Agradézolle á Real Academia Galega que me encomendase intervir neste acto do Día das Letras Galegas 2022, que está dedicado ao escritor valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán, abrindo a rolda de intervencións que, no meu caso, se centrará nunha achega á biografía cultural e política do homenaxeado na festa das Letras de hogano. Direi, ademais, que moito celebro estar hoxe aquí, no Córgomo onde el naceu e na terra que tanto amou e cantou, Valdeorras, para rescatar nesta solemne ocasión académica algúns trazos dunha executoria cultural e política sólida e coherente, como fixo patente a primeira e máis completa biografía que o seu parente Ricardo Gurriarán escribiu e, non por acaso, deu a lume hai máis de vinte anos Ediciós do Castro, do lembrado Isaac Díaz Pardo.
Do percorrido biográfico de Delgado Gurriarán, que chegou aos oitenta e tres anos, escollerei tres lances singulares para dar conta non tanto das obras de creación —das que se ocuparán outros colegas académicos— senón máis ben do seu pensamento e acción política, en tempos de paz, de guerra civil e de longo exilio. En primeiro termo, cómpre falar da súa formación como galeguista nos anos vinte e trinta, no marco da “alborada cívica” que trouxo a II República, á que el se referirá nun poema de seu como a “nena bonita” tanto tempo soñada polos republicanos; en segundo lugar, avaliar un episodio breve, pero central da súa biografía, que foi a fuxida en 1936, a través de Portugal, que o levou a Bordeos (Francia) e, durante todo o ano 1938, a Barcelona e mais á fronte bélica de Aragón e Cataluña; e, en terceiro lugar, contextualizar o seu papel de mediador cos refuxiados galeguistas para seren evacuados desde territorio francés cara a América, proceso que o levaría a el mesmo ao país de Lázaro Cárdenas no segundo dos grandes barcos do éxodo republicano, en xullo de 1939. Naquel destino, compartido con varios milleiros de “emigrados políticos” republicanos, acabou por morar de modo definitivo, formando unha familia e desenvolvendo unha activa labor cultural e política, primeiro en Cidade de México e, doce anos despois, na capital da antiga Nueva Galicia, a cidade de Guadalajara. A pesar das moitas estaxes polas que pasou, nas que non faltaron adversidades e algún golpe de sorte, a súa biografía foi un exemplo de coherencia e de compromiso, como propia dunha persoa que se definiría, na longa entrevista de 1979 con Dolors Pla, como un home de ideais, non de partido
. Ou dito con palabras do xornalista e académico Xosé Fernández Ferreiro, un home antidogmático que non quere impoñer nada, só convencer pola palabra e pola razón
(La Voz de Galicia, 1986). Desta figura singular, racional e unha miga pesimista, é da que lles veño a falar.
Para moitos dos presentes, nomeadamente os valdeorreses de nación, poida que sexa innecesario que me estenda sobre os tempos nos que morou de forma estable nesta terra, pero compoñer a súa biografía aconsella comezar polo período vital pasado en Valdeorras. Nacido nesta aldea de Córgomo en 1903, no seo dunha familia instruída e que se valía ben, tivo unha educación formal nas terras de Castela, de onde regresaría como licenciado en Dereito pola Universidade de Valladolid e co propósito, pouco entusiasta, de acometer o desafío tan hispano dunha oposición, neste caso a rexistrador da propiedade, que abandonou sen moitos remorsos. Como lle aconteceu a tanta xente galega, incluída a formada polos emigrantes, a experiencia de morar e formarse en terras estrañas foi ocasión acaída para tomar conciencia da propia identidade e para sobordar prexuízos e estereotipos sobre a terra de nós.
Foi o caso de Delgado Gurriarán, que entre Castela e Valdeorras comezou a ter unha conciencia cultural e política que se afastaba da que tiñan a maioría dos seus compañeiros xeracionais. Vivir fóra deulle unha mínima conciencia lingüística e un aprecio da fala ou da música popular, que entendía como unha riqueza e non unha limitación, como se advirte nos seus primeiros poemas de crítica ao acastrapamento de falares, onomásticas e mesmo condutas. Esta conciencia supuxo o rexeitamento da visión despectiva que, dentro e fóra de Galicia, se tiña naquela altura sobre a lingua e sobre os seus defensores, como ironicamente sentenciou Otero Pedrayo coa alusión aos catro vagos da Coruña
, isto é, os así chamados membros da Irmandades da Fala polos “madrigallegos” que paseaban polo Retiro de Madrid. Nun golpe de sorte e sendo aínda escolante universitario, como confesaría no seu texto O soño do guieiro, Florencio bateu cun exemplar do decenario A Nosa Terra, que leu de cabo a rabo, subscribíndose decontado ao voceiro das Irmandades. Un exemplo máis común do que parece da educación informal que tivo o galeguismo desde os anos vinte. Pero ler un periódico non abondaba. El mesmo se considerou un tempo un Robinson do galeguismo
, un lector illado que carecía de amparo institucional e político. A conversión da conciencia cultural en militancia política foi obra das mudanzas que trouxo o réxime da II República que fomentou a socialización política e que, no caso do galeguismo, abriu portas para que novas xeracións accedesen ao xogo da política que en tempos “dinásticos” ou ditatoriais ficaran choídas. Desde 1931, Delgado Gurriarán vai integrando un grupo galeguista en Valdeorras e tecendo relacións co que sería o Partido Galeguista fundado en Nadal de 1931, formando parte dunha familia de irmáns unidos por un mesmo ideal. Así o percibiu no curso das eleccións constituíntes de 1931 e nos contactos que foi establecendo con líderes galeguistas, como o “patriarca” Otero Pedrayo ou o “guieiro” Afonso Castelao, a quen coñece persoalmente na asemblea do Partido celebrada en Ourense en 1934.
Alén da súa obra de creación, condensada no libro de poemas Bebedeira de 1934, Delgado Gurriarán publica artigos de xornal nos que debruza unhas liñas de pensamento claramente nacionalistas. Escollo como exemplo un texto publicado na revista Alborada (Buenos Aires, decembro de 1931) no que trata de encontrar respostas ás interrogantes dos “bos e xenerosos” do himno de Pondal. O que eles contestarían, se naquela altura fosen preguntados, sería que Galicia é “unha terra asoballada” que precisa outro porvir, isto é, que “sexa ela mesma independente ou autónoma”, pero que debe en todo caso estar “unida a outras nazonalidades da Península por lazos de comprensión” que a liberasen do “xugo do centralismo”. O que está a proclamar o autor valdeorrés é unha Galicia con autogoberno, dona de seu, pero unida ao que, anos despois, se chamaría alianza Galeuzca. Efectivamente, estaba deixando de ser un Robinson do galeguismo...
Pero a “barreira de fogo e morte” —palabras de Florencio— que provocou a sublevación militar e a inmediata guerra civil mudou a súa vida, como a de tanta xente, naquel mes de xullo de 1936. Axudado polas redes de familia e amigos, nas que tiña partidarios e mesmo dirixentes do bando chamado “nacional”, Delgado Gurriarán comezou un período de fuxida e agochamento entre Castela e Galicia que concluíu, meses máis tarde, ao cruzar a raia seca por Tourém, tradicional asentamento portugués incrustado no galego Couto Mixto, especializado no trasfego de xentes e mercadorías entre ambos os lados da fronteira. O seu destino foi a cidade do Porto, onde morou uns meses e onde fortaleceu o aprecio pola lingua e cultura portuguesas, que logo partillará co seu futuro contraparente Valentín Paz-Andrade. Podía tentar embarcar daquela cara a América, como fixeron algúns exiliados de primeira hora, pero a súa conciencia política levouno ao reencontro cos irmáns galeguistas na fronte bélica republicana á que chega, despois dunha tempada en Bordeos e en París, a principios do ano 1938, asentándose en Barcelona, onde participa en actividades tanto bélicas coma políticas e culturais. El mesmo recoñecería, na entrevista con Dolors Pla de 1979, que lle prometera a seu irmán Lucio, falanxista, “non meterme en máis enredos e ver a maneira de vir directamente a América”, pero que, á fin, “puido máis o sentimento do deber, a pesar de que non tiña ningunha confianza na vitoria do exército republicano”. Unha vez máis, fica patente a forza do corazón fronte á lucidez da razón...
Florencio pasou en Barcelona o ano 1938 enteiro, o que lle permitiu coñecer máis de preto unha das “nazonalidades” irmá de Galicia e, sobre todo, familiarizarse cos galegos que foran chegando a Barcelona despois de moraren sucesivamente en Madrid e Valencia, moitos deles integrados no exército e outros dedicados enteiramente ao traballo político. A capital catalá era daquela o centro político da España republicana, tanto do Goberno central coma da Generalitat, e alí se estableceu o núcleo central do que era o Partido Galeguista, con Castelao como cabezaleiro pero rodeado dun grupo de dirixentes máis novos, entre os que moitos simpatizaban cos partidos que integraran a Fronte Popular, formando unha Solidariedade galega con republicanos, socialistas e comunistas.
A irmandade galaica-catalá era tan forte que, como lembrará Florencio, comparten mitins e actos políticos, e mesmo a sede oficial do grupo galeguista estaba no Comisariado de Propaganda da Generalitat, que dirixía Jaume Miravitlles. Unha das estratexias dos galeguistas era fortalecer a súa alianza co goberno republicano, para o que tentaron colocar a Castelao como embaixador da República na cidade de Buenos Aires, como se deduce dunha longa carta de Xohán Xosé Plá a Luís Seoane (7 de abril de 1938), na que lle anuncia que “Castelao sairá dun dia para outro pra Bós Aires”. Aquela iniciativa non prosperou, por cambios de Goberno e mudanzas nos destinos diplomáticos de carreira, pero mostra que estaba xa en preparación a estratexia que Castelao manterá durante a guerra e o exilio: visitar os “emigrados españois en América” e, para o caso galego, converter Buenos Aires na capital da “Galiza ideal” e libre, grazas á forza das colectividades emigrantes. Á capital porteña acabou por ir, pero xa a mediados de 1940, despois de viaxar antes pola URSS, Cuba e os Estados Unidos de América.
Delgado Gurriarán estaba daquela en Barcelona e malia non ser mencionado por Xohán Xosé Plá, uns meses despois aparece como responsable de Propaganda na dirección do Partido Galeguista e colabora coa Solidaridade Galega Antifeixista, que xa fora creada en Valencia. A ocasión de estar en Barcelona permitiulle a Florencio tratar directamente cunha longa renque de galeguistas, dirixidos por Castelao e Suárez Picallo, na que figuraban, alén do Plá, Ramón Martínez López, Lois Tobío, Ramón de Valenzuela, Carlos Tomé, Xermán Vidal, Ramón Cabanillas (fillo), Elixio Rodríguez, Carballo Calero ou Ernesto Pérez Guerra (logo, Guerra da Cal), e a republicana coruñesa Amparo López Jean, esposa de César Alvajar,
que tamén formaba parte da executiva do Partido Galeguista en Barcelona. Todos eles desempeñaban naquela altura labores administrativas ou diplomáticas, formaban parte do Servicio de Información Militar (SIM), controlado polos comunistas, ou ían e viñan da fronte bélica, na chamada “fronte de Aragón” ou na batalla do Ebro, na que moitos participaron e algúns deron a vida. Naquela etapa barcelonesa, ademais de convivir con militantes máis ou menos galeguistas, Florencio retornou á acción cultural e literaria publicando poemas na revista Nueva Galicia, inspirada polos comunistas, e non na Nova Galiza dos galeguistas. Estas escollas, máis que preferencias ideolóxicas, revelan a forte solidariedade que existía na colonia galega de Barcelona que, en certo modo, lle serviu a Delgado Gurriarán para o seu posterior traballo en Francia e tamén no exilio mexicano. Como resume o seu biógrafo, a práctica política de Florencio estaba marcada polo “anticomunismo no ideolóxico, unitario no frontismo político e amizades comunistas” (Gurriarán 1999, p. 137).
Que a conduta de Florencio era considerada como un exercicio de solidariedade alén de conviccións partidarias amósao o feito de que abandona Barcelona a finais do ano 1938, coas tropas de Franco xa en territorio catalán pero sen que caese a capital barcelonesa. A súa misión foi dirixirse de novo a Francia para organizar o rescate de combatentes desde os montes de Galicia cara a Portugal. Mais o curso dos acontecementos virou de súpeto aquela iniciativa, ao ter que ocuparse ás poucas semanas de socorrer centos de combatentes de orixe galega que cruzaron cara a Francia pola fronteira de Cataluña. Foi un caso máis da sorte que o acompañou en varias fases da súa vida, porque saíu con pasaporte oficial e visado francés, de modo que —dito coas súas palabras— “saín non fuxido, senón a cumprir un deber”. Non ben chegara a París, soubo da caída de Cataluña e dos problemas causados pola política francesa de recluír os combatentes españois en campos de internamento ou “concentración” nas praias do Mediterráneo francés. Florencio ficou, felizmente, libre daquela experiencia, pero desde a súa posición de privilexio comezou a socorrer os galegos que estaban sen recursos nin identidade oficial. Aquí comeza, verdadeiramente, a última estaxe da biografía do ilustre valdeorrés, organizando en poucos meses a evacuación cara a América e asentándose el mesmo no seu destino de exiliado, que o foi en México.
Este período é, tal vez, o máis heroico da biografía enteira de Delgado Gurriarán porque, coa axuda de poucas persoas e un enlace fundamental na Arxentina (Rodolfo Prada), logrou substituír de modo particular o que foi política xeral do exilio republicano a través de organizacións específicas como o SERE (Servicio de Evacuación de Refugiados Españoles) e a JARE (Junta de Auxilio de Refugiados Españoles), o primeiro de inspiración e xestión de Juan Negrín e a segunda, de Indalecio Prieto. No medio destas dúas grandes organizacións, provistas de recursos procedentes do Tesouro español, a evacuación dalgúns galegos foi algo máis ca unha acción persoal. Foi a expresión, outra volta, da solidariedade dos emigrados en América cos refuxiados que estaban en Francia. E pola súa discreción, determinación e complicidade política, dous nomes foron esenciais naquela operación: Delgado Gurriarán e Rodolfo Prada, con Castelao sempre ao fondo. Que ambos fosen ourensáns e compartisen apelido foi tan casual como propio dunha xustiza divina.
O azar de que Florencio estivese legalmente en Francia axudou a converter a súa residencia nun hotel de París en lugar de acollida e de recepción de cartas e fondos procedentes de América, para o que contaba con subsidios das Sociedades Hispano-Confederadas de Nova York. A el se dirixe Prada desde febreiro de 1939, a pesar de que “no te conozco personalmente” (FP-Fondo Prada, carta de 18 de marzo de 1939), pero tiña boas referencias del como “un escritor gallego que integra un Comité de galleguistas en París” (carta a Consuelo Berges). Neste comité, con Delgado Gurriarán, intégranse Ramiro Illa Couto, un “viaxante de comercio” que pasara análoga experiencia en Portugal pero que xa residía en Francia, Xermán Vidal, antigo alcalde de Noia, ou Carlos Tomé, un galeguista orixinario de Vilalba que fixo a guerra en Barcelona e logo entrou na “gran retirada” cara a Francia. Eles formaban parte dun continxente de galegos estimado en 1300, dentro de medio millón de refuxiados naquel momento.
Nos epistolarios que se conservan, como os de Carmen Muñoz, Rafael Dieste, Alfonso Castelao, Delgado Gurriarán, Rodolfo Prada e algún máis, as peticións de axuda son constantes e mesmo dramáticas, sexa para saíren dos campos de internamento sexa para lograren unha pasaxe cara a América. No caso de Florencio, a súa actividade centrouse en lograr conectar cos comités constituídos en América de apoio aos refuxiados e traballar de forma paralela ao que estaba facendo daquela o SERE, no que a presenza de galegos na súa directiva era moi importante, con Osorio-Tafall ou Viana Esperón como referentes. Pero no SERE ocupábanse da evacuación de dirixentes e militantes de partidos e sindicatos que formaban parte da coalición de goberno republicano, na que non estaban propiamente os galeguistas. Os comités galegos formáronse ao amparo dos centros societarios de Buenos Aires ou de Nova York, que lograron ir achegando algúns recursos mediante xiros enviados a Delgado Gurriarán. Non eran recursos oficiais senón procedentes da solidariedade dos emigrantes, porque os dirixentes galeguistas non dispoñían de fondos económicos oficiais, como denunciou tantas veces o propio Castelao. Os galeguistas, a diferenza doutros refuxiados galegos, deberían resolver isoladamente os seus problemas.
A conexión do grupo dirixido por Delgado Gurriarán cos refuxiados en Francia e cos comités de solidariedade de América comezou a funcionar desde febreiro de 1939, resolvendo tres cuestións esenciais: dispor dun “censo” de galegos residentes en Francia (fose nos campos de internamento ou en liberdade), fixar uns criterios de selección das persoas para seren evacuadas e, desde logo, facilitar a súa inclusión entre a pasaxe dos barcos habilitados para cruzar o océano Atlántico. O documento elaborado por Prada para Florencio soborda, con todo, a condición política galeguista, pois no “Censo de Gallegos del Frente Popular Republicano refugiados en Francia” recóllense os nomes de 44 persoas con residencia identificada e uns 35 “en paradero desconocido” pero que, posteriormente, formarán parte na súa maioría do exilio en América. Non era un censo completo, senón de persoas destacadas politicamente (desde os irmáns Tobío e o grupo galeguista de Barcelona ata o socialista Longueira ou membros do grupo Hora de España) e, desde logo, a relación está lonxe da estimación total de evacuados, que se abanea entre 200 e 400. Canto aos criterios de selección, a decisión de Prada transmitida a Gurriarán non se afastaba moito das prácticas seguidas polos organismos republicanos actuantes en Francia.
A idea xeral dos que temos intervido neste asunto é de que se socorra niste orde: (1) aos galegos do Frente Popular que, pola sua autuación relevante ao servizo da Repúbrica, corran agora maor peligro de vida no caso de seren devoltos a Hespaña pol-o goberno francés; (2) aos artistas e inteleutaes que costituan verdadeiros valores pra o mañán de Galiza; (3) os que, por razós moi especiales, conveña pór a salvo [...], dende logo que debedes vosoutros tres incruirvos [...] porque sodes homes que aos galegos de esquerda lles convén pór a salvo pol-o moito que podedes rendir pra causa da libertá na Galiza. (Fundación Penzol, Fondo Prada. Carta de Prada a Gurriarán, 29/III/1939)
Os criterios de Prada foron seguidos polo Comité galeguista, e así se confirma coa presenza de Gurriarán e moitos outros refuxiados galegos nos primeiros barcos que saen de Francia cara a México. O de Florencio, Carlos Tomé e outros foi o vapor Ipanema, que arriba a Veracruz en xullo de 1939 con 998 refuxiados, case mil menos dos que levara o Sinaia que acollera persoalmente o presidente Lázaro “Tatá” Cárdenas. Que era notable a presenza de galegos vén confirmado por confesión do propio Gurriarán, quen relata como ao pasar “por fronte ás costas galegas, reunímonos un grupo de galegos, que era dos máis numerosos xunto co dos cataláns e vascos. E cantamos o himno galego”. Unha mostra máis da sensibilidade “galeuzcana” que Florencio tivera desde mozo. A este barco seguirían varios máis, pero cando eles chegan xa está o noso homenaxeado en proceso de adaptación á vida mexicana, ensaiada en Veracruz en festas veracruzanas e continuada na capital azteca, onde se instala por espazo de máis de dez anos, grazas ás redes de paisanaxe de antigos emigrantes (como o dono do restaurante El Danubio) e ás que levaban consigo os propios refuxiados, como Carlos Velo, que lle deu a man para os seus primeiros traballos en Toluca.
A diferenza de moitos exiliados, que tardaron en ter un traballo estable ou consonte as súas destrezas, Delgado Gurriarán traballou no sector comercial como xa facía en Valdeorras. De feito, a súa profesión máis estable foi a de axente comercial de fertilizantes ou de medicamentos, como tamén facía Rodolfo Prada en Buenos Aires (laboratorios Andreu) ou como fará Lois Tobío en canto se instale en Montevideo (laboratorios Roche). No caso de Florencio, o seu traballo máis duradeiro será o de representante en Guadalajara dos laboratorios Queralt, de orixe catalá coma Andreu.
Que significaba ir a México? Para Florencio, como para a maioría do exilio republicano que se dirixiu a América, era encontrarse cunha revolución que se estaba a consolidar politicamente baixo a dirección de Lázaro Cárdenas, ese avó ou “Tata” a quen lle cantou o propio Florencio nun dos seus poemas. Pero tamén era un México que cultural e artisticamente estaba a mudar a súa pel, coa emerxencia dunha poderosa corrente de nativismo e unha grande innovación estética no muralismo e mesmo no cartelismo, con figuras estelares como Diego Rivera ou David Siqueiros. E do mesmo modo que nas capitais do Prata, en México tamén se consolidou unha forte industria editorial construída polas redes do exilio español, por parte de editores como Joaquín Díez-Canedo (Mortiz) ou do catalán Bartomeu Costa (Amic), alén de dúas grandes institucións culturais avaladas polos exiliados, como El Colegio de México, do que o lugués Jesús Bal y Gay foi un dos doce fundadores, ou a editora estatal Fondo de Cultura Económica (FCE), na que traballou uns anos o historiador coruñés Ramón Iglesia Parga.
Aínda que instalarse en destino foi a prioridade dos refuxiados republicanos, o máis relevante da súa actividade foi a que estaba ligada ao mundo do que procedían, isto é, a política e a cultura. A política como panca institucional que permitise retornar canto antes á terra que tiveron que abandonar para salvar a vida; e a cultura como preservación da súa propia identidade. Gurriarán e o grupo de galegos que se asentaron en México tiveron algunhas dificultades para se desenvolver neste terreo, porque eran comparativamente pouco relevantes no conxunto dos trinta mil refuxiados españois que alí chegaron, entre os que, ademais, destacaban os refuxiados de filiación socialista e comunista fronte aos galeguistas. Por outra banda, o peso da emigración económica previa era tamén moi inferior á que tiñan as capitais do río da Prata e estaba moito menos socializada nos valores do autonomismo galego. Non por acaso, foi en Buenos Aires onde se instalaría Castelao, que era moi crítico coa situación en México, onde —dito por el en carta ao presidente vasco Aguirre— “apenas hay emigrados gallegos y los exiliados políticos no son ciertamente la flor de nuestro pueblo” (Obras, VI, carta de 12 de xuño de 1944).
O grupo de exiliados galegos en México foi moi plural porque, alén dos propiamente galeguistas, alí se instalaron persoas vinculadas coa ILE e a Residencia de Estudiantes (caso de Bal y Gay), militantes republicanos como Osorio-Tafall, Alfonso Pazos e Viana Esperón, socialistas como Alejandro Otero, Marcial Fernández e Pedro Longueira ou comunistas como Lorenzo Varela (que axiña iría para Buenos Aires) Ramón Iglesia Parga, Francisco Comesaña e Luís Soto, por citar só algúns exemplos. Neste contexto, os galeguistas eran claramente unha minoría, na que cómpre mencionar a Delgado Gurriarán, Xohán López Durá ou Carlos Tomé, todos eles moi devotos do rianxeiro. Como informaría Prada despois dunha viaxe a México, había alí “un meritorio grupo de galeguistas que mantén ergueita a bandeira do Partido Galeguista”, entre os que cita expresamente a Florencio Delgado Gurriarán, “un dos outos valores da nova poesía galega”, ademais de Cabanillas fillo, Tomé, Rodríguez de Bretaña ou Elixio Rodríguez, todos definidos polo “seu afervoado galeguismo”. Non era louvanza menor, porque a diferenza de Barcelona ou dos meses pasados en Francia, en México abrollaban os conflitos e disidencias que se arrastraban desde o final da guerra civil e os axustes arredor das culpabilidades da derrota. Así o percibiron, durante os cinco meses que alí viviron, Lois Tobío e a súa muller Melu Soler, que deixou unhas notas moi duras no seu diario: “constante desasosiego, hostilidad de los españoles entre sí, ofensas personales”.
Malia estas dificultades, o traballo de Delgado Gurriarán e do grupo galeguista foi superior ao que se podería esperar do seu reducido número de integrantes. A presenza da lingua e da cultura de Galicia mantívose en publicacións e encontros políticos. A revista Saudade, definida como “Verba galega nas Américas”, foi case toda ela monolingüe, en contraste coas revistas que se publicaron na mesma altura noutras capitais americanas do exilio. O máis constante colaborador da revista, nas dúas xeiras en que saíu a lume, foi Delgado Gurriarán, que nela publicou moitos poemas. Un amigo de Lois Tobío, Anselmo Carretero, observou que nos anos corenta, antes mesmo do final da guerra mundial, as linguas españolas non castelás estaban presentes en festas e conmemoracións dos días da República celebradas na capital federal de México. Alén da acción cultural, o traballo máis importante que levaron a cabo Delgado Gurriarán e os seus irmáns galeguistas foi manter o contacto con Castelao, acollelo cando o rianxeiro, á fronte dos catro deputados do Consello de Galiza, viaxou a México para participar na sesión das Cortes republicanas no verán de 1945 e, antes desta viaxe, actuar de representantes do Consello de Galiza en México, peza fundamental para reconstruír a alternativa de Galeuzca, na que salientou o amigo Xohán López Durá.
Esta acción política tivo o seu punto culminante nos anos 1944 a 1947, entre a creación en Buenos Aires do Consello de Galiza e o retorno de Castelao desde París, cansado e ferido pola crise do goberno republicano presidido por José Giral, que tivo en Castelao o seu máis afouto defensor, mesmo fronte á morneza de vascos e cataláns. O fracaso da alternativa de Galeuzca tivo lugar no contexto da aceleración de acontecementos que se producen desde o final da guerra mundial e, ao pouco, dos tempos de “guerra fría” e o bipolarismo mundial.
As esperanzas de retornar a España ficaron choídas para tantos refuxiados que tiveron que aceptar a realpolitik de finais dos corenta e admitir que había que “desfacer as maletas” para se instalar para moitos anos nos seus destinos de exiliados. O percorrido biográfico de Delgado Gurriarán ilustra ben esta viraxe, ao se desprazar para Guadalajara, a capital do estado de Nueva Galicia, e manter unha prudente distancia cos medios do exilio en Cidade de México. Esta distancia non foi ruptura, pois colabora no libro Presencia gallega en México, promovido polo Padroado da Cultura Galega en 1954, e dará o seu contributo aos dous primeiros números da máis emblemática e influínte revista do exilio galego en México, que foi Vieiros, da que finalmente se publicarían catro entregas.
E con esta referencia, dispóñome a dar cabo á miña intervención. As tres últimas décadas da biografía de Delgado Gurriarán transcorreron en México pero xa non era propiamente un exiliado activo, senón un galego con saudades da súa Terra, á que ansiaba retornar tanto fisicamente como recuperando contactos cos vellos amigos do interior, como farían Luís Seoane ou Emilio González López. O seu contacto primeiro sería Fernández del Riego. Aquel devezo de regresar non foi satisfeito ata que viaxa a Valdeorras en 1968, primeira das tres estadías que logra facer na súa terra natal. Non foi acollido de modo tan distante e frío como lle acontecera a Max Aub, tamén exiliado en México, que retornou por aquelas datas para constatar, como resumo do silencio que encontrou arredor de si e da súa obra, que “he venido, pero no he vuelto”. Florencio encontrou, primeiro en Valdeorras e logo nalgúns amigos, desde Sebastián Martínez-Risco a Valentín Paz-Andrade, e institucións, como a Real Academia Galega ou o Instituto de Estudos Valdeorreses, unha acollida agarimosa e algunhas honras simbólicas.
Volver a Valdeorras foi máis ca un retorno. Foi pechar un círculo aberto na súa infancia e cultivado nos anos de mocidade antes da guerra civil. A súa paixón pola terra, os seus viños, as súas falas e costumes e as súas xentes foron a base, coma se dun prerromántico se tratase, da súa inspiración poética e do seu alento político. Na ultima viaxe prevista pero non realizada, convidado para pronunciar a conferencia de clausura do Congreso Castelao de 1986, enviou un manuscrito que era, ao tempo, unha confesión autobiográfica e unha homenaxe a Castelao, condensada no título que lle deu, O soño do guieiro. Era unha ofrenda a Galicia, lida por Ramón Martínez López na varanda do rianxeiro pazo de Martelo, na clausura daquel congreso do centenario de Castelao, que acaba con estes versos de esperanza, compostos anos antes en Puerto Vallarta, pero que son acaídos tamén para os tempos de hoxe:
Emporiso, Daniel, Guieiro noso,
a Galiza é máis forte que o malfado
e ha de ser, o teu soño, realidade.
Eis o Voto, que cómpre che fagamos,
pra que, no alén, froreza
o teu sorrir de BON E XENEROSO.