Agradezo sinceramente poder participar nesta merecida homenaxe a Xosé Ramón Barreiro, con quen compartín aulas na Facultade de Historia de Santiago e de quen gardo un vivo recordo como compañeiro de estudos. A súa personalidade, capacidade intelectual e inmensos coñecementos ben podían supoñer un problema de relación co resto do alumnado —rapazas e rapaces de pouco máis de vinte anos que descoñeciamos case todo de todo e moito máis da historia— pero isto nunca supuxo o máis mínimo problema, senón todo o contrario. A Barreiro acudiamos como se dunha enciclopedia se tratase —porque xa por aqueles anos de comezos dos 70 se lle podía asignar esa categoría— e sempre atopamos nel o mellor compañeiro, colaborador e amigo. Xa entón era unha eminencia en moitos ámbitos, pero nunca fixo alarde da súa valía á hora de competir limpamente por unha cualificación académica e sempre se comportou coma un máis do grupo. As súas conversas eran un marabilloso complemento das explicacións dos docentes e abrían novas perspectivas sobre innumerables campos de interese histórico.
As circunstancias das nosas actividades profesionais fixeron que durante anos mantivésemos unha relación na distancia, ocasional de coincidencia en actos, pero volvemos a encontrarnos na Coruña e, cando eu precisei dun director de tese de doutoramento, non dubidei en falar con el. Aí estaba, como antes, xeneroso e disposto a axudarme e, sobre todo, a confiar plenamente en min, dándome tal voto de confianza en que ía ser capaz de realizar o meu proxecto nun tempo tan breve como do que dispoñía (un ano sabático no instituto) que ningún outro director estaría disposto a avalar tal empresa. Eu cumprín a miña parte e el puxo todo o seu empeño en solventar as numerosas dificultades administrativas que se interpuxeron na Universidade da Coruña.
Máis recentemente colaboramos conxuntamente desde o Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses como directores da súa revista e sempre tiven nel o apoio necesario en momentos de dúbida ou de resolución de problemas.
Por todo iso, como compañeira, amiga e, nalgunha maneira, discípula, non podo menos que alegrarme de poder ofrecer a miña pequena colaboración nesta homenaxe a quen tanto nos deu e de quen tanto aprendemos.
Desde a organización deste acto pedíuseme que centrase a miña intervención en valorar a obra de Barreiro nun dos múltiples ámbitos de traballo aos que dedicou as súas investigacións: a historia local. Estou absolutamente segura que todo o público asistente a este acto, ao escoitar “historia local”, pensou inmediatamente nunha das súas obras máis coñecidas: a Historia de la ciudad de La Coruña, pero os traballos de Barreiro sobre este ámbito da investigación histórica van moito máis aló.
En primeiro lugar, porque Barreiro non só escribiu a obra básica e de referencia obrigada sobre a historia desta cidade —que non era a súa por nacemento pero na que se integrou plenamente desde a súa voda con Beatriz López Morán— senón que tamén nos deixou interesantes reflexións sobre o que el consideraba deben ser as características dunha auténtica “historia local”. A pesar de ser consciente de que a súa definición dese concepto non ía ser aceptada por todos, tratou de desenvolvela e xustificala ao longo de varios traballos e, sobre todo, tratou de aplicala na súa máis completa: a citada Historia da Coruña.
Que entendía e defendía Barreiro que debía ser a historia local? Para el, o estudo do “local” debe centrarse non tanto nun espazo físico acoutado administrativamente, senón, basicamente, en aquel no que se desenvolve unha comunidade que se adscribe vitalmente a ese espazo, é dicir, que ten conciencia desta integración, de modo que o local convértese nun elemento orgánico de sociabilidade con historia propia. O papel do historiador será, precisamente, captar o espírito propio desa comunidade, aquel que a define e diferencia das demais, que evoluciona co tempo pero no que sempre se manteñen trazos específicos que ben poden remontarse á propia orixe desa colectividade.
Que tipo de colectividades, en opinión de Barreiro, poden reunir estas características para ser obxecto de atención por parte dos historiadores? Para el, en Galicia, as unidades espaciais tradicionais integradas que articulan a vida socioeconómica dos seus habitantes e nas que están garantidas as relacións sociais son as parroquias, as comarcas e as cidades. A reorganización administrativa establecida polos liberais no século XIX non alterou este estado, aínda que os concellos e as provincias foron lentamente consolidándose e, nalgúns casos, tamén acabaron por ter os trazos básicos propios desas unidades tradicionais.
En varios traballos foi analizando Barreiro a historia local na historiografía galega, comentando as súas características e establecendo períodos diferenciados en función dos seus trazos básicos. E nesta análise, e concretando as obras referidas á Coruña, destaca o valor da que considera a mellor obra de historia local da época: a escrita por Enrique Vedía Goosens, publicada en 1845. Ben, pois tiveron que pasar 141 anos para que a historia local da Coruña contase de novo coa mellor obra de historia local galega: a de Barreiro Fernández.
A Historia de la ciudad de La Coruña foi publicada en 1986 e, ao cabo de dez anos, seu autor fixo unha segunda edición ampliada e corrixida. É unha obra de referencia obrigada para o coñecemento da historia desta cidade, na que Barreiro, grazas a un esforzo titánico de emprego de todas as fontes de información dispoñibles no momento, consegue ofrecer ao lector un completo percorrido polos séculos de historia da cidade. A través dos varios centos de páxinas, o autor consegue plasmar, con gran claridade expositiva, os fins que se propoñía: narrar os feitos históricos pero, e sobre todo, dar as claves daqueles aspectos identificativos da cidade, os diferenciadores, o “estilo” propio da Coruña, froito das circunstancias históricas e da vontade dos seus moradores.
O valor deste obra acrecéntase se temos en conta a escaseza de traballos anteriores —incluídos os estudos do propio Barreiro sobre aspectos concretos da cidade—, de modo que a decisión de abordar este inmenso reto agranda seu valor. De aí que esta obra, e seu éxito de público e crítica, servise de referente para a elaboración doutras obras sobre as historias de cidades galegas, pero en ningún caso elaboradas por un só autor. Abordar todas as etapas históricas, manexar e utilizar exhaustivamente tanta bibliografía como se precisaba só podía facelo Barreiro.
Para reunila nunha soa obra e facela intelixible a tan variado tipo de lectores interesados en coñecer a historia da Coruña, Barreiro organiza o libro en grandes períodos históricos nos que vai analizando os trazos e os acontecementos máis significativos de cada un deles, destacando aqueles que lle permiten ir configurando o que el considera o estilo, o espírito propio da cidade. Así, tras uns capítulos iniciais dedicados ás orixes lendarias da Coruña, analiza os datos coñecidos ata ese momento relacionados coa etapa prerromana e romana de Brigantium, para valorar o que considera o renacer da cidade, un dos feitos que será clave para o seu futuro desenvolvemento: o pacto establecido en 1208 entre o monarca e un grupo de cidadáns libres. Este reducido grupo formará un Concello para a defensa dos seus dereitos e privilexios e non tolerará que dentro das súas murallas se establezan nin o clero poderoso nin a aristocracia. Aceptan como seu señor o monarca e comprometen con el a fidelidade e o pago de impostos e servizos a cambio de liberdade e autonomía para gobernarse. Deste modo que, en palabras de Barreiro, “A Coruña non nace dun sepulcro nin medra á sombra dunha catedral ou dun castelo”, trazos que a diferencian de todas as cidades galegas da Idade Media. Así nace a actual Coruña, como reguenga e fóra do control episcopal, e así se manterá durante séculos.
Unha nova etapa na historia da cidade comezará cando se converta en capital administrativa e militar de Galicia coa instalación da Real Audiencia e a Capitanía Xeral. Ao control exercido pola mesocracia comercial e mariñeira dos séculos medievais sucederá o dunha burocracia foránea que fixo medrar a cidade pero a costa de perder gran parte da súa independencia inicial. A chegada de empresarios foráneos a partir da segunda metade do século XVIII permitirá o desenvolvemento dunha nova burguesía que apostou decididamente polo liberalismo no século XIX, secundando accións tan destacadas que a fixeron merecedora do título de segundo baluarte da liberdade. E, de igual modo que en todas estas etapas A Coruña marcaba claramente o seu estilo, especialmente con respecto ao resto das cidades galegas, durante a etapa da Restauración borbónica volveu a marcar estas diferenzas cando se converteu na cidade republicana por excelencia, consolidándose ese control durante a Segunda República, período no que xurdiron figuras que alcanzaron proxección nacional.
Esta cidade liberal, republicana, democrática, culta e laica sucumbiu ás ditaduras e, durante o franquismo foi perdendo progresivamente algúns dos seus trazos máis significativos. Tras a recuperación das liberdades, A Coruña reorienta o seu futuro pero mantén a sensibilidade polo progreso artístico, a modernidade e a vangarda; perde a capitalidade e con ela a neoburocracia autonómica, pero trata de manterse como a gran cidade de servizos do norte de Galicia.
Así, analizando, comparando e destacando os trazos que singularizan A Coruña e que van contribuíndo a dar eses sinais de identidade que senten como propios os seus veciños e como diferentes os que a ven desde fóra, Barreiro foi construíndo esta obra que, pasados xa case corenta anos da súa primeira edición, aínda non foi superada. A impresionante bibliografía manexada, a inmensidade de temas tratados en cada época —poboación, grupos sociais, evolución urbanística, aspectos políticos, conflitos bélicos e sociais, vida económica e cultural...— fan que esta obra sexa de consulta imprescindible para quen desexe coñecer tanto a evolución xeral da historia da cidade coma o dato concreto e puntual dun determinado acontecemento.
Ademais de actualizar a Historia de La Coruña dez anos despois da primeira edición, Barreiro continuou traballando sobre numerosos aspectos concretos da cidade. Non é doado facer unha clasificación destes estudos debido á gran variedade de temas abranguidos, pero, a risco de deixar algúns fóra desta clasificación, poderíamos organizalos —tendo en conta que citamos unicamente aqueles directamente relacionados coa Coruña, sabedores dos milleiros de datos que están presentes nas varias Historias de Galicia e nos estudos de carácter monográfico, como o liberalismo, o carlismo, os ilustrados ou o republicanismo, e dos seus protagonistas, obras do propio Barreiro— nos seguintes grupos:
- Sínteses e/ou valoracións da historia da Coruña. Trátanse de prólogos, introducións ou breves estudos realizados por Barreiro para obras de moi variada tipoloxía: coleccións de postais, álbums de fotografías, imaxes sobre a evolución urbanística da cidade, conmemoracións como a dos 800 anos dos inicios da cidade...
- Personaxes coruñeses. Estudos individualizados e colectivos, biografías amplas ou centradas en aspectos concretos que, en moitas ocasións, servíronlle para analizar a cidade como contexto no que desenvolveu a súa actividade o personaxe estudado: María Pita, Somoza de Monsoriu, Erbella de Puga, Federico Tapia, Humboldt, Pablo Picasso, Emilia Pardo Bazán, a familia Casares, González Garcés, os ourives coruñeses, Julio Rodríguez Blanco...
- Feitos históricos concretos da historia da Coruña de todas as épocas e de todo tipo (político, cultural, artístico, militar...), ben como estudos propios ben como estudos introdutorios: o cerco de 1589, a batalla de Elviña, a Sociedade Patriótica de 1820, a festa do Corpus no século XIX, a fábrica de gas, a vida política municipal no primeiro terzo do século XX, o problema da capitalidade, a Asociación Patronal coruñesa...
- Estudos pormenorizados da prensa coruñesa. Son decenas de breves noticias sobre prensa editada na Coruña e que constitúen unha pequena parte do conxunto de traballos realizados por Barreiro sobre as cabeceiras e a historia da prensa, da imprenta e dos impresores.
- Prólogos e valoracións de obras de historia local realizados por outros investigadores: Lugo, Ferrol, Padrón, Pontedeume, Mugardos, Oleiros...
Para A Coruña foi un privilexio contar coa súa presenza en múltiples iniciativas e dispor dos seus valiosos traballos sobre a historia local. Poucas cidades teñen a sorte de contar cun historiador da categoría de Xosé Ramón Barreiro Fernández. Interesoulle todo o relacionado coa súa historia —entendida nun sentido moi amplo— e os temas das súas investigacións son innumerables. Pero non se limitaba a traballar e publicar el persoalmente, senón que co seu exemplo animou a novos investigadores a ampliar o coñecemento sobre esta cidade e a súa historia. Tamén o fixo desde as institucións das que formou parte, mais a min, aquí e agora, interésame salientar o exemplo que deu co seu incansable traballo e ca súa inmensa xenerosidade con todos os que, coma min mesma, nos diriximos a el como o mestre e historiador inigualable que foi.
Grazas, Pepe Barreiro.