A Francisco Fernández del Riego preocupáballe nos últimos anos da súa vida a imaxe que del se presentaba, a do peón das ideas doutros galeguistas, cando fora arquitecto e promotor de moitas delas. Segundo el percibía, dende a exposición que organizara no ano 2000 a editorial Galaxia polo seu cincuenta aniversario, impúxose ese discurso, pois na mostra relegábano a un simple xerente, cando a súa importancia na creación e no desenvolvemento da empresa fora capital.
O certo é que a construción do edificio nacionalista débelle moito a aquel Francisco Fernández del Riego líder estudantil que reclamaba en público —no mesmo acto de apertura do curso académico 1933-1934—, unha universidade pública e galega, iso é, que a alma mater empregase a lingua propia e tivese perspectiva de país en todos os ámbitos do coñecemento, como paralelamente facían dentro do Seminario de Estudos Galegos. Aquel rapaz novo, de fondas inquedanzas nacionalistas, axudaba a Ánxel Casal na imprenta Nós, os xoves mantiña un parladoiro político denominado Grupo de Santiago, e incorporouse ao Partido Galeguista no mesmo momento da súa fundación, en decembro de 1931. Aquel estudante de Dereito e de Filosofía e Letras —carreira esta última que non remataría a falta dalgunhas materias— era o único que participaba dos tres faladoiros da mocidade en Compostela: Café Español, Café Derby e imprenta Nós. Ao tempo, ía adquirindo postos de responsabilidade como o de secretario xeral das Mocedades Galeguistas, a petición de Alexandre Bóveda, e, posteriormente, como integrante da comisión que se encargou de elaborar o Estatuto de Autonomía.
Xa daquela a súa firma aparecía con asiduidade na prensa con escritos fundamentalmente políticos, porque, de non se perpetrar un golpe de Estado, de seguro ese sería o seu camiño, pero a guerra e a posterior ditadura obrigárono a mudar as súas perspectivas vitais. O seu compromiso político levouno a sufrir humillacións, vexacións e a estar na primeira liña de batalla sobrevivindo cada día a aquela atrocidade cun uniforme que detestaba. Ao rematar a contenda castigárono por ser galleguista e afecto al Frente Popular
cunha sanción de tres anos e un día de inhabilitación especial para o desempeño dos cargos públicos de mando, confianza e directivos, así como o pago de duascentas pesetas. Ao tempo foi expulsado da universidade, onde exercía docencia na Facultade de Dereito e, así as cousas, cunha maleta de cartón cunha pouca roupa e libros buscou acubillo en Vigo.
Na cidade olívica lidera a comezos dos anos corenta —xunto a Enrique Peinador— a reconstrución do Partido Galeguista e, coa precaución debida, celebra a primeira das reunións na casa de mariñeiros que alugaba en Coruxo no tempo estival. Posteriormente, na súa vivenda viguesa tivo lugar en 1947 unha entrevista cun emisario madrileño que quería establecer contactos con persoeiros republicanos para crear en Galicia a Unión de Intelectuais Libres, unha organización afín ao Partido Comunista que xurdira a finais de 1944. Tratábase de Francisco Rey Drox, coñecido como o Coronel Chacama. Ao pouco tempo, a Del Riego acusárono de ser o presidente desta organización e estivo durante dúas semanas na cadea xunto a outros compañeiros que tamén foron procesados polo xulgado militar “Para la represión del Comunismo, la Masonería y el espionaje” (causa nº438/47). Un deles, o médico Ramón Baltar, deixou constancia nunha cuartilla da relación de celas e colegas que acusaran coma a el de pertenza á masonería, de axuda aos guerrilleiros e de estar ás ordes do Goberno republicano exiliado. Con eles atopábanse o doutor Darío Álvarez Blázquez, o profesor Enrique Vidal de Bustamante, o avogado Roberto González Pastoriza, o médico Celestino Poza Pastrana, o xoieiro Julio Rey, o mestre Luciano del Río Besada, o licenciado en Ciencias Naturais Casimiro Valenzuela, o veterinario Viriato Fernández Vázquez, o médico Jorge Seoane, o rexistrador da propiedade José Otero e o médico Modesto García Novoa. Ao parecer había ao redor de vinte persoas detidas, pero eses son os trece nomes que aparecen no documento elaborado naquelas condicións por Ramón Baltar e que chega a nós grazas aos netos de Darío Álvarez Blázquez: Carlota Álvarez Basso e Alfonso Álvarez.
Del Riego recibiu a visita da súa muller, Evelina Hervella, e dos seus irmáns Antonio e Domingo e resistiu como puido naquelas condicións de insalubridade, rodeado de chinches. Tamén Darío Álvarez Blázquez recibiu a visita da súa dona, Carmiña Gándara, que anotou nunhas folliñas que lle pediu o libro que estaba lendo, un de Rof Carballo con prólogo de Gregorio Marañón, que o cura non lle deixara pasar porque Marañón era rojo
.
En 1946, mentres Del Riego estaba totalmente entregado á causa política, Plácido Castro, Xaime Isla Couto e Celso Collazo fundaran SEPT —Servicio Ediciones Publicaciones y Traducciones— na cidade de Vigo. Era un negocio editorial e de librería ao que se sumaría Xosé Meixide como socio uns meses despois. Por entón, tamén comezara a editarse en Santiago, baixo a dirección do navarro José Goñi Aizpurua, o xornal La Noche onde colaboraba Del Riego nunha sección fixa semanal —“Un tema gallego cada semana”—, para despois asumir, xunto a Xaime Isla, a dirección do suplemento: O que vostede fai na Noche é o único verdadeiramente galego que se enxerga na nosa terra e o estrano é que llo deixen enxergar
(carta de Florentino López-Cuevillas a Fernández del Riego, 17/XI/1949).
Era entón 1949 e non só dirixían o suplemento —foron quince semanas ata que actuou a censura—, tamén buscaban unha alternativa á vía política, sabedores xa de que o réxime se asentara. Así as cousas, Del Riego participa da vía cultural e por fin enxergan ese proxecto editorial que xa non será SEPT, e levará o nome de Galaxia. De feito, en novembro de 1949 anúnciase a creación da editorial nas páxinas do xornal e comezan a poñer os esteos para a súa viabilidade cunha campaña de captación de subscritores e accionistas. Non tardan en enviar aos posibles interesados o que chamaron “Prospecto da Fundación”, que redactou Del Riego, documento no cal se fai fincapé no concepto de universalidade dende o particular, ao tempo que se aposta por unha rigorosa selección editorial, por un programa que contemple a literatura popular coa que chegar ao gran público, sen obviar a poesía, o ensaio, as traducións ou os manuais divulgativos. Casualidade ou non, o proxecto editorial botou a andar no momento en que Del Riego entrou no grupo e pulou pola súa viabilidade.
Nun artigo dos anos corenta xa mostraba a súa preocupación pola falta dunha publicación periódica coa que dotar a cultura galega dunhas páxinas de referencia e de visibilidade.
Lo indudable es que no se crea una cultura con lapsos de ocio y de pavor, sino laborando cada día, aún en las etapas menos propicias. Pensamos que es la hora de asociar todos los esfuerzos, hoy disociados, y los caminos de nuestra cultura son el mejor medio para intensificar la reunión cordial de todos los que comulgan en su fe. Para el logro de este ideal se impone también la necesidad de editar una Revista consagrada a la exaltación y difusión de nuestros valores intelectuales. Una revista capaz de continuar la labor iniciada hace años por la publicación “Nós”. Claro que presidida por un criterio más amplio, más moderno, menos arqueológico. Una revista donde haya densidad, sensibilidad exacerbada frente a la época. Una publicación que pueda formar parte de la vida de las generaciones futuras. No únicamente una publicación señera en estos días, sino que tenga un valor de fuerza expansiva en el tiempo. (Lorenzana 1948)
Neste mesmo artigo, “Hacia la difusión de nuestros libros”, que Del Riego asinou co pseudónimo de Salvador Lorenzana na sección “Un tema gallego cada semana”, recolle a idea dunha grande empresa que puidese encher as casas de libros galegos, pero que resultasen de interese, non lle atraen as reliquias. Tamén teima na necesidade dunha revista que difunda e visibilice a cultura galega e, para isto, ten como referente a xeración Nós, coa que cumpría establecer unha ponte de continuidade, aínda coa necesidade de adaptarse aos tempos tan precarios que estaban a vivir.
Os estatutos de Galaxia están datados na cidade de Vigo o 3 de novembro de 1950, día en que comparecen ante o notario Manuel Gómez Román, Xaime Isla Couto e Del Riego. Dende o inicio asume o cargo de secretario, pero o certo é que estaba presente en cada decisión; así, na súa casa elabórase o primeiro número do Caderno Grial e a súa Historia de la literatura gallega inaugura a colección de Manuais, iso si, debidamente traducida ao castelán, pois a censura non permitía monografías en galego.
Con todo, o 28 de Nadal de 1951 Del Riego pide ser relevado no cargo, que asumirá a partir dese momento Emilio Álvarez Blázquez. Nas súas memorias data con posterioridade este feito, facéndoo coincidir coa segunda ocasión que estivo na cadea, polo que argumentaba que tomara esa decisión para non prexudicar a editorial. Porén, produciuse a finais do ano 1951 por motivos que descoñecemos, aínda que pola correspondencia dese tempo parece que non estaba a pasar un bo momento.
Non sabe canto me doeu e doinos a todos o seu acordo. Estiven onte en Vigo. Falamos de Vde. Sin Salvador Lorenzana pareceume Vigo menos ledo e amigo. Foi elixido Álvarez Blázquez. Paseiamos longamente á beira da badía azul de domingo. Desexo seu milloramento, meu querido del Riego. (carta de Otero Pedrayo a Fernández del Riego, 14/IV/1952)
Quedaba, iso si, como membro do Consello Técnico Asesor e asumía funcións de editor, aínda que se acabase de incorporar Ramón Piñeiro como director literario. O certo é que Del Riego non renuncia ao contacto con escritores amigos como Álvaro Cunqueiro, o seu compañeiro da infancia, a quen alenta para que retome a escrita creativa en galego. Aínda que antes chegaría Á lus do candil (1953), a primeira obra narrativa que dá ao prelo Galaxia e que prologa Del Riego, que naquel prospecto inicial falaba da importancia da literatura popular, base sobre a que elabora Ánxel Fole os seus ben coñecidos contos.
Nese tempo tamén consegue o seu pasaporte e viaxa a Buenos Aires, en 1954, aínda que xa era correspondente do Centro Galego de Buenos Aires dende 1949, un traballo polo que o gratificaban con oitocentos pesos anuais e que axudaba á súa precaria economía. En non poucas ocasións tense recordado que o galeguismo consideraba a don Paco o seu Ministro de Asuntos Exteriores, pois fora a persoa que salvara a distancia atlántica, a través da correspondencia case diaria con emigrantes e exiliados, pero tamén coa súa colaboración constante coa diáspora. Desta maneira, atopámolo en moitas das iniciativas que se levaron a cabo alén mar: axudou a Seoane na exposición de arte galega que montou en 1951 en Buenos Aires; xestionou as pensións vitalicias que recibían da emigración Gala Murguía de Castro e Ramón Cabanillas; mercou as flores que se depositaron na tumba deste último o día do seu enterro; entregou os cartos do premio ao mellor estudante da Universidade de Santiago de Compostela, que financiaba a emigración; tramitou o diñeiro para a adquisición da casa de Rosalía e, posteriormente, as subvencións ao Padroado, entre outros moitos trámites. Do mesmo modo, fornecía as publicacións do exterior non só con artigos propios, tamén doutros galeguistas, informábaos dos pasos que daban en Galicia ou facía de anfitrión con aqueles que regresaban. Tamén foi o encargado de enviar a terra galega coa que se enterrou a Castelao e as colaboracións que se publicaron na Arxentina sobre o rianxeiro.
Neste país e en Uruguai insta os galeguistas a colaborar na distribución dos libros de Galaxia e será Neira Vilas o que se pon á fronte e crea Follas Novas, que foi fundamental para que se espallasen os libros entre a colectividade. Un ano despois, o 25 de agosto de 1955, tres inspectores do corpo de policía —Waldo López Mazaira, José María San Román e Jaime Martínez Castro—, realizan un minucioso rexistro na casa de Del Riego, en presenza de Luís Meixide González e Xosé María Álvarez Blázquez. Despois de varias horas, conclúen que non foi hallada ninguna prensa ni libros que a juicio de los funcionarios reportara ninguna responsabilidad para el inquilino del piso
. Con todo, aínda que o resultado do rexistro fora negativo, prenden a Fernández del Riego só dous días despois por un suposto cargo de rebelión militar; a razón é que tamén rexistraran a casa do excarabineiro Domingo Lemos Suárez e alí atoparon cartas e exemplares da revista Galicia, do Centro Galego de Buenos Aires, onde era colaborador habitual Del Riego, aínda que asinaba como Salvador Lorenzana. Ao tempo, levárase a cabo outro rexistro na casa de Manuel García Barros, en Callobre (A Estrada), onde tamén atoparan revistas de carácter comunista editadas en Buenos Aires por los rojos en el exilio
. En concreto, no número de xullo e agosto de 1954 aparecía non só a crónica mensual de Del Riego “Galicia cada trinta días”, firmada con pseudónimo, senón numerosas fotos do seu paso pola capital bonaerense, entre elas a participación en homenaxes a Castelao. Prendérono por “rebelión militar” e pasou bastante tempo ata que por fin o deixaron en liberdade; antes diso, sete letrados de Vigo remiten un escrito ao presidente da Audiencia Provincial de Pontevedra para pedir a súa absolución.
Del Riego refuxiouse no despacho de avogados dos seus irmáns Joaquín e Vicente, onde facía traballos puntuais para Galaxia, principalmente de edición. Un día presentáronse Ramón Otero Pedrayo, Manuel Gómez Román e Xaime Isla naquel bufete —situado na rúa Velázquez Moreno— para pedirlle que regresase a Galaxia, porque a editora non ía ben. El dubidou, xa que non podía prescindir do seu soldo de letrado, pero Isla ofreceulle unha remuneración de tres mil pesetas. Con aquel salario —acompañado doutros ingresos por diferentes tarefas— podía vivir, polo que asumiu o cargo de xerente e fuxiu da avogacía, que tan pouco lle gustaba. Non será ata o 6 de novembro de 1960 que se acorde cubrir a vacante de “xerente ou segredario xeral” con Del Riego, unha decisión que se ratifica semanas despois na xunta xeral. En sucesivas xuntanzas consta en acta o agradecemento a Del Riego, pois, dende que asumira o novo cargo, a editora mellorara as vendas e impulsara as relacións co estranxeiro, especialmente con profesores universitarios e centros culturais. Para facer promoción das publicacións, tamén comezou a elaborar un catálogo anual dos títulos, ao que se lle daba difusión entre subscritores e amigos xunto coa felicitación de Nadal. Nos primeiros anos facían unha tiraxe de 4 000 exemplares e distribuíano tamén en librerías e comercios.
Del Riego asume a xerencia de Galaxia a finais de 1960 e leva a cabo unha ampliación comercial, pero a súa non é só unha intervención administrativa, vai máis aló. Así, crea a colección Salnés en 1961, pois o seu interese era que os autores con obra poética tivesen un espazo de referencia, xa que moitos orixinais se rexeitaban dende Galaxia ao non ser o xénero prioritario para o director literario. Nun acto de rebeldía de Emilio Álvarez Blázquez e Fernández del Riego, membros da editorial, botaron a andar paralelamente a colección de poesía, coa que querían demostrar que se podía manter sen graves prexuízos económicos. Sen dúbida, o maior acerto foi a publicación en 1962 de Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro, un poemario que marcará un antes e un despois e que saíu por iniciativa de Del Riego.
Só un ano despois, a censura autoriza a saída de Grial. Revista Galega de Cultura. Nas súas páxinas Del Riego asinou máis de 150 artigos e son innumerables os que redactaría sen poñer o seu nome. Ao longo de cen números foi o seu director, xunto a Ramón Piñeiro, e teimou na súa puntualidade co lectorado, a introdución de novos temas e novas firmas, pois era moi consciente de que sen relevo non hai futuro.
Antes, en 1957, creárase a colección Illa Nova na que tamén vai desempeñar un papel fundamental. Así, por exemplo, prologa o libro de Méndez Ferrín Percival e outras historias (1958). O escritor, daquela un mozo de vinte anos, deixárao no seu despacho antes de marchar a Madrid, onde estaba a estudar, aínda que Del Riego xa coñecía os relatos porque con anterioridade Ferrín os presentara ao concurso do Centro Galego de Buenos Aires, onde gañara un dos premios, tamén a iniciativa de Del Riego. A convocatoria de alén mar celebrábase dende 1945 e, nos difíciles anos do franquismo, Del Riego animaba os máis novos a probar sorte, razón pola que entre os premiados atopamos a Méndez Ferrín, Mourullo, Franco Grande ou Ramón Lorenzo. Tamén a Ánxel Fole ou ao propio Del Riego, que en 1946 gañaba o primeiro premio pola Historia da literatura galega; en 1949, por Precursores e novos; e, en 1957, por O solitario de Bergantiños. Non foron os únicos recoñecementos que recibiu, pois tamén obtivo o premio da Federación de Sociedades Galegas, que lle publica o libro Cos ollos do noso esprito (1949), e aínda o segundo premio da Casa de Galicia en Montevideo (La Noche, 4/XI/1960).
O éxito que tivo cos seus ensaios non se correspondeu co que acadou coas páxinas de ficción, posto que en 1949 enviou unha novela que quedou nun caixón ao non ser premiada. O mecanoscrito atópase no Arquivo-Biblioteca Francisco Fernández del Riego, nunha carpeta de inéditos onde aparecen ao tempo coleccións de artigos e, incluso, unhas folliñas onde ficciona os seus primeiros anos de vida. Con todo, reparamos en Anguria nas brétemas, o título escollido para a ficción que asina co pseudónimo Paulo Marco e co lema Finisterre e que cruzou o Atlántico sen sorte. Ao comezar a súa lectura sorpréndennos os seus parágrafos porque semellan coñecidos e, certamente, ao cotexalos con O cego de Pumardedón (1992), decatámonos de que están inseridos na única novela que Del Riego deu ao prelo. Ata o de agora sabiamos que a obra comezara a escribila moito antes, pois en 1985 apareceran dous capítulos na revista Grial, pero descoñecíase que en realidade era un texto dos anos corenta que foi corrixindo e aumentando ao longo de boa parte da súa vida.
Sempre afirmou que o seu soño de neno era o de chegar a ser escritor e que o intentou, mais sendo consciente de que a súa misión dentro da cultura do país era outra. Decatouse axiña que non posuía a fantasía de Cunqueiro ou a prosa de Otero, entendeu cedo que aquela vocación adolescente podía enfocala cara ao ensaio e que, ademais, cumpría a misión de espallar e crear un discurso moi necesario na época.
No eido político aínda participou na clandestinidade do xermolar do PSG, pero coa chegada da democracia entendeu que había que deixar paso aos máis novos e soubo facerse ao lado, mantendo o seu compromiso nacionalista. Lembro ben os últimos meses da súa vida, xa coas forzas minguadas, recordo chamadas e peticións para ir velo de primeiras figuras políticas do país. Sempre se negaba, con educación, pero cando colgaba dicíame que non quería que a súa derradeira foto fose como a de Otero Pedrayo, que recibira a Cruz Martínez Esteruelas, un político do franquismo. Nos últimos meses blindouse porque non desexaba que nada nin ninguén manchase a súa traxectoria coherente e de total compromiso con Galicia. Aquel venres, 26 de novembro de 2010, xantamos como cada semana; quixo lembrar o seu Lourenzá natal, a súa toponimia, os personaxes curiosos da súa infancia, aquel val que sempre levou consigo. En Lourenzá nacera aquel home xeneroso, humilde, de ideas rexas, un arquitecto que perfilou o edificio do galeguismo, pero que tamén baixou á obra para facer o que fose necesario, porque calquera cousa por pequena que fose axudaba á causa de noso.
Don Paco, como era coñecido, dooulle á cidade de Vigo o patrimonio máis valioso que posuía: a súa pinacoteca, arquivo e biblioteca, aínda que con anterioridade realizara doazóns á biblioteca da súa vila natal. Nós somos as persoas legatarias e temos o deber e a honra de manter viva a súa herdanza. Somos responsables de que se cumpra a súa manda testamentaria, que ansía unha Galicia dona de seu, cunha lingua que floreza nos patios dos colexios e nos parques, na xustiza, na universidade, nas fábricas, nas oficinas, nos centros comerciais, nos estadios deportivos e nas praias. Por ese día futuro co que el soñou e polo que loitou en cada latexo, homenaxeámolo hoxe, sesenta anos despois da feliz idea de crear o Día das Letras Galegas.