Boletín da Real Academia Galega

Núm. 384, pp. 235-255

© 2023. Real Academia Galega

https://doi.org/10.32766/brag.384.847

MANUEL RODRIGUES LAPA, FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO E A EDICIÓN DAS CANTIGAS D’ESCARNHO E MALDIZER

MANUEL RODRIGUES LAPA, FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO AND THE EDITION OF CANTIGAS D’ESCARNHO E MALDIZER

Henrique Monteagudo
Real Academia Galega
Instituto da Lingua Galega / Universidade de Santiago de Compostela

ORCID: 0000-0002-0682-4524

Resumo: O artigo trata do proceso de elaboración e produción editorial da obra Cantigas d’escarnho e maldizer dos cancioneiros medievais galego-portugueses (1965), do filólogo portugués Manuel Rodrigues Lapa, publicada por Galaxia. Saliéntase o papel do polígrafo galeguista Francisco Fernández del Riego neste proceso, testemuñado na correspondencia que lle enviou o primeiro a partir de 1950. A iniciativa de edición da obra aparece enmarcada nas relacións do filólogo portugués co galeguismo, en especial, co grupo nucleado arredor da editorial.

Abstract: This article examines the development and publishing of the work Cantigas d’escarnho e maldizer dos cancioneiros medievais galego-portugueses (1965), by the Portuguese scholar, Manuel Rodrigues Lapa, published by Galaxia. The role of the Galician writer Francisco Fernández del Riego in this process, as witnessed in the correspondence that he first sent Rodriguez Lapa in 1950, is examined. The initiative to publish the work appears to be framed in the Portuguese philologist’s relations with Galicianism and, in particular, with the group centred around the Galaxia publishing house.

Palabras chave: lírica trobadoresca galego-portuguesa, Manuel Rodrigues Lapa, Cantigas d’escarnho e maldizer dos cancioneiros medievais galego-portugueses, Francisco Fernández del Riego, editorial Galaxia.

Key words: Galician-Portuguese troubador lyric, Manuel Rodrigues Lapa, Cantigas d’escarnho e maldizer dos cancioneiros medievais galego-portugueses, Francisco Fernández del Riego, Galaxia publishing house.

Manuel Rodrigues Lapa (1897-1989) foi un dos filólogos portugueses máis importantes do século XX. Foi tamén un intelectual activo e comprometido, de rexas conviccións democráticas e ideais socialistas, e que tivo a afouteza de se destacar como “adversário intransigente” da ditadura salazarista1. Guiado por uns sólidos principios, tanto éticos coma académicos, dotado dun forte carácter, inflexible nos seus xuízos e inclinado á polémica frontal, as súas críticas públicas tiveron un alto custo para el, pois o réxime fascista coutou a súa carreira universitaria e a policía política acosouno en diversas ocasións. Formou parte do círculo intelectual congregado arredor da revista Seara Nova, coa que colaborou asiduamente desde a década de 1930. Este grupo situábase nunha liña democrática avanzada, e definíase como “racionalista”, en contraste coa corrente saudosista que tiña como referente a Teixeira de Pascoaes2. Despois do 25 de abril Lapa chegaría a dirixir esta revista, aínda que deixaría o cargo en desacordo co seu aliñamento co Partido Comunista Portugués (Pacheco 1984, p. 8).

A relación de Rodrigues Lapa coa cultura galega foi moi intensa, talvez a máis intensa da dos intelectuais portugueses na época contemporánea (Rodríguez 2000, pp. 63-64). O seu contacto con Galicia e co galeguismo é anterior a 1936, tempos en que se carteou con Castelao, Fermín Bouza-Brey, Santiago Montero Díaz e Paulino Pedret Casado, entre outros (Correspondência, pp. 52-54 e 62). Nos cinco lustros que van de 1950 a 1975 tivo como referentes principais en Galicia a Francisco Fernández del Riego e a Ramón Piñeiro, pero nese período tamén mantivo relación con Xosé María Álvarez Blázquez3, Fermín Bouza-Brey e outros eruditos galegos, e incluso cos galeguistas de América, como Rodolfo Prada, Luis Seoane e Xosé Neira Vilas. De que estoupou a polémica normativa sobre o galego, que el mesmo desencadeou en 1973, os seus principais interlocutores no noso país foron os impulsores do movemento reintegracionista, nomeadamente, José Luís Rodríguez, Xavier Alcalá, Martinho Montero Santalha e Ricardo Carballo Calero4.

A bibliografía galega sobre Lapa é relativamente abundante, pero na súa maior refírese, en tons apoloxéticos, ao seu ideario reintegracionista e, xa que logo, está centrada nas dúas últimas décadas da súa vida5. Os outros aspectos da súa obra en relación con Galicia están pendentes de estudos a fondo, serios e documentados, que, sen dúbida, contribuirán a dar unha imaxe máis completa, máis complexa e talvez máis interesante, do intelectual portugués. Sen pretensión de esgotar a tarefa, mais con vontade de contribuír a ela, na presente aproximación imos pór o foco nun importante capítulo da relación de Lapa con Francisco Fernández del Riego: a edición das Cantigas d’escarnho e maldizer dos cancioneiros medievais galego-portugueses, auténtico opus magnum do filólogo portugués.

Para entender a relación de Lapa cos galeguistas de Galaxia cómpre ter en conta en primeiro lugar a súa espontánea, visceral, simpatía cara ao galeguismo e cara á cultura galega, inseparable tanto do seu nacionalismo portugués coma dos seus intereses filolóxicos (filoloxía patriótica e nacionalismo democrático foron da man en Portugal, coma en España e no resto de Europa). Sirva a título de exemplo o que el mesmo manifesta en carta a Del Riego: Essa terra exerce sobre mim uma estranha fascinação. Sempre assim foi. Tenho impressão de remontar às origens e de beber, como quem trepa o cume da montanha, a água mais pura da nascente (Cartas, 10 de setembro de 1951, p. 44). Esta imaxe de Galicia como terra das orixes, conservadora de esencias étnicas, raíz anterga da nosa cultura (como di a dedicatoria das Cantigas d’escarnho e maldizer dos cancioneiros medievais galego-portugueses), gardadora dun fondo primitivo portugués, aparecerá reiteradamente nos seus escritos e, sen dúbida, revela o prisma específico que configurará a visión de Galicia de Lapa6.

Pola banda do grupo Galaxia, a actitude receptiva cara a Lapa debe entenderse no marco tanto da súa propia tradición cultural canto do seu plan de resistencia contra o franquismo —da cal a defensa do idioma era un eixo central—, pois unha das liñas estratéxicas do galeguismo desde o século XIX consistía en promover as relacións coa cultura luso-brasileira; nos mediados do século XX, no contexto das ditaduras de España e Portugal, esa relación ía naturalmente dirixida aos círculos democráticos portugueses. Neste marco, Lapa aparece como un referente de prestixio académico ao que conviña asociar a lingua e a cultura galegas precisamente para combater o seu descrédito cultural, tendo en conta, alén disto, que o esplendor da lírica trobadoresca galego-portuguesa constituía un timbre de gloria para a cultura galega, tanto de portas para dentro coma de portas para fóra.

Lapa demostrou un xenuíno interese intelectual por Galicia e polo galego, e en particular pola cultura galega contemporánea, mais na súa persoa tal interese era inseparable dunha intensa implicación emocional. Esta implicación tamén ía da man das súas conviccións democráticas, da súa condición de opositor ao salazarismo e de paria oficial que lle viña imposta polo réxime fascista. Tratábase dunha estreita afinidade identitaria, dunha sintonía étnica e dunha íntima solidariedade política, moral e mesmo afectiva dun demócrata portugués, compañeiro dos galeguistas na marxinalidade sociopolítica e intelectual; un e os outros tentando sobrevivir baixo a gadoupa de ditaduras brutais que os relegaban e os perseguían. Era un encontro de dúas posicións político-sociais periféricas; ben que, no caso, dos galeguistas, esa condición periférica non era só político-social, senón tamén cultural e nacional. Por todo o devandito, os galeguistas do interior atoparon en Lapa un interlocutor ideal.

Dada a súa receptividade cara á cultura galega, insólita nos ambientes intelectuais e académicos portugueses, Lapa converteuse nun auténtico embaixador dos galeguistas non só en Portugal, senón tamén no Brasil, e mesmo en relación coa lusitanística internacional. Non é en absoluto casualidade que lle encargase á editorial Galaxia a edición da súa obra científica máis importante, as antes citadas Cantigas d’escarnho e maldizer dos cancioneiros medievais galego-portugueses (1965), un dos monumentos da filoloxía románica do século XX. A presente achega pon o foco precisamente sobre o proceso de elaboración e edición desta obra, en que, como veremos, Del Riego tivo un papel fundamental.

As fontes centrais de documentación de que nos servimos para esta nosa achega son os documentos do arquivo do propio Del Riego e a correspondencia que lle remitiu Lapa7. Este profuso e interesantísimo epistolario está composto de case trescentas trinta misivas ou notas, que ofrecen un rexistro veraz e detallado desa relación desde 1950 ata 1985, aínda que en realidade o intercambio se suspende case totalmente en 1980, cando Lapa, xa ancián, está afervoadamente entregado, con paixón e crecente parcialidade, á defensa belixerante do reintegracionismo. Entre 1950 e 1973 Del Riego foi o seu correspondente máis importante en Galicia, ben que a partir de 1960 partillou ese papel con Piñeiro. Por iso, a devandita correspondencia debe ser lida en paralelo coa cruzada entre Rodrigues Lapa e Ramón Piñeiro, o encarregado das coisas em Santiago (Cartas, p. 303)8.

Alén diso, para a traxectoria vital e profesional de Lapa resultan de utilidade a antoloxía dos seus textos cívicos publicada baixo o título As minhas razões (Lapa 1983), algúns dos traballos da Colectânea de Estudos em Homenagem a Rodrigues Lapa (1984)9 e do Colóquio Internacional. Curia 1997. Conmemorações do Centenário do Nascimento do Professor Doutor Manuel Rodrigues Lapa. Filologia, Literatura e Linguística (2000), a súa fotobiografía (Diogo 1997) e a súa bibliografía, publicada o mesmo ano (Vilares Cepeda 1997), ben como a escolma da súa correspondencia, que recolle basicamente cartas recibidas, algunhas de correspondentes galegos (Correspondência 1997). Especificamente, para as relacións con Del Riego, ademais do devandito epistolario, deben terse en conta os artigos de prensa que este publicou sobre Lapa (Lorenzana 1950, 1951b, 1964; Fernández del Riego 1994, 1997) e as varias entrevistas que lle fixo (Lorenzana 1951a, 1960; Barreiros 1957), que, como se bota de ver, durante o franquismo aparecen baixo os pseudónimos Salvador Lorenzana e Cosme Barreiros.

DA ESCOLMA DE ÁLVAREZ BLÁZQUEZ ÁS CANTIGAS D’ESCANHO E MALDIZER (1951-1953)

Conforme o testemuño da súa correspondencia con Del Riego, Lapa encetou o proxecto de edición das Cantigas d’escarnho e maldizer a raíz da solicitude que aquel lle fixo para que escribise un prefacio á antoloxía literaria medieval arranxada por Xosé María Álvarez Blázquez. Vexamos como nace este proxecto.

Desde a súa creación, a editorial Galaxia marcárase como tarefa prioritaria cubrir as necesidades dun público galego que carecía da oferta de recursos elementais sobre aspectos básicos da cultura galega, nomeadamente, a propia tradición literaria en galego. Foi así que comezou a publicar manuais divulgativos, como a Historia de la literatura gallega de Del Riego, que veu a lume en 1951. En 1953 principiaba a saída da Escolma da poesía galega, cun primeiro volume dedicado á etapa medieval, que se encargou a Xosé M.ª Álvarez Blázquez10.

Antes de publicar esta antoloxía, Del Riego e Blázquez pedíranlle a Lapa que a revisase, cousa que el aceptou facer, pois consideraba indispensável que fique uma obra limpa, que honre a cultura galega (Cartas, 17 de febreiro de 1952, p. 59), pero probablemente sen ser moi consciente do labor que lle caía enriba. Na correspondencia cruzada entre Lapa e Álvarez Blázquez a partir de novembro de 1951 pódese seguir paso a paso o proceso de revisión desta Escolma, incluíndo a tentativa de Lapa de librarse do compromiso de redactarlle un limiar, que finalmente aceptou escribir (remíteo en carta datada o 19 de abril de 1952); o 17 de febreiro de 1953, Lapa agradece a recepción do libro, que acaba de saír do prelo (Epistolario Blázquez, pp. 16-33). Imos deternos brevemente nalgúns fitos dese percorrido. A finais de 1951, Álvarez Blázquez prégalle a Lapa que revise o seu traballo:

Moito lle agradecería fose anotando n-unha cuartela todas as ouservacións, por cativas que señan, que o meu traballo lle suxira; é a maneira de libralo de ‘lapsus’ graves. Non lle importe, por moi fondas que teñan que ser as posibres reitificacións nin por moito que me teña que rifar pola miña in[o]rancia; tráteme en todo intre co rigor con que o mestre ten de tratar ao discipre. (Epistolario Blázquez, 12 de decembro de 1951, p. 19)

Lapa non demorou en pór mans á obra, e aos poucos días de recibir a carta co orixinal da obra de Blázquez, dá unha primeira resposta:

Mando-lhe o original da Antologia com as observações que me sugeriu. Sobretudo as cantigas satíricas estavam muito estropiadas, por serem tiradas da má edição de Teófilo Braga. Não fiz tanto reparo nas cantigas d’amigo, por supor que seguiu a edição de Nunes; mas num ou noutro ponto verifiquei que os dois textos não condizem. (Epistolario Blázquez, 21 de decembro de 1951, p. 20)

O xuízo filolóxico que lle mereceu a Escolma de Álvarez Blázquez reservouno para o ámbito confidencial da correspondencia con Del Riego, a quen remite unha carta no día seguinte, na cal deita a seguinte crítica:

O exame do original da Antologia revelou-me que ele [Blázquez] não está habilitado para um trabalho dessa natureza, que requer longa prática e conhecimentos especializados. Se consultar o original que lhe mandei anotado, logo verá a complexidade e a gravidade das minhas correcções. (Cartas, 22 de decembro de 1951, p. 62)

Endebén, como bo “discipre”, Blázquez comprométese a seguir todas as indicacións que lle faga chegar “o mestre”:

Non pode Vde. maxinar cánto lle agradezo o traballo que por miña culpa se tomou, e nin que decir ten que seguirei ao pé da letra todas as suas suxerencias e observacións. E aínda farei mais: tratarei de suprimir, no tocante a biografia e poética dos trovadores, todo aquilo que non tenha unha base de certa possibilidade. (Epistolario Blázquez, 14 de xaneiro de 1952, p. 22)

Mais a revisión non avanzou tan lixeira como podían prever inicialmente, pois, á vista de que a Escolma precisaba un repaso a fondo, Lapa tomou o traballo a peito e dedicoulle tres meses máis. Finalmente, contra os finais de marzo, envía o texto revisto, mais suxire que se inclúa un glosario, que tamén terá que revisar, nun proceso que se demorará ata 1953:

Tenho o prazer de o informar de que a revisão da sua antologia vai mais depressa do que eu cuidava, pois já tenho revisto mais de metade do trabalho. Calculo que, dentro de três dias, lho poderei mandar. (Epistolario Blázquez, 20 de marzo de 1952, p. 28)
Compreendendo a necessidade que tem da Antologia, mandei-lha ontem registada e com as correcções que me pareceram indispensáveis. O meu prólogo será composto no fim de tudo, depois do Glossário, que precisa de leitura mais atenta. Muitas rubricas vão marcadas com ponto de interrogação. (Epistolario Blázquez, 21 de marzo de 1952, p. 29)
Mando já a lista de palavras, pois tenho receio que lhe faça falta para acabar de imprimir o livro. Vão mesmo a lápis as minhas notas; se tiver alguma dificuldade na leitura, diga. Quando inutilizo os sinais de interrogação, quer isso dizer que está bem. (Epistolario Blázquez, 13 de xaneiro de 1953, p. 31)

Del Riego e Blázquez tamén lle pediran a Lapa que prologase a Escolma, o que o colocou nunha posición comprometida (pois estimaba que o traballo carecía do rigor filolóxico esixible), pero que finalmente aceptou facer, despois de constatar que a obra estaba “melhorada” dabondo para a finalidade divulgativa que tiña, e visto que você [Del Riego] também gostaria de que o fizesse (Cartas, 15 de marzo de 1952, p. 60). O profesor portugués comeza o seu limiar referíndose ao fenómeno do neotrobadorismo —a corrente poética inspirada na lírica medieval—, en cuxo cultivo o prologuista salienta os nomes de Bouza-Brey, Álvaro Cunqueiro e o propio X. M.ª Álvarez Blázquez. A seguir, gaba o bo gusto poético que guiou a selección das cantigas, evitando a referencia aos criterios filolóxicos de edición dos textos, e exalta a lírica trobadoresca como expresión do génio galego-português, ora virado para as delicadas efusões do lirismo, ora dado à galhofa irreverente e bragada. Sinala que a lingua e a cultura galego-portuguesas orixinarias teñen o seu berce na faixa de território que ia, pelo menos, do Douro ao Cantábrico, reiterando unha idea na que insistiu arreo. Segundo el, esta rexión deitava, não há dúvida, homens parecidos física e mentalmente, que traziam consigo um velho substrato de cultura que a todos irmanava. Isto é, apunta á existencia signos dunha etnicidade ancestral, orixinaria, tanto de raza coma de psicoloxía (Volksgeist), partillada pola poboación desa área. O limiar remata con esta apelación:

É essa irmandade que convém acentuar, se quisermos entender algumas das essenciais modalidades do nosso temperamento. Obras como esta Escolma são para isso contributos preciosos. Oxalá que o exemplo frutifique, e vejamos daqui por diante galegos e portugueses empenhados na tarefa comum de cultivarem o seu próprio jardim, criando nele flores de bom aroma, para admiração e regalo de todos, voltando assim à modelar competição e solidariedade do século XIII. (Lapa 1952, pp. 9-10)

Do encargo de revisión da Escolma de Álvarez Blázquez derivouse unha consecuencia inesperada. En carta a Del Riego, Lapa asegura que a lectura e comentario da antoloxía de Álvarez Blázquez me despertou a velha ideia da edição das cantigas de maldizer [...] em que trabalharei à vontade, e que entregarei a Galaxia, se assim o quiser (Cartas, 22 de decembro de 1951, p. 53). Isto está confirmado pola correspondencia de Lapa con Álvarez Blázquez, a quen comenta, case en simultáneo coa carta anterior: É curioso o que lhe vou dizer. Há anos que ando com desejo de fazer a edição das cantigas de maldizer. A sua Antologia aguzou-me o apetite e penso agora tratar a valer a coisa (Epistolario Blázquez, 21 de decembro de 1951, p. 20). Pouco máis tarde insiste: continuo com o trabalho, bem árduo, da restituição das cantigas de mal dizer. Se não fosse a sua Antologia, que veio acordar a antiga ideia, não teria ainda metido mãos à obra (Epistolario Blázquez, 29 de xaneiro de 1952, p. 24)11.

O filólogo sabía que este proxecto non era realizable da noite para a mañá, e inicialmente calculou que o traballo lle levaría tres anos: Claro que a edição que projecto não tem prazo marcado, mas não poderá estar pronta em menos de 3 anos. É o osso mais duro de roer dos Cancioneiros, que exige investigações pormenorizadas (Cartas, 22 de decembro de 1951, p. 62). Finalmente, en vez de tres anos, foron trece, pois a edición da obra veu a lume en 1965, mais o resultado pagou a pena, xa que constitúe un auténtico monumento da ciencia filolóxica.

Nun artigo encomiástico publicado en Grial, Salvador Lorenzana —isto é, o noso Del Riego— ponderou atinadamente o que supuña esta obra —a obra capital na carreira científica do Dr. Rodrigues Lapa como medievalista, asegura— en termos de dificultade e, por tanto, de mérito:

Si esiste nos eidos da nosa poesía medieval unha tenza que esixía un labor abraiante de pescuda e crarexamento, non hai dúbida que isa tenza é a das cantigas de maldecir e de escarnio. Non só polas dificultás de leitura das versiós manuscritas dos poemas, sinón polo abondoso das alusiós persoás, que fan, ás vegadas, imposíbel a interpretación, e mesmo polo deturpamento dalgús dos documentos no que os textos se conservan. (Lorenzana 1964, pp. 156-157)

A valoración que fixo sobre esta obra un especialista como Ramón Lorenzo concorda basicamente coa de Del Riego:

Este libro representa un esforzo importantísimo, no que Lapa tentou facer unha edición crítica completa de toda a poesía deste xénero, tentativa que se facía por primeira vez no seu conxunto con criterios filolóxicos serios e que ten grandes acertos, sabendo como é moi difícil reconstruír ás veces unhas copias tan deterioradas. (Lorenzo 1989, p. 535)

UN PROXECTO ACARIÑADO, MAIS APRAZADO (1955-1960)

A partir da carta que citamos antes, e sobre todo de 1956 en diante, no epistolario Lapa / Del Riego pode seguirse todo o proceso de elaboración e de edición das Cantigas d’escarnho e maldizer. Del Riego non foi só o encargado da produción, senón tamén un constante fornecedor —xunto a Ramón Piñeiro— de materiais bibliográficos que o filólogo solicitaba decontino, xogando deste xeito un papel similar ao que tivo na redacción da Historia da literatura galega contemporánea de Ricardo Carballo, que se elaborou en paralelo á obra de Lapa, pois o seu primeiro volume veu a lume en 1963. Só que no caso das Cantigas d’escarnho a elaboración da obra foi moito máis demorada e complexa polas propias dificultades do texto, porque o libro se imprimía en Coimbra e porque o seu autor estivo viaxando intermitentemente de Portugal ao Brasil, con estadías prolongadas na outra beira do Atlántico. A obra foi custeada enteiramente por Galaxia pero foi materialmente realizada pola tipografía da Livraria-Editora Atlântida de Coimbra, baixo a supervisión directa do seu autor.

Del Riego tentou unha primeira visita a Anadia a mediados de 1956, probablemente con vistas a encamiñar a edición do libro, pero, a xulgar polo que se le na correspondencia entre Lapa e Blázquez, as autoridades franquistas impedíronlle viaxar a Portugal12. De todos os xeitos, cando Lapa estaba preparando esta súa segunda viaxe ao Brasil, asegura nunha entrevista que levará canda si todo material preciso, y en tierra brasileña espero ponerle punto final (Labrada 1957). A pesar destas declaracións públicas, non debía ver todo tan claro, pois en carta a Del Riego reflexiona sobre os problemas que presentaría a edición das Cantigas d’escarnho e maldizer en Galicia:

Tenho pensado muito na edição das Cantigas de maldizer, que interrompi por estar a fazer uns livros para o Brasil. A minha promessa de entregar a edição a Galaxia está em pé: só tenho uma palavra. Mas há dificuldades que teremos de vencer. Primeiramente, é necessário ver se a Censura espanhola autoriza a edição […]

Em segundo lugar, há o problema da revisão, que me preocupa imensamente […] Julgo pois que a esta deve ser feita com o tipo manual, novo, e não em máquinas de compor. Aliás, hão de ser fundidos tipos especiais, sob a minha indicação. Considero esta a grande dificuldade [...]

Há ainda um terceiro ponto para que lhe quero chamar a atenção. Atravesso já há tempos um período difícil na minha vida e, sem aspirar a grandes lucros, que a obra literária não comporta, não posso deixar de querer tirar aquilo que é razoável que se tire de uma edição destas. Ora, a empresa não tem grandes fundos. Como pensam realizar uma edição dessas, que vai sair cara, evidentemente? (Cartas, 27 de marzo de 1957, p. 127)

Descoñecemos a resposta de Del Riego. Supoñemos que tranquilizaría Lapa sobre a censura, daría a súa aprobación ás propostas referidas á composición, tipografía e edición e garantiría financiamento. Canto ao último punto, o certo é que non sabemos nada de como se financiou esta custosa edición, mais talvez non sexa descabido conxecturar que se fixo realidade grazas ás achegas dalgúns dos mecenas galeguistas que fixeron posible a actividade editorial de Galaxia. O que si é obvio é que os galeguistas deran grande importancia a esta empresa, non só pola súa dimensión filolóxica, mais polo prestixio que podería atraer para a propia editorial e para a lingua galega, incluso no ámbito internacional.

A PRODUCIÓN DAS CANTIGAS D’ESCARNHO E MALDIZER (1960-1965)

Despois de case tres anos no Brasil, en xaneiro de 1960, o noso filólogo regresa a Portugal, e está tan decidido a retomar o proxecto que a finais de marzo informa das súas xestións coas oficinas tipográficas da librería Atlântida cara á edición das Cantigas d’escarnho coa que acorda que o libro se comporá manualmente (Cartas, pp. 141-142). Inmediatamente despois viaxa a Vigo para tratar do asunto con Del Riego. Co gallo desta visita, este faille unha nova entrevista, na cal Lapa suxire que, á vista das dimensións da obra, sería conveniente llamar la atención sobre ella de ciertos organismos portugueses y brasileños, como la Fundación Gulbenkian, el Instituto Nacional do Livro [do Brasil] y la Casa de Rui Barbosa [de Rio de Janeiro] (Lorenzana 1960, p. 7). Sen dúbida, tratábase non soamente de procurar apoio económico, senón de dotar o proxecto dunha dimensión galego-luso-brasileira. Ignoramos que xestións se fixeron, mais, fose como fose, estas colaboracións non se deron conseguido.

Inicialmente, Del Riego e Lapa acordan que o libro teña unha tiraxe común de 800 exemplares e outra de luxo, para bibliófilos, de 200; pero logo trasacordan e deciden que a edición común será de 1000 exemplares (Cartas, p. 155). Tratan tamén do orzamento e do cobro dos dereitos de autor que corresponden a Lapa: 10% sobre o prezo da capa, dereito a certo número de exemplares e pagamento á medida da venda (en realidade, Lapa cobrou boa parte dos dereitos en anticipos, con que sufragou, entre outras cousas, as súas viaxes a Galicia deses anos). Lapa calcula que a edición dará a Galaxia un lucro líquido de 100000 escudos, isto é, arredor de 200000 pesetas, e comenta: Tinha orgulho e alegria de que assim sucedesse (Cartas, p. 155). Acórdase tamén redactar un prospecto publicitario en tres versións, galego, castelán e portugués, e que a Livraria Atlântida sexa a representante de Galaxia en Portugal e a Livraria Académica do Rio de Janeiro no Brasil (Cartas, p. 158)13.

Unha vez impreso o prospecto, comeza a propaganda para conseguir subscritores. Algúns filólogos recibirán o libro de balde, e incluso uns poucos, de nomeada e influência, deberán recibir as follas conforme fosen saíndo da impresión: Menéndez Pidal, Joan Corominas, Joseph Piel, Silvio Pellegrini, Pierre Le Gentil, Celso Cunha e Serafim da Silva Neto. Por parte, cómpre determinar o prezo en pesetas, escudos e cruceiros (Cartas, 21 de setembro de 1960, pp. 162-163). A mediados de ano, Lapa ponse com suma diligência a rever o original do trabalho, que estava teoricamente acabado e atópase con que surgem problemas a cada passo, que me obrigam a consultas demoradas, e às vezes laboriosas, de xeito que a coisa vai devagar (Cartas, p. 159).

Na véspera da súa terceira viaxe ao Brasil, con destino en Belo Horizonte vía Rio de Janeiro, escríbelle a Del Riego dando indicacións sobre varios asuntos, e solicita: todo quanto aí se publicar em galego ou que me interesse, é favor endereçar-mo (Cartas, 16 de decembro de 1960, p. 165). Non ben chegado ao Rio, ponse en contacto coa Livraria Académica e pídelle a Del Riego que lle remitan 200 prospectos da edición das Cantigas, ao tempo que recoñece que o ritmo de trabalho da tipografia afrouxará um pouco no Brasil, devido aos meus afazeres. Así e todo, comprométese a que daqui a um ano, remataremos com energia a obra, e asegura que vai urxir a tipografía para que comecen a impresión das primeiras follas (Cartas, 23 de decembro de 1960, p. 166).

Xa desde Belo Horizonte, prega notícias do andamento da edição, pelo que respeita à propaganda, especialmente sobre o envío de prospectos e a recepción de pedidos. Confesa que o traballo vai moi amodo e calcula que o libro subirá ás 900 páxinas, en vez das 750 inicialmente previstas. No verán comunica que vai meter mão nas Cantigas d’escarnho, aproveitando que o goberno brasileiro pechou as universidades. A composición tipográfica xa vai alén da páxina 120, pero Del Riego debe desenganarse sobre o pronto remate da obra, calculando un novo prazo que, pola súa vez, se revelará tamén optimista de máis: não compartilho o seu optimismo de que a obra esteja pronta no começo de 1962. Se estiver no fim de 1963, será grande coisa (Cartas, 28 de agosto de 1961, p. 171).

Nestas, acontece un imprevisto que retrasa o regreso de Lapa a Portugal. O seu neto Fernando négase a ir matar pretos para a África —isto é, a enrolarse no exército portugués para facer o servizo militar— e foxe ao Brasil, cousa que escangalhou os meus planos: non poderá regresar ata os fins de 1962 (Cartas, 22 de outubro 1961, p. 172). Así e todo, promete: vou dar um impulso maior às Cantigas, para as termos prontas em 1963 (Cartas, 16 de novembro de 1961, p. 173). O progreso atráncase nas cantigas satíricas do trobador Lopo Lias —uma figura curiosa, e um tanto enigmática (Cartas, p. 189)—, ás que dedicará un estudo específico e que tratará nun seminario en Compostela (1964), como despois se verá; así e todo, Lapa asegura hei-de fazer todo o possível por que esteja pronta (impressa) em Agosto ou Setembro de 1963. Engade que debe ir acompañada dun glosario dunhas cen páxinas, de que haberá que facer separata cunha tiraxe de 1000 exemplares. Naquela altura, cumpría dobrar o prezo da inscrición brasileira, por causa de depreciación do cruceiro (Cartas, pp. 177-181).

A finais de 1962 retorna a Portugal decidido a dar novo pulo á edición, mais agora a tipografía traballa lenta, porque tem em obra uma edição das Cantigas de Santa Maria, a preparada por Walter Mettmann, alumno de Joseph Piel (Cartas, 27 de xaneiro de 1963, p. 172).14 En maio de 1963 viaxa a Vigo para dar a conferencia inaugural con que se abre a Biblioteca Penzol, sobre a que volveremos máis adiante. Naquela altura, calcula que a edición não deve estar pronta antes do fim do ano (Cartas, 14 de marzo de 1963, p. 187). De feito, en setembro, coas follas impresas alén da páxina 400, estima como o mais provável que a edición estea lista en abril-maio de 1964. Dado que xa está impresa a metade da obra, segundo o previsto no contrato, Galaxia debe aboar a Atlântida a metade do custo total orzado.

Novamente desde Belo Horizonte, liberado das súas obrigas universitarias por mor da súa denuncia dun concurso universitario fraudulento, en que, por nepotismo, se concede a praza de literatura portuguesa a un profesor incompetente15, disponse a revisar as probas da edición e asegura que o libro sairá do prelo en maio de 1964 (Cartas, 13 de outubro de 1963, p. 195). Finalmente, ten que acurtar a súa estadía no Brasil e torna a Portugal en febreiro de 1964, o que lle permite planear un seminario filolóxico para celebrar en abril dese ano en Compostela, que tratará das cantigas de Lopo Lias. Nesta altura sabe xa que tampouco vai ser posible cumprir este novo prazo por causa da elaboración do Vocabulario: como el mesmo di, resulta que, como afirma o dito popular, o rabo é o mais difícil de esfolar (Cartas, 12 de xaneiro de 1964, p. 201, e 22 de febreiro de 1964, p. 202).

No número 2 de Grial, de finais de 1963, dáse como inminente a saída do libro, e ponse de vulto o xustificadísimo orgullo de Galaxia por esta edición:

Quizabes en ningunha lingua do mundo se insultou tan ardidamente, con tanta ira e sabor, e se espiu o home con máis aceirada, irónica, amergurada lingua. Nunca houbo linguas tan libres e acedas […] Xa se están imprentando as Cantigas d’escarnho e maldizer, e dos máis altos centros universitarios europeos e de América chegan á editorial Galaxia solicitudes de exemplares. Os nomes máis importantes da filoloxía románica louvan o espléndido propósito editorial e agardan con impaciencia o intre de ter nas súas mans o grande monumento satírico, sen dúbida impar na literatura universal […] A publicación desas cantigas era obrigada, e sen dúbida a maior aportación ó coñecemento da literatura medieval de Occidente realizada nos derradeiros tempos. (Labrada 1963)16

Non obstante, a imprenta da Atlântida recibe o encargo doutro proxecto editorial importante, neste caso pola Fundación Gulbenkian, o que implica novos atrasos (Cartas, 28 de xuño de 1964, p. 207). Lapa pasa o verán atarraxado à mesa de trabalho, fazendo o Vocabulário das Cantigas (Cartas, 6 de agosto de 1964, p. 209), e así e todo, o trabalho da Tipografia teve outro compasso de espera polas vacacións dos empregados (Cartas, 13 de setembro de 1964, p. 211). Impacientes polo remate da obra, Del Riego e Lapa tratan dos adiantos que este solicita polos dereitos de autor e mais do número de exemplares das edicións común e de luxo e do Vocabulario que lle corresponden. Agora Lapa estima que o libro virá a lume en novembro, mais na Tipografia, o trabalho adormeceu um pouco, apesar dos protestos de que seguiria agora rapidamente até o fim. Só falta a impresión de vinte páxinas do Vocabulario e quince do prefacio; mais cómpre revisar á alza o prezo de venda ao público (Cartas, pp. 211-213).

Segundo Lapa, o xerente da Livraria Atlântida, Lopes Cravo, está confiado no éxito da obra, o que dá azo para un comentario xocoso: Disse-me também que o livro se esgotará rapidamente, não só por ser um trabalho científico de consulta obrigatória, como ainda por ser uma obra escandalosa (!). Possivelmente terá razão. Veja no que eu vim a dar: autor de livros obscenos!. Ao que engade: Seja tudo para o benefício de Galaxia, mas nunca esperei, confesso, que o livro pudesse ter 2ª edição (Cartas, 5 de novembro de 1964, p. 214). Nesta mesma carta, consulta a Del Riego sobre a dedicatoria, que é toda unha declaración de devoción polo noso país: Á Galiza de sempre, raiz anterga da nosa cultura, adico afervoadamente iste libro. Pouco despois, anuncia a inminente saída do volume, asegurando Sei que você está ansioso por ver o fim à obra; mas não está mais do que eu, creia. Sinto-me feliz em ter podido, antes de morrer, ofertar o meu melhor livro à Galiza mater (Cartas, 3 de decembro de 1964, p. 214). O libro viría finalmente a lume en febreiro de 196517.

Para pórlle o ramo a tan agardada edición, magnífica como obra académica e soberbia como produto editorial, un grupo de galeguistas faille unha visita sorpresa a Anadia. Dispoñemos dos testemuños das impresións desta visita que nos ofrecen Ramón Piñeiro e o propio Lapa. A felicidade, a emoción e a gratitude mutua que translocen estes testemuños aforran comentarios. O primeiro aparece nunha carta de Ramón Piñeiro en que relata a visita a Anadia por mor de facerlle entrega da edición das Cantigas a Lapa (Correspondência, p. 313):

Compostela, 5/3/1965

Sr. D. M. Rodriguez Lapa

Anadia

Benquerido e lembrado amigo:

Desque voltamos de ahí, unha chea de atafegos apremiantes foron roubándome o tempo desconsideradamente. Mas non me borraron a lembranza de convivencia luso-galega ahí no “Quintalinho”. No meu ánimo, a aparición da edición das Cantigas d’escarnho estará perennemente asociada à lembranza desas horas tan cheas de cordialidade sincera e de xentil xenerosidade. Lembro cada hora, e mesmo podería asegurar que cada minuto, da nosa permanencia ahí con grande acuidade: a chegada, silandeira pra o pillar de sorpresa, ó seu gabinete de traballo; a enorme emoción de ter nas propias maos o primeiro exemplar das Cantigas e poder brincar cos ollos dunha folla noutra mentres medraba o íntimo asombro i a rendida admiración diante de tan logrado esforzo; a visita ó Crasto, nalgún tempo, sen dúbida, habitado por ‘mouros encantados’ e por máxicos tesouros, como todolos castros galegos, hoxe ahí transformados en fabulosas ringleiras de garrafas de champán; a chimeneia, tan ben abastada de cepas de vide e tan ben disposta a presidos co seu lume amoroso o noso amistoso latricar; o delicadísimo cabrito que mandou preparar dona Inês, de certo mellor que os que facían as delicias dos vellos trovadores —e da mesma Maria Balteira— cando Alfonso X os convidaba a xantar no seu pazo; a visita matinal a Coimbra i o plácido paseo á beira do Mondego; o ‘leitão’ churruscadiño servido por aquelas mozas formosas e reboludas que tanto impresionaban a sensibilidade hedonística do noso amigo Paco; en fin, todo, todo é pra min motivo de grata lembranza. E, naturalmente, de fonda gratitude.

Lapa responde a esta carta do seguinte xeito:

Anadia, 18 de março de 1965

Meu caro Ramón Piñeiro

Guardo a sua última carta como un documento histórico e psicológico de grande valor. Nunca o senti tão cordial e tão aberto como desta vez, filósofo amigo, e até tão derramadamente lírico! Bem haja pela confidência que me faz do seu coração. Senti que todos vocês estavam radiantes com a publicação do livro, e compreendi perfeitamente essa expectativa quase ansiosa por um trabalho que se arrastava há 5 anos. A minha ansiedade não era menor: temia que uma trombose me levasse antes de concluir a obra. Sou feliz, por tê-la acabado: agora já posso morrer. [...] Acabo de lhe mandar um exemplar da edição especial. O mesmo fiz para o Del Riego e para o Dr. Sabell. Sei que este já tinha reservado um na Editorial; mas a verdade é que, por suas muitas atenções, lhe devia esta oferta. (Lapa 2023)

Pouco despois, en abril, Lapa viaxa coa súa esposa a Santiago e instálanse nun piso cedido por García-Sabell no segundo andar do edificio na rúa Xelmírez en que vivía Piñeiro, sobre quen Lapa escribe a Del Riego: Tenho uma excelente companhia na pessoa de Piñeiro. Aprecio muito este rapaz, sua cultura, bonomia e profunda galeguidade (Cartas, 25 de abril de 1965, p. 221). No mes de maio, Lapa é obxecto dunha homenaxe en Compostela promovida por mozos galeguistas18.

Ao parecer, de primeiras o libro conseguiu unhas boas vendas (Cartas, 27 de marzo de 1964, pp. 218 e 228-229), malia os problemas de distribución no Brasil (Cartas, pp. 224, 235 e 240). A mediados de 1966 bótanse contas e Lapa semella decepcionado: Mando-lhe hoje as contas da Atlântida relativas à venda das Cantigas durante o semestre. Não são brilhantes, e eu esperava mais. A edición común ía ben, mais, confesa, pola contra, temos de reconhecer que a edição especial está sendo um malogro e a do Vocabulário outro (Cartas, 28 de xuño de 1966, p. 242). Con todo, mantén a esperanza de que por fin se poida comercializar o libro no Brasil e iso axude a mellorar o resultado económico (Cartas, p. 244).

De feito, a finais de 1967 a primeira edición pode darse por esgotada, e Lapa, gratamente sorprendido, propón facer unha segunda: Confesso que nunca julguei que o pesado volume, tão caro para mais, se vendesse tão rapidamente (Cartas, 5 de decembro de 1967, pp. 262-263). Unha das cousas que máis o satisfai é comprobar que o seu traballo vai dar rendementos a Galaxia: estou sinceramente satisfeito como o êxito da edição, não tanto por mim mas mais ainda por vocês, que tiveram um ganhonzinho, que lhes faz muito jeito, dado o carácter deficitário da maioria das edições (Cartas, 7 de xaneiro de 1968, p. 267). Se interpretamos ben as contas que el mesmo bota, Lapa acabou cobrando en concepto de dereitos de autor desta edición máis de 30000 escudos (isto é, arredor de 70000 pesetas) pola venda da obra.

A SEGUNDA EDICIÓN DAS CANTIGAS D’ESCARNHO E MALDIZER (1967-1970)

Como xa en 1964 manifestara a Del Riego en carta que citamos atrás, na misiva a Piñeiro que acabamos de reproducir parcialmente, Lapa opina que lle semellaba improbable que a obra chegase a ter unha segunda edición, aínda que admite, en ton de broma, que o carácter escabroso dalgunhas cantigas pode ter atractivo para o público:

Nunca pensei na hipótese de termos uma 2ª edição. Dizem os entendidos que é possível que a tenhamos. Receio que isso se deva não aos méritos do trabalho, como obra científica, mas ao forte aroma de suas obscenidades. Veja o que me havia de acontecer no final da vida: ser autor de livros pornográficos! Seja tudo por amor da Portugaliza.

Non obstante, á vista do rápido suceso da obra, decidiuse facer unha segunda edición, que apareceu en 1970, “revista e acrescentada”. A través das súas cartas a Del Riego dos anos 1968-1969 pódese seguir o proceso da súa preparación. Así, en maio de 1969 Lapa cóntalle ao seu correspondente en Vigo:

A reedição das Cantigas d’escarnho tem corrido regularmente. Já estamos a médio do trabalho e, se não houver algum contratempo, espero que ele esteja pronto no fim do ano. Têm sido largamente aproveitadas as edições críticas dos filólogos italianos. A última que saíu, de Luciana Picchio, sobre Martin Moya [=Moxa], é verdadeiramente exemplar. (Cartas, 7 de maio de 1969, p. 280)

A obra viría a lume a finais de 1970, e con tal motivo Lapa organizou una Semana Cultural Galego-Portuguesa en Coimbra, que decorreu en xaneiro de 1971 coa participación pola parte galega de Ramón Piñeiro, Ricardo Carballo Calero, Ramón Lorenzo (que non puido asistir) e do propio Del Riego como presentador dos palestrantes galegos, e da parte portuguesa, con Joseph Piel e o xeógrafo Orlando Ribeiro. Na correspondencia con Del Riego tamén se recollen informacións sobre outros aspectos desta segunda edición, por caso, bótanse contas dos dereitos de autor (Cartas, 13 de maio de 1975, p. 343), e dise que en 1976 xa estaba esgotada en Portugal (Cartas, 23 de maio de 1976, p. 352).

Evidentemente, a produción desta magnífica obra non esgota o campo das relacións entre Lapa e Del Riego, sobre as que proximamente publicarei unha pequena monografía, pero, sen dúbida constitúe un exemplo ben ilustrativo da devoción do filólogo de Anadia por Galicia, da súa colaboración co galeguismo resistente, particularmente, co nucleado arredor da editorial Galaxia, e do papel sobranceiro que Del Riego tivo en todo isto.

NOTAS

1

Eses son os termos que emprega para autodefinirse en carta ao embaixador de Portugal no Brasil, recollida en Marques et alii (1997, p. 297). Para enviar a esta obra, abreviaremos Correspondência, indicando a data da carta no caso de que o estimemos pertinente, e sempre a seguir o número de páxina.

Para a súa relación co Partido Socialista Português véxase Rêgo (1984). Intervencións especificamente políticas, como a serie de artigos “Em prol da democracia” (publicados en 1949 no xornal O Estado de São Paulo), a súa intervención no II Congresso Republicano de Aveiro de 1969 ou os seus discursos en comicios do PSP en 1975 e 1976 e entrevistas sobre a actualidade política poden verse en Lapa (1983, pp. 81-118, 187-192, 243-252 e 263-287). Un resumo apertado pero moi atinado da súa traxectoria ofréceo Palma-Ferreira (1984).

2

En resposta a un ofrecemento de “possível colaboração de jovens intelectuais galegos” naquela revista, Lapa advirte en carta a Del Riego do 9 de agosto de 1950: A Seara [Nova] é uma revista de esquerdas, com feição mais ou menos socialista, e de aberta oposição ao régime actual. Véxase Lapa (2001, p. 19). Dado que, por razóns obvias, imos citar profusamente este epistolario, enviaremos a el abreviando Cartas e expresando entre parénteses a data da misiva, seguida da indicación de páxina.

3

Para a relación entre Lapa e Álvarez Blázquez, véxase Álvarez Cáccamo (2008) e Montero Santalha (2008), que edita as cartas do filólogo portugués ao intelectual galego. Remitiremos abreviadamente ao segundo como Epistolario Blázquez.

4

As cartas de Lapa a Carballo Calero están editadas en Alonso Girgado, Caamaño Pérez e Piñeiro Pais (2020, pp. 91-122). Nas páxinas 141-149 deste volume reprodúcense tamén cinco misivas de Carballo Calero ao filólogo portugués.

5

Cómpre salientar, en sentido positivo, dúas achegas, que, malia o seu carácter encomiástico e a súa perspectiva parcial, paga a pena consultar: Montero Santalha (1984), que ofrece unha síntese da relación de Lapa con Galicia, e Rodríguez (2000), que presenta o seu ideario lingüístico dun xeito razoablemente obxectivo e matizado. Un resumo apertado do seu labor académico pode verse en Lorenzo (1989).

6

Véxase esta afirmación: La existencia de esa lengua y esa cultura [galegas] es para nosotros, portugueses, una cosa preciosa, su obliteración representaría una pérdida irreparable, porque es a través de ella como nosotros podemos reconstruir hoy algunas de las formas primitivas de nuestra propia civilización (Lorenzana 1960, p. 8; salientado noso).

7

Véxase nese Arquivo a unidade documental composta FR-CA-235/005 Manuel Rodrigues Lapa. Esa unidade consta de varios documentos de Lapa e do propio Del Riego, ademais dun conxunto de recortes de prensa, incluíndo varios dos artigos deste sobre aquel e as entrevistas que lle fixo. Agradezo vivamente ao arquiveiro Benito Ramírez Abal e á directora técnica da Penzol, Marián Vidal Fraile, a súa axuda para localizar estes fondos.

8

Na década de 1960 e primeiros anos de 1970 a troca epistolar entre Lapa e Piñeiro foi bastante asidua, como proban as noventa e unha cartas enviadas polo primeiro, datadas entre o 18 de maio de 1953 ao 22 de febreiro de 1978, que forman parte do fondo de Piñeiro custodiado na Fundación Penzol de Vigo, e que se poden ler no espazo web do Consello da Cultura Galega (Lapa 2023).

Chama poderosamente a atención o feito de que no legado de Rodrigues Lapa custodiado na Fundación Penzol se conserven moi poucas cartas destes dous galeguistas ao profesor portugués. Na Correspondência reprodúcense algunhas, que, curiosamente, non se atopan na Penzol. Tamén cómpre ter en conta a correspondencia coetánea entre Piñeiro e Del Riego: Un epistolario de Ramón Piñeiro (2000). Remitiremos abreviadamente a esta obra como Epistolario, indicando o número de páxina.

9

En particular, Nunes (1984), sobre a súa etapa universitaria, e Delgado (1984); Rêgo (1984), sobre a súa ideoloxía e compromiso cívico e político; e Montero Santalha (1984), no tocante á súa relación coa cultura galega.

10

Escolma de poesía galega I. Escola medieval galego-portuguesa (1198-1346) (1952). Edición, notas crítico-biográficas e glosario de Xosé M.ª Álvarez Blázquez, limiar do prof. M. Rodrigues Lapa. Realmente, o libro veu a lume nos inicios de 1953, como se ve pola correspondencia con Blázquez. Máis adiante sairían os volumes correspondentes a Os contemporáneos (1955) e O século XIX (1957), preparados por Del Riego, en canto que o último, Do século XIV ó XIX (1959), sería arranxado tamén por Blázquez.

11

Na primeira carta tamén se confirma que Lapa quería que o editor do seu traballo fose galego, pero neste momento considera a posibilidade de que a edición se fixese en América: é natural que o meu editor seja galego, da Galiza ou da América. Por esta mesma correspondencia sabemos que Xosé Filgueira Valverde tamén andaba tentando preparar unha antoloxía da lírica medieval, para a que, segundo Blázquez, pretendía contar coa colaboración de Joseph Piel. Lapa mostra a súa sorpresa por esta colaboración, que lle é desmentida polo propio Piel, segundo confía a Blázquez (Epistolario Blázquez, pp. 31-32). Esta iniciativa de Filgueira e outra de recolla de vilancicos galegos dos séculos escuros (Epistolario Blázquez, pp. 22-25) son tamén comentadas con desaprobación por Lapa na súa correspondencia con Del Riego (Cartas, pp. 51-52, 60, 78).

12

Recebi carta de Del Riego, contando-me o sucedido. É caso para dizer: o homem põe, e Franco dispõe. Quando nos veremos livres desta imundície cá e lá? Sendo assim, entendo que será melhor adiar a visita para momento mais favorável. Das palabras de Lapa nesa mesma carta dedúcese que Blázquez lle pedira a Lapa que os recibise a el e a Otero Pedrayo, acompañados doutras persoas (Filgueira Valverde?), o que suscita a seguinte resposta: Teria o maior prazer em recebê-lo em companhia de Otero Pedrayo, por quem nutro a maior admiração. Mas não seria talvez justo que recebesse na minha intimidade defensores dum regime, que acaba de proibir de modo tão brutal a visita dum meu amigo como é Del Riego. Seria ofender esse amigo. Estou convencido de que compreenderá as minhas razões. Tudo isto deixa no meu espírito um ressaibo de amargura e profunda indignação (Epistolario Blázquez, p. 43).

13

A reacción de Ramón Piñeiro ante a noticia destes tratos de Del Riego con Lapa é de completa satisfacción: Levaches admirabelmente ben a xestión diplomática con Lapa. As condicións son as mellores. Tratábase dunha xestión delicada e difícil e resolvíchela de xeito excelente (Epistolario, 20 de abril de 1960, p. 172).

14

Esta obra saíu en catro volumes, tres de texto e un de glosario. O primeiro volume veu a lume en 1959, o segundo é de 1961, e o terceiro é de 1964; o cuarto sairía do prelo en 1972.

15

Véxase o artigo “A literatura portuguesa no Brasil. À margem de um concurso em Belo Horizonte”, orixinalmente publicado en Seara Nova e reproducido en Lapa (1983, pp. 133-147).

16

O artigo vén asinado coas iniciais A. L., que interpretamos como siglas de Álvaro Labrada, pseudónimo empregado por Álvaro Cunqueiro.

17

Véxase a recensión de Ricardo Carballo Calero en Grial (1965).

18

Véxase a carta que co gallo desta homenaxe lle enviou Xosé L. Fontenla Rodríguez (Correspondência, p. 319).

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS

Alonso Girgado, Luís; Caamaño Pérez, Laura; e Piñeiro Pais, Laura (2020). Santiago Montero Díaz e Manuel Rodrigues Lapa: cartas a Carvalho Calero. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.

Álvarez Blázquez, Xosé María, ed. (1952). Escolma de poesía galega I. Escola medieval galego-portuguesa (1198-1346). Vigo: Galaxia.

Álvarez Cáccamo, Celso (2008). Álvarez Blázquez e Lapa: História duma colaboração. Xosé María Álvarez Blázquez (1915-1985) [web]. A Coruña: Universidade da Coruña.

Barreiros, Cosme [Francisco Fernández del Riego] (1957). O Dr. Rodrigues Lapa enxuicia algus problemas da cultura galega. Galicia Emigrante. 29, 13-14.

Carballo Calero, Ricardo (1965). Cantigas d’escarnho e de maldizer dos cancioneiros medievais galego-portugueses. Edição crítica pelo prof. M. Rodrigues Lapa. Grial. 8, 238-240.

Cartas = Lapa, Manuel Rodrigues (2001). Cartas a Francisco Fernández del Riego sobre a Cultura Galega. Vigo: Galaxia. Edición de Francisco Fernández del Riego.

Cepeda, Isabel Vilares (1997). Bibliografia do Prof. Manuel Rodrigues Lapa. Confluência. Revista do Instituto da Língua Portuguesa. 14, 11-32.

Colectânea de Estudos em Homenagem a Rodrigues Lapa. Anadia: Câmara Municipal de Anadia, 1984.

Colóquio Internacional. Curia 1997. Conmemorações do Centenário do Nascimento do Professor Doutor Manuel Rodrigues Lapa. Filologia, Literatura e Linguística. [Lisboa]: Fundação Engenheiro António de Almeida, 2000.

Correspondência = Marques, Maria A. et alii, eds. (1997). Correspondência de Rodrigues Lapa. Selecção (1929-1985). Coimbra: Minerva.

Delgado, Alexandre Miranda (1984). Rodrigues Lapa: Suas atividades no Brasil. En: Colectânea de Estudos en Homenagem a Rodrigues Lapa. Anadia: Câmara Municipal de Anadia, 37-43.

Diogo, José Ferraz (1997). Manuel Rodrigues Lapa. Fotobiografia. Anadia: Câmara Municipal de Anadia / Casa Rodrigues Lapa.

Epistolario = Piñeiro, Ramón (2000). Un epistolario de Ramón Piñeiro. Vigo: Galaxia. Edición de Francisco Fernández del Riego.

Epistolario Blázquez = Montero Santalha, José-Martinho (2008). Correspondência entre José Maria Álvarez Blázquez e Manuel Rodrigues Lapa. Agália. 93/95, 5-48.

Fernández del Riego, Francisco (1994). Algunhas notas sobre o filólogo de Anadia. A Trabe de Ouro. 14, 239-245.

Fernández del Riego, Francisco (1997). Lapa identificouse co galeguismo dos anos trinta. A Nosa Terra. 806 (27/XI/1997), 3.

Labrada, Álvaro [Álvaro Cunqueiro] (1957). Viajeros ilustres. El Dr. Rodrigues Lapa, en Galicia. Faro de Vigo. 2/V/1957.

L[abrada], Á[lvaro] [Álvaro Cunqueiro] (1963). O noso cancioneiro de bulras. Grial. 2, 221-222.

Lapa, Manuel Rodrigues (1952). Limiar. En: Xosé María Álvarez Blázquez, ed. Escolma de poesía galega I. Escola medieval galego-portuguesa (1198-1346). Vigo: Galaxia.

Lapa, Manuel Rodrigues (1983). As minhas razões. Memorias de um idealista que quis endireitar o mundo. Coimbra: Coimbra Editora.

Lapa, Manuel Rodrigues (2023). Colección Manuel Rodrigues Lapa con Ramón Piñeiro. Proxecto epístola. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega.

Lorenzana, Salvador [Francisco Fernández del Riego] (1950). Atalaya de Galicia. Un gran medievalista. La Noche. 27/VII/1950, 8.

Lorenzana, Salvador [Francisco Fernández del Riego] (1951a). El doctor Rodrigues Lapa enjuicia algunos problemas de la cultura gallega. Entrevista con el ilustre filólogo. La Noche. 12/IX/1951, 1 e 5.

Lorenzana, Salvador [Francisco Fernández del Riego] (1951b). Atalaya de Galicia. Sobre los orígenes líricos. La Noche. 15/XII/1951, 8.

Lorenzana, Salvador [Francisco Fernández del Riego] (1960). El complejo cultural galaico-luso-brasileño cuenta con ochenta millones de participantes. Entrevista. La Noche. 14/IV/1960, 8 e 7.

Lorenzana, Salvador [Francisco Fernández del Riego] (1964). Rodrigues Lapa e a cultura galego-portuguesa. Grial. 4, 139-158.

Lorenzo, Ramón (1989). Manuel Rodrigues Lapa. Verba. 16, 533-537.

Montero Santalha, José-Martinho (1984). Rodrigues Lapa e a Galiza (Crónica de um longo amor). En: Colectânea de Estudos en Homenagem a Rodrigues Lapa. Anadia: Câmara Municipal de Anadia, 77-93.

Nunes, Maria Arminda Zaluar (1984). Cultura e educação. Professorado. En: Colectânea de Estudos en Homenagem a Rodrigues Lapa. Anadia: Câmara Municipal de Anadia, 57-69.

Pacheco, Fernando Assis (1984). Perfil. Rodrigues Lapa: “o afã insubornável da verdade”. Jornal de Letras, Artes e Ideias. 127, 7-8.

Palma-Ferreira, João (1984). Um clássico moderno. Jornal de Letras, Artes e Ideias. 127, 8-9.

Rêgo, Raúl (1984). Da Seara Nova ao Partido Socialista. En: Colectânea de Estudos en Homenagem a Rodrigues Lapa. Anadia: Câmara Municipal de Anadia, 57-69.

Rodríguez, José Luís (2000). A Galiza “raíz anterga da nossa cultura» ou «a portugaleguidade” de Rodrigues Lapa. En: Colóquio Internacional. Curia 1997. Conmemorações do Centenário do Nascimento do Professor Doutor Manuel Rodrigues Lapa. Filologia, Literatura e Linguística. [Lisboa]: Fundação Engenheiro António de Almeida, 61-78.

Vilares Cepeda, Isabel (1997). Bibliografia do Prof. Manuel Rodrigues Lapa. Confluência. Revista do Instituto da Língua Portuguesa. 14, 11-32.