Boletín da Real Academia Galega

Núm. 383, pp. 227-242

© 2022. Real Academia Galega

https://doi.org/10.32766/brag.383.829

CONSTRUÍNDO A IGREXA GALEGA. O CURA BARREIRO NA LONGA DÉCADA DOS SESENTA

BUILDING THE GALICIAN CHURCH. FATHER BARREIRO IN THE LONG DECADE OF THE 1960S

José Ramón Rodríguez Lago
Universidade de Vigo

ORCiD: 0000-0003-4235-8863

Resumo: Seminarista brillante, medalla de ouro en dereito canónico pola Universidade Gregoriana na Roma do Concilio, capelán obreiro na Galicia do desenvolvemento industrial, promotor inicial do Concilio Pastoral de Galicia e presidente da Asemblea Rexional do clero galego. A singular travesía de Xosé Ramón Barreiro Fernández no seo dunha Igrexa galega liderada entón polo cardeal Quiroga Palacios permite interpretar mellor non só a súa vida e obra, senón tamén a da historia de Galicia entre os anos 50 e 70 do pasado século.

Abstract: A brilliant seminarian, awarded with the gold medal in Canon Law from the Pontifical Gregorian University in the Rome of the Second Vatican Council, a chaplain in Galicia committed to industrial development, the initial promoter of the Pastoral Council of Galicia and president of the Regional Assembly of the Galician clergy. Understanding the unique journey of Xosé Ramón Barreiro Fernández within a Galician Church then led by Cardinal Quiroga Palacios enables a better interpretation not only of his life and work, but also of the history of Galicia from the 1950s to the 1970s.

Palabras chave: Xosé Ramón Barreiro Fernández, Seminarios, Concilio Vaticano II, Asemblea Conxunta do clero, Concilio Pastoral de Galicia.

Key words: Xosé Ramón Barreiro Fernández, Seminaries, Second Vatican Council, Joint Assembly of the clergy, Pastoral Council of Galicia.

Como presidente da Real Academia Galega e desde diversas institucións, homenaxeouse xa en vida a Xosé Ramón Barreiro como un dos patriotas que, desde o compromiso coa nosa historia e a nosa lingua e cultura, contribuíron a modelar a nosa Galicia actual (Axeitos, Grandío e Villares 2008). A miña humilde achega á máis que merecida homenaxe á súa obra e figura pretende expoñer neste artigo como ese compromiso se manifestou xa —e non en menor medida— durante a súa breve pero fulgurante carreira eclesiástica, cando moitos —quizais ata el mesmo— o vían destinado a converterse en futuro príncipe da Igrexa (Rodríguez Lago 2023b). Seminarista brillante, medalla de ouro en dereito canónico pola Universidade Gregoriana na Roma do Concilio Vaticano II, capelán obreiro na Galicia do desenvolvemento industrial, promotor inicial do Concilio Pastoral de Galicia e presidente da Asemblea Rexional do clero galego, a súa traxectoria posterior non podería entenderse sen tales experiencias previas. Tampouco sen o transo que debeu supoñer para el o abandono da carreira eclesiástica. Analizar os azarosos anos do cura Barreiro non só permite entender mellor a súa figura e a súa obra; tamén nos ofrece un panorama calidoscópico do proceso de mutacións observadas na Igrexa católica na década bautizada como “os longos anos 60” (Horn 2019; McLeod 2007).

BENDICIDO POR DEUS E POLOS HOMES. A FORXA DE BARREIRO (1936-1961)

En agosto de 1961 o bispo auxiliar de Santiago, Miguel Nóvoa Fuente, ordenou na catedral compostelá a promoción sacerdotal máis extensa da historia da Galicia contemporánea. Entre os 66 ordenados aquel día, un sobresaía polo seu extraordinario expediente e parecía verse chamado a ostentar altos designios na Igrexa. A influencia do cardeal Quiroga Palacios permitiu que gozase dunha bolsa outorgada polo goberno de España para continuar a súa formación en Roma durante os anos coincidentes coas sesións do Concilio Vaticano II. Antes de partir cara á cidade eterna, o sacerdote Paulino Pedret Casado, profesor de dereito e historia na Universidade, antigo membro do Seminario de Estudos Galegos e membro da Real Academia Galega, exercería como un dos orgullosos padriños de Xosé Ramón Barreiro na celebración da súa primeira misa. O seu outro acompañante naquela cerimonia festiva foi sen dúbida quen máis contribuíu a acrisolar a vocación relixiosa e a brillantez intelectual do seu sobriño. O sacerdote Manuel Fernández Cambeiro, irmán da súa nai, exercera como titor e guía do noso protagonista desde o seu nacemento en Ribeira, en decembro de 1936, mentres traballaba como coadxutor na parroquia de San Pedro de Palmeira. Nos primeiros meses de 1950, tras o novo destino do seu tío no municipio de Oroso, aquel mozo de trece anos que mostraba unha admirable precocidade intelectual iniciou os seus estudos de bacharelato no Instituto Xelmírez de Santiago, limítrofe coa igrexa da universidade e coa antiga facultade de Filosofía e Letras.

Os cinco anos do instituto alimentaron á súa vez a súa relación con outro sacerdote que exercería nel grande influencia. Casimiro Torres Rodríguez dirixía desde había anos a biblioteca da universidade e sería en 1954 un dos máximos promotores do Instituto de Estudos Xacobeos, fundado baixo o patrocinio do CSIC. A través das confesións que o historiador e clérigo trasladou anos máis tarde no xornal La Noche, sabemos da súa admiración por aquel prometedor adolescente (Camino 1965). Mentres os seminarios menores das cinco dioceses galegas se converteran en lugar de acollida de numerosos nenos que iniciaban con once ou doce anos a súa formación na carreira sacerdotal (Rodríguez Lago 2015), Barreiro solicitaría o seu ingreso no seminario maior tras finalizar o bacharelato, formando parte da moi restrinxida nómina de vocacións relativamente tardías; esta posición outorgaríalle maior autonomía e unha cosmovisión menos enclaustrada ca a da maior parte dos seus colegas (Rodríguez Lago 2004, pp. 139-181).

Convén situar tamén a súa decisión no contexto de exaltación nacional-católica e xacobea apreciable na década dos 50. No inicio do goberno de Fernando Quiroga Palacios como arcebispo (Mínguez 1996; Rodríguez Lago 2014) entoara un discurso de exaltación da reconstrución social e cultural de Galicia, que outorgou esperanzas a unha nova xeración do galeguismo1. A súa dirección da Comisión Episcopal de Caridade, designada pola Conferencia de Metropolitanos Españois para administrar a Axuda Social Americana (Mínguez 1997) da estadounidense National Catholic Welfare Conference (NCWC), a súa coroación coa barreta cardinalicia en 1953, o inicio da construción dun novo seminario menor ou a celebración dun grandioso Ano Santo Compostelán en 1954 dotarían entón a Compostela dun protagonismo fulgurante.

Barreiro ingresou no Seminario Maior en setembro de 1955. Foron seis anos de formación, que alén de filosofía ou teoloxía, permitiríanlle coñecer as reviravoltas dunha institución eclesiástica na que pesaban máis os usos e os costumes ca as normativas e os discursos. As redes clientelares de servizos e favores establecidas entre os seminaristas e os seus respectivos padriños —laicos ou clericais— xeraban tensións, pero o réxime de internado e a conciencia de formar parte dun corpo de prestixio reforzaban por entón o status e o sentimento de grupo. Sempre valoraría as leccións aprendidas dos dous cerebros grises cos que entón contaba o cardeal, ao seu xuízo os dous mellores profesores que nunca tivera. Ambos pasaran previamente pola Universidade Gregoriana de Roma. O veterano, Manuel Rey Martínez, simbolizaba a esperanza de renovación dunha Igrexa galega aberta ao mundo (Lemos 2005), tras impulsar a conformación do Instituto de Estudos Xacobeos (1954), a publicación da revista Compostellanum (Mínguez 2005) ou o seu proxecto dunha futura Universidade Eclesiástica; o por entón novo José Guerra Campos exercía como consiliario das Mocidades de Acción Católica na universidade. Ambos estendían entre os seminaristas as máis recentes ideas dos intelectuais católicos da Europa da posguerra. Pero se por algo sobresae o Barreiro daqueles anos, ademais de polos seus dotes intelectuais, é por converterse moi pronto en líder e portavoz dos seus compañeiros de promoción. Sempre compaxinaría as súas brillantes notas coas demandas presentadas ante a autoridade en favor dos seus compañeiros; unha acción institucionalizada a través das páxinas da revista Adelante, que fundou e dirixiu no Seminario. Restaba por ver se a súa futura estancia en Roma reforzaría tales conviccións e confirmaría a brillantez dos seu cursus honorum.

A DÉCADA PRODIXIOSA DO CURA BARREIRO (1961-1971)

En setembro de 1961, sen cumprir os 25 anos, Barreiro chegou a unha Roma que tras a celebración dos xogos olímpicos vivía a era dourada do turismo norteamericano e da especulación inmobiliaria; pero, sobre todo, á Roma que estaba a piques de celebrar o Concilio Vaticano II. Residente no Colexio Pontificio Español, situado por entón no Palazzo Altemps; alumno dunha Universidade Gregoriana convertida en centro do proceso de renovación teolóxica e pastoral liderado polos xesuítas; e coñecedor da diplomacia cultural desenvolvida na capital italiana polo galego Maximino Romero de Lema, reitor por entón da Igrexa Nacional Española de Santiago e Montserrat en Roma e promotor do Instituto Español de Estudos Eclesiásticos (1949) e mais do Instituto Español de Historia Eclesiástica (1953). Barreiro compaxinou a súa formación entre as elites do clero mundial co seu labor pastoral na periferia romana. Coñeceu así de primeira man o diálogo aberto con outras confesións e ideoloxías e o peso que tiñan en todo iso instancias norteamericanas como o Colexio Pontificio Norteamericano ou a sede romana da NCWC, que viran apoiadas as súas teses coa chegada de Kennedy á presidencia. Quiroga Palacios, Manuel Rey Martínez e José Guerra Campos requirirían ademais dos seus servizos durante as súas estadías en Roma con ocasión das sesións conciliares.

A aprendizaxe nos usos e costumes da curia vaticana permitiulle coñecer non só as formas da diplomacia pontificia, senón as complexas redes que xogaban a súa partida nas decisións eclesiais. Por último, e non menos importante, foi en Roma onde Barreiro comezou a coidar con dedicación e esforzo a arte da oratoria, tras a advertencia que algúns profesores verteron sobre unha locuacidade asombrosa pola que brotaba un torrente de ideas ingobernables, en castelán, italiano ou latín. A sentenza ditada entón por un dos seus profesores, pessimus profesor eris (serás un pésimo profesor), actuaría nel como poderoso revulsivo para coidar que aquelas ideas que se atropelaban na súa cabeza puidesen expresarse cun ritmo máis fluído e sereno, unha linguaxe accesible e unha voz con verdadeira autoritas. O 25 de maio de 1965 defendeu en latín a tese A perpetuidade subxectiva do beneficio eclesiástico, pola que obtería o summa cum laude e a Medalla de Ouro con que a Universidade Gregoriana galardoaba os seus mellores alumnos. Compartiría tal honra co estadounidense William W. Bassett2, co austríaco Heinrich Fasching3 e co italiano Velasio de Paolis4. Barreiro era o máis novo dos catro e aquela condecoración remataba a súa consagración académica en Roma.

Xosé Ramón Barreiro regresou entón a Santiago para asumir as tarefas encomendadas polo cardeal Quiroga. O seu regreso a Galicia tivo lugar ademais no medio dos fastos xacobeos de 1965, cerimonias que lle permitiron observar o proceso de transformación evidenciada na súa terra natal. A batalla en favor do uso do galego na liturxia viña xerando crecente tensión entre o cardeal e os seus subordinados (Alvilares 1965; Araúxo 1975; Caamaño e Rodríguez 1980; Domínguez 1998), e a Mocidade Obreira Católica celebrou en xullo a súa primeira asemblea rexional suscitando alarma entre as autoridades do réxime5. Mentres o sacerdote Xosé Chao Rego presentaba en Colonia o relatorio “Nécessité d’une ouverture missionnaire da paroisse en Espagne” (1965), os bispos seguían aparvados polo progreso das novas correntes teolóxicas (Araúxo 1996). O espírito do Concilio e os cambios no tecido socioeconómico por efecto da apertura ao capital exterior comezaban a rachar o peso do tradicionalismo. Algúns dos artigos publicados por Barreiro na revista Compostellanum (1965) mostraban un proxecto de conciliación e diálogo entre a tradición e as demandas emerxentes6.

O seu primeiro destino pastoral estivo localizado a uns cincuenta quilómetros de Santiago. A aldea de Portodemouros, en Arzúa, testemuñaba entón o combate entre os postulados do tradicionalismo e as teses do desenvolvemento industrial. Tras a construción das bases militares dos Estados Unidos asentadas en España, as empresas norteamericanas Goysa Walsh e Ingersoll Rand Company fixéranse coa concesión para construír un encoro e unha gran central hidroeléctrica para a empresa Moncabril no río Ulla. As crónicas xornalísticas entoaban cánticos exaltados a tal vía de progreso7, e durante dous anos e medio Barreiro debeu atender espiritualmente os máis de 2 000 traballadores das comarcas afectadas dramaticamente polo faraónico proxecto, convivindo á súa vez coas familias de enxeñeiros e técnicos procedentes dos Estados Unidos, Bélxica e outras rexións de España8. Asumindo o rol tribunicio que por entón pretendían ostentar as autoridades eclesiásticas, Barreiro trataría de conciliar o empuxe irresistible dunha modernización imposta desde o exterior coa tutela e protección das comunidades locais (Castro 2003; Pérez Prieto 2010; Cabana e Lanero 2009; Díaz 2019), tensións que deberon incidir notablemente na súa conciencia e visión do futuro de Galicia.

Os intereses norteamericanos en España non só eran apreciables por entón a través do investimento de capitais de grandes corporacións. Os informes da embaixada norteamericana sobre a evolución da Igrexa en España constataban a tensión crecente entre dúas xeracións de clérigos nados e formados en contextos moi diferenciados9. Do mesmo xeito que sucedera cos universitarios desde 1956 (Ruiz 2021), a promoción de seminaristas e novos sacerdotes inspirada polo espírito do Concilio faría mudar o silencio mantido durante os anos de submisión á xerarquía polo anhelo de cambio (Rodríguez Lago 2016). Nunha primeira entrevista realizada a Barreiro en La Noche, tras publicarse na Coruña o seu primeiro libro xunto ao sacerdote Rafael Silva Costoyas e cun prólogo asinado por García-Sabell (Barreiro e Silva 1965), Barreiro analizaba a personalidade do mestre Mateo10. Compaxinaba entón o seu labor pastoral en Portodemouros coa dirección de Compostellanum, que Manuel Rey Martínez lle encomendara (Barreiro 2005). Anunciaba ademais o seu traballo nun novo libro que tería por obxecto a relación entre o mundo do traballo e o sacerdocio. Parecía xa chamado a liderar o proceso de transformación que permitiría o aggiornamiento de Galicia ao espírito conciliar.

Tras ser designado primeiro presidente da Conferencia Episcopal Española, o cardeal Quiroga depositou en Barreiro a responsabilidade de deseñar un próximo sínodo que trasladase ás cinco dioceses galegas o espírito do Concilio. O cardeal e o seu vigairo, Benito Espiño Arceo, reuníronse cos novos profesores do seminario, Manuel Calvo Tojo, de 34 anos, e Barreiro, que non cumprira aínda os 30, para encomendarlles a posta en marcha da iniciativa. Ambos consideraron conveniente realizar previamente un estudo sociolóxico que recollese as preocupacións e demandas do clero. O 31 de outubro de 1966 os bispos de Galicia aprobaron a posibilidade de predicar a homilía en galego, pero, para entón, as iniciativas reformistas víanse superadas polas demandas lanzadas en público por alternativas máis rupturistas.

Recentemente conformada en Madrid unha Comisión Episcopal do Clero presidida polo cardeal Quiroga, en decembro de 1966 tivo lugar en Santiago a primeira asemblea das comisións diocesanas antepreparatorias do Concilio da provincia de Compostela. Mentres conciliaba os ánimos de peóns, técnicos e enxeñeiros en Portodemouros, debería en Santiago construír unha plataforma de diálogo entre os que anhelaban a reforma eclesiástica, os que mostraban os seus temores ante calquera cambio e os que parecían dispostos a dinamitar todo o legado da tradición. Nesas mesmas datas Xosé Chao Rego lideraba a celebración en Santiago da primeira reunión do movemento de Coloquios Europeos de Parroquias e a revista Signo saía á rúa cun rotundo monográfico titulado “Galicia hoxe”, testemuño paradigmático da estreita cooperación entre parte da militancia católica e a esquerda, que apostaba abertamente pola revolución11. O órgano oficial da Juventud Católica Española reunía un elenco de firmas galegas que confirmaban a irmandade establecida co nacionalismo e o marxismo. Mentres denunciaba a posición da xerarquía eclesiástica12, a UPG parecía tomar ao asalto a redacción de Signo. Aínda non tiveran lugar as reunións para organizar o futuro Concilio galego e a división entre católicos evidenciábase flagrante. Sería posible acadar un consenso?

En decembro de 1967 Barreiro presentou o informe final para a posta en marcha do Concilio e os cinco bispos de Galicia aprobaron a súa proposta, denominada xa oficialmente “Concilio de Galicia”13. O último día de xaneiro de 1968 reuníronse en Santiago os delegados de cada diocese para poñer en marcha a denominada “Enquisa aos párrocos”, primeira das previstas para o estudo. Barreiro insistiu na necesidade de reservar un espazo específico para que os responsables das parroquias puidesen expresar as súas propostas con total liberdade. O 14 de febreiro el mesmo presentou ante o presbiterio compostelán as liñas forza do futuro Concilio, pero mentres os delegados lles trasladaban aos responsables de cada arciprestado as orientacións para a recollida de datos daquela primeira enquisa, a Universidade de Santiago protagonizaba un intenso período de axitación liderado polos militantes do Sistema Democrático de Estudantes (Gurriarán 2008 e 2010); unha intensa onda de protestas que acabou por alcanzar ao clero14. O desmantelamento da Acción Católica especializada por obra e graza de Guerra Campos (Guerra Campos 1989; Montero García 2010 e 2019), provocou que antigos dirixentes da JOC e a JEC aplicasen a metodoloxía do “Ver, xulgar e actuar” e o sentido da misión profética á súa colaboración coas organizacións políticas clandestinas. Pero do mesmo xeito que sucedía entre os estudantes, unha xeración de consiliarios, novos sacerdotes e seminaristas sentiuse chamada a liderar o proceso de cambio e considerábase cualificada para poñelo en marcha, a pesar da resistencia dunha xeración anterior apegada á España da autarquía confesional e o imaxinario da cruzada.

En abril de 1968 o Movemento Europeo de Parroquias congregou un centenar de sacerdotes no III Coloquio celebrado na Casa de Exercicios de Santiago. Os ecos do proceso descolonizador evidenciábanse con vigor entre unha parte do clero, o máis novo e o máis cualificado, que acollía as teorías da dependencia, o subdesenvolvemento e a colonia interior como parte do discurso profético en favor do pobo e contra as estruturas de opresión e alienación política, cultural e eclesiástica. A “Enquisa de párrocos” (denominada oficialmente “Programa 2.1”) realizouse nas primeiras semanas de maio de 1968, tras os idus de marzo da Universidade de Santiago e os ecos da revolución en París. Ao mesmo tempo, resolvíase entre Roma e Madrid a provisión dun bispo auxiliar para o cardeal Quiroga. Barreiro e o clero aperturista depositaban a súa confianza en Manuel Rey Martínez, pero unha repentina e grave enfermidade deixaría o favorito fóra de toda opción. A súa incapacidade deixaría o noso protagonista sen a benfeitora protección do seu principal mentor. En xuño, Barreiro e o sacerdote Antonio Vicente Ferreirós presentaron o informe preliminar sobre as respostas ofrecidas ata ese momento polos párrocos enquisados, pero aquel verán resultou demasiado tórrido como para non facer efecto nos encargados de velar polo proceso. Barreiro pasaría pronto a converterse nun dos clérigos sospeitosos de traizoar ao réxime15.

En outubro de 1968 os europeos celebraron no colexio da Compañía de María o IV Coloquio Rexional titulado Laicos y sacerdotes en el Pueblo de Dios, e un monográfico de revísta xesuíta Mundo Social, titulado “La Iglesia y el desarrollo de Galicia”, inaugurábase coa alegación de Barreiro para a participación no Concilio16. Fronte á influencia previa da UPG, serían agora os membros do grupo SEPT os que gañarían posicións (Pastoriza 2020). A pesar de todo, as páxinas da revista plasmaban as teses do terceiromundismo en voga17 e a batalla cultural víase superada polas preocupacións de índole económica. Un artigo de Barreiro en El Pueblo Gallego deixaba clara a súa posición con respecto ao uso e abuso do patrimonio eclesiástico. A venda de dous importantes edificios da arquidiocese, como foron o pazo de Raxoi e o Sanatorio Psiquiátrico de Conxo, proporcionaría ás arcas do cabido e da arquidiocese importante ingresos. Fronte ás propostas para ofrecerlle unha homenaxe pública ao cardeal agradecendo a xenerosa “cesión” do seu patrimonio ao erario público, Barreiro mostraba en público a súa manifesta oposición e facíao apelando a razóns morais, canónicas e teolóxicas18.

A publicación do libro El trabajo manual del clero (Barreiro, Silva e Cebrián 1968), contaría ademais co apoio do prestixioso teólogo José María González Ruiz (Tabares 2005; Centeno, Díez Maestro e Pérez 2009; Botey 2011). Por entón, a Comisión Técnica do Concilio de Galicia aprobara un informe sobre os resultados do cuestionario realizado vinte meses antes19, pero que xamais vería a luz. O descontento rendía entre o clero máis aperturista (Alvilares 1969) e o Concilio de Galicia veríase aprazado pola prioridade dunha nova Enquisa Nacional do Clero, que culminaría na celebración de asembleas do clero diocesano en toda España (Rodríguez Lago 2019, pp. 91-93). Paralizado o proceso, en agosto de 1969 Barreiro presentou ante Quiroga a súa dimisión irrevogable de todas as responsabilidades contraídas co Concilio20. O seu progresivo distanciamento das directrices marcadas polo cardeal dotaríao de maior autonomía e favorecería o seu liderado arredor do grupo de sacerdotes, relixiosos e segrares que compaxinaban o seu catolicismo co galeguismo e o antifranquismo, tal e como puido apreciarse en xaneiro no libro A parroquia hoxe (Barreiro [et al.] 1970), primeiro dunha colección simbolicamente titulada Xeira Nova21.

Con Barreiro como profesor do seminario maior aprobáronse unhas “Liñas de orientación para o curso 1970/71” que substituían o anterior regulamento e concedían ampla autonomía aos seminaristas para modelar o programa formativo. En novembro, o primeiro ciclo formativo organizado baixo tales parámetros versou sobre economía galega e tivo entre os seus conferenciantes a Xosé Manuel Beiras, proposto entón como relator da Comisión de Caridade e Acción Social do futuro Concilio. Os resultados da enquisa nacional ao clero constataron ademais un significativo avance das posicións progresistas. As diverxencias entre o cuestionario realizado na primavera de 1968 e o respondido no inverno de 1970 indicaban que a porcentaxe de sacerdotes que consideraba urxente introducir cambios na dinámica eclesiástica crecera de xeito exponencial; tamén confirmaban o peso determinante do factor xeracional e a viraxe á esquerda dos máis novos, que eran tamén os máis numerosos22.

En febreiro de 1971 os seminaristas de Santiago deseñaron un ciclo formativo que estudaría a figura e a obra de Castelao, con conferencias de García-Sabell, Carvalho Calero e López Veiga. A iniciativa chocou coa férrea oposición do profesorado máis conservador. O 24 de marzo os seminaristas enviáronlle unha carta ao cardeal Quiroga e comunicaron a decisión de convocar unha folga xeral ata que non se tivesen en conta as súas demandas. Só uns días máis tarde, o VIII Coloquio Europeo de Parroquias tivo lugar en Ferrol, con Xosé Chao Rego convertido en símbolo da oposición ao franquismo23 e coa emerxencia fulgurante da Teoloxía da Liberación (Martínez García 1995, pp. 110-115). O 10 de maio Quiroga Palacios tomou cartas no delicado asunto do Seminario e nomeou unha comisión encargada de tomar as medidas oportunas. Un novo Consello Presbiterial reuniuse o 30 de xuño. A só unha semana da celebración das Asembleas Diocesanas do clero, o peso das posicións conservadoras nos dous organismos recentemente avalados por Quiroga resultaba abafador. Aveciñábase un choque de lexitimidades contrapostas: a disposta pola xerarquía e a que afirmaba actuar en nome do clero ou do “pobo de Deus” (Rodríguez Lago 2018).

O 5 de xullo, no Seminario Maior de Santiago, Barreiro pronunciou a primeira dos relatorios da Asemblea Diocesana de sacerdotes baixo o título “Relaciones obispo – sacerdotes”. A súa alegación de 26 páxinas vertía unha crítica aberta e sen complexos contra o documento elaborado previamente pola comisión executiva; tamén denunciaba sen ambaxes a xestión da autoridade polo cardeal nos últimos anos. Aos seus 35 anos, el converteríase en ariete da fronte opositora ao cardeal. A súa conferencia ante os setenta representantes do clero da arquidiocese denunciaba os malos usos e costumes da xerarquía. As súas teses contaron entón coa aprobación dos seus irmáns no sacerdocio e presentáronse como conclusións da Asemblea24. O triunfo das teses progresistas resultaba rotundo e algo similar acontecera nas restantes dioceses (Torres Queiruga 1972). A tensión entre os órganos executivos e os representantes do clero alcanzara a súa máxima expresión e quedaba pendente a Asemblea Rexional.

Na mañá do 29 de xullo os delegados das cinco dioceses reuníronse no seminario maior de Santiago. A corrente conservadora seguía contando co control do comité executivo e o apoio dos presidentes das comisións diocesanas, pero a primeira acción dos grupos de traballo sería a de elixir tres “moderadores” que exercerían como relatores. O resultado daquela votación cambiaríao todo: os tres máximos símbolos da batalla contra a xerarquía alcanzaron unha maioría cualificada e actuaron como xestores dunha nova asemblea. Teolindo Fernández Gómez, recoñecido opositor dos desatinos integristas de Ona de Echave en Lugo; Celso Montero Rodríguez, firme opositor do espírito de cruzada de Temiño en Ourense; e Barreiro, ariete das críticas a Quiroga, fixéronse así co control da asemblea. Os dous primeiros recoñeceron inmediatamente como presidente ao terceiro, quen asumiu o liderado e inaugurou oficialmente a Asemblea pronunciando un discurso en lingua galega e invocando a necesidade de que fose recoñecida como lingua oficial do futuro Concilio Pastoral de Galicia. As temáticas abordadas centraron toda a súa atención en cuestións como a relación bispos-sacerdotes, as economías e as estruturas diocesanas, a formación permanente do clero, a opción sacerdotal do traballo remunerado na sociedade ou a debida posición do sacerdote ante a situación política de Galicia.

A resolución final da Asemblea Rexional do clero galego quedou á espera dun cardeal que non chegaría a facer acto de presenza ante os reunidos, obrigados a clausurar o encontro nun clima de enorme tensión e incerteza. As propostas aprobadas presentaríanse ante a Conxunta en Madrid, pero, contrariamente ao que se apuntou inicialmente no Boletín Diocesano do Arcebispado, xamais chegaría a publicarse discurso, informe ou conclusión algunha. Un clamoroso silencio á espera da Asemblea Conxunta e coa ameaza de sancións pendentes sobre profesores e seminaristas díscolos. O 12 de setembro, un día antes do inicio da Conxunta, un grupo de 300 sacerdotes galegos repartiu entre o clero e a prensa un comunicado que expresaba a súa repulsa contra a revolta liderada por Barreiro, cualificada como tentativa de cisma. A reacción concertada do tradicionalismo xa non sería privada, senón pública25. Dez anos despois da súa xubilosa ordenación sacerdotal, a reacción do sector conservador ditaminaría o seu ostracismo. Expulsado como profesor do seminario e sancionado pola súa actuación durante a Asemblea, mantería unicamente o seu posto como director administrativo da revista Compostellanum, pero veríase obrigado a elixir entre a submisión á autoridade ou o inicio dunha nova travesía vital.

O 25 de novembro de 1971 o Boletín Oficial do Arcebispado publicou un Regulamento do Concilio Pastoral de Galicia, que, prescindindo da denominación rexional e baixo control absoluto das posicións máis conservadoras, permitiría que todo quedase “atado e ben atado”. Quiroga faleceu en Madrid só uns días máis tarde. Con 35 anos cumpridos, Barreiro iniciaría unha nova carreira académica, primeiro como estudante de Dereito e pronto como alumno de Xeografía e Historia. Como outros moitos, sentíndose orfo dunha Igrexa xerárquica que parecía traizoar o Pobo de Deus, desenvolvería desde entón a súa misión por Galicia nos ámbitos civís. A posterior entrada do arcebispo Ángel Suquía na diocese acabaría afectando tamén o Instituto de Estudos Xacobeos, a súa revista e o vello proxecto da Universidade Pontificia en Galicia. Os arietes da renovación serían apartados de calquera posición relevante no seo da Igrexa galega. Tras sucesivos anos de parálises, o Concilio Pastoral de Galicia celebraría a súa primeira sesión en xuño de 1974 e sería clausurado en xullo de 1979, con Antonio María Rouco Varela como bispo auxiliar.

Mentres tanto, tras o falecemento do ditador, o compromiso militante da editorial SEPT (Pérez Vilariño 1973; Rodríguez Pampín 1976) e o liderado de Torres Queiruga inspirarían a revista Encrucillada, aínda hoxe órgano dos católicos que conxugan a súa fe co galeguismo e as correntes progresistas. Xa no seu segundo número, un artigo de Barreiro denuncia a tradicional hostilidade da xerarquía eclesiástica cara á lingua e á cultura galegas (1977). O noso protagonista desenvolvía xa unha nova etapa vital na que contribuiría con brillantez á construción da democracia e da Autonomía, á revitalización da lingua e da cultura galegas e ao progreso da nosa historiografía (Rodríguez Lago 2017); unha etapa que dificilmente podería entenderse sen a experiencia previa atesourada no cursus honorum eclesiástico.

Hai case trinta anos, mentres se celebraban en Santiago os fastos dun novo Ano Xacobeo chamado a facer historia, quen isto escribe “atreveuse” a expresar ante o profesor Barreiro o seu soño de realizar unha tese doutoral sobre a Igrexa católica na Galicia do franquismo. Ata ese momento, fascinado pola súa oratoria nas súas maxistrais leccións sobre a historia da Galicia contemporánea, sentíame intrigado polas múltiples lendas asociadas co seu paso pola carreira eclesiástica, e sobre as que el foi sempre tan reservado; desde entón puiden gozar dos seus sabios e amables consellos. Sirvan estas breves liñas como testemuño do meu máis sincero agradecemento a quen tanto debo e debemos todos os galegos.

Infinitas grazas, Mestre Barreiro.

NOTAS

1

“Ben vido, Don Fernando, a Santiago, sede de Xelmirez e os Fonseca”. La Noche. Suplemento esporádico. 9 (10/XII/1949), 1.

2

William Wood Bassett, Jr. (1932-2022). Editor da revista The Jurist e primeiro estadounidense na revista Concilium. Profesor de dereito canónico na Universidade de San Francisco.

3

Heinrich Fasching (1929-2014). Presidente das comisións austríacas de Iustitia et Pax (1994) e Pax Christi (1997).

4

Velasio de Paolis (1935-2017). Presidente da prefectura para Asuntos Económicos da Santa Sede (2008). Cardeal e delegado pontificio para a congregación dos Lexionarios de Cristo (2010).

5

Informe sobre la acción de la JOC en Galicia. 12 de agosto de 1966. Archivo histórico de Acción Católica Española, Biblioteca de la Universidad Pontificia de Salamanca.

6

Tal e como pode apreciarse nas recensións dos libros de Louis Janssens, Liberté de conscience et liberté religieuse (París, 1964); John Rock, Control de natalidad (Barcelona, 1964); J. Cadet, El laicado y del derecho de la Iglesia (Barcelona, 1965); David Núñez, La libertad religiosa (Buenos Aires, 1965); José María Díez-Alegría, La Libertad religiosa (Barcelona, 1965); ou Alberto Bernárdez Cantón, Legislación eclesiástica del Estado (Madrid, 1965).

7

“Gigantesco Plan. Aprovechamiento hidroeléctrico del río Ulla”. La Noche. 7/XI/1964, 7.

8

“El salto de Portodemouros entrará en servicio en los primeros meses de 1967”. La Noche. 12/II/1966, 30.

9

Informe confidencial “Church and Stare in Modern Spain. A basic report by Robert W. Zimmermann, Counsellor of Embassy for Political Affairs” (13/I/1966). NARA: Department of State.

10

“Habla uno de los autores del libro «El pórtico de la Gloria». El Maestro Mateo: Una personalidad extraordinaria”. La Noche. 16/II/1966.

11

“Galicia hoy”, monográfico de Signo. Semanario de la Juventud. 10/XII/1966.

12

“A Igrexa católica e o uso do galego. Acusamos”. Terra e Tempo. 2 (1965), 4; “Upeguismo e clericalismo”. Terra e Tempo. 8 (1967), 5-6.

13

Acta de la V Reunión de preparación del Sínodo, 21/XII/1967 (ABF-LM).

14

“Santiago, 800 estudiantes desalojados de la Universidad por la fuerza pública”. El Progreso. 13/III/1968, 1; “Santiago. Continúa la huelga en todas las Facultades universitarias”. El Progreso. 15/III/1968, 1.

15

“Informes confidenciales sobre la actuación del clero en la provincia de La Coruña (1964-1976)”. AGA: Fondo Gabinete de Enlace, [03] 104.04, Caja 566.

16

“Un Concilio para los gallegos”. Mundo Social. 159, 15/X/1968, 3.

17

“Editorial. Concilio en Galicia y desarrollo”. Mundo Social. 159, 15/X/1968, 1.

18

“Sobre la venta del sanatorio de Conjo, del palacio de Rajoy y la idea de un homenaje”. El Pueblo Gallego, 8/X/1968, 12.

19

Estudio socio-religioso preparatorio del Concilio de Galicia. Resultado de la encuesta de párrocos e interpretación del Equipo Gallego. Santiago, xaneiro de 1970. Arquivo Barreiro Fernández-López Morán (ABF-LM).

20

Copia da carta de dimisión entregada ao cardeal Quiroga Palacios, agosto de 1969 (ABF-LM).

21

Contraportada en A parroquia hoxe, editorial Galaxia, colección Xeira Nova, Vigo, xaneiro de 1970.

22

En 1970 os sacerdotes de menos de 40 anos superaban o 52 % do total dos existentes na arquidiocese de Santiago. A súa presenza no Consello de Presbíteros non acadaba el 17 %. Estatística presentada na Asemblea do clero da arquidiocese de Santiago (ABF-LM).

23

En febreiro de 1970 Xosé Chao Rego foi un dos catro sacerdotes da provincia da Coruña sentenciados con multas ou penas de prisión polo Tribunal de Orde Pública (TOP). O seu coadxutor, Vicente Couce Ferreira, permaneceu na prisión concordatoria de Zamora entre xaneiro e outubro de 1971.

24

Conclusións aprobadas do relatorio “Relaciones obispo-sacerdotes”, pola asemblea do clero da arquidiocese de Santiago de Compostela, xullo de 1971 (ABF-LM).

25

“Trescientos sacerdotes gallegos contra la Asamblea”. ABC (Sevilla). 14/IX/1971, 21.

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS

Alvilares Moure, Xosé (1965). O clero e o uso do idioma galego. Lugo: Anteo.

Alvilares Moure, Xosé (1969). ¿Proceso a la Iglesia gallega? Madrid: Marova.

Araúxo Iglesias, Miguel Anxo (1975). A fe Cristián ante a cuestión da lingua galega. Vigo: SEPT.

Araúxo Iglesias, Miguel Anxo (1993). Memoria de vida. Vigo: Ir Indo.

Araúxo Iglesias, Miguel Anxo (1996). Os bispos de Galicia e o Vaticano II. A Coruña: Fundación Caixa Galicia.

Axeitos Agrelo, Xosé Luís; Grandío Seoane, Emilio; e Villares Paz, Ramón, eds. lit. (2008). A patria enteira. Homenaxe a Xosé Ramón Barreiro Fernández. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, Universidade de Santiago de Compostela, Real Academia Galega.

Barreiro Fernández, Xosé Ramón (1965). Origen litúrgico del Derecho Canónico. Compostellanum. 13 (10), 177-192; 13 (11), 389-403.

Barreiro Fernández, Xosé Ramón (1977). Igrexa e galeguismo na historia (1846-1923). Encrucillada. 2, 3-16.

Barreiro Fernández, Xosé Ramón (2005). A microhistoria de Compostellanum. Primera fase (1956-1973). Compostellanum. 50, 129-142.

Barreiro Fernández, Xosé Ramón [et al.] (1970). A parroquia hoxe. Vigo: SEPT.

Barreiro Fernández, Xosé Ramón e Silva Costoyas, Rafael (1965). El pórtico de la Gloria. A Coruña: Moret.

Barreiro Fernández, Xosé Ramón, Silva Costoyas, Rafael e Cebrián Franco, Juan José (1968). El trabajo manual del clero. Santiago: Porto y Cía.

Barrera, Carlos (2001). Revistas católicas y conflictos con el poder político en el tardofranquismo. Anuario de Historia de la Iglesia. 10, 101-142.

Berzal de la Rosa, E. (2011). Sotanas, martillos y alpargatas. Las contradicciones de un movimiento obrero impulsado por el clero. En: M. Ortiz Heras e D. González, De la cruzada al desenganche: la Iglesia española entre el franquismo y la transición. Madrid: Sílex.

Botey, J. (2011). Curas obreros. Compromiso de la Iglesia con el mundo obrero. Barcelona: Cristianisme i Justícia.

Caamaño Suárez, Manuel e Rodríguez Pampín, Xosé Manuel (1980). Pro e contra da liturxia en galego. Historia dunha polémica. Vigo: SEPT.

Cabana, Ana e Lanero, Daniel (2009). Movilización social en la Galicia rural del Tardofranquismo (1960-1977). Historia Agraria. 48, 111-132.

Camino, R. del [seudónimo de Casimiro Torres Rodríguez] (1965). Nebulosa. Tetralogía bibliográfica. Sobre un detalle de la doctrina canónica de Amor Ruibal. La Noche. 1/V/1965, 12.

Castro, Brais do (2003). Moncho Valcarce. O cura das Encrobas. A Coruña: Novos vieiros.

Centeno García, J., Díez Maestro, L. e Pérez Pinillos, J. (2009). Curas obreros. Barcelona: Herder.

Chao Rego, Xosé (1965). Nécessité d’une ouverture missionnaire de la paroisse en Espagne. Paroisse et Mission. Colloque Européen des Paroises. 24, 88-93.

Chao Rego, Xosé (1972). As relacións Eirexa-Mundo en Galicia. Vigo: SEPT.

Díaz Geada, Alba (2019). De memoria, revuelta y conciencia. El sindicalismo democrático campesino en la Galiza de la dictadura y el proceso de cambio de régimen político. En: Julio Prada Rodríguez, Galicia en transición. Madrid: Sílex, 193-223.

Domínguez Castro, Luis (1998). Tiempo de Pentecostés, tiempo de asilo: Iglesia, idioma y oposición política en Galicia durante el tardofranquismo y los albores de la democracia. En: E. Baena Duque e Fco. J. Fernández Roca, 3º Encuentro de investigador@s sobre el franquismo y la transición. Sevilla: Muñoz Moya, 515-522.

Guerra Campos, José (1989). Crisis y conflicto en la Acción Católica Española y otros órganos del apostolado seglar desde 1964. Madrid: ADUE.

Gurriarán, Ricardo (2010). Inmunda escoria. A Universidade franquista e as mobilizacións estudiantís en Compostela, 1939-1968. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.

Gurriarán, Ricardo (2019). El movimiento estudiantil en la Universidad gallega. De la calma a la subversión. En: Julio Prada Rodríguez, Galicia en transición. Madrid: Sílex, 225-261.

Horn, Gerd-Rainer (2019). The Spirit of Vatican II: Western Europe Progressive Catholicism in the Long Sixties. Oxford: Oxford University Press.

Lemos Montanet, José Leonardo (2005). Memoria de una vida: Manuel Rey Martínez (1909-1974). Compostellanum. 50, 13-82.

Martínez García, Xosé Antonio (1995). A Igrexa antifranquista en Galicia (1965-1975). Sada: Ediciós do Castro.

McLeod, Hugh (2007). The Religious Crisis of the 1960s. Oxford: Oxford University Press.

Mínguez Goyanes, Xosé Luis (1996). Don Fernando Quiroga Palacios y su proyección en la iglesia gallega (1946-1971). Tese de doutoramento. Universidade de Santiago de Compostela.

Mínguez Goyanes, Xosé Luís (1997). La Iglesia española y la “Ayuda Social Americana” (1954-1968). Hispania sacra. 49 (100), 421-462.

Mínguez Goyanes, Xosé Luís (2005). En torno al nacimiento de Compostelanum. Compostellanum. 50, 83-128.

Montero García, Feliciano (2000). La Acción Católica en el franquismo. Auge y crisis de la Acción Católica Especializada. Madrid: UNED.

Montero García, Feliciano (2009). La Iglesia de la colaboración a la disidencia (1956-1975). Madrid: Encuentro.

Montero García, Feliciano (2011). La Iglesia dividida. Tensiones intraeclesiales en el segundo franquismo. La crisis postconciliar en el contexto del tardofranquismo. En: M. Ortiz Heras e D. González, De la cruzada al desenganche: la Iglesia española entre el franquismo y la transición. Madrid: Sílex.

Montero García, Feliciano e Louzao Villar, Joseba (2016). Catolicismo y franquismo en la España de los años cincuenta. Autocríticas y convergencias. Granada: Comares.

Pastoriza Rozas, Xosé Luís (2020). Servicio de Edicións, Publicacións e Traducións (SEPT): o antecedente de Editorial Galaxia. Grial: revista galega de cultura. 58, 28 e 77-89.

Pérez Prieto, Vitorino (2010). Moncho Valcarce. Un símbolo para Galiza. Oleiros: Trifolium.

Pérez Vilariño, Xosé (1973). Relixión e Libertade. Vigo: SEPT.

Rodríguez Lago, José Ramón (2004). La Iglesia en la Galicia del franquismo (1936-1965): Clero Secular, Acción Católica y Nacional-Catolicismo. Sada: Ediciós do Castro.

Rodríguez Lago, José Ramón (2011). De la larga noche de piedra al despertar. La Iglesia y los católicos de Galicia entre la cruzada y la transición a la democracia. En: M. Ortiz Heras e D. González, De la cruzada al desenganche: la Iglesia española entre el franquismo y la transición. Madrid: Sílex, 187-206.

Rodríguez Lago, José Ramón (2014). Fernando Quiroga Palacios, o galego do Concilio. En: Jesús de Juana López, Julio Prada Rodríguez e Domingo Rodríguez Teijeiro, eds. Galegos de Ourense II. Ourense: Deputación Provincial de Ourense, 199-218.

Rodríguez Lago, José Ramón (2015). Entre la Cruzada y el Concordato: la Iglesia católica en la Galicia de Franco (1936-1953). En: Julio Prada Rodríguez, dir. No solo represión. La construcción del franquismo en Galicia. Madrid: Marcial Pons, 127-144.

Rodríguez Lago, José Ramón (2016). El Vaticano II y su impacto entre el clero en España (1959-1979). Gerónimo de Uztariz. 32, 63-87.

Rodríguez Lago, José Ramón (2017). La historiografía sobre el factor religioso y la Iglesia Católica en la Galicia contemporánea. En: Feliciano Montero García, Julio de la Cueva Merino e Joseba Louzao Villar, eds. La historia religiosa de la España contemporánea: balance y perspectivas. Alcalá de Henares: Universidad de Alcalá, 365-375.

Rodríguez Lago, José Ramón (2018). Las asambleas del clero diocesano en la Galicia de 1971. En: Feliciano Montero, Francisco Carmona e Joseba Louzao, eds. La Asamblea Conjunta de Obispos y Sacerdotes. Estudios diocesanos. Alcalá de Henares: Universidad de Alcalá, 221-246.

Rodríguez Lago, José Ramón (2019). ¿Atado y bien atado? El clero gallego del posconcilio a la transición (1965-1982). En: Julio Prada Rodríguez, Galicia en transición. Madrid: Sílex, 83-116.

Rodríguez Lago, José Ramón (2023a): Venceremos Nós! La militancia católica y la izquierda en la Galicia de los largos años 60. En: Julio de la Cueva e Joseba Louzao, Otro 68. Catolicismo e izquierdas en los largos años 60. Madrid: Marcial Pons, 403-435.

Rodríguez Lago, José Ramón (2023b). Barreiro en sotana. El cardenal que no llegó a ser. Profesor Barreiro. Homenaxe debida a Xosé Ramón Barreiro Fernández. A Coruña: Instituto de Estudios Coruñeses José Cornide, 87-115.

Rodríguez Pampín, Xosé Manuel (1976). Nova conciencia na Igrexa galega. Vigo: SEPT.

Ruiz Carnicer, Miguel Ángel, dir. (2021). Una juventud en tiempo de dictadura. El Servicio Universitario del Trabajo (SUT), 1950-1969. Madrid: Catarata.

Sánchez, A. e Mar Araus, M. (2015). Editorial ZYX, S.A.: Editorial Obrera contra el Franquismo. Revista Social and Education History (HSE). 4 (3), 260-286.

Santidrián Arias, V. e Gómez Alén, J. (1997). Vigo Obreiro. O periódico das CC.OO. de Vigo. Santiago de Compostela: Fundación 10 de Marzo.

Tabares, E. (2005). Los curas obreros: su comportamiento y su espíritu. Madrid: Nueva Utopía.

Torres Queiruga, Andrés (1972). A crise da conciencia relixiosa no mundo. Vigo: SEPT.