NATIVO NACIONALISTA: DA ASOCIACIÓN NACIONALISTA DE SANTIAGO AO PARTIDO GALEGUISTA
Paco del Riego, que era como o coñeciamos coloquialmente, nado en Vilanova de Lourenzá o 7 de xaneiro de 1913, pertencía á que podemos chamar segunda xeración do nacionalismo galego, a que vén xusto despois da dos fundadores das Irmandades da Fala en 1916. Son os nados nos tres primeiros lustros do século XX: Alexandre Bóveda (n. 1903), Xosé Fernando Filgueira Valverde (n. 1906), Ricardo Carballo Calero (n. 1910) ou Xaime Isla Couto (n. 1915). Rematado o bacharelato, en outubro de 1930 comeza Dereito en Madrid, pero no curso 1931-1932 trasládase a Santiago, onde rematará a carreira en 1934, estudos que fai de forma simultánea cos de Filosofía e Letras. Cando chega a Compostela, a Segunda República, proclamada o 14 de abril, está a dar o seus primeiros pasos cunhas Cortes debatendo a Constitución do novo réxime, e o nacionalismo galego atópase nun momento de reorganización e crecemento, logo da forzada paréntese da ditadura do xeneral Miguel Primo de Rivera (1923-1929).
Con só dezaoito anos Del Riego enrólase decontado na Asociación Nazonalista de Santiago (ANS), probablemente recrutado por Lois Tobío, tamén estudante de Dereito e o seu introdutor nos círculos galeguistas da Universidade. A ANS era un dos numerosos grupos nacionalistas, case todos de ámbito local, que se constituíran ou reconstituíran en Galicia durante a chamada “Ditabranda” do xeneral Dámaso Berenguer (1930-1931), uns ex novo, como o Partido Galeguista de Pontevedra, o Grupo Autonomista Galego de Vigo ou a Irmandade de Noia, outros por reactivación da Irmandade anterior á ditadura como na Coruña ou en Ourense, fose co mesmo nome ou con outro. Tal era o caso de Santiago, onde en 1916 se fundara a segunda Irmandade da Fala (IF) de Galicia, dez días despois da primeira na Coruña.
Dende o nacemento das Irmandades convivían no seo do nacionalismo galego dúas variantes ideolóxicas principais: a liberal-democrática e filo-republicana e a católico-tradicionalista, amén dalgúns, moi poucos, irmandiños de simpatías socialdemócratas. E respecto da relación de Galicia con España a maioría asumía, polo menos en público, o autodeterminismo federalista establecido na I Asemblea Nacionalista (Lugo, 1918) e só sectores moi minoritarios se manifestaban abertamente arredistas. Malia a asunción por todos os irmandiños dese programa entre 1918 e 1922, as diferencias ideolóxicas e as discrepancias tácticas, nomeadamente en relación coa política de alianzas e a participación nas eleccións, acabaron provocando unha ruptura na IV Asemblea, celebrada en Monforte en 1922. A IF da Coruña, que tiña máis afiliados que todas as demais xuntas e controlaba o órgano oficial, A Nosa Terra, separouse do resto acompañada de dúas máis pequenas (Betanzos e Vilalba). Todas as demais, unhas vinte, permaneceron unidas nunha nova organización, a Irmandade Nazonalista Galega, máis centralizada e xerarquizada e de moi curta andaina, pois a ditadura filla do golpe de Estado do 13 de setembro de 1923 provocou o seu desmantelamento en pouco tempo.01
A ANS, da que puiden identificar 35 membros, era bo exemplo da diversidade tanto ideolóxica coma xeracional do nacionalismo galego nese momento. Na dereita estaban o vello Manuel Banet Fontenla, militante galeguista dende a época rexionalista que trasladara a súa notaría de Monforte a Santiago, e os seus dous fillos, tamén notarios, xunto cos sacerdotes Xosé M. Cabada, Manuel García García, Xesús Carro e Paulino Pedret, a catedrática Mª Pura Lorenzana, o empregado Manuel Beiras, o artista Camilo Díaz, o avogado Francisco Vázquez e o empresario e presidente do Círculo Mercantil, Santiago de la Riva Barba. No centro-esquerda ou na esquerda, os estudantes Ricardo Carballo Calero, Álvaro Cunqueiro, Francisco Fernández del Riego, Sebastián González García-Paz, Luis Seoane e Lois Tobío, o pintor Mariano Fernández Granell e o propio presidente da Asociación, o canteiro filosocialista e despois avogado Xan Xesús González. Onde se situaba o noso mozo? Como veremos, na liña liberal-demócrata, tanto polas súas ideas coma polos seus actos.
O nacionalismo galego, malia competir aínda dividido, conseguira nas primeiras eleccións da República de 28 de xuño de 1931 catro deputados, un por Pontevedra en solitario (Castelao) coa Candidatura Galeguista, outro por Ourense (Otero Pedrayo) co Partido Nazonalista Repubricán de Ourense en coalición con dúas formacións republicanas, e dous pola Coruña (Antón Villar Ponte e Ramón Suárez Picallo) dentro das listas do Partido Republicano Gallego (ORGA), a formación autonomista pero non nacionalista liderada por Santiago Casares Quiroga. Os catro, fieis ao programa de Lugo, defenderon nos debates constitucionais unha República Federal que, como ben sabemos, non foi adiante. A solución triunfante, o chamado Estado Integral, só contemplaba autonomías limitadas dabondo e non doadas de conseguir. Conscientes da necesidade de sumar forzas por riba das discrepancias ideolóxicas para conseguir polo menos esa autonomía, mal menor respecto do ríxido centralismo de sempre, todas as organizacións nacionalistas puxéronse de acordo en poucos meses e converxeron en decembro para fundar o Partido Galeguista na cidade de Pontevedra. Tamén a ANS. E con ela Paco del Riego, que foi en todo momento un militante moi activo e totalmente disciplinado até o punto de cumprir sempre as instrucións recibidas, mesmo nos casos en que non parecía concordar totalmente con elas. Por outra parte, pensaba que, dado que o nacionalismo galego, se ben crecía rapidamente, era unha forza minoritaria, resultaba decisivo preservar a súa unidade. Así que procuraba non entrar nas retesías internas entre esquerdas e dereitas (que continuaban e in crescendo), malia ter moi claro que el era das primeiras. E se entraba facíao sen acritude para non empeorar as cousas.
Antes de describir a súa actividade política como líder universitario, dirixente das Mocedades Galeguistas e propagandista prolífico, convén analizar brevemente o ideario que a inspiraba.
A IDEOLOXÍA: NA ESQUERDA DO NACIONALISMO
En todo ideosistema nacionalista o seu núcleo central, o concepto de nación propia, é un significante baleiro no que atinxe á definición do sistema económico, a estrutura social e o sistema político que se quere para esa nación. De aquí que tal concepto necesariamente teña que articularse cunha ou case sempre con varias ideoloxías non nacionalistas (tradicionalismo, liberalismo, socialismo, fascismo etc.) que serán as que acheguen os caracteres socioeconómicos e políticos desexables. Isto implica que nas sociedades modernas complexas, nas que conviven sectores sociais, intereses e visións do mundo moi diferentes, os nacionalismos case nunca se basean nunha única ideoloxía senón nun feixe ou familia de ideoloxías que teñen en común a asunción dese concepto de nación e as reivindicacións de soberanía ou autogoberno que derivan directamente deste pero difiren en todo o demais.
No caso de Del Riego, nos anos que aquí consideramos, esa ideoloxía de base é o liberalismo democrático no político e un impreciso reformismo no social. Por iso defende explicitamente a democracia tanto en España coma no resto do mundo e pide facer tábula rasa da edade meia que nos abruma ainda
(1935p). E por iso rexeita o corporativismo político (1935l), a monárquica Renovación Española (1934c) e un fascismo polo que manifesta sentir fonda repugnancia
(1936a), así como a fundamentación católica do tradicionalismo español e toda instrumentalización política da relixión.
Pero, como era de esperar, tamén amosa límites pola esquerda. Nestes anos, Del Riego critica o anarquismo, o materialismo histórico, liña negativa e vontariosa da loita de clases
, e as súas expresións políticas, tanto o socialismo marxista coma o comunismo marxista-leninista, por negadores das liberdades individuais e nacionais (1933e). E non se deixa seducir, ao contrario que Castelao anos despois, polo feito de que a Constitución da URSS fale do dereito á autodeterminación das nacións: o respeto oficial â lingua e ao principio de autoctonismo das diversas Repúblicas Soviéticas, non deixa de ser unha ficción. Homes e pobos feitos engranaxe na máquina relixiosamente tiránica do gran Estado
(1935a). Actitude lóxica en quen concibía o devir da humanidade non como unha sucesión de loitas sociopolíticas consecuencia da evolución dos modos de produción nin como a pugna entre as tradicións legado da Providencia e a súa negación, senón como unha longa marcha cara ás liberdades individuais e nacionais. Por iso, para el, a alternativa ás ditaduras revolucionarias non podían ser as ditaduras reaccionarias, senón a máxima democratización das sociedades e a emancipación das nacións sen Estado (1933s, 1933i).
Isto último lévanos a preguntarmos: que concepto de nación asumía Del Riego? O liberal revolucionario, fillo da Revolución Francesa, que concibía a nación como a libre unión dos cidadáns para formar unha entidade política soberana por riba das diferenzas lingüísticas, étnicas, sociais ou relixiosas entre uns e outros? O orgánico-historicista, que a imaxinaba como unha realidade obxectiva que a historia foi xerando de forma espontánea dende tempos moi antigos e pola que un grupo humano acababa dotado de caracteres singulares e en si mesmos extrapolíticos? Ou algunha das numerosas hibridacións dos dous anteriores que adoptaron dende mediados do século XIX a maioría dos nacionalismos, con ou sen Estado?
O concepto de nación asumido polo galeguismo político dende o rexionalismo do século XIX viña sendo o orgánico-historicista establecido por Manuel Murguía dende os primeiros tomos da súa Historia de Galicia (1865), logo feito canon por Vicente Risco (1920). Naturalmente, Del Riego entra no nacionalismo galego asumindo esa idea da nación como entidade natural, produito da espontaneidade do desenrolo histórico
, que se contrapón á de Estado, obra dos homes, entidade artificial
(1933g), idea que nunca abandonará totalmente pero que si hibridará co concepto liberal para dar maior coherencia ás súas actitudes políticas. Será un dos poucos en facelo nese momento no seo do galeguismo. Con tal fin mete no mesmo saco a Herder e a Rousseau cando afirma que na estroitura natural e histórica da propia nacionalidade
conviven sen maior problema o esprito nacional
e a vivencia dunha volonté générale
(1934s). Nese camiño, que en realidade xa percorrera moito antes Pasquale Stanislao Mancini (1851) en Italia, Del Riego apóiase na autoridade de numerosos clásicos dun e doutro bando, dende o liberal radical Pi i Margall aos organicistas Prat de la Riba e Durán i Ventosa pasando polos hibridadores Renan e o propio Mancini, sen que lle preocupen demasiado as incompatibilidades teóricas entre os primeiros e os segundos. Só hai algo no que se afasta claramente do tándem Murguía-Risco (e do que el chama a Escola Xermánica): que a raza poida ser fundamento da nación, e faino, como el mesmo confesa, por esixencia das súas conviccións democráticas:
Contrariamente â doitriña francesa, a Escola Xermánica considera â Raza fundamento da nación e impón â nación as fronteiras da Raza. Tan distantes nós dista teoría, coma a que nos impón a tendencia democrática do noso nacionalismo, podemos meiante ela considerar tamén â nosa patria, cruzada por tantas razas e civilizacións anque fundidas todas nunha predomiñante, no cadro das nacionalidás diferenciadas. (1934s)
O resultado final é concibir a nación en xeral como unha realidade obxectiva, realidade tradicional, lingüística, natural e hestórica dun grupo de xentes, proietada nun espacio xeográfico, de vivir a sua propia vida
(1935a), e na que a conciencia e vontade dos nacionais é importante para realizarse politicamente pero non para decidir se a nación existe ou non. En todo caso, reclama, na liña de Peña Novo (1921), un sistema político democrático para a nación orgánica (Fernández del Riego 1935p).
En concordancia co anterior, ten outras diferenzas con algúns dos seus mestres. Concretamente, unha vez máis, con Vicente Risco. E así, mentres este, dende un historicismo de base tradicionalista, condena o “oitocentismo” por fillo do racionalismo ilustrado e berce das liberdades modernas, Del Riego profesa un historicismo liberal que gaba ese século XIX xustamente porque nel se acelera a longa marcha da humanidade cara á liberdade de individuos e pobos, e nomeadamente en Europa, que é una tradición cultural y siempre una idea. Idea que tiene por nombre: Libertad
. Liberdade relixiosa primeiro, liberdade persoal despois e finalmente liberdade nacional (1933s, 1934s). De aquí o seu aprecio polos filósofos da Ilustración e mesmo por algún socialista utópico como Proudhon (1934s).
Pero tamén ten coincidencias cos ideólogos do nacionalismo galego que lle preceden. Por exemplo, non considera contraditorio co anterior valorar positivamente o romanticismo (1932g, 1933p), fillo lexítimo da raza céltiga
que espera rexurda (1934a) porque, segundo di, ademais de traer a liberación estética
, salvóu a Galicia; fíxolle mirar prâ sua ialma chea de miserentas fórmulas prestadas
(1934a). Tamén coincide na vella tese do celtismo e con Risco na existencia dunha civilización atlántica contraposta á mediterránea e á que pertence Galicia (1932f, 1933p, 1933q). E pensa que o motor da historia non son as relixións nin os caudillos nin a loita de clases, senón as nacións “naturaes”:
As nacións —como dí Viqueira— son os puntaes verdadeiros da cultura. A humanidade desfáise en nacións, porque precisa órgaos. As nacións, póis, son os órgaos da humanidade con misións que cumplir. A de Galicia chega e por eso rexurde. (1935e)
Por iso condena todo o que vai contra esa configuración “natural” da especie humana, dende aquelas democracias que co seu centralismo negan as nacións sen Estado (1935a) ao imperialismo ianqui en América Latina (1933x) ou, máis en xeral, a esa baraunda imperialista do capitalismo mundial” na que “todo se afunde” (1934c), ese imperialismo dos
vellos Estados capitalistas
que estaba abocando a outra guerra mundial (1936c). A alternativa lóxica a esa situación é a súa particular utopía, un mundo organizado democraticamente en federación universal de nacións naturais:
a única solución pacifista de fonda permañencia, non poderá residir endexamais máis que niso: unha completa desfeita dos Estados históricos e imperialistas. Unha proclama xusta dos dereitos dos pobos, recoñecendo as súas caraiterísticas naturaes e diferenciadas. Un Federalismo Internacional, constituido sobor da base das pequenas nacións. (1936c)
E había que empezar por esa Europa que se disputaban marxismos, liberalismos, fascismos e outros ismos reaccionarios, promovendo un europeísmo democrático que a afastase do precipicio. Estaba convencido de que a solución radicaba en darlle unha saída democrática aos problemas nacionais (1935a), porque es necesaria para restaurar el orden europeo, una libre comunidad de naciones libres, base de una libre comunidad de hombres libres, absueltos de toda opresión de orden nacional o religioso
(1933af). Ou, dito doutro modo: Autonomía integral dos pobos peninsulares. Federación Ibérica. Zolverein europeo. Aerópago universal de nacións ceibes. Velahí a única solución
(1934c).
O instrumento imprescindible para alcanzar ese obxectivo non podía ser outro que ese nacionalismo democrático, pacifista e europeísta / universalista que esboza nalgunhas pasaxes (1933e). De aquí que aplauda todas as loitas de liberación nacional pasadas e presentes e que dedique algún artigo a líderes como o Mahatma Gandhi ou Eamon de Valera (1932e).
A aplicación das ideas precedentes a Galicia dá como resultado unha concepción da nación galega algo diferente do relato dominante.2 Por un lado, asume expresamente o seu núcleo básico (1934s), o que explica que nos seus escritos abunde a presenza dos caracteres que fan dos habitantes de Galicia unha nación dende a Antigüidade. En primeiro lugar, as orixes celtas: “Celtismo igual a esencia de Galicia” (1934h). De aquí as numerosas mencións á raza celta, ao pensamento celta, ao carácter celta e mesmo a “mozos celtas” para referirse aos galegos actuais.3 En segundo lugar, a Terra, cunha maiúscula que converte o territorio en sinónimo da Patria ou da Nación. En terceiro lugar, o “esprito galego”, omnipresente modo de designar o que outros chaman alma nacional e do que salienta algunha característica, como o lirismo,4 pero non tanto outras do canon vixente como a cobiza do lonxe de Risco ou a saudade, tan querida anos despois por Ramón Piñeiro. En cuarto lugar, a lingua, manifestación por excelencia da nacionalidade. E como produto da combinación de todos os precedentes unha cultura popular autóctona e ininterrompida, aínda que cambiante, dende a época dos celtas e unha alta cultura enxebre que só puido manifestarse vizosa nos momentos menos desfavorables da súa historia, que son dous: o apoxeo medieval e o rexurdimento contemporáneo.
Asume tamén o relato dominante no nacionalismo sobre o pasado da nación: loitas de resistencia dos celtas fronte aos romanos que inauguraban o proceso nacional de loita pol-a libertade
(1935ñ) e acabaron traxicamente no episodio heroico do monte Medulio; independencia nacional cos suevos finalmente truncada pola superioridade militar visigoda; manifestación cristiá do espírito galego con Prisciliano; superioridade galega altomedieval dentro da monarquía cristiá occidental e Reino de Galicia intermitente; esplendor literario e cultural e poder político na época que personifica en Xelmírez; absorción do Reino de Galicia por Castela a partir de Fernando III e decadencia posterior; fracaso do intento de liberación que, segundo el, foron as guerras irmandiñas; execución de Pardo de Cela e asoballamento nacional polos Reis Católicos; séculos escuros cos seus sucesores; e finalmente, esforzos polo rexurdir nacional a partir de mediados do século XIX, e non só polo renacer literario en galego, senón tamén por feitos que lle merecen un tratamento especial como a sublevación de abril de 1846, acabada cos fusilamentos de Carral, ou o Banquete de Conxo.5
Pero non todo é en Del Riego aceptación mimética do establecido. Consecuente coa súa procura dun concepto híbrido de nación, introduce na súa idea de Galicia, xunto cos xa citados, un elemento alleo ao canon organicista:
Galicia é unha nación tanto si se olla dende o punto de vista espritualista da sua formación coma si se analiza atendendo ao criterio materialista, motor da sua evolución económica nacional. E Galicia revelouse como tal no intre en que o convivio histórico transformóu en lazos vontarios, en unión ceibemente consentida que denantes foran loitas de razas, domiño de príncipes e señores sobor de servos e vasallos. (1934s. A cursiva é miña)
Por outra parte, fai unha xerarquización propia dos elementos definidores da nación galega de modo que cada un ten unha incidencia moi diferente sobre as partes propiamente políticas do ideosistema. Os de maior presenza e peso para xustificar a reivindicación da emancipación nacional son, sen dúbida, os de índole non física (lingua, cultura, “esprito”), mentres que a raza (celta) actúa só no nivel discursivo máis abstracto sen dar lugar a conclusións propiamente racistas, por outra banda incompatibles coa súa utopía dunha harmonía universal de nacións “naturaes” libremente federadas. E para deixar isto moi claro mesmo bota man de alguén que, polo seu españolismo, non era precisamente santo da súa devoción: A raza é a lingua, dixo xa o mestre Unamuno
(1933x). E en efecto, a lingua é para el, xunto co espírito e a cultura, alicerce maior da nación.6
Na súa diagnose dos problemas de Galicia, que chega a chamar “colonia” (1932d), Del Riego presta moita máis atención aos de natureza política e cultural (opresión nacional, marxinación da lingua e da cultura propias) que aos de índole socioeconómica (atraso, emigración) e, como todos os galeguistas dende Murguía e Rosalía, aponlle a responsabilidade maior deses males a Castela que, a través da España-Estado, asoballa co centralismo as demais nacións ibéricas e lles impón a súa lingua e os seus valores.
É certo que ás veces aborda o subdesenvolvemento económico do país (para el consecuencia do centralismo). Tal fai, por exemplo, cando denuncia o tratado de España co Uruguai e as súas consecuencias negativas para a gandería galega (1933m). Pero a maioría das súas análises do presente e do pasado céntranse na relación Galicia-España no político e no cultural. Dende a concepción de España como Estado plurinacional, que non nación (1932b, 1933g, 1935p), común a case todos os nacionalistas galegos do momento, denuncia arreo a opresión nacional de Galicia dende os Reis Católicos (1933r), opresión que chega a cualificar de racismo imperialista” (1933x), cunha indignación que mesmo lle fai esquecer o seu soño antirracista dunha humanidade de nacións libres e toda dignas de respecto para falar
de isa raza africana, despreciable e inmunda que poboa a Meseta
(1933r), pois xa se sabe que Dende os tempos primitivos perteñece España â esfera da cultura africana. Sálvase Cataluña e sálvase Galicia
(1934h).
Na súa opinión, as tépedas autonomías que permite a República non cambian realmente a situación. Cualifica de “miserento” o Estatuto de Cataluña (1933r), e considera que Galicia, co seu proxecto de Estatuto aprobado pola Asemblea de Concellos dende hai meses pero co referendo bloqueado pola desidia do goberno, segue tan oprimida e explotada coma sempre, algo do que culpa sobre todo a un Casares Quiroga vinte vegadas traidor
(1933ñ).
Este nome lévanos á segunda causa, interna esta, dos males de Galicia: os galegos españolizados que impiden coa súa existencia e as súas actitudes a rexeneración da nación. Del Riego atácaos cunha violencia verbal extrema: vil ralea de desalmados e truhás que son a rémora da nosa cruzada redentora, do noso ideal emancipador; contra isa caste de señoritos cursis, mediocres sin alma que ollan a patrea con vilipendio e non queren conquerir ou defender a sua libertade
(1932f); ises falsos galegos, ises mestizos, señoritos vendidos, que se avergoñan de falar a sua lingua
, incluída a mocedade galega, deica agora, piara de cochos e rebano de carneiros
(1932i).
A alternativa a esa Galicia desgaleguizada i escrava
, que estaba nas máns de maragatos e colonizadores indiños
(1934l) tiña que vir da eliminación da causa maior, o centralismo, e do seu corolario, a imposición da lingua e a cultura casteláns. Xa que logo, abondaría con substituír o Estado centralista e castelanizado por unha federación / confederación libremente acordada polas nacións que o compoñen (1933af). Como dixera Xan Vicente Viqueira (1920) con metáfora musical: A estridencia nacionalista resólvese como un acorde disonante n’unha consonancia federalista
.
É contraditorio este federalismo coa presenza relativamente frecuente nos seus textos das verbas autodeterminación (1935p), independencia (1933d) e soberanía (1933ñ) aplicadas a Galicia? Coido que non, porque son varias as veces que rexeita de forma explícita o separatismo e defende a federación das nacións ibéricas (1933g, 1933t). O verdadeiro alcance desas verbas está na índole moi radical dese federalismo, que deixa na Federación o mínimo poder necesario para a súa existencia e mantén nos entes federados o máximo posible de soberanía, na liña do marcado pola I Asemblea Nacionalista de 1918. Un federalismo, por certo, copiado de Pi i Margall no relativo á distribución territorial do poder, pero non na definición deses entes que en Pi son Estados formados pola mera vontade dos cidadáns para constituír xuntos a nación española, mentres que nos nacionalistas galegos son nacións orgánicas preexistentes, xeradas ao longo da historia. De aquí que Del Riego conclúa: Tal é a única política capaz pra solucionar os problemas nacionás, i en especial o problema nacional de Galicia, unha confederación ceibemente paitada sobor das bases de independencia política, interdependencia económica e fraternidade espritual
(1934s).
Pero a asunción deste horizonte para a súa nación, por outra parte común á maioría dos nacionalistas galegos do momento, non impedía que no íntimo agochase, como moitos dos seus irmáns, sentimentos separatistas que ás veces asomaban fuxidíos, como cando di con tácita aprobación que a Tripla Alianza de 1923 foi un paito secreto de matiz francamente arredista
(1934i).
Como debía ser por dentro esa nación libremente confederada? Sería unha Galicia modernizada e europeizada pero dende a súa tradición, no desdeñando el ruralismo, del que utilizamos sus valores emocionales y tradicionales, dándoles una vitalidad actual
(1934aa). Esta arela xenérica concrétase nos diversos eidos en sintonía básica coa visión do Partido Galeguista.
En primeiro lugar, sería un país totalmente regaleguizado no cultural e moi especialmente no lingüístico, xa que a lingua é esencial â sua persoalidade
(1933l). No político, ademais da institucionalización da parroquia no rural e da desaparición das provincias e das súas Deputacións, sería o reino do sufraxio direito e secreto garantizados
con certas doses de democracia directa mediante o recall (1935l), nunha nova democracia social de campesiños e de obreiros, de mariñeiros e montañeses
que arrole coma unha tempestade todal-as orgaizacións centrás que nos oprimen
(1933d). No económico, asume a tese dominante no nacionalismo dunha Galicia necesariamente vinculada á primacía do sector primario, que, iso si, tería que liberarse dos atrancos que lle impedían ser fonte de prosperidade para todos (1935l). E no social, a acción combinada da democracia enxebre e do progreso económico levaría a que As diferencias de clase social, de relixión, de sexo, ficarían eistintas dentro do ambente igualitario dos dereitos políticos
(1935l).
Que forzas podían impulsar a transformación da nación dende a escura realidade do presente ao luminoso escenario dese futuro soñado? Só unha, o nacionalismo, porque o españolismo máis ou menos confeso do resto das actuantes en Galicia, fosen de esquerdas ou de dereitas, impedíalles abordar como é debido os problemas do país (1933m).7 Un nacionalismo que, dende o seus principios democráticos (1933aa), debía impulsar unha revolución espritual que nos ha colocar no esceario da Hestoria Universal
(1932f), loita que haberá de facervos mártires, si é perciso!
, di nunha das súas arengas aos galeguistas mozos (1932f). E con tal fin todol-os meios están xustificados prâ sua conquista, dende o vértigo da revolución con sangue deica o ôrde na revolución de ideas, mais aló do caos revolucionario, aspiramos ao retorno da xusticia e da paz
(1933r).
Estes belixerantes desafogos resultan pouco cribles, dado o seu acreditado pacifismo. De feito, á hora de concretar ese “todos os medios” só aparecen liñas de actuación pacíficas nun proceso no que a emancipación nacional vai precedida dun longo camiño de creación da conciencia nacional no pobo (1935p), para o que considera moito máis importante a acción cultural que a barricada, empezando pola incorporación do galego aos centros educativos e aos usos públicos e continuando coa alta cultura,8 bases dende as que a conciencia nacional, o “esprito galego”, irá penetrando noutros ámbitos, porque o nacionalismo galego mais que un movimento político é unha xeira de postulados de cultura
(1933p).
Nesa estratexia, e xa no plano político, tamén concede certa importancia á alianza cos nacionalismos catalán e vasco, polo que aplaude a constitución de Galeuzca (1933r). Na mesma liña defende o foralismo vasco, incluído o concerto económico, e a autonomía de Cataluña (1932a, 1936a). En cambio, dedica moita menos atención ao mundo lusófono, cun único artigo e só para recomendar un maior cultivo da irmandade lingüística con Portugal e Brasil (1932d).
O ACTIVISTA CULTURAL
Antes de entrar na descrición das súas actividades, cómpre unha breve referencia á formación que está detrás. O repaso á nómina de artistas, literatos e pensadores que cita nos seus escritos destes anos revela unha base intelectual que resulta extraordinaria en cantidade e calidade para un mozo de entre dezanove e vinte e tres anos. Sen espazo para analizala adecuadamente, darei algúns datos moi significativos. Son en total algo máis de 250. Como era de esperar polo seu grande interese nesa dirección, o grupo máis numeroso (176) é o dos literatos e artistas (66 galegos, 28 españois e 82 do resto do mundo, nomeadamente de Europa), grupo que abrangue clásicos e modernos e con gran presenza das vangardas das artes plásticas e da música. En segundo lugar, pero o máis importante para explicar a súa visión do mundo, están os filósofos, os científicos sociais e os teóricos da política, que suman 69 (15 galegos, 15 españois e 39 do mundo), con predominio dos foráneos, que van dende Platón e Aristóteles a Max Weber e Spengler, pasando por Descartes, Kant, Hegel, Herder, Fichte, Renan ou Mancini, algo coherente con ese afán seu de abrir Galicia e o seu nacionalismo ao mundo. É moi significativa a ausencia de marxistas e anarquistas.
Pasemos ás súas actividades e empecemos polo seu activismo cultural. Convencido de que a expansión social da lingua, da escrita e da publicística en galego, así como das artes propias, eran algo esencial na renacionalización de Galicia, dedica boa parte das súas enerxías a difundir unha alta cultura, feita dende o “espírito” galego pero innovadora como a que máis. Nesta liña, defende as vangardas artísticas e até se permite reprochar a Castelao que as rexeitase no seu Diario 1921 (1935e).
Nesa liña, pronuncia conferencias, logo publicadas, sobre o renacemento cultural galego (1933p, 1935p), salienta o valor de figuras xa desaparecidas do galeguismo,91 publica decontado recensións eloxiosas de canta novidade literaria produce o nacionalismo10 e mesmo eloxia a Valle-Inclán lamentando que non escriba en galego pois, segundo di, de facelo a literatura galega estaría entre as primeiras do mundo (1934x). Así mesmo defende na prensa o labor do Seminario de Estudos Galegos (1932b), do que será membro, participa na creación da Asociación de Escritores Galegos en 1936, é dos máis activos no movemento de solidariedade que en setembro de 1934 salvou da creba á editorial Nós de Ánxel Casal e propón (1933n) instituír o 25 de xullo o Día do Libro Galego, algo que non conseguirá até 1963 co nome de Día das Letras Galegas e noutra data.
O LÍDER UNIVERSITARIO
Malia os seus reiterados esforzos, o nacionalismo non foi quen de construír unha organización universitaria propia que tivese uns efectivos e unha estabilidade acorde coa cantidade e calidade dos estudantes e xoves profesores afíns ao galeguismo ou militantes do PG. Conseguiu, iso si, unha notable influencia na Federación Universitaria Escolar (FUE) da Universidade de Santiago, a organización suprapartidaria de centro-esquerda e ámbito estatal, que era a máis numerosa e activa entre os estudantes. E neste empeño destaca, entre outros universitarios do PG, a figura de Del Riego no esforzo de achegar a FUE a posicións galeguistas.
Ademais de promover cursos extracurriculares sobre historia, literatura, lingua e xeografía de Galicia e de dirixir a efémera revista Universitarios, publicou en varios periódicos artigos nos que reclamaba unha universidade galeguizada, modernizada, autónoma e con máis titulacións, concretamente Veterinaria e Arquitectura.11 En marzo de 1933 encabezou, xunto con Carballo Calero, un manifesto (PG 1933a), asinado por 25 estudantes, que pedía unha universidade menos funcionarial, máis científica, centrada na realidade de Galicia e accesible aos xoves de menos recursos porque os estudos superiores debían ser un dereito de todos e non un privilexio. Resumían dito modelo en cinco reivindicacións:
- Autonomía de Galicia
- Independencia universitaria con relación a Madrid
- Federación Oficial Escolar Universitaria única e galega
- Igualdade de dereitos para o galego en relación ao castelán
- Establecemento de cátedras permanentes de cultura galega
O manifesto difundiuse nunha campaña, aprobada pola dirección da FUE e dirixida por un comité de acción, na que ademais se denunciou os profesores que non cumprían coas súas obrigas docentes.12 Foron tamén moi sonados os incidentes provocados pola conferencia, con críticas moi duras á Universidade, que pronunciou Álvaro de las Casas a invitación da FUE e que por pouco lle custa un serio castigo administrativo ao propio Del Riego (1933h).
O premio ao seu labor como dirixente da FUE chegoulle no outono de 1933, cando foi elixido polos seus compañeiros para representalos no acto de apertura de curso cun discurso (1934aa) no que, logo de deixar claro que falaba en castelán por imposición oficial, foi desenvolvendo o programa antedito para desagrado da maior parte do profesorado presente. Este foi o seu momento culminante como líder universitario, merecedor de que o 6 de outubro El Pueblo Gallego lle dedicase na última páxina un dos seus “Perfiles ilustrados”. En adiante, xa no treito final da súa carreira ou como licenciado e profesor, centrará a súa actividade política no partido e, sobre todo, nas súas mocedades.
DIRIXENTE DOS ULTREYA E DAS MOCEDADES
O 10 de febreiro de 1932 Álvaro de las Casas fundou en Noia os Grupos Ultreya, coa pretensión de convertelos na organización oficial das mocidades do PG. A dirección do partido tolerou a iniciativa, non sen moitas reticencias por parte dalgúns dada a personalidade do promotor (que non tardaría en escindirse para crear a Vangarda Nazonalista Galega) e certas connotacións do aparato e a estrutura algo paramilitar da nova organización. Con todo, o PG impuxo algunhas modificacións no órgano directivo, introducindo o cargo de secretario xeral, que se confiou a Francisco Fernández del Riego, seguro que para vixiar o fundador e xefe máximo inevitable.
Porén, a existencia dos Ultreyas foi sempre motivo de polémica no seo do partido, e máis cando empezaron a chegar noticias de feitos pouco presentables acontecidos nas súas excursións. Ademais entraban en competencia co desenvolvemento das Mocedades Galeguistas, máis acordes co partido nos seus principios, na súa dependencia orgánica e incluso na súa estética. Finalmente, en decembro de 1933 a dirección do PG decidiu retirar o seu apoio ás Agrupacións ULTREYA
(PG 1933b). Aínda que os grupos seguiron existindo sobre o papel e facendo algunhas actividades culturais, perderon toda relevancia política dentro do nacionalismo.
Acto seguido, o PG creou na súa III Asemblea (xaneiro 1934) a Federación de Mocedades Galeguistas (FMG) como única organización xuvenil oficial. Para presidir o seu Consello Nacional foi elixido Del Riego como secretario xeral, coa misión obvia de facer de ponte entre o PG e a FMG. As restantes secretarías foron ocupadas por Xaime Isla Couto (organización), Xosé Lois Fontenla (técnica) e Xoán Luís Ramos Colemán (propaganda).
Del Riego exerceu o seu novo cargo con dedicación tanto na dimensión puramente organizativa coma na de animador e guieiro ideolóxico da tropa posta ao seu coidado. Así, daba instrucións de funcionamento cando o estimaba necesario, mesmo dende A Nosa Terra (1934r), pero sobre todo prodigábase en mensaxes tanto aos mozos nacionalistas coma á xuventude galega en xeral dende a prensa á súa disposición, algo que por certo xa viña facendo dende antes de crearse a FMG.13 Neses textos salientaba a importancia da xuventude no movemento nacionalista. Ás veces, se cadra para encirrala, case convertía a mocidade en protagonista principal do nacionalismo, na necesaria elite nacionalista que na universidade e no campo cree unha concencia limpa na mocedade, a avangarda do esprito galego, a sal da terra
(1933d), na que reclama con xuvenil impertinencia, non soio a sua parte na vida, sinón o timón da política e da cultura nacionás
(1935p). E en ocasións empregaba acentos propios dunha arenga militar antes da batalla (1933o):
¡Mocedades Galeguistas! Hoxe constituídes os exércitos de avangarda nos campos da revolución galega. É necesario que vos decatedes da vosa outa misión, chea de heroísmos e de sacrificios. Compren mártires e sobran lirismos nos intres que percorren. Compre aición e política e sobran teorizantes.
Pero, ademais de alentar a militancia a que espalle os ideais galeguistas, esas mensaxes amosan unha das maiores obsesións de Del Riego: preservar en todo o posible a unidade do nacionalismo. De aquí que en 1935, cando a confrontación entre dereitas e esquerdas no seo do partido saía con forza á superficie, coidase necesario manifestar, co gallo do primeiro aniversario da creación da FMG, que as mocidades debían manterse á marxe desas rifas: O nacionalismo é unha relixión. É unha fé. Galiza é unha realidade no espacio e na tradición. A laboura da mocedade ten que prescindir do dato concreto, da nimiedade circunstancial, do tópico político, pra se resolver na inmensidade clara d-un fito criador
e non perder o pulo da rebeldía en aras de posturas acomodaticias ou paitos de transixencia
(1935d).
Porén, ao contrario do que acontecía no PG onde a tensión maior era a do eixo esquerda-dereita, na FMG alentaba outra. Boa parte da súa afiliación consideraba demasiado tépedo o autonomismo táctico do PG e sentía inclinacións máis radicais que nalgúns chegaban ao arredismo. E Del Riego, entre uns e outros, tiña que facer equilibrios para que o descontento dunha parte das mocidades non fose a maiores. De aquí que, nos mesmos textos en que defendía a posición do partido introducise sempre frases que cabía interpretar como concesións discursivas as arelas de ir alén.
Moi ilustrativo resulta ao respecto o acontecido na asemblea da FMG celebrada no Teatro Curros Enríquez de Celanova o 13 de outubro de 1935.14 As intervencións dos representantes ourensáns foron todo menos tranquilizadoras. Celso Emilio Ferreiro propuxo estirpar do chao galego a esa seudo-xuventude, sexa como sexa, de xeito pacífico ou non
, a cristalizazón do ideal nazonalista dentro ou fora da lei
e total e absoluta libertade da Patria
. Vicente Bóveda chamou á plena rebeldía mentras Hespaña siga tratando a Galiza como unha colonia
. Xosé Velo púxose heroico: para librar a Galiza da dominación hespañola hai que loitar con decisión e valentía, e expor o peito ás balas
. E Xaime Isla Couto, representante da Mocedade de Vigo, non quixo quedarse atrás: en nome da FMG e especialmente do grupo de Vigo teño que decir que somos nidia e absolutamente separatistas e en ningún momento debemos d’ocultar ises nosos sentimentos
.
E que fixo Paco del Riego, xefe da dirección central da FMG e representante de facto dos nacionalistas adultos? Pois o único que cabía nesa situación: dar unha de cal e outra de area. Para adormecer tanta exaltación, rematou o acto cun longo e anestésico discurso sobre nacionalismo político, económico e cultural, no que nin secundou as afirmacións arredistas nin as negou.
NO PARTIDO GALEGUISTA
Ademais das súas responsabilidades na universidade e nas mocidades, Del Riego actuaba tamén como militante do PG no escenario político xeral. Participaba como orador nas campañas do partido e prodigábase no eido que mellor se lle daba: a prensa. Dende ela reclama a autonomía de Galicia antes do inicio do proceso autonómico (1932a), bótalle unha man aos ourensáns dende o Heraldo de Galicia na campaña de 1933 (1933ab), ataca ao españolismo dende A Nosa Terra (1933ac) e aposta polo triunfo do nacionalismo porque nin coas dereitas nin coas esquerdas españolas mellorarían os problemas de Galicia (1933ad).
Pero non só escribía senón que tamén participaba na creación de novos periódicos políticos. En 1934 fundou, xunto con Álvaro de las Casas, xa escindido do Partido Galeguista, Alento. Boletín de estudos polítecos. En 1935 fixo o propio na posta en marcha de Ser. Semanario de izquierdas, dirixido por Ramón Suárez Picallo e con Del Riego de subdirector, periódico destinado a reforzar a alianza do PG cos republicanos de esquerdas para desprazar ás dereitas do poder, paso imprescindible para desbloquear o proceso autonómico.
En 1934, na III Asemblea do PG, alcanzou as maiores responsabilidades orgánicas da súa curta carreira porque, ademais de ser elixido secretario xeral da FMG, foi nomeado subdirector d’A Nosa Terra e membro do Consello galego de Galeuzca.
Pero xa vimos que o maior problema co que tivo que lidar foi a súa función de ponte entre o PG e a FMG. Como militante do primeiro debía secundar a táctica autonomista e como dirixente da segunda necesitaba amosar certa sintonía coas arelas radicais dos mozos para preservar a súa autoridade. De aquí que nalgún artigo combine a xustificación da política posibilista da dirección do PG con expresións destinadas a contentar o radicalismo xuvenil falando de actuar “violentamente no terreo político [...] enchendo ao mesmo tempo as cadeas de nazonalistas galegos”. E mesmo prometendo poñerse á fronte desa rebeldía “redentorista”: “Eu serei o primeiro soldado de filas” (1934n). O mesmo sentido tiña a súa mestura de aprobación e reticencia en relación co pacto coa esquerda republicana que abriu a entrada do PG na Fronte Popular, pacto que coidaba necesario pero a condición de que o PG non renuncie a “un ápice do seu pulo racial. E sobor de todo non tratando de ganar en esquerdismo hespañol o que se expón a perder en incentivo galego” (1935n).
En todo caso, participou moi activamente nas campañas triunfantes das eleccións de febreiro de 1936 e na posterior do referendo do Estatuto. Por fin o nacionalismo galego conseguía unha gran vitoria. Mais a alegría do 28 de xuño durou pouco, só tres semanas. E chegou a barbarie xenocida que levou á morte, á cadea, ao paro ou ao exilio tantos republicanos, nacionalistas galegos incluídos. Del Riego salvou a vida por pouco. E con ela o seu compromiso con Galicia para o resto da súa longa vida.