Boletín da Real Academia Galega

Núm. 384, pp. 129-149

© 2023. Real Academia Galega

https://doi.org/10.32766/brag.384.842

“VIN E LOITEI. SON UN HOME!”

“I CAME AND FOUGHT. I AM A MAN!”

Camiño Noia Campos
Universidade de Vigo

Resumo: Percorrido existencial de Francisco Fernández del Riego na cidade de Vigo filtrado pola percepción de alguén que conversou con el en andainas e sobremesas e participou en diferentes actividades nas que el era o protagonista. Bosquéxanse os traballos realizados antes da creación da editorial Galaxia e as relacións que estableceu Del Riego na cidade con antigos militantes galeguistas, empresarios de pesca, xente da cultura e artistas plásticos. Recórdanse as actividades políticas que emprendeu e nas que colaborou: o intento de reconstrución do PG e a formación dun comité da UIL que lle custou a cadea e, xa na Transición, a participación na fundación do PSG. Dedícanse uns parágrafos á tarefa anual de presidente da mesa de negociación dos convenios de Citroën entre 1980 e 1990. Remata o artigo con algunhas mostras de escritores que o consideran un mestre de quen aprenderon historia e literatura galegas.

Abstract: This article is an analysis of Francisco Fernández del Riego’s existential experience in the city of Vigo, filtered through the perception of someone who conversed with him during walks and table talks and participated in different activities that he organised. His works before the creation of the Galaxia publishing house and the relationships established by Del Riego in the city with former Galician militants, fishing industry entrepreneurs, cultural figures and visual artists are assessed. The political activities that he undertook and in which he participated, the attempt to rebuild the Galicianist Party and the formation of a committee of the Union of Free Intellectuals that led to his imprisonment and, during the Transition, his role in the foundation of the Galician Socialist Party are also examined. Several paragraphs are devoted to his annual task of chairing the negotiating table for the Citroën agreements from 1980 to 1990. The article ends with some samples of writers who regard him a teacher from whom they learned about Galician history and literature.

Palabras chave: Francisco Fernández del Riego, Vigo, Valentín Paz-Andrade, Industrias Pesqueras, Enrique Peinador, Manuel Gómez Román, Partido Galeguista, editorial Galaxia, Biblioteca Penzol, Asociación Cultural de Vigo, Citröen.

Key words: Francisco Fernández del Riego, Vigo, Valentín Paz-Andrade, Industrias Pesqueras, Enrique Peinador, Manuel Gómez Román, Galicianist Party, Galaxia publishing house, Penzol Library, Vigo Cultural Association, Citröen.

Francisco Fernández del Riego (Paco ou Del Riego a partir de agora)1 foi un dos guieiros do noso rexurdimento na posguerra, utilizando as palabras de Ramón Piñeiro nunha carta que lle escribe o 1 de agosto de 1949.

Coñecín persoalmente a Paco o ano 1969 na Penzol, onde o fun visitar por iniciativa de Piñeiro. Véndoo trecolear na máquina de escribir mentres falaba, fiquei admirada do ritmo harmónico, sen pausa, co que atendía a todo sen deixar de arrastrar o carro. Díxome que estaba ocupado mecanografando un artigo para o número 26 de Grial, o que non lle impediu atenderme e acceder ó meu pedimento. Logo souben que era el quen mecanografaba os textos que lle chegaban manuscritos para a revista, que os organizaba nas distintas seccións e, cando se necesitaba algún máis, escribíao ou pedíalle a alguén que llo escribise (acudía con frecuencia a Cunqueiro desde que residía en Vigo). Podemos comprobar todo iso revisando os cen primeiros números de Grial, onde veremos que en noventa e cinco deles hai un ou varios artigos asinados co nome de Fernández del Riego ou con algún dos seus pseudónimos, e unha presenza habitual de Cunqueiro.

O director de Grial fixo da revista unha peza esencial no devir da nosa cultura, informándonos a quen comezabamos a interesarnos pola historia e a literatura de nós do que se podía saber naqueles tempos. E fixo moito máis, pódese dicir que foi o alicerce no que se asentou a vida cultural de Galicia de 1950 a 1975, e foi un incansable traballador pola identidade cultural de Galicia, como escritor, editor de libros, corrector e director da Penzol. Todo, e máis, no tempo que reside en Vigo, e non resulta doado falar da súa vida nesa cidade sen referirse a eses traballos.

Coas súas calidades de home animoso, sistemático e comprometido co seu tempo e co seu país, Paco viviu lixeiro para atrapar a vida sen prexuízos, proxectou empresas e, superando moitos atrancos, case sempre chegou á meta proposta. Con todo, os seus múltiples traballos non o fixeron renunciar ós praceres da vida. É coñecido o seu gusto polo boa mesa, o que lle inspirou ó seu amigo Otero Pedrayo o poema “Marcha triunfal”, no que lle chama pontífice do manxar escolleito, que leva comidos oito barcos de merluza, seis ou sete de linguado, cinco de robaliza e tres ou catro doutras especies diferentes incluídos chinchos e xoubas. Dou fe de que foi amigo do bo comer e beber, mais tamén de que foi un sensible admirador da natureza e da arte. Tivo que durmir en catres con colchóns de follado e de escasa hixiene mais procurou os moles de lá e almofadas suaves. Foi home que soubo gozar da viaxe da vida.

Todo iso, certamente, é ben sabido, e tamén o que direi a continuación, mais será outra ollada; a dunha persoa que o coñeceu e tivo unha boa relación con el ata a súa morte. Viaxamos xuntos en varias ocasións, a Mondoñedo, a Muros, a Cambados e a outros lugares máis próximos a Vigo, onde coincidimos en numerosos actos. Conversei e discutín con el en dinstintos momentos. Prestábase ó debate vivo.

Instalado en Nigrán no apartamento de Area Loura de xuño a outubro, compartimos xantares nos que nunca faltaban as discusións cando lle afeaba o comportamento machista da súa xeración e, sobre todo, o que el tiña con Evelina. Sei da súa fonda amizade cos amigos e da súa xenreira coa xente que non aturaba. Acompañeino algúns días nos seus paseos polo areal de Praia América. Xulián e mais eu chegabamos contra as 11 onda el cando xa percorrera —dicía— dúas veces o areal desde as 10 da mañá, despois de ler a prensa que lle subía o porteiro do edificio onde vivía e de bañarse varias veces no mar. Estaba feliz, comentaba as noticias do día e contaba as anécdotas que lle pasaban coa xente que o paraba porque o vira na televisión ou no Faro de Vigo; algúns preguntábanlle a que se dedicaba. Cando viña de fronte alguén co que non quería falar, facíanos dar a volta É un pesado / pesada. Non o aturo!!, dicía. Era divertido pasear con el. Ás 12 marchaba facendo sempre o mesmo ritual: limpaba os pés coa toalla na pedra de Area Loura onde deixara as zapatillas, poñíaas e subía á casa. Nesa pedra, o Concello de Nigrán por iniciativa do IEM (Instituto de Estudos Miñoráns) puxo unha placa de bronce para gardar a súa lembranza. Queriamos agradecerlle o seu afecto, a súa compañía en xantares regados cun bo albariño e os máis de mil libros que lle doou ao concello, depositados hoxe na nova biblioteca de Nigrán. Un día a placa de bronce desapareceu e agora hai outra de folla de aceiro.

Nos paseos, xantares e visitas á súa casa estreitamos a relación e coñecín a Evelina Herbella, que me confesou o moito que admiraba a Paco desde que o vira de estudante en Compostela botando un discurso. Contoume episodios da súa relación con el; coñecín a Ana María, a irmá monxa que no verán levaba as nosas fillas a Irlanda e me traía artigos sobre o bilingüismo irlandés, e fixen amizade con Lolita, a viúva de Joaquín, que vivía noutro apartamento de Area Loura e me contou vivencias dos irmáns Del Riego e dos amigos. Recordaba a Plácido Castro con moita admiración, co que compartira xantares e parladoiros no areal de Coruxo. Dicíame que era un home moi elegante, educado coas mulleres do grupo e moi amable con todos, nada semellante a outros asistentes ás xuntanzas.

BREVE MEMORIA DOS PRIMEIROS ANOS EN VIGO

Del Riego vai para Vigo no outono de 1939 traballar no despacho do avogado Valentín Paz-Andrade, en Ronda de Don Bosco. E, como conta nas memorias O río do tempo, soubo polo Faro de Vigo ó chegar no tren a Redondela que o detiveran acusado polo gobernador civil de redactar unha solicitude de subida do prezo da carne para o gremio de carniceiros vigueses. O mozo de 26 anos non sabe que facer nin onde ir, e conta que ó baixar do tren en Vigo atopou un “vello coñecido” que o leva ó despacho do avogado preso onde deixara un parente. El déixao entrar, mais non lle dá que facer. Ós dous días de chegar, sabe que Paz-Andrade vai desterrado a Villanueva de la Serena, unha pequena vila de Estremadura, e que sae no tren das catro da tarde. Paco achégase á estación para falar con el e só poden intercambiar unhas frases, impídello o policía que o leva, mais foron abondas para que o avogado lle encargase que continúe co seu labor de editor na revista Industrias Pesqueras. Na entrevista que lle fai Tucho Calvo a Paz-Andrade (1998, pp. 171-172), este di que Paco chegaba a Vigo para traballar como pasante no seu despacho o mesmo día pola mañá que el ía subir no tren para o desterro e que chegou a trocar con el unhas verbas na estación do tren para encargarlle facer a revista.

Del Riego no seu libro Vigo sentimental (2001, pp. 169-172) volve referirse a ese encontro con Paz-Andrade cando chega a Vigo, mais variando algo a narrativa anterior:

A pouco de nos baixar do tren que nos conduciu á cidade batemos con tres vellos amigos, compañeiros de actividades galeguizadoras: Enrique Peinador Lines, Manuel Gómez Román e Valentín Paz Andrade. O primeiro, asentado en Vigo desde había algún tempo, fora propietario do balneario de Mondariz. Animador alí de empeños culturais galegos, propiciador de edición de libros de Cabanillas, responsable da revista La Temporada de Mondariz, que se publicaban no importante centro de augas mediciñais. Nas conversas que mantiñamos no seu domicilio da rúa Cuba evocabamos episodios como os devanditos, ou o relativo á sesión académica celebrada no balneario para recibir os numerarios Ramón Cabanillas e Rey Soto. [...]

Pola súa parte, Paz Andrade, que viñera a Vigo desde o Lérez natal para dirixir o xornal Galicia, conciliaba a profesión de avogado coas colaboracións periodísticas, figuraba como director da revista Industrias pesqueras.

Antes de Paz-Andrade, nomea a Peinador e a Gómez Román na secuencia das primeiras persoas coas que topa en Vigo. Quizais porque xa non recorda os feitos con precisión, mais puido ser a propósito situando os tres amigos en correspondencia ó afecto que lle tiña a cada un.

Fose como fose o encontro, non deixa de asombrar que un home do interior que só vira o mar nos veráns da infancia e da adolescencia en Foz se encargase dunha revista de pesca coa preparación que tiña en dereito e literatura. Pois Paco encargouse, e di nas memorias que pasaba varias horas no despacho de Ronda, escribindo e traducindo artigos do español, portugués e, sobre todo, de revistas francesas como La Pêche maritime.... Aleuto como era, Del Riego buscou información na xente que sabía do mundo do mar, encargou traducións do inglés e pediulle axuda ó seu irmán Domingo, que estudara Farmacia e lle gustaba pescar. Con iso e a súa dedicación sacou adiante a revista e aprendeu moito sobre as industrias pesqueiras.

ENCONTRO CON VELLOS E NOVOS AMIGOS. CASAMENTO

Quizais nas horas de soidade na pensión viguesa nos primeiros meses da chegada a Vigo, Paco debeu recordar o que escribira no manifesto lido no balcón do concello da súa vila natal de Lourenzá, o 25 de xullo de 1931 nos inicios da II República, que non puidera cumprir:

Se va a exigir ahora en el Congreso lo que tantas veces se le negó a Galicia: su pasado histórico y su personalidad regional porque a nuestra cenicienta región le arrebataron su lengua dulce y mimosa, sus tradiciones gloriosas, sus costumbres poéticamente patriarcales, sus creencias cristianas y hasta su independencia brava y adusta.

Aquel recordo, sen dúbida, deulle forzas para intentar recuperar o Partido Galeguista desafiando a Ditadura. E o encontro con Enrique Peinador foi decisivo para ter a forza de botar adiante o proxecto.

Enrique Peinador Lines (1880-1940) tiña 59 anos cando Del Riego o atopa en Vigo. Era un rico empresario, dono do balneario de Mondariz, socio da Compañía de Tranvías de Vigo e doutras empresas, maila perder algúns terreos familiares incautados polo goberno da Ditadura. Nos primeiros anos do século XX promovera a recuperación da fonte da Gándara, no concello de Mondariz, para construír un balneario que axiña se converteu nun lugar de referencia en Europa, frecuentado pola alta burguesía española e estranxeira. En 1925, a parroquia da Nosa Señora de Lourdes, á que pertencía o balneario, convértese en concello independente por un decreto de Afonso XIII. O ano 1936, a familia Peinador traballaba no proxecto dunha liña de tranvía de Vigo a Mondariz pasando por terreos da súa propiedade no alto de Puxeiros, onde estaba proxectada a estación de “Peinador”. Despois da guerra, o goberno fascista exprópialle os terreos de Puxeiros para construír un aeroporto, a pesar de que o lugar non era adecuado para a navegación aérea pola proximidade ó mar e ós montes onde chocan os ventos mareiros producindo espesas neboeiras. A advertencia dos enxeñeiros non botou abaixo o proxecto e fíxose o aeroporto de Peinador.

No escaso mes que tivo de vida despois da guerra Enrique Peinador conservou a participación noutras empresas e mantivo a admiración e o respecto da clase empresarial viguesa malia as súas simpatías cos galeguistas na preguerra. Del Riego recorda que todos os días agás os domingos ía á súa casa na rúa Cuba ás sete da tarde para falar con el sobre o proxecto no que teimaba e da xente coa que se podería contar: Don Enrique amosábase moi escrupuloso na análise das condutas. Poñíalles chatas a algúns galeguistas ao efectuar o reconto das posibles incorporacións [ó PG], di (1990, p.139). Acordan convidar a esas conversas a Manuel Gómez Román, que pasara momentos moi duros durante a guerra e vivía illado metido no seu despacho de arquitecto na rúa García Barbón ou na casa de Teis. Del Riego coñecérao antes da guerra en Compostela, cando aquel era secretario xeral do Partido Galeguista e el un estudante de Dereito. O arquitecto leváballe 38 anos.

Nin Peinador nin Gómez Román lle deron esperanzas a Del Riego de poder contar para a restauración do PG coa xente de Vigo que militara ou que traballara a prol do Estatuto antes da guerra, e pensaron en persoas doutros lugares que sobreviviran á morte e ó exilio. Como Peinador morre oito meses despois de chegar Del Riego a Vigo, as conversas con el hai que situalas nos meses que van de setembro de 1939 a xuño de 1940. Logo Del Riego continúa xuntándose con Gómez Román no seu estudio ou na súa casa para comezar as xestións do ambicioso proxecto.

Manuel Gómez Román (1875-1964) era un arquitecto recoñecido na cidade de Vigo. Malia a súa militancia como secretario do Partido Galeguista, a implicación na defensa do Estatuto de Autonomía e outras actividades de colaboración coa II República non sufrira represalias polo goberno da Ditadura e puido seguir traballando na súa propia cidade. Tiña moi boa relación coas autoridades locais e co bispado de Tui, que lle encarga os planos da capela do monte da Guía e os dunha basílica para o centro da cidade que non se chegou a facer. Antes da guerra deseñara grandes edificios en Vigo e casas de veraneo para a burguesía nos areais da contorna. Era un home rico, dono de varios inmobles na cidade, un deles o Hotel Universal na avenida Montero Ríos, que foi a súa residencia nos derradeiros meses de vida. Alí morre en novembro de 1964. É posible que a razón da súa inmunidade ante os falanxistas se debese á intervención dun parente seu rexistrador da propiedade que era un alto mando da Falanxe.

Paco proponlle recuperar o cargo de secretario xeral do partido que van refundar na clandestinidade e o arquitecto vigués, que ten 65 anos, acepta. Están seguros de facer o que deben e arríscanse á posible represión policial. A amizade entre os dous galeguistas estréitase, senten unha fonda admiración e afecto un polo outro. Del Riego deixouno patente nos varios esbozos biográficos que fixo en publicacións periódicas e monografías sobre Gómez Román. No libro Vigo sentimental recorda a fonda amizade que os uniu e os valores que tiña como arquitecto, mais non fai referencia ó seu galeguismo2. Recorda tamén os encontros con el no estudio de García Barbón e os substanciosos xantares que lles preparaba a súa compañeira, Nieves Gil Mariño, na casa de Teis mentres eles artellaban proxectos de futuro.

Nas súas memorias, Paco quéixase das carencias que pasara nos primeiros meses de estar en Vigo. Tiven pois que seguir apañándome cos precarios ingresos que me producía a colaboración na revista e a limitada reserva pecuniaria que trouxera de Santiago (1990, p. 131). Di que facía unha única comida ó mediodía que compartía co pintor Carlos Maside, inhabilitado coma el pola Ditadura, nun bar onde lle daban pan con vermes: Eran os dese tempo días de fame, de restricións, de prato único [...] Eu, moito máis ca el, debecía por encher o bandullo. Mais non di que compensaba esas carencias coas merendas en casa de Peinador e cos xantares na casa de Nieves Gil.

O primeiro ano da estadía en Vigo foi moi difícil para Del Riego. Ademais de ter que facer traballos novos e mal remunerados, tivo que sufrir todas as mañás durante varias semanas, ata que deixou de coller o teléfono, a chamada dun tipo que lle dicía: ¿Sabe usted que está viviendo con permiso del enterrador?. Con todo, Paco non se agochou e despois de xantar asiste a un parladoiro no café Derby, unha famosa cafetería da rúa Urzáiz á que ían artistas e escritores. Cita os nomes dos que asisten con frecuencia: Celso Collazo, un xornalista que residira en Londres, Moscova e Nova York; o poeta Xosé Díaz Jácome, que era redactor xefe de Faro de Vigo; o crítico literario Ramón González Alegre, fundador de Alba; o poeta Eduardo Moreiras, que facía a revista Mensaxes de poesía; Celso Emilio Ferreiro, Xosé Mª Castroviejo, o pintor Ánxel Sevillano e Álvaro Cunqueiro cando viña pasar uns días en Vigo, onde fixaría a residencia anos despois. E alí encontra a Carlos Maside, a quen coñecía dos tempos da universidade en Compostela, que o acompañará nos austeros xantares e co que fará longas andainas pola cidade.

Paz-Andrade volve do desterro uns quince días despois grazas a unha estratexia argallada por el para asistir a unha xuntanza de pesca. Á volta dálle traballo a Paco como avogado no seu despacho e, ademais, conséguelle unhas clases no colexio Mezquita, onde se fixo chamar Francisco Fernández para non ser recoñecido polas autoridades. Con eses traballos puido mellorar as condicións de vida e casar.

No outono de 1940 Paco celebra a voda con Evelina Herbella Nieto, a súa noiva licenciada en Farmacia e filla dun rico notario da Rúa. Desde entón levou unha vida estable sen privacións. A namorada Evelina puido poñer unha farmacia na Rúa de Petín, no Barco de Valdeorras ou noutro lugar preto da súa familia e amizades e residir alí con Paco, pero veu a Vigo, lonxe dos seus, para vivir nun piso pequeno da rúa Pi i Margall convertida nunha ama de casa casada cun home que pasaba o día fóra. Non exerceu a carreira de farmacia; segundo me dixo en presenza de Paco, cedeulle o título ó seu cuñado Domingo, que aínda non rematara a carreira, para que puidese rexentar unha botica que se traspasaba na rúa do Príncipe. O amor e a xenerosidade de Evelina con Paco é inenarrable. Grazas a ela e ás súas renuncias, el dispuxo de tempo para dedicarse a tantas empresas, estar cos amigos en parladoiros e xantares e levar unha vida confortable sen penurias económicas. A xenerosidade da compañeira durou toda a vida e demostroulla apoiándoo e acompañándoo en todas as súas actividades. Cando o ano 1943 Paco convoca a asemblea constituínte do partido galeguista, faina na súa casa de veraneo en Coruxo. E Evelina encárgase da organización da infraestrutura e do xantar que estaba incluído. Segundo contou Paco, os asistentes degustaron un bo menú e Evelina, coa súa simpatía e amabilidade, exerceu de boa anfitrioa.

Falamos desas cousas no piso de Area Loura en varias ocasións. Eu afeáballe a Paco a súa conduta patriarcal, da que se defendía recoñecendo o calado traballo da súa muller. A pobre Evelina pasou moi mal os últimos días de vida, estaba moi alterada, non podía descansar e daba berros de angustia; parece que os calmantes non lle facían efecto. A situación no quinto piso da praza de Compostela era dramática e Paco aguantouna con paciencia. Nunha das visitas que lles fixemos Xulián e eu, díxonos con bágoas nos ollos: Débolle moito e non podo sacala da casa, sen ela non podería ter feito o que fixen. Certamente, Evelina foi un esteo no que Paco se apoiou para sacar do marasmo a cultura galega e poder levar unha vida estable e gozosa.

Pasados tres anos na cidade, Paco ten comodidade económica: ademais de colaborar con Paz-Andrade no seu despacho de avogado, leva o traballo de edición da revista Industrias Pesqueras e dá clases en tres centros. No colexio Labor, onde non o contrataran pola súa situación de inhabilitado, chámano un ano despois, e aínda monta a academia Sigma na praza da Constitución con dous profesores máis. Ve o futuro con esperanza e comprométese a fondo na reconstrución do PG.

Outra persoa que non fose Del Riego, con tantos empregos diferentes e comprometido cun grupo de galeguistas na recuperación do partido, deixaría o traballo na revista de pesca, tan alleo á súa formación. Pero el non o deixa, continúa atendendo todo, e en 1943 aínda se compromete a levar o temón doutra revista de pesca, Industria Conservera, coa que estivo relacionado durante máis de vinte e cinco anos, non nominalmente, pero si na práctica, segundo di Vieites Baptista de Sousa (2013, pp. 64-65). A Unión Conserveira encomendáralle a Paz-Andrade a revista na súa segunda época, de 1943 a 1984, e este ofrécelle o traballo a Paco. Tiña que encargarse da edición mensual da revista e de levar a imprimir os exemplares ós talleres do Faro de Vigo. E non só facía eses traballos senón que escribía artigos nela co pseudónimo Alevín. Cobraba cincocentas pesetas ó mes por ese traballo, unha cantidade alta naquel tempo.

Del Riego podía con todo, gustábanlle os retos e non debía sentirse incómodo no mundo empresarial vigués. Teño a idea de que a súa xestión nas revistas de pesca non foi tanto por aumentar os salarios das clases, senón polas relacións que lle daban con xente do empresariado que o podería axudar ante posibles problemas coas autoridades gobernamentais nos seus proxectos políticos e culturais. A organización da Falanxe era moi forte en Vigo, tiña moita xente afiliada. Non sei se estes empresarios estaban afiliados a esa organización, mais Paco chegou a ter unha boa relación con Gaspar Massó, dono de fábricas de peixe e baleeiras, e con Eugenio Fadrique, dono da fábrica de latas de conservas La Artística, da que era o director José Meixide, que o axudou a saír da cadea a segunda vez. O seu irmán Antonio fíxose accionista de Galaxia.

A partir de 1945 Paco asiste ao parladoiro da cafetería Alameda organizado por Paz-Andrade cun grupo de artistas plásticos. Segundo di, frecuentado por Prego de Oliver, Urbano Lugrís, Bustamante, Mario Granell, Abelenda, Federico Rivas, Plácido Castro, Laxeiro —a quen coñecía de Compostela— e os irmáns Xosé María e Emilio Álvarez Blázquez, entre outros. Nos case seis anos en Vigo, coñece unha chea de homes que se moven no mundo empresarial e da cultura.

O interese polas artes plásticas, que xa lle viña dos anos da República, aséntase en Vigo na relación que establece cos artistas. A medida que a situación económica mellora, comeza a adquirir cadros e esculturas, segundo me ten dito, para axudar os artistas. Chegou a coñecer ben a arte galega, do que dan mostra os seus artigos de prensa sobre pintura, escultura e artistas galegos. “A pintura actual en Galicia”, “El encanto del mar en Urbano Lugrís”, “La pintura de Manuel Colmeiro”, “Laxeiro y su mundo”, “Presencia de un escultor, Antón Faílde” e “Eiroa, escultor olvidado” son só algúns deles. Foi facendo unha ampla colección de arte que agora se pode admirar na súa Pinacoteca e na Fundación Penzol. Un galano ó pobo de Vigo porque nesta cidade refixen un andar esperanzado, que o drama da guerra civil tronzara. A ela lle debo inesquecible asistencia na recuperación, di (2003, p. 144).

A nómina de persoas citadas por Del Riego é unha mostra de como o mozo chegado á nova cidade buscaba relacionarse con xente diversa en ideas e gustos. Unha calidade esencial do seu carácter, a de entenderse con todos dialogando, debatendo e aproveitando os valores daqueles que lle parecían máis axeitados a cada empresa. E todos lle deron a súa amizade e asentaron a súa vida social na cidade. Xuntar xente dispersa para traballar pola nosa cultura e dar a coñecer a súa importancia foi unha tarefa constante nel.

A RECONSTRUCIÓN DO PG E OUTROS COMPROMISOS

O mozo de rexo carácter non se daba por vencido e quería continuar traballando na reconstrución do Partido Galeguista. Para iso precisaba ter moita xente amiga, empresarios, escritores e artistas. Tiña clara a idea de que debía rodearse de xente de ideoloxías e sensibilidades diferentes ás súas sempre que fosen conscientes da importancia do que estaban a facer e da necesidade de galeguizar o país.

Moi poucos dos citados do mundo empresarial e dos parladoiros se comprometeron a traballar na reconstrución do PG. Consegue xuntar un grupo inicial de homes por toda Galicia e faise a asemblea de constitución do partido á que me referín na súa casa de Coruxo, no verán de 1943. Despois da asemblea, as xuntanzas continuaron polo territorio galego para asentar o proxecto.

O Consello de Galiza, creado en 1944 en Montevideo por Castelao, Suárez Picallo, Alonso Ríos e Elpidio Villaverde, que pretendía ter funcións de goberno galego, en 1945 proponlle ó grupo galeguista participar no Consello en representación de Galicia. Del Riego xunta os militantes e, despois de horas de debate, non chegan a acordo ningún. Ó ano seguinte, o partido envía a París o mozo lugués Ramón Piñeiro para que o represente nunha xuntanza de Alianza Nacional de Fuerzas Democráticas e ó volver detéñeno en Madrid xunto ós irmáns Cesáreo e Camilo Saco López.

O Partido Comunista encárgalle a Francisco Rey Drox (Comandante Chacama) que se ocupe da Delegación de Galicia da Unión de Intelectuales Libres (UIL)3 e de que forme un comité rexional. O seu contacto José Barreiro Fernández, pasante do avogado Roberto González Pastoriza, convida varias persoas a unha xuntanza, entre as que está Del Riego, que accede a que se celebre na súa casa en decembro de 1946. Á parte dos catro citados, asisten o médico Modesto García Novoa e o mestre Enrique Vidal Bustamante.

A fins de maio de 1947, a raíz dunha redada de comunistas noutros lugares de Galicia, a Brigada Político-Social detén todos os asistentes á xuntanza da UIL de Vigo e mais os médicos Darío Álvarez Blázquez e Jorge Seoane Corrales, que non asistiran pero estaban convidados. Acúsanos de actividades contra o Réxime e métenos na cadea de Pontevedra, incomunicados durante un tempo. O 18 de setembro de 1947 o xuíz militar propón a liberdade por non aparecer indicios de culpabilidade nas dilixencias practicadas e fican exculpados todos agás o Comandante Chacama, que morre na cadea en 1960, e José Barreiro. Segundo a declaración policial destes, na xuntanza repartíronse os cargos de presidente para Del Riego, vicepresidente para Pastoriza e secretario para Barreiro; os dous médicos aceptaran ser vogais. Paco confirma a súa declaración, mais di que non coñecía a Chacama, que desconfiou del e que non aceptaran ningún cargo.

A reconstrución do Partido Galeguista era un asunto complicado; a Ditadura non ía caer malia a derrota do fascismo en Alemaña e decídese abandonar a idea. Paco continúa a dar clases, vai traballar no despacho de avogados dos seus irmáns Joaquín e Vicente, xa instalados en Vigo, e comeza a matinar na creación dunha editorial que publique libros en galego para galeguizar a cultura.

GALAXIA E A COLABORACIÓN EN REVISTAS

Durante catro anos Del Riego fala con xente rica e escribe cartas tratando de conseguir socios fundadores en Vigo e fóra da cidade e cartos para poder ter un capital inicial co que crear a editorial. Paz-Andrade, que non participara na reconstrución do partido, tampouco deu diñeiro para a editorial. Con traballo e as achegas conseguidas, en 1950 fúndase a editorial Galaxia con Del Riego de director. Na fundación e desenvolvemento foi esencial un personaxe vigués, Xaime Isla Couto, a quen Paco nomea nos derradeiros parágrafos das primeiras páxinas do libro Vigo sentimental

Temos que salientar, sen embargo, o [nome] de Xaime Illa Couto, porque con el se produciu a idea, que compartimos, da fundación da Editorial Galaxia. A empresa proxectada contou decontado coa axuda dun grupo de amigos que, con ámbolos dous, deu pé a unha nova xeira da cultura galega.

É imposible facer referencia á vida de Paco en Vigo sen nomear persoas e aspectos relacionados con Galaxia. E hai que citar tamén a Alberto Casal (1921-2014), ó que Paco non nomea en ningún dos libros, que será o notario da constitución da sociedade limitada da editorial e participa na súa fundación como accionista. Casal chega á cidade viguesa dez anos despois del, en 1950, como notario, e instala o despacho na rúa Reconquista, poucas casas máis arriba do número 1 onde estaba o local da editorial Galaxia. Ese home, que era o notario máis novo de España, intégrase ben na cidade e o seu mecenado con pintores e escultores farao un personaxe importante na vida social de Vigo. Foi mecenas, en especial, do seu íntimo amigo Cunqueiro, ó que coñecía desde a estadía de ambos en Lugo.

Del Riego atende Galaxia sen deixar de traballar de avogado cos irmáns. Ramón Piñeiro estaba abraiado coa afouteza do seu colega para emprender e sacar adiante os proxectos empresariais que se propoñía. O 18 de marzo de 1950, cando andaba a argallar unha revista en galego semellante a Cruz y Raya, e nin Xaime Isla nin Piñeiro a vían factible pola cuestión económica, este escríbelle a Paco e dille:

En Santiago falaba Illa do mesmo asunto con Borobó, e indicaba que esa publicación era un dos propósitos de Galaxia. Claro está que o teu temperamento, tan dinámico, non é para se conformar coa especulación proxectística do Xaime, e tratas de tirar para diante. A túa posición é moi saudable, porque sempre tivemos o perigo de nos disolver en puros proxectos. Pero tampouco é de aconsellar meterse na realización da empresa sen contar previamente coa necesaria base económica. (Fernández del Riego 2000, pp. 25 e 38)

O primeiro proxecto da revista Grial non foi adiante a causa da censura do réxime, mais, coa teimosía de Paco, aparece de novo con outro modelo en 1963. E desde entón a revista sae puntualmente cada trimestre grazas á súa xestión ata 1988, ano en que o consello de redacción de Galaxia nomea director a Carlos Casares. Ese mesmo ano de 1963 que sae o número 1 de Grial, instálase en Vigo a Fundación Penzol, da que Del Riego vai ser director ata pouco antes de morrer.

A Paco, director de tantas cousas, aínda lle sobra tempo para manter relacións epistolares cos exiliados da outra beira do Atlántico e escribir artigos para as súas publicacións. Considera un compromiso político-cultural espallar a nosa cultura fóra de Galicia e participa durante anos nas revistas creadas polos galegos en América Latina. O ano 1954 envía colaboracións á revista do Centro Galego de Caracas, Galicia, fundada en 1952; a Alma Gallega de Montevideo e, sobre todo, a Galicia Emigrante, creada en Buenos Aires en 1954 por Luis Seoane, da que foi un asiduo colaborador. Non tivo en conta o risco que supoñía para unha persoa vixiada pola policía española escribir en publicacións de republicanos e ese mesmo ano de 1954 detéñeno á volta de Buenos Aires acusado de colaborar coa prensa comunista.

Paco non deixa o contacto cos exiliados e volve mandar artigos a Galicia Emigrante ata maio de 1959, ano en que cerra a publicación. En cada un dos 37 números da revista pódese ver un artigo de Del Riego, co seu nome ou cos pseudónimos Salvador Lorenzana, Cosme Barreiros e Lorenzo Salvadores. As colaboracións son moi variadas: desde noticias e crónicas sobre a actividade cultural en Galicia ata biografías de escritores e historiadores, críticas de libros e outras cousas. Escribía do que se lle pedise desde ultramar.

Colabora tamén no primeiro número da revista de carácter cultural Vieiros, creada en México en 1959 no seo do Padroado da Cultura Galega, e dirixida por Florencio Delgado Gurriarán. Na primeira editorial declarábase que era unha publicación antifascista e galeguista, que tiña por obxectivo servir de ponte entre os exiliados e os galegos da Península. No número 1 sae un artigo asinado por Salvador Lorenzana titulado “Presencia da nosa cultura”, no que se di: Todos cantos traballan no mundo da cultura galega, os que exercen un liderado intelectual e os modestos obreiros do espírito, teñen plena conciencia de que están servindo axeitadamente á mentalidade social da que son membros integrantes. Era a idea de Paco animar a xente a traballar pola cultura galega.

Na década dos anos sesenta continúa enviando artigos a revistas de ultramar: a Alén-Mar, creada en 1961, de vida breve, e a Airiños, ambas arxentinas; a Unidad Gallega, órgano da Asociación da Casa Galicia de Nova York, e a outras máis de Montevideo e México.

Desde a fundación de Galaxia deixa as clases pero non de escribir artigos para a revista Industria Conservera. Segundo Vieites, o nome Alevín non desaparece das súas páxinas ata 1964, cando Paco xa levaba catorce anos dirixindo Galaxia, uns meses facendo a revista Grial e dirixindo a Fundación Penzol.

A BIBLIOTECA PENZOL E MILITANCIA POLÍTICA

No ano 1963 iníciase a colección de Grial e fúndase a Penzol, das que Paco é protagonista. E ese ano participará tamén na fundación do PSG (Partido Socialista de Galicia) con Luís Viñas Cortegoso, Cesáreo Saco, Xosé Manuel Beiras, Celso Emilio Ferreiro e outros. Ramón Piñeiro non se afilia mais, segundo Méndez Ferrín, é el quen induce a Paco a que acepte a presidencia do partido. Nas cartas publicadas de Piñeiro non hai referencias ó asunto.

Como membro do PSG, en marzo de 1966 vai con Piñeiro, Ramón Lugrís e Xosé Luís Rodriguez Pardo a Alemaña para participar nunha xuntanza con delegados doutros partidos socialistas españois e membros de sindicatos clandestinos. Cando lle preguntei sobre esa viaxe e quen os convocara, Paco non soubo ou non me quixo dicir de onde lle viñera a convocatoria a Piñeiro, que foi quen o convidou a ir a esa xuntanza. Díxome que fora alguén da Friedrich-Ebert-Stiftung (FES), onde se reuniron para falar sobre os proxectos políticos que tiñan os partidos e os sindicatos e para propoñer iniciativas. Paco non volveu máis a aquelas xuntanzas, que se repetiron; Piñeiro si. A FES estaba relacionada co Partido Socialdemócrata Alemán e dedicábase a promover a democracia no mundo, o sindicalismo, a paz e a xustiza social, segundo dicían os seus estatutos.

O 22 de xuño de 1978 Paco pide a baixa no PSG nunha carta enviada ó secretario do partido, que daquela era tamén o xerente de Galaxia, Valentín Arias.

Nos meus primeiros dez anos da estadía en Vigo, a biblioteca Penzol, que estaba no entrechán do número 22 de Policarpo Sánz, foi moi importante para min. Recórdoa como un espazo escuro, e recordo a Paco de costas a un balcón, sentado diante dunha mesa moi ordenada escribindo cun lapis ou á máquina. A Penzol era un lugar de encontro de xentes diversas, un espazo que nos anos da Ditadura se converteu nun ateneo onde se xuntaban escritores, pintores, profesores e outra xente relacionada coa cultura galega. Naquel tempo, no que eran escasas as posibilidades de reunirse para falar de asuntos sociais e de cultura galega, un parladoiro como aquel era un oasis onde se recibía información interesante. Teño gozado moito escoitando falar a Cunqueiro, a Fermín Penzol, con Blanquita calada ó seu carón, a Blanco Amor e a Paco, que non deixaba de escribir e, por veces, berraba polo que algún dicía, berráballe especialmente a Blanco Amor cando criticaba alguén ou se queixaba da súa situación. Ademais de ateneo cultural, a biblioteca Penzol serviu de local para actividades políticas.

A Comunidade de Vida Cristiá Nosa Señora da Guía, creada polo xesuíta padre Seixas, coa que colaboraban Domingo Fernández del Riego e Xaime Isla, tiña unha sección cultural, O Castro, para galeguizar a liturxia e aprenderlle galego á mocidade. Isla déralles permiso ós seus membros para reunirse na Penzol e entregoulles a chave da porta por se a biblioteca estaba pechada. Pasado un tempo, algúns dos membros máis galeguizados daquela sección, como Pepiño de Teis (Xosé González Martínez) e os Reboiras (Xosé Ramón e Manuel), integráronse na UPG e seguiron usando a Penzol para gardar materiais entre os libros pouco solicitados dos andeis da sección de economía, e para deixar recados escritos en medio de libros que outros recollían. E tanto Méndez Ferrín como Xosé Martínez, que andaron naquelas angueiras, aseguran que Paco sabía o que facían. Di Ferrín (2013, p. 44): E ben, era Fernández del Riego quen controlaba desde a súa ponte de mando as entradas e saídas dos xoves activistas e quen concedía permiso para tal trafega. Quico Domínguez (2023, p. 23), en cambio, sinala que os militantes da UPG usaban a Penzol sen coñecemento de Francisco Fernández del Riego, de Xaime Isla, de Domingo Fernández del Riego e do mesmo padre Seixas, motivo polo que foron expulsados despois de serlles retiradas as chaves. Non sei se Paco sabía o que facían alí os militantes da UPG, mais podo testemuñar que algunha tarde que estaba na biblioteca consultando libros ou traducindo con Valentín Arias un artigo francés da revista Réalité para publicar, vin entrar un deles e, sen dicir palabra, meterse entre os andeis de libros. Paco estaba na súa mesa e sospeito que o viu entrar. É posible que non lles dese permiso, pero debía saber a que ían alí e facer a vista gorda. Cando atoparon unha pistola entre os libros que alguén deixara para que outro a fose recoller, evidentemente, Paco enfureceuse moito e quitáronlles a chave e o permiso de ir á biblioteca.

Outro lugar onde se facía cultura e política era a Asociación Cultural de Vigo, unha das moitas que se foran creado por Galicia adiante na década dos anos sesenta. A de Vigo creárana Basilio García e Méndez Ferrín en 1965, e axiña se integraron nela Camilo Nogueira, Alfonso Álvarez Gándara, Xosé González e Xosé L. Franco Grande, entre outros. O local estaba nun entrechán da rúa López de Neira, e alí dábanse conferencias sobre calquera tema desde unha visión de esquerdas, aínda que medindo as palabras para non alarmar os policías da Brigada Político-Social que asistían. Ademais das conferencias, presentábanse libros e dábanse clases de galego. Por suposto, facíanse tamén xuntanzas clandestinas de militantes da esquerda galeguista que apoiaban as reivindicacións dos comunistas de Comisións Obreiras.

Vellos galeguistas como os irmáns Emilio, Darío e Xosé María Álvarez Blázquez frecuentaban a Asociación para asistiren ás conferencias e mesmo deron algunha. Ademais doutra xente de esquerdas, en maio de 1966 foi Xesús Alonso Montero desde Lugo falar sobre Curros Enríquez. Xosé González (2020), que foi secretario da Asociación durante a presidencia de Camilo Nogueira, recorda:

A Asociación Cultural de Vigo era a gran preocupación da policía. A noite anterior ao 1º de maio de 1971 a Brigada Político-Social montou un operativo rebentando a porta da sede social e as dos outros centros relacionados connosco: Centro Portugués de Vigo, Alianza Francesa, Fundación Penzol, Grupo Cultural O Castro, Plastibar, S.L. e Gráficas Númen, negocios de Antón Bar Boo e Luís Noia, respectivamente, directivos da Asociación. Non atoparon o que buscaban. Foron tan “honrados” que non levaron diñeiro e obxectos de valor. Pero deixaron a súa indeleble pegada. Sabían que a Asociación Cultural de Vigo era un centro de formación e orientación galeguista para moita xente naqueles anos escuros. Por iso era a única plataforma cultural á que acudía unha representación de Brigada político-social sempre que se celebraba algún acto público.

Del Riego non deu ningunha conferencia na asociación como adoitaba facer noutros lugares, e parece que só asistiu ó local o día que disertou o profesor portugués Manuel Rodrigues Lapa. A editorial Galaxia tampouco presentou alí ningún dos libros que editaba, adoitaban presentalos no Círculo Mercantil, na rúa do Príncipe (hoxe sede do R.C. Celta) ou na Sala de Cultura da Caixa de Aforros de Vigo, que eu recorde.

A afección de Del Riego a publicar artigos de divulgación sobre cultura galega na prensa e noutras cabeceiras desde a súa época universitaria continuou en Vigo, primeiro escribindo sobre asuntos do mar e logo sobre literatura, arte ou do que se podía. Escribe en castelán ata que pode facelo en galego. Un dos traballos xornalísticos nos que participa desde abril de 1947, en lingua galega, foi o de correspondente para Galicia nun programa de radio na BBC de Londres. Responsabilízase de dar información sobre asuntos culturais de tres provincias galegas, da de Ourense faino o mestre Leuter González Salgado. Del Riego busca colaboradores por toda Galicia para cubrir distintos temas e saca adiante o cometido. Participa en doce sesións dos 83 programas da radio, nas que fala de historia, cultura e literatura galegas.

PRESIDENTE DA MESA DE NEGOCIACIÓN DE CITROËN

Poucos saben que don Francisco Fernández del Riego presidiu a mesa de negociación dos convenios colectivos da empresa Citroën por elección dos obreiros entre a patronal e os traballadores durante dez anos, de 1980 a 1990. O 9 de xaneiro de 1980, o Faro de Vigo daba así a noticia:

El delegado de Trabajo en función del acuerdo suscrito entre la dirección y el comité de Citroën de aceptar al presidente del convenio que aquel designara entre las ternas propuestas por cada parte, ha nombrado al abogado y escritor Francisco Fernández del Riego para presidir las deliberaciones.

La empresa había sugerido los nombres de Alberto Varela Grandal, José Martínez Larrán y Manuel Rodríguez Barreiro. El comité, además del elegido, postulaban los nombres de Alfonso Álvarez Gándara y Juan José Santamaría.

Ese mesmo día La Voz de Galicia, nunha nota máis reducida que o Faro, dá a mesma información desta maneira:

Uno de los primeros escollos aparecidos para iniciar las negociaciones del convenio colectivo de Citroën se ha salvado con la aceptación de las partes en la designación de Francisco Fernández del Riego como presidente del convenio. La designación fue realizada por el delegado de Trabajo, eligiendo un hombre de entre sendas ternas presentadas por la empresa y el comité. FR formaba parte de la presentada por la representación de los trabajadores.

A elección do presidente non foi doada e, finalmente a empresa accede a escoller unha das tres persoas propostas polos sindicatos, Francisco Fernández del Riego. O que quere dicir que nos corenta anos que levaba en Vigo soubo gañar a estima de empresarios e obreiros. O talante negociador de Paco deu bos resultados e continuou co encargo nove anos máis, ata que en 1990 presenta a dimisión.

A prensa galega dá conta das reivindicacións conseguidas polos obreiros de Citroën na negociación anual dos convenios e podemos ver como foron mellorando as súas condicións laborais. Por exemplo, no convenio de 1980 fixan a xubilación ós sesenta anos co cento por cento do salario real actualizado anualmente, e a empresa comprométese a crear un mellor ambiente de traballo (minorando os ruídos, poñendo medios para prever accidentes, evitar traballos tóxicos etc.), readmiten os traballadores despedidos e conseguen outras melloras referidas á táboa salarial, ó recoñecemento de todos os sindicatos etc. Oito anos despois, en febreiro de 1988, segundo di a prensa, os obreiros conseguen unha subida salarial do 5% e a redución de 15 horas de traballo ó ano, ademais dun incremento de 100000 a 150000 horas de formación a cargo da empresa.

A sona de Paco como bo negociador espallouse pola cidade, e a xente de Vigo allea á cultura escrita referíase a el como presidente dos convenios de Citroën; non sabían das súas actividades como director dunha editorial e dunha fundación. En maio de 1992, cando o fixemos doutor honoris causa na Universidade de Vigo, o persoal laboral da universidade entregoulle un texto moi emotivo titulado “Un escritor fai cultura. A cultura fai país”, que entre outras cousas, dicía:

Hoxe os traballadores da universidade galega sentímonos orgullosos. Hoxe a Universidade de Vigo honra a figura dun dos máis ilustres galeguistas, para quen a tolerancia, a solidariedade, o diálogo e o universalismo foron unha constante na súa vida e na súa obra. [...] Moitos traballadores lograron a firma dun convenio colectivo gracias á súa inestimable mediación.

MESTRE E PROMOTOR DE GALEGUISTAS

Despois do exposto non é preciso insistir no inmenso traballo e na vontade de galeguizar o país do noso personaxe nos moitos anos que vive en Vigo. Se botamos unha ollada ás empresas máis importantes e ós escritores máis recoñecidos no tecido cultural galego dos sesenta anos que van de 1950 a 2010, descubriremos a intervención deste infatigable traballador en non poucos casos.

Quero recordar outro traballo seu que adoita pasar desapercibido. A dirección de Galaxia vía a necesidade de dispor de manuais de lingua e literatura nos que poder aprender galego e dar a coñecer os escritores e as escritoras contemporáneas para prestixiar a nosa cultura. O único manual de literatura galega de referencia era a Literatura gallega de Uxío Carré, publicado en 1911, e no primeiro programa de publicacións da editorial Galaxia consta a edición dunha Historia da literatura galega e dunha antoloxía poética, ademais dunha gramática. Carballo Calero encárgase da gramática, que publicará en 1966, e de facer unha ampla historia da literatura que tardará varios anos. Así que é Paco quen asume a tarefa de escribir unha Historia da literatura galega de urxencia e unha antoloxía poética contemporánea, que se ampliará con tres volumes máis, Escolma da poesía galega. Paco fai dous volumes e Xosé María Álvarez Blázquez outros dous (a poesía medieval e a dos anos escuros). A Historia non se pode publicar por estar en galego; tradúcea de inmediato e publícase en 1951. En 1971 fai unha reedición ampliada en galego cando xa circulaba a Historia da literatura galega contemporánea de Carballo Calero (1968).

O traballo feito e o seu talante animoso, aínda que ás veces colérico, e de bo pedagogo deulle a Paco o recoñecemento da xente que puido gozar do seu maxisterio, en especial da xeración dos 50. Así o din algúns escritores que participan na primeira Homenaxe a Francisco Fernández del Riego, que lle fan na Coruña en 1975 ó coidado de M. D. (Marino Dónega), en edición non venal. Entre os textos de Beiras, Valentín Arias, Franco Grande, e os poemas de Xohana Torres e Salvador García Bodaño, escollo unhas frases de dous mozos de fóra de Vigo para mostrar que a súa mestría superaba os lindeiros da cidade na que vivía: Manolo Caamaño, residente en Barcelona na década dos anos sesenta, e o psiquiatra ferrolán Xosé Manuel López Nogueira (1932-1983). Di Caamaño:

Nunha xuntanza que celebramos con el perto de trinta mozos, famentos por ter novas de primeira mán do que acontecía no país e cheos de curiosidade por saber moitas cousas, sinxela e axeitadamente foi respondendo ás múltiples e variadas preguntas a que o sometemos. Preguntas que formaban un amplo abano representativo das inquedanzas que sentía cada ún, e que ían dende as de tipo literario ás do acontecer socio-económico da Terra que tanto nos preocupaba. (1975, p. 15)

López Nogueira dedícalle, entre outras, estas loas:

Paco falaba nesta ou naquela tribuna. Onde el falase, alí estaba a cultura. Non interesa agora a institución. Naquel intre, calquera que fose o lugar, alí estaba, con Francisco del Riego, o lóstrego, a labarada, a esplosión da cultura galega contemporán, filtrada, verba a verba, pola fala brilante, precisa, maestosa, dun dos nosos máis caracterizados oradores. [...] Os mozos escoitan a súa visión dunha problemática calquera. Polo común, fala de literatura; pero sabe de tódalas cousas. Como todo inteleitual, fala ben, e sempre, do que sexa; pero fala millor do que lle peta, porque o ama máis. E o amor e o conocemento, sempre andan emparexados. (1975, p. 61)

Méndez Ferrín lembra tamén a súa mestría no libro Vigo dende o corazón de Galicia, onde di:

Como militante, como escritor, como amigo, entroume na vida cando eu non era máis ca un mozo cargado de ilusión, e iluminoume. Considérome afortunado polo feito de contar sempre coa amizade e co consello de don Paco, mesmo cando el e mais eu nos moviamos en posicións políticas diferentes. (2013, p. 44)

Na mesma publicación que o anterior, a escritora viguesa María Xosé Queizán recorda a súa relación con Paco no Vigo dos anos cincuenta e sesenta, salientando o labor editorial e na Fundación Penzol e di: A revista Grial, outro alarde de Del Riego fronte á censura ditatorial, foi, sen dúbida, produto do seu talento e tesón inalterable. [...] Moito teño aprendido en Grial (2013, p. 96).

Del Riego andou á procura da historia do noso país para pasárllela ás xeracións seguintes. Tamén xente da miña xeración, a do 68, que como a anterior nos galeguizamos na mesa camilla de Ramón Piñeiro, lembramos o seu maxisterio. Creo que dos galeguistas da súa xeración foi el quen mellor entendeu a xente moza. O seu Dicionario de escritores en lingua galega (1990 e 1992) deu ánimo a quen daba os primeiros pasos ó verse alí recoñecido pola súa autoridade. E cando se lle contaba algún proxecto, adoitaba dicir: adiante, rapaz, non dubides!. Sen a súa axuda moitos dos nosos traballos non se farían.

Francisco Fernández del Riego chegou a ser un home importante e recoñecido en Vigo, como editor, como cidadán participativo en asuntos da urbe, como bo comensal nos restaurantes da cidade, como seareiro do Celta e como “home bo” na conciliación de convenios colectivos. Pasada a barreira dos 90 anos, escribe:

Sigo sendo fiel ás dúas grandes paixóns da miña vida: a idea de Galicia e a da Liberdade. Estou preparado para todo. Pero mentres me resten as forzas continuarei o camiño. A idade non ha ser unha escusa para a inercia, a indiferenza, o desalento. Non esquezo as palabras que adeprendín do personaxe goethiano: “Vin e loitei. Son un home”.

Nas últimas frases, Paco glosa uns versos do “Libro do Paraíso” do Diván de Occidente e Oriente (1819-1827) de Goethe, cos que o Poeta lle responde á Huri, que está de porteira do Paraíso, cando esta lle pregunta se ten méritos abondo para entrar (Cres estar entre os heroes? Móstrame as túas feridas, e se fose así, axiña che podo abrir). Ó que o poeta responde: Non andes con voltas, déixame entrar; que home fun e iso quere dicir loitar. Certamente, Fernández del Riego foi un home no sentido máis humano, social e político. Na súa longa traxectoria vital viviu con intensidade, gozou, padeceu a traxedia da guerra e remontou na Ditadura á que nunca se rendeu, xuntando amigos do pasado traballou arreo polo rexurdimento da cultura galega. Co que podiamos facer súas outras palabras do poeta á Huri e dicir: Mira ben este peito, mira que feridas, as que nel deixou a brava vida. E, mesmo así nunca perdín o ánimo, e sempre cantei alegre e agradecido.

NOTAS

1

Dicía García Sabell: Paco é Fernández del Riego cando se pon serio. I é Paquiño cando está contento.

2

O arquitecto Gómez Román era home exemplar e de prestixio profesional. O labor artístico que realizara na cidade e nas súas aforas supuña un axeitamento ó medio. Soupera fixar con tino a súa atención no ciclo arquitectónico medieval e no noso barroco. Pero, ó propio tempo, adeprendera a traballar a pedra granítica das canteiras galegas. Ollaba nela toda a nobreza que encerraba para lle dar sentido á construción, di Del Riego (2001, p. 169-170).

3

A UIL era unha organización creada polo Partido Comunista en París en 1944, preparándose para a vitoria dos antifascistas. Os comunistas contaban con que tras a derrota dos nazis, o goberno americano e os aliados europeos acabarían co réxime de Franco. O Comandante Chacama era fillo dun emigrante galego en Porto Rico, militante comunista cunha traxectoria chea de aventuras en varios países. Agradézolle a información ó amigo historiador Carlos Méixome.

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS

Caamaño Suárez, Manuel (1975). Encontro con Galicia. En: Homenaxe a Francisco Fernández del Riego. A Coruña: [s.n.], 14-16.

Calvo, Tucho (1998). Valentín Paz Andrade. A memoria do século. Sada: Ediciós do Castro.

Domínguez, Francisco (2023). Francisco Fernández del Riego, a Fundación Penzol e o grupo cultural O Castro. Grial. 238, 20-23.

Fernández del Riego, Francisco (1990). O río do tempo. Sada: Ediciós do Castro.

Fernández del Riego, Francisco (2000). Un epistolario de Ramón Piñeiro. Vigo: Galaxia.

Fernández del Riego, Francisco (2001). Vigo sentimental. Vigo: Caixanova. Con apuntamentos históricos de Javier Mosquera e ilustracións de Alex Vázquez Palacios.

Fernández del Riego, Francisco (2003). Camiño andado. Vigo: Galaxia.

Galicia Emigrante. Buenos Aires, 1954-1959.

González Martínez, Xosé (2020). A memoria da Asociación Cultural de Vigo. La Región. 2/I/2020.

López Nogueira, Xosé Manuel (1975). F. Del Riego e a ‘inteligentsia’ galega: un retrato existencial. En: Homenaxe a Francisco Fernández del Riego. A Coruña: [s.n.], 60-62.

Mendez Ferrín, Xosé Luís (2013). Don Paco na Penzol. En: María Dolores Cabrera Iglesias e María Dolores Villanueva Gesteira, eds. Francisco Fernández del Riego: Vigo dende o corazón de Galicia. Vigo: Fundación Penzol / Galaxia, 42-44.

Queizán, María Xosé (2013). Lembrando a don Paco del Riego. En: María Dolores Cabrera Iglesias e María Dolores Villanueva Gesteira, eds. Francisco Fernández del Riego: Vigo dende o corazón de Galicia. Vigo: Fundación Penzol / Galaxia, 94-96.

Vieiros. Revista do Padroado da Cultura Galega do México. México DF: Padroado da Cultura Galega de México, 1959-1968.

Vieites Baptista de Sousa, Juan Manuel (2013). O Alevín. En: María Dolores Cabrera Iglesias e María Dolores Villanueva Gesteira, eds. Francisco Fernández del Riego: Vigo dende o corazón de Galicia. Vigo: Fundación Penzol / Galaxia, 64-65.