O EQUIPO DA EDITORIAL GALAXIA EN TRES IMAXES
Todos as investigacións sobre o galeguismo na segunda metade do século XX salientan a transcendencia da creación da editorial Galaxia como un proxecto colectivo singular de resistencia político-cultural ao franquismo (Villares 2013). Esta iniciativa destaca polo orixinalidade da estratexia adoptada, que mudou un partido político clandestino —o Partido Galeguista— nunha sociedade anónima por accións cun exemplar sistema de gobernanza (Vidal 2020, 2022). De vez, a análise do proxecto Galaxia revela como un dos factores chave do seu éxito e supervivencia o traballo en equipo e a mobilización intelixente do talento e dos capitais humano, social, cultural e relacional das redes e subredes galeguistas que orbitaban arredor da editorial (Villanueva 2015).
Para representarnos visualmente a editorial Galaxia como equipo e como hub do galeguismo temos dúas posibilidades. Primeiramente, podemos recorrer á fotografía de grupo tirada en Santiago de Compostela o 25 de xullo de 1950 no bodegón do hotel Compostela1. Naquel grupo de vinte e nove homes e catro mulleres que asistiron á asemblea fundacional da editorial non se atopaba Ramón Piñeiro, futuro director literario e estratego do proxecto Galaxia. Naquel verán de 1950, Piñeiro atopábase en Santander para ser operado das graves cataratas que o condenaban a unha prematura cegueira (Fernández del Riego 2000; Monteagudo 2015).
Como segunda alternativa, podemos botar man do icónico e colorido cadro de Xohán Ledo, nome artístico do médico galeguista Ricardo García Suárez, onde aparece “embotellados” no lenzo o equipo que puxo en marcha a empresa: Xosé Meixide, Rufo Pérez, Luís Viñas, Francisco Fernández del Riego, Emilio Álvarez Blázquez, Xaime Isla, Antón Beiras e o propio Xohán Ledo. Con todo, neste lenzo bótase de ver outra volta a ausencia de Ramón Piñeiro.
Recuncamos na relevancia desta dupla ausencia de Piñeiro, porque se atendemos ao relato canónico establecido por Paco del Riego na súas tres obras autobiográficas e memorialísticas —O río do tempo (1990), A xeración Galaxia (1996) e Camiño andado (2003)—, os tres grandes “pioneiros da empresa”, ideadores e realizadores de Galaxia foron: Xaime Isla, conselleiro delegado e argallador da idea, Ramón Piñeiro, director literario, e Paco del Riego, xerente e factótum da editora. Mais a ausencia na fotografía colectiva e a invisibilidade de Piñeiro no cadro de Xohán Ledo deixan un pouso de insatisfacción. E fainos matinar en recorrer a outra alternativa gráfica: a “hidra” de Galaxia.
A hidra é un animal depredador cativiño pero tamén un monstro mitolóxico acuático: unha caste de serpe policéfala. A hidra que acadou maior sona na mitoloxía clásica foi a de Lerna, que combateu e matou Hércules. E co veleno desta hidra, Hércules iscou as súas frechas para matar a Xerión, o xigante que a lenda sitúa soterrado embaixo da torre de Hércules. Mais despois deste desvío mitolóxico, cómpre resolvermos o motivo polo que apelamos a unha hidra de Galaxia. En data indeterminada, Xaime Isla Couto —afeccionado á caricatura— debuxou o equipo impulsor da editorial Galaxia como unha hidra tricéfala, onde emerxían as súas testas dun mesmo corpo de serpe (Pastoriza 2015a, p. 62). Unha metáfora dun réptil humanoide que representaba a autoconciencia do protagonismo de Paco del Riego, Xaime Isla e Ramón Piñeiro na dinamización e liderado do principal emprendemento da resistencia político-cultural ao franquismo.
Evitando as andrómenas que nos puidesen conducir a pensar en conspiracións reptilianas, resulta máis acaído pensar nunha motivación alternativa para representar a trepia galaxiá con esta feitura. Se cadra, o moi católico Xaime Isla tiña en mente o Evanxeo de Mateo cando bosquexou a hidra: Vede que vos mando coma ovellas entre lobos. Así que sede prudentes coma as serpes, e sinxelos coma as pombas. Tede coidado coa xente porque vos entregarán aos tribunais e hanvos azoutar nas sinagogas
(Mateo, 10:16-17). Porque precisamente o labor de conspiración e resistencia argallada por Isla, Piñeiro e Del Riego demandaba toda unha serie de virtudes: astucia, prudencia, valor e unha integridade radical fronte aos riscos, perigos, seducións e unha ditadura inzada de “lobishomes” represores e violentos.
O GRUPO GALAXIA: UN EQUIPO DE ALTO RENDEMENTO
Revisando a traxectoria do equipo Galaxia, podemos concordar en que Paco del Riego, Ramón Piñeiro e Xaime Isla lideraron un equipo de persoas que actuaron como conspiradores de alto rendemento. Mais resulta preciso previamente definir que entendemos por “conspirar” e “alto rendemento”. Etimoloxicamente, conspiración significa “respirarmos xuntos” que, trasfegado á “hidra” de Galaxia, recoñece unha respiración compartida para resistir e para construír Galicia en equipo e mancomún. Un mandato e un estilo, o do traballo en equipo, que formaba parte do ADN das persoas que se nuclearon arredor de Galaxia. Heroes calados
, en verbas de Seoane, como nos lembraba Ramón Villares (2021), pero quen de respirar con peito común.
A partir da análise das dinámicas de grupo e as micropolíticas do equipo de persoas que participaron no emprendemento colectivo de resistencia e construción que foi Galaxia, podemos afirmar que nos atopamos perante o que hogano se denomina equipo de alto rendemento. Unha característica que explica a feliz continuidade histórica de Galaxia fronte á sempre real ameaza de disolución e autodisolución, procesos de descomposición que adoitaron afectar a outras moitas iniciativas fracasadas do galeguismo. Esta dinámica interna resultou central á hora de lograr que unha identidade política minoritaria —a galeguista— mudase na cultura política que inspirou os esteos institucionais da Galicia autonómica (Rodríguez Polo 2009).
Porque un equipo de alto rendemento presenta nove características a partir das cales se poden describir e avaliar as dinámicas, funcionamento e resultados do equipo Galaxia: obxectivos claros e compartidos; roles e responsabilidades definidas; comunicación aberta, honesta, transparente; confianza mutua; colaboración, división do traballo e complementariedades; resolución construtiva de conflitos; responsabilidades compartidas; adaptabilidade e flexibilidade; e recoñecemento e celebración de logros.
Hogano, o gran desexo das institucións, empresas e entidades vén sendo contar con equipos de alto rendemento. E invisten enerxías e recursos en acadar este resultado nutritivo para a eficacia e o benestar do seu talento humano. Agora ben, o equipo pioneiro de Galaxia careceu do acompañamento de asesores ou de empresas de formación e consultoría. Xa que logo, o seu adestramento e preparación para actuar como un equipo de alto rendemento debemos procuralo noutra fonte.
En primeiro lugar, Del Riego, Isla e Piñeiro compartiron un proceso de socialización política como primeira xeración de nativos nacionalistas
, como salienta Justo Beramendi (2023). A responsabilidade directa da súa formación no traballo en equipo radica no Partido Galeguista e en organizacións satélites (Ultreyas, Mocedades Galeguistas, Seminario de Estudos Galegos), institucións que constituían un “ecosistema de equipos” onde aprenderon experiencialmente o traballo en equipo e a súa importancia, relevancia e transcendencia para a consecución dos obxectivos políticos, culturais e sociais do galeguismo.
Neste proceso de socialización aprenderon unha clave fulcral para a comprensión das amizades, lealdades e filiacións de longa duración: a irmandade, a disciplina e o espírito de sacrificio. O 12 decembro de 1935, o exsecretario de organización da Federación de Mocedades Galeguistas (FMG), Xaime Isla Couto, publicou n’A Nosa Terra o artigo “No plano da acción da Mocedade. Os irmáns e a irmandade”, onde establecía como obriga dos afiliados crear un clima de irmandade entre os mozos da Federación
. Unha irmandade entendida como clima afectivo moral e afeitivo do nazonalismo galego
, de xeito que para un mozo patriota os outros patriotas son irmáns e sinxelamente como irmáns serán tratados uns e outros
. Xa que logo, debían existir confianza e compenetración entre os mozos que derivasen nunha integración e vencello simbólico en todas as actividades da mocidade patriota de xeito que nacese unha amizade e acontecese a hospitalidade entre todos os mozos e grupos da FMG. Unha irmandade anticipada no decálogo do Ultreyas (Diéguez 2003) que nos conecta coa doada apelación contemporánea á “familia” e que podemos trasladar de xeito coherente ás xentes de Galaxia: familia política, familia cultural e familia de irmáns.
Esta dimensión familiar do equipo Galaxia atópase reflectida nun proxecto de carta datado o 26 de marzo de 1955 que Xaime Isla tiña intención de remitir ao seu irmán Ramiro —exiliado en Venezuela— e que sintetiza esta autoconciencia de convivencia familiar e rede de afectos e coidados mutuos:
Meu querido Ramiro,Tópome aquí en Santiago, miña terra, e quero escribirche. É noite. Veño da casa de Domingo García Sabell. Con Cris. Con Paco del Riego e a súa dona. Con Ramón Piñeiro e a súa muller.
Quero escribirche deseguida, denantes que o trafego das xornadas, dos traballos demoren un intre feliz. Na cas de García Sabell, arredor da mesa, preto dos seus libros, da súa discoteca, síntese un no fogar familiar. Tantas veces estivo aquí D. Ramón Otero Pedrayo. Estiven tamén eu con el, cos rapaces novos que aprenderon a amar Galicia fóra dos textos da Universidade, fóra dos xornais, fóra do ambiente oficial, presentíndoa no aire, nas feiras da Ferradura, nas súas vacacións da aldea, na súa alma, no fondal da súa alma máis ben.
Quero escribirche. Hoxe rematarei en Vigo, antes de saír cara unha das labouras abafantes do despacho. Fiquei liberado e estiven o serán no tren con Cris, de viaxe na compaña de Paco del Riego e a súa dona Evelina, e logo, na conversa con Piñeiro, con Domingo, feliz. Somentes botamos de perda a D. Ramón Otero Pedrayo (ten enferma á súa mai en Trasalba e nestes días somentes alí tópase tranquilo).
Primeiro, denantes da cea, fixemos o noso repaso de conciencia. As nosas cousas. Sentimos desacougo das fallas que temos de superar a présa; devecemos polas nosas responsabilidades nesta hora galega. Paco fixo relatorio das súas relacións todas con América. Domingo e Ramón sereos, profundos, da nosa vida cultural. Eu de Galaxia, da nosa cultura, dos nosos libros, da nosa xentes. Lémbrome da derradeira carta que me chegou de Ramón. Novas optimistas; o limpo esforzo que camiña para o mañán; a semente fecunda da nova xeración. (Isla Couto 2022, pp. 207-208)
En segundo lugar, outro elemento que debemos salientar deste período de formación inicial e fundamental a nivel da súa común biografía galeguista vén sendo a rexa disciplina e lealdade orgánica aprendida nas MG e na FMG. Porque resulta posible identificar unha continuidade do estilo organizativo da FMG en Galaxia. E para isto temos que poñer o foco no proxecto de estatutos da FMG que Xaime Isla publicou n’A Nosa Terra e en Guieiro e que serían debatidos na III Asemblea das FMG en Ourense o 2 e 3 de maio de 1936 (Rojo 1987).
En síntese, había dous modelos organizativos antagónicos: o primeiro defendía a autonomía dos grupos locais e comarcais, cun enlace consultivo coa secretaría da FMG, dotándose dunha estrutura en rede e de funcionamento atomizado que unicamente permitía a centralización do mando en circunstancias excepcionais. Isla, por contra, propuña a concentración do mando en moi poucos dirixentes —un total de cinco— nunha Xunta Nacional, cun Segredario Xeral e catro Reitores, cunha Oficiña Nacional e un Consello Nacional meramente consultivo. Esta estrutura restrinxida considerábase un requisito imprescindible para acadar unha actuación única, coherente e monolítica de toda a organización. E para conseguir a unidade e cohesión nacional, Isla salientaba que había que renunciar ás divisións intragalegas por razón de ideoloxía, de aí a súa apelación á unidade: Todo en Galiza debe ser unificado, Galiza é unha unidade, e o máis arduo problema do nazonalismo é agudizar a concencia da sua unidade. A nosa organización ten de responder a esa unidade
. Xa que logo, o modelo de Isla propuña unha dirección única, centralista, baseada nunha rexa disciplina e que guiase os militantes nunha dirección única e unitaria. Organizados en células, pero sendo unha organización total, ortodoxamente nacionalista, e de arriba-abaixo, especializada na infiltración noutras entidades para controlalas e galeguizalas. Con todo, os estatutos de Xaime Isla retiráronse do debate e buscouse un equilibrio: nomeouse un Consello Executivo Nacional e a Oficina Nacional rematou nun órgano informativo e non centralizador. Ademais, as bases poderían discutir os acordos antes de ser aprobados polos órganos directivos da FMG, de tal xeito a organización resultaría menos xerarquizada, centralizada e autoritaria do que propuña Xaime Isla.
Agora ben, tras da guerra civil e da represión, o modelo de Xaime Isla vaise reactivar como estrutura organizativa acaída para as duras condicións de clandestinidade e resistencia do Partido Galeguista (Castro 2001). De feito, coidamos que Galaxia conservou o estilo xerárquico e centralizado de organización combativa de vangarda expresados previamente nos reiterados chamamentos á unidade de acción e disciplina férrea da FMG e que se recuperaron nos anos 40 polo puro interese de supervivencia física e política ao tratarse dunha vulnerable minoría á intemperie. Con todo, a continuidade deste modelo bateu nos anos 60 coas novas camadas xuvenís inspiradas nas organizacións políticas de vangarda marxista-leninista baseadas na férrea disciplina, unidade de acción e culto ao líder ou líderes. Agora ben, se cadra Galaxia e a UPG mantiveron quizais máis elementos en común no seu estilo organizativo e de liderado do que nunha chegaron a recoñecer expresamente (Pastoriza 2022).
En terceiro lugar, non existe un equipo de alto rendemento sen motivación. Son coñecidos os leitmotivs de Paco del Riego: queimar a vida por Galicia
ou furar nas tebras
, e o de Ramón Piñeiro: animar e tonificar
. Pero estes leitmotivs teñen referentes previos para os militantes das MG. En primeiro lugar, a apelación á Xuventude de estrelas
que recuperaba unha estrofa do poema “Tarangaños” de Curros Enríquez:
¡Troca en homes de ben estes monstros,
que nin mesmo que os viran meigallos;
nunha gran xuventude d’estrelas
esta gran xuventude de sapos!
En segundo lugar, outra fonte de inspiración foi a afirmación de Ramón Suárez Picallo: É mellor morrer queimado loitando pola liberdade que morrer afogado nas toupeiras
. Mais para completar os leitmotivs da hidra galaxiá, debemos recuperar a menos coñecida realización no fracaso
, que Xaime Isla rescatou do libro Ambiente espiritual de nuestro tiempo do filósofo existencialista alemán Karl Jaspers que leu nas pousas do combate en Aragón e Levante e que empregou como tonificante dos superviventes das Mocidades Galeguistas a comezos dos anos 40 (Pastoriza 2015b).
Unha motivación que debía transformarse en “entusiasmo”, como axiña expresou en 1949 o Ramón Piñeiro que aínda vivía en liberdade vixiada tras a súa excarceración. Nunha carta a Del Riego escrita no ano previo á constitución de Galaxia, manifestaba o seu compromiso cos altos ideais para que a vida teña sentido
e para que a nosa alma arda nunha labarada de entusiasmo
2. Porque, por mediación da nacente editorial, acadaríase que a alma galega comezase a sentir a pasión dramática da libertade, que é a única pasión salvadora dos homes e dos pobos
. De feito, as novas do proxecto redentor e liberador da editora produciron en Piñeiro a “ledicia íntima” de contactar co rexurdimento das vellas arelas
, onde Del Riego tiña o honor de ser un dos guieiros de tal rexurdemento
(Fernández del Riego 2000, pp. 24-25).
En cuarto lugar, non existe equipo de alto rendemento sen visión, tal e como tematizaron Piñeiro, Isla e Del Riego en numerosos escritos, apelando ao Rexurdimento de Galicia
, unha Galiza nova nunha Humanidade mellor
ou unha Galicia dona de seu
. Un labor en equipo que alentaba horizontes de esperanza co fin de acadar o rexurdimento da nosa identidade colectiva e a conquista da democracia e o autogoberno para construír Galicia.
En quinto lugar, non existe equipo de alto rendemento sen misión. E tras da derrota da loita política clandestina, en 1957 na sección “Galaxia” do coñecido como “Informe de Compostela” atopamos formuladas as denominadas sete misións de Galaxia:
Quebrar o illamento moral e renovar o galeguismo, acadar a presenza de Galicia no mundo a través do prestixio da súa cultura; tomar contacto coa mocidade universitaria galega e incorporala ás tarefas de responsabilidade que lles ían ser demandadas como xeración; estudo sistemático da realidade económica de Galicia e a súa actividade divulgadora acerca dos seus problemas económico-sociais; a creación de centros e bibliotecas especializadas para dotar a Galicia da máxima autonomía cultural; atender a formación de xente nova conseguindo pensións para estadías temporais no estranxeiro, e, sobre todo, levar a cabo o estudo científico do idioma tratando de constituír un equipo de lingüistas e filólogos3.
De feito, coidamos que o alto rendemento no cumprimento destas sete misións provocou a mutación na súa autoconciencia xeracional, que agromou como xeración das Mocedades Galeguistas, Piñeiro caracterizouna en 1958 como xeración dos realizadores
, e Paco del Riego canonizouna como xeración Galaxia en 1996.
En sexto lugar, este rendemento e eficacia non sería posible sen o traballo en equipo, un comprometido, dedicado e rexo traballo colectivo malia as diversas ocupacións laborais, o abafo de ocupacións e canseiras, a precariedade de medios e a presión do oscuro escombro circundante
, como lle describía Xaime Isla as circunstancias vitais dos galeguistas vigueses ao europeísta vasco Miguel de Azaola4. Unha verba, “equipo”, que permite describir a Galaxia como unha editorial-equipo5, que editaba libros-equipo6, revistas-equipo (Grial. Revista galega de cultura ou Revista de Economía de Galicia) e desenvolvía un programa-equipo consonte unha intelixente división do traballo, a xeración de complementariedades e a posta en valor dos talentos diversos e plurais, algúns xa coñecidos pola vella convivencia militante e outros emerxentes como resultado da curva de aprendizaxe desenvolvida ao abeiro da experiencia editorial mancomunada.
En sétimo lugar, estamos perante un equipo motivado e inspirado por unha épica de rebeldía, resistencia, reconquista e entusiasmo, como ben cedo o aínda preso Piñeiro lle comunica a Del Riego en agosto de 1948:
¿Teremos folgos para acometer con alta cobiza e rexa vontade a empresa de superar a nosa actitude tradicional de pasivo lirismo cunha nova actitude de máis resonancias épicas? Isto sería entrar de novo na Historia, que é a meta irrenunciábel dos pobos que teñen conciencia de si mesmos7.
Esta apelación ao “pasivo lirismo” conéctanos co debate relativo á aparente resistencia da editorial Galaxia cara á lírica na súa primeira etapa editora e o labor de Del Riego na creación do selo Salnés dedicado á publicación de poesía galega. Unha pista que convido a seguir sitúase no marco da polémica “líricos-prácticos”, que agromou nos anos 50 pero que xa tiña antecedentes nos anos 40. Como a acusación realizada por Manuel Tobío Blanco, vello camarada galeguista e converso ao franquismo, no seu artigo “No más brétemas” publicado en El Español o 12 de agosto de 1944 en que afirma: creemos que ha llegado el momento de proclamar que Rosalía no es el alma de Galicia
e apela aos mortos sementados en España, excomungados por Breogán, pero bendecidos por Dios en castellano
. Un energúmeno
, como o cualifica Henrique Monteagudo (2021, p. 79), que medrou organicamente chegando a ocupar a dirección do xornal franquista Arriba e desempeñándose en 1973 como director xeral de cultura popular en plena agonía do réxime.
Paradoxalmente, a valoración relativa á existencia dunha aparente actitude “antilírica” na editorial Galaxia non era compartida nin polos seus propios integrantes nin polos núcleos activos de oposición ao seu labor, que desprezativamente se referían aos galeguistas como “líricos”. De feito, a resistencia á publicación de poesía co selo de Galaxia cremos que respondía a unha decisión estratéxica coherente e encadrada na súa “política da lingua”, centrada en gañar para o galego eidos inéditos de creación ensaística, como o económico ou o filosófico (Monteagudo 2021). Porque nos anos 50 agromou en Galicia un axitado debate público sobre o desenvolvemento e a industrialización do país. Malia a esfera pública coaccionada e censurada, os galeguistas de Galaxia quixeron dar a batalla por un modelo propio, endóxeno e autóctono de desenvolvemento plasmado nas publicacións da súa Biblioteca de Economía e nas páxinas da Revista de Economía de Galicia (REG) que se comezou a publicar en 19588. Malia este esforzo colectivo editorial centrado na economía, no debate na prensa galega os galeguistas foron alcumados de “líricos”, xa que, fronte a eles, emerxían os “prácticos”, partidarios da imitación e mimetismo de modelos, procesos e ritmos económicos alleos e apoiados tanto polas forzas vivas do país coma pola economía política do Franquismo que, tras a fase da autarquía e os efectos liberalizadores e correctores do Plan de Estabilización de 1959, determinou a incorporación de España ao capitalismo “desarrollista” a través dun modelo de planificación centralizada indicativa que garantía o intervencionismo gobernamental e o autoritarismo na dirección da economía.
O fervor práctico que posuíu aos opinadores na prensa galega —entre eles o vello “cruzado” Luís Moure Mariño e unha figura agora esquecida como Álvaro Paradela, médico e escritor prolífico libertario ferrolán creador da denominación Ferrolterra e dunha versión do futurismo á galega denominado“vindeirismo”— motivou que desde Galaxia se asumise unha defensa aberta do “lírismo”, mais nunhas coordenadas opostas aos defensores do “economicismo”. Ramón Piñeiro expresou a posición xeracional no seu editorial “Economía y cultura”, publicado sen asinar no primeiro número da REG:
Un sentimiento de lealtad espiritual nos obliga a proclamar desde aquí nuestra devoción y respeto para los cultivadores de las ramas culturales distintas de la investigación económica. Al hacerlo cumplimos un acto de estricta justicia. Y también un ferviente deseo: que en ningún modo se nos pueda considerar cómplices de las torpes y chabacanas inculpaciones que a veces se les hacen desde los periódicos, y que nosotros, con el sentimiento de responsabilidad que nos dá el estar dedicados al estudio de la economía gallega, somos los primeros en deplorar. Que conste así. (Piñeiro 1958)
Mergullados aberta e conscientemente nunha batalla pola conquista da opinión pública, cada avance de Galaxia na materialización do seu proxecto económico era saudado por parte da irmandade galeguista como unha vitoria dos “líricos” fronte aos “prácticos”, como ben lle sinalaba Celestino Fernández de la Vega a Xaime Isla respecto dunha “Perspectiva” da REG:
O editorial está cheo de sensatez e bon criterio pois xa iba sendo hora de que alguén puxese os puntos sobor das ies pra crarexar as cousas e non incurrir nesa estúpida enfrontación de literatura e economía. Coa “Revista” acredítase que os que saben faguer literatura son tamén os únicos que saben teorizar sobor da economía. Queda demostrado que o “lirismo” de Galaxia non é outra cousa que “mitoloxía” e invención de resentidos e incapaces9.
E o mesmo Otero Pedrayo gababa a REG pola súa modernidade e recoñecía —cunha fermosa analoxía— a transcendencia da economía para espertar do seu soño a nación galega:
Sinxela, forte, crara, lonxe de tópicos e do romantismo económico [...]. Despois de leela co traballo de Vde, contempraizón de outro xeito para min os piñeiros de Trasalba. Son os datos e as series económicas os novos “Queixumes”10.
Precisamente, no seo desta polémica entre “líricos e prácticos” debemos de situar a anécdota —non verificada— que lle atribuía ao industrial e banqueiro Pedro Barrié de la Maza a expresión menos poesía e máis quilovatios
, pronunciada en resposta á solicitude de colaboración co proxecto económico de Galaxia que incluía a edición da REG e dunha Biblioteca de Economía. Xaime Isla transformaría nas súas conversas a dicotomía fachendosa da resposta nunha versión integradora e conciliadora dos opostos coa feitura dun máis poesía e máis quilovatios
. Esta nova consigna sintetizaba a súa visión sobre os termos do debate que expuxo —con fogaxe e sen o risco da censura e das máscaras da autocensura— no seu relatorio enviado ao I Congreso da Emigración Galega celebrado en Buenos Aires en 1956:
Algunhas xentes de espírito mimético e baleiro que andan hoxe por Galicia, pretenden enfrontar aquelas dúas labouras como se fosen opostas ou inimigas. Enseñan epítetos parvos, como aquel de que “os prácticos han de ir por diante dos líricos”, ou mistifican literatura e economía e fan estrondo periodístico coa verba “industrialización”, usándoa sen siso cabal e máis ben coma un conxuro. Adoitan algúns destes a alcumar de realidades ós seus figuramentos miopes, ofuscados case sempre por un antigaleguismo vergoñoso que non son capaces de confesar. Eses tales, que na súa crítica parece que quixeran que os poetas e os historiadores fixeran fábricas ou laboratorios chegando, incluso, a atribuírlles o atraso do País, eles, polo visto, conténtanse con facer unha ruín economía retórica. Mais o certo é que non hai incompatibilidade ningunha entre aquelas grandes tarefas: pola contra, complétase unha coa outra no común esforzo de conquerir o recobramento da nosa personalidade, a saúde e a dignificación social da nosa xente, e que teñen na economía o seu baseamento material. (Isla Couto 1956)
Ramón Piñeiro posteriormente profunda no fundamento da vinculación entre economía e cultura e no rexeitamento da súa contraposición por absurda. Se cadra, non lle apón aos “prácticos” o baldón de “antigaleguistas”, porque recoñece neste colectivo unha inquedanza natural polo desenvolvemento do país, mais errada no seu enfoque:
Este é o galeguismo espontáneo que alenta en tódolos corazóns galegos. Mas hai tamén, como en tódalas cousas, un galeguismo reflexivo e consciente. O primeiro limítase a sentir a Galicia; o segundo esfórzase en conocela e, como consecuencia, en afirmar e desenvolver a súa persoalidade total, tanto no plano dos problemas e posibilidades de orden vital como no das posibilidades e arelas de orde espiritoal. (Piñeiro 1974)
Agora ben, fronte a este xogo de oposicións dialécticas, antinomías políticas e xerarquización das prioridades sociais, Ramón Piñeiro chama por unha acción integral para que o conxunto das enerxías creadoras galegas se despreguen en plenitude mesmo naquelas áreas inéditas como a economía. E con este espírito redacta o mencionado editorial anónimo no primeiro número da REG en 1958 onde afirmaba:
Y nos queda una última aclaración: la investigación económica es, como hemos visto, una actividad cultural específica. Precisamente por eso, no es en modo alguno incompatible con cualquier otro tipo de actividad cultural. Celebramos y deseamos que los poetas y los artistas, los historiadores y los etnólogos desplieguen toda la capacidad creadora del espíritu gallego en cada una de sus ramas culturales respectivas. Lejos de combatirlos, nuestro deber auténtico es imitarlos. Si la investigación de nuestra realidad económica es una tarea cultural casi intacta, la culpa no es de los poetas, de los artistas, de los historiadores o de los etnólogos, que no son los llamados a hacerla. En cambio, con su ejemplo activo nos señalan el camino recto para conseguirlo: trabajar seriamente en la obra. (Piñeiro 1958)
Continuando coa análise das características dun equipo de alto rendemento, en oitavo lugar, destacamos a diversidade de talantes, carácter e temperamentos dos “ideadores-realizadores” de Galaxia, que tiveron a virtude de complementarse. E non afondaremos agora na morbosidade dos desencontros —como os denominou Paco del Riego— porque os conflitos en moitos casos foron disensións produtivas
, en expresión de Pablo García Martínez (2023). Neste senso, superados os ventureiros desencontros, recuperamos a avaliación que tanto Xaime Isla coma Paco del Riego fixeron do traballo en equipo:
Loitamos sen angustia e con esperanza. Porque sentiamos a seguridade de que Galicia tiña futuro. Moviámonos con teimosa actividade, con total renuncia a atraementos. Fixemos de propulsores, con disciplina e entrega constante a un país e a unha cultural. Nunca enfeblecimos, nin nos momento máis duros. Nunca nos desnortarnos, nin nos enganamos. Sempre dixemos Galicia, galeguismo. Endexamais perdimos a fe inquebrantable en obxectivos que aínda semellaban ser lonxanas quimeras. (Fernández del Riego 1996, p. 197)
E penso que este labor —no que empeñamos con ardimento e gozo entusiasta, a nosa vida enteir— foi un exemplo humano, vivencia e expresión, de irmandade galeguista, de solidario e compenetrado traballo en equipo, dentro do cal, a miña aportación, foi mais ben a de proxectista ou ideador, deseñador de iniciativas e realizacións, que non valerían ren sen o valemento e a sustentación esencial do pensamento creador, a prudente sabiduría e o rigor ético de Ramón Piñeiro, e da enerxía vital e rexa, da lucidez apaixonada e da eficacia operativa de Paco del Riego, xunto con outras moitas e valiosas axudas. (Isla 1992, pp. 8-9)
En noveno lugar, e para rematar esta nosa análise, dentro do eido da acción colectiva, sempre xorde o problema da atribución e contribución á hora de determinar o mérito e responsabilidade na consecución de logros e resultados colectivos. O equipo Galaxia desempeñou un rol fundamental na continuidade xeracional e política do galeguismo, mais non foi o único equipo e colectivo operante en Galicia —e alén dela— que obtivo como recompensa a conquista da democracia e o autogoberno. Ramón Piñeiro era moi consciente desta cuestión e recoñecía que non é aventurado dicir que sen o esforzo político-cultural de Galaxia a imaxe da Galicia actual sería ben distinta. Pero tamén cómpre dicir que non é obra exclusiva dela
(Piñeiro 1981).
CONCLUSIÓN: O TRIUNFO DO GALEGUISMO EN EQUIPO
A editorial Galaxia e o labor do seu equipo humano durante o franquismo poden analizarse desde múltiples perspectivas. Mais Xaime Isla sempre insistía en prestarlle unha atención especial á súa organización colectiva como equipo, unha teima que reflectiu con asisada creatividade na súa caracterización de Piñeiro, Del Riego e el mesmo como unha hidra. E certamente foron as dinámicas positivas, nutritivas e produtivas deste traballo en equipo as que permiten explicar o triunfo do galeguismo en canto cultura política da Galicia autonómica e democrática. Porque a editorial Galaxia e o seu grupo humano se constituíu e desenvolveu como un exemplar equipo de alto rendemento, motivado e inspirado por unha épica de rebeldía, resistencia, reconquista, entusiasmo e fidelidade ao ideal galeguista e ás súas sete misións. Un compromiso rexo e insubornable que permitiu a continuidade do proxecto Galaxia malia os conflitos, disidencias, porfías e retesías que nunca comprometeron a irmandade e o espírito de fraternal camaradería ao servizo dunha causa común: construír Galicia.