Boletín da Real Academia Galega

Núm. 384, pp. 109-128

© 2023. Real Academia Galega

https://doi.org/10.32766/brag.384.841

APUNTAMENTOS SOBRE FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO, A EDITORIAL GALAXIA, A REVISTA GRIAL E A FUNDACIÓN PENZOL

OBSERVATIONS ON FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO, GALAXIA PUBLISHING HOUSE, THE JOURNAL GRIAL AND THE PENZOL FOUNDATION

Xosé Manuel Soutullo
Fundación Penzol

Resumo: Francisco Fernández del Riego tivo un papel sobranceiro en tres feitos de especial importancia para a cultura galega da segunda metade do século xx que ocorreron hai agora sesenta anos, en 1963: a institución do Día das Letras Galegas, a publicación do primeiro número de Grial. Revista Galega de Cultura e a creación da Fundación Penzol. Estas dúas últimas iniciativas naceron ao abeiro da editorial Galaxia, fundada en 1950 por un grupo de persoas vinculadas, na súa maior parte, ao Partido Galeguista.

Abórdase o seu papel na editora, da que foi fundador, o seu primeiro secretario do Consello de Administración e director-xerente; na revista Grial, que codirixiu con Ramón Piñeiro durante vinte e cinco anos —cen números, de 1963 a 1988—, e da súa dirección durante corenta e sete anos da Biblioteca da Fundación Penzol, ata finais de 2009, apenas dez meses antes do seu falecemento en novembro de 2010.

Abstract: Francisco Fernández del Riego played a leading role in three highly-important events for Galician culture which occurred in 1963: the inauguration of Galician Literature Day, the publication of the first issue of Grial. Revista Galega de Cultura and the creation of the Penzol Foundation. The second and third enterprises came under the umbrella of the Galaxia publishing house, founded in 1950 by a group of people linked primarily to the Galicianist Party. This article examines del Riego’s role in Galaxia, of which he was a founder; his position as first secretary of its board of directors and managing director; his contribution to the journal Grial, which he co-edited with Ramón Piñeiro for twenty-five years (one hundred issues, from 1963 to 1988); and his management of the Penzol Foundation Library for 47 years until 2010, shortly before his death in November 2010.

Palabras chave: Editorial Galaxia, Fermín Penzol, Francisco Fernández del Riego, Fundación Penzol, galeguismo, Grial, Ramón Piñeiro, Xaime Isla.

Key words: Galaxia publishing house, Fermín Penzol, Francisco Fernández del Riego, Penzol Foundation, Galicianism, Grial, Ramón Piñeiro, Xaime Isla.

1. 1963. CATRO FITOS NA CULTURA GALEGA CONTEMPORÁNEA

No ano 1963 producíronse catro importantes feitos na cultura galega contemporánea: a fundación das Ediciós do Castro, impulsadas por Isaac Díaz Pardo, a publicación do primeiro número da revista Grial, a institución do Día das Letras Galegas e a creación da Fundación Penzol1. En tres deles tivo Francisco Fernández del Riego unha intervención central e decisiva. Nestes apuntamentos centrarémonos no seu labor en dous deles: a revista Grial e mais na Fundación Penzol. E no que tamén tivo na empresa matriz desas iniciativas: a editorial Galaxia, fundada en 1950.

2. SANTIAGO DE COMPOSTELA: PRIMEIRAS EXPERIENCIAS EDITORIAIS

Xa en idade temperá Francisco Fernández del Riego tivo relación co mundo editorial —como el mesmo conta nos seus escritos memorialísticos, véxase, por caso, Camiño andado, publicado en 2003, con 90 anos cumpridos—, do que, ademais, temos un valioso testemuño gráfico de Luis Seoane: un seu debuxo do ano 1933 onde aparece retratado co propietario da editorial Nós, Ánxel Casal, acompañado por Álvaro de las Casas, o fundador da organización Ultreya, e mais Xoán Rodríguez Tenreiro e Xoán Brañas Cancelo, compañeiros de militancia nas Mocidades Galeguistas.

Nas citadas memorias conta que, ademais de visitar adoito o Seminario de Estudos Galegos:

Compaxinaba eu aquela frecuentación coa case diaria comparecencia na Imprenta Nós. Seoane e mais eu axudabámoslle a Ánxel Casal na redacción e ilustración da publicidade dos libros que ían saíndo do prelo. (Fernández del Riego 2023c, p. 80)

Nas súas variadas actividades neses tempos da República, Del Riego tamén tivo outras relacionadas con asuntos editoriais, pois asumiu responsabilidades en varias revistas. Xa daquela amosaba un dos trazos máis recoñecibles da súa personalidade. Así o lembraba nas memorias antes citadas:

O tempo ben distribuído e ordenado permitiume actuar en tantas frontes. Ás que debo engadir a das colaboracións na prensa periódica e diaria do país e da emigración. Mesmo como director da revista Universitarios, redactor de Alento, Nós, Galiza. (Fernández del Riego 2003c, p. 81)

Mais, nesa altura, o seu futuro profesional xa estaba encarreirado cara ao mundo universitario, pois en 1934 licénciase en Dereito e comeza a impartir docencia como profesor axudante de dereito civil e noutras materias da carreira (Nicolás 2022, p. 29), actividade académica que compartía coa militancia política, onde xa acadara sona como orador e chegara á secretaría xeral das Mocidades Galeguistas, entre outras importantes responsabilidades. Nada presaxiaba que a súa vida camiñaría por outros vieiros, onde esas breves experiencias relacionadas co mundo da edición cobrarían importancia. Porque o golpe militar de 1936 e a vitoria facciosa en 1939 darían volta ás súas expectativas profesionais, que tiveron que reorientarse laboralmente e, tamén, xeograficamente. Non aconteceu o mesmo coa política, onde permaneceu fiel ás posicións galeguistas desde as diferentes actividades ás que se dedicou durante toda a súa vida.

Mais a nosa intervención centrarase no proxecto cultural, e político, que se inicia en 1950 coa fundación da editorial Galaxia, e tamén noutras dúas iniciativas que se desenvolven ao abeiro dese proxecto: a revista Grial e a Fundación Penzol. Nas tres, o noso protagonista terá unha posición relevante, xunto con dúas figuras, Xaime Isla e Ramón Piñeiro, ás que el mesmo recoñece unha decisiva contribución no seu desenvolvemento:

Xaime Illa Couto, Ramón Piñeiro López e mais eu constituímos o grupo iniciador dunha tarefa que se amosaba tan dura como dificultosa. Todos tres procediamos da militancia galeguista, pero as características que nos definían eran moi diferentes. Naquel tempo poboado de sombras, decidímonos a levar a cabo unha actividade conxunta. Constituímos así unha singular unidade de traballo, de compromiso, de esperanza. (Fernández del Riego 2023b, p. 189)

3. RESIDENCIA EN VIGO. A EDITORIAL GALAXIA

Non arriscamos se consideramos que Francisco Fernández del Riego tiña un futuro profesional no ámbito académico, onde xa antes de 1936, como xa dixen, lograra ingresar como profesor axudante para impartir aulas na facultade de Dereito. Tampouco arriscamos se aseguramos que tamén tiña un brillante porvir no campo da política, onde nos primeiros anos trinta xa amosara grandes cualidades como organizador e activista no galeguismo militante. Mais, o fanático e sanguinario golpe militar mudou o escenario vital de milleiros de persoas; tamén o del. Nas súas propias palabras, o triunfo dos sublevados

non só truncara drasticamente o proceso histórico do galeguismo en marcha. Sementou o pavor, o perseguimento, a desolación. O “paseo”, o fusilamento, a cadea, o exilio, o desterro interior, deseñaron o panorama tráxico que cubría todo o país. O desmonte e saqueo de institucións culturais, queima de libros, atentados a todo vestixio galeguizador, completaban a provocada desfeita. (Fernández del Riego 2023c, p. 105)

No seu caso, o final da guerra, fanadas as expectativas acádemicas, e sentindo, ademais, que a súa integridade física non estaba asegurada en Compostela, onde xa avanzamos que tivera unha intensa actividade pública, cultural e política, supuxo un cambio de residencia que o levou a Vigo a finais de 1939, cidade na que contaba con algúns apoios, nomeadamente, de Valentín Paz-Andrade. As circunstancias da súa instalación na cidade son abondo coñecidas e non repararemos nelas nestes apuntamentos.

Mais si nos interesa aos efectos da súa relación con asuntos editoriais. Porque da man de Paz-Andrade encargarase de traballos de edición en dúas publicacións que, efectivamente, pouco teñen que ver coas actividades do galeguismo político e cultural, mais si entendemos que deberon significar unha importante experiencia para o coñecemento dos labores de edición, que lle serían útiles no futuro en Galaxia, na revista Grial e mesmo como impresor, cando se fixo cargo da dirección de Artes Gráficas Galicia.

Trátase da súa ocupación nas revistas Industrias Pesqueras, na que comeza a traballar ao chegar a Vigo, e mais Industria Conservera, onde o fará desde o ano 1943, cando se volve publicar despois da paréntese da guerra civil, onde é un home-orquestra que redacta e selecciona practicamente todos os contidos de cada número.

Neses tempos, Del Riego tamén participa como actor principal, xunto con Xaime Isla, noutra experiencia que terá unha importante significación nos anos inmediatamente posteriores: o Suplemento del Sábado do xornal compostelán La Noche. Esta breve experiencia —o primeiro número saíu o 15 de outubro de 1949 e o último o 28 de xaneiro de 1950— serviulles para madurar unha idea que foran forxando na segunda metade dos anos corenta. Del Riego, nun artigo publicado en 1947 en La Noche, reflexionaba sobre a necesidade dunha editora de libros en galego, e tamén sabemos, por Ramón Piñeiro, que Isla xa tiña avanzado o proxecto para crear unha editora, que, en principio, se centraría na publicación dunha revista:

Fai tres días recibín tamén carta do Xaime, que me informa dos seus plans relativos á Editorial. Eu xa tiña conocemento das súas xestións pola túa carta derradeira. Realmente paréceme que pode facer unha gran obra si leva adiante isa empresa. Non deixes de alentalo, ti que estás perto dil2.

Na década dos corenta, algúns dos sobreviventes do tenebroso escenario que se amosaba ao remate da guerra vinculados ao galeguismo, como é o caso do noso protagonista, non renunciaron aos seus ideais e, paseniño, comezaron a reconstruír os vínculos e as relacións que permitisen non só a realización de actividades de signo cultural, pois tamén se propoñen, a partir de 1943, o reinicio da actividade política, neste caso a reconstrución clandestina do Partido Galeguista.

É neste escenario político e cultural onde se fraguará un proxecto que terá unha singular importancia no devir da cultura galega do século XX, e onde o noso protagonista terá un significado papel: a fundación, en 1950, da editorial Galaxia, constituída como sociedade anónima, o que hoxe chamariamos unha industria cultural, aínda que, ao noso entender, tamén foi unha eficaz pantalla que permitiu disimular as actividades do grupo que refundara o Partido Galeguista, que tiñan obxectivos máis ambiciosos que a simple edición de libros.

Francisco Fernández del Riego formará parte do seu primeiro consello de administración, onde se responsabilizará da secretaría de actas, aínda que o seu labor irá moito máis aló desa actividade administrativa. Será un infatigable traballador nos eidos da edición ata que, en 1960, asuma a xerencia da empresa, que exercerá ata finais da década dos setenta, cando compartía ese cargo coa dirección de Artes Gráficas Galicia e a da Biblioteca Penzol, o que, sen dúbida, podía realizar por ter unha personalidade dotada para a organización, da que el era ben consciente, como se deduce da cita que antes recollemos sobre as súas tamén variadas actividades nos tempos composteláns. Manterase no consello de administración da sociedade editora ata a súa renuncia en 1991.

3.1. OBXECTIVOS FUNDACIONAIS DE GALAXIA

A editora nacía en tempos delicados para a cultura galega e os seus creadores. Como o propio Del Riego recolle n’A xeración Galaxia, obra de 1996:

Morte, éxodo ou silencio desagregaran os grupos de escritores, de investigadores, arrincándoos do ambiente no que se movían. Uns permaneceron, atobados, na terra natal, outros víronse forzados a coller o camiño do exilio. Mentres os que aquí quedaran tiñan que se manter amudecidos. (Fernández del Riego 2023b, p. 48)

Créase, pois, cuns obxectivos que procuraban enfrontar esa realidade. En primeiro lugar, establecer unha continuidade coas xeracións anteriores ao golpe do 36: a xeración Nós —a súa figura máis representativa e de meirande prestixio é, nesa altura, Ramón Otero Pedrayo, a quen propoñen e elixen presidente do Consello da Administración da editora—, e a que Carballo Calero denomina a xeración do Seminario de Estudos Galegos (Fermín Bouza-Brey, Lois Tobío, Xosé Filgueira Valverde, Valentín Paz-Andrade, Rafael Dieste, Ramón Martínez López…).

Tamén a dignificación da lingua, cunha decidida opción polo ensaio, que desde o primeiro momento se manifestou no carácter das súas publicacións. Ademais, o ensaio permitíalles vincular intelectualmente a cultura galega coas correntes europeas do momento, fuxindo do ermo en que o réxime franquista quería converter as linguas e culturas diferentes da que se consideraba a única oficial.

Tan importante coma os dous anteriores obxectivos era facilitar unha plataforma ás novas xeracións, nacidas polo tempo da República, ou inmediatamente antes, e, en gran medida, descoñecedoras da realidade cultural da Galicia anterior á guerra. Para sabermos dese triste escenario dispomos, poñamos como exemplo, dos testemuños de tres escritores de diferentes xeracións que nos achegaron o seu caso: Xesús Alonso Montero, Xosé L. Franco Grande e Carlos Casares, que comezan na universidade mesmo descoñecendo a existencia de libros en galego ou de personalidades relevantes, como era o caso emblemático de Castelao, de quen o franquismo amosou especial interese en ocultar a memoria das súas actividades de antes e durante o exilio.

Como xa dixemos, Del Riego é un decidido impulsor da editorial Galaxia, que inicia a súa andaina cun consello de administración composto por Ramón Otero Pedrayo, como presidente; Manuel Gómez Román, vicepresidente; Xaime Isla Couto, conselleiro-delegado, e Antonio Fernández López, Sebastián Martínez-Risco Macías e Xesús Ferro Couselo como vogais (Fernández del Riego 2023b, p. 38).

Del Riego será o secretario dese primeiro Consello, e axiña se porá á fronte da produción da editora, que, nos primeiros tempos, contaba cun equipo asesor que tiña como principal función a elaboración dun programa de actividades, como el mesmo informa:

A andadura inicial realizouse coa axuda dun equipo de xente moza. Púxose este en marcha, dirixido por dous membros do consello de administración: Xaime Illa Couto e mais eu. Formábao: o inspector de primeiro ensino Luís Viñas Cortegoso, o médico Ricardo García Suárez, o chanceler do consulado uruguaio, Emilio Álvarez Blázquez; o oftalmólogo, Antón Beiras García, o profesor de ensino medio, Rufo Pérez González, e o escolante Xosé Meixide González. Designouse para exercer a dirección literaria a Ramón Piñeiro López, e para a dirección administrativa e comercial a Luís Viñas. (Fernández del Riego 2023b, p. 51)

Desde eses primeiros momentos, Fernández del Riego asume plenamente a dirección do traballo editorial —co cargo de director-xerente a partir de 1960—. Será un editor no senso máis amplo da palabra. Durante máis de vinte e cinco anos, xunto coa dirección literaria de Ramón Piñeiro, participará na elaboración do plan editorial, aguilloará escritores para sumalos á creación, proporá obras, creará coleccións, corrixirá textos, pasará á máquina orixinais para compoñelos en imprenta... Mesmo, nos primeiros tempos, empaquetará libros e loitará coas reticencias dos libreiros para que aceptasen recibir as publicacións de Galaxia, como el mesmo lembra:

Foron os iniciais, anos de dura laboría. Eu pasaba a máquina os textos, que recibiamos manuscritos. Dirixía na imprenta a diagramación, composición e axuste das páxinas. Corrixía as probas. Faciamos todos os paquetes que despois entregabamos nas oficinas de correos. Levabamos outros en depósito ás librerías locais, onde non eran ben recibidos. (Fernández del Riego 2023c, p. 126)

A propósito da corrección de probas, non de menor importancia foi a apli-cación duns criterios harmonizadores, para o cal o Consello de Administración acordou encargarlle a Ramón Piñeiro a redacción dunhas normas para as edicións de Galaxia, normas que non se chegaron a publicitar (Monteagudo 2021)3, mais consta que se aplicaban para facer máis accesible a lectura da lingua (Fernández del Riego 2023b, p. 195).

Abondan as referencias que nos permiten coñecer o seu labor, intenso, imprescindible no día a día da editora. Por exemplo, polas cartas que lle envía Carballo Calero (2006) sabemos do seu papel coordinador para conseguir as obras que aquel precisaba para a redacción da Historia da literatura galega contemporánea (1963), un dos títulos en que Galaxia puxo maior empeño en publicar, pois cadraba plenamente cos obxectivos que a editora se marcara de dar a coñecer ás novas xeracións a tradición literaria anterior ao 36. Lembremos que el mesmo elaborara un breve manual, Historia de la literatura gallega (Fernández del Riego 1951), unha das primeiras publicacións de Galaxia, cun claro interese divulgador.

Outro tanto podemos dicir do seu papel de animador para lograr que figuras que tiveran relevante papel noutrora nas nosas letras volvesen ao rego, como foron os casos de Vicente Risco e Álvaro Cunqueiro. Do primeiro, que despois de 1936 se mantivera afastado da actividade na nosa lingua —en Galaxia, tamén nos primeiros tempos da colección Manuais publicara, en castelán, unha Historia de Galicia (Risco 1952)—, logrou, malia aos iniciais reparos, o seu consentimento para organizar un volume, Leria (1961) que escolmaba textos de Risco editados nos seus tempos de actividade galeguista.

Máis importante, se cadra, foi o seu papel na recuperación para as letras galegas da figura de Álvaro Cunqueiro, que se inicia xa na etapa en que Del Riego coordina a edición do Suplemento del Sábado. Esa incitación obterá a súa peza maior cando Galaxia dea ao prelo Merlín e familia (1955), que instala a Cunqueiro nun lugar de honra da nosa literatura4.

Tamén foi determinante a súa relación con Manuel Rodrigues Lapa para que a súa edición crítica de Cantigas d’escarnho e de mal dizer, composta e impresa en Portugal, se publicase en 1965 baixo o selo de Galaxia, que a incorporou ao seu catálogo e comercializou5.

3.2. A COLECCIÓN SALNÉS

En 1961, xunto con Darío Álvarez Blázquez e mais Celso Emilio Ferreiro6, funda a colección de poesía Salnés, que se abriu cos poemarios de dúas personalidades ben coñecidas xa naqueles anos: Nenias, de Aquilino Iglesia Alvariño, e Salterio de Fingoi, de Ricardo Carballo Calero. N’A xeración Galaxia (1995), Del Riego apunta os seus obxectivos:

Concibíase con amplitude de criterio, inspirándose na idea de servir ás letras galegas e a cantos se esforzasen no seu cultivo. Tentábase fortecer a inquietude creadora dos poetas que, con voz do tempo, se expresasen na nosa lingua. Galaxia apoiou a iniciativa, incorporándoa ó seu programa editorial. (Fernández del Riego 2023b; a cursiva é miña)

A propósito da colección, o propio Del Riego sementou confusión sobre a súa pertenza ou non ao plan editorial de Galaxia, pois no seu derradeiro libro memorialístico, Camiño andado, de 2003, semella contradicir o escrito en 1995:

Receptivo ás demandas dalgúns poetas, dáballe eu voltas á idea de crear unha colección na que abrir canles para os seus versos. Suxerinlle á dirección literaria de Galaxia que asumise a iniciativa da creación. Non a estimou oportuna, entre outros motivos, porque carecía de mercado rendible. Non me convenceron as razóns aducidas e teimei levar avante a idea por outros camiños. (Fernández del Riego 2023c, p. 182; a cursiva é miña)

Non coñecemos as razóns do cambio de opinión, mais podemos asegurar que a colección aparece nos catálogos de Galaxia desde os seus inicios, pois xa no de 1961 figura entre as outras coleccións da editora como “Salnés, Coleición de Poesía Galega”; e na páxina de créditos dos libros, o enderezo —Reconquista 1, Vigo— é o mesmo ca o de Galaxia. Sexa como sexa, a partir de 1968, na páxina de créditos do poemario Mencer de lúas, de Alfredo Conde, xa figura Galaxia como editora. Cómpre lembrar que naquel inicial 1961 Del Riego era o seu director-xerente.

En calquera caso, Salnés publicou, ata 1974, unha importante nómina de autores e obras, que cobrou notoria relevancia por ser nela onde se editou a pri-meira edición do que, ao pouco, se convertería en emblemática referencia poética da oposición antifranquista: Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro (1962). Na súa edición tivo Del Riego un activo papel, como el mesmo lembra:

[Ferreiro] tiña escritos unha chea de poemas, pero correspondían a distintas épocas e a diversas motivacións inspiradoras.

Convencino para que repasásemos xuntos esas composicións. Escolleriamos entre elas as que puidesen fornecer corpo de coherencia á obra que se pretendía. Presentouse […] cun abondosísimo mangado de poemas mecanografados e manuscritos. Durante varias xeiras de escolla rematamos artellando o libro. Presentouse despois o problema do título […] ocorréuseme suxerirlle o dun dos poemas escolmados, “Longa noite de pedra”. […] Con este epígrafe saíu do prelo o libro, que adquiriría axiña gran resonancia. (Fernández del Riego 2023c, pp. 183-184)

Esta cita, tirada do seu Camiño andado, que vai máis alá do feito puntual da edición do libro de Ferreiro, ilustra perfectamente o papel de editor, no sentido de conselleiro e interventor, que Del Riego tivo durante as décadas en que se responsabilizou do día a día da marcha de Galaxia.

3.3. A XERENCIA DE ARTES GRÁFICAS GALICIA

Faremos unha breve parada noutra súa actividade relacionada cos libros, neste caso na súa vertente das industrias de impresión: a xerencia de Artes Gráficas Galicia, empresa creada en 1972. Ata ese momento, unha boa parte dos libros de Galaxia imprimíanse nos talleres tipográficos de Faro de Vigo. Cando a empresa xornalística decidiu pechar esa sección de imprenta, un grupo de persoas relacionadas coa editorial —entre elas, Álvaro Gil e Xaime Isla— deciden adquirila e constituír unha sociedade anónima, que se encargaría da impresión dos libros de Galaxia. Como xa comentamos, Del Riego coñecera xa de novo, en Compostela, as artes da impresión. Agora tocáballe enfrontar os novos retos que nese tempo se presentaban no sector das artes gráficas, como era o caso da muda dos sistemas de composición, coa substitución das linotipias polas novas formas de maquetación realizadas con equipos informáticos. Tamén tivo que afrontar a modernización dunha parte da maquinaria de impresión, obsoleta para os retos da nova empresa. Alí tamén se imprimiron revistas ás que dedicou moitas enerxías: Industria Conservera, Industrias Pesqueras e, sobre todo, Grial. En 1987, xa case con 75 anos, retirouse desta actividade.

4. A REVISTA GRIAL

4.1. O PRIMEIRO INTENTO: COLECCIÓN GRIAL

Como xa referimos ao inicio, os fundadores da editorial tiñan como unha das súas primeiras iniciativas a edición dunha revista:

Cando se constituíu Galaxia quíxose identificala como grupo cultural galeguista, e non como mera empresa editora de libros. Para iso cumpría dispor dunha publicación de carácter colectivo, que aparecese con regularidade. (Fernández del Riego 2023b, p. 64)

Dadas as dificultades de conseguir autorización para a edición dunha revista, pois apenas a lograban as que tiñan unha marcada afinidade co réxime, as xentes de Galaxia optaron pola creación dunha colección á que chamaron Grial, de contido principalmente monográfico, que serviría para que o grupo de ensaístas que se estaba conformando ao redor da editorial, e a achega de novas xeracións que se sumaban ao discurso do galeguismo, tivesen unha plataforma desde a que reflexionar sobre problemas de Galicia cunha “dimensión de universalidade”.

Entre 1951 e 1952 publicáronse catro volumes, un por trimestre, que se editaron con estes títulos: o número 1, co significativo de Presencia de Galicia; o 2, Pintura actual en Galicia; o 3, Presencia de Curros y Dª Emilia, e o 4, Aspectos económicos y jurídicos de Galicia (Fernández del Riego 2023b, pp. 64-65).

Del Riego tivo un papel central na organización e edición dos cadernos, nos que tamén colaborou publicando indistintamente como Francisco Fernández del Riego e Salvador Lorenzana. No seu papel como editor encargouse, xunto con Piñeiro, da preparación dos volumes, tal como el mesmo informa a respecto do número 1: A preparación e o ordenamento do volume, diagramado por Xaime Isla, fixémolos Piñeiro e mais eu no piso vigués da miña residencia (Fernández del Riego 2023a, p. 283).

Non tardaría o réxime en decatarse de que, pola porta de atrás, as xentes de Galaxia estaban publicando unha revista de pensamento, disimulada como cadernos dunha colección editorial: a colección Grial. Nese momento decidiu de maneira fulminante a desaparición da colección.

Aínda así, Galaxia publicou tres obras colectivas co mesmo espírito e semellante composición e presentación da colección Grial, mais xa sen identificalas como colección para evitar a gadoupa censora, que axudaron a decantar a opción polo ensaísmo, tan cara aos seu promotores: 7 ensayos sobre Rosalía (1952), La saudade (1953) e Paisaxe e cultura (1955). Nos tres volumes tamén colaborou Del Riego utilizando o pseudónimo de Salvador Lorenzana.

4.2. GRIAL. UNHA REVISTA DE CULTURA. 1963

Pasaría máis dunha década, ata 1963, para que o réxime permitise aos promotores de Grial lograr un dos obxectivos que se marcaran coa fundación da empresa: editar unha revista de cultura, da que Ramón Piñeiro sinalaba estes obxectivos principais:

  1. Ser vehículo responsable da actividade cultural galega.
  2. Ser vehículo de incorporación a Galicia da cultura universal, e en especial a europea.
  3. Facer presente fóra de Galicia a imaxe da cultura galega.
  4. Contribuír ao prestixio cultural da lingua galega, tanto dentro como fóra de Galicia. (Piñeiro 2013, p. 31)

Máis alá destas intencións culturais, tamén podemos considerar que a publicación reforzaba o carácter opositor e reivindicativo do proxecto político-cultural que significaba a editorial Galaxia. Seguimos a Ramón Villares nesta consideración:

Nos anos sesenta/setenta […], polo menos no caso español, o espazo cultural se converteu nun dos instrumentos predilectos de oposición ao franquismo. Isto explica a aparición de publicacións e proxectos de carácter cultural que tiñan como primeiro obxectivo preparar unha saída para a ditadura […]

A revista non naceu, pois, como algo illado […] a saída definitiva de Grial de 1963 forma parte dun proxecto epocal máis claro, tanto dentro como fóra de Galicia. (Villares 2013, pp. 15-16)

A conta disto, será oportuno lembrar que un ano despois, en 1964, tamén na contorna das xentes de Galaxia, se promove a creación do Partido Socialista Galego, inspirado nas posicións que na altura mantiña Piñeiro, e os seus compañeiros, sobre a necesidade de que Galicia contase con forzas políticas (a socialdemocracia e a democracia cristiá) homologables coas maioritarias que reconstruíran Europa após da segunda guerra mundial. Á fronte do PSG situouse, nos seus primeiros tempos, Francisco Fernández del Riego, xa nesa altura, como se dixo, director-xerente de Galaxia e codirector, xunto co propio Piñeiro, de Grial7. Da oferta demócrata cristiá encargaríase, co tempo, Xaime Isla.

Así pois, desde 1963, ano da aparición do número 1, ata o número 100, de 1988, trimestre a trimestre, durante vinte e cinco anos, Del Riego e Piñeiro codirixiron a publicación, que se converteu nunha prestixiosa referencia do proxecto Galaxia, onde o grupo puido realizar unha das súas máximas aspiracións: a plena operatividade da lingua galega como lingua de cultura, coa que se poderían tratar os máis variados e altos temas malia que, por esixencias administrativas, tivo que publicar tamén colaboracións en castelán. Nese período, as súas páxinas recolleron ducias de traballos sobre arte, filosofía e pensamento, literatura, lingüística, historia… Tamén publicou numerosas sinaturas da literatura galega e traducíronse ducias de autores estranxeiros, con especial relevancia de colaboradores da área lusobrasileira.

A revista foi ademais unha plataforma onde concorreron varias xeracións. Sirva de exemplo esta lista de nomes do número 1, onde colaboran tres xeracións do ensaísmo galego: Ramón Lugrís, Xosé M. López Nogueira, Vicente Risco, Ricardo Carballo Calero, Domingo García-Sabell, Raimundo Patiño e o propio Del Riego, co pseudónimo Salvador Lorenzana, que, a propósito da revista, manifestaba:

Grial non se concibira para lectores que habitasen un apartamento dunha soa disciplina. Abriuse a especialidades diversas, constituíndose en amplo abano de manifestacións culturais. Así como a revista Nós fora espello da época que precedeu á guerra civil, Grial representou o tempo que arrincaba de mediados de século. Conxugáronse nas súas páxinas colaboracións de novos e vellos. Nelas reveláronse como escritores moitos dos que, ulteriormente, consagrarían a súa obra nos diferentes eidos da nosa cultura. (Fernández del Riego 2023b, pp.77-78)8

O seu rol nela foi duplo: por unha banda, como autor, tivo unha intensa participación, publicando 157 traballos asinados co seu nome ou con pseudónimo e 459 notas sen sinatura, alén de diversas traducións (Nicolás 2022, p. 51).

Del Riego, na súa condición de codirector da revista, e polo seu papel de director-xerente de Galaxia, foi quen estivo acotío a pé de obra, o que se encargou da coordinación e da edición. Os temas e o sumario dos números realizábaos con Piñeiro, mais, a efectos prácticos, era el quen se encargaba de que a maquinaria funcionase coa precisión dun reloxo, ao que axudaba a súa coñecida forza de vontade. Cando autorizaron a revista, no ano 1963, o réxime apremou cunhas condicións que semellaban impostas para poder clausurala sen demasiados requilorios, para ver se, poñendo atrancos, conseguían retirala da circulación, como se desprende dunha carta que lle envía a Piñeiro cando se recibe a autorización da Dirección General de Prensa:

Chameite por teléfono pra che comunicar que me advertiron na Delegación de Información e Turismo que o número de Grial ten que saír dentros dos tres meses contados a partir da autorización, xa que do contrario considerarán ista caducada. Tamén hai que inscribir a revista no Rexistro de Pubricaciós periódicas antes dos dez días da aparición do primeiro número9.

Del Riego converteu ese prazo dos dez días nunha norma de obrigado cumprimento: non podía ser o día 11 nin o día 12, sempre antes do décimo día do terceiro mes do trimestre de saída do número. Durante os vinte e cinco anos da súa codirección, esa norma el mesmo manifestou que non se infrinxiu nin unha soa vez, desde 1963 a 1988 (Fernández del Riego 2023c, p. 147). Tanto é así que, mesmo cando non recibía a tempo algunhas colaboracións, botaba man de materiais que tiña preparados para esas continxencias, como era o caso dalgunhas traducións da súa autoría.

En realidade, nesa súa etapa, foi codirector, editor e redactor xefe. Ademais, unha parte dela coincidiu coa súa dirección de Artes Gráficas Galicia, como xa se comentou, onde se imprimía a revista, o que lle permitiu estar a pé de obra e marcar tamén os ritmos da composición e a impresión.

En 1988, cumpridos os vinte e cinco anos e chegada a revista ao número 100, deixou, non sen mágoa, a dirección de Grial, que iniciaría unha nova etapa baixo a batuta de Carlos Casares e un consello de redacción tamén renovado. Mais aínda seguiría á fronte —durante outros case vinte anos— doutra das iniciativas do proxecto Galaxia á que dedicou corenta e sete anos de actividade ininterrompida: a Fundación Penzol.

5. A FUNDACIÓN PENZOL

A Fundación Penzol nace na cidade de Vigo en 1963 e constituíuse con fondos bibliográficos e documentais que Fermín Fernández Penzol-Labandera, rexistrador da propiedade, foi adquirindo desde os anos mozos.

Fermín Penzol, nado en 1901, chegou novo ao galeguismo, no que se iniciou, aínda estudante de Dereito en Madrid, a partir do coñecemento de publicacións, como, por caso, O Tío Marcos da Portela, que foi descubrindo e adquirindo en librerías de vello, unha afección, a das visitas a estes establecementos para a adquisición de publicacións e documentos, que foi ampliando a todo tipo de impresos e materiais diversos relacionados con Galicia.

Nese tempo, comezos dos anos vinte do século pasado, xunto con outros mozos universitarios galegos residentes en Madrid, funda o grupo Mocedade Céltiga, que axiña establece relacións coas Irmandades da Fala. Ingresa no Partido Galeguista, ao fundarse en decembro de 1931. Pouco antes, en 1930, aprobara as oposicións a rexistrador da propiedade.

Penzol participará na operación clandestina de reorganización do Partido Galeguista, onde chegará a ter un papel relevante, mesmo actuando como secretario político substituíndo a Ramón Piñeiro cando este ingresa no cárcere en 1946. Piñeiro e mais el coñecéranse en Madrid en 1943, e foron construíndo unha íntima amizade, que moito tivo que ver coa súa estreita vinculación con Galaxia e coa iniciativa da Fundación Penzol.

A fundación —a fórmula xurídico-administrativa foi ideada por Xaime Isla, un home de imaxinación creadora, a quen o propio Del Riego atribuía esa característica (Fernández del Riego 2023b, p. 190)— formalizouse en escritura notarial o 7 de abril de 1963, cun padroado encargado do seu goberno formado por persoas vinculadas a Galaxia: Ramón Otero Pedrayo, Antonio Fernández López, Ramiro Isla Couto, Domingo García-Sabell, Ricardo Carballo Calero, Xesús Ferro Couselo, Xerardo Fernández Albor, Marino Dónega Rozas, Ramón Piñeiro e Xosé L. Franco Grande. Francisco Fernández del Riego tamén forma parte do padroado, que, ademais, o nomea director da biblioteca. Obviamente, o presidente da institución será Fermín Penzol10.

A fundación inicia o seu camiñar o 5 de maio dese 1963, cun acto onde o profesor Manuel Rodrigues Lapa ditou a conferencia “Os romanistas italianos e a literatura medieval galego-portuguesa”, no locais do número 24 da rúa viguesa de Policarpo Sanz xestionados por Xaime Isla Couto ante a Caixa de Aforros Municipal de Vigo. A xenerosa contribución de Xaime Isla e de Antonio Fernández López custeou a preparación e adaptación das instalacións para acoller a biblioteca (Fernández del Riego 2023a, p. 321), que no momento da súa constitución constaba de 7 751 libros, e mais unha colección de 6 012 sinaturas, compostas por revistas, folletos e diversa documentación11.

Non tiveron dúbidas Fermín Penzol e as xentes de Galaxia sobre a súa instalación en Vigo, que, nese tempo, carecía dunha institución desas características (na Coruña tiña sede a Real Academia Galega, coa súa biblioteca e arquivo; Compostela dispuña da Universidade). Mais tamén deberon pesar dúas circunstancias importantes á hora da súa función operativa: en Vigo tiña sede a editorial Galaxia e dirixíaa Francisco Fernández del Riego. Xa que logo, non debeu ser difícil para os seus responsables decidir a localización.

Decontado, Del Riego, coa súa coñecida capacidade resolutiva, poñerase á fronte do traballo de catalogación e clasificación dos distintos fondos, para o que contou coa axuda valiosa, mesmo imprescindible, de Olga Gallego, experta en arquivos e bibliotecas, naquela altura con destino profesional en Vigo —de quen, por certo, en decembro de 2023 se cumpriu o centenario do seu nacemento—, que tamén estableceu os criterios arquivísticos e bibliográficos dos fondos fundacionais.

A biblioteca e o arquivo da Fundación Penzol convertéronse, así, nunha ferramenta, en palabras do propio Del Riego, que

a partir de entón […] veu servindo de eficaz centro de traballo para cantos tentaban consagrarse ao estudo e a pescuda da historia, da lingua, da literatura, e dos problemas da realidade cultural e socioeconómica de Galicia. (2023a, pp. 321-322)

Desde os seus inicios, os seus locais foron un centro de estudo e accións relacionadas con moitos e variados aspectos da actividade cultural galega. En palabras de Xosé L. Franco Grande, membro do primeiro padroado de 1963 —ao que tamén pertencía, en representación da Real Academia Galega, cando o seu falecemento en marzo de 2020—, pola Fundación Penzol pasaban

xentes diversas, de moi afastadas inquedanzas e de moi diferente formación, pero que todas confluían na cobiza de modernización de Galicia, na importancia de coñecer mellor o pasado para mellor construír o futuro. […]

Todo se podía facer na Fundación, dende planificar as clases de galego que iniciaramos Ferrín e mais eu no Instituto Santa Irene […] ou actos máis ou menos de actividade política […] ata xuntanzas máis ou menos informais que, por non dispoñer doutro lugar, tamén se facían alí, por suposto, baixo a ollada vixiante e raposeira de Paco del Riego. (Franco Grande 2010, pp. 134-135)

Son numerosos os testemuños de persoas que falan da súa acollida e consello atento á hora de dirixir as súas consultas ao longo dos corenta e sete anos que estivo á fronte da xestión dos fondos da Penzol. Varias xeracións de estudosas e estudosos, non só de Galicia, tamén procedentes de institucións académicas europeas e americanas, tiveron en Del Riego un imprescindible asesor.

O crecemento dos fondos bibliográficos, que en 1980 xa se aproximaban aos 12000 volumes, obrigou o padroado da fundación a matinar no futuro e lograr unhas instalacións que puidesen acoller o seu crecente patrimonio. Nestas circunstancias, o papel de Del Riego tivo especial relevo. O seu prestixio, o seu recoñecemento na sociedade viguesa, foi un factor que contribuíu a atopar a solución.

O 26 de marzo de 1985 a Fundación Penzol asinou un convenio co Concello de Vigo, polo cal este habilitaba para a instalación dos seus fondos os locais da actualmente chamada Casa Galega da Cultura, outrora casa consistorial viguesa. O acordo tamén incluía a dotación por parte da administración local de persoal técnico e auxiliar, e que corresen pola súa conta os gastos do seu funcionamento. O apoio municipal non afecta á autonomía da fundación nin á titularidade dos seus fondos.

Fondos que non pararon de enriquecerse, aumentando notablemente o número e importancia das doazóns bibliográficas e documentais. Sirva como exemplo, que a biblioteca case multiplicara por cinco o número de sinaturas con que iniciara o seu servizo á cultura galega cando Del Riego renuncia, por razóns de idade, nos días finais de 2009.

Apenas tres anos despois do seu falecemento, os fondos da Penzol —nese momento dirixíaa Francisco, Quico, Domínguez—, abranguían ao redor de 36000 monografías, 1775 publicacións periódicas e máis de 6500 expedientes e documentos de arquivo (Vidal e Domínguez 2013, pp. 49 e 50)12. O número non deixa de medrar, pois estimamos chegar ás 50000 monografías o presente 2024.

En 1995 Del Riego decide doar a súa biblioteca, o seu arquivo e a súa colección de plástica, ademais de variados obxectos, “ao pobo de Vigo”. Unha nova adaptación das instalacións da Casa Galega da Cultura permitiu acoller ese valioso patrimonio, ao tempo que se actualizaba o convenio asinado entre Concello de Vigo e Fundación Penzol.

Das súas distintas responsabilidades relacionadas cos proxectos de Galaxia que vimos de tratar, quizais fose a de director da Biblioteca da Fundación Penzol a que máis lle soubo, a que maiores satisfaccións lle produciu, ata o punto de considerala coma un segundo fogar. Nas que podemos considerar case as súas derradeiras páxinas memorialísticas, publicadas xa con noventa anos cumpridos, recóllense estas palabras de ton melancólico:

Está a sonar a hora de me ir retirando silandeiramente, xa nonaxenario. Ningún sitio mellor para ese retiro que a Biblioteca Penzol. Continuarei acudindo acotío a ela, mentres teña folgos. A mente sostense viva, lúcida. Pero os ollos van gastos, e envellecidos os ósos. Con todo, seguirei achegándome, aínda que paseniña e traballosamente, ás nove de cada mañá ó querido local na Casa Galega da Cultura. (Fernández del Riego 2023c, p. 262)

6. FINAL

Desde que escribiu esas liñas aínda pasarían seis anos ata a definitiva retirada, que pechaba unha longa vida de acción política e cultural, que, simbolicamente, comezara aos 18 anos, un 25 de xullo, na súa vila natal de Vilanova de Lourenzá cun discurso de reivindicación galeguista desde o balcón do concello, e que, ata os seus últimos días, mantivo firme o leme nun rumbo que nunca, nin nos momentos máis dramáticos da súa vida, se afastou da idea dunha Galicia que defendese con decisión a súa personalidade e os seus dereitos políticos, lingüísticos e culturais.

A maior parte do seu tempo andouno polos camiños do grupo político e cultural que el axudou a conformar, grupo nucleado arredor da editorial Galaxia. Nas súas creacións máis salientables —a propia editora, a revista Grial e a Fundación Penzol— tivo un relevante, imprescindible papel. Nese longo camiñar foi acompañado de xentes —ás cales se referiu como a xeración Galaxia— que cómpre recoñecer, porque así el mesmo o recolle no libro onde deu conta da peripecia desa xeración, que tiveron un papel vital no renacemento da cultura galega despois da traumática e violenta experiencia do golpe militar de 1936. Foi unha xeración formada, entre outras, por persoas como Francisco Fernández del Riego, Ramón Piñeiro, Xaime Isla Couto e o mesmo Fermín Penzol, que souberon responder con acción e intelixencia ás difíciles circunstancias en que Galicia e a súa cultura ficou despois desa tenebrosa data.

A concesión do Día das Letras Galegas a Francisco Fernández del Riego, como en 2009 a Ramón Piñeiro, debemos entendela tamén como unha homenaxe ás persoas que, por caso, aparecen na coñecida fotografía da asemblea de constitución da editorial Galaxia, en 1950, cando volveu retomarse a tarefa de reconstrución da nosa dignidade cultural e nacional.

NOTAS

1

En 1963, ano, sen dúbida, axitado polo centenario da publicación de Cantares gallegos, houbo numerosas actividades culturais en distintas localidades de Galicia. De entre elas salienta a exposición bibliográfica organizada por Xesús Alonso Montero e Epifanio Ramos de Castro, Cen anos de literatura galega, celebrada en Lugo entre o 9 e o 19 de decembro, que tivo unha relevancia que transcendeu o ámbito local. Ilustra esta apreciación o dato de que o catálogo (Alonso e Ramos de Castro 1964) que se publicou sobre as obras expostas —monografías e artigos— recolle 2149 referencias, das que 1744 se presentaron na mostra.

2

Carta de Ramón Piñeiro a Francisco Fernández del Riego. Lugo, 4 de setembro de 1949. Arquivo FFDR. Biblioteca-Museo Francisco Fernández del Riego.

3

Para o papel de Piñeiro e Del Riego na elaboración e uso dunhas normas propias de Galaxia véxase o apartado “Importancia histórica da decantación do modelo lingüístico culto” en Monteagudo (2021, pp. 147-150). A obra tamén presenta un recomendable capítulo, o IV, sobre o papel de Galaxia na súa primeira época: “A Editorial Galaxia e a resistencia galeguista” (2021, pp. 151-186).

4

Para as circunstancias da relación Del Riego-Cunqueiro, véxase Cunqueiro (2003).

5

Para os problemas da súa edición, e sobre a intensa relación de Lapa co noso protagonista, é interesante achegarse á edición das cartas do primeiro ao segundo, cun esclarecedor prólogo deste (Lapa 2001).

6

Na páxina de créditos dos primeiros títulos, indícase: “Salnés. Coleición de Poesía Galega. Ao coidado de: Celso Emilio Ferrreiro, Emilio Álvarez Blázquez, Salvador Lorenzana”. A referencia aos directores da colección desaparece en 1966, no poemario de Bernardiño Graña Profecía do mar.

7

O 25 de agosto de 1964 constituíuse na Coruña o que se ía chamar Partido Socialista Galego. Ao acto constituínte asistiron Cesáreo Saco, Salvador Rey, Xosé Manuel Beiras, Salvador García-Bodaño, Mario Orjales, Rodríguez Pardo, Luís Viñas, Amando Losada, García Briones e mais eu (Fernández del Riego 2023a, p. 362).

8

Para unha achega máis detallada sobre a publicación, consúltese en Monteagudo (2021, pp. 288-296) o capítulo “A revista Grial temas e colaboradores”, e a sección monográfica “50 anos de Grial” coordinada por V. F. Freixanes e H. Monteagudo (2013).

9

Carta de Fernández del Riego a Piñeiro. Vigo, 20 de xuño de 1963. Citada en Villanueva Gesteira (2022, pp. 128-129).

10

N’A xeración Galaxia (Fernández del Riego 2023b, p. 111), no canto de Marino Dónega figura Gómez Román. A relación correcta é a que se recolle na acta notarial, de 7 de abril de 1963, de constitución da fundación.

11

Unha achega máis ampla sobre Fermín Penzol e a fundación en Cabrera e Monteagudo (2010). Para o detalle sobre os seus fondos na etapa do local de Policarpo Sanz, véxase Gallego e López (1980).

12

Francisco Domínguez foi nomeado director da Fundación Penzol polo seu padroado en xaneiro de 2010, función que exerceu ata xuño de 2021, cando cesou a petición propia. Para substituílo nomeouse o autor deste escrito.

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS

Alonso Montero, Xesús e Ramos de Castro, Epifanio (1964). Cen anos de literatura galega. Catálogo da exposición bibliográfica. Lugo: Círculo das Artes.

Cabrera Iglesias, María Dolores e Monteagudo, Henrique, eds. (2010). Fermín Penzol. Unha obra para un país. Vigo: Fundación Penzol / Galaxia.

Cabrera Iglesias, María Dolores e Villanueva Gesteira, María Dolores (2013). Francisco Fernández del Riego. Vigo dende o corazón de Galicia. Vigo: Fundación Penzol / Galaxia.

Carballo Calero, Ricardo (1963). Historia da literatura galega contemporánea, 1808- 1936. Vigo: Galaxia.

Carballo Calero, Ricardo (2006). Epistolario a Francisco Fernández del Riego. Vigo: Galaxia. Edición e transcrición de Dolores Vilavedra e Montserrat Pena.

Cunqueiro, Álvaro (1955). Merlín e familia. Vigo: Galaxia.

Cunqueiro, Álvaro (2003). Cartas ao meu amigo. Epistolario mindoniense a Francisco Fernández del Riego, 1949-1961. Vigo: Galaxia. Edición de Dolores Vilavedra. Limiar de Francisco Fernández del Riego.

Fernández del Riego, Francisco (1951). Historia de la literatura gallega. Vigo: Galaxia.

Fernández del Riego, Francisco (2023a [1990]). O río do tempo. Unha historia vivida. Vigo: Galaxia.

Fernández del Riego, Francisco (2023b [1996]). A xeración Galaxia. Vigo: Galaxia.

Fernández del Riego, Francisco (2023c [2003]). Camiño andado. Vigo: Galaxia.

Ferreiro, Celso Emilio (1962). Longa noite de pedra. Vigo: Galaxia.

Franco Grande, Xosé L. (2010). Un lugar de encontros. En: María Dolores Cabrera Iglesias e Henrique Monteagudo, eds. Fermín Penzol. Unha obra para un país. Vigo: Fundación Penzol / Galaxia, 134-135.

Freixanes, Víctor F. e Monteagudo, Henrique, coords. (2013). 50 anos de Grial [número monográfico]. Grial. 200.

Gallego, Olga e López, Pedro (1980). Guía das coleccións bibliográficas e documentais da Fundación Penzol. Vigo: Fundación Penzol.

Lapa, Manuel Rodrigues, ed. (1965). Cantigas d’escarnho e de mal dizer dos cancioneiros medievais galego-portugueses. Vigo: Galaxia.

Lapa, Manuel Rodrigues (2001). Cartas a Francisco Fernández del Riego sobre a cultura galega. Vigo: Galaxia.

Monteagudo, Henrique (2021). O idioma galego baixo o franquismo. Da resistencia á normalización. Vigo: Galaxia.

Nicolás, Ramón (2022). Francisco Fernández del Riego. Vida e obra dun obreiro do galeguismo. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.

Piñeiro, Ramón (2013 [1982]). A revista Grial, vontade de afirmación. Grial. 200, 28-31.

Risco, Vicente (1952). Historia de Galicia. Vigo: Galaxia.

Risco, Vicente (1961). Leria. Vigo: Galaxia.

Vidal Fraile, Marián e Domínguez Martínez, Francisco (2013). A Fundación Penzol na Casa Galega da Cultura. En: María Dolores Cabrera Iglesias e Malores Villanueva Gesteira, Francisco Fernández del Riego. Vigo dende o corazón de Galicia. Vigo: Fundación Penzol / Galaxia, 48-53.

Villanueva Gesteira, Malores (2022). Francisco Fernández del Riego, un loitador pola idea de Galicia. Vigo: Galaxia.

Villares, Ramón (2013). Actuar desde a cultura. Galeguismo ‘histórico’ e transición democrática. Grial. 200, 15-27.

VVAA. (1952). 7 ensayos sobre Rosalía. Vigo: Galaxia.

VVAA. (1953). La saudade. Vigo: Galaxia

VVAA. (1955). Paisaxe e cultura. Vigo: Galaxia.