Boletín da Real Academia Galega

Núm. 383, pp. 219-223

© 2022. Real Academia Galega

https://doi.org/10.32766/brag.383.828

SOBRE A POESÍA DE FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN NOS SEUS INICIOS (1931-1934): POETA DAS COUSAS DAS TERRAS DE VALDEORRAS (OU SEXA, POETA MATRIÓTICO) E, ASEMADE, POETA DAS CAUSAS (OU SEXA, POETA CÍVICO, POETA PATRIÓTICO)

FLORENCIO THE EARLY POETRY OF FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN (1931-1934): THE POET OF VALDEORRAS REGIONAL LIFE (I.E., A MATRIOTIC POET) AND THE POET OF CAUSES (I.E., A CIVIC POET, A PATRIOTIC POET)

Xesús Alonso Montero

O título da miña alocución non é, como pode parecer, un xogo de palabras; é o título dun achegamento á poesía de Delgado Gurriarán que se propón deslindar dous tipos de composicións que estiveron moi presentes, dun xeito moi especial, na primeira etapa pública da súa carreira literaria, a que vai de 1931 a 1934. Sobre este período de menos de catro anos debruzarase a miña curiosidade. Fareino aquí, en Córgomo, onde o autor escribiu todas ou moi boa parte das páxinas poéticas que van solicitar a miña atención durante uns minutos; en Córgomo, miñas donas e meus señores, que Florencio sempre levou no corazón, de aí que o seu primeiro pseudónimo fose “Corgomófilo”, que un estudante de grego clásico traduciría ‘o que ama a Córgomo’. Teño a sospeita, se mo permiten, de que “Corgomófilo” creouse a partir de “Demófilo”, que foi o pseudónimo empregado a fins do XIX por don Antonio Machado y Álvarez, que chegou a ser, na vida e nos seus estudos, un auténtico ‘amante do pobo’. Andaluz de nación, nacera, circunstancialmente, en Compostela, no ano 1848. Córgomo, en efecto, estivo decote moi presente na vida e na literatura do noso Florencio, quen, quizais, nunca se imaxinou que, anos despois do seu falecemento, tan lonxe de Valdeorras, Córgomo sería a capital literaria de Galicia nun día tan significativo como o 17 de maio. Hoxe é ese día, a data na que Córgomo, dalgún xeito, tamén, é o Día das Letras de Europa, pero deixemos os argumentos en favor deste loureiro para outra ocasión.

É ben sabido que Florencio, como poeta público, estreouse en 1931, concretamente en febreiro dese ano, se nos atemos ós datos da insubstituíble monografía de Ricardo Gurriarán. Xa cumprira o autor 27 anos. No período que vai dos inicios de 1931 a ben entrado 1934, a data de Bebedeira, o seu primeiro libro, Florencio publica, na prensa galega, poemas de condición moi distinta. Abundan os que cantan e contan as cousas das terras de Valdeorras, a súa comarca natal: os farturentos viñedos, as excelencias dos seus viños, o curso do río Sil, os vizosos soutos e a delicia das festas e doutros aconteceres. O poemario canta a súa pequena e íntima patria, ou sexa, a súa matria, ese territorio físico e afectivo que emite acotío signos confortables, incluso garimeiros, como garimeiras son, nos seus cantos de berce, as nais. Debería dicir, miñas donas e meus señores, “mais”, voz menos lonxe do étimo latino “mater” / “matrem”, pois sabido é que, noutros lugares de Galicia, a “nai” chámase “mai”.

Estes poemas sobre a patria pequena, sobre a matria, converten a Delgado Gurriarán nun poeta matriótico: o poeta da nación afectiva que era a súa matria valdeorresa. Poeta matriótico, por tanto, está na liña de quen, dun xeito maxistral, inaugurou en Galicia a poesía matriótica, Rosalía de Castro; a Rosalía que, nun poema de 1863, evocaba a “hortiña que quero tanto” e as “figueiriñas que prantei”. Poucas matrias tan ben poetizadas, en Galicia, como as terras de Valdeorras.

O noso poeta —poeta das cousas da súa venerada comarca natal— arrinca delas recursos literarios, algúns inesquecibles. Das cepas di: “as vidras, / ledas mozas churrusqueiras, / maquilladas de sulfato, / sorrinlle ao vento, coquetas”. E das nubes, que el escribe “nubens”, comunícanos: “enamoradas da serra, / andan a buscarlle as voltas / por ver de apalparlle as tetas”. Nun breve romance, titulado “A cadea”, o noso autor traza a biografía do río Sil, que o levan preso “as penas” (os penedos) e que actúan como “gardas civís”. Non é para menos pois o vello río destas terras

Seica din, que aló no monte,
zugóulle o sangue aos regueiros;
esforcióu doncelas fontes
e arroubóu o ouro das serras
para gastalo no mar
no “cabaret” das sereas.
Deron parte dél os lobos
cando ía fuxir â Cuba,
e inda que, en Montefurado,
meteuse no monte, a lúa
descobriuno e déronlle o alto.

Nestes exemplos —e hai moitos outros— están as prosopopeas, esa figura retórica que tanto prodigou o hilozoísmo naquela época, escola poética da que Delgado Gurriarán foi a voz máis rica. E as prosopopeas, señoras e señores, pertencen ó universo das metáforas e o noso poeta foi, sempre, un prodixioso creador de metáforas. Con estas figuras retóricas o noso escritor compuxo o poemario Bebedeira, que é o libro das cousas de Valdeorras, o libro dun matriota inspirado.

Desde 1931, Delgado Gurriarán compón poemas matrióticos, poemas que incorpora, en 1934, ó seu primeiro libro, Bebedeira, que é un canto á paisaxe da comarca natal e ás súas cousas, pero entre 1931 e 1934, nos mesmos rotativos, publica outro tipo de poemas, algúns decididamente comprometidos coa causa da galeguidade. Reparemos, en primeiro lugar, no titulado “Xuntanza”, de decembro de 1931, unha especie de manifesto político en verso que finaliza con esta arenga:

Bos galegos, é hora de xuntanza,
a quen forte non é, ninguén o escoita,
se queredes ser donos de gabanza,

ide xuntos á nobre e civil loita,
se non, triste será vosa lembranza
e nunca terá fin a vosa coita.

Neste texto, o escritor non é o poeta das cousas, é o poeta das causas, concretamente da causa política da galeguidade. Vostedes saben ben, señoras e señores, que a palabra “causa” e a palabra “cousa” proceden do mesmo étimo, do latín “causa”; de aí que Florencio Delgado Gurriarán, nun mesmo período, de 1931 a 1934, transite con naturalidade da poesía das cousas á poesía das causas, porque quen goza coas cousas non debe eludir as causas para que as cousas pervivan e florezan. Unha destas cousas é o viño de Valdeorras, cousa que pervivirá e florecerá na medida en que os traballadores dos eidos vinícolas vivan unha vida digna. Con esa causa estaría o noso poeta, cidadán antes que escritor, o escritor que falaba desde neno a lingua galega, esa cousa que, sabéndoa, non só a cantou como cousa deleitosa senón que a defendeu, nos seus versos, por ser unha causa.

En efecto, nese período, escribe e publica tres poemas que ben podemos chamar sociolingüísticos, nos que denuncia o desleigamento idiomático de certos sectores e individuos. Poeta das cousas, ante o idioma é un poeta das causas. Dos tres poemas, o máis citable é “Falan castelán”, de abril de 1934, onde a musa crítica do noso escritor denuncia o desleigamento cívico dos que rexeitan o uso do idioma galego.

Así pois, quen, neses tres ou catro anos, canta as cousas nos chamados poemas matrióticos, ó mesmo tempo, nos mesmos periódicos, publica versos sociolingüísticos, que eran, sen dúbida, unha das modalidades da poesía patriótica. Se poeta patriótico é Delgado Gurriarán no poema “Xuntanza” (xuntarnos, unirnos para construír Galicia), tamén é poeta patriótico quen, nos versos de “Falan castelán”, denuncia a actitude ante a lingua galega do “cacique”, do “crego”, do “señoritiño” etc., e na versión de 1943, dos falanxistas. Por conseguinte, nun mesmo período, o poeta fai poesía das cousas e tamén das causas, o que neste discurso chamamos poesía matriótica e poesía patriótica.

Cómpre engadir que Delgado Gurriarán, cando publica o seu primeiro libro, Bebedeira, de 1934, nese volume só recolle a poesía matriótica, 32 poemas (bastantes xa editados) de cheo na liña hilozoísta estreada polo pontevedrés Amado Carballo. O volume non nos ofrece ningún dos poemas sociolingüísticos nin ningún dos poemas abertamente patrióticos, entre eles “Xuntanza”. Eu teño a sospeita de que o noso escritor, na hora de aparecer ante o público como poeta autor dun libro, o seu primeiro libro, opta, nesa ocasión, para presentarse en sociedade —na sociedade literaria—, por definirse como poeta das cousas, lonxe da poesía cívica e patriótica, como se esta modalidade non conferise, dun xeito claro, o estatus de poeta poeta. Sexa ou non este o motivo da non incorporación de tales poemas, imponse, neste discurso académico, referírmonos a un dos 32 poemas que constitúen Bebedeira.

Trátase de “Tristura do souto mudo”, composición de 68 versos na que canta e gaba ós castiñeiros, tema presente noutros poemas do libro, tema moi presente noutras páxinas deste volume, que é, entre outras cousas, un canto á paisaxe valdeorresa. Pero nesta composición hai un drama: o poeta decátase de que os reiseñores e outras aves fuxiron, e fuxiron porque o vello souto foi invadido por árbores “alleas”, procedentes de terras estrañas. Era o eucalipto, con “follas de coiro rexo” e “de pel esfolada”, que, “novo rico da campía”, tamén espaventou as “cerdeiras”, os “carballos”, os “freixos”, as “figueiras” e os “amieiros”. De feito, só resistiu o piñeiro. Non sei de ningún poeta que denunciase, antes de 1934, en Valdeorras ou noutra comarca de Galicia, a asoballante invasión desta voraz especie australiana. Tampouco o fixo, dun xeito evidente, Delgado Gurriarán. Quen lea con atención o poema non atopará a crítica económica que non poucos autores, con posterioridade, fixeron desta invasión, deste asoballamento contra as especies botánicas autóctonas. Delgado Gurriarán, neste libro, ofrécesenos como poeta puro, alleo a alegacións sociais ou económicas. É tan puro, nestes 68 versos, que o que lle doe ó poeta non son as consecuencias ecolóxicas e agroeconómicas; é o feito de que os “reiseñores troveiros” tivesen que fuxir, incapaces de cantar nas pólas da árbore estranxeira. Pero eu pregunto: é correcta esta interpretación do poema de Delgado Gurriarán? Téñase ben en conta que o poema titúlase “Tristura do souto mudo” e que haberá alguén capaz de pensar que os reiseñores fuxiron como protesta económica ante o asoballamento arbóreo.

Sei pouco do que opinaban, aquí e fóra de aquí, os ecoloxistas de 1934; agora ben, non sería moi disparatado pensar que os reiseñores foron, nese ano, os únicos críticos coa nova situación forestal de Valdeorras. Quizais os reiseñores saben máis economía do que moitos pensan. Valéndose deles, o poeta Florencio Delgado Gurriarán construíu un sutil texto poético en favor dos “petrucios castiñeiros” e contra o eucalipto, o “novo rico da campía”.

Graciñas e que os reiseñores canten en todos os recunchos de Valdeorras e da nosa Terra!