Florencio Delgado Gurriarán (Vilamartín de Valdeorras, 1903 - Fair Oaks, 1987) chegou a México nun dos emblemáticos buques que entre 1939 e 1942 arribaron ao país cheos de exiliados españois que fuxían do réxime franquista. Eran os “perdedores” dunha longa guerra que, por entón, non sospeitaban que o seu “transtierro” —en feliz e á vez doente expresión acuñada polo filósofo José Gaos— ía ser aínda moito máis longo do que pensaban e, nalgúns casos, definitivo. Moito se ten escrito sobre este exilio, tanto pola parte mexicana coma pola española. Tanto, que resulta practicamente imposible reproducir a nómina de autores e autoras que o abordaron desde diferentes perspectivas, precisamente porque o exilio que chegou a México tivo unhas características específicas e especiais. Ademais de ser o primeiro país entre os americanos en canto a volume numérico de exiliados, foi tamén o pioneiro e o máis activo á hora de adoptar unha política oficial respecto da recepción dos refuxiados (Cagiao 2006, p. 105). A política solidaria de Lázaro Cárdenas fixo que a meirande parte de exiliados escollese ese destino, incluso por moitos que antes optaran por outro país americano.
O MÉXICO CARDENISTA
Cando Florencio chega a México, Lázaro Cárdenas estaba case a piques de rematar o seu período presidencial, que comezara en 1934. Herdeiro dun proceso revolucionario que dera lugar a un longo período de inestabilidade política, a esa altura, como ben sinala Cueto Ruiz-Funes (2019, p. 54), México contaba cunha economía en crecemento e coas institucións políticas, económicas e sociais necesarias para reconstruír o país. Durante o mandato de Cárdenas fíxose efectiva a reforma agraria e expropiouse a explotación petrolífera que estaba en mans de compañías estranxeiras. Con este panorama interno como pano de fondo, a política exterior instituída polo presidente mexicano levouno a comprometerse coa República Española, defendéndoa ante a Sociedade de Nacións mediante a acción incansable do seu representante, Isidro Fabela, e enviando armas e voluntarios ao seu exército. Incluso, durante a guerra, abriu as portas á chegada dos primeiros refuxiados, neste caso máis de 400 nenos e nenas, os chamados “niños de Morelia” pola cidade michoacana onde foron acollidos (Pla Brugat 1989). Moi pouco antes de que rematase o conflito bélico, Lázaro Cárdenas envioulle unha carta ao embaixador de México en España na que daba conta dos esforzos que se estaban a facer para atender as situacións máis desesperadas:
se está trabajando en reunir alimentos y abrigos, pero estimando que se dificulta ahora su envío desde México, se ha acordado que el Comité de Auxilios Pro-España1 esté remitiendo a usted en efectivo las cantidades que vaya reuniendo para que se les proporcione algún auxilio ya sea en alimentos o como usted lo estime conveniente, a mujeres, ancianos y niños que más lo necesiten. (Centro Republicano Español de México 1978, pp. 54-55)
Rematada a guerra, tras as presións de Francia, o Servicio de Evacuación de los Republicanos Españoles (SERE) —creado en marzo de 1939 en París polo goberno de Negrín— e a súa filial mexicana, o CTARE (Comité Técnico de Ayuda a los Refugiados Españoles) encargáronse de artellar a chegada masiva dos exiliados españois a México. Foi así que, en abril de 1939, tras a saída do Flandre do porto francés de Saint Nazaire con destino a Veracruz, vía Nova York, organizáronse sucesivas expedicións en barcos fretados desde Francia, como as dos míticos Sinaia, Ipanema —no que viaxou Florencio en xuño dese ano— e Méxique, trasladando grandes continxentes de refuxiados peninsulares2.
En agosto de 1940, ante o perigo da invasión nazi de Francia, o goberno asinou un convenio con este país polo que adquiría o compromiso de alongar o asilo dos republicanos españois ata que puidesen ser embarcados “con la simple formalidad de que expresen libremente su solicitud de acogerse al beneficio que les ofrece un país amigo en nombre de la más alta comprensión humana” (Villaverde 2006, p. 1995). Pouco antes, Cárdenas enviáralle ao seu embaixador en Francia a seguinte instrución:
Con carácter urgente manifieste usted al gobierno francés que México está dispuesto a acoger a todos los refugiados españoles de ambos sexos residentes en Francia. Si el gobierno francés acepta [...] expresará usted que desde el momento de su aceptación todos los refugiados españoles quedarán bajo protección del pabellón mexicano (Pazos Pazos 2022, p. 14).
A solidariedade de México explícase en parte por razóns de política interna coas que o reformismo cardenista quixo contrarrestar as posicións máis reaccionarias e, segundo a interpretación dalgúns autores, o presidente buscou de forma intencional o incentivo que a chegada dos republicanos españois supuxo para a esquerda radical mexicana foi intencionadamente buscado polo presidente para conseguir o seu apoio na gobernabilidade do país (Angell 1997, p. 88). En calquera caso, máis alá deste pragmatismo, os propios refuxiados recoñeceron sen ambaxes a posición institucional e persoal do presidente Cárdenas. A gratitude dos exiliados, entre a que se conta en forma de poema (“Nenia a Tata Lázaro”) a do propio Florencio Delgado Gurriarán, traduce este sentimento xeneralizado:
Para un antiguo exiliado español, como yo, hay dos palabras que no pueden pronunciarse sin que se evoquen mutuamente: Cárdenas y exilio. [...] Los exiliados de ayer [...] tienen siempre abiertas las espitas de su gratitud a quien les dio la posibilidad de vivir y trabajar aquí en condiciones de libertad que, en su patria de origen se les negaba (López 2012, p. 326).
Esa percepción persoal por parte dos que sentían un lóxico agradecemento non foi, nin podía ser, a mesma da sociedade mexicana, onde, desde o principio, apareceron posturas enfrontadas ante a chegada do masivo exilio español. A afirmación xeneralizada sobre a excelente acollida dos exiliados españois en México na etapa do presidente Lázaro Cárdenas foi posta en cuestión non só pola historiografía, que afondou no asunto matizando a especie de mito forxado arredor da mesma3, senón tamén polas evidencias documentais existentes, que proporcionan algo máis ca unha pista nesta dirección. Por unha banda, os periódicos mais conservadores —como El Universal o La Prensa— foron francamente críticos, por non dicir totalmente contrarios á chegada de “los rojos españoles”. Algunhas campañas da prensa oposta ao presidente Cárdenas tiveron tal calado que, entre certos sectores da poboación media, comezaron a xeneralizarse os apelativos refugachos ou refifigiados para referise aos exiliados (Sheridan 2002, p. 42)4. En ocasións, os artigos aparecidos nestes medios, co fin de atemorizar á poboación, apelaban a un nacionalismo rancio, onde se comparaba a chegada das “hordas rojas” coa barbarie dos tempos da conquista. Nada máis lonxe das apreciacións dos propios refuxiados, como o escritor Manuel Andújar, quen declarou: “los mexicanos descubren una España y unos españoles que no acudieron ni actúan allí por codicia de riquezas y privilegios, ni con mentalidad meramente ordenancista, ni con poses imperiales, muy distanciados del talante dominador de la Conquista” (Peñuelas Rivas 2016, p. 50). Ese tipo de aseveración, coma outras similares por parte dos exiliados, formaba parte do discurso para combater a imaxe perniciosa forxada arredor deles e acabaría por converterse nun sinal de identidade (Pérez Vejo e Hoyos Puente 2020, p. 87).
Hai xa tempo que Clara E. Lida (1997, p. 117) sinalou as diversas posicións existentes no conxunto da sociedade mexicana ante a chegada dos refuxiados, que poderían resumirse nos seguintes enunciados: simpatía desde os medios gobernamentais e intelectuais de esquerda; ambivalencia dende os núcleos obreiros; reacción desde a dereita anticardenista; expectación desde as elites crioulas; etnofobia dende os sectores nacionalistas radicais e suspicacia por parte dos antigos residentes españois. Semella que, deste último aspecto —explicado en profundidade, xunto con outros factores aos que presta atención, nunha excelente contribución de T. Pérez Vejo (2001)— xa foran advertidos moitos dos refuxiados a bordo dos buques que os levaran a México, onde escoitaban dicir que os únicos inimigos que ían ter serían os gachupines. Ese funesto diagnóstico acerca da colonia española de antigos residentes, chegados por motivos económicos e á que —sen éxito— intentara manter leal á República o embaixador Félix Gordón Ordás, amosouse na súa meirande parte afecta ao bando nacional e incluso ao radicalismo falanxista. Dese perfil escapan algúns sectores da inmigración nacionalista catalá e vasca, mais no que atinxe á colectividade galega —de número relativamente reducido, nivel de instrución precario, maioritaria dedicación ao comercio e servizos, feble estrutura asociativa e tendencia conservadora—, conformada mediante o tradicional sistema de cadeas migratorias iniciadas por eses “pioneiros na corrente do golfo” que historiou E. Villaverde (2000), decantouse maioritariamente pola causa franquista.
Aínda así, a actitude da vella colonia española ante a chegada dos refuxiados foi ambivalente. Ramón Esturao, nunha entrevista que concedeu á investigadora mexicana Dolores Pla en 1979, relata a anécdota de que, cando chegou o Ipanema a Veracruz, os antigos residentes instalados no porto jarocho “no querían que los vieran para que la gente no pensara que nos iban a recibir a nosotros, no, solo iban a oír la música”. Referíase a que no recibimento estivera presente a Banda Madrid, que chegara antes no Sinaia e tocaba pezas que, por recordar a España, tamén gustaban aos vellos inmigrantes. Mais a medida que foi pasando o tempo, a convivencia entre uns e outros foi mellorando, como tamén sinalaba Esturao: “ellos eran muy franquistas y nosotros antifranquistas pero fuimos caminando, fuimos conociéndonos y entonces vino la amistad que rezó por encima de lo político y así, muchos de ellos empezaron a emplearnos...” (Tuñón Pablos 2006, pp. 180 e 182), o que ratifica o feito de que, como adoitou acontecer noutras migracións, as relacións dominadas pola paisanaxe terminaron por prevalecer. De feito, ás veces, foron as redes da vella emigración económica as que facilitaron a chegada de exiliados ao abeiro dos permisos que Francia concedía a quen puidese acreditar parentes residentes en México (Soldevilla Oria 2001, pp. 57-58).
Cando en 1942 o exército alemán tomou a legación mexicana en Francia as cousas puxéronse moito máis difíciles. Foi nese ano —xa durante a presidencia de Manuel Ávila Camacho, quen continuou a mesma liña de compromiso coa República Española ca o seu predecesor— cando remataron as grandes expedicións cara a México, neste caso da man da JARE (Junta de Ayuda a los Refugiados Españoles), creada en xullo de 1939 por parte de Indalecio Prieto, quen puña en cuestión a lexitimidade do goberno de Negrín. Aínda que o SERE se mantivo activo ata mediados de 1941, cando se disolveu por falta de recursos —no que algo tivo que ver o controvertido asunto do famoso iate Vita—, a JARE foi a encargada de levar a cabo os últimos embarques masivos, que representaron unha porcentaxe moi inferior ás organizadas polo SERE. Mentres conviviron, a dualidade de dous organismos que se encargaban dun mesmo propósito incidiu na división política do exilio republicano polas diferenzas entre negrinistas e prietistas arredor dos recursos do exilio, o que rematou cunha intervención dos mesmos por parte do goberno de Ávila Camacho deixándoos baixo o control mexicano (Sánchez Andrés 2021, p. 37). Despois de 1942, como ten sinalado E. Villaverde (2006, p. 1996), a chegada de exiliados continuaría sendo facilitada pola Federación de Organizaciones de Auxilio a los Republicanos Españoles (FOARE) e outras organizacións de axuda solidaria, amais de, nalgúns casos, a mencionada axuda das propias redes dos antigos inmigrantes económicos.
DELGADO GURRIARÁN E O MÉXICO DO SEU TEMPO
Diciamos ao principio que moito é o que se ten escrito sobre o exilio español en México e, por fortuna, tamén bastante sobre o asunto concreto do exilio galego, do que hoxe sabemos que non só foi o maior desde o punto de vista cuantitativo5, senón tamén que estivo integrado por xente de profesións e oficios variados e, por suposto, por unha representación de alto nivel (científicos, músicos, escritores, xornalistas, mestres, arquitectos, enxeñeiros, economistas, profesionais do dereito e artistas á que hai que sumar a presenza de políticos, sindicalistas, militares) que, loxicamente, é a que se aborda con maior frecuencia tanto en traballos académicos coma de divulgación6.
Dentro deste caso atópanse precisamente as achegas referidas a Florencio Delgado Gurriarán, máis xerais por parte de quen fixeron estudos de conxunto e máis particulares por parte dos que se ocuparon da súa biografía. Uns e outros, como non podía ser doutro xeito, destacaron fundamentalmente a súa intensa actividade galeguista que o vencellou aos seus propios paisanos relacionados co mesmo proxecto político e cultural. Menos frecuente é abordar que tipo de vencellos estableceu durante a súa estadía mexicana fóra dese ámbito estrito. Datos soltos de aquí e de alá proporcionados por esas investigacións, e outros case que intuídos, permiten no entanto tratar de reconstruír algúns deles, sen chegar aínda a conclusións definitivas por falta de fontes que ratifiquen algunhas das hipóteses aventuradas.
Florencio, como dixemos, chegou ao porto de Veracruz no Ipanema en xullo de 1939. Posiblemente fosen os avatares que rodearon a organización daquela expedición os que suscitasen a controversia ao redor do asunto dos criterios impostos para a selección dos refuxiados que viaxaron nese buque. Trátase non só dunha discusión historiográfica, senón tamén do que se desprende dalgunhas testemuñas persoais de quen, como protagonistas da viaxe, observaron ou viviron en carne propia as consecuencias dese proceso selectivo. Respecto da primeira, hai quen opina que os representantes do goberno cardenista, que desde antes da fin da guerra viñan preparando a posible recepción de refuxiados, seleccionaban e depuraban os listados elaborados polo SERE en función dos criterios elaborados polas persoas de confianza do propio presidente mexicano. Ante este tipo de opinións houbo respostas que sostiñan:
Son injustas por tanto las críticas que se hacen en periódicos y revistas. Carecen de fundamento. Nadie alteró las órdenes emanadas de las Secretarías de Gobernación y Relaciones Exteriores de nuestro país, cumplidas por nosotros con rigurosa exactitud. Nadie seleccionó a su antojo a los inmigrantes. Nadie, inspirado por ideas políticas, dió preferencia a personas o a grupos de refugiados. (Fresco 1950, p. 11)
Pola contra, outros autores defenden que os requisitos establecidos polo goberno mexicano non sempre foron observados escrupulosamente, debido a que nos criterios de selección tiñan maior peso as decisións dos organismos republicanos, que tendían a favorecer os que desempeñaran cargos de certa importancia institucional, política e sindical, sen deixar de lado as preferencias partidistas (Pla 2007, pp. 66-68). E, nunha posición intermedia están aqueles que conxugan as dúas posturas anteriores dicindo que a operación do SERE foi criticada porque “solo nominalmente era representativo de todos los partidos y sindicatos de la República, y que en realidad era un instrumento de los elementos comunistas predominantes en el gobierno de Negrín”. A cita é da historiadora P. Fagen (1975, p. 38) quen, por outra banda, engade que “los transterrados también expresan sus dudas acerca de la imparcialidad de los oficiales mexicanos que estuvieron a cargo de la operación, Narciso Bassols y Fernando Gamboa, que en aquella época eran considerados comunistas o filocomunistas”.
Efectivamente, a testemuña dalgúns exiliados que pasaron polo interrogatorio dos funcionarios mexicanos nos peiraos franceses para confeccionar a listaxe de embarque do Ipanema apunta na dirección dunha certa manipulación pro-comunista e negrinista. Segundo Helena López (2012, p. 324), a galega Silvia Mistral, que deixou a súa opinión en diferentes fonte orais e escritas explicando como lograra as pasaxes nese buque para ela e para o seu compañeiro, Ricardo Mestre, é ben expresiva ao respecto:
Se da excesiva preferencia a los que se hallan fuera de los campos de concentración y, en fin, las arbitrariedades son incontables. [...] se sabe que han sido entregados pasaportes a un millar de españoles —994 para ser exactos— siendo rechazados doscientos, pertenecientes, en su mayoría, al campesinado. Esto es bien lamentable: son los más leales, más sanos y trabajadores de todo el antifascismo español. Eso sí: no son comunistas (López 2012, p. 324).
No caso persoal de Mistral, parece que a axuda dunha amiga, esposa dun membro do Partido Comunista e secretaria de Gamboa, á súa vez secretario do embaixador mexicano Narciso Bassols e encargado de efectuar as entrevistas para conceder o permiso de viaxe, foi determinante, malia súa militancia anarquista (López 2012, p. 325). No de Delgado Gurriarán, coma no de Ramón Esturao, que tamén viaxou no Ipanema, influíu directamente a relación con membros do Frente Popular Antifascista Gallego de Nova York que estaba integrado nas Sociedades Hispanas Confederadas dos Estados Unidos, agrupación que prestou o seu apoio económico para esa expedición. Sobre a selección dos eventuais pasaxeiros, Florencio opinaba que non existira discriminación máis alá de que “cadaquén recomendaba as persoas que coñecía, como é lóxico” (Gurriarán 2022, pp. 50 e 58)7.
As penurias pasadas no momento de chegar a México, das que dan boa conta moitos dos expedientes do arquivo do CTARE (Ordóñez Alonso 1997), foron algo menores para Florencio, grazas aos recursos dos que dispuña e, sobre todo, ás redes solidarias establecidas entre os propios refuxiados. Iso permitiulle quedar por uns días nun hotel, en vez de facelo no buque Manuel Arnús, fondeado no porto jarocho, como aconteceu con outros. O recordo máis agradable do seu paso por Veracruz, onde a primeira noite foi bailar o típico danzón, quedou plasmado nun fermoso poema titulado “Nouturnio da noiva «jarocha» (Son veracruzano)”. Logo desa breve estadía, marchou á capital mexicana onde, novamente, as relacións de paisanaxe foron fundamentais para, tras unha noite nun refuxio da rúa Serapio Rendón, preparado para recibir a todos aqueles que non tiñan outra posibilidade, Florencio puido alugar un cuarto (Gurriarán 2022, pp. 59-61). Tamén o foron para atopar o primeiro emprego. No seu caso, e grazas á axuda de Carlos Velo, comezou a traballar como delegado do SERE en Toluca, onde coordinaba a instalación de cooperativas agrícolas8, aínda que ía e viña desde o DF.
Deses primeiros tempos son os xantares en locais modestos rexentados por inmigrantes chineses na rúa Dolores, dos que Ramón Esturao recordaba que “allí se hizo un himno a ellos… «Calorías y vitaminas tienen las comidas chinas…». Lo hizo aquel poeta gallego, Florencio Delgado porque, faltaría la comida, pero el humor no faltaba” (Tuñón Pablos 2006, p. 181). Logo viñeron os feitos no restaurante El Danubio, rexentado por un galego que, cando Florencio abandonou o seu posto no SERE, o recomendou para traballar como representante dunha empresa de fertilizantes. Efectivamente, ese tipo de espazos de sociabilidade, como os bares e os cafés, foron sumamente importantes para os exiliados xa que, ademais de lugares de ocio, lles serviron para integrarse en redes xa existentes que determinaron moitos momentos da súa experiencia vital. Semella que a Florencio era frecuente velo nos faladoiros dos cafés da capital, dos que fai memoria Ramón Esturao: “Enseguida se formaron peñas en los cafés, había en el Café París, en el Venecia, el Betis, el Tupinamba, el Papagayo […], esto lo instauramos los españoles porque los mexicanos estaban acostumbrados a reunirse en las cantinas” (Tuñón Pablos 2006, p. 182). O faladoiro do Café Latino debía ser un dos máis concorridos polos “fabulosos gallegos”, segundo a definición do exiliado vasco Simón Otaola (1999, p. 350), á que engadía os nomes de Esturao, Pernas, Marcial Fernández e Soto nun etcétera no que debía estar incluído Florencio.
Precisamente dese grupo naceu en 1942 a revista Saudade, sobradamente estudada por varios autores. No primeiro número desta publicación aparecía unha contribución do poeta modernista costarriqueño residente en México Rafael Cardona, a quen o de Valdeorras cualificaba como “príncipe das letras costarricenses” (Guriarrán 1999, p. 160). Na breve introdución que a precedía —onde se afirmaba que “as follas de Saudade están abertas dende o primeiro día para os que, como o noso amigo Rafael Cardona, saben dicer de Galiza cousas interesantes”9—, presumiblemente redactada por Florencio por canto traduciu ao galego o artigo en cuestión, intúese que mantivo unha certa relación co dito escritor quen, ademais, volvería publicar na segunda xeira da revista10. En calquera caso, para Delgado Gurriarán representaba todo un orgullo que Saudade acollese contribucións de autores non galegos, e aínda máis por ser precisamente el o encargado de traducilas. Por outra banda, se ben non hai probas de que fose quen verteu ao galego un erudito artigo do bibliógrafo canario Agustín Millares Carlo11 —de quen Florencio dicía que fora “unha das figuras mais sobranceiras do exilio”—, non hai dúbida de que si o fixo no caso do “distinguido polígrafo mexicano Alfonso Reyes” (Guriarrán 1999, p. 160). Tratábase dun texto, que xa fora publicado por Reyes na primeira edición dos seus Cartones de Madrid (México, 1917), onde comentaba a fonda impresión que lle causara a conferencia de Valle-Inclán pronunciada no Ateneo en marzo de 1915 ao pouco da súa chegada á capital de España12. Aínda que non se pode afirmar, cabería pensar se, por medio desa tradución, Florencio chegou a ter algún contacto con Reyes. Fose ou non así, que a revista contase coa súa colaboración non era calquera cousa, non só pola súa talla intelectual como escritor, senón tamén porque a esa altura era a alma mater de El Colegio de México, institución herdeira da que o cardenismo creara en 1938 baixo o nome de Casa de España para recibir moitos intelectuais do exilio español13.
Se, como se comentou con anterioridade, existe un certo mito acerca de que a acollida dos refuxiados compracera todos os sectores sociais mexicanos, non é menor o forxado arredor do refuxio intelectual. Alén da posición persoal do presidente Cárdenas e dos sectores académicos máis comprometidos con el, tamén nestes medios houbo certas reticencias. Mostra diso foi a polémica iniciada polo controvertido —e inclasificable— escritor mexicano Salvador Novo, colaborador asiduo da revista dereitista Hoy, a conto dos salarios que a Casa de España lles pagaría con diñeiro público aos exiliados españois, moi superiores aos dos profesores universitarios mexicanos. O eco daquel artigo provocou a indignación da opinión pública e calou particularmente no ámbito académico, onde o profesor de dereito Eduardo Pallares chegou a dicir que: “no se protege a filósofos, literatos y sabios por serlo, sino porque son comunistas derrotados [...] que adquieren de golpe y porrazo una situación excepcional con magníficos sueldos y facilidades que a los mexicanos se nos han negado”. A polémica —analizada maxistralmente por G. Sheridan (2002) quen sinala que os que compartían esa opinión fusionaban as dúas imaxes máis explosivas dos españois en México “la del rojo y la del gachupín”, polo que “si ser gachupín era malo, y si ser «rojo» era peor [...] un intelectual gachupín rojo ya rebasaba toda taxonomía del prejuicio”— aínda chegou a máis. Días despois, Salvador Novo volvería sobre o asunto engadindo, non sen certa retranca, que “en algún lugar de la ciudad funciona una Casa de España dotada de alcobas, clima artificial y bodega de champaña destinada a dar la gran vida a un número misterioso de conspiradores izquierdistas...”. Pese ao ton irónico empregado, tamén agregaba, non sen razón, que
si la Casa de España hubiera mostrado el tacto de no llamarse Casa de España, sino, por ejemplo, Centro de Estudios Superiores, no habría venido a ser el pararrayos de un complejo de inferioridad manifiesto con la más lamentable evidencia en artículos como el de Eduardo Pallares que truena, fulmina, confunde, deja por los suelos el decoro de la hospitalidad mexicana [...] (Sheridan 2002, p. 44)
Da obra de Novo La vida en México en el periodo presidencial de Lázaro Cárdenas, publicada en 1971, Sheridan rescata un parágrafo revelador da súa percepción ante a presenza dos refuxiados polas rúas da capital mexicana: “llenan los cafés del centro, vagan en grupos pintorescos por el Paseo de la Reforma, alegan en voz alta, perciben resignados la irreconciliabilidad de su carácter con el callado, mustio, discreto de los coterráneos de un Ruiz de Alarcón que no toleraba el caudaloso Lope y viceversa”. A cita, á parte do interese analítico que contén e que coincide bastante coa descrición que fai Juan Rejano nun fermoso libro (La esfinge mestiza) onde relata a pegada dos refuxiados españois en certos ambientes, trae a colación unha nova controversia na que tamén Salvador Novo tivo participación. Neste caso tratouse dunha polémica literaria xurdida a raíz do tricentenario do dramaturgo novohispano do Século de Ouro, que efectivamente deostara Lope de Vega. Novo, xunto cos escritores Xavier Villaurrutia, do que era íntimo, e Rodolfo Usigli, fixeron chegar uns epigramas a José Bergamín, onde arremetían contra os refuxiados españois, que foron publicados na revista Lectura en setembro de 1939.
Aínda que resulta dubidoso que Delgado Gurriarán, nese momento acabado de chegar a México, fose coñecedor de todos estes avatares que rodearon a presenza inicial dos intelectuais refuxiados, o seu sobriño Ricardo ten afirmado que chegou a ter certa relación co incisivo Salvador Novo, seguramente máis por paisanaxe que por ideoloxía, xa que o primeiro era fillo dun comerciante galego reemigrado desde Cuba e parente do xornalista ferrolán Adelardo Novo. Probablemente o seu contacto foi bastante posterior e estivo vencellado á relación de ambos con ese personaxe de novela que foi Alejandro Finisterre, por medio da súas empresas editoriais. Florencio publicaría no número especial dedicado a poetas mexicanos e residentes da revista Ecuador 0° 0’ 0”, mentres que Novo escribiría en 1966 o prólogo á Poesía Náhuatl de Horacio Quiñones, con quen, segundo Ricardo Gurriarán, o seu tío tamén tivo trato. Malia todo, o propio Florencio recoñecía que eses contactos con escritores mexicanos foron bastante puntuais e non moi profundos (Gurriarán 2022, p. 75).
Todo isto acontecería xa cando o valdeorrés estaba instalado en Guadalajara, feito que, como é sabido non minguaba en absoluto os contactos permanentes que mantiña cos círculos galeguistas do DF, tal e como proban todas as iniciativas culturais ás que estivo vencellado por mor desa militancia14. Na capital do estado de Jalisco —a onde chegou en 1951 como representante dun laboratorio farmacéutico, despois dun tempo como vendedor de aceites e logo de zapatos— non abundaba a presenza galega e só conseguía conversar sobre os asuntos da terra co seu amigo Ramón Esturao, que tamén terminou por establecerse alí. Iso non foi un impedimento para que ambos continuasen, xunto con exiliados doutras procedencias, asistindo aos faladoiros de café —como as do Madoca ou o Nápoles— onde, como dicía Esturao, pasaban horas gobernando España “a control remoto” xunto con militares republicanos como Javier Linares Aranzabe e Juan Santaliestra Bailac, que chegaran a México a bordo do Nyassa en 1942, ou o vasco Santiago Dañobeitia, que o fixera no mesmo ano ca Florencio. Co paso do tempo, neses faladoiros que frecuentou ata os seus últimos días, participarían tamén amigos mexicanos. E, como escribiu o refuxiado cántabro José de la Colina no seu prólogo ao fantástico libro La Librería de Arana (Otaola 1999, p. 12), cando o 20 de novembro de 1975 o exilio perdía a súa heroica raison d’être, os temas de debate foron outros, como tamén os desexos de quen un día chegaran a esa segunda patria que para os exiliados foi México.