Boletín da Real Academia Galega

Núm. 384, pp. 77-107

© 2023. Real Academia Galega

https://doi.org/10.32766/brag.384.840

FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO E A FANADA RECONSTRUCIÓN DO PARTIDO GALEGUISTA NA CLANDESTINIDADE

FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO AND THE ABORTIVE RECONSTRUCTION OF THE UNDERGROUND GALICIANIST PARTY

Uxío-Breogán Diéguez Cequiel
Universidade da Coruña

ORCID: 0000-0001-7999-3030

Resumo: Coa marcha forzosa ao exilio, na primavera de 1939, dos principais referentes do Partido Galeguista que resistiron ao golpe militar de 1936 e que teimaran en defender a República e as teses do galeguismo político en territorio peninsular, iniciaríase a súa reconstrución en Galiza. Ramón de Valenzuela, Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla Couto, Manuel Gómez Román e Ramón Piñeiro serían centrais neste esforzo. Valenzuela, que fora designado no tempo de guerra secretario de organización do PG, promovería a reorganización do partido nacionalista desde 1944 ao saír do cárcere, acompañado de Xosé Velo Mosquera, Mariano Otero Castelao, Dámaso Carrasco e Vicente Bóveda, entre outros. Mais este esforzo tivo un breve percorrido. Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla Couto e Manuel Gómez Román, último secretario xeral do PG no tempo republicano, farían unha nova tentativa de restablecer o partido, con Ramón Piñeiro como liberado, que tivo o seu momento álxido no verán de 1945, cando en Coruxo (Vigo) se celebrou unha asemblea de ámbito nacional na que se ratificaría o traballo desenvolvido até o momento e os pasos a seguir de aí en diante. Unha reorganización que daría lugar ao “boletín informativo” Galicia e ao “portavoz do Partido Galeguista” Roteiro.

Abstract: When the main leaders of the Galicianist Party who resisted the military coup, and who sought to defend the Second Spanish Republic and the idea of political Galicianism in Spain, began going into exile in the spring of 1939, the foundations for the rebuilding of the Galicianist Party in Galiza began to be created. Ramón de Valenzuela, Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla Couto, Manuel Gómez Román and Ramón Piñeiro were key figures in this campaign. Valenzuela, who had been appointed Organizational Secretary of the Galicianist Party during the Spanish Civil War, became involved in the reorganization of the nationalist party from 1944 upon his release from prison. Although this initiative had little impact, it was supported by Xosé Velo Mosquera, Mariano Otero Castelao, Dámaso Carrasco and Vicente Bóveda, amongst others. Del Riego and Xaime Isla Couto, together with Manuel Gómez Román, the last General Secretary of the Galicianist Party during the Second Republic, in addition to a recently released Ramón Piñeiro, also contributed to this process. These efforts reached their peak in the summer of 1945, when a national assembly was held in Coruxo (Vigo) in order to ratify progress to date and choose the steps to be taken forwards. The reorganization led to the creation of the newsletter, Galicia, and the Galicianist Party official bulletin, Roteiro.

Palabras chave: Francisco Fernández del Riego, Ramón Piñeiro, Partido Galeguista, ditadura franquista, resistencia política e cultural.

Key words: Francisco F. del Riego, Ramón Piñeiro, Galicianist Party, Franco dictatorship, political and cultural resistance.

INTRODUCIÓN

Após o golpe militar de xullo de 1936, os dirixentes do Partido Galeguista (PG) e das súas mocidades que lograron fuxir da represión ficaron espallados. Unha vez o exército golpista dominou todo o territorio galego, e dado que o secretario de organización do PG, o economista Alexandre Bóveda, fora asasinado, mentres que o secretario xeral do PG, o arquitecto Manuel Gómez Román —home xa daquelas de sesenta anos—, estaba vixiado no seu Vigo natal, a militancia do PG que resistía ao fascismo desde Barcelona nomeou en 1937 un novo secretario de organización. Por proposta do deputado Daniel R. Castelao, a responsabilidade recaería en Ramón de Valenzuela.

Valenzuela contaba daquela con vinte e tres anos, mais xa tivera responsabilidades políticas (fora representante desde 1935 do PG nas Terras do Deza e na Estrada) e participara moi activamente na campaña en favor do Estatuto de Autonomía de 1936, durante a cal interviñera como orador xunto a Bóveda, Castelao ou Víctor Casas, entre outros, en numerosos actos. Alén disto, contaba cunha sólida capacitación intelectual, pois no verán do 36 rematara a súa formación como mestre e principiara a licenciatura de Dereito e a de Filosofía e Letras.

De tal modo, Valenzuela pasaría, en plena guerra, a exercer como secretario de organización do PG desde a capital catalá, na que os galeguistas contaban cunha sede na rúa Fontanella (Diéguez 2015, p. 67). Valenzuela foi detido en 1936 na Bandeira e obrigado a combater co exército golpista1, desde o cal conseguiu pasar ao exército republicano en decembro de 1937 (Igrexas 2006, p. 14), como fixera, entre outros, o tamén nacionalista galego Elixio Rodríguez. No exército republicano Valenzuela formou parte do Servizo de Intelixencia (xunto ao tamén galeguista Carlos Velo), pertencente ao Estado Maior do Exército de Terra en Barcelona (Valenzuela 1997). Na capital catalá sumaríase á Solidariedade Galega Antifascista, da que era presidente o socialista Pedro Longueira e secretario xeral o galeguista Luís Soto, iniciativa que impulsarían os nacionalistas galegos Daniel R. Castelao, Arturo Cuadrado, Rafael Dieste, Amparo Alvajar, Florencio Delgado Gurriarán, Xohán López Durá e, entre outros, Xohán Xosé Plá. Estes galeguistas tamén crearon a revista Nova Galiza. Boletín Quincenal dos escritores antifeixistas2, ao tempo que algúns deles, sobre todo Castelao, colaboraban coa publicación Nueva Galicia, impulsada en Madrid polo PCE como boletín da División Líster3.

Cando xa se vía improbábel a vitoria republicana fronte ao exército sublevado e os seus aliados italianos e alemáns, aquela militancia nacionalista galega que mantivera vivo o PG desde Barcelona faría o posíbel por manter izada a bandeira do galeguismo, promovendo a edición d’A Nosa Terra (ANT), voceiro do PG. Por volta de 1938 editaríanse dous números, mais xa desde Buenos Aires, con colaboracións de Castelao e Suárez Picallo desde territorio peninsular, entre outros4. Sería a antesala do inicio do exilio da maior parte dos máis destacados e veteranos galeguistas, que após a queda da República en territorio peninsular, porían rumbo maioritariamente cara á capital da Arxentina, evitando unha morte segura.

En Buenos Aires, aqueles exiliados e outros nacionalistas que levaban anos traballando na capital arxentina fundarían o 13 de decembro de 1941 a Irmandade Galega (a modo de PG ampliado no exilio), na que o deputado Daniel Rodríguez Castelao destacaba como a figura de maior relevancia. A IG reeditaría o periódico ANT desde o simbólico 28 de xuño de 1942, para celebrar o sexto aniversario do plebiscito do Estatuto de Autonomía, e desde o 17 de agosto o Día dos Mártires Galegos, en conmemoración da data do asasinato de Bóveda (Diéguez 2015, pp. 121-127).

Canto aos militantes da Federación de Mocedades Galeguistas (FMG) —nacidos maioritariamente arredor de 1915—, serían obrigados a sumarse ao exército sublevado após unha resistencia imposíbel nas primeiras horas do golpe de Estado (e logo de terse que agochar durante semanas para librar dunha represión física segura). Este sería o caso, entre moitos outros, de Xaime Isla Couto, Avelino Pousa Antelo, Ramón Piñeiro, Marino Dónega, Francisco Barreiro Salaño, Xosé Velo ou Francisco Fernández del Riego —que fora secretario xeral da FMG até outubro de 19355 e lle entregaría o testemuño ao celanovés Xosé Velo Mosquera—. Algúns daqueles mozos galeguistas coincidiron facendo parte forzosamente daquel exército sublevado, mais a maioría deles non se reencontrarían até a finalización da guerra. Dónega indicou ao respecto (1991, p. 35) como chamarían ás súas respectivas quintas, do 36 e do 37, incorporándose Piñeiro á gloria da Infantería e eu á sufrida Sanidade Militar. O Ramón xa me dixera que non había mellor seguridade cá de estar mobilizados. Xa non volvemos saber un do outro, ata [...] 1938, [daquela] atopámonos en Teruel.

Algúns daqueles mozos galeguistas faleceron na fronte de guerra, como Ánxelo Ramos Colemán, Manuel Ferreirós ou Xaime Vidal Rei (Pastoriza 2015, pp. 42-47). Del Riego, sobre aquel contexto e sobre o inicio da ditadura, confesaría nunha conversa como tiveran que axeitarse ...ás circunstancias porque eran insuperábeis, dado que aqueles eran tempos moi difíciles [...] no económico, o político, o cultural (Carballa 1995, p. 26). Isto non implicaba que aqueles militantes galeguistas claudicasen. Eran anos moi duros. Un tempo que Del Riego cualificaría de horríbel, afirmando que a vida non valía nada e que tanto [lle] daba morrer como non morrer (Conde 2018, p. 54).

BASES PARA A REORGANIZACIÓN DO PG NA TERRA

Pasado o tempo de guerra, houbo unha dupla tentativa de reorganización do PG: unha arredor de Ramón de Valenzuela, en colaboración con Xosé Velo Mosquera, e outra impulsada por Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xaime Isla Couto, na que Ramón Piñeiro exercería un labor central. En ambos os casos Vigo, a cidade máis poboada de Galiza e na que había certa garantía de anonimato, sería o centro desa dupla tentativa de reorganización galeguista.

A INICIATIVA DE RAMÓN DE VALENZUELA

Ramón de Valenzuela, detido en Francia pola Gestapo no verán de 1940 após a súa intensa experiencia no Exército Popular da República, fora enviado á España franquista para ingresar na prisión provincial de Ávila. Ao saír do cárcere no ano 1944, semella que considerara ben marchar ao exilio ou ben integrarse na guerrilla antifranquista, segundo conta nun dos seus libros de memorias noveladas. Despois de catro anos preso, cáseque catro dos meus mellores anos mozos, afirmaría (Valenzuela 1997, p. 123), non soportaba seguir en “prisión atenuada” (liberdade vixiada, na que tería que estar durante once anos); por moito que fose no pazo familiar da Viña (Manduas, Silleda), mais sen poder facer nada contra a ditadura franquista nin ao servizo dos seus ideais republicanos e patrióticos. Finalmente, Valenzuela quedou en Galiza e asentouse en Vilagarcía de Arousa, grazas a que conseguiu traballo como comercial. Dirixía unha explotación de arxila, o que lle permitiu viaxar por toda a provincia de Pontevedra e da Coruña (Igrexas 2006, p. 14).

Daquela pensou en traballar en favor da reorganización do PG, contactando con militancia da súa confianza como Mariano Otero Castelao, Dámaso Carrasco Duaso e Vicente Bóveda. Afirmaría Valenzuela nunha das súas novelas autobiográficas (1997, pp. 133-134) como o Partido Galeguista era algo ó que [se] apertaba en procura de forza para vivir activamente con intensidade ou en percura de acougo para aturar ruindades. En Vigo Ramón de Valenzuela comunicouse con Del Riego e chegou a conversar tamén con Ramón Piñeiro (2022, pp. 62-63), mais entre os tres non se debeu crear a necesaria confianza para articular algo conxuntamente. Valenzuela tamén se entrevistaría con Xosé Velo, que no ano 1943 acababa de chegar a Vigo, onde abrira unha modesta academia xunto ao seu curmán Castor Velo, na que ambos impartían aulas6. Velo mantiña trato daquelas con Francisco F. del Riego, anque aqueles dous exsecretarios xerais da FMG (Rojo 1987; Diéguez 2003) non chegaron a concordar en que pasos dar para reorganizar o PG. Seguramente non axudou que Velo fose partidario, xunto a Ramón de Valenzuela e Mariano Otero Castelao7, de manter colaboración activa coa guerrilla antifranquista e coa Unión Nacional Española (UNE), plataforma creada en Francia en 1942 da man do PCE para agrupar as forzas antifranquistas e fronte á que se situaba a maior parte do resto de exmilitantes da FMG que tentaban relanzar o PG xunto a Del Riego.

Velo pouco máis puido facer que amosarlle a Valenzuela, como fixera previamente con Del Riego, a súa total dispoñibilidade para colaborar na reorganización do PG, porque a finais de 1944, e tras varias reunións clandestinas, sería detido xunto a Mariano Otero Castelao e outros militantes vinculados á UNE, ficando presos varios meses. Deste xeito, frustrouse calquera acción política liderada polo que fora o último secretario xeral da FMG/FMN8. Sabemos por unha carta de Ramón Piñeiro a Francisco F. del Riego, escrita en Madrid en xaneiro de 1945, que Del Riego se entrevistara con Velo antes de saír de viaxe (supoñemos que se refería o de Láncara á nova detención de Velo de finais de 1944), para verificar se estivera inxuriando a Vicente Bóveda (descoñecemos o contido das supostas inxurias)9. Noutra carta que Piñeiro lle envía a Del Riego, con apenas un día de diferenza, afirma que se aledaba moito de que a nosa amiga de Celanova [Pepe Velo] te segue (sic) visitando, e disposta a non continuar sementando confusión entre os coñecidos. Entendemos que gardaría relación co cese da toma de contactos que se propuxera Velo, en coordinación con Valenzuela e Otero Castelao (e co que puidera ter dito de Vicente Bóveda)10.

Situados no ano 1945, Valenzuela ficara marxinado da reorganización do PG, sendo os máximos responsábeis Gómez Román, Del Riego e Piñeiro11 (se ben Gómez Román tivo que optar por un perfil simbólico, dado o control policial ao que estaba sometido). Tal e como ten expresado Piñeiro, el fixera o posíbel para que Valenzuela desistise da iniciativa de reorganizar o PG e situalo na órbita da UNE12. E aínda que Valenzuela abandonaría a súa iniciativa (malia ter conformado unha mínima rede galeguista), non é menos certo que seguiría clandestinamente militando no antifranquismo, ligado á UNE, na mesma liña que Velo13; fronte a aposta da maior parte dos galeguistas do interior en favor de ligar o PG reconstituído á Alianza Nacional de Fuerzas Democráticas (ANFD), plataforma que se viña de crear fronte á UNE en outubro de 1944, arredor do Partido Socialista Obrero Español (PSOE) e do Movemento Libertario14, para alén doutras forzas republicanas.

Perdida toda esperanza de ser útil para a reorganización do PG, mais sen abandonar as súas firmes conviccións galeguistas, Valenzuela retomaría en 1945 os estudos universitarios de Filosofía e Letras até completalos en 1947. Seguiría mantendo relación directa coa oposición antifranquista, a través da UNE, casando a inicios daquel ano con María Victoria (Mariví) Villaverde15, de militancia republicana, a quen coñecera en Francia. Tras conseguir Valenzuela ser indultado en 1949, viaxaría xunto a Mariví Villaverde a Buenos Aires, onde se exiliarían, sendo moi activos no seo do galeguismo e o antifranquismo16.

A INICIATIVA DE FRANCISCO F. DEL RIEGO, MANUEL GÓMEZ ROMÁN E XAIME ISLA COUTO XUNTO A RAMÓN PIÑEIRO

Francisco F. del Riego e Xaime Isla Couto serían os militantes que máis intensamente e con maior constancia procurarían reorganizar o PG en Galiza, sen cesaren até a consecución dese obxectivo. Del Riego, que fora inhabilitado como profesor auxiliar universitario pola súa militancia galeguista (Villanueva 2022, pp. 82-83), chegou a Vigo en 1939, logo de deixar Compostela, onde soubo que perigaba a súa liberdade (Fernández del Riego 1990, p. 127). En Vigo procurou traballo no despacho do avogado Valentín Paz-Andrade, coa mala sorte de que, segundo Del Riego chegaba á cidade, Paz-Andrade veríase forzado a marchar desterrado a Villanueva de la Serena (Fernández del Riego 1990, p. 130; Calvo 1998, pp. 170-173). Naquel tempo de dura posguerra, as dificultades só se salvaban, segundo afirmaría Del Riego, coa compaña e complicidade de amigos do período prebélico, como era o caso de Carlos Maside (Diéguez 2015, p. 262) que viviría entre Vigo e Compostela e con quen Del Riego compartiría enormes penurias.

Ao pouco encontraríase Del Riego en Vigo con Enrique Peinador Lines, abastado galeguista17 que o citou no seu domicilio da rúa Cuba para falar da situación política. Desde aquel encontro, Del Riego e Peinador chegaron a verse todos os días á tardiña durante meses, sendo nese piso onde se sentaron as bases iniciais da reconstitución do galeguismo da posguerra, segundo faría saber o noutrora secretario xeral da FMG (Fernández del Riego 1990, pp. 134-139).

Nesa altura Del Riego e Ricardo Carvalho Calero, que estaba recluído no cárcere militar de Jaén18, retomaban a súa relación epistolar. A primeira carta, do 28 de decembro de 1939, enviada por Carvalho Calero a Del Riego —e na que se centraba en aspectos familiares e profesionais a futuro—, daría lugar a unha segunda epístola, datada o 15 febreiro de 1940, na que, aínda que non hai, aparentemente, ningunha referencia política (naturalmente, non podía habela!), non é menos certo que dá conta de como se atopaba animicamente Carvalho e como afrontaba a nova etapa que estaba por vir, en liberdade: aseguraba que en mi estado de ánimo —que continúa inalterable— no existe decaimento alguno. Na seguinte carta que redacta Carvalho Calero, datada o 23 febreiro de 1940, volve abordar cuestións familiares e laborais, reflexionando aparentemente sobre a posíbel apertura dun bufete entre el e Del Riego, mais no treito que seleccionamos podería referirse tamén, caneando a censura militar, ao relanzamento do proxecto político galeguista cando afirma o seguinte:

[...] continuaremos madurando y examinando dificultades y facilidades. Tú estás en mejores condiciones para ir adelantando ideas y desmenuzando posibilidades. De modo que leería con sumo gusto lo que se te ocurriese sobre el particular enfrentándote ya con el problema concreto en todas sus fases, para llegar a una conclusión práctica sobre la viabilidad del pensamiento y el volumen de la totalidad de sus aspectos. (Carvalho 2006, p. 57)

En paralelo aos pasos que estaba a dar Francisco F. del Riego, e parello a este reencontro epistolar con Carvalho Calero, coincidirían en Compostela por cuestións académicas, naquel mesmo ano 1940, Xaime Isla Couto, Marino Dónega e Ramón Piñeiro, segundo o propio Isla Couto nos ten relatado nalgunha das conversas que mantivemos na virada de século19. Falarían daquela estes militantes galeguistas condicionados pola ledicia do reencontro, mais tamén polo medo imperante naquela tesitura en que o totalitarismo español se erguía triunfante. Isla Couto e Dónega afirmarían a necesidade de rearticular o PG, mais Piñeiro (2002, p. 61) sería partidario de agardar, dado o contexto internacional. Lembrando un posterior encontro con Piñeiro no que o de Láncara mantería a súa negativa ao relanzamento político-organizativo do galeguismo nesa altura (situando aquel novo encontro casual á altura aínda de 1941), Marino Dónega (1991, p. 36) lembraría o que segue:

Rematada a guerra, incorporámonos, naturalmente, ás nosas casas e mais á Universidade. Era o tempo máis inmediato á postguerra e ningún dos dous [el e Piñeiro] puidemos facer carreira. Nunha das miñas habituais viaxes a Lugo, batín con Ramón nos porches da Praza Maior. Sería o ano 1941. Pregunteille, máis que nada por preguntar, que cousa era a que podiamos facer naquela situación os restos que aínda quedaban do galeguismo. E, poida que contrariado, díxome cunha sequedade á que non me tiña afeito, ¡Nada! [...]. Explicoume que estando Alemaña no seu apoxeo bélico, de chegar unha victoria nazi ninguén podería saber que sería de Europa, de España, de Galicia e de nós mesmos.

Fronte a aquela negativa inicial de Piñeiro, comprensíbel naquel complexo contexto, Del Riego ten afirmado como se reuniu con Manuel Gómez Román e Enrique Peinador en 194120 para decidir en firme a relación de galeguistas cos que ir contactando de cara a reorganizar o PG. Malia o que supuxera e significara o golpe militar de 1936 en Galiza, cumpría relanzar até onde for posíbel o PG, tal e como indicaría Del Riego:

A guerra civil non só truncara drasticamente o proceso histórico do galeguismo en marcha. Sementou o pavor, o perseguimento, a asolación. O paseo, o fusilamento, a cadea, o exilio, o desterro interior, deseñaron o panorama tráxico que cubría todo o país. O desmonte e saqueo de institucións culturais, queima de libros [...] completaban a provocada desfeita. En semellantes circunstancias parecía imposible calquera intento de recuperación. Pero aínda así tiña que se encetar dalgún xeito, con riscos, perigos, a tarefa recobradora. (Fernández del Riego 2003, p. 95)

A partir da devandita reunión, e das conversas previas, iríase iniciando a reorganización clandestina do PG. Referiríase a aquela xuntanza Del Riego nos seguintes termos:

Estudiamos durante a reunión devandita a posibilidade de reconstruír o Partido en forma clandestina, mantendo el [Gómez Román] a condición de titular da Secretaría Xeral. Fixemos reconto dos militantes superviventes que residían en Galicia. Pero necesitábase unha persoa da maior confianza e plena solvencia, para servir de enlace responsable entre os posibles antigos militantes dispostos a se incorporar ó traballo de reconstrución na clandestinidade. Delegaron en min para que meditase sobre o particular e fixese a escolla. (2003, p. 96)

Entre tanto, os galeguistas que vivían en Vigo comezaron a xuntarse nun faladoiro, en dous ou tres cafés da cidade, que se iría ampliando co tempo, aínda que sempre con especial cautela, como nos indicaría a inicios de século Del Riego:

[...] chegamos a xuntarnos todos os coñecidos en tertúlias de cafés desaparecidos como Derby ou Savoy. Estabamos Maside, Paz Andrade21, [...] e outros que viñan esporadicamente. Falabamos con medo, en voz baixa e só coa xente de confianza, da situación. Cando chegaba alguén dubidoso tratábase de temas xerais22.

PRIMEIRA ETAPA DA REORGANIZACIÓN DO PG

Logo de sopesar cal persoa podería ser a máis axeitada para actuar como enlace entre uns e outros galeguistas, Del Riego pensou en Ramón Piñeiro para cumprir aquela central e tan delicada función. Poríase en contacto con Piñeiro a través de Servando Gómez-Aller de la Vallina23, noutrora secretario do grupo galeguista de Lugo durante a II República —presidido por Xosé Ramón Fernández-Oxea, Ben-Cho-Shey—. Gómez-Aller exercía en Vigo como delegado do Instituto Social da Mariña24, e pasaba as fins de semana en Lugo. Malia o seu privilexiado posto no marco da ditadura franquista, De la Vallina seguía a manter amizade cos seus vellos compañeiros de militancia galeguista, de tal modo que Fernández del Riego e Gómez Román non dubidaron en trasladarlle a encomenda. Piñeiro entrevistaríase con Del Riego en Vigo e aceptaría o labor que se lle trasladaba (Piñeiro 2002, pp. 62-64). Dónega celebraría este cambio de postura de Piñeiro (ben que remitindo a unha data levemente posterior á que indica Del Riego nas súas memorias), afirmando como no ano 1943 xa se empezara a vislumbrar a victoria das potencias democráticas. Chegara, por tanto, o momento de organizar a resistencia. O Piñeiro xa podía converter aquel ‘¡Nada!’, pesimista, nun ‘¡Agora!’ esperanzador (Dónega 1991, p. 36).

Unha vez clarificada a listaxe de galeguistas a contactar, Fernández del Riego e Gómez Román encomendaríanlle a Piñeiro que fose entrevistándose con uns e outros, tanto en Galiza coma en Madrid. Na capital española asentaríase Ramón Piñeiro no ano 1942 e matricularíase na Facultade de Filosofía da Universidade Complutense. Alí tiña que contactar cos galeguistas residentes naquela cidade. En paralelo establecería diálogo con representantes do nacionalismo vasco e catalán de cara a rearticular o pacto Galeuzca, e con representantes das forzas do antifranquismo español (2002, pp. 70-72). Uns e outros contactos encomendados fóronse dando desde 1943, para alén dos que gradualmente xa se estableceran con anterioridade na liña do indicado.

Ramón Piñeiro (1991a, p. 382) lembraría aquel proceso de reorganización en dúas etapas, destacando en relación á primeira o seguinte:

No primeiro período, iniciado aló polo ano 1943, o primordial esforzo que era preciso levar a cabo era o do reagrupamento dos elementos dispersos que tiñan sobrevivido á catástrofe da guerra civil. Naqueles intres, as dificultades de movemento, o terror imperante, os riscos —moi serios— da represión, etc. facían extraordinariamente complicada e árdua a tentativa de lograr unha reorganización clandestina do galeguismo.

A través do epistolario político que se conserva entre Del Riego e Piñeiro25 observamos como o de Láncara realizaría un intenso traballo para facer efectivos os contactos encamiñados a vertebrar o PG na clandestinidade. Del Riego sinalaría ao respecto o seguinte:

[...] realizou Piñeiro continuas viaxes para recabar opinións. Entrevistouse con Carballo Calero no Ferrol, con Plácido Castro en Cambados, con Mariñas del Valle na Coruña, Emilio Álvarez Gallego en Pontevedra, Vicente Bóveda en Ourense, Dámaso Carrasco en Vilagarcía, Ánxel Fole en Lugo, Barreiro Salaño en Santiago e moitos outros máis. Case todos os consultados decidiron sumarse á proposta. (2003, p. 97)

Semella que no mes de xullo de 1943 se desenvolveu en Coruxo unha primeira reunión con algúns dos galeguistas contactados até o momento. Segundo lembraría Del Riego, desde primeiras horas da mañán, e por camiños diferentes, foron chegando ao punto de cita os convocados. Acordaríase colectivamente a reorganización do PG, mantendo na secretaría xeral o arquitecto Manuel Gómez Román. Dous meses despois volvería desenvolverse outra xuntanza para elixir unha estrutura orgánica provisoria, na que Ramón Piñeiro asumiu a secretaría política, Xosé Meixide a secretaría de organización, Cesáreo Saco a secretaría de información, Xaime Isla a secretaría técnica e Del Riego a secretaría do exterior e de propaganda. Como suplentes foron designados Dámaso Carrasco, Ánxel Fole e Xesús Ferro Couselo (Fernández del Riego 1990, pp. 142-143)26.

Logo desta reunión Ramón Piñeiro seguiría realizando contactos entre Galiza e Madrid; despois virían algunhas reunións en Francia co republicanismo español, fundamentalmente con socialistas e anarquistas. Piñeiro integraríase en Madrid no faladoiro de que participaban galeguistas como Xosé Ramón Fernández-Oxea, Evaristo Mosquera (que compartira prisión con Alexandre Bóveda), Fermín Penzol, Castro Arines e Álvaro Gil Varela, quen colaboraría economicamente na reorganización do PG logo de pasar pola prisión e ser inhabilitado como enxeñeiro27. Lembrando aquel faladoiro, Piñeiro (1981, pp. 279-288) afirmaría que nese marco lle comentou a Penzol a función que estaba a realizar ao servizo da reconstrución do PG, ao que este respondeu de inmediato mostrando a súa disposición a colaborar activamente na mesma:

No outono ou inverno de 1943, coñecino eu alí [Piñeiro refírese a Fermín Penzol] e ó cabo dalgún tempo fixémonos amigos. Informeino dos nosos plans de reorganización clandestina do galeguismo e de que a min se me encomendara a misión de establecer contacto e relación cos vascos, os cataláns, o galeguismo exiliado en Francia (concretamente [Xohán Xosé] Pla) a través dos vascos e tamén claro coa resistencia antifranquista existente en Madrid [...]. Desde 1943 ó 46 compartimos directamente as actividades políticas clandestinas.

Desde 1944 observamos como o relanzamento do PG vai tendo unha dinámica estábel, algo que se pode contrastar a través das cartas que Ramón Piñeiro lle enviaría regularmente a Francisco F. del Riego. Cartas asinadas a modo de informes, por veces escritos en clave (2002, p. 70)28, desde Lugo ou Madrid, e logo mesmo desde Donostia ou París, en que Piñeiro dá conta da realidade política do antifranquismo e dos contactos que estaba a facer en nome do PG reconstituído. En setembro de 1944 faille a Del Riego un balance moi positivo dos contactos que fora realizando, dando por reconstituído o PG a nivel nacional:

Levo recollido impresións de diferentes persoas sobre a dirección que debe imprimirse á empresa [é dicir, ao PG], e penso ter un coñecimento bastante exacto de cal é o punto de vista xeral. Podo asegurarche que as apreciacións son case unánimes, aínda procedendo de persoas distantes entre sí29.

Unha semana despois acrecenta que mesmo se podía dar por reorganizado o PG a nivel zonal, agás no caso da Coruña:

Recibín a túa carta, e con ela unha gran satisfacción, pois polos datos que nela me das vexo que está asegurada a realización da nosa iniciativa.

Penso que a fase inicial está prácticamente rematada, xa que non quedan máis prazas importantes por organizar que a da Coruña. Esto hai que o resolver dal-gún xeito, e creo que o mellor será que me poña á fala con [Marino] Dónega para que se faga cargo da representación do negocio alí30. Refírome unicamente á localidade, pois para intervir na dirección da empresa abonda Ricardo [Car-valho Calero], cousa que me parece non será difícil31.

O CONTACTO DO PG CO EXILIO GALEGUISTA (DA IRMANDADE GALEGA AO CONSELLO DE GALIZA)

Aquel PG reconstituído procuraría desde o inicio manter unha relación directa cos galeguistas exiliados. Segundo xa se apuntou, o nacionalismo galego alén mar creou arredor do deputado Daniel R. Castelao a Irmandade Galega, en decembro de 1941, a modo de PG no exilio32; e logo o Consello de Galiza, como sorte de goberno galego no exilio, para gardar, manter e defender a vontade do povo galego, segundo se aseveraría na acta fundacional daquel organismo, vontade expresada a través do plebiscito do 28 de xuño de 1936 (Diéguez 2015, pp. 130-138). Del Riego e Piñeiro principiarían a súa relación epistolar con Castelao cara a inicios de 1944, por iniciativa deste último; a través dela temos un testemuño privilexiado do diálogo existente entre o galeguismo político de aquén e de alén mar e a percepción que se tería desde o exilio do que estaba a suceder en Galiza. Na primeira carta que ao parecer se lle enviaría a Castelao desde o PG reconstituído, da autoría de Piñeiro33, pódese ler unha mensaxe de optimismo na que se lle atribúe ao galeguismo político do interior a responsabilidade do que cumpría facer no país:

[...] queremos que vos chegue, desde o corazón mesmo da terra lonxana que vós só podedes soñar, un alento de fé e de confianza no destino futuro do noso pobo. Porque o poder da vontade humana cando sinte a grandeza dos esforzos creadores da historia é tan forte como o destino. A nosa vontade de que Galicia viva a súa propia historia xa non poderá crebala ninguén. Contade nela.

Castelao enviaría no outono de 1944 unha carta aos galeguistas do interior a través dos nacionalistas vascos poñendo en valor o traballo realizado desde o inicio do exilio en favor da reorganización do nacionalismo galego. O veterano dirixente do PG afirmaba que non abandonaría as súas responsabilidades como deputado e presidente recentemente elixido do Consello de Galiza34. Neste sentido, co horizonte próximo do final da segunda guerra mundial, Castelao enviaría unha mensaxe moi clara ao interior:

Os acontecimentos precipítanse de tal xeito que calquera día d-estes acábase a guerra, e no parte da nova paz desplomarase o artificio que se montóu en Hespaña, anque algunha potencia poderosa quixera amparal-a. Velahí a miña gran preocupación, pois como non me roen os remordimentos nin estóu disposto a fuxir do meu posto de honor, tede a seguridade de que tratarei de estar por ahí ou perto de ahí no intre no que se xuzgue inminente a caída dos que hoxe mandan ahí. (Castro 2000, p. 80)

A relación entre uns e outros galeguistas sería, desde o inicio, complexa e non falta de tensións. O contexto non permitía ter un contacto directo e fluído, e o que se tiña era mínimo e sometido aos rigores da clandestinidade, o que seguramente contribuíu a malos entendidos e a amplificar as diferenzas político-ideolóxicas existentes entre uns e outros. E é que non hai dúbida de que naquela altura houbo dúas visións contrapostas no referido a como reconstruír política e organizativamente o galeguismo: no interior entendeuse que ninguén podía titorizar desde fóra da Galiza o labor clandestino que se estaba a realizar —co esforzo que requiría manter o proxecto vivo na Terra—, e no exilio entendíase que, con Castelao á cabeza, contaban cunha lexitimidade sobranceira, para alén de liberdade de movemento e recursos dos que se carecía no interior. Ademais, o goberno republicano, co que o exilio galeguista mantiña relación directa, tamén residía no exilio, co que iso implicaba. E alén mar o galeguismo tiña contacto con milleiros de galegos a partir dunha magna rede societaria froito dunha secular emigración, que posibilitaba actos multitudinarios, o que contrastaba coas relacións a pequena escala que ía tecendo o galeguismo no interior, sen proxección social algunha. Sexa como for, a finais de 1944 Del Riego escríbelle a Castelao unha carta nun ton conciliador, na que lle explica que levaban meses (obsérvese que non se fala de anos) tentando reactivar o PG no país:

fai varios meses que, decatándonos da importancia dos acontecimentos, matinamos na necesidade de non ficar quedos ante o discurrir das cousas. [...] a primeira manifestación de traballo, consistiu en facer reconto de forzas, en pornos en inmediato contaito todol-os irmáns que quedamos con vida e firmes na antiga fe. O resultado subseguinte foi o de avencellar os elementos de toda Galiza, que se atopaban desarticulados, por imperativo das circunstancias. (Castro 2000, p. 96)

Ramón Piñeiro referiríase á primeira carta que lle chegaría de Castelao (e que el recibiría en Madrid, a través dos destacados peneuvistas do interior Joseba Rezola e Koldo Mitxelena, cos que mantiña estreita relación) nuns termos que dan conta, ao noso ver, da falta de consideración do de Láncara verbo do tecido galeguista que se estaba organizando arredor da figura de Castelao en América do Sur:

[...] tiven noticias de Castelao. En data bastante recente foi obxecto dun homenaxe ofrecido polos seus amigos e admiradores e ao final do banquete pronunciou un discurso no que expresou o seu “credo político”. Como é ben sabido, sempre ten moito interés coñecer a ideoloxía do artista para poder valorar xustamente a súa postura35.

A homenaxe á que se refire Piñeiro nesta epístola tivo que ser a que se lle tributou a Castelao desde o Centro Ourensán con motivo do Día da Patria Galega de 1944, tras a publicación catro meses atrás do libro Sempre en Galiza. Pronunciaría o discurso de apertura do acto Manuel Puente, empresario galeguista que se fixera cargo da manutención en Buenos Aires de Castelao e que lle proporcionou a vivenda que desfrutou até o final dos seus días xunto á súa dona Virxinia Pereira36. Afirmaría Puente que a colectividade galega na Arxentina, da man do Centro Ourensán e coa adhesión das colectividade galegas do Uruguai, Cuba, Porto Rico, México, Nova York e Brasil, estaba a homenaxear unha das personalidades máis eminentes da España contemporánea e a máis auténtica representación de Galicia37.

Os tirapuxas entre o interior e o exilio serían constantes mesmo despois da morte de Castelao en 1950. No extenso informe que anos despois (1958) o galeguismo político do interior redactaría da man de Ramón Piñeiro, e que se lle exporía na casa da Rosaleda de Domingo García Sabell a Perfecto López, enviado do Consello de Galiza desde Buenos Aires, afirmaríase que desde o PG no interior se tomara a decisión de “recoñecer” e “cooperar” coa devandita institución en vida de Castelao, mais:

[...] en canto instrumento local do galeguismo en Buenos Aires —como a Intersocietaria ou a Irmandade— para a súa acción dentro da colectividade galega das terras platenses; [e] declinar expresamente toda responsabilidade solidaria coas actividades e funcións do Consello fóra desa órbita local. Entendendo que o Consello de Galiza era un artificio carente de fundamento e demasiado alonxado da realidade vital e espiritual do pobo galego38.

Seguramente non axudarían a acercar posturas as informacións que, na primavera de 1945, lle enviaría Xohán Xosé Plá desde Francia a Piñeiro39 para que desde o interior valorasen na súa xusta media o Consello de Galiza (co que non matiña boas relacións). Nunha carta indicáballe Piñeiro a Del Riego:

[...] saberás que me escribiu Pepita Plá, que como ti sabes, levamos moito tempo sin nos escribir. Manda lembranzas para ti. Manda noticias moi curiosas e interesantes de Daniel e a súa familia. Noticias que corroboran as nosas previsións [...] aínda que esto non é motivo de satisfacción para nós.

Ora ben, a falta de relevo que desde o PG do interior se lle atribuía ao Consello de Galiza non implicaría que se desbotase a figura de Castelao para ocupar responsabilidades no exterior que ningún cadro do PG no interior podería asumir. Nesa orde de cousas, Piñeiro afirmaría como desde Galiza se poría en marcha unha operación en favor de que Castelao se sumase, en representación do galeguismo, ao goberno republicano encabezado por Giral:

Cando a oposición democrática e republicana comenzou a se organizar arredor da bandeira da restauración da legalidade constitucional, da que Aguirre se converteu en campeón, e o Consello de Galicia quedaba forzosamente illado deixando a Castelao, como presidente do mesmo, nunha posición de verdadeiro bloqueo, nós estudiamos a maneira de crebar dende aquí ese isolamento [...]. Conquerimos, despois de esforzadas, difíciles e tenaces xestións, que as demais forzas democráticas de Galicia transixisen en reclamar conxuntamente unha representación galega no goberno da República —semellante á vasca ou á catalana—, que delegasen nos galeguistas e aceptasen a Castelao como candidato común de tódolos demócratas galegos do interior para representar a Galicia no goberno40. Este triunfo noso foi, entre cantos esforzos fixemos ao longo de moitos anos terroríficos, o que máis fondamente nos emocionou e nos compensou das nosas amarguras [...]. Unha vez conquerido esto enviamos unha delegación a Francia41.

Pola contra, desde o exilio non sentirían os galeguistas da Irmandade Galega e do Consello de Galiza que desde o interior se respaldase xustamente a candidatura de Castelao como ministro no goberno Giral. Sexa como for, o certo é que Piñeiro viaxaría a Francia para realizar as xestións oportunas para garantir que o presidente do Consello de Galiza representase o galeguismo no devandito goberno (coa exposición e perigo que implicaba aquela xestión). No epistolario entre Piñeiro e Del Riego pódese ler unha carta moi clarificadora ao respecto, na que o 10 de outubro de 1945 o secretario político do PG lle indica desde Madrid a Del Riego que ao igual que vascos e cataláns contaban cos seus respectivos gobernos, cumpría crear unha “Xunta de Galicia” e unificar a liña do galeguismo no exilio, realizando xestións no marco da ANFD42 que garantisen a “primacía” do galeguismo do interior, cuestión que tamén refire dese xeito Del Riego nun dos seus libros de memorias (1990, p. 143).

Parello a isto, Piñeiro estaba entregado en Madrid a fortalecer a plataforma Galeuzca no interior, na que o PG tivera especial relevancia durante o tempo republicano e da que facía parte o galeguismo no exilio con especial dedicación de Daniel R. Castelao (Estévez 2009). A tal fin pasou Piñeiro vinte días en Cataluña, tal e como informa nunha carta datada en Madrid o 5 de novembro. Afirmaba nela que a eficacia de Galeuzca é cada día máis acusada. Temos contacto directo e continuo —unha vez por semana— con París, Londres e Washington. Estamos, asimesmo, en relación directa coa axencia Reuters, coa Asociated Press e coa B.B.C.43. Días despois, o 21 de novembro, confirmáballe Piñeiro a Del Riego que viña de facer xestións para que Castelao [entrase] a formar parte do Goberno da República en representación de Galicia, como proposta das forzas da Alianza Democrática do interior. Afirmaba que con esto parécenos que fixemos todo o que para nós nos era posible facer en apoio dos intentos de Castelao para mellorar a posición política de Galicia dentro daquel ambiente no que se está movendo. Daquela tamén informaba Piñeiro de como Diego Martínez Barrio e José Giral Pereira, respectivamente presidente da República e presidente do Goberno republicano no exilio naquela altura, estaban comprometidos coa aprobación do Estatuto galego, mais que até o momento non fora posíbel pola oposición de Indalecio Prieto do PSOE. En todo caso, o Estatuto galego non sería aprobado polas Cortes republicanas no exilio até novembro de 1945 (Diéguez 2015, pp. 134-138).

O PG E A OPOSICIÓN ESPAÑOLA Á DITADURA FRANQUISTA

Unha vez o PG foi rearticulado minimamente na clandestinidade en Galiza, por volta do ano 1944 comezaríanse a manter relacións con outras organizacións coas que o galeguismo asinara acordos durante a II República e mesmo con anterioridade. A partir da memoria da Triple Alianza e o Galeuzca, o PG reconstituído contactaría coas forzas nacionalistas vascas e catalás que operaban no interior contra a ditadura. A tal fin, Piñeiro entrevistaríase en Madrid a cabalo de finais de 1944 e inicios de 1945 cos seus representantes (Fernández del Riego 1990, p. 144). Unha vez establecidos estes contactos, acordarían os nacionalistas galegos, vascos e cataláns manter relación directa coas grandes organizacións políticas españolas, en palabras de Ramón Piñeiro44. O de Láncara afirmaría como desde o PG non se limitarían a prestixiar a presencia de Galicia na loita clandestina xeral, senón que tamén na mesma Galicia levamos a cabo unha intensa convivencia coas demais forzas democráticas, tratando de crear sólidos vencellos de solidariedade no tocante ás reivindicacións políticas do noso pobo (Piñeiro 1991a, pp. 382-383).

Aquelas relacións darían lugar á participación do PG na ANFD, tal e como se indicou anteriormente, unha vez desde a Alianza se aceptou a demanda galeguista de ver aprobada a Autonomía galega cando for posíbel. Aquilo deu lugar a que se formalizase a inicios de 1945 en Compostela a Xunta Galega da Alianza Democrática (XGAD), da man do PG, a CNT, o PSOE, a UGT e a Federación Agraria (Fernández del Riego 1990, p. 143; Santidrián 2002, p. 416; Pereira e Fernández 2006, pp. 125-128), para o que fora fundamental o traballo de Piñeiro e do anarquista vilagarcián Luís García Costa, coñecido na clandestinidade como Juan García Durán. De cara a que a XGAD representase toda a oposición antifranquista, semella que Piñeiro se manifestou en favor de non excluír o PCE (Casares 1991, p. 60).

Dada a evolución do contexto político a nivel español e internacional, diante do inminente final da segunda guerra mundial, grazas ás vitorias militares das forzas aliadas fronte ao nazismo, o PG buscou dar lugar a unha reunión para reflexionar colectivamente ao respecto, pensando na posibilidade de que a ditadura franquista caese xunto ao nacionalsocialismo alemán, de cara a fixar unha estrutura orgánica o máis estábel posíbel, referendar o traballo feito até o momento e marcar a liña a seguir en diante, nun contexto crítico. A tal fin convocouse unha xuntanza de cadros do PG a celebrar en Coruxo, nas proximidades da cidade de Vigo, o 22 de xullo de 1945 (logo dalgún outro encontro a menor escala no mesmo emprazamento desde 1943, como se sinalou).

A reunión foi organizada por Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla Couto e Ramón Piñeiro, aproveitando que en Coruxo veraneaba e recibía amizades Del Riego. A partir dunha carta que asinaría Piñeiro, redactada cun exquisito texto en clave, serían convocados galeguistas que vivían en Galiza e fóra do país. Na carta podíase ler que cumpría reunir os “parentes” de Daniel —en clara alusión a Castelao e ao galeguismo republicano—, para proceder á elección de quen “administraría a súa herdanza” (Diéguez 2015, pp. 256-259). Na carta orixinal a modo de convocatoria que Piñeiro lle enviou a Xosé Ramón Fernández-Oxea, podíase ler o que segue:45

Vigo, 14-7-1945

Meu querido amigo:

Póñolle unhas liñas para comunicarlle que o día 22 d-este mes coincidiremos eiquí todos os parentes máis cercanos de Daniel para ver a quen convén encarregarlle a administración da súa herencia. Folgaríamonos moito de que puideran asistir vostede e Fermín [Penzol]. En caso afirmativo conviña que llo anunciara a Paco (Progreso, 29 - 5º Izqda.) para agardarlles na estación. Saúdos a Isabel e unha aperta pra vostede do seu amigo

Piñeiro

Sería un encontro no que algúns dos presentes volvían verse após anos sen contacto directo. Xosé Ramón Fernández-Oxea recibiría e gardaría o único exemplar orixinal manuscrito que, achamos, se conserva daquela convocatoria. Nesa xuntanza modelaríase a dirección do PG que guiaría colexiadamente a acción do partido. A dirección orgánica do PG reconstituído ratificaría a Manuel Gómez Román como secretario xeral, quen presidiría a asemblea; a Ramón Piñeiro como secretario político; a Francisco Fernández del Riego como secretario do exterior e de propaganda; a Xosé Meixide como secretario de organización; a Cesáreo Saco como secretario de información; e a Xaime Isla Couto como secretario técnico. Xunto a estes elixíronse os responsábeis territoriais, nomeadamente Vicente Bóveda por Ourense; Jenaro Mariñas del Valle pola Coruña; Francisco Barreiro Salaño por Santiago de Compostela; Emilio Álvarez Gallego por Pontevedra; Xosé Bieito Pazos por Vigo; Xosé María Cadahía Vázquez por Lugo; Ricardo Carvalho Calero por Ferrol; e Xosé Ramón Fernández-Oxea por Madrid (Fernández del Riego 1990, pp. 142-143)46. Tamén se acordou a creación dun selo editorial e dunha revista de pensamento tan pronto for posíbel.

Xosé Ramón Fernández-Oxea recolleu nun seu diario (inédito) as súas impresións daquela reunión:

22 [xullo de 1945]. Xuntámonos en Coruxo unha ducia de galeguistas en pequena asamblea do Partido para dar conta dos traballos realizados en orde a reorganización das nosas forzas políticas e para trocar impresións a mais de nomear o Consello provisional que ha de levar a direición da nosa actividade. Foi un acto casi familiar dunha fonda emoción e na mente de todos nós estaba a lembranza dos nosos mártires e das derradeiras asambreias nas que tanto entusiasmo puxeramos. Os poucos que ali nos xuntabamos tiñamos a representación de moitos irmaus e por eso a xuntanza foi grande en potencia. Falouse moito e descutiuse pouco, porque todos estamos dacordo en ceibar a nosa terra da escravitude na que está mergullada. Mantivemos grandes espranzas e detiñamos proiectos para futura loita pola liberdade de Galicia. Iste acto, que algún dia será histórico, foi o preludio da liberación galega e tamén o enlace con aquelas inesquencibles xuntanzas do 1936. Queira Deus protexer a Galicia e guiarnos ben47.

A partir daquela reunión comezaría a se editar o voceiro do PG rearticulado na terra, intitulado Galicia. Boletín Informativo, así como Roteiro. Portavoz do Partido Galeguista, que redactaban á máquina de escribir, respectivamente, Del Riego e Ramón Piñeiro. O primeiro número do Galicia. Boletín Informativo levaría data do Día da Patria de 1945 e nel aseveraríase que dende facía cinco anos a organización crandestiña do galeguismo ven cuallando nunha nova forma [...], que aspira a conquerir para Galicia a libertade cultural e política que o franquismo asoballou (Diéguez 2015, p. 259). Desde o exilio galeguista en América daríase conta da edición do Galicia, poñendo en valor a loita clandestina realizada no país48.

A dirección do PG reconstituído estaría en contacto en todo momento co antifranquismo español, sendo Ramón Piñeiro quen asistiría ás reunións e encontros clandestinos. Piñeiro sería o delegado do PG nas reunións desenvolvidas en Madrid con membros da dirección do sindicato español anarquista Confederación Nacional del Trabajo (CNT) ou do Partido Nacionalista Vasco (PNV); ou participando como representante do partido na antifranquista Alianza Nacional de Fuerzas Democráticas (ANFD). De feito, o primeiro exemplar da obra Sempre en Galiza, de Daniel R. Castelao, que tería nas mans Ramón Piñeiro chegaríalle a través de Joseba Rezola en Madrid no ano 194549, vía Francia; exemplar que logo Álvaro Gil poría en circulación en Galiza, a dicir do propio Ramón Piñeiro (Castro 1991, pp. 263-264).

E Piñeiro tamén sería a persoa que o PG enviaría a negociar a París en 1946 (ao longo de febreiro e inicios de marzo) a presenza galeguista na ampliación do Consello de Ministros do Goberno Giral, fronte á candidatura de Portela Valladares. Desde o exilio o galeguismo tamén traballaría arreo para asegurar aquela presenza galega, candidatando a Castelao para que entrase no Goberno Giral. Para alén de controversias entre o interior e o exilio, o certo é que o traballo duns e doutros deu lugar a que Castelao fose nomeado ministro sen carteira no devandito Goberno republicano no exilio, cargo que exercería entre 1946 e 1947.

REPRESIÓN E ESMORECEMENTO DO PG

O labor de reorganización do PG no interior fixera que a policía franquista tentase prender os seus máximos responsábeis. A viaxe de Piñeiro a Francia foi a antesala da súa detención. Tras o seu regreso, a través de Donostia, axentes da Brigada Político-Social capturaríano en Madrid o 9 de abril de 1946 (Barros 2009, pp. 225-238; Dasiva 2011), xunto a outros militantes antifranquistas, entre os que destacaban os galeguistas Cesáreo e Camilo Saco (Saco 2006, p. 97), o anarquista galego Luís Costa García (Juan García Durán) e o nacionalista vasco Koldo Mitxelena. Desde o exilio, Castelao faría constar a súa dor por aquela detención, mais criticando a exposición pública que tivera Piñeiro no marco da súa viaxe a Francia, onde participara dun acto político en Marsella50. Os irmáns Saco permanecerían presos en Alcalá de Henares até abril de 1948, mentres que Piñeiro non sairía de prisión até 1949, logo de pasar por Alcalá de Henares, Ocaña e Yeserías51.

Segundo nos ten indicado Del Riego, e tal e como podemos imaxinar, cando Piñeiro e os irmáns Saco foron arrestados pensouse desde o PG que caería toda a estrutura, mais aqueles galeguistas manteríanse firmes diante da súa detención e durante o tempo de prisión, sen delatar ninguén; mentres que o resto da dirección aplicou medidas de seguranza extraordinarias para non levantaren sospeitas sobre a súa militancia e estrutura. A partir de xullo de 1946 reorganizaríase o PG, segundo se podía ler nas “normas de orgaización pra os grupos do PG” que viña de aprobar o seu Comité Executivo (Castro 2000, p. 338).

Tras a detención de Piñeiro, Francisco F. del Riego procurou salvagardar os informes que aquel lle fora enviando, así como o resto de documentación política editada, incluídos exemplares das publicacións Galicia e Roteiro. Afirmaría Del Riego que agochou toda a documentación coidadosamente, incluída a relación epistolar co exilio, soterrándoa un anoitecer na horta dunha casa ubicada na aba do Castro de Vigo [...]. Foi desa maneira como se puido salvar unha importante referencia escrita sobre a historia da clandestinidade antifranquista (Fernández del Riego 1990, p. 163).

Desde a dirección do PG tomouse a decisión de suplir a ausencia de Piñeiro con Fermín Penzol, quen se encargaría das funcións asumidas polo de Láncara, é dicir, a secretaría política do PG —empregando o pseudónimo Santiago Pol na correspondencia—. Así mesmo, Vicente Bóveda substituíu a Cesáreo Saco á fronte da secretaría de información. En abril do 1947 desde o Galicia. Boletín Informativo, o PG reconstituído lanzou un “chamamento á unidade galega” contra a ditadura franquista. Afirmábase no editorial do voceiro que aquel non era o momento de afiar persoalismos partidistas, nin de afondar discrepancias, e facíase un chamado aos homes xunguidos pol-o amor a Terra, á Repúbrica e á Liberdade. Por riba de particulares matices ideolóxicos, está a gran empresa de loitar contra a opreixón e de preparar a tarefa construtiva do porvir52.

Seguindo a liña histórica do PG, aquela formación liderada agora por Francisco F. del Riego e Fermín Penzol proclamábase autodeterminista e apostaba pola restauración da República española en chave federal, compatible coa liberdade dos homes, compatible coa libertade dos pobos hispánicos, exixindo para Galiza o recoñecimento da nosa persoalidade galega e [...] do dereito de aituar o noso pobo na libre gobernación dos seus peculiares intereses53.

Entrementres, Del Riego procuraría manter unha relación estábel con figuras de relevo do galeguismo no exilio, para alén de Castelao. De tal modo, desde finais de 1946 iniciaría unha relación epistolar co exiliado Luis Seoane54, quen recibirá moi positivamente a primeira carta de Del Riego. Afirmaría Seoane, por volta do 28 de xaneiro de 1947 (Fernández del Riego 2002, p. 23):

Quixera que esta correspondencia que encetache, con esa carta peregrina que contesto hoxe, se continuase entre nós, pois aínda que teñamos perdido o contacto persoal hai moitos máis anos que os que eu desexaría que pasasen, tivemos noticias a miúdo a través de cartas escritas a amigos nosos de aquí e dalgún viaxeiro55.

Así mesmo, o simbólico 14 de abril de 1947 desde o PG estimularíase a creación do programa radiofónico Galician Programme (até 1956), da prestixiosa emisora BBC —programa posibilitado polo exiliado Plácido Castro, que traballaba como locutor e redactor de contidos na emisora, coa que o galeguismo mantiña relación desde 1945, a través dos contactos que fornecía o nacionalismo vasco a través de Galeuzca—. Desde Galiza intervirían, malia os custes que lles puidese ocasionar, un grupo de galeguistas entre os que se encontraba Del Riego (Toro 1994; Ríos 1997). Daquelas o PG nomearía a Xohán Xosé Plá como o delegado no exterior, o que sería recibido negativamente por parte de Castelao e do Consello de Galiza (Diéguez 2017). Aprobábase aquel nomeamento na última acta que coñecemos do PG, datada na primavera de 1947, na que tamén se indicaba que se lle traslada-ría a Castelao o disgusto do Partido por non haber mantido relacións coil dende a toma de posesión do Ministerio, tempo no que en troques de rodearse de xentes do Partido ou simpatizantes rodeouse [Castelao] dunha camarilla comunista a que parece está aitualmente entregado (Castro 2000, p. 394).

No mes de setembro de 1947, Francisco Fernández del Riego, seguido de preto pola policía franquista pola súa militancia galeguista, sería detido acusado de ser membro da Unión de Intelectuales Libres (UIL), da que non se coñecía actividade ningunha en Galiza, xunto a unha ducia de demócratas entre os que tamén se achaban os galeguistas Roberto González Pastoriza e Darío Álvarez Blázquez56 (Álvarez Gándara 2013, pp. 74-75).

Desde o PG veríase cada vez máis difícil desenvolver o seu labor arredor do programa político que esta formación encarnaba na clandestinidade. A falta de capacidade de incidencia social e os custos que a clandestinidade estaba a provocar na reducida militancia galeguista no interior fixeron que o PG reformulase a súa táctica. Aínda que non se acordou disolver o PG, idea na que insistiría até o final dos seus días Francisco F. del Riego, non é menos certo que desde a dirección do PG se tomou a decisión de cambiar de rumbo e primar a resistencia cultural. A creación do Patronato Rosalía de Castro, en novembro de 1947, con Manuel Gómez Román, Ramón Otero Pedrayo, Xosé Mosquera, Fermín Bouza Brey, Manuel Beiras, Antón Fraguas ou Xesús Ferro Couselo, e o lanzamento da editorial SEPT un ano atrás, en abril de 1946, da man de Xaime Isla Couto, Plácido Castro e Celso Collazo, serían a antesala do que estaba por vir.

O CAMBIO DE CICLO: DO PG AO SELO EDITORIAL GALAXIA

A finais da década dos 40 os artífices da reconstitución do PG concluirían que non era posíbel ampliar a base do partido pola represión franquista e que tampouco era posíbel amplificar a súa actividade, pois verificaran que os esforzos que lle dedicaran a manter viva a organización política non estaban a dar os froitos agardados, senón que pola contra provocaban enormes custos económicos e persoais. Parello a isto, a ditadura franquista fora conseguindo normalizarse e con ela os seus valores e o programa supremacista español (por exemplo, a exclusión da esfera pública do idioma propio da Galiza). No contexto internacional ficaban lonxe as esperanzas de ver derrotado o franquismo por unha alianza democrática internacional, como sucedera co nacionalsocialismo alemán a mediados da década. Cadraba o final dos anos corenta coa saída de Ramón Piñeiro do cárcere, onde tivera tempo para reflexionar sobre o futuro do galeguismo e do antifranquismo e de conversar ao respecto con outros presos. Del Riego, Fermín Penzol e Piñeiro, coa aquiescencia de Gómez Román e a maioría de militantes activos do PG, apostarían decididamente por buscar unha alternativa que sortease a represión da ditadura franquista e que puidese manter vivo o galeguismo. Desde 1948 disporíanse a crear unha plataforma editorial desde a que impulsar unha fase centrada na resistencia cultural, que puidese contaxiar as novas xeracións do ideario do PG. No entanto, o 15 de outubro de 1949 chegou a oportunidade de facerse cargo do “suplemento económico y cultural de Galicia” que editaba o periódico La Noche57, xornal no que colaboraba habitualmente Del Riego. Xaime Isla e Del Riego dirixirían aquel suplemento semanal que se publicaría os sábados ao longo de tres meses (Fernández del Riego 2003, p. 109).

Ao pouco, o nacionalismo galego perdería o seu maior referente vivo alén mar, coa morte de Castelao o 7 de xaneiro de 1950, presidente daquela sorte de goberno galego no exilio que era o Consello de Galiza. Na Galiza impedirían as autoridades franquistas calquera mostra de respecto e exaltación política da figura de Castelao. Con todo, desafiando as instrucións gobernativas da ditadura, desde as páxinas do suplemento do xornal La Noche deuse conta do falecemento de Castelao na Arxentina, pois integrou na súa capa, a catro columnas, información sobre o pasamento do autor de Sempre en Galiza, xunto a un artigo de Valentín Paz-Andrade e outro, asinado co pseudónimo L., da autoría de Francisco Fernández del Riego58. As autoridades franquistas non podían tolerar aquel desafío e o suplemento vería o seu final o 28 de xaneiro de 1950.

Así mesmo, desde a terra enviarían Ramón Piñeiro, Francisco F. del Riego, Ramón Otero Pedrayo, Ánxel Fole e Xosé Ramón Fernández-Oxea (que asinou como Ben-Cho-Shey, como sempre fixera durante o tempo republicano) sentidos textos en lembranza e exaltación da figura de Castelao, publicados no monográfico d’A Nosa Terra do 25 de xullo de 1950. Del Riego foi, sen dúbida, o que achegou o texto de perfil máis político sobre o autor de Sempre en Galiza. No final do seu texto presentou unha reflexión de enorme interese para o tema que nos ocupa:

¿E cándo é o intre no que imaxinamos a Castelao máis Castelao? [...] Albiscámolo, en fin, soñando porvires, predecindo mañás de libertade pra a Galiza que tanto amóu.

Ista Galiza será un enfeitado de xusticia, de progreso e de paz. [...] Traspirará na ialma galega un afán de criación nova, de vitalísimo rexurdimento, de ampro e gozoso romaxe pol-as estradas da libertade.

Desde a sua outura, Castelao estános fitando. Adiviña os nosos pensamentos, e agarda que falemos. ¿Qué lle imos a decir a Castelao? ¿Dirémoslle que a nosa fe e a nosa espranza como galegos, é a sua espranza e a sua fe? ¿Dirémoslle que os nosos traballos, os nosos afás ficarán en servicio permañente ó ideal pol-o que íl morreu?

Escoitemos, de todol-os xeitos, a sua senlleira voz. Somella que nos quere decir:

Non teimo reprocharvos nada; non serán as miñas queixas cramorosas. Nada do que desconecíchedes ou combatéchedes do meu labor, ten agora siñificación. Todo iso xa pasóu: eiquí estóu hoxe na vosa presencia. E quero que voltedes a mín; pero que voltedes de todo corazón, como se volta á amistade d’un amigo a quen se tiña esquecido [...].

Galiza, pois, ten un mito humán, unha bandeira símbolo que seguir.

Cando estaban a se publicar estas liñas cheas de respecto cara a figura de Castelao (e quizais de certa autocrítica...), estábanse a sentar as bases do novo proxecto no que se diluiría o PG reconstituído clandestinamente en Galiza. O 15 de xullo de 195059 Fernández del Riego, Piñeiro, Isla Couto e outros compañeiros e compañeiras galeguistas presentaban en Compostela o selo editorial Galaxia, cuxa constitución sería asinada diante de notario con data do 3 de novembro de 1950, segundo ten lembrado o propio Del Riego (2023). O selo adoptaría a forma de sociedade anónima por suxestión de Isla Couto, quen redactou os estatutos da empresa (Fernández del Riego 2003, p. 111). Galaxia sería a plataforma desde a que incidir na sociedade en chave galeguista, mantendo vivo o cultivo do galego na escrita e fomentando a reflexión sobre o país, co que iso implicaba naquela altura. Estes sinais darían lugar á publicación da revista Grial. Galaxia e Grial foron resultado da firme vontade galeguista daqueles que se reuniran en Coruxo no verán de 1945 e que xa daquela afirmaran a necesidade de crear un selo editorial e unha revista de pensamento para estimular o relanzamento do proxecto galeguista no país, caneando a represión da ditadura franquista. Así o lembraría anos máis tarde o galeguista Ánxel Fole (1996, p. 103):

[...] lembro que foi nunha aldea de Vigo, na casa onde vraneaba o noso amigo Farruco del Riego. Antes de xantar, xantando e despois de xantar. Eilí coincidimos un fato de escritores galegos. Algúns de nós inda non se estrenaran nas letras cun soio libro. Eu penso que cuasemente todos. Alguén fixo repetoutar unha idea [...]: Galicia tiña unha fonda necesidade de ter unha editorial e tamén unha revista nidiamente de cultura galega. Cuase que nos xuramentamos pra facer realizábel aquela idea [...].

Galaxia evidenciaba un cambio de ciclo do galeguismo político no interior, igualmente situado no antifranquismo (Monteagudo 2008), que se centraría na aposta pola resistencia cultural, após case unha década de traballo político clandestino fronte á ditadura. O proxecto Galaxia tería á cabeza a Ramón Otero Pedrayo como presidente e a Manuel Gómez Román como vicepresidente, o que simbolizaba a vontade de visibilizar a continuidade do vello PG no proxecto editorial60. Dábaselles proxección a aqueles que foran centrais na reorganización clandestina do PG, non só a través da figura de Gómez Román, senón tamén da man de Xaime Isla Couto, que sería o conselleiro-delegado; de Ramón Piñeiro, que asumiría a dirección literaria; e de Francisco Fernández del Riego, que exercería como secretario da editora; así como de Sebastián Martínez-Risco Macías, Antonio Fernández López e Xesús Ferro Couselo que ocuparían as vogalías.

O perfil marcadamente galeguista na súa acepción máis política (e a potencial función ideoloxizadora) de Galaxia e da colección Grial faría que as autoridades franquistas censurasen o primeiro caderno desta última colección, no ano 1951, antecedente da revista que nacería en 1963 baixo a dirección de Francisco F. del Riego e de Ramón Piñeiro. Atrás quedaban os anos de clandestinidade, de enorme aprendizaxe, e por diante abríase unha nova etapa que, malia non ser idílica, ofrecía a posibilidade de traballar polo país sen xogar fisicamente a vida.

NOTAS

1

Unha vez logrou pasar ao exército republicano, ficaría ás ordes do comunista galego Enrique Líster (Enrique Liste Forján), destacado cadro galego do Partido Comunista de España (PCE) e integrante desde o inicio da guerra do 5º Rexemento das Milicias Populares republicanas, que tamén estaba ao mando da 1ª Brigada Mixta (da que sería comisario Santiago Álvarez, fundador con Castelao en Madrid das Milicias Populares Galegas) do Exército Popular da República.

2

O primeiro número de Nova Galiza é do 15 de abril de 1937 (e semella que o último número se editou o 8 de xaneiro de 1938). Resulta de especial interese o prólogo de Xosé Lois García á edición facsimilar desta revista publicada por Ediciós do Castro no ano 1990.

3

Nueva Galicia nace o 17 de maio de 1937, editándose até o 10 de decembro de 1938. Véxanse os interesantes estudos previos de Xesús Alonso Montero e de Víctor Santidrián na edición facsimilar publicada por Ediciós do Castro no ano 1997.

4

O número 422 de ANT, datado o 17 de xullo de 1936, foi o último editado en Galiza antes do golpe militar do 18 de xullo (téñase presente que hai unha edición mal datada dese número, na que se fai constar na capa que saía do prelo o 10 de xullo de 1936). O nº 425 foi o primeiro editado no exilio bonaerense da man da Irmandade Galega, por volta do 28 de xuño de 1942 (e até o nº 518, publicado en novembro de 1972). Mais entre medias editáronse desde Buenos Aires, semella que como encomenda e coa colaboración do PG que resistía en Barcelona, o nº 423 e o nº 424 no ano 1938, baixo o subtítulo de “Boletín do Partido Galeguista. Editado no Eistranxeiro pol-o Grupo Galeguista Mentres Galiza fique encadeada”. En ambos os números houbo, como se indicou, colaboracións de galeguistas que aínda resistían ao fascismo desde territorio peninsular, fundamentalmente desde Barcelona —este sería o caso de Castelao, Ramón Suárez Picallo e Ramón de Valenzuela—, xunto a outros que vivían na Arxentina desde había décadas —como Emilio Pita e Ramón Rey Baltar, que sostiñan o grupo bonaerense do PG—.

5

Nesa altura Del Riego sería reclamado para o Partido Galeguista por Alexandre Bóveda e se incorporaría ao Comité de Prensa do Comité Central da Autonomía (Villanueva 2022, p. 75).

6

Logo de ser detido tras o golpe militar de xullo de 1936, Velo veríase obrigado a combater até 1938 coas tropas insubordinadas diante da legalidade republicana, facendo parte, mesmo, da División Acoirazada Brunete, o cal lle serviría para formarse militarmente —e aproveitaría para próximas etapas das que participaría contra a ditadura franquista—.

7

Curmán de Daniel R. Castelao, foi no tempo republicano concelleiro do PG en Rianxo. A inicios dos 40 asentouse en Vigo, exercendo profesionalmente como xastre.

8

Ficaría en liberdade vixiada desde 1945, para fuxir dous anos despois a Celanova, acompañado de Otero Castelao, onde se agocharon até 1948. De Celanova escaparon a Portugal, país en que Velo sería detido pola PIDE. Tras un permiso carcerario, a finais daquel mesmo 1948, marcharon ao exilio venezolano. Alí, Velo destacaría polo seu traballo de axitación patriótica galega entre a colectividade emigrada. Para alén da súa célebre participación en 1956 no I Congreso da Emigración Galega, foi cofundador do Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL) no ano 1959, e participou no ano 1961 do secuestro do transatlántico Santa María, rebautizado como Santa Liberdade. Despois marcharía exiliado ao Brasil xunto ao seu fillo Víctor, tamén membro do DRIL, onde ambos serían recoñecidos como refuxiados políticos.

9

Piñeiro entrevistaríase daquelas con Vicente Bóveda, irmán menor de Alexandre Bóveda e noutrora cadro da FMG, para saber se se sumaría á reorganización do PG, facéndose cargo da organización do partido en Ourense. Afirmaría Piñeiro que Bóveda aprobou calurosamente os nosos puntos de vista.

10

Cartas con sinatura FR-068/001/024 e FR-CA-068/001/025, datadas en Madrid o 23/I/1945 e o 24/I/1945, respectivamente (Arquivo da Biblioteca Penzol).

11

Os tres reuniríanse en Vigo periodicamente no despacho de Gómez Román, no nº 25 da avenida García Barbón e nunha cafetería próxima á rotativa de El Pueblo Gallego.

12

Piñeiro sitúa a súa conversa con Valenzuela en Vigo no ano 1942 (2002, pp. 62-63), seguida doutra con Francisco F. del Riego, mais estas dúas conversas —se unha foi seguida da outra, no mesmo día ou en días consecutivos— tiveron que producirse en 1944, ano no que saíu do cárcere Valenzuela.

13

Así como outros galeguistas que iniciaran o seu exilio en Francia ou que xa quedarían permanentemente naquel país, como Xohán Xosé Plá, do que se garda epistolario ao respecto (Santidrián 2002, p. 126; Ínsua 2017, pp. 79-81; Diéguez 2017).

14

A inicios de 1946 o PCE disolvería á súa vez a UNE, solicitando a súa integración na ANFD (Santidrián 2002, p. 284).

15

Filla do galeguista Elpidio Villaverde, membro das Irmandades da Fala e logo da Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA), coa que sería cofundador do partido español Izquierda Republicana, do que sería elixido deputado galego nas elección xerais de febreiro de 1936. Villaverde acabaría integrándose no exilio no Consello de Galiza.

16

Valenzuela actuaría como secretario de Castelao, co que mantivo moita amizade até a súa morte; e a inicios da década dos 50 sería secretario da Irmandade Galega (A Nosa Terra nº 480). No ano 1962 formalizaría o seu ingreso no PCE (Igrexas 2006, p. 15).

17

Socio protector do Seminario de Estudos Galegos e militante desde a súa fundación do Partido Galeguista, tal e como xa o fora das Irmandades da Fala. Diante do golpe de Estado de 1936 vería intervidas e ocupadas as súas propiedades e mesmo tería que agacharse cara ao final da guerra en Laxe grazas ao seu xenro, o xeólogo galeguista Isidro Parga Pondal, finxindo que marchara ao exilio, tal e como ten indicado Ricardo Gurriarán (2016). O compromiso familiar co galeguismo e fronte ao golpe militar ficaba patente tamén pola militancia do seu fillo, Enrique Peinador Porrúa, quen, a maiores do seu activismo republicano, colaboraría no tempo de guerra con Castelao, Suárez Picallo, Xohán Xosé Plá, Pedro Penabade, Ramón Vidal Barreiro, Agapito García Atadell, Manuel Martínez Risco e Marciana Pimentel, entre outros, na creación das Milicias Populares Galegas, que se formarían en Madrid no verán de 1936. A sede de recrutamento foi habilitada no nº 15 da rúa Conde de Peñalver. Véxase a recensión editada no nº 354 do xornal Crónica (23/VIII/1936). Enrique Peinador Porrúa sería executado o 27 de abril de 1940 pola súa militancia republicana e a súa participación contra o exército golpista, falecendo inmediatamente despois o seu pai.

18

Onde permanecería preso até 1941.

19

Conversa con Xaime Isla Couto, Vigo, 10/V/2001. Canto á data referida para o encontro daqueles tres galeguistas, cómpre indicar que hai quen o sitúa no ano 1939, mais non parece probábel. Sexa como for, téñase presente que estamos situando cronoloxicamente a evolución do proceso que nos ocupa a partir, fundamentalmente, das conversas e libros de memorias dos seus protagonistas, non sempre coincidentes, como é natural, logo dunha distancia de máis de medio século entre os feitos relatados e a lembranza dos mesmos, xa que son moi poucos os documentos existentes sobre os que reconstruír os primeiros anos daquel proceso.

20

Del Riego sitúa en Camiño andado (2003) a devandita xuntanza en 1941, mais de ser nesta data hai que ter presente que Enrique Peinador non puido participar da reunión, pois falecera na primavera de 1940, como xa indicamos. Seguramente foi nesa data, sen a presenza xa de Enrique Peinador Lines, logo doutras que previamente animara a organizar Peinador (repasándose nesta de 1941 as listaxes de militancia galeguista que foran confeccionando Peinador, Gómez Román e Del Riego un ano atrás). Agradézolle á colega Camiño Noia a observación referida á data de falecemento de Peinador Lines, que sucedeu o 19 de xuño de 1940 (pouco despois do asasinato do seu fillo Enrique Peinador Porrúa, acontecida o 27 de abril de 1940, como xa se sinalou).

21

Os Isla Couto, os irmáns Álvarez Blázquez, Laxeiro, Plácido Castro, Celso Collazo etcétera.

22

Conversa con Francisco Fernández del Riego. Fundación Penzol, Vigo, 9/X/2001.

23

Piñeiro ten indicado que De la Vallina tamén fora quen o puxera ao tanto da tentativa de reorganización do PG de Ramón de Valenzuela, aproveitando para viaxar a Vigo de cara a falar con Valenzuela primeiro e logo con Del Riego (Piñeiro 2002, p. 62).

24

A partir da súa amizade co falanxista Antonio Pedrosa Latas, daquela asesor xurídico do ISM, para logo ser subcomisario e, finalmente, director xeral técnico dese organismo na década dos 50.

25

Agradezo fondamente a Henrique Monteagudo que me facilitase unha copia das cartas. As citas que empregamos no presente texto están extraídas da transcrición que fixo noutrora Del Riego á máquina de escribir, que traduciu ao galego os orixinais de Piñeiro, redactados en español por mor do contexto político.

26

Tanto Xosé Ramón Fernández-Oxea coma Ánxel Fole teñen situado a reunión no ano 1945, en consonancia cunha convocatoria —que presentamos máis adiante— asinada por Ramón Piñeiro para se reuniren en asemblea aqueles galeguistas en Coruxo. Sen dúbida puido haber, e seguramente houbo, unha reunión en Coruxo (e mesmo máis dunha) en 1943, mais acho que a asemblea do 22 de xullo de 1945 foi na que se dotou o PG na clandestinidade desa estrutura orgánica, ben equilibrada territorialmente, que nos traslada privilexiadamente Del Riego. Avalan isto tamén as cartas que lle foi enviando Piñeiro a Del Riego a modo de informes referidos aos contactos que ía facendo o secretario político do PG, nas que podemos ver como algúns dos que participarían da dirección do PG reconstituído estaban aínda no 1944 integrándose naquela dinámica política, tan comprometedora e perigosa. Repárese nos treitos que reproducimos das cartas que a modo de informes lle ía enviando nesta altura Piñeiro a Del Riego, sobre todo en setembro de 1944.

27

Tras saír do cárcere, sería directivo de Zeltia e de Ferroviarios Especiales, S.A. (TRANFESA) desde a súa fundación no ano 1943, empresas creadas por Xosé e Antonio Fernández López. Xunto a Xosé Fernández, Fermín Penzol e Emilio González López creara en Madrid a Mocedade Céltiga na súa etapa estudantil.

28

Documentos que se poden consultar no arquivo da Biblioteca Penzol, procedentes do arquivo de Francisco Fernández del Riego, así como no Arquivo do Nacionalismo Vasco, da Fundación Sabino Arana, fundamentalmente do fondo de José Rezola, que revisamos a inicios do presente século.

29

Lugo, 1 de setembro de 1944. Arquivo Penzol, sinatura FR-CA-068/001/006.

30

Tal e como sucedería, en colaboración con Jenaro Marinhas del Valle.

31

Lugo, 7 de setembro de 1944. Arquivo Penzol, sinatura FR-CA-068/001/007.

32

Un PG no exilio que reuniría non só militantes da organización nacionalista no tempo republicano previo ao golpe militar e á guerra, senón tamén outros militantes nacionalistas, como sería o caso de parte da afiliación da independentista Sociedade Nazonalista Pondal, situada durante a II República en contra do PG, tal e como Ricardo Flores e Bernaldo Souto nos chegarían a indicar no cambio de século (Diéguez 2015, pp. 121 e ss.).

33

A primeira carta que coñecemos entre o PG reconstituído e Castelao, publicada por Xavier Castro no magnífico libro Castelao e os galeguistas do interior (2000, p. 78), non ten data, mais o editor do libro sitúaa no ano 1943. Ao meu ver, debe situarse exactamente a inicios de 1944, fundamentalmente pola evolución do traballo clandestino de reorganización partidaria que se estaba a acometer no interior e que imos reconstruíndo en mellor medida a través de documentos que se foron coñecendo cos anos.

34

Reprochando que tan só tivera até o momento novas desde o país grazas ás cartas de Otero Pedrayo e Valentín Paz-Andrade. Castelao aproveitou para dar conta de como viña de publicar o libro Sempre en Galiza.

35

Lugo, 23 de outubro de 1944. Arquivo Penzol, sinatura FR-CA-068/001/008.

36

Tal e como Rosa Puente, filla de Manuel Puente, nos indicou en Buenos Aires no verán de 2008.

37

A Nosa Terra. 429 (25 de xullo de 1944), pp. 5-6.

38

Esta parte do informe, titulada “Consello de Galicia”, leuna Francisco F. del Riego diante de Perfecto López naquela reunión. Véxase Piñeiro (1991b, p. 359).

39

A relación de Plá e Castelao fora empeorando gradualmente no exilio, arredor da representación do Consello de Galiza en Francia. Véxase Diéguez (2015, pp. 102-113).

40

Piñeiro indica como en Francia había un tinglado político galego, destinado a conquerir [que Portela Valladares fora] o ministro de Galicia, entón exiliado en Marsella. Esa candidatura respaldábana dende os comunistas ata o presidente Aguirre (este por coidar que a figura de Portela, como ex-xefe do goberno en Madrid, dáballe máis peso político internacional ó goberno de Giral).

41

Este texto facía parte do informe titulado “Castelao” que en 1958 se lle presentara a Perfecto López. A lectura desta parte correspondeulle a Cesáreo Saco. Véxase Piñeiro (1991c, p. 373).

42

Esta carta de Ramón Piñeiro confirma, novamente, que o ano no que se designa a dirección estábel do PG foi 1945, dado que estando datada esta carta en outubro de 1945 debemos ter presente como Del Riego indica no libro de memoria O río do tempo que unha vez conformada a dirección comezou a se desenvolver unha intensa actividade do Partido. Moi pouco despois de se encetar esta, constituíuse en Compostela unha Xunta Galega de Alianza Democrática (Fernández del Riego 1990, p. 143).

43

Piñeiro revela que nesa altura aínda Galeuzca non era parte integrante da ANFD mais estaba en proceso. Repárase tamén en que realmente os contactos a nivel internacional que refire Piñeiro non eran propiamente de Galeuzca senón do nacionalismo vasco, a través do lehendakari José Antonio Aguirre, que estaba moi ben relacionado a nivel internacional e que contaba cunha magnífica rede de información (coa que mantiña relación directa algún galeguista, como era o caso de Xohán Xosé Plá) ligada aos servizos de intelixencia británicos. En todo caso, Galeuzca, con data do 22 de decembro de 1944, volvía relanzarse no exilio. Ao pouco de crearse o Consello de Galiza, con Castelao como presidente, impulsaríase a reorganización daquel tripartito, que referendarían na devandita data en México nove organizacións nacionalistas —dúas de Euskadi, seis de Catalunya e unha de Galiza—. Para o caso galego os asinantes serían, en nome da delegación mexicana do Partido Galeguista no exilio, Xohán López Durá e Florencio Delgado Gurriarán, a instancias do Consello de Galiza e a partir dunha viaxe do galeguista Rodolfo Prada, en coordinación con Castelao, que o levou aos principais países de América do Sur, nos que se reuniu cos responsábeis das delegacións da Irmandade Galega en cada un deles para que constituísen xunto aos grupos do exilio vasco e catalán Consellos de Galeuzca. Desde agosto de 1945 editaríase a revista Galeuzca, voceira do pacto homónimo. Véxase A Nosa Terra 434 (I/1945), pp. 1-2 e 4-7; así como o prólogo de Xosé Estévez á edición facsimilar da revista Galeuzca (1994).

44

Se ben sabemos que os nacionalistas vascos e cataláns xa mantiñan esas relacións, sobre todo o lehendakari Aguirre. Mais non é menos certo que desde aquela altura vanse manter relacións con eses partido de ámbito español desde Galeuzca.

45

Fondo Xosé Ramón Fernández-Oxea, Arquivo Provincial de Ourense. Souben deste documento inédito, que publiquei no 2015, grazas a Xoán Ramiro Cuba e Xosé Ramón Hermida, comisarios dunha exposición sobre Xosé Ramón Fernández-Oxea, Ben-Cho-Shey, promovida desde a Deputación de Lugo.

46

Del Riego sitúa a escolla desta dirección no ano 1943, mais segundo a evolución que presenta Piñeiro nos seus informes semella que aquela dirección do PG foi deseñada na reunión de Coruxo celebrada o 22 de xullo de 1945.

47

Fondo Xosé Ramón Fernández-Oxea. Arquivo Provincial de Ourense.

48

A Nosa Terra 455 (IV/1947), p. 1.

49

Os peneuvistas serían os que lle porían a Piñeiro o alcume Santiago, para actuar na clandestinidade.

50

Castelao refírese á participación de Ramón Piñeiro nun mitin republicano en Marsella, afirmando desde Buenos Aires, con data 7 de agosto de 1946, non comprendemos como se obrou tan alegremente (Castro 2000, p. 341). Piñeiro faría referencia á devandita intervención pública nunha carta enviada a Del Riego, escrita cara a finais de febreiro de 1946, afirmando que se vira obrigado a intervir no acto, no que participaría co nome ficticio de Rafael Pereira.

51

O proceso xudicial ao que foi sometido Piñeiro e o resto dos detidos está magnificamente ben estudado por Xosé Manuel Dasilva (2011).

52

Galicia. Boletín Informativo. IV/1947, p. 1. Arquivo do Nacionalismo Vasco.

53

Galicia. Boletín Informativo. IV/1947, p. 2. Arquivo do Nacionalismo Vasco.

54

Cartas magnificamente compiladas e analizadas por Xesús Alonso Montero. Véxase Francisco F. del Riego (2002).

55

Del Riego chegaría a viaxar a Buenos Aires sete anos despois daquelas palabras, onde participaría de varios actos, incluída unha homenaxe a Castelao, xunto á militancia galeguista exiliada.

56

A UIL víñase de crear desde México en xullo de 1947 na sede do Centro Republicano Español, baixo a presidencia de Honorato de Castro, polo que dificilmente aqueles galeguistas podían ter que ver con aquela entidade.

57

El Correo Gallego, 12/X/1949.

58

Conversa con Raimundo García Domínguez, “Borobó”, Madrid, 2001.

59

Segundo ten afirmado Del Riego, aínda que se adoita indicar que aquel xantar se celebrou o 25 de xullo de 1950. Véxase Fernández del Riego (2023).

60

Pedrayo fora con Castelao elixido deputado galeguista nas Cortes constituíntes, sendo o único dos deputados galeguistas republicanos que non marchou ao exilio, polo que sufriu os rigores da represión nos planos económico e laboral. Pola súa banda, Gómez Román foi, como se indicou, o último secretario xeral do PG elixido antes do golpe militar de 1936.

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS

Álvarez Gándara, Alfonso (2013). Francisco Fernández del Riego político. En: María Dolores Cabrera Iglesias e María Dolores Villanueva Gesteira, Francisco Fernández del Riego. Vigo dende o corazón. Vigo: Galaxia, 73-77.

Barros, Miguel (2009). Ramón Piñeiro e a revisión do nacionalismo. Vol. II. Acción Política. Vigo: Galaxia.

Beramendi, Justo (2008). De provincia a nación. Historia do galeguismo político. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.

Calvo, Tucho (1998). Valentín Paz-Andrade. A memoria do século. Sada: Ediciós do Castro.

Carballa, Xan (1995). Francisco Fernández del Riego, o medo que pasamos non se pode crer. En: As horas secuestradas. Vida cotiá no franquismo. Vigo: Promocións Culturais Galegas, 25-29.

Carvalho Calero, Ricardo (2006). Epistolario a Fernández del Riego. Vigo: Galaxia. Edición e transcrición de Dolores Vilavedra e Montserrat Pena.

Casares, Carlos (1991). Ramón Piñeiro. Unha vida por Galicia. A Coruña: Fundación Caixa Galicia.

Castro, Xavier (1991). Ramón Piñeiro, protagonista e testemuña da nosa historia. En: Homenaxe a Ramón Piñeiro. Santiago de Compostela: Fundación Caixa Galicia, 259-264.

Castro, Xavier (2000). Castelao e os galeguistas do interior: cartas e documentos 1943-1954. Vigo: Galaxia.

Conde, Perfecto (2018). Conversas con Paco del Riego. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.

Dasilva, Xosé Manuel (2011). Proceso e encarceramento de Ramón Piñeiro (1946-1949). Vigo: Galaxia.

Diéguez Cequiel, Uxío-Breogán (2003). Álvaro de las Casas. Biografía e epistolario. Vigo: Galaxia.

Diéguez Cequiel, Uxío-Breogán (2012). Nacionalismo galego, golpe militar reaccionario e a (necesaria) resistencia armada. En: A guerrilla antifranquista galega: actas. 15, 16 e 17 de xaneiro do 2009. Paraninfo da Universidade da Coruña. A Coruña: CRMHd’AC, 219-236.

Diéguez Cequiel, Uxío-Breogán (2015). Nacionalismo galego aquén e alén mar (1936-1975). Santiago de Compostela: Laiovento.

Diéguez Cequiel, Uxío-Breogán (2017). El exilio europeo del nacionalismo gallego a partir de 1939. Francia y la figura de Xohán Xosé Plá. Cahiers de Civilisation Espagnole Contemporaine. 18.

Dónega, Marino (1991). Perfil humano. En: Homenaxe a Ramón Piñeiro. Santiago de Compostela: Fundación Caixa Galicia, 27-36.

Estévez, Xosé (1994). El Galeuzca en el exilio. En: Galeuzca. Vigo: Nova Galicia Edicións, 47-84. Prólogo á edición facsimilar.

Estévez, Xosé (2009). Galeuzca: la rebelión de la periferia (1923-1998). Madrid: Entinema.

Fernández del Riego, Francisco (1990). O río do tempo: una historia vivida. Sada: Ediciós do Castro.

Fernández del Riego, Francisco (2002). Cartas de Luis Seoane desde o exilio. Sada: Ediciós do Castro.

Fernández del Riego, Francisco (2003). Camiño andado. Vigo: Galaxia.

Fernández del Riego, Francisco (2023). O que Galaxia viña significar. El Progreso. 17/V/2023.

Fole, Ánxel (1996). Lembranzas: a xuntanza de 1945. En: Cartafolio galego. Vigo: A Nosa Terra, 103. Edición de Claudio Rodríguez Fer.

Gurriarán, Ricardo (2016). Enrique Peinador Lines e Mondariz: empresa, turismo e país. Ourense: Grupo Academia Postal.

Igrexas, Manuel (2006). Apuntamentos sobre a biografía de Ramón de Valenzuela. En: Charo Ferreiro e Inmaculada Pena, coords. Homenaxe a Antón Alonso Ríos e a Ramón de Valenzuela. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 9-16.

Ínsua, Emilio Xosé (2017). O sobriño Xoán Xosé Pla Fernández. En: O escritor viveirense Xoán Pla Zubiri (1874-1936). Viveiro: Biblioteca Emilio Antonio Insua García de Estudios Viveirenses, 70-122.

Monteagudo, Henrique (2008). Ramón Piñeiro, a Editorial Galaxia e a Real Academia Galega (1950-1962): estratexias de resistencia idiomática fronte ao franquismo. Grial. 177, 98-111.

Nicolás, Ramón (2022). Francisco Fernández del Riego. Vida e obra dun obreiro do galeguismo. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.

Pastoriza Rozas, Xose Luís (2015). Xaime Isla. Raíz e utopía de Galicia. Vigo: Galaxia / Fundación Isla Couto.

Pereira, Dionisio e Fernández, Eliseo (2006). O movemento libertario en Galiza (1936-1976). Vigo: A Nosa Terra.

Piñeiro, Ramón (1981). A personalidade política de Fermín Penzol. Grial. 73, 279-288.

Piñeiro, Ramón (1991a). Balance do noso labor. Grial. 111 [monográfico: Da miña acordanza. Ramón Piñeiro (1915-1990)], 382-388.

Piñeiro, Ramón (1991b). Consello de Galicia. Grial. 111 [monográfico: Da miña acordanza. Ramón Piñeiro (1915-1990)], 353-359.

Piñeiro, Ramón (1991c). Castelao. Grial. 111 [monográfico: Da miña acordanza. Ramón Piñeiro (1915-1990)], 369-376.

Piñeiro, Ramón (2002). Da miña acordanza. Vigo: Galaxia.

Ríos, Xulio (1997). Plácido Castro. Vigo: Ir Indo.

Rojo, Arximiro (1987). As Mocedades Galeguistas. Vigo: Galaxia.

Saco, Fernando (2006). Os irmáns Saco. Vigo: A Nosa Terra.

Sánchez Martínez, Pablo (2020). Achada a acta fundacional da ‘Mocedade Galeguista’ de Celanova. Murguía. Revista Galega de Historia. 41-42, 55-63.

Santidrián, Víctor (2002). Historia do PCE en Galicia (1920-1968). Sada: Ediciós do Castro.

Toro, Antonio Raúl de (1994). Galicia desde Londres: Galicia, Gran Bretaña e Irlanda nos programas galegos da BBC. A Coruña: Tambre.

Valenzuela, Ramón de (1997). Era tempo de apandar. Vigo: A Nosa Terra.

Villanueva Gesteira, María Dolores (2022). Francisco Fernández del Riego. Un loitador pola idea de Galicia. Vigo: Galaxia.