polas relacións coa diáspora non foi cousa da posguerra, pois xa nos anos mozos de escolante en Compostela, Del Riego iniciara unha colaboración bastante estable na revista A Fouce, da Sociedade Nazonalista Pondal, con dez artigos publicados entre 1932 e 1934 sobre temas culturais e universitarios (Fernández del Riego 2023). Que na posguerra retomase esta práctica xornalística, alén das dificultades para publicar no interior, forma parte desta vocación persoal, compartida con tantos escritores e líderes políticos da Galicia europea, de cultivar a súa presenza no mundo da emigración americana. No caso de Del Riego, a súa oportunidade foi a oferta recibida desde o Centro Galego de Buenos Aires, no que se editaba a revista Galicia, para ser o seu correspondente en Galicia e, por extensión, exercer como delegado da institución, función que cumpriría desde 1949 ata 1968. As mans de Rodolfo Prada e de Luis Seoane están detrás daquel convite.
Isto permitiulle ser a voz en Galicia do principal centro societario da emigración galega en América e, por tanto, estar presente en eventos simbólicos como a anual misa de Rosalía en Bonaval ou a entrega de premios e subvencións concedidos a persoas e institucións, como foi o caso da Real Academia Galega (RAG) ou da Facultade de Filosofía e Letras da universidade compostelá. A revista Galicia non foi a única plataforma na que estivo presente a pluma de Del Riego, pero foi o territorio máis atendido polo noso autor, tanto nas revistas societarias da colectividade emigrante coma en iniciativas como Galicia Emigrante, publicación que foi obra persoal de Luis Seoane desde 1954 ata 1959, co patrocinio, entre outros, de Javier Vázquez Iglesias, directivo do Banco Español del Río de la Plata e tamén presidente nos anos cincuenta do Centro Galego porteño.
Como se verá máis adiante, esa labor consular tivo varios protagonistas, pero o máis activo, mellor situado e máis permanente foi claramente Fernández del Riego, que gozou durante anos da confianza de entidades societarias e, desde logo, tamén da de numerosos emigrados e exiliados. Nos primeiros cincuenta, os pedidos que lle chegan desde Buenos Aires son tan insistentes que se queixa, en carta a Ramón Piñeiro, de que tomárona conmigo
, ata o punto de que parece como se tencionasen faguerme Cónsul Xeneral sin retribución
(carta do 4 de decembro de 1954)1. Certamente, tiña razón no referente á ausencia de remuneración, pero tamén era clara a posición central que ocupaba Del Riego na relación coa diáspora e que, ademais, era parte esencial do proxecto de Galaxia.
Aínda que o traballo de Fernández del Riego era individual na súa execución material —sen ningún apoio técnico ao seu alcance—, no plano político contaba coa asesoría de varios membros de Galaxia (Ramón Piñeiro, Otero Pedrayo, García Sabell ou Xaime Isla), pero é de Piñeiro de quen espera constantemente indicacións e pautas para facer propostas ou responder as preguntas e problemas que lle formulan os seus correspondentes en América, porque moitas das cartas que recibía eran reenviadas a Ramón Piñeiro antes de ser contestadas. Isto explica que, a determinada altura (27 de abril de 1959), lle confesase ao seu amigo Piñeiro que ben necesitaba unha segredaria, que non fose fea, para atender o departamento dos servicios que me encomendan
. Non consta que tal houbese, nin mesmo na propia editorial Galaxia.
Neste sentido, cómpre marcar un mínimo contexto para entender o labor de mediación de Del Riego. Desde logo, non se trata —nin antes nin despois da guerra— dunha aposta individual. Na posguerra formaba parte do que era un compoñente esencial para a supervivencia da cultura galega do interior: non perder a relación e as referencias coa obra da preguerra realizada a través de institucións e movementos como as Irmandades da Fala e a revista Nós, o Seminario de Estudos Galegos e, en conxunto, coa intensa socialización política lograda despois do abrente republicano, co autonomismo como bandeira esencial. Aquela experiencia foi tronzada en flor co golpe de Estado e coa derrota da República na guerra civil. Durante máis de cinco anos, as brasas de republicanismo, autonomismo e galeguismo ficaron case apagadas no interior, mentres que na Galicia “ideal” se mantiveron acesas ata o punto de lograren recuperar a alianza Galeuzca, constituír o Consello de Galiza e integrar, por primeira vez na historia, un Goberno de España, a título de representación do galeguismo, como foi o Castelao ministro do Goberno republicano no exilio, residindo en París desde agosto de 1946 até xullo de 1947.
A figura de Castelao foi o eixe central desta traxectoria, na que contou co apoio esencial dos nacionalistas vascos e, noutro nivel, dos galeguistas do interior que formaran parte do Partido Galeguista ou, no seu caso, das Mocedades Galeguistas. Era o caso, entre outros, de Fernández del Riego e de Ramón Piñeiro, quen exerceron un papel esencial de conexión con plataformas de oposición á ditadura franquista como a Alianza Nacional de Fuerzas Democráticas (ANFD), pero tamén de Manuel Gómez Román en Vigo ou Ben-Cho-Shey e Fermín Penzol en Madrid, con Otero Pedrayo na retagarda ourensá. O noso protagonista xa estaba daquela en Vigo, como colaborador do bufete e das empresas xornalísticas de Valentín Paz-Andrade, pero sen a referencia esencial de Piñeiro, detido ao seu retorno de París, o que lle supuxo botar tres anos na “universidade” de Alcalá, como alcumou con sorna a prisión onde estaba (Villares 2021). Mentres tanto, Del Riego comeza a desenvolver o seu traballo, aínda menos que consular, de establecer a relación con amigos do exilio, entre os que tivo inicialmente un papel esencial Luis Seoane, que desempeñou durante vinte anos a asesoría cultural do Centro Galego de Buenos Aires baixo o amparo de Rodolfo Prada, o informal “ministro universal” (incluídos os Asuntos Exteriores) que tivo Castelao ata a súa morte no seu segundo periplo americano.
A vía política para manter a relación entre as dúas Galicias, imaxinada polo Castelao dos tempos do Consello de Galiza e de ministro do Goberno Giral, ficou choída coa crise daquel goberno e coa guerra fría desatada entre dous bloques gañadores da contenda mundial a partir do ano 1947, mediante o que se coñece como “doutrina Truman” ou guerra fría. Aínda que pareza ben afastado no espazo e no tempo, o que acontecía no mundo afectaba directamente a Galicia, en especial aos galegos que estaban no exilio europeo e americano. Os exiliados foran ben conscientes da viraxe, como expresa Luis Seoane coa frase de que tiveran que “desfacer as maletas”, isto é, deixar de vivir coa esperanza de que en calquera momento podían retornar á terra. Era preciso mudar de estratexias e prepararse para unha longa hexemonía da ditadura franquista. E nesa preparación, foron esenciais as relacións persoais trazadas entre vellas amizades dos tempos republicanos, entre aqueles “heroes calados” con que Seoane definira os resistentes do interior e os heroes que, con máis liberdade, tamén resistían no exilio, como contei máis de vagar noutro texto (Villares 2021). Unha das mellores formas para manter esas relacións e organizar o futuro era a vía cultural, que se desenvolve de forma intensa desde a década dos cincuenta, malia que tivo continuidade posterior pero con trazos ben diversos.
ENTRE LONDRES E BUENOS AIRES
O papel de Del Riego, na súa relación coa diáspora, estivo desde o inicio más alá da función consular de atendemento de conterráneos que saen ou retornan polo porto de Vigo e que precisan novas de Galicia ou acordan apoiar proxectos culturais do interior. Del Riego tamén foi un activo escribidor nos xornais das dúas Galicias e un mediador entre a terra e a diáspora. El tiña unha experiencia política acreditada desde os tempos da II República, o que lle axudou á reconstrución do Partido Galeguista do interior na posguerra e, ademais, asomouse ao exterior como autor de textos e mesmo guións do Galician Programme (desde 1947) dentro das emisións que emitía en diversas linguas, baixo a dirección de George Hills, a emisora BBC de Londres. Nesta tarefa contara coa axuda de Plácido Castro e, sobre todo, de Alexandro Raimúndez, que moraba como exiliado na capital británica. Logo, pero xa con outros formatos, seguiría a presenza galega con Ramón Lugrís, que se incorpora a finais dos cincuenta. Pero Del Riego foi, con Raimúndez, o promotor do programa e un dos máis intensos colaboradores desde o interior, fornecendo textos propios e alleos (Toro 1994).
Acabada a guerra mundial, tamén era preciso retomar o contacto con América na procura de pontes e referentes. Foi unha decisión persoal de Del Riego, ao decidir participar no concurso literario da Federación de Sociedades Gallegas de Buenos Aires, ao que envía un texto en 1946 que resultaría premiado e publicado: Cos ollos do noso esprito (1949). Isto deulle pé para pórse en contacto con Luis Seoane. O percurso desta relación epistolar está contado na súas cartas co amigo pintor, que é a primeira persoa á que se dirixe na procura de información e, de modo indirecto, axuda para que lle concedan o premio. Logo, vai descubrindo o labor cultural que os emigrados / exiliados están a facer na capital porteña, xa desde principios dos anos corenta, tanto en revistas (De mar a mar; Correo Literario, Cabalgata) coma en editoriais, como Emecé, Losada, Nova, Botella al Mar ou Citania. Como resultado dos primeiros contactos, prodúcese unha retroalimentación mutua na que uns e outros descobren que estaban a traballar de modo paralelo. Así llo dicía Seoane a Fernández del Riego en 1951, cando comezaba a despuntar o proxecto de Galaxia:
En cierto modo, estamos envidiosos de la labor que realizáis ahí con las Ediciones Galaxia, Benito Soto, Bibliófilos Gallegos y las revistas de poesía. Es este un ejemplo que aquí no saben entenderlo y que en el fondo desdeñan. Es la labor que habíamos emprendido [Arturo] Cuadrado y yo hace años con el afán de convertir esta ciudad en un gran centro editorial gallego y en la que fracasamos después de publicar unos 60 libros gallegos por falta del más mínimo apoyo de las gentes que en cambio realizan banquetes culturales. (Buenos Aires, 13 de xuño de 1951)
O que se estaba construíndo na Galicia interior era quizais máis difícil, pero non menos plural, do que acontecía nas terras americanas, porque desde finais dos anos corenta, cando se reorienta a estratexia política do exilio republicano en Europa, era preciso mudar tamén en Galicia cara a unha acción intensamente cultural e de procurar pontes, como comezou simbolicamente co diálogo —algo de xordos ao principio— entre intelectuais do exilio e do interior, como Francisco Ayala e José L. Aranguren. Naquela altura, en Galicia estábanse deseñando polo menos dous grandes proxectos culturais, nos que a edición de libros era un factor esencial. Un galeguista con experiencia, pero que actuaba de modo individual, como Aquilino Iglesia Alvariño, así llo manifestaba a Seoane en carta tamén bastante prematura (15 de agosto de 1947), na que comenta os trazos do que o latinista consideraba naquela altura un gran “movemento cultural” en Galicia:
No sé si sabéis que con la designación de Padre Sarmiento está funcionando el Seminario de Estudios Gallegos y que lleva publicados varios números [na realidade, era a revista Cuadernos de Estudios Gallegos, que substituía Arquivos do SEG]. Está en cartera hace tres años para ser ahí editado un libro mío con la traducción de las Odas de Horacio. Está en trámites la creación de una editorial gallega de gran envergadura, ligada al Instituto Padre Sarmiento [que sería Bibliófilos Gallegos]. Se está también para crear otra en Vigo de la que parece alma Plácido [Castro, que sería Monterrey]. Pero no sé en que parará todo. El libro gallego parece que es hoy estimado en Galicia, pero se produce muy poco y a la hora de la verdad no se vende.
En ambas as cartas —sobre todo na de Seoane— é de admirar como se utiliza o plural para definir os campos culturais que se estaban construíndo a unha e outra beira do Atlántico. Esta era a comprobación de que, na segunda metade dos corenta, a actividade cultural das dúas Galicias estaba respondendo ao desafío de superar o bloqueo da acción política de natureza galeguista, que formalmente se producira en América coa conversión do Partido Galeguista en Irmandade Galega e co parón político producido no interior coa freada sufrida pola Alianza Nacional de Forzas Democráticas e, de modo máis concreto, coa entrada no cárcere de Ramón Piñeiro en 1946. Aquel foi o principio da viraxe dada no ano 1950, coa fundación de Galaxia como proxecto político pola vía cultural. Algunhas graves consecuencias destas decisións tomadas tanto no exilio coma no interior serán motivo de moitas discusións e mesmo de roturas de relacións, especialmente no que respecta á representación da voz política de Galicia nos medios da oposición antifranquista en Europa, que en parte reproducen os desencontros xa producidos en tempos de Castelao e do funcionamento do primeiro Consello de Galiza (Villares 2017).
ROBINSONES LEJANOS?
Nunha das moitas cartas que cruza Seoane con Del Riego, aquel conxúrase sobre a necesidade de superar o seu illamento para deixar de ser uns “Robinsones lejanos”. A superación deste illamento logrouse mediante unha multiplicidade de iniciativas e de colaboracións que, unha vez máis, fixo das dúas beiras do Atlántico un proxecto compartido. Desde finais dos anos corenta ata, polo menos, os sesenta, Fernández del Riego forma parte dun equipo colectivo, que con frecuencia denomina a “causa” galeguista, no que exerce sobre todo actividades culturais (prensa, comentarios de libros, antoloxías ou escolmas, conexión epistolar), para as que a diáspora resulta esencial, polo menos ata os anos sesenta.
Na posguerra, a figura de Fernández del Riego experimenta unha certa mutación con respecto á súa biografía republicana e dos tempos da guerra civil. Sen deixar de ter conciencia política, el convértese en activista no interior e en mediador coa diáspora, sendo o máis especializado nesta tarefa entre todos os superviventes do Partido Galeguista ou das Mocedades Galeguistas, na compaña dos “heroes calados” da súa xeración, aqueles que Seoane individualiza como tales en 1960, cando efectúa a primeira gran viaxe a Galicia: Carballo Calero, Piñeiro, Sabell, Cunqueiro, Fernández de la Vega e, con todos eles, o patriarca Otero Pedrayo (Villares 2021). Neste panorama de tantas viraxes da xeopolítica da segunda metade dos corenta, Fernández del Riego, que tiña experiencia política partidaria e tamén cultural desde os tempos da II República, vai ser un actor fundamental en dous procesos paralelos: a) a construción dunha plataforma, con nome de editorial Galaxia, que permitise “actuar desde a cultura”, para evitar a desgaleguización de Galicia e b) conectar de forma estable e sistemática co traballo que se desenvolvía en América.
A diagnose de Aquilino Iglesia era relativamente certeira no momento en que falaba. Existía un grupo cultural, organizado a partir do “extinto” Seminario de Estudos Galegos, mediante a creación dunha nova institución, o Instituto Padre Sarmiento e, andando o tempo, a editora Bibliófilos Gallegos. Era unha aposta que, con independencia de cada un dos seus integrantes (rexionalistas, galeguistas, católicos...), se caracterizaba por salvar a cultura galega mediante unha “adaptación” rexionalista. Era unha forma algo diferente do que se estaba a facer en Vasconia e Cataluña, onde a profunda nacionalización cultural de catalanismo e vasquismo se quería contrarrestar cunha forte dose de “españolización”. De aí a promoción dunha “españolísima” Vasconia ou dunha Cataluña “leal” (mediante os “cataláns de Burgos”) como tentativa de crear un soporte do nacionalismo español (Villares 2022). En Galicia, en cambio, callou claramente unha adaptación rexionalista —precedente do nacionalismo “rexionalizado” do franquismo—, no que foron cabezaleiros esenciais figuras como Sanchez Cantón ou Filgueira Valverde, pero tamén moitos dos antigos “seminaristas” que permaneceron en Galicia, como Bouza Brey, Antonio Fraguas ou Felipe Cordero Carrete.
Fernández del Riego mantívose próximo a este grupo durante uns anos, como membro de Bibliófilos Gallegos ou como integrante de xurados decisivos, como o que, con Cabanillas, Otero Pedrayo e Del Riego (entre outros), concedeu en 1950 o premio de narrativa á única obra escrita en lingua galega, A xente da Barreira, da que resultou ser autor Carballo Calero. Ao ano seguinte, o premio de tradución sería gañado pola versión en galego do Cancioneiro celta de Julius Pokorny, obra de dous mozos galeguistas, Celestino Fernández de la Vega e Ramón Piñeiro, quen acababa de pasar tres anos no cárcere por motivos políticos. En suma, dous “expresidiarios” (Carballo e Piñeiro) eran os gañadores dos primeiros premios de Bibliófilos (Regueira 2015).
Pero Del Riego tamén foi unha das persoas que, na prensa galega e, desde logo, na escrita privada de epistolarios cruzados cos seus amigos políticos, máis se significou por defender a creación dunha editorial distinta da que promovera o grupo Cantón-Filgueira, que con frecuencia, sobre todo no exilio, foi criticada pola súa orientación cara á bibliofilia propia de anticuarios. Como observaría Del Riego nun dos seus artigos de prensa do ano 1949, la literatura no debe escribirse para satisfacer el gusto del público, sino para crear un nuevo gusto; o, al menos, para encauzarlo, depurarlo, robustecerlo
(Monteagudo 2021). Os membros de Bibliófilos consideraron que a fundación de Galaxia era unha copia do seu proxecto, pero como aconteceu noutros proxectos coetáneos —caso da Historia de Galiza e da Galicia Histórica—, non é doado descubrir quen copiou a quen, porque a “cuestión editorial” estaba no ambiente. De feito, entre os dirixentes galeguistas, incluídos os máis mozos como Del Riego, Xaime Isla ou Piñeiro, é sabido que estaban matinando sobre ela desde anos antes, como amosa a carta de Piñeiro escrita desde o cárcere madrileño a Del Riego en maio de1948: fálame da nova editorial […]
, proxecto do que espera que asegure un influxo cultural permanente i eficaz
(18 de maio de 1948).
En suma, a conexión de Del Riego coa diáspora deriva de varias razóns, unhas puramente económicas e outras, culturais e políticas. Pero estas non serían factibles sen se producir o “desxeo” das relacións epistolares, despois de anos de noticias fragmentarias, chegadas e levadas por “andoriñas” que viaxaban decotío nos paquebotes que cruzaban o océano, como era o caso do practicante Maximino Castiñeiras, moitas veces mencionado nos epistolarios. De repente, cara a 1945/1946, os ecos afastados transfórmanse en diálogos epistolares. Así sucede coa chegada de cartas de Seoane e Prada desde 1946, e nos anos seguintes de Manuel Colmeiro, Delgado Gurriarán ou de Rodrigues Lapa, entre moitos outros.
Os interlocutores esenciais na rede de relacións nas que se insire a acción de Del Riego son bastante numerosos, pero cómpre sinalar como principais uns poucos nomes: Luis Seoane, Rodolfo Prada, Xosé Benito Abraira e o grupo dirixente do Centro Galego de Buenos Aires, polo menos ata a segunda metade dos cincuenta (Perfecto López, Javier Vázquez Iglesias, Daniel Calzado); en Montevideo, con Lois Tobío e Antón Crestar; en Caracas, a mediación máis importante foi realizada a través de Silvio Santiago e de Carlos Herrero, con Ramiro Isla Couto de apoio itinerante; en México, con Florencio Delgado Gurriarán ou Luis Soto, aínda que a relación foi máis feble —sen dúbida debida a que a “presenza galega” no exilio republicano en México era proporcionalmente máis baixa do que nas repúblicas do Prata—. E, fóra do mundo propiamente dos emigrados, mantivo intensa correspondencia con profesores galegos nos Estados Unidos (Guerra da Cal, González López, Carlos Peregrín Otero...) e con intelectuais portugueses, entre os que cómpre salientar o protagonismo de Manuel Rodrigues Lapa. O medo de Seoane de seren uns Robinsons illados ía perdendo forza a medida que pasaba a década dos cincuenta.
A intensidade das relacións epistolares é un excelente argumento desta superación, que podemos exemplificar en Fernández del Riego e Ramón Piñeiro. Unha simple visión cuantitativa das cartas recibidas por eles dous de persoas da diáspora galega, así como de figuras da cultura alleas da Galicia, amosa que coinciden bastante na elección dos seus correspondentes. A diferenza máis substantiva, como xa foi suxerido, está en que o epistolario de Piñeiro ten maior carga política (nomeadamente en casos como os de González López, nos EE.UU. e de Amadeu Cuito en Francia) fronte ao maior peso cultural e mesmo literario que caracteriza o epistolario de Fernández del Riego. Remito ao Apéndice para confirmación.
VÍAS DE RELACIÓN COA DIÁSPORA
Vai de seu advertir que os contactos da cultura galega, especialmente a mantida polos galeguistas coa diáspora de exiliados e de emigrados, non se poden reducir á figura de Fernández del Riego, dado que moitos outros (Ramón Piñeiro, Valentín Paz-Andrade ou Isaac Díaz Pardo), desenvolveron un papel esencial nestas relacións e, como veremos, tamén na xestación de alternativas, derivadas con frecuencia en disensións ou conflitos. Pero o protagonismo de Del Riego débese, fundamentalmente, a tres razóns: a) a de ser un representante ou “cónsul” de institucións societarias, nomeadamente de Buenos Aires, aos efectos de manter a presenza da voz dos emigrados, incluído o seu apoio á cultura, mediante premios e publicación de libros de autores da terra; b) a de conectar con numerosos correspondentes, nomeadamente en América, que reflectían a pluralidade do mundo da diáspora: antigos emigrantes (Prada, Puente...) dos que moitos se converteron no que Blanco Amor chamou “emigrados” políticos e, desde logo, os propiamente exiliados republicanos e galeguistas despois de 1936 (Seoane, Tobío, González López...); e c) a de proxectar a cultura galega, designadamente a representada por Galaxia, nos medios da diáspora americana.
O labor de representación institucional e de “consulado” foi exercido por Del Riego intensamente nos anos cincuenta, nun tempo no que o porto de Vigo era lugar de partida e chegada para o tránsito entre América e Europa. No seu epistolario vese que recibía peticións do “secretario rentado” do Centro Galego de Buenos Aires para estar presente en actos do Padroado Rosalía de Castro, da Real Academia ou de institucións como a Universidade de Santiago. Por exemplo, en 1958 interveu na homenaxe da RAG ao Centro Galego porteño con motivo do seu cincuentenario, no que Del Riego pronuncia un discurso que glosa na prensa societaria (Galicia nº 501) Nas cartas cruzadas con Piñeiro, que era o máis próximo de todos os seus correspondentes epistolares, dá noticias constantes desta trasfega portuaria, de cartas que anuncian visitas ou que solicitan axuda nos trámites portuarios ou que precisan orientacións “turísticas” sobre Galicia. Alén de emigrados e dalgún exiliado que xa pode viaxar a Galicia, ten que axudar a persoas como Pura Vázquez, cando emigra a Venezuela, ou recibir figuras como González Carbalho, Ramón Mourente, Xerardo Álvarez Gallego ou o director de El Universal de Caracas, con oito acompañantes, aos que non deixa de agasallar cun xantar en Vigo: costounos a broma mil pesetas
(Carta a Ramón Piñeiro, 20 de agosto de 1956).
O traballo non sempre era grato, polo que se queixa con frecuencia do tempo que perde neste labor diplomático, incluídos longos xantares nos restaurantes vigueses que o obrigan a facer temporadas de “rigoroso réxime alimenticio” (que non era para tanto, pois permítese cear dous pratos e sobremesa...). Anos máis tarde, confesaríalle a Otero Pedrayo que chegan arreo turistas da Arxentina
e como teño a desgracia de vivir nun porto de desembarco, hei de aturalos a todos, perder con eles o tempo de que non dispoño i enriba gastar os cartos en estúpidas comedelas
(26 de agosto de 1963). É claro que naquela altura xa estaba máis canso que cando empezou este traballo consular, pero nunca o abandonou de todo ata que outras persoas e instancias, como a Fundación Rosalía de Castro e o seu presidente, Agustín Sixto Seco, se ocuparon especificamente deste cometido.
As relacións coa colectividade da diáspora tiñan tamén un compoñente esencial de apoio económico. A edición de obras en proxectos como Ediciones Galicia (do Centro Galego), Emecé ou Citania foi un estímulo importante para a república das letras galegas. Xustamente, a relación epistolar de Del Riego con Seoane comeza a propósito dun orixinal que enviara desde Vigo ao concurso da Federación de Sociedades Gallegas de Buenos Aires, que sería premiado en 1946. Na primeira carta a Piñeiro conservada (setembro de 1949), Del Riego recoñece que grazas a aquel xesto simpático dos emigrados
puidera gañar algo de cartos e ver editado o seu libro Cos ollos do noso esprito (1949) ao que seguirían algúns outros como Galicia no espello. A súa facundia (ou sona de fecundidade
, nas súas propias palabras, carta a Ramón Piñeiro do 21 de setembro de 1954) levouno a presentarse varias veces e mesmo a facelo con outro nome, “suplantación” descuberta en 1954, feito que recoñece para non aparecer como concursante perpetuo
. O apoio da emigración riopratense substanciouse tamén na creación desde 1951 de premios aos mellores expedientes académicos da Facultade de Filosofía e Letras (mil pesos ao mellor expediente académico de cada promoción), gañados entre outros por Antonio Eiras Roel, Consuelo Mariño ou José Luís Comellas.
Tamén foi importante o apoio do núcleo de Caracas (Silvio Santiago, Ramiro Isla...) para editar, co apoio da Casa de Galicia, o Diccionario de Eladio Rodríguez. En Montevideo, grazas a Jesús Canabal e Antón Crestar, tamén conta Galaxia con accionistas da editorial e coa subvención do Banco de Galicia (en 1955 concedeulle 2000 pesetas). Que este patrocinio da emigración estaba decote presente confírmao unha suxestión de Rodrigues Lapa a Del Riego, cando estaban en tratos para editar en Galaxia o que serían as Cantigas de escarnho e maldizer, pois o filólogo portugués pregúntase, en carta do 27 de marzo de 1957, se os editores galegos pensam em recorrer à colónia galega da Argentina
(Lapa 1997).
Un dos soportes máis relevante para manter a relación entre a Galicia europea e a americana foron as periódicas invitacións que moitos dos seus intelectuais recibiron para ditar conferencias ou participar en eventos de gran poder simbólico que se celebraron en Buenos Aires, Montevideo, Caracas ou México. A persoa chamada con maior insistencia foi Otero Pedrayo, quen inaugurou as Xornadas Patrióticas creadas polo Centro Galego de Buenos Aires en 1947, ás que logo asistirían Paz-Andrade, Bouza Brey, García Sabell, Ramón Piñeiro, Carballo Calero e, naturalmente, Fernández del Riego, que foi o convidado do ano 1954. Aquelas actividades, que como sabemos polo libro de Otero Polos vieiros da saudade (2001) estaban cheas de conferencias, banquetes e cerimonias, poñían a proba a resistencia dos invitados, como tamén lle pasou ao propio Del Riego.
Durante bastantes anos, a chegada de invitados que non procedían da cultura oficial do franquismo —que tamén enviou moitos, desde Eugenio Montes ao pintor Álvarez Sotomayor— era supervisada pola embaixada de España en Buenos Aires e, antes da saída, polo propio Ministerio de Asuntos Exteriores, como se sabe no caso de Otero, Bouza Brey ou de Fernández del Riego. As posicións políticas das entidades societarias en América, tal que os centros galegos de Buenos Aires e de Caracas, eran a escusa para entorpecer estas invitacións, pois aquelas entidades néganse a ter relaciós cos respeitivos embaixadores de Franco e a erguer nos seus fogares a bandeira española
e si a galega xunto coa do país respectivo. Esta situación impediu que puidesen viaxar algúns invitados como Otero Pedrayo a Caracas (1954) ou o médico Rof Carballo, no mesmo ano, como lle explica Rodolfo Prada a Rodrigues Lapa en setembro de 1954 (Lapa 1997). A opinión de Prada é que se trataba dunha “vinganza” do réxime franquista.
Certamente, informes policiais das viaxes de Bouza ou de Del Riego indican que se seguían moi de preto as andanzas dos convidados pola colectividade galega porteña. No caso de Bouza Brey, que viaxou en 1951, as suspicacias sobre a súa actuación “antiespañola” en Buenos Aires (homenaxe a Rosalía, bandeira galega...) afloraron con motivo do “expediente disciplinario” aberto polo Tribunal Supremo un ano máis tarde contra Bouza como maxistrado da Audiencia de Oviedo, pero non sabemos ata que punto puido influír a súa actividade en Buenos Aires naquel expediente. No caso de Del Riego, talvez advertido destes precedentes, a información que obtivo a embaixada por parte dun comisario de policía foi claramente positiva a seu favor, a pesar de ter dado conferencias “de carácter separatista gallego” en diversos centros. Como dato favorable engade que se negara a conferenciar na Federación, “organismo separatista-comunista” e que unicamente aceptou unha cea-homenaxe, no domicilio do “destacado separatista gallego D. Manuel Puente”, na que estaban presentes Rafael Alberti e Luis Seoane, entre outros, e remata o informe cunha “ampliación” da información:
Confidente que nos merece entero crédito asegura que el señor Fernández del Riego en reunión directiva “Centro Gallego” a la que asistió, en la que se trató de poner o no la bandera española en su edificio social, fue el único que abogó con argumentos patrióticos el que se pusiera [...]. A consecuencia de esta actitud, se ha peleado o enemistado con numerosos y destacados “galleguistas”. (Nota informativa enviada desde Buenos Aires á Dirección Xeral de Politica Exterior, núm. 1053, 6 de setembro de 1954)
UN CORRESPONDENTE LITERARIO
As relacións de Del Riego coa diáspora galea na Arxentina comezan a mediados dos corenta, cando logra que lle editen algúns libros seus alén do premiado no concurso da Federación de Sociedades Galegas. E mantéñense, con algúns altibaixos, ata mediados dos sesenta, para experimentar desde entón un progresivo devalo. Son uns tempos de mudanzas nos seus comezos e remate. O inicio ten que ver co “desxeo” dos fluxos migratorios que seguen ao final da segunda guerra mundial, o que abre múltiples expectativas. O remate non ten unha cesura tan clara, pero para o caso que nos ocupa está relacionado con mudanzas moi fortes tanto no ámbito da emigración coma na Galicia interior: as sucesivas escisións nos grupos culturais e a radicalización política de moitas entidades societarias teñen o seu correlato en Galicia coa primeira gran crise do grupo Galaxia, coa aparición do novo nacionalismo político e coa rebeldía dos “novos” ou os “mozos” da xeración das Minervais contra os seus mestres, desde finais dos cincuenta.
Del Riego era, desde os anos trinta, un experimentado colaborador na prensa da terra e tamén da emigración. Formou parte do suplemento cultural de La Noche de Santiago e abriu debates sobre a lingua galega, o seu cultivo literario e sobre “o momento editorial” que se vivía a fins dos anos corenta. A colaboración coa prensa da diáspora, que xa ensaiara nos anos trinta, volveuse na década seguinte un dos seus traballos máis intensos. As cabeceiras máis importantes nas que publica son a revista Galicia (Centro Galego), Galicia Emigrante (Seoane-Vázquez Iglesias) e Galicia de Caracas, co seu nome de pía ou cos pseudónimos Cosme Barreiros e Salvador Lorenzana. Pola contra, a súa presenza foi menos intensa en cabeceiras como Galicia (Federación de Sociedades Galegas de Buenos Aires) ou Vieiros (Patronato da Cultura Galega en México), na que axuda a Florencio Delgado Gurriarán a recoller as numerosas colaboracións procedentes de Galicia. De modo incidental, a súa firma tamén aparece en ducias de publicacións de pequenas entidades societarias e, desde logo, en moitas revistas da Península Ibérica.
Del Riego conecta precozmente, como xa vimos, coa colectividade emigrante a través do xornal Galicia do Centro Galego de Buenos Aires. Nel escribe unha sección estable, “Galicia cada treinta días”, que son crónicas de carácter artístico e literario, pois como “corresponsal literario” é considerado nos títulos de crédito. Tamén informa de actividades institucionais, como a fundación de Bibliófilos Gallegos ou a constitución do Padroado Rosalía de Castro, así como de actividades da Universidade, do Instituto Padre Sarmiento ou da Misión Biolóxica de Galicia. En 1949 xa dá conta da celebración do Día de Galicia en Santiago no Salón Artesoado de Fonseca e da tradicional misa en Santo Domingo
(Galicia, nº 440). A principios dos cincuenta coordina o envío, como fará con frecuencia, da opinión dos intelectuais galegos “máis representativos” sobre aspectos sinalados da cultura galega. Neste caso, as contribucións son de Otero, Maside, Gómez Román, Ramón Baltar, Cuevillas, Cabanillas ou Carballo Calero, que escriben a propósito da obra literaria-artística do lembrado amigo
Castelao (expresión na carta a Otero). Con todo, o especial na revista titúlase “Galicia ante la figura símbolo de Castelao”, na que incorpora un texto (que parece de Otero Pedrayo) procedente do “interior de Galicia” que define ao rianxeiro como la encarnación humana del alma de Galicia
.
Durante os primeiros anos cincuenta as crónicas de Fernández del Riego constitúen un resumo da actividade cultural desenvolta en Galicia en clave vagamente galeguista ou rexionalista. Fala de exposicións artísticas individuais (Isaac Díaz Pardo) e colectivas, de concertos, das publicacións de Bibliófilos, de cursos universitarios de verán e das diversas xustas literarias. Tamén se ocupa da polémica entre a Historia de Galiza e da Galicia Histórica, da inactividade dos Institutos de Estudos Portugueses e Rexionais na Universidade de Santiago —que só se recupera en parte a partir de 1950— e, con certa frecuencia, do idioma galego e do esquecemento en que están os estudos sobre a realidade de Galicia (nostalxia do SEG), que só aparecen nos cursos de verán nos que colaboren Filgueira, Cantón ou Bouza Brey. Dedícalle amplo espazo ao triunfo de Otero Pedrayo nas oposicións á cátedra universitaria, cátedra que fue el sueño de su vida, ilusión ya casi desvanecida cuando inesperadamente se convirtió en realidad
(Galicia, nº 452) e dá noticia dun proxecto que debeu ser idea de Castelao: a creación dun Museo de Galicia, sito no Hospital Real, e algo máis tarde, dun Museo do Mundo Céltico na Coruña (desta idea, fíxose eco Manuel de Irujo, ao pouco de morrer Castelao, cun artigo titulado “Los muertos mandan”, que parece indicar un mandato en vida do rianxeiro).
Desde principios dos cincuenta son frecuentes as noticias da editorial Galaxia e dos seus primeiros libros (Antífona da cantiga, de Cabanillas), de publicacións colectivas como Presencia de Galicia e, naturalmente, das figuras que viaxan a Buenos Aires como convidadas ás Xornadas Patrióticas (Fermín Bouza, 1951; Paz-Andrade, 1952; García Sabell, 1953). Tamén das visitas que efectúan amigos de fóra, como Rodrigues Lapa, que en 1952, nunha cea colectiva, habló en gallego
, ou de Daniel Calzado, que participou na misa a Rosalía onde habló en lengua vernácula
(Galicia, nº 461). De forma progresiva, o cronista introduce a temática da lingua e mesmo do canon literario e, desde 1955, dá noticias dos “novos escritores”, como Gonzalo R. Mourullo, un mozo de dezaoito anos, fillo de quen permanecera máis dunha década no exilio porteño, Vázquez de Calo (Galicia, nº 481). Este panorama permítelle afirmar que se está producindo un auténtico renacer de las letras y de la cultura propia
, grazas aos novos autores, aos certames literarios e á diversidade de editoriais, tanto en Galicia coma en Buenos Aires, México e mesmo en París coa aparición da editorial Medulio. E tamén constata a frecuencia con que recibe visitas de estranxeiros, alén dos que moran en América, como Nina Epton e outras “galicianistas” anglosaxoas ou italianas. Das Festas Minervais de Compostela, celebradas en 1957, dá unha cumprida nota sobre os gañadores (Franco Grande, Méndez Ferrín, Ramón Lorenzo) e do mantedor, o mozo Alonso Montero (Galicia, nº 495). Do libro de Ferrín Percival e outras historias avanza que se pode esperar un “dilatado porvenir” literario para o seu autor.
As noticias son asinadas, en xeral, con pseudónimo, pero o autor F. Fernández del Riego ocupa cada vez máis espazo nunha sección, “Ronsel”, na que comeza un labor de análise temática da cultura (literatura, pintura, historia...), así como de proxectar a biografía de autores pasados e presentes, desde Diego Xelmírez e o mestre Mateo ata Curros Enríquez ou Pardo Bazán, o que cadraba tamén coa política editorial de Luis Seoane e Arturo Cuadrado, que recuperaron sistematicamente obras de autores galegos anteriores ao nacionalismo das Irmandades (Murguía, Vicetto, Sarmiento...).
Naquelas crónicas, Del Riego fai glosas de monumentos e de cidades galegas, como Compostela, ciudad de piedra
(Galicia, nº 497) ou Mondoñedo, ciudad del silencio
(Galicia, nº 500), e dá abondosas noticias académicas, como os ingresos na RAG dos primeiros da súa xeración (García Sabell, Carballo Calero) ou da “oración final inenarrable” da xubilación universitaria de Otero Pedrayo en marzo de 1958. Tamén dá noticia da creación da “Biblioteca de economía” creada na editorial Galaxia e da serie “Monografías y estudios comarcales”, que sería fornecida polas ducias de tesinas dirixidas na universidade compostelá por Otero Pedrayo e polo seu discípulo Francisco Xavier Río Barja desde que o señor de Trasalba se incorporou á Minerva compostelá, a mediados do ano 1950.
As súas colaboracións coa prensa societaria porteña continuaron ata os anos setenta, aínda que en crónicas máis intermitentes (“Galicia en sesenta días”). Pero a facundia de Del Riego era proverbial e, alén do voceiro do Centro Galego —no que os cambios de directiva influíron na intensidade das súas colaboracións— o escritor de Lourenzá publicou crónicas no Galicia da Federación de Sociedades Galegas, tamén desde cedo (1949), pero de forma máis intermitente dada a difícil relación con Eduardo Blanco Amor, inspirador daquela revista. Desde 1952 tamén publica crónicas no voceiro do Centro Galego de Caracas, Galicia, e chega a simultanear a súa firma, con ou sen pseudónimo, en varias publicacións xurdidas por escisións societarias, como foi o caso de Caracas con Lar e, logo coa Casa de Galicia, precedente da futura Hermandad. Alén destas cabeceiras, o nome de Del Riego aparece en moitas outras, sexan órganos de seccións xuvenís (Adiante, de Belgrano) ou de asociacións de fillos de galegos, así como en proxectos colectivos de México, como Vieiros, na etapa que o dirixía Florencio Delgado Gurriarán.
Un capítulo esencial desta presenza de Del Riego na prensa da diáspora foi a súa colaboración na revista de Luis Seoane, Galicia Emigrante (1954-1959), que alén de ser unha plataforma para manter a súa relación persoal, deu tamén motivos para moitas discusións e conflitos entre as dúas beiras do Atlántico. Só a título informativo podería dicirse que nos trinta e seis números da revista, na que empeza a colaborar en 1955, hai vinte artigos e máis de vinte entrevistas asinadas por Cosme Barreiros (15), Salvador Lorenzana (23) e Fernández del Riego (4). As entrevistas, que asina sempre co pseudónimo Salvador Lorenzana, son un escaparate no que se presentan a cultura galega e os seus grandes protagonistas, comezando polos membros de Galaxia (Piñeiro, García Sabell, Otero Pedrayo, Carballo Calero, Xohán Ledo, Penzol, Fole, Franco Grande, Río Barxa ou Xohana Torres) ata membros doutra procedencia galeguista, como López-Cuevillas, Bouza Brey, Ferro Couselo, Gómez Román, Díaz Pardo, Ben-Cho-Shey, Sebastián Martínez-Risco ou Parga Pondal. Coas excepcións de Filgueira Valverde ou Paz-Andrade, malia a súa vella tradición republicana e galeguista, está tout le monde. Se o obxectivo da revista de Luis Seoane era galeguizar os emigrados galegos de Buenos Aires, certamente a mensaxe era contundente tanto en nomes coma en actividades e, desde logo, en imaxes e fotografías que Seoane solicitaba decote ao seu correspondente en Galicia. Incluso a presentación en Buenos Aires da obra pictórica e cerámica de Isaac Díaz Pardo foi feita a través desta revista en 1955, por mediación de Núñez Búa, como aval para o inmediato proxecto de Magdalena.
TEMPO DE DISENSIÓNS
Ter relacións non significa estar de acordo en todo. O periplo seguido por Del Riego e os seus amigos de Galaxia desde 1950 mostra ata que punto se torcen as liñas ou se crean desconfianzas e, desde logo, disidencias. Hai varias razóns de base, dadas as diferencias ideolóxicas e grupais entre os galeguistas do interior e os do exilio, pero sobre todo hai unha razón esencial: que estratexia política se debe seguir no futuro? Isto supuña definir un proxecto galeguista compartido dentro e fóra de Galicia. Pero a tarefa era difícil, dada a sucesión de debates que comezaran a mediados dos anos corenta, que non cicatrizaron na década dos cincuenta e que se volverían posicións enfrontadas a partir dos sesenta. Nesta deriva influíron vellas diferenzas marcadas xa polo papel de Castelao e do Consello de Galiza na dirección global do galeguismo político e que non desapareceron despois da morte do rianxeiro en 1950.
Por outra banda, nos núcleos do exilio galego, tanto no río da Prata coma en México ou Venezuela, producíronse moitas escisións nas organizacións societarias, que anunciaban a dificultade para fixar un proxecto político común. Só a título de exemplo, cómpre mencionar a aparición de padroados da cultura galega en Montevideo e Cidade de México, ambos en 1955, que naceron como senllos contrapuntos aos vedraños centros galegos xa existentes. Pola súa banda, en Caracas houbo sucesivas escisións e refundacións, antes de desembocar na poderosa Hermandad Gallega de Venezuela, fundada en 1960. Nesta dinámica, foron esenciais os exiliados chegados despois da derrota da guerra civil, como Lois Soto en México ou Silvio Santiago en Caracas. E, doutra forma, estas escisións tamén se producirían en Buenos Aires, nomeadamente a través de Agrupación Galega de Universitarios, Escritores e Artistas (AGUEA), fundada en 1956 polo núcleo máis esquerdista dos exiliados porteños. O seu presidente, Antonio Baltar (alcumado por Del Riego como “o xenro de Eduardo Dieste”) efectuou pouco despois unha viaxe a Galicia no curso da cal se puxeron de relevo as diferenzas estratéxicas entre o grupo de Galaxia e a organización porteña, tanto no campo da política coma no da formación futura das novas xeracións.
Unha das propostas do grupo porteño de Baltar era a creación dun Instituto de Economía, pensado para estudar a realidade de Galicia, que conectaba coa herdanza do Seminario de Estudos Galegos e co pensamento económico inspirado na América pola CEPAL (Comisión Económica para América Latina), que en Galicia tamén defendía Valentín Paz-Andrade, como puxo de manifesto nas conferencias pronunciadas en Buenos Aires en 1957 e que acabaron por integrar o libro Galicia como tarea, editado en 1959 no selo do Centro Galego. A resposta do grupo Galaxia foi a fundación da Revista de Economía de Galicia, aberta en 1958, da que ficou apartado expresamente Paz-Andrade, de quen xa sabía Del Riego (carta a Piñeiro do 3 de outubro de 1956) que soña[ba] coa extraña idea
de fundar unha revista. Que as relacións entre Vigo e Buenos Aires non andaban ben fica claro na noticia que Del Riego lle dá a Piñeiro sobre a revista Galicia do Centro Galego, onde ao facerse eco da saída da Revista de Economía de Galicia, sinalan expresamente la ausencia de V. Paz-Andrade
malia ser o autor do libro Economía pesquera, universalmente apreciado
(carta do 15 de xullo de 1958).
Ecos das consecuencias políticas da viaxe de Baltar atópanse no epistolario de Del Riego con Piñeiro, no que asevera que aquel viña apoiado polo fillo do pintor
(Díaz Pardo), daquela en Magdalena (Arxentina). Nunha das “periódicas visitas” de Baltar ao despacho vigués de Del Riego, este manifesta que tiveron unha discusión “violentísima”. A explicación que lle deu Del Riego a Luis Seoane (8 de novembro de 1956) foi a intransixencia de Baltar: o aceptábamos sus puntos de vista o seguía adelante con ellos prescindiendo de nosotros
. En cambio, para Seoane a percepción é ben diferente: creo que habeis hecho mal en no dialogar con Antonio Baltar
, motivo que o pintor achaca ao grupo de Buenos Aires que informaba aos de Galaxia (carta do 8 de novembro de 1957). Como se ve, abrollan as desconfianzas políticas e grupais dunha e doutra banda do océano.
As diferenzas doutrinais e estratéxicas dos grupos culturais actuantes na Galicia da década dos cincuenta xa existían desde cedo: “hay, al parecer, cierta tensión con relación a nosotros […], probablemente hay algún intrigante de por medio
, advírtelle Luis Seoane a Del Riego (22 de xaneiro de 1954), pero tamén desde Galicia se producen críticas algo destemperadas: “creo que os estais desviando de la línea eficaz
, dille en ton admonitorio García Sabell a Seoane (7 de xuño de 1956) cando lle chega un número de Galicia Emigrante. Eran desencontros provocados pola distancia e pola relativa ignorancia que cada grupo tiña das condicións en que se traballaba, fose no interior ou fose no exilio. Con todo, podería dicirse que sendo ben abondosos os espazos de disensión e mesmo de conflito, nunca chegaron a ser tan fortes como para se romperen as relacións mutuas. Alén de non partillaren algúns criterios literarios e estéticos, nomeadamente o “saudosismo” do que lle advertía sistematicamente a Seoane o seu vello mestre Carlos Maside, houbo algúns problemas que estiveron sempre presentes nestas relacións e que, en boa parte, acabaron por toldalas de forma significativa.
O conflito máis relevante produciuse a finais da década dos cincuenta e tivo varios protagonistas, dos que a obra epistolar de Del Riego tamén dá razón aos seus correspondentes dentro e fóra de Galicia. O asunto máis relevante era de natureza política, no sentido de lograr ou non unha converxencia estratéxica entre a acción político-cultural do interior e do exilio, co Consello de Galiza como motivo de fricción. Nos encontros con Baltar e mesmo con Perfecto López, a posición do grupo de Del Riego-Piñeiro foi contraria, como xa o fora nos anos corenta, ao recoñecemento do papel do Consello de Galiza como organismo aglutinador do galeguismo no campo do exilio republicano, nomeadamente en Europa e, por derivación, no interior de España. Era un conflito que arrancaba das diferenzas xa vistas nos corenta entre Alfonso Castelao e os galeguistas do interior e que logo se acentuaron na segunda metade dos cincuenta co affaire Baltar e coa escolla dun representante en Europa do Consello de Galiza, que se realiza a favor do republicano coruñés César Alvajar, exiliado en París.
Deste nomeamento é coñecedor Del Riego por carta recibida do propio Alvajar, quen, convencido polo “fino sentido político” de Ramón Suárez Picallo, acepta desempeñar la representación gallega en las asambleas, congresos que se celebren en Europa, porque la nueva Europa se está forjando en París, Ginebra y no en Buenos Aires ni en Cochabamba
, diagnose que non carecía de fundamento, como poría de relevo a acción do exilio republicano algo máis tarde, na reunión (“contubernio”) de Múnic de 1962. A misiva de Alvajar mostra que as alianzas do grupo Galaxia cos herdeiros de Castelao eran ben fracas e despois duns meses de silencio (conviña que dixeses algo sobre a carta de Alvajar, pra lle respostar
, demándalle a Ramón Piñeiro, carta do 9 de xaneiro de 1958), a resposta máis circunstanciada sería dada nos coñecidos documentos debatidos na Rosaleda (casa de García Sabell), nos que se confirma a posición mantida desde os anos corenta: Nós temos que nos inhibir, con habilidade e sen enfrentamento
, sostiña Del Riego case dous anos antes (carta a Piñeiro, 10 de decembro de 1956) respecto das propostas do grupo de Buenos Aires. A razón de fondo chegou na xuntanza da Rosaleda, ao aseverar que toda política galega que sexa verdadeiramente tal ha de emanar da realidade vital e espiritual do propio pobo galego
. A conclusión non pode ser máis contundente: O Consello de Galiza situouse na vía morta do pasado caduco
. Todo isto forma parte dun tempo de acordos e de disensións que marcaron a historia do galeguismo da segunda metade do século XX.
CODA
A obra realizada por Del Riego en relación coa diáspora foi, nomeadamente no plano cultural, moi activa desde finais dos corenta ata principios dos sesenta. Foi, ademais, un traballo moi diverso que combinou o labor xornalístico co contacto directo con moitas figuras da diáspora, desde Buenos Aires a Caracas, desde Lisboa a México ou Londres. Foi, por tanto, un actor esencial do proxecto cultural de Galaxia e da estratexia de “facer política por outros medios”, tanto no interior coma tamén no seu labor consular desde Vigo co ancho mundo da diáspora galega, esencialmente no continente americano.
Ollado desde o interior, é claro que Del Riego foi o auténtico motor da embarcación de Galaxia: desde pedir orixinais, corrixir probas, seguir a impresión dos libros ou preparar os paquetes para o envío dos mesmos, ata facer critica literaria, e relacionarse con medio mundo a través da rede epistolar. A súa obra persoal foi inmensa, heteroxénea e, desde logo, sempre feita ás présas, pero sempre entendida como un labor patriótico de recuperación da conciencia cultural de Galicia. Como lle diría a Piñeiro, en carta do 24 de decembro de 1955, a súa obra carecía de pretensións literarias, pois si fago literatura boa ou mala é por sentimento patriótico
.
A súa localización no campo cultural e político foi permanente no seo do grupo Galaxia, con especial atención, que non dependencia, ás opinións de Piñeiro no plano doutrinal e estratéxico; as relacións con Xaime Isla Couto eran máis difíciles porque non entendía a súa lentitude para escribir textos urxentes, nomeadamente para a Revista de Economía; non obstante, con eles dous e con García Sabell mantivo unha relación estable durante varias décadas, sempre avalada pola figura de Otero Pedrayo, a quen visitaba con frecuencia en Trasalba.
Por outra banda, Del Riego foi capaz de tecer relacións con outros grupos culturais, como o de Bibliófilos Gallegos ou o Laboratorio de Formas de Galicia, fundado en 1963 como xermolo intelectual do grupo Sargadelos. Con persoas como Filgueira Valverde, a quen apenas trataba, ou con Isaac Díaz Pardo e Seoane, malia a temporais retesías, nunca chegou a romper relacións. Un caso especial foi o de Valentín Paz-Andrade, con que colaborou profesionalmente desde 1939, pero co que rompeu nos anos cincuenta. Respecto da razón última de que o director de Industrias Pesqueras se colocase claramente no ronsel aberto polo grupo da AGUEA (e, por tanto, en rivalidade con Galaxia) non é posible afirmar se foi motivo ou consecuencia daquela ruptura persoal con quen Del Riego comezou a alcumar como “o de Lérez”.
Malia a que nin Del Riego nin o grupo Galaxia no seu conxunto foron quen de manter en pé as pontes necesarias coa diáspora para chegar coa forza necesaria aos tempos do final da ditadura franquista e construír unha alternativa para o futuro autonomista de Galicia —a demanda de Rodolfo Prada aos “herdeiros de Castelao” é ben significativa—, o noso autor desempeñou na época democrática un papel esencial para Galaxia e para o mundo cultural galego. As súas relacións co grupo de Sargadelos e as iniciativas de Isaac Díaz Pardo (Instituto Galego da Información, Museo de Arte Carlos Maside, restauración do Seminario de Estudos Galegos...) foron fluídas, deixando á beira as disensións dos anos cincuenta.
Tampouco os conflitos xeracionais que mantivo o grupo Galaxia cos “rapaces novos” como Gonzalo R. Mourullo ou Méndez Ferrín lle impediron a Del Riego manter unha boa relación persoal co novo nacionalismo fundado nos anos sesenta, integrando o Partido Socialista Galego dirixido por Xosé Manuel Beiras. A pesar de ficar á marxe da dirección de Galaxia desde os anos setenta e da revista Grial desde finais dos oitenta, a continuada dirección da Fundación Penzol e o acceso á presidencia da RAG en tempos de senectute fixeron de Fernández del Riego unha figura esencial da cultura galega da segunda metade do século XX, máis alá daquela función consular coa que comezamos esta achega a unha parte da biografía do egrexio fillo da vila de Lourenzá.