FORXANDO VENCELLOS
Os epistolarios que comentarei a seguir, sen ánimo de exhaustividade, máis ben, a modo de estudos de caso, revelan con claridade que as redes colaborativas nas que se sustentou a historia da cultura galega de posguerra foron, fundamentalmente, amicais. Isto non é un detalle simpático senón un feito que explica moitos cruzamentos e posicionamentos que, xulgados dende unha lóxica política, son dificilmente explicables e a miúdo resultan tamén dificilmente comprensibles dende as tomas de posición dos actuais axentes culturais na esfera pública. O certo é que esas redes foron construídas e sostidas baixo unhas durísimas circunstancias —isto cómpre non esquecelo— de represión e censura, nun contexto que demandaba, para a supervivencia persoal pero tamén do proxecto, manter con firmeza dúas actitudes: lealdade e disciplina. Todos estes valores —amizade, lealdade, disciplina— revélanse con absoluta claridade na lectura destes epistolarios, nos que se debuxa unha cartografía de redes que non encaixan (e que mesmo cuestionan) nas actuais, e que son imposibles de entender se estas últimas, nas que todas nós operamos, non son postas dialecticamente en suspenso.
Como editora, coñezo ben as cartas que Ricardo Carballo Calero e Álvaro Cunqueiro lle dirixiron a Francisco Fernández del Riego, mais referireime tamén ás de Piñeiro, así coma aos epistolarios cruzados entre Del Riego e Neira Vilas por unha banda e Del Riego e Luis Seoane por outra, con algunha alusión ao de Lois Tobío. Todos eles aparecen referenciados ao final destas páxinas.
Se non nos sorprende o carácter intraxeracional destas redes, si resulta máis rechamante o feito de que sexan redes verticais ou, dito doutro xeito, interxeracionais, un factor que lle dá aos vínculos que nelas se establecen unha extraordinaria diversidade, profundidade e dinamismo. Isto intúeo moi ben Neira Vilas (nado en 1928) cando describe a relación que el e Anisia mantiveron con Paco (nado en 1913) como a un tempo amical, literaria, galeguista e comercial
(Neira Vilas 2013, p. 17). Este carácter interxeracional está relacionado cun feito epocal que os epistolarios revelan con claridade: refírome á longa duración dos ciclos amicais. As cartas intercambiadas entre Del Riego e Neira Vilas van de 1959 a 2007; as que Carballo lle escribe a Paco (permítanme a licenza de chamalo así), de 1932 a 1984. Pero é que, ademais, o vínculo amical mantíñase indemne tras longos períodos de silencio e non esixía contacto estreito, pois ata non hai tanto estaba asumido que as posibilidades que as persoas tiñan de desprazarse eran limitadas. Así, dende agosto do 1955, con Carballo Calero e a súa dona xa instalados en Fingoi, os dous amigos empezan a planificar unha visita de Paco e Evelina, xa que fai moito tempo que non nos vemos, agás breves instantes de tropezo en Santiago que non pasaron de dous
(carta do 18 de agosto de 1955, Carballo Calero 2006, p. 167). Pois ben, a tan anceiada visita non se podería materializar ata setembro do 1956.
O vínculo amical, forxado na adversidade, era tan sólido que aínda nunha carta do 4 de setembro de 1980, e malia o achegamento de Carballo ao reintegracionismo e o seu conseguinte afastamento de Galaxia, Ricardo invoca a Paco como amigo meu, se algún amigo teño
(Carballo 2006, p. 560) para impelelo a que non se involucre na organización de ningunha homenaxe co gallo da súa xubilación. De como manter o vencello amical e facelo compatible coas diferenzas políticas e /ou ideolóxicas que inevitablemente ían xurdindo en relacións que se delongaban tanto no tempo, dá boa testemuña o epistolario entre Seoane e Paco1. Xa en 1951 empezan a aparecer discrepancias entre eles, en relación a Manuel Puente e a súa suposta condición de mecenas. Pero en 1957, tras a saída de Seoane dos órganos directivos do Centro Galego, ábrese unha nova etapa tamén na relación entre ambos os amigos. A carta que o 8 de maio de 1957 Paco lle escribe a Seoane ilustra ben as dificultades que esas amizades tiveron que afrontar para sobrevivir, en contextos moi confusos e facendo da sinceridade e a lealdade as armas coas que loitar contra as insidias:
e escribo esta carta, además, bajo la impresión de una tremenda amargura. Desde hace una larga temporada se están tejiendo en torno a mí una serie de insidias, que recientemente se han recrudecido. Tengo la seguridad de que han llegado hasta tí, aunque desconozco el alcance que les darías. Parece que existe el propósito por parte de alguien de envenenar las cosas y fomentar intrigas. A estas alturas, después de años y años de una total entrega a una labor cultural, llena de sacrificios y desasosiegos, resulta que soy persona a la que hay que poner en cuarentena. Y mientras tanto, otras gentes, de cuya presencia en el campo de nuestra cultura no se supo hasta hace muy poco, ofrecen las mayores garantías e incluso se permiten despreciar, por estéril, la labor realizada. Es realmente triste todo lo que ocurre. Y más aún, que se utilicen armas tendenciosas, no sé con que objetivo. Como conozco bien tus calidades humanas y tu profundo sentido de la amistad, confío en que dudarás, al menos, de ciertas indicaciones que te hacen llegar. De mi lealtad hacia tí, tienes sobradas pruebas; y de que colaboré generosamente contigo, como tú lo hiciste conmigo, no es necesario hablar. Siento un enorme y entrañable afecto por tí, y lo seguiré teniendo, aunque pretendan enturbiarlo.
Ao fío destas disensións e malentendidos, o 8 de novembro de 1957 Seoane escríbelle a Paco:
Os estáis dejando guiar por noticias e informes de terceros, inexactos e interesados, y no es propio, creo, de vosotros ni de nosotros, dejarse llevar de terceros para las cuestiones referidas a problemas nuestros. La culpa de lo ocurrido en el Centro Gallego y de que no hubiese venido a ésta el equipo que se proyectaba, la tuvo exclusivamente el grupo informante vuestro al utilizaros como una maniobra en la que vosotros érais bandera, que les salió mal, para cuestiones solamente electorales del C. G. Estáis mal informados con respecto a esto y lo siento. Por esas maniobras salió perdiendo Galicia. Perdóname todo esto, pero creo que entre nosotros debemos decirnos con claridad lo que pensamos.
AFECTOS E MASCULINIDADES
Unha das dimensións máis interesantes destes epistolarios é que nos abren fiestras relativamente insólitas aos ámbitos emocionais e sentimentais das masculinidades da época. Son moi frecuentes os desafogos, as mostras dunha debilidade ou canseira anímicas que seguramente atopaban poucas canles de expresión directa nun contexto tan proclive ás masculinidades fortes. Moi probablemente, a distancia comunicativa imposta pola comunicación epistolar propiciaba ese pulo superador do pudor. No caso de Cunqueiro, na súa etapa mindoniense, esas mostras resultan especialmente reiteradas e emocionantes. Velaí a carta do 8 de febreiro de 1958:
Estou canso. Teño que saír uns días de aquí. César está en Lugo facendo o preuniversitario, e cáseque non teño con quen falar. Lin toda esta tempada libros demais, e teño a cachola colma e confusa. Escribo con acedía e sin xeito. E o vento seguido e a choiva anóxame. Estou quizaves nun mal tempo moral. Vai un na madureza da vida, e non fixo nada ou cáseque nada, salvo dúas ou tres canciós ou dúas ou tres páxinas.Véxome soio, aconchado nun buraco. E derriba de todo, toda a escura nugalla política, moral e inteleitual dista hora. E morres, e despois vén José Luís Varela e faiche nunha historia da literatura un capíduo como o que lle fixo a Pondal. Ou vén Dionisio Gamallo e trátate como o Viejo Pancho... (Cunqueiro 2001, pp. 119-120)
Insiste na mesma liña nunha carta de 1959 na que lle pide cartos ao editor e amigo, cartos que precisaba por mor dun gasto imprevisto motivado polos estudos dun dos seus fillos. A carta de Cunqueiro remata: Estou canso, amolado, anoxado. Nunca se sae desta roda
(2001, p. 165). E seguirá insistindo neste desamparo: Estou canso, i-algo soio. Peso 96.500.
(2001, p. 188). Pero tamén Paco, o aparentemente infatigable Paco, ten as súas crises de abatemento. Velaí o que lle escribe a Seoane o 7 de xuño de 1956:
o estoy atravesando una temporada de decaimiento y crisis moral. Me siento muy cansado, y me faltan ánimos para todo. Muchas veces me inclino a reducir esta gran tensión de trabajo a que me hallo sometido, para realizar una vida más contemplativa. Hay muchos momentos en que me molesta hablar con la gente, y desearía no saber nada de nada. Espero que esta neurosis mía no adquiera carácter crónico.
Nestes epistolarios son recorrentes as expresións “Querido amigo” e “unha aperta” como saúdo e despedida, expresións que podemos interpretar como simples formulismos. Mais tampouco son infrecuentes outras xa non só de confianza e dunha certa intimidade senón de agarimo. Velaí estas espontáneas manifestacións de afecto por parte de Cunqueiro a Del Riego: no outono de 1949 escríbelle grande é a miña preguiza pero é meirande o amor que che teño
(Cunqueiro 2001, p. 41) e, dez anos despois, Con moitas ganas de verte
(2001, p. 161).
Un exemplo semellante atopámolo na carta que o 12 xaneiro de 1950 Paco lle escribe a Seoane, en referencia ao encontro mantido durante a breve escala que o barco no que este viaxaba de Londres a Buenos Aires fixera en Vigo: También nosotros hemos sentido un íntimo contento al tenerte a nuestro lado durante las pocas horas de tu estancia aquí. Bien sabes que todos te queremos de verdad, y tu presencia en Galicia, aunque fuese fugaz, nos emocionó profundamente
.
En xeral, estes epistolarios ofrecen unha perspectiva novidosa dende a que ollar as masculinidades da época que se cadra pode axudarnos a superar certos prexuízos e tópicos limitadores cos que adoitamos xulgalas. Un bo exemplo constitúeo esta petición de Carballo a Paco, a quen non vía dende antes do comezo da guerra, en carta do 25 de xullo de 1944: Como hace tanto tiempo que no nos vemos, he sentido curiosidad por saber cual es tu aspecto físico. Melancolía del tiempo. [...] mándame tu retrato, a ser posible de cuerpo entero
(Carballo 2006, p. 80).
Neste ámbito da afectividade Cunqueiro é especialmente expresivo, incluíndo reiteradamente Evelina, a dona de Paco, nesas manifestacións de agarimo: Dalle a Evelina todo meu amor
(Cunqueiro 2001, p. 159). Isto resulta rechamante porque na época non era tan habitual este tipo de amizades mixtas, que Cunqueiro semella esforzarse por manter, senón que o común nas parellas eran os vínculos entre maridos por unha banda e donas por outra, vínculos que moi a miúdo eran xestionados por eles, que operaban como mediadores, algo que se aprecia moi ben no epistolario entre Paco e Seoane, reiterados transmisores do envío de saúdos e memorias entre Evelina e Maruxa.
Nas cartas emerxen cuestións privadas, relativas á saúde dos correspondentes ou das familias e amizades, a circunstancias familiares como os éxitos académicos das fillas de Carballo ou dos fillos de Cunqueiro e, sempre, os atafegos laborais. Pero, como xa apuntei, son abundantísimas as confesións relativas ao (baixo) estado de ánimo, que denotan unha notable capacidade de manter a confianza e a intimidade independentemente da distancia física ou cronolóxica. Neste senso, as cartas revelan unha sinceridade que só pode ser filla da confianza e da lealdade que se profesaban. Velaí o que lle di Carballo a Del Riego en carta do 14 de outubro de 1932:
A túa conferenza causóu unha escelente impresión. Non así a túa persoa. Recoméndote que ceibes ese ar somnolento do bonzo que traguías, que sexas máis efusivo cos irmáns e un pouco menos estático. Debes abandonar ese ar de Rabindranath Tagore e sustituílo por unha cordialidade e unha atención que non tiveches para os de acá, ôs que apenas fixeches caso [...] Como me chamas o teu preceitor espritoal, síntome levado ô sermón. (Carballo 2006, p. 22)
Na mesma liña, resulta demoledora a carta do 14 de novembro dese mesmo ano, na que o aconsella sobre o seu estilo literario e da que escolmo só algunhas frases abondo gráficas:
Vouche dar un consello literario. Debes evitar coidadosamente todo o que cheire a Otero: párrafos longos, follas outonizas, evocacións románticas, fermosas verbas. Sóbor de todo, renuncia a darlle tanto alento á túa prosa, renuncia ô preciosismo [...] a prosa preciosista hai que enchela de belas ideas ou recamala de belas imaxes e precisas melodías. Ti a enches de ar, fas unha prosa filló [...] Os teus artigos son grandes solfas, grandes concertos de violón: pero todo parece man ezquerda, acompañamento. Os teus artigos son palla frorida, sen migalla de gran. (2006, p. 31)
Pero as cartas amosan tamén a axuda incondicional que se prestaban. No caso de Ricardo e Paco, por exemplo, o apoio de este foi fundamental para que o primeiro puidese cursar por libre os estudos de Filosofía e Letras, vivindo xa en Ferrol: entéirame de que asignaturas constituien os anos terceiro e cuarto, qué profesores hai, qué hai que estudar, qué programa —que me enviarás— [...] mira que necesito para aprobar Historia Meia de España preguntando ôs alumnos e ô profesor no meu nome e proporcionándome de ser posible uns apuntes de Viñas
(carta do 14 de outubro de 1932; Carballo 2006, p. 23).
IDENTIDADES EN DIÁLOGO
A miúdo, os epistolarios (calquera, non só estes que agora nos ocupan) son fiestras abertas a aspectos descoñecidos da identidade de quen o escribe e de quen o recibe. Por unha banda, e como xa apuntei, porque a distancia espacial e temporal na que a carta se materializa como ponte comunicativa permite abordar cuestións que a proximidade, o trato cotián, vetan ás veces polo pudor, outras simplemente polas cautelas que impón a convivencia. Pero é que, ademais, escribir sobre un, sobre unha, implica sempre un exercicio de autoanálise, e aínda máis cando as cartas pretenden superar unha longa fractura temporal: “Quen era eu cando te coñecín? Quen son hoxe? E ti? Segues sendo aquela persoas que eu apreciaba? Segues a manter as túas / nosas conviccións?”. Semellan estas cuestións previas, que o emisor debe resolver antes de coller a pluma.
Isto é xusto o que acontece na carta que Paco lle escribe a Lois Tobío o 26 de abril de 1951, residindo este en Montevideo. Na primeira da serie, Del Riego pono ao día da súa situación, tras os anos pasados sen vérense, seguramente dende que Tobío se exiliara no 1939, se non mesmo dende antes. O reconto resulta ser, finalmente, unha dura diagnose que Del Riego fai do seu estado de ánimo, da “doenza espritual” que o abura. A cita é extensa, pero paga a pena:
Meu querido amigo: Fai tempo que tiña mentes de che escribir. Diversos motivos viñeron aprazando o meu propósito. De todol-os xeitos, coido que desde que nos separamos —¿cántos anos van aló?— non deixei de seguir os teus pasos. Sempre andiven preocupado pol-a tua sorte. Non en balde che debo favores de amistade e orientacion, n-aquiles tempos universitarios. ¿Lémbraste? Por tua nai, por teu irmán Alfonso, por amigos comúns, percurei decote enteirarme dos teus rumbos. Agora Pita, infórmame adoito, e seméllame que en tantos anos non te perdín nunca de vista. A tua aititude frente ás nosas cousas preocupábame, e sentíame anceioso de saber o que facías.Eu vivo unha vida abondo desnorteada, mergullado nun ritmo febril de traballo, sin apenas compensaciós. Todo parece afundido arredor dun. Se un acerta a atopar cun asideiros. Pasaron os anos, e siguen pasando, nun total fracaso persoal. Soio unha fe galega, n-iste pequeno mundo noso, sostén a un n-ista realidade abraiante, carregada de esceuticismos e deceuciós. Muitas veces teño matinado na idea de vivir, coma vós, a vida da emigración. Pero sinto un ausurdo tremor por me afastar de Galicia. A pesares de iste isolamento, de iste aturar día a día unha doenza espritual, da que cecáis non vos decatades ben, cóstame muito crebar as amarras. Aínda quedan algús amigos, bandeados coma min pol-as circunstancias. Pero bó é que haxa xentes limpas e xenerosas, capaces de sortear con enteireza o revolto balbordo que nos asolaga.
Nos minutos, poucos por certo, que podemos furtar ó traballo múltipre e abafante que hai que realizar para vivir, facemos o labor cultural que nos é posibre facer.
Este tipo de sínteses informativas en relación ao estado de ánimo e aos proxectos vitais son tamén relativamente habituais logo de períodos de silencio epistolar. Velaí o que lle escribe Seoane a Paco o 5 de febreiro de 1948, tras oito meses sen comunicárense (a carta anterior é do 5 de xuño de 1947):
Hace mucho tiempo que te debo respuesta a tu última carta, con fecha de hace ya bastantes meses. Fuí dejando la contestación por motivos distintos pensando hacerlo a cada instante y no lo hice, más por falta de ánimos, por depresión, que por cualquier otra razón justificable. Pero todo esto nada tiene que ver contigo, ni con todos los demás amigos de ahí, sino conmigo mismo y es por tanto inútil escribir de ello. También le debo una carta a Maside, a quien escribiré uno de estos días.
Os epistolarios nos que Paco está implicado, sexa como emisor ou como receptor, amósano como un editor moderno, cun proxecto cultural ben definido, esforzándose por poñer todos os medios posibles para materializalo, medios que naqueles intres esixían en boa medida a “fichaxe” de vontades dispostas a implicárense con xenerosidade. Neste sentido, e como tamén se pode percibir nos epistolarios, La Noche foi unha sorte de ensaio xeral do que logo sería Galaxia, pois o suplemento permitiu ver quen estaba disposto a implicarse e quen non.
Certamente, a reconstrución do galeguismo de posguerra foi posible porque existiron persoas como Del Riego, que antepuxeron os seus ideais aos intereses persoais. E se o soño de Galaxia se fixo realidade foi porque Del Riego se empeñou e porque un grupo de homes nobres souberon traballar en equipo desempeñando infatigable e disciplinadamente o papel que o destino e as circunstancias lle adxudicaron a cada un deles. Comentaremos estas cuestións na seguinte epígrafe.
DISCIPLINA E ROLES
Referireime despois a como os epistolarios articularon o rol ou roles que cadaquén desempeñaba na rede, pero quero determe antes en como a través das cartas se visualiza a disciplina con que ese grupo humano asumía as tarefas que se consideraban precisas, en cada intre, para facer realidade o que eles vivían como un proxecto colectivo. Velaí o compromiso de Cunqueiro co desenvolvemento da prosa ficcional galega, ao que se refire con rotundidade en carta a Paco de 1954 (Cunqueiro 2001, p. 85):
Estamos na obriga de facer todo que seña posibre por unha prosa galega. [...] Do que de min depende, e aínda que vou moito máis canso do que a primeira vista semella, prometinme escribir cada ano un tomo de prosa galega, e fareino así. Coido que nestes anos de longa soedade é todo o que podo facer polo mellor futuro da pequena patria nosa.
Tamén Carballo se pon nas mans de Paco para dar os primeiros pasos no reinicio da súa andaina literaria na posguerra. Tras facerse en 1950 co Premio Bibliófilos por A xente na Barreira, Ricardo consúltalle ao amigo: ahora, ¿que debo hacer? [...] ¿hay algo concreto que sería útil que hiciese?
(carta do 20 de abril de 1950; Carballo 2006, p. 125). Non hai moita dúbida de que Paco debeu tentar con Carballo o mesmo que logo tentaría —con máis éxito— con Cunqueiro: fichar un novo narrador para a literatura galega, pois por aquel entón escríbelle o ferrolán: ....me das tu opinión de que debo escribir en prosa, tanto más cuanto que ahora, según dices, hay posibilidades de editar
(carta do 11 de xuño de 1950; Carballo 2006, p. 126). Pero o grupo xulgaríao máis útil para outros mesteres, como veremos.
Porque cómpre insistirmos no carácter grupal desa disciplina que todos acataron. É dicir, aínda que —como veremos— os roles e liderados estivesen relativamente adxudicados, operábase cunha certa horizontalidade que impedía a consolidación de dinámicas excesivamente xerárquicas. Estas dinámicas maniféstanse con rotundidade en todo o relativo á planificación dos ingresos na Real Academia Galega. Véxase, por exemplo, como lle argumenta Piñeiro a Del Riego (Fernández del Riego 2000, p. 147) en relación ás reticencias deste para ingresar: Non se pode recuar da posición tomada. Agora tocouche a ti seres o instrumento da próxima batalla. O mesmo lle puido tocar a outro
. Nas cartas entre Carballo e Paco constátase como deseñaban en común posicións colectivas para acadar o obxectivo de galeguizar a institución, sendo ben coñecida esta frase que Carballo lle escribe ao amigo co gallo do seu nomeamento: Moitas gracias pola túa fraternal felicitación con motivo da miña desinación como numerario da Academia. Foi eleito un de nós
(carta do 2 de xuño de 1957; Carballo 2006, p. 198).
O carácter colectivo das súas tomas de posición visibilízase ben no reiterado emprego do plural para cuestións deste tipo: Segundo o convido, Valentín deberá ocupar a vacante de Vázquez Saco [...] Eu creo que nós inda que podemos estar representados con nome, non necesitamos ista vez dar demasiadas mostras de que facemos e desfacemos en materia de eleicións
(carta do 1 de xaneiro de 1963; Carballo 2006, p. 354).
Ou na estratexia que Carballo lle suxire a Del Riego en carta do 31 de maio de 1965 (Carballo 2006, pp. 394 e ss.): Piñeiro falóume de Mariñas [del Valle], agora que saíu Premio Castelao. Presentemos a súa candidatura e demos a batalla [...] máis que saír triunfantes, hoxe, que temos bastante xente, interesa votar sistemáticamente de acordo cos noso principios
. E exponlle a idea de montar unha comisión informal que representaría o ponto de vista de Galaxia
(2006, p. 397), unha comisión informal e non pública, da que dá por suposto que se podería disentir pero que garantiría que sempre houbese “candidatos de Galaxia”.
A mesma dinámica grupal semella imperar nos primeiros pasos do que logo sería a cátedra de Lingua e literatura galega da Universidade de Santiago de Compostela. Carballo dille a Paco, en relación á proposta feita polo decano para que asumise o encargo desa docencia: ¿Cómo ía atreverme a refusar? Mallaríades en min
(carta do 24 de setembro de 1965; Carballo 2006, p. 405). Da percepción desa dinámica dá boa mostra esta frase que Neira Vilas lle escribe a Paco o 11 de outubro de 1959: Cada día con máis intensidade estou en comunión espiritoal, de esforzo e vontade común con Vde. Con Vde. e con Vdes.
(Neira 2013, p. 80).
ROLES E LIDERAZGOS
Podemos imaxinar mellor a importancia da actividade de Paco nesta rede, máis alá da evidencia empírica dos seus actos, por medio dun xogo contrafactual. Collamos, por exemplo, o caso de Cunqueiro: sabemos o determinante que foi a intervención de Paco para a súa conversión en narrador galego, pero... cal sería a andaina literaria do mindoniense de non mediar o amigo? A súa aposta pola literatura galega (xa non só pola narrativa) sería tan firme? Canto máis dubidosas sexan as nosas respostas a estas cuestións, máis evidente resulta o determinante que foi o papel xogado por Del Riego nesa andaina.
Os epistolarios revelan dous aspectos notables da actividade de Paco: a súa polifacecia e a súa eficacia. Ambas foron os alicerces nos que se apoiou para exercer unha sorte de liderado executivo desta rede na que a miúdo se vía esgazado entre o amigo e o editor, un pouco empresario e outro pouco psicólogo, pai espiritual e colega de xolda.
Así, as cartas amosan Paco como un incansable embaixador ou cónsul (en acaída expresión de Xesús Alonso Montero) en Galicia do Centro Galego de Buenos Aires, moi activo tanto en relación aos premios convocados pola entidade coma aos ambiciosos proxectos editoriais asumidos por esta ou á xestión de colaboracións para a revista Galicia que o Centro editaba. Por certo que unha función semellante realizaríaa coa cultura portuguesa, tal e como amosa o seu epistolario con Rodrigues Lapa: ambos planificaron por carta a participación dos galeguistas na revista Seara Nova nos primeiros anos da década dos 50.
Mais a dinámica foi bidireccional e Paco actuou tamén como embaixador do galeguismo en América. Marea a enumeración epistolar de actividades e encontros que mantivo en Buenos Aires e Montevideo nos dous meses que durou a súa estadía (entre o 9 de xullo e o 27 agosto de 1954) nos que se reuniu con homes e mulleres de todas as idades, ideoloxías, profesións e orixes. Da súa capacidade para tecer redes e idear e dinamizar proxectos temos unha extraordinaria proba nesta afirmación de Neira Vilas, relativa a esa mesma viaxe: podo afirmar que esa conversa2 con Paco no Centro Ourensán foi o xermolo de Follas Novas
(Neira 2013, p. 17), a que tres anos despois sería a primeira librería e distribuidora do libro galego en América.
O epistolario con Seoane é especialmente ilustrativo en canto ás cuestións concretas (iniciativas editoriais ou artísticas, audicións radiais, concursos do Centro Galego, Congreso da Emigración Galega...) mais déixanos entrever en varias ocasións a capacidade de Paco para funcionar tamén como ponte emocional, algo que se aprecia moi ben igualmente no epistolario con Neira Vilas. Un fermoso exemplo ofrécennolo estas palabras que o pintor lle escribe o 19 de outubro de 1954:
Desde vuestro regreso, hace aproximadamente dos meses, nosotros nos sentimos nuevamente lejos, muy lejos de Galicia. Con vosotros, hablando de los amigos, despertando recuerdos comunes, nos sentíamos como si los años no hubiesen pasado, como si todo hubiera sido lo mismo que entonces y al separarnos nos fuésemos cada uno a nuestra casa compostelana para encontrarnos al día siguiente a la puerta de la Universidad, o en el café, o en el paseo de la Rúa del Villar. Con vuestra visita venía para nosotros un poco Galicia y el pasado, ese pasado que es para los emigrados oro brillante que como el avaro acaricia en la soledad; sumando recuerdo a recuerdo y gozando en cada uno aún en el más triste.
Cómpre insistir en que, malia o liderado executivo que exercía Paco, este operaba nunha dinámica grupal. Así, os epistolarios revelan tamén, aínda que sexa de xeito fugaz, outros aspectos desa dinámica, como o liderado intelectual de Piñeiro, especialmente visible no caso de Carballo quen, en carta do 30 de xuño de 1968, lle explica a Paco que se ía poñer a traballar no segundo tomo da súa Historia da literatura pero que, por indicación de Piñeiro, esgotada a primeira edición da Gramática, considerábase que a reedición desta debía ter prioridade, e que el acepta coa disciplina que constitúi o meu principal defeito
(Carballo 2006, p. 445).
Pero os vencellos de grupo operaban non só no ámbito intelectual senón tamén no da solidariedade emocional: cando a muller do dramaturgo ferrolán Manuel Sánchez Hermida ingresa nun hospital santiagués, Carballo Calero apela —en carta do 8 de novembro de 1932— á solidariedade do grupo galeguista da cidade e pídelle a Paco: É absolutamente preciso que os galeguistas de esa sirvades a este galeguista de aquí buscando a alguén que poda falar con Puente [o doutor Puente Castro], recomendarlle a dona e pedirlle que a opere o máis axiña posibre [...] en fin, xa vedes que é cousa dun galeguista: procedede coma se fora asunto voso
(Carballo 2006, p. 30).
A dinámica grupal e a disciplina fixeron posible logros como o da Historia da literatura galega contemporánea de Carballo (1963, 1ª edición), un proxecto ben planificado para cuxa consecución cada quen debía desempeñar unha función determinada: se Piñeiro era o ‘pai’ intelectual do proxecto, Del Riego era o factótum que o debía facer viable. Xa con anterioridade (véxase a carta do 13 de setembro de 1952; Carballo 2006, p. 139), Ricardo comezara a pedirlle a Paco materiais para rematar o libro Sete poetas galegos que lle fora encargado oficialmente por Piñeiro
(carta do 5 de outubro de 1952; Carballo 2006, p. 140). Mais a partir de 1956 comeza unha intensa dinámica colaborativa que só irá a máis: son innúmeras as cartas dedicadas exclusivamente a estas cuestións ou nas que se fai referencia a elas. O punto de inflexión atopámolo na carta que Piñeiro lle envía a Paco o 25 de xullo de 1956:
Fai un mes, pouco máis ou menos, estivo aquí Carballo Calero. Falamos de que conviña comenzar unha nova etapa de Galaxia: a de investigación cultural. A base fundamental para esta etapa será o gran centro bibliográfico que reuniremos coa integración das bibliotecas de Martínez López e mais de Penzol. Con todo, mentras este centro non funciona, cómpre comenzar igoalmente a laboura. Orgaizando unha especie de prestación bibliográfica colectiva, pódenselle facilitar a cada investigador —que traballe para Galaxia— os elementos necesarios para o seu labor. Galaxia pode establecer este servicio. Contando con el, Carballo comprometeuse a unha empresa de gran alento: a elaboración dunha Historia crítica da literatura galega. (Fernández del Riego 2000, p 110)
Todo ao longo dos 50, os distintos epistolarios amosan que en Galaxia o planificador era Piñeiro e o executor Paco, e que os roles estaban definidos con claridade, tal e como amosan as reiteradas demandas que Carballo lle formula a este, sempre alicerzadas na autoridade de aquel: Díxome Piñeiro que ficaba centralizado en ti o servicio de materiás pra o meu libro [...] Convén que istes se servan coa másima dilixencia, pois de outro xeito a obra nunca se rematará
(carta do 13 de agosto de 1956; Carballo 2006, p. 178); De acordo con Piñeiro, mándoche unha lista de obras sobre Rosalía que interesa consultar
(carta do 22 de novembro de 1957; Carballo 2006, p. 204); De acordo coas instruccións de Piñeiro, trasladéime á Coruña onde estiven varios días traballando na biblioteca da Academia
(carta do 23 de setembro de 1958; Carballo 2006, p. 216). Os exemplos son innúmeros.
CODA
Os epistolarios, malia seren corpus de natureza privada, outórgannos unha perspectiva nova dende a que contemplarmos a realidade histórica e, ás veces, mesmo nos ofrecen a posibilidade de completala. Así, por exemplo, os casos que nos ocupan semellan imprescindibles para unha historia da actuación da censura contra a literatura galega, aínda por escribir malia a achega fundacional de Xesús Alonso Montero ou os exhaustivos estudos de caso que nos últimos tempos nos forneceu Xosé Manuel Dasilva. Un bo exemplo desa potencial utilidade constitúeo o relato dos avatares que rodearon a estrea do Hamlet de Cunqueiro, dos que este vai dando cumprida información nas cartas ao amigo.
Este tipo de coleccións documentais tamén son utilísimas para unha historia da evolución dos criterios de canonización literaria e de cales eran os axentes que os aplicaban nun sistema tan pechado e reducido coma o galego. Neste senso, resulta moi reveladora —a modo de exemplo— a atención prestada á universidade española, como ámbito posible dunha certa complicidade co galeguismo, a carta do 1959 na que Cunqueiro (2003, pp. 141-142) comenta con Paco unha disputada oposición a cátedras de literatura española en Madrid, ante a expectativa dos posibles apoios que da súa resolución se puidesen derivar.
En definitiva, os epistolarios aquí comentados revélanse como conxuntos documentais operativos moito máis alá das dinámicas privadas e bidireccionais nas que adoitamos interpretalos. Interesounos agora a súa funcionalidade estrutural na construción dunha rede rizomática de relacións que permitiu o desenvolvemento dunha cultura galeguista vizosa e diversa ao tempo que útil e solidaria. O papel fulcral e nodal que xogou Del Riego nesa rede resulta, a todas luces, evidente.