Boletín da Real Academia Galega

Núm. 383, pp. 249-257

© 2022. Real Academia Galega

https://doi.org/10.32766/brag.383.831

CONSTRUÍNDO XOSÉ RAMÓN BARREIRO

BUILDING XOSÉ RAMÓN BARREIRO

Emilio Grandío Seoane
Universidade de Santiago de Compostela

ORCiD: 0000-0002-3669-576X

Resumo: Esta pequena contribución pretende achegarse á relevancia e trascendencia que tiveron para a Academia a vida e a obra de Xosé Ramón Barreiro Fernández. Un historiador de convicción que entendía Galicia como o seu principal obxetivo de estudo, pero cunha vocación rotunda de intervir no presente para mudalo de raíz.

Abstract: This small contribution aims to examine the relevance and significance that the life and work of Xosé Ramón Barreiro Fernández had for the Royal Galician Academy. He was a committed historian who regarded Galicia as his principal focus of study, with a vocation based on intervening in the present in order to fundamentally change it.

Palabras chave: Xosé Ramón Barreiro Fernández, historiador, Galicia, liberalismo, mestre.

Key words: Xosé Ramón Barreiro Fernández, historian, Galicia, liberalism, teacher.

Asumo dende a primeira destas liñas que para min falar de Barreiro é falar de compromiso, dunha débeda coa súa xente, dunha intelixencia natural para construír futuros en común, de coñecemento, da intervención que deben ter as persoas para amañar no posible a época que lles toca vivir. Barreiro é unha idea de Galicia. Non pretendo expresar isto en clave política ou ideolóxica, senón na percepción de que estivemos diante dunha das persoas máis relevantes para conformar a Galicia do século XX. Unha persoa que formou en gran parte a idea que temos hoxe en día deste país, de como son as súas xentes, da análise que cada un de nós ten sobre o noso tempo e o noso espazo de convivencia.

A miña débeda, como supoño que xa é coñecido por moitos, é persoal, e non só no plano intelectual, senón tamén humano. O mundo cambia tan á présa que seica pensamos que sempre estamos no mesmo sitio, e non, xira e evoluciona sen nós porque somos prescindibles. Pero Barreiro sempre era necesario. Se non o foi máis é porque non quixo, porque entendeu que era mellor botarse a un lado.

Gran divulgador, a Real Academia Galega débelle parte da súa formulación actual e das súas liñas de futuro. Foi un dos maiores dinamizadores da institución dende que entrou en posición directiva, primeiro como tesoureiro e logo como presidente. Quizás foi o punto de inflexión que permitiu á Academia pasar do século XX ó XXI, cara ó futuro.

Foi un dos creadores da conciencia do país dos anos setenta ós oitenta do século XX, mesmo antes da súa chegada á Academia. Senón, escoiten esa voz naqueles programas da sempre lembrada La Clave. A súa fala era rotunda, pero tiña sobre todo unha característica pouco habitual: era capaz de conversar nas máis altas esferas e nas máis humildes. A súa capacidade de lectura das persoas con quen se encontraba era por todos recoñecida. A quen non lle agradaba a súa presenza? A grande intelixencia de alguén que máis dunha vez se fixo o inxenuo de xeito intencionado. Desviar o foco para que non se viran as súas arestas. Porque Barreiro tamén era un personaxe moi duro no seu interior, de conviccións rotundas e firmes, procedente dunha infancia e dunha educación totalmente autodidacta. Un home moi libre, de férrea autodisciplina e moi convencido da súa misión nesta terra. Tan convencido que mesmo cambia o seu camiño persoal, de xeito ben doloroso, para acometer o que pensaba. Aínda que doese.

Outra das súas condicións naturais, precisamente por ese camiño percorrido de xeito independente, foi a súa constante inquietude ou mesmo permanente inconformidade. Barreiro viviu moito, todo un mundo de experiencias, e en distintos ámbitos…

Foi a mellor imaxe desa Galicia honesta, dura e afectiva ó mesmo tempo, de fiar, un valor seguro…, unha figura única. O seu currículo é inxente, desbordante: innumerables monografías, artigos, prólogos, comunicacións, conferencias… sobre variadas temáticas, atendendo a institucións públicas e privadas. Editor, mestre...

É sen dúbida o grande historiador do século XIX galego, con obras aínda sen superar, como El levantamiento de 1846 y el nacimiento del galleguismo, ou El carlismo gallego. Del é o mellor que se ten escrito sobre a historia da Universidade de Santiago. Ou sobre a Administración pública galega e a súa conformación territorial no Estado Liberal. Mesmo da traxectoria dos representantes do pobo galego, os seus parlamentarios. Sobre as dereitas, a historia local, a Ilustración…

A historia política e social de Galicia ten no seu inxente esforzo e traballo intelectual un dos grandes referentes, tanto na súa divulgación coma nos ámbitos de investigación e docencia. Eses manuais de ‘Historia de Galicia’ que tivemos a sorte de que nos relatase de xeito presencial nas aulas compostelás dos oitenta e dos noventa, nese momento de clara e rotunda renovación historiográfica no país, que lle debe tanto á súa persoa. El mesmo o comenta:

Moitos comprenderon que chegara a hora e lexitimamente asumiron a responsabilidade de loitar por unha sociedade máis libre e democrática. Antepuxeron a responsabilidade social á propia responsabilidade persoal ou académica. (2001e, p. 20)

Marcou moitos novos camiños e sobre todo permitiunos pensar e imaxinar todo o que quedaba por traballar sobre o pasado do país. Iluminaba futuros. Abría espazos de ilusión. E que falar desa Historia de la ciudad de La Coruña, exemplo de erudición, que encheu os ocos dunha identidade tan reclamada naqueles intres na política galega por algunhas sociedades locais? Barreiro foi quen de dotar de alma a unha sociedade local enteira, como tamén o facía coa galega. A súa capacidade de disección, de análise, como se dun fino bisturí se tratara, cortando os mitos encalecidos durante o tempo. Ou, por exemplo, falar dunha das súas derradeiras inquietudes: a biografía, o relato do tempo nunha persoa, escollendo a alguén moi semellante a el en oficio e transcendencia pública, como Manuel Murguía. Ou o impulso dos estudos sobre Emilia Pardo Bazán, adaptando progresivamente toda unha serie de proxectos e ensamblando realidades en aparencia tan diverxentes no seo da Academia… Podemos falar tamén do que significou no estudo da prensa ou da súa calidade de bibliófilo empedernido, e do seu dominio da historiografía… Desbordante.

Ademais, cantas memorias de licenciatura —nada semellantes ás de hoxe en día, claro— teses, tribunais… Por certo, rematado no ano 2006, xusto ó facer setenta anos, e non por impedimentos legais, senón por tentar ir pechando as portas abertas na vida e encamiñar os seus derradeiros anos. Esa forza interior que amosaba e que ía acompañada dunha oratoria excelsa.

Non esquezamos que a Barreiro se lle coñece polo seu paso institucional: o primeiro decano da Facultade de Xeografía e Historia elixido democraticamente, vicerreitor de Política Cultural, membro da xunta directiva do Instituto de Estudios Coruñeses José Cornide… E presidente da Real Academia Galega entre 2001 e 2009, nunha liña de renovación que iniciou coa súa presenza na executiva de Francisco Fernández del Riego uns anos antes. Sempre participou en todas estas institucións cun cometido ben claro. Así conta el mesmo a súa vontade de participar na RAG:

Eu tardei moito en entrar na Academia porque era un mausoleo e a min non me interesaba iso (Fandiño 2010, p. 14)

Barreiro entrou na Academia como membro correspondente a principios da década dos 70. Dende aquela, e malia residir na mesma localidade onde se atopa a rúa Tabernas, a súa relación non se percibe como intensa. Non obstante, o cambio na dirección da mesma en 1997, coa presidencia de Fernández del Riego, intégrao de xeito relevante no posto de tesoureiro. Barreiro ingresa como membro numerario nese mesmo ano, e o seu discurso ven corroborar a súa vontade. Nunha entrevista que lle fai Luis Ventoso e que foi publicada na mesma data, fala ben claro do que quere facer. Ante a pregunta inicial, en clara tentativa de provocación xornalística, “Por que teñen as academias fama de balneario?”, Barreiro responde espontáneo cunha “Risotada”, textual,:

Home, eu en vez de balneario sempre lle chamei panteón. Normalmente as academias vense como unha especie de terminal onde vas descansar. Póñenche a medalla e entras en situación vexetativa. Eu non o acepto. As academias teñen unha función. Se a Real Academia Galega tivera o prestixio e a viveza que debería ter, moitas institucións que foron aparecendo non terían aparecido. O Consello da Cultura Galega, o Ilga significan que a Academia Galega non cumpriu o seu papel. Iso non quere dicir que a Academia non poida recuperar aínda o tempo perdido, ten que facelo. Eu non sei todavía que vou facer alí; farei o que me manden, pero se non me mandan nada presentarei proxectos. O que non ten sentido é pertencer a unha institución morta. (Ventoso 1997)

Catro anos despois, o 20 de decembro do 2001, Barreiro é elixido presidente da RAG, nunha proposta de nítida continuidade respecto da actividade renovadora iniciada coa súa posición na executiva durante a presidencia de Francisco Fernández del Riego.

Nesa década fai toda unha serie de cambios na Academia, indispensables para entender a institución como é hoxe en día. Especialmente relevante foi a apertura a sociedade que fixo. Como era el, presente sempre, nas alturas e no baixo. Levando a Real Academia ás vilas, pedindo os cartos onde fose… presente na sociedade. Visualizando o traballo académico. Socializando o coñecemento do país, da memoria do país, como el definía a RAG.

Xa dende os primeiros momentos, propón un cambio radical no concepto da mesma Academia; sen reducir en nada o seu nivel académico vaina achegando á sociedade. O acto central do Día das Letras Galegas sempre foi motivo de debate:

O que hai é darlle un aspecto máis popular, eu teño unha experiencia no caso de Murguía. Tivemos o acto oficial na Coruña, no Rectorado da Universidade. Foi algo frío, pouco sentido. Despois marchamos a Arteixo, a Oseiro, e alí estaba a xente, e alí eu vin que se sentía a celebración… É unha experiencia que faime pensar que o mellor temos que combinar as cousas doutra maneira, pero é necesario darlle un senso distinto1.

E curioso como unha persoa con tal capacidade relacional non tivo un grupo consolidado en Santiago, posiblemente porque o seu xeito de ver o mundo era demasiado individualista. Procedía dun mundo onde a súa educación era tan autodidacta, tan esixente consigo mesmo, que lle impedía observar indulxencia cos demais naquelas cousas que lle importaban. Transcendencia que tomaba de xeito tan serio e rotundo que mesmo as súas conversacións máis relaxadas impoñían un enorme respecto… Barreiro realmente sempre pertenceu a todos.

Unha intelixencia natural, madurada e atemperada a cicel de escultor nesa pedra dura que semellaba o exterior Barreiro. Esa dureza externa víñalle da súa formación, sen dúbida, variada e enormemente chea de inquietude, pero tamén solitaria e reflexiva ata a extenuación. Sen dar pausa ó funcionamento da intelixencia. Con cantas persoas pode traballar unha persoa nesta profesión tan relacional e de tanto coñecemento das persoas? A cantas puido coñecer? Moitas. De todas recolleu e achegou o que puido. A súa combinación de intelixencia natural e aprendizaxe permanente lévao a grandes mesturas:

A convivencia nun espacio tan peculiar como é unha Universidade non se fai con discursos, nin con grandes e xeniais plans. Faise coas cousas pequenas, elementais, vaise facendo grato o traballo dos demais, espallando a ledicia e a amizade. Pero iso non se predica, iso faise. (Barreiro 2001e, p. 22)

Para tentar definir Barreiro, establecemos o xogo de utilizar as voces escritas por el mesmo naquel gran proxecto que foi a Gran Enciclopedia Galega (GEG). O seu concepto de Galicia era ríxido, o ‘pobo’ dun xeito orgánico, algo natural, mais sempre na posición do débil. Deixemos que fale. Escoitemos a súa impresión de Pardo de Cela:

Calquera que fose o interese que moveu a Pardo de Cela, o pobo necesitaba a aquel home para defender os seus intereses…

Ó galego só lle queda unha forma de resistir: fuxindo, emigrando.

A nobreza e o clero, que ven en perigo a súa situación económica, farán unha fronte común e, a través das redes da dependencia ou do fanatismo relixioso, dominarán a gran masa… (2001a)

Ou na voz ‘Carlismo’:

En Galicia non había foros que defender, por eso o pobo nunca foi carlista. (2001b, p. 23)

Sempre esa busca eterna daqueles que investigamos sobre a historia política e social: o Poder. Na voz de ‘Anticlericalismo’ decía o seguinte:

A alianza da Igrexa oficial cos poderes obrigárono sempre a adoptar posturas que quizais pastoralmente non quixera ou non lle conviñera adoptar. Desta forma, e xa no século XX, a Igrexa, ó colocarse ó lado do poder tivo que ver cómo moitos cristiáns se marxinaron ou se repregaron nunha relixiosidade persoal, porque a relixiosidade oficial enfrontábaos a súa conciencia. A Igrexa galega tivo que ver cómo un gran sector da intelectualidade se marxinou da súa acción apostólica, porque o seu sentir non concordaba co sentir dunha Igrexa que marchaba ó compás do Estado. (2001a, p. 72)

Un poder en Galicia —ou galego, como se queira indicar— que se procuraba con moita precaución, que se traballaba moito tempo, que coidaba do seu futuro como se unha nova sementeira e colleita tivera cada pouco tempo. Seriado. Rutineiro. Habitual. Na súa voz da GEG ‘Cortes’ falaba das primeiras etapas da Restauración Borbónica:

Cando nalgún punto de Galicia empezaba a destacar un mozo con paixón política, se quería ter futuro tiña que integrarse nunha destas familias, pactar con ela, demostrarlle a súa absoluta fidelidade e pasa-lo noviciado do servilismo cara ó dono ou amo supremo. […]

Nas grandes alturas, no olimpo dos senadores e primeiros deputados, pactábanse as eleccións e os postos e hipotecábase o futuro de Galicia que nada lles debe a estes homes, aínda que fora tan pródiga con eles regalándolles estatuas e rúas. (2001c, p. 246)

Unha prosa a de Barreiro directa, dura e honesta. Cal cirurxián cortando pezas e anacos dun pasado…, o noso. Véxase esta concisa, rápida e directa definición do que significou a Segunda República dende o seu punto de vista. Na voz ‘República’:

[...] a II República significou a primeira experiencia de modernización política e de democracia auténtica. A República aparece como a primeira oportunidade que teñen os españois para ser e manifestarse democraticamente. […] a violencia física ou verbal esgrimida por grupos incontrolados, por periódicos católicos ou faístas, axuda a xerar un clima de crispación colectiva que co tempo, sen dúbida, se depuraría se os altos intereses da banca, do fascismo internacional e da Igrexa non empuxaran os militares ó golpe de estado. (2001g, p. 102)

Porque en boa lóxica, a Igrexa foi unha das súas principais teimas. Un tema recorrente, que coñecía de primeira man, e que finalmente atopaba irreconciliable coa súa maneira de pensar tras un proceso evolutivo de anos, co seu xeito de existir e pasar por este mundo. Na voz ‘Anticlericalismo’:

Por non querer, a Igrexa oficial nin quería rezarlle a Deus en galego, coma se fora un pecado. (2001a, p. 72)

E por riba de todo, o seu traballo ten un fío condutor sólido, constante e claro: Galicia. A definición sucinta na voz ‘Galeguismo’ parécenos a expresión nítida e clara dun Barreiro:

O galeguismo é a construción teórica da identidade galega baseada nunha lingua propia, nun territorio condicionado polos elementos naturais que determinan un tipo de economía agraria e mariñeira, unhas formas de sociabilidade, de relixiosidade e de expresións colectivas de ocio e mesmo unha conciencia máis ou menos desenvolvida de que o pobo galego é parecido a outros (2001d, p. 103)

Porque Galicia era a súa guía. Nunha das súas entrevistas máis prezadas, cando se lle pregunta “Recompensoulle Galicia tanto amor?”, a súa resposta é de novo rotunda:

Non o sei. Se valorase o que perdín por servir ao meu país, posiblemente a balanza estivese equilibrada, pero iso é o de menos. Eu cumprín, sigo cumprindo e cumprirei ata o ultimo alento. Se iso significou renunciar a outras cousas, non me importa, ao contrario. Vivín e vivo para Galicia e cando me vaia deste mundo, no meu fardel non levarei máis que o pouco ou moito que traballei por Galicia e a satisfacción persoal de telo feito. (Fandiño 2010, p. 17)

Teño a sensación de que no seu perfil de historiador tiña un espazo onde sempre existía un desaxuste entre as súas crenzas, os seus valores e a realidade de Galicia: ese rol do nacionalismo galego na súa sociedade. Nunha carta réplica á opinión do xornalista Carlos Luís Rodríguez, datada no 1 de novembro de 1989, Barreiro sacaba a relucir o seu papel, o do profesional do pasado, que debe expresar a súa análise, aínda que resulte incómodo, aínda que doa:

Po-lo xeral os “tempos” sociolóxicos nos que se moven os periodistas e os outros mortais son distintos e, dende logo, non sincrónicos. O periodista que vive intensamente a cotidianeidade tende a confundir o instante coa realidade. O instante do que sae a “noticia” non é mais que un epifenómeno dunha realidade que o trascende. Os demais sabemos que hai forzas profundas que van remodelando en cada momento á realidade que, algunhas veces, agroma sorpresivamente. [...] O que realmente habería que preguntarse é por qué a galeguidade non funciona politicamente. Por qué miles de votos galeguistas van a parar a PP, PSOE ou CDS. Por qué o nacionalismo é incapaz de rescatar estos votos ou conservalos. (1989, p. 9)

Deixou plasmado o que pensaba precisamente nunha desas voces que realizou para a GEG, a voz ‘Liberalismo’, temática á que lle dedicou tanto esforzo e tempo. E non só a súa evolución, senón o propósito enteiro da súa vida:

Toda a arquitectura ideolóxica se apoia sobre unha concepción antropolóxica renovadora. O home xa non se considera unicamente como o fillo de Deus e un súbdito da Igrexa, que está no mundo para consegui-la súa salvación, senón un cidadán dunha sociedade que é creación súa e que está no mundo para ser feliz (2001f, p. 246)

Alá por abril de 1996 publicouse na Voz de Galicia unha reportaxe sobre a obra Galegos na escaleira, colección de fotografías de Xurxo Lobato sobre personaxes representativos da sociedade galega. Nesta obra, fotográfase a Barreiro na pequena escaleira da biblioteca da súa casa. Pero o mellor é o seu comentario:

A escaleira é pequena e lévame ós libros antiguos do meu despacho, cos que me atopo moi ben. Non pretendo chegar máis alá (Redacción, 1996).

Un xeito de entender a vida. Barreiro puro.

NOTAS

1

“Eu non podo negar que Fernández del Riego veu en min o seu continuador”. Entrevista feita por Rodri García. La Voz de Galicia. 21/XII/2001, 30.

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS

Barreiro Fernández, Xosé Ramón (1989). Xa é inútil o nacionalismo? La Voz de Galicia. 5/XI/1989, 9.

Barreiro Fernández, Xosé Ramón (2001a). Anticlericalismo. En: Benxamín Casal Vila, dir. Gran Enciclopedia Galega. Lugo: El Progreso / Diario de Pontevedra, t. 3, 69-72.

Barreiro Fernández, Xosé Ramón (2001b). Carlismo. En: Benxamín Casal Vila, dir. Gran Enciclopedia Galega. Lugo: El Progreso / Diario de Pontevedra, t. 8, 23-25.

Barreiro Fernández, Xosé Ramón (2001c). Cortes. En: Benxamín Casal Vila, dir. Gran Enciclopedia Galega. Lugo: El Progreso / Diario de Pontevedra, t. 11, 241-250.

Barreiro Fernández, Xosé Ramón (2001d). Galeguismo. En: Benxamín Casal Vila, dir. Gran Enciclopedia Galega. Lugo: El Progreso / Diario de Pontevedra, t. 11, 103-111.

Barreiro Fernández, Xosé Ramón (2001e). Laudatio in memoriam. Xosé Manuel Pose Antelo. En: Xesús Balboa López e Herminia Pernas Oroza, coords. Entre Nós. Estudios de Arte, Xeografía e Historia en Homenaxe ó Profesor Xosé Manuel Pose Antelo. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, 19-25.

Barreiro Fernández, Xosé Ramón (2001f). Liberalismo. En: Benxamín Casal Vila, dir. Gran Enciclopedia Galega. Lugo: El Progreso / Diario de Pontevedra, t. 25, 243-248.

Barreiro Fernández, Xosé Ramón (2001g). República. En: Benxamín Casal Vila, dir. Gran Enciclopedia Galega. Lugo: El Progreso / Diario de Pontevedra, t. 38, 98-102.

Fandiño Veiga, Xosé Ramón (2010). Xosé Ramón Barreiro, catedrático, académico e historiador que iluminou a historia contemporánea de Galicia [Entrevista]. Galegos = Gallegos. 12, 4-17.

García, R. e Vázquez, D. (2001). Barreiro, novo presidente da Real Academia: “De ningún xeito podo substituír a Del Riego”. La Voz de Galicia. 21/XII/2001, 30.

Ventoso, Luis (1997). A Real Academia Galega ten que recuperar o tempo perdido [Entrevista a Xosé Ramón Barreiro]. La Voz de Galicia. 14/II/1997, 6.

Redacción (1996). Prensa y literatura unidas. La Voz de Galicia. 17/IV/1996, 45.