INTRODUCIÓN
Na personalidade tan diversa de Francisco Fernández del Riego, a faceta de editor talvez sexa unha das dimensións de meirande importancia e, seguramente, unha das máis perdurables1. Cabe calibrar, así a todo, que non se ten prestado toda a atención a este apartado, agás algunhas excepcións. Pódense mencionar, en especial, as achegas de Víctor F. Freixanes (2013, 2023) e a investigación académica de María Dolores Villanueva Gesteira (2015). Certamente, correspondería distinguir unha tripla vertente na traxectoria editorial de Fernández del Riego2. A primeira é a súa dedicación como editor literario, organizando volumes colectivos e individuais. En segundo lugar, precísase atender ao seu papel como promotor editorial, alentando a xestación de libros que sen a súa intervención nunca chegarían a madurar. Por último, non hai que esquecer as súas xeiras como produtor editorial, materializando libros que se non fose pola súa afouteza, en loita neste caso coa censura franquista3, tampouco sairían do prelo.
O propósito deste estudo consiste en aproximarse á tripla vertente delimitada a partir de diferentes mostras representativas no interior de cada unha, en orde cronolóxica. Primeiro, como editor literario, máis ben sucintamente, cos títulos Escolma de poesía galega IV. Os contemporáneos (1955) e Obra completa (1959), de Ramón Cabanillas. Despois, como promotor editorial, máis en detalle, con Á lus do candil. Contos a carón do lume (1953), de Ánxel Fole, Merlín e familia (1955), de Álvaro Cunqueiro, Nimbos (1961), de Xosé Mª Díaz Castro, Leria (1961), de Vicente Risco, e Longa noite de pedra (1962), de Celso Emilio Ferreiro. Para finalizar, no que concirne ao quefacer como produtor editorial, seleccionáronse A esmorga (1955, 1970), de Eduardo Blanco Amor, Vento ferido (1967), de Carlos Casares, e Xente ao lonxe (1972), novamente do narrador ourensán4.
FERNÁNDEZ DEL RIEGO COMO EDITOR LITERARIO
A contribución máis sobresaínte nesta parcela é, sen ningunha discusión, o repertorio Escolma de poesía galega IV. Os contemporáneos. Nesta antoloxía consultada, Fernández del Riego desprega unha función abondo activa, sen se cinguir á recolla das pezas pertencentes aos autores, unha cincuentena en total, que comparecen. Discírnense, de xeito conciso, tres valores esenciais no mostrario: a caracterización filolóxica da literatura galega, a formulación dun cadro canónico da nosa poesía e o establecemento dunha sincronía estética dos participantes5. Máis alá das informacións biobliográficas, cobran interese notable as declaracións autopoéticas, moitas de alcance inestimable, que preceden cada conxunto de composicións. É adecuado pór de manifesto que Escolma de poesía galega IV. Os contemporáneos conquista instantaneamente unha ampla repercusión, como se demostra nunha carta que Ben-Cho-Shey encamiña a Fernández del Riego o 14 de febreiro de 1956: Coido que podes estar satisfeito pol-o estrondo que se armou coa Escolma. [...] Así que recibe a miña felicitación
.
Obra completa, de Ramón Cabanillas, constitúe outra ambiciosa entrega en que Fernández del Riego, por encomenda do Centro Galego de Buenos Aires, agrupa os libros do poeta cambadés, así como numerosas poesías diseminadas en xornais e revistas, en colaboración con el mesmo. O acordo formalízase en 1954, no transcurso dunha viaxe á Arxentina. A finais do ano seguinte, o tomo está practicamente disposto, complementado cun estudo biográfico e literario de Ricardo Carballo Calero e outro lingüístico de Aquilino Iglesia Alvariño. Nun preámbulo denominado “Nota do colector”, Fernández del Riego perfila os criterios que orientan a iniciativa. Por causas alleas á súa intención, sobrevén unha demora no proceso de edición, debido ás dúbidas sobre o lugar en que o volume se estamparía. Ao cabo, os patrocinadores resolven que sexa o territorio galego, mais a censura rexeita a preceptiva licenza. Por esa razón, Obra completa dáse ao prelo en Buenos Aires, con Cabanillas xa falecido (Dasilva 2009a).
Fernández del Riego acomete outros desafíos en condición de editor literario, mais de envergadura menor. É ineludible amentar as antoloxías Escolma de poesía galega III. O século XIX (Galaxia, 1957), Poesía galega. Do dezanove aos continuadores (Galaxia, 1976) e Antoloxía de poesía galega. Do posmodernismo aos novos (Galaxia, 1980). Con respecto a autores por separado, encárgase de Poesías galegas de Francisco Añón (Galaxia, 1966), Vicente Risco: escolma de textos (Real Academia Galega, 1981) e Eduardo Blanco Amor: escolma de textos (Real Academia Galega, 1993). Ademais, ordena as recompilacións Pensamento galeguista do século XIX (Galaxia, 1983) e Pensamento galeguista do século XX (Galaxia, 1983).
FERNÁNDEZ DEL RIEGO COMO PROMOTOR LITERARIO
Aludiu Fernández del Riego (1996, p. 194), explicitamente, á súa vontade constante por restituír escritores anteriores á guerra civil: Na liña dun traballo persoal, silandeiro, propúxenme recuperar para a nosa cultura a antigos galeguistas cos que mantiña vella amizade
. Un modelo ilustrativo está encarnado por Ánxel Fole, que lle debe en medida substancial Á lus do candil. Contos a carón do lume, o primeiro libro que edita6. Con todo, non hai que esquecer o pulo de Ramón Piñeiro, pois no ano 1949 escribía un artigo para o xornal La Noche, co título “O libro que nos debe Ánxel Fole”, o cal se pechaba con esta instigación ao autor: Del agardamos un libro que nos ofreza a visión animada, fonda e comprensiva da paisaxe galega, na que latexan algunhas das raíces vivas do noso ser
(Piñeiro 1974, p. 15)7. Fernández del Riego ten que ver, asemade, en que Á lus do candil. Contos a carón do lume gane o premio de narrativa convocado polo Centro Galego de Buenos Aires en 1952.
O trato epistolar profuso de Fole, que vive xacando na Veiguiña, residencia da familia Quiroga, con Fernández del Riego permite reconstruír fielmente a xénese de Á lus do candil. Contos a carón do lume8. De tal forma, o 14 de decembro de 1950, o primeiro agradece a invitación para cooperar nos plans de Galaxia, posta en marcha hai pouco. Nese mesmo mes, sen tardanza, Fole consulta se acharía oco no seu programa un monllo reducido de narracións que nese momento posúe: Quisiera saber si ese trabajo para Galaxia debe ser precisamente un ensayo. Tengo escritos unos cuentos que forman un pequeño libro. Te podría enviar uno para que juzgues
. O 20 de decembro, Fole reitera a proposta con acesa expectación: ¿Qué te parece un libro de cuentos para Galaxia?
.
Fole ofrece outra volta, en xaneiro do ano seguinte, un mosaico de historias para o que escolleu título, adiantando que o castelán é o idioma: Tengo muy avanzado el libro de cuentos y te enviaré uno para que juzgues. Se titulará Junto al fuego (Cuentos de invierno). Casi estoy tentado de escribirlos en gallego. Son, casi todos, cuentos de miedo
. O 2 de marzo, após a recomendación de Fernández del Riego para que substitúa a lingua, Fole indica que terminou dez contos en galego, se ben recea da súa categoría: Te envío el cuento prometido. Tú verás lo que vale, si es que vale algo. Si te agrada, puedes pasarlo a máquina, y te iré mandando los otros 9 para Galaxia. Creo que este es el más flojo; por eso lo mando de prueba
. Despois comenta do tipo de idioma: El gallego es popular de esta comarca y muy sencillo. Puedes corregir o eliminar lo que te parezca
.
Pasados uns meses, o 30 de setembro de 1951, Fole comunica a Fernández del Riego que está a elaborar unha copia dos textos: Cuando pase a limpio mi libro de cuentos gallegos te lo enviaré. Tú me dirás si puede ser publicable en Galaxia. Creo que tiene interés
. O 22 de decembro anticipa unha remesa de relatos, e aclara que subministrará decontado os restantes: Aparte, certificado te envío el libro de cuentos en dos cuadernos, hoy el primero y mañana el segundo. Lo he tenido que copiar de un gran libro de contabilidad que pesa más del kilo. Estaban en borrador
. Fole encarece a Fernández del Riego un limiar: El primer cuaderno tiene una extensa introducción y seis cuentos. Es mi deseo que tú pongas el prólogo
. E agrega: Tienes que añadir, como último, el cuento que te he enviado. No conservo más que un mal borrador
.
O 17 de xaneiro de 1952, Fole avisa doutro envío, desta vez semella que perentorio. Sen confiar aínda nos contos, volve explicar a clase de galego que manexou. Trátase dun manuscrito que non é lexible doadamente, e delega en Fernández del Riego unha copia mecanografada, o máis previsible para o concurso literario do Centro Galego de Buenos Aires:
Hoy cumplo lo prometido enviándote el libro de cuentos. Supongo que lo podrás leer bien, aunque algunas páginas son como un criptograma. Creo que puede llegar a tiempo. No me hago muchas ilusiones, pues algunos cuentos son flojos. Algunos son oídos, otros inventados completamente, otros, mixtos. [...] En ellos se incorporan muchas palabras usadas aquí, que no figuran en el gallego literario. [...] Las empleo adrede para dar una más completa impresión del gallego hablado. Creo que hay que hacer eso antes de intentar su unificación definitiva. [...] No sé si el número exigido es el de 200 cuartillas. Por si acaso, te enviaré otros tres cuentos. No sabes cuánto te agradezco que lo pases a máquina. Cuenta con otros tres o cuatro cuentos (o cinco) pasado mañana. Me gustaría que tuviese el libro cerca de 200 páginas.
Na documentación salvagardada de Fernández del Riego, existe un mecanoscrito de Á lus do candil. Contos a carón do lume composto por un folio de cuberta e corenta e un folios numerados. No derradeiro, xorde unha anotación autógrafa consignando o lugar e a data: A Veiguiña, Quiroga, Outono de 1951
. O dato cronolóxico é controvertible, posto que a correspondencia entre Fole e Fernández del Riego evidencia que se expiden materiais con posterioridade. No mecanoscrito están o texto introdutorio “Na terra do Caurel” e doce contos. Namentres, na edición contabilízanse catorce contos, tras a incorporación de “As meigas atinan sempre” e “O tesouro”.
No mesmo mes de xaneiro de 1952, o día 17 con exactitude, Fole efectúa outra remisión de contos. Na carta trata con moita proximidade a Fernández del Riego desde o encabezamento. Alerta de que o título, que era en castelán Junto al fuego (Cuentos de invierno), ten que cambiar para non confluír co libro de poemas A carón d’o lume (1918), de Xavier Prado (Lameiro):
Mi querido Farruco:Supongo que habrás recibido el cuaderno con nueve cuentos y una introducción. Como supongo que ya lo habrás pasado a máquina hoy te certifico los restantes, que son menos. También supongo que ya habrás escrito el prólogo después de leerlos. Por cierto que se debe modificar el título, ya que es el mismo de los cuentos de Lameiro. Los llamaremos: Á lus do candil (Contos a carón do lume).
O 4 de marzo de 1952, Fole comparte con Fernández del Riego as probas emendadas de Á lus do candil. Contos a carón do lume: El día 27 recibí el libro. Hoy, día cuatro, te lo remito certificado. Las correcciones, como verás, son muchísimas
. E o 24 de abril transmítelle: Por noticia de Piñeiro sabía que mi libro ha sido autorizado por la censura
. Por outra banda, Fole prega a Fernández del Riego que o auxilie a confeccionar o inventario léxico que este lle reclama:
Acabo de recibir tu carta, en la que me pides un vocabulario para mi libro. Es el caso que yo ya había pensado hacerlo, pero se me fue la cosa de la cabeza. No tengo en Lugo ningún original del libro, pero pienso volver allá, aunque no en unos días. Sin embargo, puede solucionarse fácilmente: leyendo tú el libro, y enviándome las palabras, yo te las enviaría a vuelta de correo con su correspondiente significado y ordenadas. Aún estaré en esta unos cuantos días. Hasta principios del mes que viene. ¿Estamos? Emplea una hora en recogérmelas, y envíamelas rápidamente. También me debes enviar una prueba de imprenta, pues habrá algo que corregir, como pasa siempre en estas cosas.
Transcorridos algúns meses, Fole non encobre a súa impaciencia pola lentitude de Á lus do candil. Contos a carón do lume. O 22 de xuño de 1953 desabafa: No sé, en absoluto, nada de mi libro. El bueno de Illa no ha contestado ni a una sola de mis cartas. Piñeiro me había dicho que estaba a punto de salir y yo ya había corregido las pruebas
. Mais o 9 de xullo a obra está editada: He recibido tu carta y ejemplares del libro
. Sen reservas, faise patente a súa satisfacción: El libro, en efecto, está muy bien presentado
. Fole expresa, o 23 de agosto, a ledicia pola acollida que Á lus do candil. Contos a carón do lume está a concitar: Sei que meu libro se vende moi ben en Lugo, e que en Bos Aires gosta enormemente, según me din de alí
. O 28 de outubro reafírmase: Hoy te escribiré largo y tendido. Lo primero quería saber concretamente cómo va mi libro. Según mis noticias, marcha muy bien su venta. El éxito de crítica también ha sido grande
.
Cumprindo o desexo de Fole, Á lus do candil. Contos a carón do lume está presidido por un “Limiar” de Fernández del Riego, asinado por Salvador Lorenzana. Trae á memoria os seus primeiros pasos, con fermosas prosas líricas, e breves ensaios de peculiar engado
(Lorenzana 1953, p. 7). Despois de remarcar a dilatada tradición do conto nas letras galegas, chámase a atención sobre a feitura do idioma: O galego distes contos é o galego recollido antre os falantes das terras do Caurel, que dispón de verbas, xiros e xeitos de seu. Trátase dun galego enxebre, misturado de deliciosos arcaísmos e ás veces de algún barbarismo tamén
(Lorenzana 1953, p. 9). Fernández del Riego delinea cada un dos contos, resaltando a súa substancia netamente galega: Denantes de nada, compre ser home da súa terra e do seu tempo. Despóis pódese ser escritor
(Lorenzana 1953, p. 10).
Á lus do candil. Contos a carón do lume case estrea a colección Literaria de Galaxia e supón un acontecemento no noso xénero narrativo. Cunqueiro, nunha recensión de Terra brava, o libro consecutivo de Fole, admite por aqueles días:
Fui un lector admirado de Ángel Fole, cuando salieron a la luz pública aquellas historias que él tituló Á lus do candil. Escribía yo entonces las primeras páginas de mi Merlín y familia [...]. Y lo que buscaba con mis propios medios, para servir mis invenciones, en gran parte lo encontraba ya allí conseguido, vivo, a la vez eterno y actual, y me sirvió sin duda de lección. (Cunqueiro 1956, p. 46)
Merlín y familia é, xustamente, outro libro que lle debe moito a Fernández del Riego9. Con motivo dunha homenaxe tributada a este, Cunqueiro (1975, p. 26) confesa, con honestidade, que sin a axuda de Paco del Riego, quizaves non houbera sido escrito
. Pola correspondencia entre os dous, verifícase que a primeira referencia á obra agroma nunha carta sen data de 1949, onde o mindoniense sopesa a idea de a propagar na Arxentina:
Teño dous orixinás, un Historia de las tabernas gallegas —xa pubricadas algunha, lembraste?, en Finisterre— e outro, Merlín e familia, en galego, historias fantásticas semellantes âs do El caballero de la muerte y el diablo. Interesaríame pubricálos en Bós Aers, pro non teño direizós nin de Seoane, Cuadrado, Blanco Amor, etc. Nin sei a quén dirixirme pra intentálo. Coido que ti tés relazós con iles e pódesme ourentar.
Ao ano seguinte, Cunqueiro valora traspasar a novela a Galaxia, xa fundada: Coido que os orixinás que teño millor pra vos é unha novela Merlín e familia. [...] O Merlín encantaravos: eu mesmo gozo lendo n-il
. Pasado un tempo, en 1951, asegura que a ficción está lista: Teño cáseque posto en limpo o Merlín, pra che mandare
. En calquera caso, detéctase un longo intervalo ata 1954, cando Cunqueiro participa outra vez que Merlín e familia está completo: Teño rematado un libro en galego, Merlín e familia, si me é permitido decilo, unha pequena obra maestra. ¿Qué posibilidades hai de editálo?
. Noutra carta referenda: Estóu istes días póndoche en limpo o Merlín. Coido que vos gostará. Recibirálo na próisima semán, si é que sigo copiando ao ritmo que o estóu facendo
.
En xaneiro de 1955, Cunqueiro afirma que ao outro día sae Merlín e familia, e fai mención dun adianto económico:
Mañá, por correo certificado, mándoche o orixinal de Merlín e familia. Coido que é un feixe de historias que ten intrés, vai ben escrito, etc, etc., e que se venderá, sin dúbida algunha. Agora vai eiquí o que quero de tí:O 23, domingo, d-iste mes de xaneiro, teño que sair pra Madrid, onde hei estar necesariamente unha semá. Preciso diñeiro que engadir ao que teño pra iste viaxe. Eu quero que ao recibo do meu orixinal, trates cos teus amigos de Galaxia, lles saques un mínimo de mil pesetas, e xíresmas telegraficamente. Isto é todo, i-has facer un esforzo en cumprir o meu pedido.
Pouco despois, secasí, escúsase por faltar á súa palabra, aínda que manda unhas follas, e recalca a cuestión do diñeiro: A gripe non me deixóu rematar no tempo que coidaba o pór en limpo o Merlín. Ahí che mando ises folios, e coido mañán certificar o resto. Insisto no que na miña anterior che decía, pra cando teñas no teu poder o total, que, digo, sairá mañá
. Nese mes de xaneiro, Cunqueiro apunta que non remitiu a totalidade do libro, e que o fará cando regrese de Madrid: Supoño no teu poder as primeiras follas do Merlín. Non poido dar posto limpo denantes de marchar a Madrid, pro estaréi en Mondoñedo denantes de oito días, e remesaréi o total. Qué che parece? Adxunto ises dous capidos, que has de engadir ao texto que está no teu poder
.
Por fin, Cunqueiro despacha Merlín e familia, agás o “Índice onomástico”, repetindo o requirimento crematístico:
Ahí che vai o resto do Merlín e familia. Falta, como ves, o “Índice onomástico”, que xa o faréi de contado tan axiña coma teña probas de imprensa, pondo entón acarón de cada nome a páxina onde vai o tratado.Agora convenme, e conforme ao prometido, que ti te fagas cárrego do cobro, e mo xires telegraficamente.
Xusto despois, confirma a recepción da cantidade acordada, e reflexiona sobre a transcendencia de Merlín e familia para a construción dunha prosa galega:
Moitas gracias polo xiro. Eu coido que o Merlín e familia é un libro gracioso, e penso que o galego en que digo as cousas que alí pasan é unha lingua viva, parrafeada ao ritmo do pensamento noso, espresiva e solta. Eu estóu, xa dende fai anos, co Rivarol, un dos mais intelixentes franceses que teñan opinado nunca sobor da lingua e da literatura sua, e que sostén quea prosa é o todo n’unha lingua, i-a poesía somentes é un luxo. Estamos na obriga de facer todo o que seña posibre por unha prosa galega. Un moimento xurídico, fai por unha lingua mais que calquer obra de maxinación.
Xa que logo, despréndese que Fernández del Riego non é só crucial para o desenlace venturoso de Merlín e familia, senón que consegue arrancar de Cunqueiro este compromiso:
No que de min pende, i-aínda que vóu muito mais canso do que a primeira vista somelle, prometínme escribir cada ano un tomo de prosa galega, faréino eisí. Coido que, n’istes anos de longa soedá, é todo o que eu poido facer polo millor futuro da pequena patria nosa10.
Por outra carta do 17 de maio de 1955, asinada como “Álvaro, episcopus” xocosamente, obsérvase que Merlín e familia non está na rúa. Cunqueiro pregunta polas ilustracións, xa que ten noticia de que a Carlos Maside lle falta ánimo, pola súa fráxil saúde, para encarar a tarefa. O libro aparece, conforme o colofón, o 25 de agosto, dedicado ao notario Alberto Casal, íntimo amigo. O 21 de outubro, Cunqueiro sinala que está a verter a obra: Agora estou traducindo ao castelán o Merlín, que mo editará a Editorial Guadarrama. Xa estou de remate, e matino mandarlla istes días a Alberto, quen cho deixará ver
.
Porén, por outra misiva de 1957, sábese que Fernández del Riego achega Merlín e familia á editorial AHR, a cal se ocupa da versión: Moitas gracias por ter mandado o Merlín a Barcelona. Coido que farán alí unha edición mui boa
. A comezos do outono dese ano, Cunqueiro garántelle un volume: Recibirás de Barcelona un exemprar do Merlín en romance de las Castillas
. Unhas semanas máis tarde, proclama: Xa saíu o Merlín en lingua castelá. Teño un soio eisemprar. Tan axiña como reciba eisemprares serás o segundo en télo. Iste que me mandaron en avangarda, remésollo oxe a Alberto Casal
.
Non é un desatino xulgar que Fernández del Riego lle extrae Merlín e familia a Cunqueiro pouco menos que folla a folla (Dasilva 2012). Como froito da súa tenacidade para que a culminase, a obra convértese rapidamente nun clásico con ostensible aceptación, como se constata nunha nova xornalística: Todavía poblando el aire los ecos del enorme éxito de Álvaro Cunqueiro con Merlín e familia, el delicioso libro editado por Galaxia en nuestra ciudad, y ya el fino poeta de Mondoñedo entregó, también a Galaxia, los originales del próximo, con este título, tan sugestivo: As crónicas do Sochantre
(Sen sinatura 1955). Á súa vez, Cunqueiro transfórmase, rescatado do seu confinamento en Mondoñedo, nun persoeiro omnipresente:
La actualidad permanente de Cunqueiro que asoma sin tregua desde periódicos y revistas, al través de la radio y las conferencias, en sus libros y charlas, tiene estos días más motivos para dar a su perfil esa vigencia sin ocaso que tanto honra a la vida intelectual de su región y de su patria. Tales son, el figurar su nombre como unánime candidato para el puesto que en la Real Academia Gallega dejó Cabanillas, y la trascendencia literaria que acaba de alcanzar con las conferencias dadas en Cataluña.Don Álvaro ya es un mito. (García Bayón 1960)
Un terceiro libro que está en débeda con Fernández del Riego é Nimbos, de Xosé Mª Díaz Castro. Tanto é así que no exemplar da súa propiedade despunta esta dedicatoria: A Fernández del Riego, grande escritor e grande promotor da cultura galega, a quen este libro debe en gran parte a sua eisistencia. Agradecida e cordialmente, Xosé María Díaz Castro
. En verdade, Fernández del Riego desenvolve unha misión de entronización de Díaz Castro no panorama poético galego a través de dous fitos. En primeiro termo, coa súa inclusión en Escolma de poesía galega IV. Os contemporáneos, coa xenerosa cifra de sete poemas, cando aínda non dera á luz ningún libro11. E en segundo lugar, polos azos que lle dá a Díaz Castro para escribir Nimbos.
Díaz Castro facilita poemas a Fernández del Riego, o 14 de xullo de 1955, con destino a Escolma de poesía galega IV. Os contemporáneos Dejo a su buen criterio la selección definitiva de los poemas que han de figurar en su Antología, que espero y deseo que constituya un éxito
. Este cúrsalle, a non tardar, o convite dun libro, coa finalidade de que sexa o segundo da secuencia de Galaxia aberta por Os eidos, de Uxío Novoneyra. O escritor lugués responde o 29 de setembro de 1956: Quiero agradecerle, sobre todo, la atención de haberse acordado usted de mi nombre al pensar en la edición del próximo libro de esa Colección Poética
.
Na súa carta, Díaz Castro descúlpase por carecer nesa altura de composicións, á parte das que difundira na revista Alba e das que entregara para Escolma de poesía galega IV. Os contemporáneos Como comprenderá, el número de poemas gallegos de que dispongo —escritos ya con miras a la publicación de un libro— no es suficiente para formar una obra de la extensión de Os eidos, por ejemplo
. En todo caso, non desbota fraguar a obra, para o que se outorga a si mesmo un prazo prudente:
Por esta razón, creo que antes de unos seis meses no podré tener completado el material poético necesario para un libro en gallego. Pero me temo que el segundo libro de esa Colección no podrá esperar tanto tiempo. Por eso quiero rogarle y agradecerle que reserve para mí el tercero o cuarto libro de la Colección Poética que usted dirige. Tengo verdadero interés en publicar en ella algo mío.
A mediados de 1957, Fernández del Riego contacta para se interesar polo libro. Díaz Castro alega, o 29 de xullo, que non compuxo máis textos, pero que aspira a facelo agora que non ten tantas obrigas: Le agradezco mucho su carta. En realidad, no he cumplido con usted como hubiera deseado. [...] No obstante mantengo mi promesa, pues deseo poder darle satisfacción a usted y ver editado algo mío en Galaxia precisamente
. Fernández del Riego non desiste logo dun silencio de Díaz Castro de case dous anos, quen se xustifica o 14 de maio de 1959:
Su insistencia en que le envíe material para un libro, lejos de molestarme es para mí un inmerecido homenaje, que casi emociona, y debiera ser un estímulo irresistible que me forzara a escribir. Hace tiempo que le he dado palabra de enviarle original para un libro de Galaxia, y ahora quiero hacerle presente, una vez más, que pienso cumplir mi compromiso con usted, incluso desatendiendo de momento los ruegos de otras personas que también me piden original para un libro similar12.
O mes anterior, Díaz Castro lamenta diante de Piñeiro o retraso. Fai fincapé no tesón de Fernández del Riego: Dóime estar quedando mal con tantos amigos que me acurran cos seus pregos, e non sei qué pensará de min o amigo Del Riego, que me alentóu cunha pacencia increíble e que ten a miña promesa de lle mandar orixinal pra un libro
. E puntualiza deseguido: Saiba, amigo Piñeiro, que esa promesa segue en pé, e que, se non lle din cumprimento hastra agora, foi por circunstancias alleas ôs meus propósitos, e non por preguiza
.
Díaz Castro avanza o 18 de decembro de 1959 que depositará pronto a obra: Con respecto al original de mi libro en gallego de poemas, quiero decirle ya ahora que se lo enviaré a usted dentro del mes de enero próximo
. Fundamenta esta curta delonga: No podrá ser en este mes, como tenía proyectado, pues tengo que pasarlo todo a máquina y hacer algunas correcciones, pero sí dentro del lapso de tiempo que le indico
. Aduce que se sentiu empurrado a desechar ciertos poemas
, a fin de que o libro non fose desigual. Tales pezas adscríbense a outras épocas, polo que sostén, e desde entón a súa poesía progresou en ciertas direcciones
. Os poemas reunidos, por conseguinte, son en boa parte recentes: Pese a mis deseos de ampliar el original con poemas totalmente nuevos, ello no me ha sido posible sino hasta hace poco tiempo. Ahora he reanudado mi labor literaria, tras un largo período de inactividad
13.
Díaz Castro proporciona Nimbos aínda o 19 de setembro de 1960, conforme declara nunha carta do día seguinte: Tengo ahora la satisfacción de poder anunciarle, ¡por fin!, el envío del original de mi libro de poemas gallegos, para Galaxia. El libro —original y una copia— fue certificado ayer y remitido a nombre de usted
. Pon de relevo, expresamente, a obstinación de Fernández del Riego, vital para que o libro se tornase realidade: Quiero, ante todo, hacerle presente mi honda gratitud por su interés, su amable insistencia y su inacabable paciencia en la espera de este libro, y al mismo tiempo rogarle me disculpe esta demora realmente histórica
14.
Fernández del Riego enxalza a obra, como se colixe dunha carta de Díaz Castro do 6 de novembro dese ano: No sabe cuánto le agradezco el elogioso calificativo que usted dedica a mi libro
. Este concede abertamente alta prelación ao seu veredicto:
El conocimiento de su opinión tenía para mí un gran interés, mucho mayor que los juicios de cualquier reseña crítica, primero porque me parece importante para un “novel” —prácticamente lo soy— conocer el juicio de una persona autorizada sobre un libro que todavía no se ha lanzado a la publicación. Este juicio, tan favorable, representa para mí un fuerte estímulo y también una tranquilidad.
Nimbos sae o 5 de xullo de 1961, con trinta e dous poemas repartidos en sete seccións. Abrangue un vocabulario galego e castelán, con termos cuia morfoloxía ou semántica non son —certa ou probablemente— comús a toda Galicia
. Na publicidade do libro, poida que da responsabilidade de Fernández del Riego, exáltase a calidade dos versos. Díaz Catro non disimula a súa emoción o 19 de xullo:
No sé cómo agradecerle, querido Del Riego, los juicios increíblemente elogiosos que aparecen al dorso de la tarjeta en que se anuncia a los suscritores de Galaxia la aparición de Nimbos, pues supongo que la nota ha sido redactada por usted. Me deja perfectamente abrumado con ese cántico de alabanzas, en el que encuentro apreciaciones absolutamente inesperadas. Celebro que el libro le haya gustado, y sólo deseo que los lectores no queden demasiado defraudados después de un anuncio tan laudatorio.
Dúas semanas antes da impresión, dáse noticia de Nimbos desde as planas de Faro de Vigo, reproducindo o poema inicial como primicia:
La Editorial “Galaxia” anuncia como de inminente aparición un libro del poeta José María Díaz Castro, titulado Nimbos. El poeta, solamente conocido hasta ahora en círculos muy restringidos, dueño de una nostálgica voz en la que la sangre apasionada se vela con tenues brumas, sosegado en la soledad, pero ahíto de vida interior, se acerca por vez primera al gran público. Se trata de una aportación de excepcional calidad a la siempre riquísima lírica gallega y Faro de Vigo se complace en dar en esta página una preciosa muestra de la obra de Díaz Castro, un breve poema que abre el libro “Nimbos” y que es como una declaración de propósitos, humilde y veraz: la poética humana y melancólica de un ardiente espíritu. (Sen sinatura 1961)
Díaz Castro pasa a erixirse, para o círculo de Galaxia, nunha inspiración lírica de primeiro rango. En carta do 8 de outubro de 1961, Piñeiro así llo descobre: A aparición de libros como Nimbos enche o noso esprito de leda e íntima confianza. Danos a plena certeza de contáremos con unha voz poética fonda, orixinal, plena de intimidade humán e, sobre todo, esencialmente verdadeira
. A seguir acentúa: A nosa fe de devotos da poesía galega revoa darredor de ti. Sabemos que podes e queres arrequecer sustancialmente o tesouro espritoal do noso patrimonio lírico
. Piñeiro, nunha recensión da antoloxía Poetas gallegos de postguerra, preparada por Basilio Losada, sorpréndese da ausencia de Díaz Castro, quen personifica o mellor poeta galego antre os que hoxe viven
(Piñeiro 1972, p. 112).
Un libro máis que non cristalizaría endexamais sen a mediación de Fernández del Riego é Leria, de Vicente Risco (Dasilva 2021)15. Nunha carta do 29 de outubro de 1950, este indaga información relativa ao nacemento de Galaxia: ¿Qué hai da vosa empresa editorial? Tamén ouvín falar d’eso vagamente. Agardo me digas algo do que hai por ahí
. Noutra misiva sen data do mesmo ano, preocúpase polo mesmo asunto, anhelando un ditoso futuro para a sociedade: Paréceme moi bo o proieuto e de ben boa gana falaría d’il contigo de palabra, moi longamente. É cousa moi necesaria, e querería que nacese pra vivir moito tempo, que ll’aseguraradel-a vida por todos lados
.
É factible inferir que Fernández del Riego, con presteza, urxe daquela a Risco algunha cousa para Galaxia, pola resposta en primeira instancia desfavorable que lle chega deste: Canto a min, de boa gana farei o que poida. Como che teño dito, xa non teño, e repito na outra carta adxunta, xa non teño ilusión no que fago, mais, se non escribo ¿que é o que vou facer n’iste mundo?
. O autor d’O porco de pé matiza a continuación, deixando franca a porta para o futuro: En canto se me ocurra un tema, anunciareicho, pra ver si sirve. Quedar, inda quedan cousas que decir, pero...
.
No deixamento que destila esta última reticencia pesa o trasacordo político de Risco e, amais diso, o devezo de triunfar como escritor en castelán. Pénsese que La puerta de paja, finalista do premio Nadal, irrompe en 1953. Nunha carta dese ano, translócese a ilusión pousada nesta narración: La puerta de paja inda non chegou eiquí. Barcelona cadra moi lonxe. [...] Dende logo, e veleiquí a maor satisfacción miña, non se asemella a nada do que s’escribe e se pubrica por ahí
. E deseguida acrecenta: É unha novela fora de serie. E eu sigo creendo, contra quen sexa, que ser difrente é ser existente, con éxito ou sin il
.
Entre finais de 1957 e principios do ano seguinte, Fernández del Riego anima a Risco para que xunte as súas columnas periodísticas anteriores á guerra civil. Este pronúnciase o 14 de xaneiro de 1958, nomeadamente no referente ás da sección “Leria”:
Recibo con ben gusto a ideia de recoller n-un libriño unha escolma das miñas prosas galegas. Dende logo, xa cheguei ô tempo de recontal-os anos d’un, e por outra banda, coido que si fixen algo de que poda estar un pouco satisfeito é do que teño deixado esparexido pol-os xornais. [...]Quixera ser eu quen as escollese, e pra elo, remirarei o que teño, pra seleccionar aquelo que teña unha miga d’altura, por riba dos tempos, porque hai n-elo moita cousa circunstancial e sin importancia, que non merez a pena16.
O 22 de febreiro, Risco está desconcertado por non dar cos textos que persegue: Andiven buscando as ‘Lerias’. Atopei unha chea d’outras cousas, que non me parecen d’apricación pr’o conto, mais as ‘Lerias’ non apareceron. Tíñaas apegadas nas follas d’un libro vello de contas dos meus antepasados
. E conxectura: Deben estar no Castro Caldelas, metidas con libros e revistas antigas, n-un caixón pechado, atado por afora con moitas cordas, agardando que me fagan uns estantes, pois os que alí teño están cheos de todo
.
Sen máis novidades, Fernández del Riego redobra o designio, dous anos máis tarde, dun libro con algúns textos en prosa. Risco reacciona o 3 de febreiro de 1960: Recibín unha chea de recados teus, o último por Cunqueiro. Anque nono queiras crêr, o teu interés no asunto chégame moi fondo, e nono podo esquecer. Na precura dos escritos que ti mentabas, non sabes as voltas que din
. Pormenoriza sobre o particular: Ora: eu sabía qu’os tiña apegados nas follas d’un vello libro de contas do meu abó, empastado en pel verde e pechado c’unhas lazadas de balduque fino. Din co-il, por fin, despois de moito buscar; vouno abrir, e quedei parvo vendo que o que alí había era outras cousas difrentes, como s’as tivera trocado unha mau oculta e enmeigada...
.
Risco refire que acertou seguidamente a localizar os textos xornalísticos: Mais veleiquí que hai pouco, buscando outra cousa, saquei o libro verde, abrino, non sei porqué, sin espranza, e alí estaban as ‘Lerias’. De principio, quedei cheo de pasmo
. No entanto, categoricamente opina que non teñen vixencia:
Ben: repasei as “Lerias” —coido que non están todas— e a maor parte non sirven. Moitas son máis ou menos políticas, outras axustadas a situaciós pretéritas sin intrés, n-outras, digo cousas qu’agora non quero repetir porque, como, pouco mais menos, todas levaban algunha intención de propaganda, a propaganda fai decir a un cousas co-as que non está conforme, pra que lle gusten â xente d’iste lado ou do outro, e mais n-un caso com’a o noso, en que se trataba d’achegar aos mais, e non podía un aterse excrusivamente ao seu modo de pensar, coma lle acontez a tódol-os políticos, que caseque sempre teñen que decir o que non pensan.Polo tanto, non quixera deixar mais qu’aquelas que teñen un sentido galego “fondo” e “pra sempre”, ou un intrés literario e político.
Para Risco, é máis conveniente recadar vellas cousas da revista Nós, xunto con outras espalladas en máis sitios. O motivo é que se descoñecen naquel tempo e, segundo el, gardan validez:
Mais ocúrreseme unha ideia, que coido que é a millor: teño cousas pubricadas no Nós que cecais —sen autobombo; creio saber onde podo chegar e onde non, e non quero facer unha “supervaloración” das miñas cousas— cecais, digo, non deban ser esquecidas. Non son moitos os qu’as coñecen, pois a tiraxe do Nós era pequena, e ademáis, ficou xa moi lonxe, e a xente moza non sabe d’elas. Os asuntos que tratan, âs veces son dos que se debaten aínda hoxe.
Fernández del Riego reúne os orixinais e sométeos a Risco para que os supervise. Nunha carta do 24 de marzo de 1960, este prevén de que eliminou uns cantos textos e modificou outros, suprimindo principalmente alusiós concretas, e espresiós que puderan chocar e [...] causar tropezo na censura
17. Parécelle acaído o título Leria, e aflíxese pola trasfega que está a ocasionar, aínda que se sente con folgos para máis retos: Douche moito traballo que me tes que perdoar. Ora, intresado na cousa, xa penso n-outras pra mais adiante, como unha que teño matinado hai tempo: unha escolma de contos populares [...]
. O 8 de xullo, Risco revélase ávido polo libro: ¿Cómo van as ‘Lerias’ (ou a ‘Leria’)?. Agora estou deseando vela
. E o 28 de setembro asegunda: ¿Cómo vai o da ‘Leria’?
. Con ansiedade, faino en idénticos termos o 20 de decembro: ¿Cómo vai a ‘Leria’?
.
O colofón de Leria acredita que veu a lume o 15 de febreiro de 1961. No “Limiar” susténtase: Nestas páxinas vai un chisquiño do meu labor de moitos anos —que cadraron no intre en que estaba na forza da vida— feito sen precurar máis paga que a ilusión
. Despois, sucédense cinco ensaios e, baixo as epígrafes “Varia” e “Leria”, máis artigos. Cos primeiros exemplares no seu poder, Risco escríbelle a Fernández del Riego: Grazas ao teu coidado, xa teño Leria nas mans, por certo, ben feitiña de verdade. [...] Gústame moito como saíu, sinxela, ‘pulcra’ como decían d’aquela os filósofos, ‘fina’ como din as señoras, ‘distinguida’ como debemos decir nós. E limpa e xeitosa na parte tipográfica
. Non agocha, desde logo, o seu absoluto agrado: Agora a quen hai que dal-o parabén é a tí, que sacaches unha cousa ben feita de certo
18.
Fernández del Riego ten tamén unha participación primordial para que Longa noite de pedra arribe ás librerías, por moito que Celso Emilio Ferreiro, coa súa impenitente ingratitude, non o recoñecese (Fernández del Riego 2003, p. 171). Tras crear a colección Salnés, proponlle que brinde un libro neste catálogo (Dasilva 2023)19. Nesa época, Celso Emilio Ferreiro é un poeta bastante alongado da súa notoriedade posterior. Editara dous libros en castelán do seu propio peculio, Al aire de tu vuelo (1941) e Bailadas, cantigas y donaires (1947), de cuestionable atractivo. En galego, facía gala d’O sono sulagado (1955), que pasara con máis pena que gloria, provocando este cativo impacto un fondo desalento no celanovés.
Fernández del Riego moléstase en dar a benvida a O sono sulagado, en La Noche, cunha amable recensión, reparando na viraxe que entraña na súa senda poética: El libro evidencia, además, una marcada evolución del autor con respecto a su obra poética precedente; acusa, en todo caso, un progresivo alejamiento de la manera popularista como mera recreación de lo popular
(Lorenzana 1955). Piñeiro, pola súa parte, trasládalle a Fernández del Riego o 9 de maio de 1955: Lin o libro de Ferreiro. Dende logo levei solpresa, pois algúns dos poemas están ben. Coidei que tiña menos alento
. Ou sexa, non se contempla daquela recibir unha obra de Celso Emilio Ferreiro con entidade, e menos en idioma galego.
Para aceptar o ofrecemento de Fernández del Riego, o que Celso Emilio Ferreiro atesoura nesa época é unicamente un mangado de poemas, concibidos a maioría nos últimos anos20. Aquel xa o tratara con deferencia en Escolma de poesía galega IV. Os contemporáneos, onde o integra con sete poemas a pesar do seu prestixio relativo por entón21. Fernández del Riego (1990, p. 212) relatou que se xuntan varias xornadas para artellar Longa noite de pedra Chegou un día ao meu despacho na rúa de Velázquez Moreno, cunha manchea de folios mecanografiados e outros manuscritos. Durante máis dunha semá estivemos a lér e comentar os poemas. Desbotamos moitos, como é natural. Algúns foron refeitos en parte
.
É máis, Fernández del Riego (1990, pp. 212-213) atestou que a escolla da designación Longa noite de pedra é consecuencia dunha suxestión súa que Celso Emilio Ferreiro acata: Planteóusenos despois o problema do título que lle pór a este. Dándolle voltas ao asunto, ocurríuseme que o do poema ‘Longa noite de pedra’ podería ser tamén o axeitado para o libro
. Adicionalmente, Fernández del Riego aconsella prescindir da composición “Carta a Fuco Buxán”, por axuizala conflitiva en exceso, favorecendo con iso o paso do libro pola censura franquista: Por certo, eu refugueille o derradeiro poema porque era un panfleto. Algo a Fuco Buxán ou unha cousa así
(Conde 2018, p. 81)22. Como é coñecido, os setecentos cincuenta exemplares de Longa noite de pedra23 e, máis que nada, os milleiros de exemplares da tradución Larga noche de piedra disparan repentinamente a carreira de Celso Emilio Ferreiro24.
FERNÁNDEZ DEL RIEGO COMO PRODUTOR LITERARIO
Conforme se dixo, outros libros non darían aparecido sen a fortaleza de Fernández del Riego, lidando agora coa censura franquista. Un primeiro expoñente é A esmorga, de Blanco Amor, transportada por Isaac Díaz Pardo desde terras arxentinas a Galicia para cederlla a Galaxia, posiblemente a Fernández del Riego, co obxecto de que se edite (Díaz Pardo 1993). O 15 de agosto de 1956, rende contas: Do teu libro fixo Galaxia as galeradas do texto e das ilustracións. Fai dous meses que está todo presentado en percura do permiso adeministrativo que se confía acadar. [...] Todos os de Galaxia están entusiasmados co teu libro, principalmente Paco del Riego
(Neira Vilas 1995, p. 197).
Fernández del Riego pon en coñecemento de Blanco Amor, directamente, esta inequívoca apreciación:
A noveliña que mandache por Díaz Pardo gostounos moito a todos pol-o seu estraordinario valor literario. Satisfainos podela editar, tanto pol-o que a obra representa para o noso idioma, como por incorporar o teu nome á labor de Galaxia. Agora estanse a faguer as copias para as remesar a Madrid, á censura. Cando a autoricen, imprentarase decontado.
A esmorga é reprobada rotundamente polas autoridades franquistas, tendo que saír en Buenos Aires, non sen padecer algúns avatares, tres anos despois (Dasilva 2009b)25. Blanco Amor asevera a Fernández del Riego o 11 de decembro de 1957: Seoane —este estupendo e incansable Seoane— acaba de lanzar los primeros volúmenes de su editorial Citania. Ahí sale ahora mi novela —A esmorga— prohibida por esa censura. Te la mandaré
. Logo de dous anos, volve pórse en contacto o 15 de maio de 1959: Acaba de salir A esmorga. La recibirás por correo ordinario
. E salienta o 12 de xuño: Pola miña parte, téñoche enviado A esmorga —a miña novela— que acaba de saír moi finamente editada por Citania
.
Blanco Amor apela a Fernández del Riego, o 17 de novembro de 1959, para que pescude a resonancia d’A esmorga en Galicia, pois desgústalle o escaso eco que está a captar na Arxentina: Si sae algo sobor de A esmorga, mándamo. Eiquí sigue o boicot, entre as nosas xentes que esgarabellan nos pasquís coleutivos
. Uns meses despois, o 8 de abril de 1960, esclarece o enorme esforzo para que a obra non pase desapercibida:
A esmorga mandeina ós seguintes escritores: Borobó, V. Risco, C. Martínez Barbeito, C. J. Cela, J. Sigüenza, R. Carballo Calero, Iglesia Alvariño, A. Cunqueiro, L. López Cid, A. Fole (que se ocupóu dela, ti me mandache o recorte), Filgueira Valverde, Guerra da Cal, e fai uns días, por indicación de Piñeiro, ó rapaz López Ferrín [sic], do xuntoiro Brais Pinto. Coido que a distribución foi bastante abondosa. A miña queixa está inspirada en que non hai proporción entre iste silenzo e o barullo que se arma cando o libro sae aí pubricado26.
Fernández del Riego saúda A esmorga cunha recensión, titulada “La historia de tres esmorguistas”, onde enaltece o seu vigor artístico:
Pero hay, sobre todo, un acento original que logra expresión por vez primera en nuestro idioma. Blanco Amor se muestra en ella como un novelista sin atenuantes: por la forma como describe los ambientes de los barrios orensanos; por cómo relata los momentos cruciales de los personajes y baraja la emoción y la arquitectura de la novela; por cómo dialoga y ajusta situaciones; por cómo reporta, en fin, la acción de una historia de poderoso realismo. (Lorenzana 1959)27
Tamén Fernández del Riego lle agasalla un exemplar d’A esmorga ao filólogo portugués Manuel Rodrigues Lapa, con quen mantén unha relación fluída naquelas datas. Este gaba o texto nunha carta do 15 de abril de 1960: Acabei de ler A esmorga. É unha novela estranha e poderosa, em que os personagens se recortam, fortes e palpáveis, no cenário da velha Auria falando um galego autêntico, de excelente sabor popular. Pouco falta para se lhe poder chamar uma pequena obra-prima
(Lapa 2001, pp. 152-153). Blanco Amor aplaude, o 16 de xuño de 1960, o empeño de Fernández del Riego para que A esmorga se espalle por Galicia: Moitas gracias polo que fas no tocantes á miña noveliña. Alédame moitísimo a opinión de Rodrigues Lapa, val por todo cuanto os outros calan
.
Fernández del Riego diríxese a Blanco Amor, o 13 de xuño de 1962, deplorando que a narración non puidese aparecer en Galicia: A esmorga, como lle comunicamos oportunamente, tiña producido en cantos a conoceron en manuscrito unha inmellorabre impresión
. E engade: Non desconoce, por tanto, canto nos houbera satisfeito que figurara entre as pubricaciós de Galaxia. Si así non ocurríu, foi por causas ben alleas á nosa vontade
. Blanco Amor non fraquea no degoro de ver editada a novela entre nós, como se deduce do que Fernández del Riego pondera o 1 de decembro de 1965: Sobre dunha posibre segunda edición de A esmorga, nada che podo adiantar. Habería antes que faguer algunha xestión nos meios correspondentes, pois nunca se sabe por onde van saír
.
O 8 de abril de 1968, tras a petición dun orixinal por parte de Edicións Castrelos, Blanco Amor protesta ante Emilio Álvarez Blázquez, un dos seus responsables, polo recibimento dispensado á edición arxentina: Iba para proponeros la reedición de A esmorga. [...] Siempre estuvo sometida a una distribución de aficionados, como casi toda la comercialización del libro gallego, y, claro está, la gratuicidad que de ello se deriva no es lo más estimulante para la producción...
28. Edicións Castrelos xestiona a solicitude de permiso no Ministerio de Información y Turismo, que dá o visto e prace con algúns recortes. O que acontece é que Blanco Amor, despois de se entrevistar con Piñeiro e Fernández del Riego, muda de parecer29.
En efecto, establece comunicación con Emilio Álvarez Blázquez, o 4 de xuño de 1970, e argúe: A esmorga fue escrita para Galaxia, como tú sabes; a esa editorial le debo la publicación de mi primer libro en este mi relativo país... Sólo cuando me persuada, a conciencia, de que no es posible publicarlo bajo ese sello, dispondré otra cosa
. Blanco Amor, o 2 de febreiro dese ano, referíralle a Ben-Cho-Shey:
Galaxia vai pubricar a segunda saída de A esmorga. Teñen “direitos” morales. Pódia sere que iles non sexan demasiado sensibles a estas cousas, nonos conozo ben; pro eu sí, sono. A novela foi escrita pra iles; as primeiras xestiós na censura fixéchelas ti a pedido diles; o meu primeiro libro de narrativa que saíu eiquí —Os biosbardos— foi editado por iles. Con todas as suas tachas, cacicazgos posibles, preferenzas e omisiós, non hai dúbida de que a tarefa de Galaxia conta por moito na nosa evolución inteleitual.
A intercesión de Fernández del Riego na historia azarosa d’A esmorga cérrase con esta carta a Ben-Cho-Shey do 22 de maio de 1970, a propósito da transferencia dos dereitos editoriais: Sería ben que o propio Blanco Amor, ou tí, lle escribísedes a Xosé M.ª pra que se dirixise a Galaxia facendo cesión dos dereitos pra editar A esmorga e acompañando o oficio da censura. Non é cousa de que o fagamos nós, pois de seguro que non lle agrada renunciar á edición do libro en Castrelos
. E prosegue: En fin, que Blanco Amor resolva. Pola nosa parte, tan axiña como o indique, meteremos o libro no prelo
. Con todos os trámites resoltos, Blanco Amor concerta, o 2 de setembro, o contrato d’A esmorga con Fernández del Riego, en representación de Galaxia. Finalmente, acusa recibo do primeiro exemplar, o 20 de decembro, sen ocultar o seu xúbilo: Recibín A esmorga. Precioso libro, editorial e tipograficamente
.
Un segundo libro no que Fernández del Riego se involucra é Vento ferido, de Carlos Casares (Dasilva 2017). Na dedicatoria do seu exemplar da segunda edición, de 1974, non en balde reflíctese: Para Paco del Riego, este libro que tanto lle debe. Sempre, sempre, coa miña amizade, Carlos Casares
. Cando se está a aprestar a primeira edición na colección Illa Nova, na metade dos anos sesenta, Casares teme, nunha carta a Fernández del Riego do 15 de decembro de 1966, o freo da censura a un relato onde non se evita falar dun paseo durante a guerra civil: Esquecíaseme unha cousa: é posíbel que o conto titulado ‘Coma lobos’ poida ter dificultades ca censura
. E apostila: O que faga vostede dareino por feito. De todos xeitos sería unha pena que non se publicase ise conto
.
Fernández del Riego decántase por afrontar o risco con valentía. Vento ferido non ten ningún problema ao primeiro no seu tránsito polo Ministerio de Información e Turismo30. Emporiso, a denuncia espontánea dun militar precisamente polo conto “Coma lobos”, coa obra na rúa, desencadea que se prescriba o secuestro de todos os exemplares no final do verán de 1967. A lei 14/1966 de Prensa e Imprenta, promovida durante a etapa de Manuel Fraga Iribarne como ministro, fixaba no artigo 64 que se decretaría a retirada dilixente de calquera publicación, mesmo tras ser escudriñada, cando se sospeitase que comportaba un delito.
Antes da chegada das forzas policiais á sede de Galaxia, na rúa Reconquista, e por unha confidencia, Fernández del Riego, con axilidade, acorda agachar a tiraxe de Vento ferido nun recanto discreto do local. Por esa ocorrencia, consegue salvar todos os exemplares, mais cautelosamente as pranchas da edición destrúense. Pasado un tempo, a obra circula con certa normalidade, ata esgotarse por enteiro. Mesmo se consuma unha reedición clandestina, en 1974, da primeira edición, valéndose dos datos desta31. Naturalmente, non era imaxinable tramitar un novo permiso, dados os antecedentes.
Como último exemplo, hai que significar que Fernández del Riego está detrás de que Xente ao lonxe, de Blanco Amor, chegue aos lectores (Dasilva 2013). Na dedicatoria do exemplar propiedade de Fernández del Riego constan, non en van, estas palabras: A Paco Fernández del Riego, compañeiro arriscado e leal na empresa e botadura (tan difícil!) de iste libro. Coa vella aperta do seu amigo agradecido Eduardo
. Xa o 1 de decembro de 1965, Fernández del Riego incita a Blanco Amor a compor o que sería Xente ao lonxe: E digo unha cousa: agora que dispós de certo vagar, ¿por qué non preparas unha nova novela en galego para editala de contado? Coido que estás no mellor momento pra realizar ese labor, e sería unha pena que non o levases a cabo
.
O 11 de febreiro de 1970, Fernández del Riego esporea a Blanco Amor para que presente Xente ao lonxe ao concurso de novela do Centro Galego de Buenos Aires:
Xa saberás que o Centro Gallego de Buenos Aires convoca un premio de novela en galego de 10.000 pesos novos. O xurado será de Galicia. Hai que mandar catro copias, e o plazo de admisión remata o 30 de setembro. A obra non deberá ter menos de 180 páxinas nin máis de 300. Penso que merece a pena concurrir.
Xente ao lonxe sae malparada dese concurso, ata o extremo de que Blanco Amor rumia desfacerse do orixinal, como lle conta a Luis Seoane o 16 de novembro do mesmo ano: La [obra] del no premio, me ha disgustado tanto lo ocurrido que terminaré destruyéndola; y creo que hubiera significado un buen paso en lo que respecta al idioma narrativo popular (no folklórico, ni enxebre) [...]
(Neira Vilas 1995, pp. 206-207)32. Afortunadamente, Blanco Amor préstase a que Galaxia acubille a novela: Xente ao lonxe fue requerida por la Editorial Galaxia para su posible publicación. Son sus rectores y consejeros de admisión Fernández del Riego y Ramón Piñeiro, dos de las cabezas mejor organizadas y nutridas de nuestro actual país gallego
(Blanco Amor 1972)33.
O 1 de decembro de 1970, Blanco Amor informa a Fernández del Riego de que está a retocar Xente ao lonxe: Estoulle pegando unha soba derradeira á novela, correiciós de pouca monta, máis ben de letra
. E plasma esta apetencia: Quero pregarche que señas ti o pirmeiro que a leas; ninguén viu os orixinás non sendo o lamentábel xurado; quero que ti os desfrores, xa que tanto fixeches por animarme a rematar a novela
. Desde Barcelona, onde está a residir unha tempada por obrigacións profesionais, Blanco Amor dille, o 26 de xaneiro de 1971: Aproveitei istes dias […] pra botarlle outra ollada á novela e refacer o prólogo nalgús aspeitos de detalle. Na novela axustei algunha pequena irregularidade do esquelete argumental, pouca cousa
.
Menos de dúas semanas despois, o 8 de febreiro, Blanco Amor endereza Xente ao lonxe a Fernández del Riego: Istas liñas son pra che decir que che mandei a novela fai uns días e supoño que xa chegaría
. Este dá resposta o día 25 dese mes, loando sen ambaxes a obra: Tamén me chegou o orixinal da túa novela. Lina outravolta de vagar. Ratifico a primeira opinión. Coido que se trata dunha aportación fundamental á narrativa galega
. Na carta, Fernández del Riego non omite a súa inseguridade pola reacción da censura, preferindo suxeitarse a consulta voluntaria: Agora ben, pola esperiencia que teño destas cousas, témome que haxa dificultás. Por iso, estimo que deberíamos mandar antes a obra a consulta pra evitar un grave contratempo
34. Pide máis copias do mecanoscrito, e suplica celeridade sen disfrazar a ansia de Galaxia: Compría que te deses presa, pois temos interés en editar o libro o máis axiña posíbel
.
Fernández del Riego exterioriza a mesma inquedanza a Ben-Cho-Shey en igual data: Teño no meu poder a novela de Blanco Amor presentada ao derradeiro concurso do Centro Gallego. Coido que se trata dunha novela moi interesante. Non me astrevo, nembargante, a entregala na imprensa, por temor a que haxa chataduras. Pero, de non ser así, hai que facer copias mecanográficas
. Perante a situación, destapa as súas vacilacións: En fin, que non sei que camiño coller
. Fernández del Riego é quen se ocupa de arranxar todo para o Ministerio de Información e Turismo. O 20 de abril de 1971, Ben-Cho-Shey rexistra a instancia pertinente en nome de Galaxia, e o texto escrútano varios censores, quen se pronuncian en sentido negativo35.
A resolución pola que se proscribe Xente ao lonxe oficialízase o 29 de maio de 1971. O 6 de xullo, Fernández del Riego fai saber o grave obstáculo a Blanco Amor: Póñoche estas liñas con fonda mágoa e disgusto. A túa novela Xente ao lonxe foi devolta á editora denegando a publicación. Esto é todo. Nada sei que che decir, pois nin siquera se fai referencia á prohibición de determinadas partes que poideran ser modificadas, sinón á obra en conxunto
. Blanco Amor, ao coñecer o ditame, refúxiase na retranca: Recibín a tua carta, coa triste, e dalgún xeito agardada, nova. Qué se lle vai facer… Non haberá mais remedio que voltar prás Américas e facerse tupamaro… É mellor a barbarie que a hipocresía
.
Fernández del Riego inclínase por redimir Xente ao lonxe, propondo a Blanco Amor que reforme os anacos máis ousados: ¿Merecería a pena, sin alterar a tese da novela, alterar determinados pasaxes dela? Digo esto porque na copia que nos devolveron hai certas acotaciós a lápiz que deberon ser as que serviron de base á decisión
. Efectivamente, Blanco Amor atenúa Xente ao lonxe e a censura autoriza a publicación cos cambios introducidos. Agora ben, cando a edición de Xente ao lonxe está feita, a censura oponse a que se inclúan catro das seis ilustracións de Díaz Pardo esparexidas ao longo do texto36. O que lle vén á mente a Fernández del Riego improvisadamente é desmontar os exemplares e volvelos encadernar sen esas catro ilustracións.
REMATE
Á vista de todas as mostras estudadas, é posible deslindar concisamente unha serie de trazos da actividade editorial de Fernández del Riego. O primeiro aséntase no seu compromiso co espírito de Galaxia, definido así por el mesmo: Soñabamos con fundar unha verdadeira editora galega, capaz de animar a creación na lingua propia, e de aguilloar o traballo dos escritores que se atopaban mergullados nun forzado silenzo
(Fernández del Riego 1990, p. 201). Vinculado con este, outro trazo fúndase na fidelidade, sen disparidades de ningunha sorte: Participei, con firmeza das conviccións ideolóxicas e morais, na leira de todos
(Fernández del Riego 1996, p. 192).
O terceiro trazo estéase na laboriosidade. Piñeiro (1975, p. 71) exaltou con razón a súa exemplar disciplina de traballo
. E Xosé Luís Franco Grande (1975, p. 36) encomiou: Don Paco, para descansar, cambia de traballo
. Un trazo máis baséase na perseveranza, a partir dun talante tenaz e positivo. Marino Dónega (1975, p. 29) trouxo a colación unha carta desde Salamanca, como soldado en plena guerra civil, onde lle insuflaba esta convicción: Non te desanimes, rapaz; logo virán tempos
. Para el, Fernández del Riego simbolizaba un profesor de optimismos e esperanzas
. Outro síntoma elocuente é que Cunqueiro, diante de terceiros, adoitaba nomealo como “Paco Breogán”, en analoxía co mítico rei, polo seu denodo.
Un quinto trazo alicérzase na versatilidade. Fernández del Riego glosou o desempeño de incumbencias heteroxéneas no seo de Galaxia, desde a transcrición de orixinais, regularizando a ortografía, ata o traballo de impresión e de distribución, entre outras ocupacións:
Púxenme a traballar arreo, sen acougo. Na organización comercial. Nos labores de impresión. Na corrección ortográfica de moitos orixinais, aplicando certa normativización. Porque entendía imprescindible superar a anarquía reinante na escritura dos textos. Suprimín apóstrofes e guións, para facer máis doada a lectura. Vinme forzado a mecanografiar manuscritos, entre eles todos os de Otero Pedrayo, ou de Fole, para facilitar a composición de imprenta. Mantiven tamén unha intensa relación cos autores, subscritores, consultores. (Fernández del Riego 2003, pp. 129-130)
O sexto trazo fíncase na audacia. Franco Grande (1975, p. 36) pregoou: Don Paco non ten tempo pra perdelo en dúbidas inoperantes
. Fernández del Riego esbozou de si mesmo este retrato: Eu era un lanzado, e cando tiña que sacar adiante unha cousa, tiraba dela como fose
(Conde 2018, p. 86). O sétimo trazo ciméntase na eficacia, o que se percibe na predisposición de todos os autores, desde Fole ata Blanco Amor, a supeditarse ao seu criterio. “Ti dirás”, é unha fórmula habitual neles. Cunqueiro, nalgunha carta, chama incluso a Fernández del Riego “mariscal”, e noutra, “amado xefe”.
Un oitavo trazo apóiase no pragmatismo. Fernández del Riego transparentou unha perspectiva realista acerca da viabilidade de cada proxecto. Un paradigma é a aprobación de Da esencia da verdade, a tradución prohibida do ensaio de Martin Heidegger (Dasilva 2015). O 14 de novembro de 1955, Manuel Fraga Iribarne, secretario xeral técnico do Ministerio de Educación Nacional neses días, agoiraba a Ben-Cho-Shey: He hablado con el sr. Úbeda y tengo la mejor impresión sobre la autorización próxima de la traducción de Heidegger Da esencia da verdade
. Joaquín Úbeda, do Servizo de Inspección de Libros, oficiaba a Fraga Iribarne o 17 de decembro: Me complazco en comunicarle que la obra en gallego titulada Da esencia da verdade, de Martin Heidegger, ha sido definitivamente autorizada por este servicio y que la autorización ha sido ya recogida por los interesados en su edición
. Fernández del Riego inquiría ante Ben-Cho-Shey o 28 de febreiro de 1956: Supoño que recibirías un exemplar de Heidegger que che remesaron pra que llo entregues a Fraga Iribarne como agasallo da editorial
. O 1 de marzo, Ben-Cho-Shey contestaba: Chegou o exemplar do Heidegger e xa llo entreguei a Fraga, que o agradeceu
.
O noveno trazo repousa na abnegación. Ricardo Carballo Calero (1975, p. 18) interrogouse: ¿Cántos galegos teñen consagrado a Galicia a súa esistencia con tanta devoción coma el?
. E Fernández del Riego (1996, p. 192), singularmente, describiu sobre el, Piñeiro e Xaime Isla Couto: Como eles dous, queimei horas, días, meses, anos, ao servizo de Galaxia. Cheguei a ser, como se dixese, un obreiro do grupo
. O décimo trazo, por último, reside na xenerosidade. O certo é que, revisando o seu proceder, apréciase esta actitude de Fernández del Riego cos autores. Vese que hai disposición a ter xestos, entre eles procurar pagamentos de Galaxia para aliviar situacións de penuria.
As circunstancias de Fole, Cunqueiro e Risco son precarias, tanto material como animicamente, nun tempo cinsento. Del Riego actúa, con relación a eles, como incentivador moral. Fole invoca o 20 de outubro de 1949: No dejes de escribirme enseguida, pues es necesario estar en continua comunicación. Nunca tantos ánimos tuve
. Cunqueiro implora a Fernández del Riego, nunha carta sen data de 1950: ¿Non che non parez que estóu eiquí xa soio d-abondo e que, de vez en veces, vénme ben a carta dun amigo?
. Risco sucumbe perante o seu abeiro: Pol-o d’agora, gracias por te lembrar aínda de min; non sabes iso o que val...
.
En suma, conclúese que Fernández del Riego asumiu un rol sobranceiro na constitución do canon da literatura galega editando literariamente, así como promovendo e producindo libros. Escolma de poesía galega IV. Os contemporáneos, Obra completa de Ramón Cabanillas, Á lus do candil. Contos a carón do lume, Merlín e familia, Leria, Longa noite de pedra, A esmorga, Vento ferido e Xente ao lonxe non son títulos, baixo ningún concepto, de magnitude menor.
Celso Emilio Ferreiro baduou, nunha desafortunada ocasión, que Fernández del Riego era “el hombre de paja de Galaxia” (Sen sinatura 1968). Nada máis afastado da veracidade. Otero Pedrayo, menos revirado, avaliou publicamente:
A empresa editorial máis grande e lexítima de Galicia se non comprende sin o constante afán, a paixón e o saber inorme e oportuno do noso amigo. Gobernouna como un auriga súa cuádriga, un inxenieiro suas galerías escuras e perigosas. Vai de pe na proa do navío capitán. En certa maneira, pola xenial combinación de prudencia e temeridade, Galaxia é unha orquesta cuios acordes musicales siguen o ritmo da batuta do xoven mestre de branca e leonina cabeleira e a frase xusta, franca, verdadeira. (Otero Pedrayo 1975, p. 66)
E Otero Pedrayo, privadamente, instaba o 14 de xaneiro de 1962 a Fernández del Riego: Cóidese. Agora as cousas van ben. Cóidese aínda que soio seña por Galaxia. ¿Que sería de nós sin vostede?
.