O ferrolán Xesús Dopico Ferreiro chegou ao porto de Veracruz o 7 de xullo de 1939 a bordo do buque Ipanema, a carón de centos de galegas e galegos que, coma Florencio Delgado Gurriarán, buscaron refuxio en México tras a fin da guerra civil. Tiña 36 anos e un oficio: profesor de violín.
Entre a listaxe de pasaxeiros do Ipanema tamén atopamos o violinista zaragozano Simón Tapia Colman (1906-1993), quen definiría a Dopico como un “eminente violinista […] fallecido cuando estaba a punto de iniciar una serie de conciertos por todos los países de América” (1992, p. 188). Polo de agora, nos contados libros sobre a historia da música galega non encontramos referencias a Xesús Dopico e, no continente americano, a musicóloga especialista do exilio republicano español Consuelo Carredano preguntábase na historia da Música en México por que aínda non se fixeran recensións da brillante actividade de Dopico (2009, p. 561).
En paralelo á súa actividade musical, Dopico ocupou en 1953 a primeira presidencia do Padroado da Cultura Galega en México, feito polo que o seu nome aparece nunha testemuñal liña en memorias do exilio como as de Elixio Rodríguez (1994, p. 347). Como peche deste breve estado da cuestión, é obrigada a mención á Gran Enciclopedia Gallega e á voz correspondente, asinada por Alberto Vilanova Rodríguez (1974, pp. 180-181), así como ao libro Galegos en México de Mª Xosé Rodríguez Galdo (2004, pp. 289-291), que contén nas súas páxinas os estudos e referencias máis amplas dedicadas ao violinista ferrolán até o momento.
FORMACIÓN E ALBOR DUNHA CARREIRA ARTÍSTICA
Comezamos esta reconstrución biográfica no serán do 24 de decembro1 de 1902, no número 3 da praza das Angustias de Ferrol, situación do domicilio familiar onde Josefa Ferreiro Permuy, natural das Pontes de García Rodríguez, e José Dopico Vizoso, natural de Narón e “peón de confianza do Arsenal”, tiveron o seu fillo, a quen deron o nome de Jesús José María Delfino2. Interpretando a documentación reunida, Xesús sería o terceiro descendente, tras o nacemento de Araceli (irmá a quen non chegou a coñecer por falecer de forma prematura)3 e do seu irmán Benito en 1900, con quen, como veremos, compartiría os momentos máis decisivos da vida.
Descoñecemos onde e cando foi o primeiro contacto de Xesús Dopico co violín. No programa de man do seu primeiro concerto no exilio mexicano (1940) indicou que ofrecera o seu primeiro concerto aos oito anos4 e que, de adolescente, realizou estudos de debuxo lineal na Escola de Artes e Oficios de Ferrol5. Cara a 1912, Dopico coñecería o violinista pontevedrés Manuel Quiroga (1892-1961), quen se convertería nunha destacada referencia no seu desenvolvemento musical. Este primeiro encontro tivo lugar, probablemente, no concerto que Quiroga ofreceu no Teatro Rosalía da Coruña6, ao que Dopico asistiu acompañado dos seus familiares:
No acerté a abrir la boca, tal era mi impresión en su presencia. Me dio unas palmaditas en el carrillo; y se retiró. ¿Quién podría decirme que cuatro años más tarde le visitaría en su apartamento en París, naciendo ese día una amistad sincera e incondicional, y que al siguiente año tocaríamos el concierto de Bach y la Jota de Sarasate para dos violines? (Dopico 1967, pp. 380-381).
Seguindo os pasos do violinista pontevedrés, Dopico viaxou a París para estudar no conservatorio7 da capital francesa, cidade onde ofreceu un concerto para os feridos da primeira guerra mundial8 e onde escoitou por primeira vez o violinista austríaco Fritz Kreisler (1875-1962), a quen lembraría como:
El artista más sublime que he conocido, capaz de arrebatar y hasta martirizar con sus interpretaciones. […] Su emoción contenida alcanzaba la sublimación con su fraseo, en donde volcaba su corazón y nos dejaba asombrados y en determinados momentos transportaba al éxtasis (Dopico 1967, p. 382).
Ao redor de 1919 trasladouse a Madrid e realizaría as probas de ingreso no Teatro Real e na Orquestra Sinfónica de Madrid, nas cales estaba presente o músico Humberto Gabrielli:
La primera vez que oí a Dopico, hace seis años, en las oposiciones de ingreso a la Orquesta Sinfónica de Madrid, formando yo parte del Tribunal, quedé gratamente sorprendido —y como yo todos los oyentes que llenaban el salón— ante su brillantísimo ejercicio, en que puso de relieve cualidades […] impropias de un muchacho que estaba en el primer peldaño de su carrera artística (1926).
En 1923 Xesús Dopico era un dos alumnos máis destacados do Real Conservatorio de Música e Declamación de Madrid, onde estudaba violín con Enrique Fernández Arbós (1863-1939) e música de cámara con Rogelio del Villar (1875-1937), aulas que compartía coa pianista madrileña Carmen Dorronsoro —quen tamén se exiliaría en México xunto ao seu marido Wenceslao Roces— ou co asturiano Jesús Fernández9, con quen Dopico partillaría en xullo de 1924 o Premio Sarasate10. Este galardón distinguía os mellores violinistas á fin da súa formación académica, polo que se convertería na principal carta de presentación do músico ferrolán ao longo de toda a súa traxectoria artística nos escenarios de España e México.
O Premio Sarasate sumábase ao apoio económico que Dopico recibira previamente do Concello de Ferrol para mercar un violín valorado en 4.500 pesetas11 (das cales o Concello achegou 2.000), e imaxinamos que con este instrumento realizaría o seu debut no Teatro Jofre o 4 de agosto de 1923 acompañado polo pianista Félix Rodríguez Alonso, director da banda do rexemento ferrolán12. Xesús Dopico tiña vinte anos e o teatro da súa cidade natal colgara o cartel de entradas esgotadas13.
En 1925 presentouse no Teatro Rosalía de Castro da Coruña14, recital no que interpretou un repertorio cheo de virtuosismo que alentou o recoñecemento de Xesús Dopico como socio de honra de dúas institucións senlleiras da cultura galega: o Coro Toxos e Froles15 e a Sociedade Filharmónica da Coruña16. A súa popularidade ía en aumento e a revista Vida Gallega publicou un retrato no que descubrimos a seguridade escénica de Dopico. Por solicitude do Concello de Ferrol17, a Deputación Provincial outorgoulle ao músico galego unha subvención de 1.000 pesetas18 para regresar ao Conservatorio Nacional de París e ampliar coñecementos co violinista Édouard Nadaud (1862-1928). Nesta segunda estancia na cidade do Sena, entre finais de outubro de 1925 e a primavera do ano seguinte, Dopico ofreceu un concerto na Salle de la Société des agriculteurs de France organizado pola prestixiosa asociación Revue Musicale, recital no que estreou obras do compositor Raymond Petit (1893-1976).
Co obxectivo de mostrarlle ao público e á crítica madrileña estes progresos artísticos, o 26 de maio de 1926 ofreceu un recital no Teatro de la Comedia a carón do pianista Federico Quevedo. Un concerto fóra de tempada que “es un alarde de entusiasmo y de confianza en sí mismos”19, diría Adolfo Salazar, un dos principais críticos musicais da Idade de Prata. Ao ano seguinte, o músico galego actuou para a familia real na Sala Aeolian a carón da cantante Vera Romanova e da pianista polaca Caroline Peczenik, quen chegara a España como refuxiada da primeira guerra mundial, instalándose como profesora de música no Palacio Real20. Estes concertos enmárcanse na activa vida musical de Dopico ao regreso de Francia, etapa na que imaxinamos mantiña a súa praza na Orquestra Sinfónica de Concertos, en paralelo aos recitais diarios que ofrecía no aristocrático café Spiedum21. Unha intensa actividade profesional na que o músico galego non esquecía a súa cidade natal, combinando as visitas á súa familia coa colaboración en diferentes concertos benéficos no Teatro Jofre, resultando paradoxal, dado o transcurso dos feitos, o recital que ofreceu en 1926 para a recadación de fondos destinados á construción do monumento á memoria dos heroes ferroláns falecidos en África, un proxecto impulsado por Francisco Franco22. Este compromiso social motivou que o Concello de Ferrol lle outorgase en 1927 unha nova bolsa de 2.000 pesetas23 para continuar a súa formación no estranxeiro, axuda que probablemente empregaría para perfeccionar a súa técnica instrumental e musical cos violinistas Jenő Hubay (1858-1937), Otakar Ševčík (1852-1934), Lucien Capet (1873-1928) e Eugène Ysaÿe (1858-1931) (Dopico 1940). Desafortunadamente, a documentación atopada até o momento non permite afondar neste desenvolvemento académico nin permite reconstruír os concertos ofrecidos en Bruxelas, Dresde, Viena, Budapest ou Praga (Dopico 1940) ou a xira anunciada en Cuba e América do Norte24, o que nos permitiría unha reconstrución máis rigorosa da súa traxectoria internacional previa á proclamación da Segunda República.
En 1933, o compositor Salvador Bacarisse25 anunciaba o ingreso do “notable violinista” Xesús Dopico no Cuarteto Rafael, unha formación de música de cámara liderada polo violinista Rafael Martínez coa que interpretaría obras de Boccherini, Mozart ou Brahms, así como dos compositores españois Arriaga, Chapí ou do propio Bacarisse26, na Embaixada de Italia en Madrid, para a Sociedade Filarmónica de Madrid ou no Teatro Español, en colaboración co grupo de cámara da Banda Republicana. Ao ano seguinte, o violinista ferrolán ingresou na Orquestra do Teatro Lírico Nacional (Dopico 1937) e en 1935 sería nomeado catedrático de violín do Conservatorio da Coruña27 e posteriormente no Conservatorio de Madrid (Dopico 1940), substituíndo o que fora o seu mestre Fernández Arbós. Afecto á UGT e socio fundador de Izquierda Republicana, Dopico púxose ás ordes do partido tras o golpe de Estado de xullo de 1936, intervindo no asalto ao Cuartel de la Montaña28.
GUERRA CIVIL E DEFENSA DA REPÚBLICA
Segundo a documentación conservada no Centro Documental da Memoria Histórica, a súa biografía é unha sucesión de numerosos e breves cargos durante a guerra civil: nos primeiros meses foi xefe da sección de alistamento das milicias cívicas de Izquierda Republicana29, delegado de carabineiros das Milicias Populares Galegas —onde coincidiu co ferrolán Marcial Fernández (Rodríguez Galdo 2004, p. 290)—, axente da Dirección Xeral de Seguridade30 ou membro da Garda Naval da Frota Republicana31, na que o seu irmán Benito era auxiliar de sanidade a bordo do buque Almirante Valdés. En xaneiro de 1937 atopábase en Valencia, onde, a través dunha extensa carta manuscrita dirixida ao Ministro de Gobernación, solicitaba regresar á Sección de Investigacións Especiais da Brigada Social en Madrid (Dopico 1937), formando en maio de 1938 parte do Gabinete de Prensa do Ministerio de Gobernación32.
Entre os proxectos musicais que se desenvolveron durante a contenda na zona republicana, en 1938 fundouse a Orquestra Nacional de Concertos —actual Orquestra Nacional de España—, na que Xesús Dopico sería contratado como violín primeiro xunto ao lucense Gustavo Freire33.
Perdemos a súa pista biográfica até o 23 de febreiro de 1939, cando asinou en París, nun hotel da rúa Navarín, unha carta mecanografada dirixida ao Ministro Plenipotenciario de México na cidade. Nela Dopico solicitaba a autorización para trasladarse a México como profesor de violín. Co apoio do SERE34, Xesús subiría ao Ipanema ao carón da súa nai Josefa e do seu irmán Benito, quen chegara á capital francesa despois de saír dos campos de concentración de Banyuls-sur-Mer35 e Argelès-sur-Mer (Fernández Díaz 2018, p. 124). Completaría o núcleo familiar a bordo do buque a modista leonesa Loreto Seoane López, esposa de Benito. A través da listaxe de pasaxeiros do Ipanema e das fichas persoais de rexistro do servizo de migración do Goberno mexicano, descubrimos a nova afiliación de Xesús Dopico ao PSOE e o apoio na viaxe do socialista galego Marcial Hernández, quen, como mencionamos anteriormente, coincidira co violinista ferrolán nas Milicias Populares Galegas. Logo dunha travesía de varias semanas, cunha parada na Martinica por avaría, Xesús e a súa familia chegarían ao porto de Veracruz o 7 de xullo de 1939.
EXILIO EN MÉXICO
Unha das primeiras accións do exilio republicano en México foi a creación de institucións educativas baixo o influxo da Institución Libre de Enseñanza, nun ambiente laico, liberal e progresista. Estas escolas naceron co obxectivo de manter a identidade da comunidade refuxiada durante o tempo que durase a estancia no país de acollida e, ao mesmo tempo, ofrecerlle unha oportunidade laboral ao profesorado exiliado. Entre estas iniciativas, a finais de 1939 fundouse o Instituto Hispano-Mexicano Ruiz de Alarcón, que contou na súa nómina cun destacado número de profesores galegos. Un deles foi Xesús Dopico, quen se integrou como director da aula de música á que convidaría outros músicos exiliados como ao compositor madrileño Rodolfo Halffter ou o mencionado anteriormente Simón Tapia Colman (Rodríguez Galdo 2004, pp. 213-215). Esta institución académica estaba dirixida polo dezao Pedro Martul Rey (Martul Tobío 2001), con quen Dopico tamén iniciaría un negocio pesqueiro e conserveiro no estado de Campeche (Carretero 1941).
A nivel artístico, o fito máis destacado desta primeira etapa en México vencellada ao Instituto Hispano-Mexicano Ruiz de Alarcón36 foi o concerto de presentación de Xesús Dopico no Palacio de Bellas Artes, epicentro musical do exilio republicano. O recital, organizado co obxectivo de promocionar a escola de música do devandito centro37, tivo lugar o 6 de febreiro de 1940. O programa de man descóbrenos a colaboración no seu deseño gráfico do artista galego e profesor do centro Uxío Souto. Acompañado polo pianista Juan D. Tercero, o debut de Dopico nesta monumental sala de concertos deixounos un dos seus mellores retratos fotográficos xunto coa boa impresión da crítica musical:
José Iturbi, Andrés Segovia […] en medio de estos nombres conocidos ya del gran público se levanta hoy un tercero que no era conocido de nosotros. Nos referimos a Jesús Dopico, el violinista que se presentara el pasado jueves en el Palacio de Bellas Artes […] ante un selecto auditorio. Dopico desarrolló un programa cuya realidad e interpretación son buenas muestras de la sensibilidad y del dominio de la técnica que constituyen las principales virtudes de la personalidad artística. […] Interpretó la Sonata en Re de Haendel y un Concierto de Mendelssohn. La calidad del sonido, la severidad de la interpretación, la técnica perfecta y la emoción contenida que demostrara, revelan el rigor de su criterio musical y las cualidades del temperamento. En la tercera parte del programa con la Romanza Andaluza de P. Sarasate y el Nocturno en Mi bemol de Chopin-Sarasate, Dopico nos lleva al dominio del arte latino. Su violín cobra una nueva sonoridad, la emoción contenida se manifiesta y se desborda. Aparece ya el artista español que más tarde, en el Zapateado del mismo Sarasate, habría de completarse definiéndose por entero. […] Sea bienvenido a México el notable músico español38.
A comunidade galega refuxiada en México creou en 1942 un dos principais proxectos editoriais do exilio: a revista Saudade. Esta publicación, vencellada ao galeguismo militante, naceu co obxectivo de “alumar o acento do galeguismo, espallando as verbas dos nosos irmáns; por xuntar, contra todol-os ventos, as vontades xenerosas dos millores galegos das Américas”. Segundo o historiador Ricardo Gurriarán, o autor do prefacio que recolle estas verbas sería, con toda probabilidade, Florencio Delgado Gurriarán, un actor fundamental no desenvolvemento da publicación dende o seu primeiro número (2022, p. 178). Este presentouse o 25 de xullo, xornada simbólica na que a comunidade galega se reunía no centro histórico da Cidade de México para celebrar o Día de Galicia, nun encontro en que a nostalxia florecía de novo coas apertas e conversas distendidas que os quefaceres cotiáns deixaban en segundo plano. Meses despois, coincidindo coas datas de Nadal, publicouse o segundo número da revista, no cal descubrimos unha escolma de Canzóns de mariñeiros e de Cantigas pra bailar que quizais puido seleccionar Xesús Bal y Gay, o musicólogo e compositor lucense que chegara a México no outono de 1938 como membro fundador de La Casa de España en México e que aparece entre os colaboradores da revista.
En maio de 1943, o terceiro número de Saudade preséntanos unha nova faciana creativa de Xesús Dopico a través dun texto de carácter musicolóxico titulado “En col da música popular galega”, no que o violinista ferrolán expón que:
De folklore rexional hespañol, quizais o máis descoñecido, endemal, o máis desleixado, por non dicer abandoado é o galego. As causas deste feito obedecen a moitas razóns. Mais os galegos teñen o deber de estudial-a súa propia historia nas diversas manifestacións. ¿Que galego non sinteu ás veces a necesidade de cantar un alalá, que lle sai da i-alma? ¿E que sabe desta e outras cancións da nosa terra? (Dopico 1943, p. 13)
Xunto aos alalás, Dopico tratou neste texto divulgativo diversas formas ou xéneros da música tradicional galega, como o cantar do pandeiro, as regueifas ou as baladas, á vez que presentou a gaita e a zanfona como os principais instrumentos musicais, con breves alusións ás representacións iconográficas destes instrumentos nos mosteiros de Ribadavia ou no de Celanova, sen esquecer a mención á lírica medieval. Neste achegamento panorámico á música galega, Dopico citou como referencias as achegas de Felipe Pedrell (1841-1922), de Perfecto Feijoo (1858-1935) ou do ferrolán Ramón de Arana (1858-1936), a quen posiblemente tratara de forma persoal en máis dunha ocasión.
Nesta inmersión na colaboración de Xesús Dopico con Saudade, en agosto de 1944 —no quinto e derradeiro número da primeira etapa da revista— asinou o artigo “O Capricho Hespañol e Galiza” dedicado á estancia en Ferrol de Rimskii-Kórsakov como oficial da mariña do tsar, onde o compositor ruso lle “ofrece o seu brazo á filla do Xeneral” e “un día en San Felipe, a entrada da Ría, escoita a un gaitero de moita sona nos romaxes, e toma nota das orixinás melodías que xurden da súa gaita”. Dopico remata o texto afirmando que “do que non teño dúbeda é de que este, e non outro, foi o berce onde se abalaron, en divina alborada, as maravillosas frases e o recendo galego que exhala o Capricho Hespañol”. Pese á falsidade desta fachendosa e anecdótica lenda divulgada en México por Dopico (Maestro 2008, pp. 629-630), extraemos da súa lectura a posible colaboración de Delgado Gurriarán na tradución, sabendo do seu coidado lingüístico nas distintas seccións da revista (Alonso Montero 2022, p. 39) e lendo baixo o título do mesmo “Traducido por SAUDADE”. Diversos matices filolóxicos, como “as orixinás melodías”, convídannos a abrir esta hipótese ás persoas expertas neste campo.
En paralelo ás colaboracións con Saudade, a actividade musical de Xesús Dopico continuou en Radio Gobernación, onde ofrecía concertos radiofónicos no programa dominical La Hora Nacional39 cun repertorio diverso, entre o que atopamos obras do compositor Edvard Grieg nun recital en apoio “á mártir Noruega”40 fronte á ocupación nazi. Neste compromiso político antifascista, Dopico asinou iniciativas como a convención de solidariedade coa República Española convocada pola FOARE41, as adhesións antifranquistas da Alianza Nazonal Galega42 ou diversas campañas en pro da paz43. A mediados da década de 1950 sería membro fundador do Padroado dos Festivais Pau Casals44, cuxa primeira cita en México tería lugar en 1959 coa presenza do propio músico (Parés 1959).
Tras o detemento na publicación de Saudade en 1944, a comunidade galega exiliada retomou a edición da revista en 1952 co obxectivo de “facer o imposibel por intresar a tudos os galegos de México no noso anceio”, aclarando no limiar que “non nos prende intrés algún de subordiñación ou vasallaxe a postulados estreitos no orde políteco, económico ou inteleitual”.
En relación ao obxecto de estudo desta investigación, o sexto exemplar de Saudade deixaríanos o soneto “El Mirlo”, a única composición poética45 coñecida até o momento de Xesús Dopico (1952).
Cantó el Mirlo a la Alborada, como él sabía cantar
y su eco retorcido pero bello y melodioso
se extendía por los campos con acento quejumbroso
ora triste, ora gozoso de cariño por su lar.
Palpitándole su pecho después de mucho saltar
y pregonando verdades con su trino más gracioso
le escuchaban con enojo..., gorjeaba caprichoso...
mas el Mirlo, estaba loco..., sólo podía volar...
Allá va el Mirlo, luto con el Alma como su pluma
hacia los tojos sus compañeros a descansar...
ya no habrá cantos sino tristeza y como la bruma
se desvanece... De su figura no recordar,
pero en la entraña de nuestros pechos la pena abruma
a los que oímos cantar el Mirlo. ¡Mirlo sin par!
PADROADO DA CULTURA GALEGA EN MÉXICO
O sétimo número de Saudade saíu do prelo o 25 de xullo de 1953 baixo a dirección de Delgado Gurriarán. Este exemplar deixounos o emotivo texto “Como eu a vexo”, no que Dopico manifestou a profunda morriña umbilical do desterro a través de diferentes paisaxes sonoras e escenas sacras, con citas como “Para min Galiza […] é un anaco de terra onde maxino que o Siñore do Universo houbera de escansare no séitimo día”, que nos convidan a intuír as crenzas relixiosas do violinista. Este número de Saudade sería o derradeiro exemplar da revista e, ao mesmo tempo, a publicación sobre a que botara a andar meses antes o Padroado da Cultura Galega en México (Rodríguez 2007, p. 1952). A primeira iniciativa deste grupo intelectual foi o programa de radio dominical Hora da Cultura Galega, dirixido por Rodríguez de Bretaña e no que Dopico sería un dos seus primeiros colaboradores. O perfil conservador dos convidados ou o emprego do bilingüismo, fronte á militancia galeguista e o emprego único do galego, espertou un conflito desde os inicios do programa, tal e como descubrimos na columna “En col a unhas transmisións do Patronato da Cultura Galega de México” impresa nas últimas páxinas de Saudade.
Co programa radiofónico en marcha, o Padroado da Cultura Galega constituíuse oficialmente o 29 de xuño no hotel Majestic da Cidade de México. A primeira directiva estivo presidida por Xesús Dopico, ao carón de Rogelio Rodríguez de Bretaña como secretario xeral, Horacio Casas como contador e, entre os vocais, Elixio Rodríguez e Luís Soto. Descoñecemos a motivación na elección de Dopico como presidente dunha institución con lides persoais e ideolóxicas entre os galeguistas, entre os que Delgado Gurriarán xogaría un papel importante, e as iniciativas marxistas lideradas por Soto (Gurriarán 2022, p. 271). Neste escenario, pensamos que Dopico foi elexido como figura de consenso, unha posible hipótese na que tamén cabería pensar se o texto “Como eu a vexo” anteriormente mencionado, publicado en Saudade case un mes despois deste nomeamento, podería ser a declaración de intencións de Dopico á fronte do Padroado. O que si sabemos con certeza é que esta andaina foi curta, tal e como o trasladou Paz-Andrade en varias cartas na súa visita a México en 1954 (Portela Yánez e Díaz Pardo 1997, p. 99):
Dopico fundó y dirigió un Patronato de la Cultura Gallega, apolítico, con gran fortuna. Tienen una hora radial todos los domingos, que disfruta de gran prestigio. La intelectualidad del país lo disfruta mucho. Tiene actualmente presentada la dimisión, tal vez por alguna discrepancia interna, aunque él, persona discretísima, vela este motivo y alega el de su fatiga, también cierta.
Estas discrepancias internas mencionadas por Paz-Andrade quedarían tamén recollidas nas memorias de Luís Soto (1983, p. 164):
Na primeira etapa da entidade, a dereita galeguista dominou o Consello Executivo e deste xeito as tarefas eran case exclusivamente folclóricas e sentimentais. […] Nesta época de lusco e fusco realizou o Padroado dúas cousas importantes, pro trabucadas no programa e nas realizacións: a publicación do libro tiduado Presencia de Galicia en México, bilingüe, cáseque todo en castelán, e a inauguración da “Emisión de Radio” que perdurou durante mais de 10 anos, encomenzando por empregar soamente o castelán, despois pasando por unha etapa bilingüista, pra findar obtendo a vitoria do emprego do noso idioma na totalidade da súa programación.
En paralelo á emisión radiofónica, o principal legado de Dopico á fronte do Padroado foi a edición de Presencia de Galicia en México. Esta publicación, tal e como expón Alonso Montero no limiar da edición facsimilar, “proponse dous obxectivos moi distintos: ofrecer algunhas «das características da personalidade galega» […] e un elenco de homes e mulleres que constitúen a honra de Galicia” (2007, p. XXII). O libro recolleu as conferencias pronunciadas no programa de radio Hora da Cultura Galega, no cal segundo Alonso Montero o emprego do castelán respondeu “ó criterio de dar a coñecer a personalidade e as glorias de Galicia á colectividade mexicana e, tamén, á dos exiliados españois, daquela, cualitativamente, moi importante” (2007, p. XXIV). A conferencia ofrecida por Xesús Dopico (1954) versaría sobre o compromiso social e a personalidade xusticeira de Concepción Arenal. A ferrolá sería unha das catro mulleres protagonistas deste libro, xunto a María Casares, no artigo do escritor e agregado da embaixada de Francia Álvaro Araúz; Emilia Pardo Bazán, tratada pola escritora Isabel de Palencia; e Rosalía de Castro, nas verbas do escritor e xornalista Rafael Solana. Ao carón destes relatos atopamos a participación do musicólogo Xesús Bal y Gay, quen asinou os textos “Alalá y Muiñeira” e “La Generación Gallega de 1925”.
Quizais un dos momentos máis emotivos de Dopico na presidencia do Padroado foi acompañar o compositor Luis Taibo (1877-1954) no seu solpor, tal e como narra o prólogo de Presencia de Galicia en México (pp. 10-11).
Non esqueceu a nosa entidade o traballo d-aspeito humán e atendeu nos derradeiros intres da sua melodía ao Dr. Lois Taibo García, Académico correspondente da Galega, a quen pol-a axuda que pro caso nos emprestara o Centro Galego de Bos Aires, facéndonos remesa da grabación da sua Suite “Galaica”, poidemos renderlle o homaxe debido ao autor, que a escoitou por primeira vegada dende o seu leito no Sanadoiro Hespañol, na compaña n-ise intre do noso Presidente irman Xesús Dopico cos membros do Consello. Foi iste, un dos aitos mais emozoados levados a cabo, no noso afán de estare presentes a veira dos nosos irmáns onde queiran que se atopen. Cando falesceu, tres meses despois de escoitar por primeira vegada a sua Suite, o Consello rendeu debido homaxe ao ilustre morto envolvendo seu cadavre na bandeira galega, dando conta do deceso aos Centros Galegos do Contiñente e d-Hespaña i-a Academia da Galega da cal era membro.
Abandonado xa o cargo, Dopico regresou aos escenarios en novembro de 1955, nun concerto a beneficio do propio Padroado na sala Manuel M. Ponce do Palacio de Bellas Artes. Horacio Casas, secretario xeral da entidade, dirixiríase ao público cunhas verbas de recoñecemento ao violinista ferrolán46:
El Sr. Dopico nos deleitará con alguna obra de nuestra tierra. Hacemos patente por medio de estas líneas nuestro más sincero agradecimiento al Sr. Dopico por su alta colaboración y por el amor y entusiasmo que siempre ha tenido por nuestra obra, que es, al mismo tiempo, de Galicia y de todos los gallegos.
Na nova xunta directiva do Padroado da Cultura Galega47, presidida por Adolfo Vázquez Humasqué, tomaron cargos de maior implicación os ourensáns Carlos Velo e Luís Soto, quen impulsarían unha nova publicación ao carón de Elixio Rodríguez e Florencio Delgado Gurriarán: Vieiros. O seu contido, en galego e portugués, e a coidada factura da edición, dirixida artisticamente por Arturo Souto, fixeron que o éxito da revista fose rotundo (Gurriarán 2022, pp. 285-286) dende a publicación do primeiro número no verán de 1959, no que descubrimos o nome de Xesús Dopico na lista de mecenas ou “petrucios” que fixeron economicamente posible o proxecto. Pero o máis destacado para este estudo é o anuncio na sección “próisimos númaros” da contribución do violinista ferrolán con “Sinfonía galega”, unha colaboración que, revisando polo miúdo o devir da revista, non chegou a publicarse, sumada á desaparición de Dopico como colaborador económico. A fortuna quixo que este texto se conservase no Fondo Luís Soto, custodiado no Arquivo Histórico Provincial de Ourense. Trátase dun documento en galego de cinco páxinas, mecanografado e cunha serie de correccións manuscritas en bolígrafo datadas en México en 1962, do que descoñecemos polo de agora se chegou a publicarse nalgunha outra revista ou, pola contra, permanece inédito. Nel, Dopico reflexiona sobre por que a música galega non ocupa o mesmo lugar que a literatura ou as artes plásticas nunha Galicia universal, atopando o primeiro escollo na falta de formación, e por iso propón:
Fondemos un bon Conservatorio de Música e Belas Artes aló, na Terra, mais fagamos outro nísta terra que xa é algo nosa. Podemos e debémolo facer, pra coidar coma os ollos da nosa tradizón. Entón en lugar de coros sin xeito, escangallados coma pedichóns das romaxes, teremos a nosa música peneirada. Canons e Suites, Sinfonías e Concertos, nosa lírica e levála ao pentagrama. […] como parte do Coro da Nova Galiza […] nesta Sinfonía, todos temos o noso papel. Que cada quen tome o que mais lle axeite... e vamos a ensaiare. […] Cando iso chegue, vestiremolo traxe das festas e tanxerán os sinos a verdadeira Alborada. Alborada coa que soñara o noso Castelao. ¡A Galiza ergueita!
Completamente afastado da revista Vieiros, Alexandre Finisterre publicou o derradeiro texto asinado por Dopico atopado nesta investigación. As páxinas da magna Revista de Galicia, publicada en México en 1967, recolleron o artigo “Un gallego genial: Manolo Quiroga”. Nel Dopico trata a dicotomía entre a incomprensión social da xenialidade e a súa inmortalidade, fronte á mediocridade do rápido suceso e a consecuente celebridade. E, entre estes xenios, declara a súa admiración polo violinista pontevedrés, a quen coñecera cando era “un niño que peinaba bucles y vestía con cuello grande y bordado”, e do que manifesta que “no hemos sabido de un virtuoso que dominara el violín como Manolo, sobre todo en los máximos escollos de la digitación, dobles cuerdas y octavas digitadas”.
A MODO DE CONCLUSIÓN
A musicoloxía occidental constrúe o seu relato a partir da creación compositiva, legados nos que a obtención retroactiva de documentación histórica é unha tarefa viable fronte á inmaterialidade da música como acto performativo. Na súa etapa madrileña, Dopico presentara no rexistro xeral da propiedade intelectual cinco composicións musicais (táboa 1) das que descoñecemos o seu posible paradoiro e, segundo Rodríguez Galdo, en México “comporía a música de diversas películas” (2004, p. 290), dato do que non atopamos máis información.
A presente reconstrución biográfica préstase como marco e oportunidade de reflexionar sobre cal é o legado dun intérprete musical. No caso concreto de Xesús Dopico descoñecemos a existencia dunha gravación radiofónica ou discográfica que achegue ás novas xeracións a súa técnica e praxe musical, esa “madurez plena y […] mecanismo espléndido” que o crítico musical Ignacio Lavilla mencionou a finais de 1965 tras o último concerto ofrecido polo violinista galego do que reunimos documentación:
DOPICO, EL VIOLINISTA DE LA MESURA. Un público selecto […] acudió a la sala del antiguo teatro Chopin, o Teatro Principal, para asistir a la reaparición de un gran violinista español, Jesús Dopico, ausente de los escenarios durante algunos años. Esta curiosidad y este interés, se fundaban en el recuerdo de actuaciones en que Dopico se había revelado como un gran virtuoso y un maestro sabiamente preparado para calar en el carácter de las más variadas obras. Al primer contacto del violinista con el público pudimos apreciar que el paso de los años había ejercido en él una influencia de madurez plena y, lo que es más importante, no habían restado facultades a su mecanismo espléndido. Dopico eligió dos programas que le ponían a prueba, como artista capaz de una gran flexibilidad temperamental y como ejecutante seguro y claro para el que no había dificultades de dicción. Así, le vimos interpretar la Chacona de Bach, piedra de toque para todo buen violinista, con una justeza de efectos que sólo un maestro podría lograr […] en Dopico los armónicos alcanzaban una gran transparencia y una belleza inédita. Quedaba, pues, confirmada la solidez interpretativa del gran violinista que es maestro del bien decir.
[…] Nos interesa destacar […] que Dopico ha ganado en sapiencia interpretativa en estos años de meditación, en los que un maestro puede hallar para sus conceptos estéticos un mayor equilibrio, y así es, en efecto, ya que todas las versiones que Dopico nos ofrece, trascienden comprensión del carácter primario de la obra. […] Ese ajustarse a la prístina intención primaria del compositor es lo que alcanza en Dopico el máximo respeto, al punto de pasarnos una impresión tónica que contraste saludablemente con la agitada atmósfera experimental que envuelve a las producciones más extremas a las que estamos seguros de que Dopico sabría dar también su justa expresión si se lo propusiera.
Os comentarios positivos son unha constante nas críticas publicadas ao longo de catro décadas de actividade escénica (táboa 2). Dende o seu debut no Jofre en 1923 cun “alarde de habilidad y elegancia, […] gracia, ingenuidad, sencillez y coloridos admirables”48 ata a presentación como solista en Madrid, na que Carlos Bosch (1926) puxo a atención no “estilo sobrio […] de intensidad en el fraseo”.
En paralelo a estas impresións, nas que a subxectividade é inevitable, o repertorio interpretado nos concertos é unha testemuña directa da súa personalidade artística: destacan partituras canónicas como a Chacona de Bach ou a Sonata en re de Haendel, xunto aos concertos para violín de Saint-Saëns ou de Mendelsohn, rematando os recitais, polo xeral, con pezas desbordantes de virtuosismos técnicos escritas por Lalo, Sarasate, Kreisler ou o seu principal mestre, Fernández Arbós. Non existiu en Dopico unha integración ou diálogo coa comunidade local a través da interpretación de obras de compositores mexicanos, aínda que si é salientable mencionar a presenza no seu repertorio de obras das compositoras Caroline Peczenik e de Lili Boulanger.
Ante a falla de entrevistas ou textos autobiográficos, aventurámonos a tomar o último texto de Dopico como unha análise da súa personalidade artística, nunha lectura da admiración expresada cara a Manuel Quiroga como reflexo dos valores artísticos proxectados e desexados polo violinista ferrolán:
Los Estados Unidos ofrecen un campo vastísimo y casi virgen a los artistas europeos ansiosos de fama y dinero. […] Quiroga no quiere entenderlos. La propaganda, monstruo gigantesco, […] influye en todo. A los artistas les intervienen sus programas y hasta la forma de tocarlos. Hay que dosificar las grandes obras clásicas y complacer con cursilerías agradables al auditorio. No se debe ser tan serio, es menester sonreír, y hasta procurar golpes de efecto.
[Quiroga] sigue siendo extraordinario. Domina la literatura del violín en forma asombrosa, y a pesar de ello no cambia sus programas… Por años le hemos oído en su casa tocar los conciertos más elevados y que más agradecen los públicos: Beethoven, Brahms, Tchaikowsky, Glassounow (sic), la Chaccona; pero él no varía, a la hora de dar su programa vuelve de nuevo con las obras harto conocidas y que durante años lleva tocando; y así, insensiblemente, pierde el interés del público […] que tanto le había admirado. Ese público que, creyendo conocer a Manolo, realmente nunca supo de verdad cuánto y cómo tocaba, ni de lo que hubiera sido capaz de alcanzar con su arte, de no haber sido tan honrado consigo mismo (Dopico 1967, pp. 384-385).
Son numerosas as preguntas abertas sobre Xesús Dopico. Rodríguez Galdo cuestionábase por que Bal y Gay non dedicara ningunha mención ao seu quefacer artístico, recollendo que algunhas “testemuñas do exilio recordan a figura máis silente de Dopico e as dificultades que tivo que vencer para supera-la experiencia do exilio” (2004, p. 291). Son mínimos os datos sobre as súas relacións persoais, sen coñecer polo momento a existencia dunha posible parella, descendentes ou familiares en Galicia ou México, nin tampouco a data de falecemento. O que si sabemos é que os seus restos descansan “á perpetuidade” na tumba V-948 do Panteón Español da Cidade de México, a carón da súa nai Josefa, o seu irmán Benito e outras dúas persoas descoñecidas até o momento: Ángel Orozco e Juana García. Como peche, tomamos as verbas de Florencio Delgado Gurriarán asinadas en febreiro de 1976: “Xesús Dopico, o gran violinista galego morto no desterro” (p. 19).
Táboa 1. Composicións de Xesús Dopico no rexistro da propiedade intelectual. Fonte: elaboración propia
Ano | Título | Xénero | Autoría da letra | Documento rexistrado | Fonte |
---|---|---|---|---|---|
1929 | Niña triste | Valse-canción | Rafael Ibáñez Camallonga | Manuscrito, 1 folio con 2 follas |
Gaceta de Madrid, 339 (5/XII/1930), pp. 1478-1480 |
1929 | Galitzia (álbum lied) | Valse instrumental | Manuscrito, 1 folio con 4 follas |
Gaceta de Madrid, 355 (21/XII/1930), pp. 1868-1870 |
|
1929 | El simón | Schotis instrumental | |||
1930 | Vós no podés olvidarme | Tango | Rafael Ibáñez Camallonga | Manuscrito, 1 folio con 2 follas |
Gaceta de Madrid, 87 (28/III/1931), pp. 1725-1727 |
1930 | Fifí | Valse instrumental | Manuscrito, 1 folio con dúas follas |
Gaceta de Madrid, 87 (28/III/1931), pp. 1725-1727 |
Táboa 2. Concertos documentados de Xesús Dopico como solista. Fonte: elaboración propia
Data | Lugar | Outro intérpretes | Repertorio (selección) | Fonte |
---|---|---|---|---|
ca. 1912 | Ferrol Casa Sr. Montalbo |
El Correo Gallego. 9/V/1926, p. 2 |
||
ca. 1915 | París | Manuel Quiroga | Concerto, Bach Jota, Sarasate |
Dopico 1967, p. 381 |
19/III/1923 | Madrid Real Conservatorio de Música e Declamación |
Luisa Porras, pianista Adolfo Wagmer, pianista Dolores Ventosa, violonchelista |
Sonata en mi maior, Bach Trío en re maior, Haydn |
ABC. 15/III/1923, pp. 23-24 |
23/VIII/1923 | Ferrol Teatro Jofre |
Félix Rodríguez Alonso, pianista | Sonata en re, Haendel Preludio e Allegro, Pugnani-Kreisler Concerto, Mendelssohn Aires bohemios, Sarasate |
El Correo Gallego. 5/VIII/1923, p. 1 |
ca. VII/1924 | Madrid Real Conservatorio de Música e Declamación Concurso premio Sarasate |
Concerto, Saint-Saëns Sinfonía española, Lalo |
El Orzán. 5/VII/1924, p. 4 |
|
22/XI/1924 | Madrid Real Conservatorio de Música e Declamación Entrega premio Sarasate |
Juan Quintero, pianista | Bach | ABC. 23/XI/1924, p. 24 |
24/III/1925 | A Coruña Teatro Rosalía Castro |
Félix Rodríguez Alonso, pianista | Concerto, Saint-Saëns Canto indio, Rimski-Kórsakov Tango, Arbós |
El Orzán. 24/III/1925, p. 1; 25/III/1925, p. 1 |
3/IV/1925 | Ferrol Teatro Jofre |
El Correo Gallego. 3/IV/1925, p. 1 |
||
1925 | París Salle Société des Agriculteurs Revue Musicale |
Raymond Petit | Dopico 1940 | |
ca. 1925 | París Palacio Sra. baronesa de Sarmiento |
El Correo Gallego. 23/XI/1924, p. 24 |
||
4/V/1926 | Ferrol Teatro Jofre Concerto recadación de fondos para o monumento aos heroes ferroláns |
Federico Quevedo, pianista | Folía e variacións, Corelli Sinfonía española, Lalo Berceuse, Aubert Nocturno, Lili Boulanger |
El Correo Gallego. 5/V/1926, p. 1 |
26/V/1926 | Madrid Teatro de la Comedia |
Folía e variacións, Corelli Sinfonía española, Lalo Berceuse, Aubert Danza das bruxas, Bazzini |
ABC. 26/V/1926, p. 32 |
|
3/XI/1926 | Ferrol Teatro Jofre |
Gerardo Fernández del Burgo, pianista | Andante, Fauré Concerto, Mendelssohn Rondó caprichoso, Saint-Saëns A xitana, Kreisler |
El Correo Gallego. 3/XI/1926, p. 1 |
23/XI/1926 | Ferrol Teatro Jofre Festival pro damnificados de Cuba |
Félix Rodríguez Alonso, pianista | Berceuse, Aubert A xitana, Kreisler Xota aragonesa, Sarasate |
ABC. 23/XI/1924, p. 24 |
22/XI/1924 | Madrid Real Conservatorio de Música e Declamación Entrega premio Sarasate |
Juan Quintero, pianista | Bach | El Correo Gallego. 21/XI/1926, p. 1; 24/XI/1926, p. 2 |
ca. 1926-1927 | Xira en París, Berlín e Viena | El Correo Gallego. 26/XI/1926, p. 1 |
||
28/V/1927 | Madrid Asociación Musical Hispanoamericana |
Federico Quevedo, pianista | Concerto op. 26, Bruch Chacona, Bach Xota, Falla Tango, Arbós |
La Nación. 27/V/1927, p. 6 |
11/VI/1927 | Madrid Sala Aeolian Audición Familia Real |
Vera Romanova, canatriz Carolina Peczenik, pianista |
Obras de Carolina Peczenik/td> | La Nación. 13/VI/1927, p. 6 |
1928 | Madrid Sala Spiedum Recitais diarios |
El Orzán. 30/XI/1928, p. 1 |
||
6/II/1940 | Cidade de México Palacio de Bellas Artes |
Juan D. Tercero, pianista | Sonata en re, Haendel Concerto, Mendelssohn Romanza andaluza e Zapateado, Sarasate |
Dopico 1940 |
1944 | México Radio Gobernación Concertos radiofónicos La hora nacional |
Eugenia Rocabruna, soprano Joaquín Álvarez, tenor Isauro Cantu Pinaud, pianista |
Obras de Grieg | El Nacional. 2/I/1944; 15/III/1944 |
10/XII/1955 | Cidade de México Sala Manuel M. Ponce do Palacio de Bellas Artes Organizado polo Padroado da Cultura Galega |
Sonata en re, Haendel Chacona, Bach Asturiana e Nana, Falla Pastorale, R. Halffter Zapateado, Sarasate |
España Popular. 25/XI/1955 |
|
ca. XII/1965 | Cidade de México Teatro Principal |
Chacona, Bach | Impacto. 8/XII/1965, p. 58 |