O libro de memorias, autobiográfico, que escribiu Francisco Fernández del Riego, titulado O río do tempo, empeza así:
Nacín, ou nacéronme, no amencer do 7 de xaneiro do ano 1913. ¿Para que agachar a data do meu nacemento? Enrellado xa no mundo, o primeiro que sentín foi a man da miña nai. Era o primoxénito. Fun o agasallo que, cun algo de demoranza, recibiron os meus pais na noite de Reis. Era unha casa, a nosa, ubicada nunha praza da pequena Vilanova de Lourenzá. (Del Riego 1990, p. 11)
Temos logo que os Reis Magos de 1913 chegaron á casa de Vicente Fernández e Amada del Riego cun día de atraso. Ao día seguinte bautizaron o neno na igrexa parroquial poñéndolle os nomes de Francisco Xesús Benito Antonio, rememorando os seus avós, o seu padriño e a súa madriña.
Desde esa data, o cordón umbilical que une a Francisco Fernández del Riego con Vilanova, con Lourenzá vai ser permanente, vai durar toda a vida. Os paseos que súa avoa Dominica lle daba polo cantón e polo Redondel; as alegrías etílicas da súa ama de cría, María de Masma, quen mentres lle daba de zugar a teta metía uns grolos da augardente que a familia tiña na lacena (don Paco recordaba este feito dicindo, humoristicamente, que el estaba inmunizado e vacinado contra os excesos alcohólicos); a aprendizaxe das primeiras letras na escola pública de Vilanova, xunto cos demais nenos da vila e das aldeíñas dos arredores; a preparación para o bacharelato elemental no convento, baixo a tutela dos monxes beneditinos; a colaboración en revistas comarcais, sobre todo na mindoniense Vallibria, xunto con outros mozos coetáneos seus: Álvaro Cunqueiro, Dionisio Gamallo Fierros, Aquilino Iglesia Alvariño, Xosé Trapero Pardo e outros que logo acadarían prestixio na arte da literatura; a súa primeira intervención pública como orador, dende o balcón do concello para conmemorar o Día da Patria Galega do ano 1931…
Estas vivencias e outras cóntannolas nunha audioguía coa voz ficcionada de D. Paco, que fala das cousas que el dixo e deixou escritas e vainos relatando as súas lembranzas, as impresións e aconteceres nos que se desenvolveron a súa infancia, adolescencia e primeira xuventude. Os escenarios polos que avanza o percurso didactico son os seguintes:
1.
A praza enmarcada pola igrexa, a casa abacial (actual concello) e o mosteiro, que oficialmente hoxe se denomina praza da Conde Santo, pero que a veciñanza sempre chamou, e chama, o Cantón e o Redondel. Nestes lugares pasou moitas das súas primeiras horas e días da súa vida.
2.
O edificio do mosteiro no que el empezou a ir á escola de dona Estrela, de don Maximino, de don Xosé, e onde os frades bieitos o prepararon para facer o bacharelato elemental. Tamén nos fala do titular da praza: o Conde Santo, aquel conde da poderosa familia dos Osóriz, emparentado cos reis de León, que no século X, canso de guerrear na fronteira contra os mouros, decide retirarse e fundar un mosteiro neste lugar, que máis adiante se converterá nunha poderosa abadía, forza motriz no desenvolvemento socioeconómico e cultural do norte da actual provincia de Lugo e parte da da Coruña. Ao redor deste mosteiro nace unha vila, unha das tantas Vilanovas que aparecen na Idade Media en toda a Península.
3.
Tamén nos conta porque aos de aquí, de Vilanova, nos chaman ‘os do páxaro’, alcume que ten orixe nos rito ancestral que obrigaba os veciños da vila a entregar un paxaro (aquí dicimos páxaro) o día de Aninovo en sinal de obediencia, submisión e vasalaxe ao abade, señor destas terras. Ao paxaro chamábano o Rei Charlo, e días antes da entrega tiñan que capturalo. No acto, o abade collíao, sacáballe varias plumas e logo soltábao. Era unha metáfora, coma unha mensaxe de que eles tamén estaban nas súas mans e que se el quería ceibábaos ou non. Logo da cerimonia elixíanse os alcaldes ordinarios.
4.
No lugar que se coñece como Muíño dos Frades, cóntanos como alí traballou de muiñeiro un rapaz que, coma tantos outros, un día colleu a maleta, cruzou o Atlántico e chegou ao Uruguai. Este mozo, que se chamaba Vicente Fernández, curiosamente igual ca o pai de D. Paco, casou e formou familia na banda oriental e tivo unha filla que fixo historia na literatura hispanoamericana: Juana de Ibarbourou, de solteira Juanita Fernández, que se converterá nunha das plumas máis importantes no concerto da literatura universal, acadando unha gran celebridade en toda América, ata o punto de ser aclamada como Juana de América nun solemne acto que lle ofreceron as autoridades políticas e culturais o 10 de agosto de 1929 no Palacio Lexislativo de Montevideo.
Don Paco mantivo con ela unha relación epistolar. O que non sabía, porque é un dato descoñecido, é que, dalgunha forma, tiñan unha certa afastada e política relación familiar: a nai de don Paco, Amada, tiña curmáns comúns con Juana. Unha irmá do avó materno de don Paco (Jesús María), chamada Elisa, casou cun irmán do pai de Juana (Vicente Fernández), chamado José M. Fernández Rodríguez; os fillos deste matrimonio, que foron bastantes, eran curmáns de Juana, por parte paterna, e de Amada, pola materna e, curiosamente, tamén se apelidaban Fernández del Riego.
5.
Durante o percorrido, don Paco tamén nos fala dunha veciña súa, porta con porta na praza de Linares Rivas, a pintora Xulia Minguillón, que aínda que nacida en Lugo se criou en Vilanova porque seu pai, Federico Minguillón, era o farmacéutico da vila.
Xulia Minguillón é autora de varios cadros onde a temática fai referencia ás terras laurentinas: Brétema, Surcos, Atardecer no pobo, Montes da Cazolga e, sobre todo, o famoso cadro A escola de Doloriñas, onde pintou a mestra e os rapaciños e rapaciñas dunha escola das chamada de ferrado. Con este cadro conseguiu a Medalla de Ouro na Exposición Nacional de Belas Artes, no ano 1941. Era a primeira muller que acadaba tal galardón. Este cadro hoxe pertence ao Museo Nacional Centro de Arte Raíña Sofía e está depositado no Museo Provincial de Lugo. Del dixo don Paco que deixou rexistrado un anaco estático da vida galega
.
Don Paco sempre mantivo unha relación de amizade con Xulia, primeiro en Vilanova e despois en Vigo, onde a pintora residiu porque o seu home, Francisco Leal Insua, foi director do Faro de Vigo. Curiosamente, Leal Insua foi o opoñente que tivo don Paco cando accedeu á cadeira da Real Academia Galega, no ano 1960. Un dos retratos más coñecidos e recoñecido de Del Riego é obra de Xulia Minguillón.
Como anécdota cóntovos que en certa ocasión Ana María, a irmá de don Paco, recentemente falecida, díxome que a relación de Paco e Xulia era tan próxima que incluso na casa pensaron que serían mozos. Algo que cando llo contei a don Paco, medio alporizado, díxome, que va, se era moito máis vella ca min
.
6.
Rematando xa o percorrido, na rúa Principal, a única con que contaba a vila na súa nenez, a audioguía vainos contando as impresións que nel deixaron as xentes e os acontecementos que alí se desenvolvían: Ánxel, xastre e carteiro; Abilio, o albardeiro; Arsenio, o mecánico; o Trigueiro, dono dun forno, quen lles metía medo aos nenos coas súas longas e apuntadas barbas. Os primeiros coches a motor que pasaban por esa rúa que tamén era parte da estrada xeral Vilalba-Oviedo… Tamén nos sinala a casa onde estaba situada a vella casona na que foi abatido a tiros pola Garda Civil o famoso fuxido Luís Trigo, alias o Gardarríos, e a súa compañeira no ano 1948.
7.
A andaina remata diante da súa casa natal.
Todas estas vivencias, xunto con outros moitos feitos que nos relata polo miúdo no seu libro Lourenzá, foron calando no espírito de Paco de Amada, e fixeron que estas emocións vitais se fosen transformando nun profundo sentimento de amor e paixón pola terra onde nacera; devoción e namoro que xa non o abandonarían no transcurso da súa vida.
Francisco Fernández del Riego foi un home que amou profundamente Galicia; viviu toda a súa vida por e para Galicia. Ninguén mellor ca el soubo europeizar, universalizar a cultura galega, desde unha perspectiva non de illamento, non localista, senón cunha visión de cultura peculiar, de cultura diferenciada, de cultura propia, pero como célula de universalidade. E para facer este labor, este traballo, tomou como alicerce todo o que aprendeu aquí en Lourenzá de neno e de rapaz. En palabras de Otero Pedrayo, no seu val xeórxico e claustral de Lourenzá, aprendeu o amor e a curtesía debida ás cousas sinxelas e eternas
. O amor ás cousas sinxelas e eternas: a cultura popular, iso que non se aprende nin nos libros nin nas bibliotecas nin nas universidades, senón iso que hai que aprender, que hai que mamar no lugar onde a cadaquén lle toca nacer e vivir: as tradicións, os ritos, os costumes, as lendas, as cantigas, a forma de enfrontarse ao sufrimento, a forma de celebrar as alegrías e, por suposto, a fala.
En Vilanova, en Lourenzá, don Paco asimilou, interiorizou e fixo súa a cultura do pobo, o ser de Galicia, para despois dunha forma máis racional, máis traballada, máis madura, máis elaborada, transformar esta realidade emocional nunha realidade consciente. Fixo unha metamorfose, unha transfiguración de Lourenzá en Galicia. Penso eu que isto foi o que determinou esa querenza inquebrantable que don Paco profesou por Vilanova, por Lourenzá. Consideraba que aquí estaba a raíz, a xénese, a esencia espiritual do seu ser e do seu ideal. O seu microcosmos.
Para os laurentinos e laurentinas é un orgullo que unha biografía tan exemplar, a dun home tan fundamental e transcendente na historia de Galicia, sexa a dun veciño noso, alguén que naceu en Vilanova e que sempre se gabou de ser de aquí. Para nosoutros, o noso fillo predilecto é un laurentino universal, o máis universal dos laurentinos.