Boletín da Real Academia Galega

Núm. 384, pp. 11-22

© 2023. Real Academia Galega

https://doi.org/10.32766/brag.384.834

FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO NA REAL ACADEMIA GALEGA

FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO IN THE ROYAL GALICIAN ACADEMY

Víctor F. Freixanes
Real Academia Galega

Resumo: Francisco Fernández del Riego ingresou como académico de numero na RAG o 26 de novembro de 1960, aínda que con anterioridade a esta data, xa participaba activamente na renovación da institución traballando pola incorporación de persoeiros comprometidos coa lingua e mesmo co pensamento galeguista. En 1997 asume a presidencia e durante catro anos, ata o 2001, lidera un proxecto de futuro que supón, entre outras iniciativas, a renovación dos estatutos fundacionais. Mais a súa achega máis significativa, acaso a de maior transcendencia para a lingua e a cultura galegas, foi a creación do Día das Letras Galegas. Sesenta anos despois podemos dicir que esta celebración implica a toda a sociedade dentro e fóra de Galicia.

Abstract: Francisco Fernández del Riego was inducted into the Royal Galician Academy as a full member on 26 November 1960. Previously, he had participated actively in the renewal of the institution by facilitating the inclusion of figures who were committed to the Galician language and engaged in Galicianist thought. He was president of the RAG from 1997 to 2001 and focused on the future, undertaking such initiatives as, amongst others, the revision of the institution’s bylaws. His most significant contribution, and perhaps the most decisive for Galicia’s language and culture, was the creation of Galician Literature Day. Sixty years later, the annual event draws upon considerable social support within and beyond Galicia.

Palabras chave: Francisco Fernández del Riego, Real Academia Galega, Día das Letras Galegas.

Key words: Francisco Fernández del Riego, Royal Galician Academy, Galician Literature Day.

1.

Francisco Fernández del Riego, a quen con admiración e afecto todos chamabamos don Paco, ingresou como académico de número na RAG o 26 de novembro de 1960, nunha sesión plenaria extraordinaria que se celebrou no salón de actos do Círculo de Artesáns da cidade da Coruña. A entidade, fundada en 1847, denominábase daquela Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos e estivo historicamente vencellada ao liberalismo e ao galeguismo. Dende ela promovéronse acontecementos significativos da cultura do Rexurdimento, como os Xogos Florais de 1884 e a homenaxe a Rosalía de Castro en setembro de 1885, que se celebrou no Teatro Principal presidida por Emilia Pardo Bazán. O 30 de setembro de 1906 presentouse nos seus locais a Real Academia Galega, constituída un ano antes (4 de setembro de 1905), e nestas mesmas instalacións tivo lugar a solemne homenaxe a Concepción Arenal. En 1918 recibiuse como académica de honra a Sofía Casanova. Nese mesmo ano programouse a homenaxe a Eduardo Pondal, que finara o ano anterior. Seguindo esta tradición, que deu acollida tamén a outros académicos, no Círculo de Artesáns (Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos) leu Fernández del Riego o discurso de ingreso na Real Academia Galega, titulado Un país e unha cultura: a idea de Galicia nos nosos escritores, que respondeu Ricardo Carballo Calero en nome da institución. Na súa intervención, o novo numerario fixo unha viaxe pola literatura galega dende o século XIX, salientando a significación do discurso das letras na construción da identidade do país.1

Mais a relación e o compromiso coa Academia viña de atrás. O 4 de abril de 1948 Fernández del Riego xa fora proposto como académico correspondente, presentado por Manuel Casás Fernández —que entón era presidente da institución—, por Alejandro Barreiro e por Leandro Carré. Dez anos despois (o 12 de novembro de 1958), os académicos Manuel Gómez Román, Ramón Otero Pedrayo, Sebastián Martínez-Risco e o mesmo Manuel Casás Fernández asinan a proposta para recibilo como académico numerario, o que se oficializa en xunta ordinaria o 21 de xuño do ano seguinte. Daquela presentouse tamén outra candidatura, a do xornalista Francisco Leal Insua,2 promovida polos académicos Victoriano Taibo García, José Espinosa Rodríguez, Francisco Vales Villamarín e Ramón de Artaza Malvárez. Leal Insua era entón académico correspondente, igual que Del Riego; xuntos colaboraran de mozos, con Álvaro Cunqueiro, Aquilino Iglesia Alvariño, Noriega Varela e Xosé Díaz Jácome entre outros, na revista Vallibria (1930) que dirixía en Mondoñedo Xosé Trapero Pardo, e nestas datas da elección académica figuraba á fronte do xornal Faro de Vigo. Tratábase de cubrir a cadeira que deixara vacante por falecemento Florentino López-Cuevillas. A candidatura de Del Riego obtivo vinte votos e a de Leal Insua, trece.3

O 13 de novembro de 1960 a Academia acordou en xunta ordinaria a data de ingreso. A acta di literalmente:

En cumplimiento de lo que preceptúan los Estatutos corporativos, designose una comisión encargada de dictaminar respecto de los discursos de ingreso en la Academia de don Francisco Fernández del Riego y de contestación, éste de don Ricardo Carballo Calero. Por unanimidad fueron nombrados los Numerarios don Domingo García Sabell, don Isidro Parga Pondal y don Aquilino Iglesia Alvariño.

Estos compañeros expresaron el deseo de que se suspendiese la reunión por breves momentos, con objeto de redactar los informes solicitados, cosa que se hizo con la aprobación de todos los presentes.

Reanudada la sesión, por el Secretario que suscribe, se dio lectura al escrito que los Académicos aludidos presentaron, siendo aprobado sin reparo alguno por la Asamblea, señalándose a continuación el día veintiséis del mes actual para el acto de recepción del Numerario electo señor Fernández del Riego.

O 26 de novembro celebrouse, pois, a recepción ás 20:00 horas no salón de actos da Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos, que o cedeu xenerosamente para tal ocasión. Sesión pública e solemne, presidida por Sebastián Martínez-Risco, na que actuou como secretario Francisco Vales Villamarín e como tesoureiro Leandro Carré Alvarellos.

Entre los asistentes —informa a acta— figuraban los miembros Numerarios y Correspondientes de la Academia que en la localidad residen, así como muchos llegados de diferentes puntos de la región a este objeto; representaciones de los centros de cultura y selecto público, que abarrotó totalmente el amplio y magnífico salón.

También se registró la presencia de numerosas señoras.

Abierta la sesión por el señor Martínez Risco, procedió el Secretario, señor Vales Villamarín, a la lectura del acta de la elección de don Francisco Fernández del Riego y a la convocatoria circulada al efecto entre los miembros de este regio Instituto. Después, los Académicos de número don Domingo García Sabell y don Isidro Parga Pondal acompañaron al recipiendario hasta el lugar designado a éste en el estrado presidencial, para proceder a la lectura de su reglamentario discurso de ingreso.

El señor Fernández del Riego leyó su discurso, notable pieza literaria y de investigación, que versó sobre “Un país e unha cultura. A idea de Galicia nos nosos escritores”. Antes, en exquisitos párrafos, dedicó un recuerdo emocionado a su antecesor en el sillón corporativo, don Florentino López Cuevillas Alonso. Seguidamente, el miembro Numerario don Ricardo Carballo Calero, designado para contestar al nuevo Académico glosó lo más saliente del discurso de éste, haciendo una muy completa semblanza del señor Fernández del Riego.

Los dos Académicos se expresaron en idioma gallego.

Finalmente, entre nutridas ovaciones, don Sebastián Martínez Risco impuso al señor Fernández del Riego la medalla corporativa, dándole el abrazo tradicional. El solemne acto terminó con unas palabras del señor Martínez Risco, en las que expresó la satisfacción de la Academia por contar con tan relevante miembro. El señor Martínez Risco fue también muy aplaudido. Eran las nueve y treinta horas de la noche del expresado veintiséis de noviembre de mil novecientos sesenta, de todo lo cual, como Secretario, certifico con el visto bueno del señor Presidente.

Francisco Vales Villamarín

Vº Bº. El Presidente, Sebastián Martínez Risco

2.

Con anterioridade a esta data, Francisco Fernández del Riego xa viña participando moi activamente no deseño estratéxico da Academia, máis concretamente na súa necesaria renovación, seleccionando a incorporación de novos persoeiros que recuperasen a súa actividade e, sobre todo, o compromiso galeguista que a definía historicamente. Despois da guerra a institución figuraba moi minguada, igual que a propia cultura galega. O presidente Manuel Casás Fernández (1867-1960), que fora alcalde da Coruña durante a ditadura de Primo de Rivera, logrou que o novo réxime non a disolvese, como aconteceu co Seminario de Estudos Galegos, por exemplo, mais ao prezo de diminuír a súa actividade e a súa significación. Na ampla correspondencia que conservamos de Fernández del Riego con compañeiros de xeración e outros como Ramón Otero Pedrayo, a quen todos tiñan por mestre e guieiro, hai numerosas alusións e mesmo indicacións concretas verbo da necesidade de traballar a prol de determinados candidatos para fortalecer o que nos seus escritos el mesmo considera primeira institución simbólica da nosa lingua e a nosa cultura.

Nun dos seus libros de memorias, O río do tempo. Unha historia vivida, escribe:

A institución fundada no ano 1905 puido sobrevivir durante a guerra civil polas xestións de don Manuel Casás que ocupaba a presidencia da mesma. Sen embargo, o labor académico non só esmorecera, senón que case se podería chatar de desgaleguizador. Por mor das circunstancias, para cobrir as moitas vacantes, chegaron a ser membros numerarios homes non identificados cos problemas da lingua e da cultura autóctonas. Mesmo houbo momentos nos que se fixeron manifestacións públicas indocumentadas e culturalmente irresponsables. Así as cousas, pareceunos que non debiamos desentendernos da vida da Corporación, pesie á súa inoperatividade. A Academia Galega gozaba de certo carácter representativo, polo menos a nivel oficial. Aínda que silandeiramente, compría proceder ao seu remozamento. (1990, pp. 234-235)

Tal remozamento significaba traballar a prol da incorporación de candidatos renovadores. Entre 1950 e 1960 sobre todo son numerosas as xestións de Fernández del Riego para integrar novos académicos da órbita do galeguismo. Non foi el o único; a figura de Otero Pedrayo era moi importante. No ano 1950 creárase a editorial Galaxia, plataforma que presidía o señor de Trasalba e que entre os seus fundadores reunía vellos compañeiros do Partido e das Mocedades Galeguistas, xunto con representantes do galeguismo no exterior, de Buenos Aires principalmente. Naquelas datas xa estaban na RAG Ricardo Carballo Calero, que ingresou no ano 1958, e Domingo García-Sabell (1959), ademais dalgunhas figuras históricas como o devandito Otero Pedrayo (1929) e outras de relevancia como Fermín Bouza-Brey (1941), Aquilino Iglesia Alvariño (1949), Manuel Gómez Román (1951), Ramón Villar Ponte (1951), Xesús Ferro Couselo (1951), Xaquín Lorenzo (1951), Xosé Filgueira Valverde (1951) ou Antonio Fraguas (1956). Mais non abondo para asumir a estratexia galeguizadora que Del Riego e o grupo de vellos galeguistas republicanos propoñían. Xosé Luís Franco Grande, n’Os anos escuros. A resistencia cultural dunha xeración (2004), fala deste período e mais do impulso que no seu día lle deu á institución Sebastián Martínez-Risco cando asume a presidencia en 1960, logo do falecemento de Manuel Casás. Xusto ese ano, ingresa na Academia Francisco Fernández del Riego.

Nun primeiro momento Del Riego opúxose á súa candidatura, considerando que podía ser moito máis útil na retagarda, non na primeira liña, mais a operación estaba deseñada. Non é casual que na proposta aparezan Otero Pedrayo e Manuel Gómez Román, que foron compañeiros seus no Partido Galeguista, o segundo incluso secretario deste na clandestinidade despois da guerra. Tampouco estraña a presenza de Sebastián Martínez-Risco, que figura entre os fundadores da editorial Galaxia en 1950 e que viña de asumir a presidencia da RAG o 10 de outubro de 1960, pouco antes do ingreso de Del Riego, iniciando o proceso de renovación ao que fai referencia Franco Grande nas súas memorias.

A nómina de incorporacións “galeguistas” acelérase logo do ingreso do de Lourenzá: Isidro Parga Pondal xa lera o seu discurso en xuño do mesmo ano 1960, mais Álvaro Cunqueiro e Ánxel Fole entran na RAG en 1963, Xosé María Álvarez Blázquez en 1964 (fora elixido en 1962) ao tempo que Valentín Paz Andrade, aínda que este non le o discurso ata 1978, Rafael Dieste en 1967 (1970),4 Marino Dónega Rozas en 1968 (1973), Xesús Taboada Chivite en 1965 (1976), segundo se van producindo vacantes. En todos estes casos aparece Francisco Fernández del Riego entre os promotores.

O caso de Cunqueiro tivo unha significación especial. Compañeiro de andainas universitarias nos anos composteláns da Segunda República, Del Riego, xunto con Ricardo Carballo Calero, participara moi activamente na recuperación do de Mondoñedo para a literatura galega. Son moitas as alusión na correspondencia á necesidade de avivar a candidatura do autor de Merlín e familia. En cartas a Ramón Piñeiro, Otero Pedrayo e outros amigos, Fernández del Riego insiste en que sexa Cunqueiro quen se incorpore á institución antes ca el. En calquera caso, foi Del Riego o encargado de dar resposta ao seu discurso de ingreso: Algunhas imaxinaciós sobre tesouros, que a editorial Galaxia publicaría co título de Tesouros novos e vellos (1964).

Entre os novos académicos promovidos por Francisco Fernández del Riego figura tamén Eduardo Blanco Amor, que foi proposto por Ramón Otero Pedrayo, Domingo García-Sabell, Xesús Ferro Couselo e Francisco Vales Villamarín, ademais do noso académico, e resultou electo en xunta ordinaria da RAG o 30 de xaneiro de 1972. Blanco Amor non chegou a tomar posesión da cadeira como académico numerario. Faleceu en Vigo en decembro de 1979.

Propostos por Francisco Fernández del Riego, que formaba parte da terna correspondente, foron elixidos máis tarde Andrés Torres Queiruga, Eduardo Moreiras Collazo e Xaime Isla Couto.5

Ademais de propostas para a incorporación de numerarios, Fernández del Riego animou e asinou varios ingresos de académicos correspondentes, cos perceptivos informes: Alejandro Campos Ramírez (“Alejandro Finisterre”), proposto ademais por Ferro Couselo e Álvaro Cunqueiro, e electo en xunta do 17 de decembro de 1967. Hipólito de Sa Bravo, proposto por Francisco Vales Villamarín, Francisco Fernández del Riego e Xosé María Álvarez Blázquez, e electo en xunta de 26 de xaneiro de 1969. Tomás Barros, proposto por Francisco Vales Villamarín, Francisco Fernández del Riego e Eduardo Moreiras, e electo en xunta de 23 de marzo de 1980. Olga Gallego Domínguez, proposta por Francisco Fernández del Riego, Antonio Gil Merino e Xulio Francisco Ogando Vázquez, e electa o 26 de outubro de 1980.6 Andrés Martínez-Morás Soria, proposto por Valentín Paz-Andrade, Francisco Fernández del Riego e Xosé María Álvarez Blázquez, e electo en xunta do 20 de setembro de 1981; e Florencio Delgado Gurriarán, proposto por Francisco Fernández del Riego, Ogando Vázquez e Valentín Paz-Andrade, e electo o 19 de xullo de 1981.

3.

Os traballos literarios de Fernández del Riego na RAG céntranse en labores de difusión cultural e crítica, achegas publicadas todas no Boletín anual da institución (BRAG).7 Dada a enorme produción do autor e o seu vencello con outras empresas e entidades, moi fundamentalmente coa editorial Galaxia, onde exerceu de editor e xerente, coa revista Grial, da que foi codirector xunto con Ramón Piñeiro entre os anos 1963 e 1988, e coa Fundación Penzol, que dirixiu dende a súa creación en 1963 ata pouco antes do seu falecemento, o número de referencias na RAG, comparadas co conxunto da súa obra, é cuantitativamente menor, mais non por iso pouco relevante.

A primeira colaboración da que temos noticia é do ano 1956, “O mundo de Eduardo Pondal”, publicada no número 309-320 do BRAG. No número 339-344 do ano 1961 publica unha “Bibliografía de Ramón Cabanillas”. En 1975, ano no que lembrabamos vinte e cinco anos do pasamento en Buenos Aires de Castelao, publica no número 357 do BRAG “Nova presencia de Castelao”. Máis adiante, no ano 2000, salientamos no número 361 tres notas necrolóxicas sobre vellos compañeiros e amigos: Álvaro Cunqueiro Mora, Ramón Martínez López e Ricardo Carballo Calero, así como outra no ano 2002 (número 363 do BRAG) dedicada a Marino Dónega Rozas.

Xa fixemos referencia á súa actividade na posguerra, pilotando dende a retagarda o proceso de renovación da Academia, traballando pola incorporación de persoeiros comprometidos coa lingua e mesmo co pensamento galeguista, esmorecido despois da contenda. Nese momento contou coa colaboración activa de Ramón Otero Pedrayo. Na correspondencia entre os dous hai moitas referencias a ese proceso.8

Outro gran momento de Fernández del Riego é cando en 1997, con 84 anos, asume a presidencia da institución, logo da renuncia de Domingo García-Sabell. Durante catro anos, ata o 2001, de novo lidera un proxecto de futuro que supón, entre outras iniciativas, a renovación dos estatutos fundacionais —que non se actualizaran dende 1905— e a reestruturación do número de membros numerarios, establecendo mandatos de catro ou todo o máis oito anos para os cargos executivos, que ata ese momento eran practicamente vitalicios; o inicio dun proceso de nova organización do traballo e de dixitalización de fondos, que despois continuaría o seu sucesor, Xosé Ramón Barreiro Fernández; a reactivación de publicacións esmorecidas, entre elas o propio Boletín da Academia; o afianzamento da presenza social da institución alén do estrito espazo académico e, sobre todo, a creación de novas pontes de diálogo, que permitiron a incorporación á RAG de persoas que se mantiñan distantes ou que eran abertamente críticas.

Durante o mandato de Fernández del Riego incorporáronse á Academia: Xosé Luís Franco Grande (3/VII/1998), Antón Santamarina Fernández (24/X/1998), Xaime Isla Couto (29/I/1999), Andrés Fernández-Albalat (28/V/1999), Ramón Lorenzo Vázquez (7/V/1999), Francisco Fernández Rei (25/IX/1999), Xosé Luís Méndez Ferrín (3/IX/2000), Xohana Torres Fernández (27/X/2001) e Xosé Neira Vilas (17/XI/2001). Este último evoca nun dos seus libros de memorias, Cartas e lembranzas. Epistolario con Francisco Fernández del Riego, 1959-2007 (2013), a derradeira visita que, xunto con Anisia Miranda, lle fixo na súa residencia viguesa da praza de Compostela, en marzo de 2009. Tiña don Paco 96 anos. Falamos de moita cousas, escribe Neira Vilas, [...] da democracia, do sistema das autonomías, e referímonos a algúns escritores novos, ó uso de Internet e do teléfono móbil, á edición de libros, ós concursos literarios, á normativa lingüística, á Real Academia Galega, que el presidira ata non había moito, promovendo unha necesaria renovación... Satisfacíalle que lle dixésemos isto, e apoñía: Fixen o que puiden (2013, pp. 60-61).

4.

Mais a achega máis significativa de Francisco Fernández del Riego, acaso a de maior transcendencia para a lingua e a cultura galegas no pasado e no presente século, foi a creación do Día das Letras Galegas pouco tempo despois da súa incorporación á Academia no ano 1960. O proceso está moi documentado. E tiña un antecedente. No ano 1933, Del Riego xa publica un artigo en El Pueblo Gallego (25/VII/1933) no que fala da necesidade de ir promovendo unha semana dedicada á cultura galega, coa emoción, coa intensidade e coa riqueza que tal empresa esixe e merece e fala, entre outras cousas, da celebración dunha Festa do Libro Galego con vocación de incidir na sociedade, sobre todo para espallar nas escolas.

A historia é coñecida. A pouco de chegar, Del Riego ponse en contacto con vellos amigos, académicos e non académicos, para promover unha iniciativa destas características dende a primeira institución cultural do país. Seica houbo algunhas reticencias, visións pesimistas que el non compartía. Nas moitas horas de conversa que tiven ocasión de manter con el, moitas veces escoiteino renegar do pesimismo, unha pexa que seica leva o país enriba produto da frustración histórica, mais que el entendía que debiamos combater con vontade, coherencia e visión de futuro. A iniciativa do Día das Letras nacía en parte para contrarrestar a celebración do Día do Libro, en castelán, o 23 de abril, aniversario da morte de Miguel de Cervantes. Un día para o libro e as letras galegas, comentou, e remexendo na memoria deu co 17 de maio, data na que, a falta de colofón ou información editorial, Rosalía de Castro asina a dedicatoria de Cantares gallegos á escritora Fernán Caballero (Cecilia Böhl de Faber) en 1863. Tamén era a data do nacemento do seu esposo, Manuel Murguía, que moito tiña que ver coa publicación. En 1963 facíanse cen anos da primeira edición dun libro que se considera fundacional da nosa literatura moderna (o Rexurdimento).

Para tal fin, Del Riego reúne a sinatura doutros dous compañeiros de corporación: Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo. Os dous ingresaran na Academia antes ca el e formaban parte da estratexia galeguista que viñan deseñando dende a década anterior. Velaquí o texto coa argumentación que o 20 de marzo de 1963 os tres académicos presentan para que se considere a iniciativa:

Con motivo de se celebrar no presente ano o Centenario da pubricación de “Cantares gallegos” de Rosalía de Castro, os membros numerarios que subscriben someten á consideración da Xunta xeneral da “Real Academia Gallega”, a seguinte proposta:
  1. Todos sabemos que o libro rosalián editado en 1863, ten sido a primeira obra maestra con que contóu a Literatura Galega Contemporánea. A súa aparición veu a lle dar prestixio universal á nosa fala como instrumento de creación literaria. Representa, pois, un fito decisivo na historia da renacencia cultural de Galicia.
  2. A celebración do centenario diste acontecimento, convida a reconsiderar o siñificado do mensaxe transmitido nos “Cantares”. Un mensaxe que, tanto como esprito e pobo, tanto como universalismo e galeguidade, foi, estéticamente, un mensaxe de palabra e poesía.
  3. Velahí por qué, ademáis dos aitos conmemorativos que se orgaícen pra reaitualizar na conciencia das xentes o acento de tal mensaxe, a Academia —como órgano oficial da nosa cultura— debería consagrar, con caracter de perdurabilidade, o simbolismo da data nunha celebración anual.
  4. O millor xeito de o conseguir sería que acordase decrarar Día das Letras Galegas, o 17 de maio de cada ano, a partir do presente. Contaríase así, pra o porvir, cunha xornada oficialmente adicada a honrar ós nosos libros. O día 17 de maio de cada ano viría ser a data destinada a recoller o latexo material da actividade inteleitual galega.
  5. Ninguén desconoce que o libro ten unha forza simbólica estraordinaria. Sendo a amosa máis reveladora do nivel cultural dos pobos, non é de estranar o o afán de esparexelo e de lle abrir camiños pra ensanchar o ámbito dos seus leitores. No caso de Galicia, ningunha data máis axeitada pra enaltecer e difundir o libro eiquí producido, que a que conmemora a pubricación da obra coa que se encetóu o prestixio contemporáneo das Letras galegas.
  6. De atopar eco no acordo dos numerarios da Corporación o contido dista proposta, compriría dalo a conocer en Nota oficial, recabando a colaboración dos centros culturás de Galicia e a de todos os Centros Galegos do mundo, pra percurar o ésito consagratorio da celebración.

A acta da xunta ordinaria da RAG do 28 de abril de 1963, apenas tres semanas antes da conmemoración, di:

El Secretario dió a conocer una interesantísima proposición que suscriben los numerarios señores Fernández del Riego, Gómez Román y Ferro Couselo, en relación con el centenario de la publicación de “Cantares Gallegos” de Rosalía de Castro, que se cumple el 17 de mayo próximo. En su vista, acordó la asamblea declarar “Día de las Letras Gallegas” el 17 de mayo de cada año, a partir del presente, que esta Corporación celebrará con la máxima solemnidad, recabando, como se solicita, la colaboración de las instituciones culturales del país y la de todos los Centros Gallegos del mundo para el mayor realce de tan señalada efemérides.

En principio, los actos que, a juicio de la Academia, deben tener lugar el año actual, en la fecha indicada, serán los siguientes: Visita a doña Gala Murguía de Castro, hija única supérstite de los insignes don Manuel Murguía y doña Rosalía de Castro; ofrenda floral en las tumbas de Rosalía y Murguía, al igual que en la casa de la Matanza, en donde falleció aquélla; sesión académica extraordinaria en el paraninfo de la Universidad compostelana con intervención de los académicos de número señores Otero Pedrayo, Carballo Calero y Bouza Brey, y del correspondiente señor Naya Pérez, y colocación de una lápida conmemorativa en la casa en que vivió la gloriosa lírica aquí en La Coruña, esto último a petición del académico numerario señor Freyre de Andrade.

Solicitouse a correspondente autorización do ministerio, como era preceptivo, e apenas sen tempo para maiores encomendas, organizáronse as primeiras celebracións: un acto académico, aberto ao público, no salón Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela, presidido polo catedrático Enrique Moreno Báez, no que o académico Ricardo Carballo Calero disertou sobre a figura e a obra de Rosalía de Castro. Na primeira bancada había catro poetas novos, que participaron no acto: Xohana Torres, Arcadio López Casanova, Carlos Casares e Salvador García-Bodaño. A afluencia de público, segundo din as crónicas, foi importante, aínda que selectiva. A continuación realizouse unha procesión cívica ata a estatua da poeta na Ferradura compostelá. En Vigo, A Coruña e Lugo tamén se celebraron actos. Nesta última cidade, concretamente, o profesor Alonso Montero, María Xosé Queizán e Xosé Luís Méndez Ferrín falaron sobre a autora de Cantares gallegos e sobre a literatura galega en xeral. Polas mesmas datas, en Vigo, inaugurábase a Fundación Penzol. Ao ano seguinte, a RAG acordou dedicar o 17 de maio á figura e á obra de Castelao, que finara no exilio de Buenos Aires catorce anos antes.

Dende o primeiro momento, a celebración tivo un eco importante na prensa. Non hai máis que consultar os xornais daqueles anos. Mais hoxe é un acontecemento cultural de primeiro nivel. Poucas iniciativas de tanta transcendencia social como o Día das Letras Galegas. O que inicialmente foron actos académicos case que en circuíto cerrado, axiña foron asumidos na década dos 60 e nos anos 70 polo cada vez máis activo asociacionismo cultural, que en gran medida era tamén activismo cívico a prol das liberdades democráticas, a identidade nacional que promovía o galeguismo e a reivindicación do idioma. O libro era o gran protagonista, símbolo de recoñecemento e prestixio. As librerías sacaban á rúa mesas con libros galegos. Sesenta anos despois podemos dicir que o Día das Letras Galegas implica a toda a sociedade, seguramente dun xeito desigual, pero cada vez máis participativo: no ámbito institucional, docente, asociativo, político, económico, empresarial, mediático, dentro e fóra de Galicia. Unha iniciativa que a RAG considerou de xeito moi especial para dedicar a celebración neste ano 2023 a quen foi o seu principal promotor.

NOTAS

1

Pode consultarse no sitio web da RAG, xunto coa biografía do autor

2

Francisco Leal Insua (Viveiro, 1910 - Madrid, 1997) xa fora candidato para ingresar na RAG pouco tempo antes, competindo con Isidro Parga Pondal. Estaba casado coa pintora Xulia Minguillón (Lugo, 1906 - Madrid, 1965), autora dun coñecido retrato de Fernández del Riego cunha paisaxe da ría de Viveiro ao fondo, cadro que se presentou nunha exposicion en Vigo no ano 1951. Ambos os dous, Del Riego e Xulia Minguillón viviran a infancia en Lourenzá case que porta con porta, na mesma rúa e na mesma praza.

3

Os vinte votos a favor de Del Riego foron os seguintes: Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco, Xesús Ferro Couselo, Xaquín Lorenzo, Manuel Gómez Román, Xosé Filgueira Valverde, Antonio Iglesias Vilarelle, Luís Iglesias, Ramón María Aller, Aquilino Iglesia Alvariño, Antonio Fraguas, Fermín Bouza Brey, Gonzalo López Abente, Manuel Casás, Ricardo Carballo Calero, Domingo García-Sabell, Manuel Chamoso Lamas, Sebastián Martínez-Risco, Leandro Carré Alvarellos e Manuel Banet Fontenla. Apoiaron a candidatura de Francisco Leal Insua: José Espinosa Rodríguez, Victoriano Taibo, Xulio Sigüenza, Antonio Rey Soto, Francisco Vázquez Saco, Ramón de Artaza Malvárez, Manuel Vázquez Seijas, José Luis Bugallal Marchesi, Julio Dávila Díaz, Julio Rodríguez Yordi, Francisco Vales Villamarín, Joaquín Freire de Andrade e Ángel del Castillo. Abstivéronse: Salustiano Portela Pazos, Enrique Chao Espina e Paulino Pedret Casado.

4

A primeira data corresponde á elección do académico, a segunda é a de lectura do discurso de ingreso.

5

Andrés Torres Queiruga foi proposto por Domingo García-Sabell, Francisco Fernández del Riego e Ramón Piñeiro López, e electo en xunta de 3 de xuño de 1979. Ingresou o 20 de xuño de 1980. Eduardo Moreiras Collazo foi proposto por Francisco Fernández del Riego, Álvaro Cunqueiro e Marino Dónega. Electo en xunta de 15 de maio de 1977, ingresou o 28 de abril de 1991. Xaime Isla Couto foi proposto por Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego e Isidro Parga Pondal, foi electo en xunta de 17 de febreiro de 1974 e ingresou o 29 de xaneiro de 1999.

6

O 15 de novembro de 1985 Olga Gallego Domínguez ingresou na RAG como académica de número, promovida por Manuel Chamoso Lamas, Francisco Ogando Vázquez e Francisco Xavier Río Barja. Foi a primeira muller que ingresou na Academia, pois a anteriormente electa, Francisca Herrera Garrido, non chegou ler o seu discurso e, por tanto, non tomou posesión da cadeira. O discurso de Olga Gallego titúlase As barcas e as barcaxes da provincia de Ourense no antigo Réxime. Respondeulle en nome da institución o académico Antonio Gil Merino.

7

Actualmente dispoñibles na web da Academia.

8

Recollida no volume Rexistros no vento. Epistolario entre Francisco Fernández del Riego e Ramón Otero Pedrayo (2023). Son máis de 400 cartas, correspondencia cruzada procedente na súa meirande parte dos fondos da Fundación Otero Pedrayo e da Fundación Penzol, en Vigo. A edición e as notas son responsabilidade de Patricia Arias Chachero, e o limiar de Xesús Alonso Montero.

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS

Arias Chachero, Patricia, ed. (2023). Rexistros no vento. Epistolario entre Francisco Fernández del Riego e Ramón Otero Pedrayo. A Coruña: Real Academia Galega.

Fernández del Riego, Francisco (1990). O río do tempo. Unha historia vivida. Sada: Ediciós do Castro.

Franco Grande, Xosé Luís (2004). Os anos escuros. A resistencia cultural dunha xeración. Vigo: Galaxia.

Neira Vilas, Xosé (2013). Cartas e lembranzas. Epistolario con Francisco Fernández del Riego, 1959-2007. Vigo: Galaxia.