NACÍN EN CÓRGOMO
Florencio Manuel Delgado Gurriarán naceu en Córgomo de Valdeorras en 1903. Esta aldea leva sona de posuír as mellores cepeiras valdeorresas e a mellor bocarribeira do Sil, logo cantadas con tino polo poeta. Naquela altura, Córgomo estaba poboado por agricultores. Florencio, fillo de Consuelo Gurriarán Díaz (1862-1921) e de Florencio Delgado Prada (1861-1933), ocupaba o quinto lugar de cinco irmáns. Súa nai procede, por parte dos Gurriarán, de ferróns vascos que asentaron nas ribeiras do Leira, preto de Córgomo, no século XV e que desenvolveron actividades relacionadas co beneficio do ferro; logo dedicáronse plenamente á agricultura e despois ao comercio.
O avó de Florencio, Constantino Delgado Gurriarán, era agrimensor, labor que compaxinaba cos coidados das propiedades familiares. Pola súa profesión mantiña un contacto directo co pobo e co campo cando facía partillas e taxacións. Talvez de aí lles viñese a vocación polo agro ao pai e aos irmáns do poeta. Nos primeiros tempos, como fixera seu pai, Florencio Delgado Prada alternou os coidados dos predios familiares con traballos relacionados coas herdanzas e avaliacións de bens. Cursou estudos na Escuela General de Peritos Agrícolas de Madrid, que rematou en 1889.
A vocación herdárona os fillos maiores, Lucio e Edmundo, que tamén realizaron estudos agrícolas. A formación dos fillos era preocupación prioritaria do pai: María fixo Maxisterio e Florencio, Dereito, aproveitando unha estadía profesional en Valladolid.
Agro, viño, comercio, amor pola terra, cultura, compromiso democrático, linguas, natureza e galanteo estiveron presentes ao longo do percorrido de Florencio polo mundo adiante e influíron logo na súa obra poética. Notamos que dos 84 anos da vida de Florencio só viviu na súa terra valdeorresa menos dunha quinta parte —catorce anos— debido a distintas vicisitudes. Estudou as primeiras letras na casa, con mestres particulares. É importante destacar que, malia nacer nunha familia de clase media, tivo como lingua materna o galego, sen fracturas casa/rúa, ao contrario do que acontecía en casos semellantes naquel tempo. Logo xa se encargaría a escola de tensar o seu maxín.
LEVÁRONME DUN LADO PARA OUTRO
Por motivos profesionais do pai, funcionario do Ministerio de Fomento, mudáronse a Palencia a finais de 1913, tras unha estadía de catro anos en Ourense. O futuro profesional da prole debeu de pesar no pai á hora de tomar decisións de transcendencia. Deixar o fogar patrucial, as propiedades das que podían vivir folgadamente, os amigos de sempre… tivo que marcar con fonda pegada a familia Delgado-Gurriarán nas súas escalas. Mais non houbo verán, desde a súa partida, que non viñesen a Córgomo.
Florencio estudou primaria nos maristas, iniciou o bacharelato no Instituto de Palencia e remataríao no de Valladolid. É posible que a morte de súa nai en 1921 xerase unha situación de desacougo e incrementase a súa morriña, a lembranza da terra e, en definitiva, o desexo de retorno.
Nas tres viaxes que logo Florencio fixo a Galicia, desde México, falounos deste tempo, cando estivera en Castela. Non sabía como expresar a sensación que tiña de ser e atoparse diferente naquela terra. Lembraba emocionado a ansia que tiña de que chegase o verán para retornar ao seu Córgomo da nenez. Xa na aldea, amais de gozar da natureza e xogar, lía todo o que lle caía nas mans. En Valladolid, na madurez universitaria, empeza a sentirse galego de xeito especial. Para el foi unha revelación coñecer a existencia do semanario A Nosa Terra, voceiro das Irmandades da Fala.
Eu era un galeguista por libre, pensaba que non había no mundo máis galeguistas. Non sabía que tiñamos unha bandeira, un himno e que había publicacións espalladoras desas ideas. Un bo día a fins do ano 20, o meu pai trouxo da casa dun afiador un número de A Nosa Terra, que inda hoxe conservo. Para min aquelo foi a revelación de que eu non era un Robinsón do galeguismo. (Entrevista feita por Xan Corbeira na revista berciana Aquiana, de setembro de 1981).
Naquela altura, Florencio reflexiona verbo da lingua, non entende a tendencia uniformadora do castelán, a ausencia do galego na escola, na Administración, na Igrexa… Nacía daquela o Seminario de Estudos Galegos, do que máis adiante, en 1928, se fixo socio protector, canda o seu amigo Abdón Segundo García Núñez, que morreu asasinado nas primeiras semanas do golpe de Estado de 1936, a quen logo lle dedicaría unha fermosa poesía.
VOLVEMOS PARA VALDEORRAS
Florencio remata a carreira de Dereito no curso 1923/24. Tivera como compañeiro a Iglesias Corral e como profesor de dereito internacional o tamén “galego” da raia ástur don Camilo Barcia Trelles. En 1928 seu pai decide pedir traslado para Galicia. No tránsito, des que acabara a carreira, dedicouse sobre todo á lectura e á cultura. Acudía ao teatro, actividade que combinou coa súa práctica en grupos universitarios; aproveitou esta estancia en Valladolid para iniciarse na afección ao cine. Desde neno tivo tamén inclinación ás prácticas deportivas e á lectura de libros referidos ao corpo: hixiene, fisioloxía e anatomía. Facía ximnasia e xogaba en equipos de deportes colectivos, sobre todo ao fútbol.
O novo destino do pai foi A Coruña. A familia asentou en Córgomo e ía e viña desde a cidade herculina cando llo permitía o traballo. Despois de quince anos, os Delgado-Gurriarán retornaban ao berce. A Florencio non lle resultou difícil convencer o pai de que o seu futuro pasaba por ser rexistrador e que non había lugar mellor para preparar as oposicións que o seu Córgomo. Corría 1928. Botou tres ou catro anos na tentativa de ser rexistrador; non lle puxo moito interese, conxugaba ese labor co coidado das terras familiares. Tampouco o axudou moito ese ansiado reencontro coa súa terra, cos amigos, pois decidiu apurar e gozar do que a ausencia non lle permitira. Ese vivir o non vivido no lugar desexado:
Non o logrei. Por falta de constancia na preparación e porque había moitas cousas que me preocupaban máis ca o estudo da oposición. Fundamentalmente Galicia. Lía os escasos autores galegos que había. Empecei a escribir un pouco máis formalmente (Entrevista gravada por Dolors Pla, Guadalajara, México, agosto de 1979).
En 1929 tamén comezou a traballar de pasante no bufete do avogado valdeorrés e rexistrador da propiedade don Segundo Trincado, no Barco. Facía recursos e preparaba os trámites previos para os xuízos. En certa ocasión dirixiu un escrito ao xuíz do Barco, que non era outro que don Sebastián Martínez-Risco. Home de talante democrático, tamén republicano e galeguista, entrara na xudicatura no ano 1924, instalándose no Barco poucos anos antes da proclamación da Segunda República, ata 1933 que marchou a Vilalba. Pois ben, Florencio estaba iniciando un expediente de denuncia por delito sexual, e dirixiuse ao xuíz nuns termos que este considerou ofensivos ao seu cargo. O resultado foi a imposición dunha multa e unha advertencia. Florencio recorreu e todo quedou en advertencia.
Don Sebastián, tamén afeccionado á poesía, foi un dos críticos da primeira obra de Florencio, que daquela comezaba a publicar no Heraldo de Galicia e n’A Nosa Terra. Chegou a dicirlle que o único “feo” que tiña a súa poesía era o pseudónimo que utilizaba: Korgomófilo. Logo tiveron unha boa amizade.
O primeiro poema de Florencio que atopamos publicado (poida que antes xa tivese algún outro que descoñecemos) aparece no semanario ourensán Heraldo de Galicia co título “Carnaval”, en febreiro de 1931. O mesmo poema aparece tres anos despois editado na súa primeira escolma poética, Bebedeira. Esta nova versión, co título “A traxedia dos castiñeiros” —o castiñeiro morto—, ten lixeiras variantes, na nosa opinión, produto da evolución: correccións de estilo ou encaixe de rima, e de ortografía. Axiña mudou no pseudónimo o K por un C e decontado empezou a usar xa o seu nome e apelidos. Ao pouco, no mesmo periódico, publícanlle outro poema, “Camiño da Serra”. Segundo Pepe Gayoso, amigo íntimo e galeguista irmán, inspirárase na excursión que fixeran co fin de chegar ao Cantábrico e que remataría no Cebreiro.
Des que chega a Córgomo, Florencio intégrase plenamente na aldea, fai parte das comisións de festas, deseña carteis e sácalles cartos aos amigos para a celebración da Santa Marta. Compaxinaba o traballo cultural e poético co divertimento; gustáballe moito ir ás adegas de troula e cantarlles ás rapazas; era moi namoradeiro. Formou unha asociación sociocultural en Córgomo con moito éxito entre a mocidade, xunto con outros mozos da bisbarra entre os que se atopaba Santiago Álvarez.
OS GALEGUISTAS TAMÉN “TROUXEMOS” A REPÚBLICA
As dúas ovellas negras da familia eran Florencio, de tendencia galeguista, e o seu curmán Gonzalo, do Barco e coetáneo, médico e investigador forxado nos aires da Residencia de Estudantes de Madrid, que na altura do ano 1929 estaba cunha bolsa da JAE en Estrasburgo. A sintonía e a relación viñan desde que eran moi pequenos, cando gozaban xuntos os estíos na casa familiar de Córgomo. Fixeron causa común desde ángulos diferentes, apostando decididamente polo réxime republicano.
O teu pai era un home con un fondo sentimento político de esquerda; coido que simpatizaba có socialismo, mais non podo asegurar se estaba afiliado. Dende logo debeunas pasar moradas no campo feixista. Nos primeiros días da porca revolta estivemos xuntos e comentabamos as peripecias da guerra (daquela aínda con optimismo; coitados!). Eu tiven sorte e puiden fuxir. En troques, penso que o teu pai non sentía, daquela, tanto coma min a causa galega; mais coido que dispois se fixo máis galeguista; sostiña relacións moi cordiais con Otero Pedrayo (Carta de Florencio a R. Gurriarán, Santos de 1977).
Seu curmán Gonzalo, que era moi afeccionado á montaña, transmitiulle a Florencio o gusto por esta actividade e xuntos fixeron moitas excursións polos montes valdeorreses.
A finais da década dos vinte comezaba a xurdir no país un espazo político específico galego, favorecido polo esmorecemento da ditadura e empuxado desde institucións como as Irmandades da Fala. Aveciñábase o tempo de converter as actitudes do galeguismo cultural en propostas políticas ante un réxime caduco. Valdeorras e Florencio non foron alleos a estes ventos, aínda que tardasen un tempo en consolidarse. Na VI Asemblea Nacionalista, celebrada na Coruña en abril de 1930, adheríronse os grupos do Barco e da Rúa. Naquela altura é de supoñer que en Valdeorras habería un sentimento galeguista, levado da man do poeta Manoel Valcarce, entre outros. Nesta VI Asemblea acordouse celebrar unha diada ou festa da lingua, no 25 de xullo. En xuño de 1930 constituíron a Irmandade Galeguista de Valdeorras (A Nosa Terra nº 271).
Na festa de Santiago de 1930, no Barco correu un panfleto titulado “Diada de Galiza” asinado pola Xuventude Autonomista, que contiña a poesía de Curros “A emigración” e chamaba á loita pola redención de Galicia. Rezaba: “¡Yrmans, loitade pol-a GALIZA GRANDE! Redimir a GALIZA e obra da xuventude y-o agro. ¡Loitade xuntos pol-a libertá da nosa terra!”. Na crónica do diario Galicia falábase da edición dun manifesto en galego a prol da lingua (n.º 35, 27/VII/1930). Ese día, segundo este xornal, fixéronse actos en Vilamartín, onde ondeou a bandeira galega nalgunhas casas; houbo un banquete de fraternidade “con discursos y brindis de exaltación de los valores gallegos”. O Barco, A Rúa e Vilamartín, xunto Portela e Córgomo, serían os núcleos de máis implantación do Partido Galeguista en Valdeorras; Florencio e os seus amigos e irmáns vertebrarían a conformación do partido unha vez chegada a República.
A piques de celebrarse as eleccións que desembocarían na Segunda República, a cerimonia da confusión fíxose patente para a xente do común, pois forzas republicanas ían en perfecta sintonía coas reaccionarias que antes apoiaran o Directorio. O caciquismo en Valdeorras seguía a facer das súas. Neste contexto, Florencio toma parte activa nas eleccións como interventor da candidatura que encabezaba o seu tío Manuel para o Concello de Vilamartín, enfrontado ao cacique maior da zona, don Demetrio Macía, quen ao cabo gañaría, conservador coma el, mais indo en listas distintas. Outro galeguista actuou de interventor, o citado Abdón Segundo García, que levaba o seu irmán Arturo na candidatura “pluralista” encabezada por don Manuel Gurriarán.
Proclamada a Segunda República, o 1 de maio o voceiro do galeguismo oficial, A Nosa Terra, pronúnciase a favor do novo réxime republicano. Neste número, Florencio publica a segunda poesía que del atopamos despois de rastrexar a prensa e as revistas da época. Florencio forma parte dun número emblemático do xornal galeguista, tanto pola data coma polo acontecer político do pasado mes. Publicou n’A Nosa Terra cinco poemas no ano 1931, e outros tantos no semanario El Heraldo de Galicia. Tamén é significativa a data da segunda aparición poética no voceiro galeguista: o 25 de xullo. O título, “Folión de Santiago”. Florencio comeza a se consolidar como vate valdeorrés.
Os galeguistas valdeorreses alíanse co novo Partido Nazonalista Republicano de Ourense (PNRO), arroupado pola gran figura intelectual do pensamento galego Otero Pedrayo, e preparan as eleccións a Cortes nas que tan bos resultados recolleron e que supuxeron a entrada de don Ramón no Parlamento español representando o galeguismo republicano materializado no PNRO, indo en coalición na provincia de Ourense coa FRG.
TRABALLEI A PROL DO GALEGUISMO FACENDO POEMAS E PAÍS
Tras o gran triunfo republicano, Otero Pedrayo estréase no Barco como mitineiro o 24 de maio. Veu apoiar os galeguistas valdeorreses nas inminentes eleccións municipais e, de paso, darse a coñecer como candidato a Cortes. No acto compartiu cartel con Víctor Casas da ORGA coruñesa e con Leuter González Salgado do PNRO. Debeu de ser un éxito ese primeiro acto público do galeguismo en Valdeorras. Acadado o triunfo electoral do 14 de xullo, don Ramón instálase en Madrid para cumprir cos compromisos políticos do cargo. Desde alí, escríbelle a Florencio en agosto de 1931:
Como fino poeta sabe ben que o calor diste pobo talle a un de mala maneira. Temos que falar de moitísimas cousas. Axiña se fará o plebiscito dos concellos pro Estatuto e cumpre loitar ben pra lograr sinón a todos polo menos os máis e millores. Teño unha grande arela de falar en Valdeorras aínda que Vde sepa que eu non procuro o espeitaculo. Considéroo agora un deber...
A popularidade de Florencio era grande, transcendía o propio Córgomo. Levaba moitos casos de xente da contorna; a súa sona como poeta arrequecía coas recentes publicacións, o triunfo republicano déralle folgos. Comezaba a militancia política máis seria nun novo marco de liberdades que favorecía o labor proselitista. Os días 5 e 6 de decembro remataba o ano político coa Asemblea Galeguista de Pontevedra, á que acudiu con representación o chamado Grupo Galeguista do Barco. Este evento foi clave para o futuro do PG, a partir daquela o heteroxéneo movemento galeguista redefínese e xúntase nun só partido. Florencio remata o ano cunha ducia de traballos publicados, un deles en prosa nunha revista bonaerense. Atrás quedan os castiñeiros, as vendimas, as flores, as rapazas, o vento e os paxaros. Florencio entra de cheo na loita por Galicia e a defensa do galego coa ferramenta poética. Chama abertamente os galegos a xuntarse e mobilizarse pola liberdade do noso pobo.
En 1932 trasladouse a Madrid para preparar as oposicións, talvez por presións familiares, pois estaba moi dedicado á política. A produción poética caeu, só publicou catro poemas ese ano. Pero de seguro que esbozou Bebedeira, o seu primeiro libro de poesía, que axiña vería a luz. Tras a frustrada estadía na capital, retornou a Valdeorras. Instalado en Córgomo, volve á súa vida de sempre: traballa no bufete de don Segundo, participa nas eleccións a Cortes de 1933, escribe poemas. Volve afiar a pluma para combater o caciquismo, denunciar os baixos instintos políticos e reivindicar país.
Dous feitos marcan a vida de Florencio no ano 1934. No transcurso da III asemblea anual do PG, en Ourense, a finais de xaneiro, coñece persoalmente a Castelao. Daquela tentan redefinir o partido, logo da derrota nas últimas eleccións de 1933 a Cortes. O sector esquerdista imponse ás teses conservadoras de Risco, e Castelao intervén de forma directa nos acordos que se acadaron. En abril, Florencio saca á luz a súa primeira escolma de poesías, editada por Nós baixo o título Bebedeira, o xeito máis lírico e fermoso de chamarlle a unha borracheira: de novo Valdeorras, mozas, monte, castiñeiros, flores, festas, Lúa, vento, inverno, amores… Partes do seu engaiolado maxín polas que profesaba paixón embriagadora decantaron o título escollido. Fíxolle o debuxo da portada o xornalista, ensaísta e crítico da arte Xosé de Castro Arines. Realizou unha escolla dos traballos que fixera, completándoa con algúns poemas novos. Florencio peneirou todo aquilo que puidese cheirar a militancia política.
Recibiu boas críticas de Xohán L. Ramos e Otero Pedrayo no Heraldo de Galicia e de Antón Vilar Ponte en La Voz de Galicia. Carballo Calero dedícalle en Nós un fermoso panexírico, colocando a Florencio á cabeza da escola ourensá, cun estilo seguidor do que creara Amado Carballo. En 1935, aparece por vez primeira nun libro de literatura: cítao Couceiro Freijomil en El idioma gallego. Historia, Gramática, Literatura.
O labor literario de Florencio cae nun novo silencio ata ben entrada a guerra, desde Bebedeira. Non sabemos se foi polos feitos de 1934 e a consecuente obriga de asumir un traballo político en Valdeorras. Comezaba a ofensiva reaccionaria no bienio negro.
Por mor dos sucesos de Asturias dese ano, Castelao e Bóveda, na súa condición de funcionarios, son desterrados a Badaxoz e Cádiz. Un fato de galeguistas valdeorreses, entre eles Florencio, acompañaron a Castelao da estación de Monforte ata a do Barco.
A escisión do galeguismo en Valdeorras estaba cantada polas vellas diferenzas ideolóxicas. Un sector importante do Barco aliouse á Dereita Galeguista, mentres que o grupo de Córgomo e de Portela seguiu a liña oficial do partido. Chegaron ás eleccións de febreiro de 1936 divididos: mentres que o PG apoiou a fronte/bloque popular, algúns dereitistas afastáronse da actividade política, e outros, os menos, fóronse coa reacción. A batalla electoral foi dura e as disensións galeguistas mantivéronse ata a campaña a prol do Estatuto, no mes de xuño. Para vigorizar a postura esquerdista, Bóveda deu un mitin no Barco. Mal lle foi á Fronte Popular (FP) na provincia ourensá nestas eleccións, pois non acadou representación. Bóveda obtivo moi bos resultados en Valdeorras, foi o máis votado nalgunhas mesas. A esquerda celebrou o triunfo da FP cunha manifestación; malia os malos resultados na provincia, a vitoria da fronte en España permitiu que se puxese á cabeza dos concellos xente da esquerda para presidir as comisións xestoras. Os galeguistas de Vilamartín conseguiron representación e Florencio presidiu a primeira comisión xestora municipal republicana, segundo a ficha que achega no barco Ipanema.
En xuño comezou a campaña polo Estatuto. Nunha folla voante a favor deste, a Dereita Galeguista aborda a situación fuxindo de ideoloxías e partidos. Os restantes galeguistas valdeorreses non escindidos fixeron campaña coa FP.
CHEGOU O TREBÓN E TIVEN QUE DARLLE SEBO ÁS CANELAS. XOGAR E PERDER, CALAR E PAGAR
O desconcerto, a desorganización e o temor marcaron os primeiros días do chamado “alzamiento”. Ata o 21 de xullo, as forzas facciosas valdeorresas non actuaron. A Garda Civil da comarca acantonouse en Petín para avanzar cara ao Barco. Foi xustamente un enfrontamento en Vilamartín o motivo polo que os fascistas valdeorreses perseguiron o pobo de Córgomo, sometido a un acoso especial durante os primeiros días do golpe e que continuaría por moito tempo. É certo que algúns republicanos de Córgomo baixaron a Vilamartín e tomaron parte no combate. Ese día e a esa hora, Florencio topábase na viña de Penas de Auga con Avelino Santalla, que estaba sulfatando, segundo este testemuña. A militancia galeguista e republicana, a acusación de participar na dita acción e a barbarie á que estaba sometida Valdeorras polos sublevados —tanto civís coma gardas— fixeron que Florencio pensase como actuar. Ao primeiro agachouse na casa, o que non impediu que de día fose ao monte para contactar cos que fuxiran. Logo viñeron os asasinatos de xente próxima, as ameazas e os recados que os falanxistas lle dirixían a través da familia, a represión sobre os seus achegados e as malleiras con ánimo de delación. Foi nun dos cafés onde tiña o parladoiro Florencio, o da Celia, que, tras requisar o local e cortarlle o pelo á dona, foi convertido en checa.
Mataron moitísima xente, moita. Os tráxicos paseos que se deron en toda España. Xentes das que non se podía supoñer que tivesen dentro un asasino, eran criminais que non tiveran nunca ocasión de asasinar, pero cando a tiveron aproveitárona ben. [...] Na miña provincia os falanxistas eran os máis virulentos. En cambio había unha pequeniña organización de requetés onde entraron algúns amigos meus que se salvaron grazas a isto. Fixéronse requetés nada máis que para ter a ocasión de ir á fronte e pasar ao campo republicano (Entrevista citada, realizada por Dolors Pla).
Florencio tiña un bo baluarte no seu irmán Lucio, que se converteu de súpeto, ou o converteron, en xefe da Falanxe corgomesa. A insistencia deste no perigo que Florencio corría fixo que a familia decidise que marchase de Córgomo. Trazaron marchar un tempo fóra de Valdeorras e, segundo evolucionasen os feitos, volver se a situación o permitía ou, se non, marchar a Portugal. A primeiros de agosto Florencio pasou uns días no Barco agachado na casa familiar, co curmán Gonzalo, antes de ir a Zamora, destino do seu irmán Edmundo. Alá pasou uns días e marchou a Valladolid. Logo dun tempo achegouse a Ponferrada para saber da situación en Valdeorras, onde seu irmán Lucio o informou do inicio dos asasinatos e dos paseos. Decidiron cruzar a raia portuguesa coa axuda dun curmán político de “suficiente adhesión”, Eduardo Olano, que traballaba en obras públicas. En outubro, Florencio pasou a fronteira cuns trebellos de topógrafo.
Estivo uns días en Tourém, logo asentouse uns meses no Porto, clandestinamente, cas duns amigos de Olano. Co tempo, negociou unha pasaxe de polisón a Bordeos (Francia) nun cargueiro noruegués. Tras desembarcar no porto xirondino e aviar a documentación, foi a París con outros exiliados, onde viviu máis de medio ano. A finais de 1937 decidiu incorporarse á España republicana. Chegou a Barcelona en xaneiro de 1938. Comezou a súa “carreira militar” na Subsecretaría de Armamento. Ao pouco, co grao de tenente, ingresou no Servizo de Información Periférica do Estado Maior do exército de terra. Nesta etapa coincidiu en Barcelona con Castelao e con Líster, nas súas frecuentes visitas. Tamén o reclamaban os seus paisanos combatentes no Ebro. Santiago Álvarez chamouno en varias ocasións para que Florencio mantivese alto o espírito da tropa coas súas cantarenas e o seu bo humor. A súa chegada á fronte do Ebro recibiuse como auga de maio, así o testemuña Esturao:
Coñecín a Florencio no frente de Aragón, en Solivella, que viñera con outros galegos e galegas que traían camisas, camisetas, calcetíns, para o batallón galego. Alí, cando a retirada, establecemos un contacto formidable. F fixo mancuerna con Félix Martín Iglesias, entre os dous era unha marabilla, todo o mundo escoitaba o que recitaba Florencio e o que, logo, cantaban despois, día e noite para distraer, e despois viñan: o gaiteiro, o tamboril, e o bombo, como quen di, unha banda de folklore... Florencio, onde se presentaba, ao principio liaba a cousa, logo xa non cantaba, e si era posible, hasta bailaba. Santiago Álvarez tiña verdadeira admiración por eles (Gravación a Ramón Esturao, México, 1998).
Santiago, como comisario xeneral do Quinto Corpo, e Domingo Mateo, comunista e valdeorrés tamén, coñecían ben os seus dotes, tanto musicais como de entertainer e de integrador, pois pasaran horas xuntos en Valdeorras. A finais do verán de 1938 Florencio forma parte da executiva do PG, encargándose da Secretaría de Propaganda. Compartía tarefas de dirección con Suárez Picallo, secretario xeral; Valenzuela, de organización; Valín, administrativo; e López Durá, político. Como vogais estaban Amparo López Jean, Rodríguez Casas e Elixio Rodríguez, co que máis tarde coincidiría en París e no exilio mexicano xunto a López Durá, cos que levou unha boa amizade.
Descoñecemos os labores e accións concretas de Florencio como dirixente; como militar participou na organización dun grupo de rescate dos que estaban no monte en Galicia, en perigo cando se albiscaba a derrota; pensaban sacalos por Portugal. Ou a participación noutro grupo que rescataba soldados para cambiar de bando. En Barcelona, Florencio retoma a súa faceta poética. Ten fáciles as cousas, topa o marco ideal para botar fóra, mediante a pluma, as iras acumuladas por tanta inxustiza fascista. En Nueva Galicia, voceiro dos “antifascistas gallegos”, publica seis poemas. A revista aparecera en Madrid en maio de 1937 e trasladárase a Barcelona en abril de 1938. Alonso Montero é dos poucos que estudou a fondo este período de “poesía de loita”.
A principios de 1939 Florencio entrou en Francia con pasaporte visado polas autoridades francesas para realizar unha misión, o que lle permitiu nun principio moverse sen problemas polo territorio veciño. Logo, coa chegada dos perdedores, restrinxiron a súa mobilidade: podíase desprazar agás polos lindeiros con España, onde estaban recluídos os excombatentes hispanos. Así comezou, entre febreiro e marzo, o éxodo do exército republicano destinatario dos campos de refuxiados. A misión de Florencio muda, como xa dixemos, da intención inicial, pois axiña pasa a organizar a evacuación de prisioneiros de guerra confinados nos campos de refuxiados franceses. Nese tempo, Florencio estaba financiado polas Sociedades Hispanas Confederadas de Nova York e mais pola Federación de Sociedades Galegas de Buenos Aires.
“MIRA, MIRA, QUE CARALLO / ONDE VIÑEMOS A DAR / A TRES MIL QUINIENTOS METROS / SOBRE DO NIVEL DO MAR”
Florencio colleu camiño do exilio mexicano desde Bordeos. Partiu no Ipanema, de matrícula francesa, mediado o mes de xuño de 1939, xunta mil refuxiados. Tras unha viaxe accidentada con parada na Martinica por avaría, os republicanos españois chegaron a Veracruz a principios de xullo. Logo duns días de estadía en Cidade de México, Carlos Velo, que traballaba no SERE, mediou para que Florencio obtivese un posto de delegado da organización en Toluca. Serviulle para vivir os primeiros meses e coñecer o país. O labor consistía en organizar explotacións colectivas onde traballaban familias refuxiadas e resolver os problemas que xurdisen, intercedendo entre os españois e as autoridades do Estado. Os galeguistas mexicanos organizáronse en plataformas unitarias que, desde diferentes instancias, propiciadas sobre todo por comunistas, se ían montando por iniciativa do incansable Soto. A primeira foi a Alianza Nazonal Galega.
Xa asentado na capital, Florencio traballou de vendedor de fertilizantes. Desde o principio tiña parladoiro diario cos seus amigos Esturao, Martín Iglesias, Elixio, Velo, Rañó, Puga, Solinís, Casas, Valín, Pellit… Era un grupo aglutinado arredor da viaxe do Ipanema e do galeguismo militante, na maioría dos casos. Precisamente deste grupo saíu a semente que argallou a primeira empresa sociocultural dos galegos exiliados de inspiración galeguista, a revista Saudade (1942). O seu primeiro editor responsable foi Xosé Caridad Mateos. A redacción estaba composta por Carlos Velo, Ramiro Isla Couto, Ramón Cabanillas Álvarez e Florencio. Nun ano saíron catro números.
Ata entón, a poesía de Florencio ten dúas caras ben diferenciadas: a lírica ou anacreóntica, como el gusta chamala, basicamente de canto amable e sensual a Valdeorras, centrada no período republicano e que se compila en Bebedeira; e a poesía de loita e satírica en defensa da lingua e, despois, contra o fascismo, que desde o inicio vai deixando pegadas en publicacións periódicas galegas e que ten continuidade na etapa bélica cun punto de máxima expresión cando plasma os seus traballos en Nueva Galicia. Agora, cos seus poemas “creoulos”, enceta unha faceta poética que ten o punto de saída na revista Saudade coa publicación no número 1 do “Noiturno da noiva jarocha”. Comeza esta nova etapa lembrando o país de acollida, cargado de elementos musicais dos que sempre gustou. Florencio levaba a música dentro, non só alalás e pandeiradas, e así rende unha homenaxe ao pobo mexicano, e funde —de fusión— e eleva á dimensión internacional a expresión musical propia de Galicia.
A revitalización do galeguismo militante a través da experiencia de Saudade deulle folgos a Florencio e aos seus amigos para acometeren unha empresa editorial de máis entidade e cun significado político máis fondo en nome do PG. Decidiron renderlle tributo aos militantes deste partido mortos na guerra. Nada mellor que unha escolma poética para homenaxear os compañeiros asasinados pola barbarie franquista: o Cancioneiro da loita galega (1943). Díaz Pardo, como editor, e Xesús Alonso Montero, como especialista, dérono a coñecer aquí nunha reedición en 1996, e no ano 2022 o Consello da Cultura Galega reeditou de novo esta emblemática publicación. Doce poemas foron a achega de Florencio a esta obra xunto co labor de responsabilidade editorial.
En 1944 Florencio vendía zapatos e, exercendo o oficio, coñeceu a que ía ser nai dos seus cinco fillos, Celia, falecida en xuño de 2022, filla de emigrantes. Durante uns anos Florencio traballou de axente comercial vendendo os máis variados produtos: aceites, fertilizantes, xamóns, pólizas de seguros, roupa… ata que se estabilizou como representante dos Laboratorios Queralt Mir, nos que se xubilaría en 1973.
Dentro da actividade política, en 1944, pouco antes de se discutir o Estatuto de Galicia que se puxera a trámite en México, o PG encomendoulle redactar e negociar o pacto de Galeuzca, con Xoán López Durá. A este acto acudiu desde Arxentina o galeguista Rodolfo Prada, na que foi unha das últimas accións políticas dos galeguistas mexicanos. As circunstancias tampouco permitirían moito máis. O Consello de Galiza converteríase, o mesmo que Galeuzca, nun organismo testemuñal, a pesar dos esforzos de Castelao e os seus irmáns bonaerenses.
No terreo literario, nos anos corenta Florencio comeza a ser citado na prensa e nas revistas do exilio, onde publica poemas con certa frecuencia, nomeadamente na Arxentina. A modo de anécdota lembramos que entre 1938 e 1941 o xornal El Compostelano publicou dezanove poemas de Bebedeira, sen saber por que razón, pois Florencio xa estaba en México desde 1939.
En 1946 Florencio estaba a traballar no que sería unha nova faceta da súa actividade literaria, a tradución de poetas consagrados. Con motivo dun certame literario organizado pola Federación das Sociedades Galegas de Buenos Aires, para conmemorar o 25 aniversario da súa fundación, Florencio prepara unha versión de trece poemas de autores franceses, incluídas dúas poetas, traducidos ao galego. Gaña o premio de tradución, xunto con Plácido R. Castro e Luís Tobío, merecedores de dous accesits.
Pouco despois comeza o contacto epistolar con Del Riego, que saca das tebras a Florencio e Bebedeira a través do suplemento literario de La Noche (1948) e das súas obras literarias na década seguinte. Este nexo abre as portas da colaboración do galeguismo do exilio mexicano co do interior.
“GUADALAJARA, GUADALAJARA / TÚ TIENES CARA REPUBLICANA”
Así cantaba Florencio ao chegar á capital de Jalisco en 1951. Igual ca cando arribara á capital mexicana, puxo o toque musical, que logo transcendería ao resto de exiliados. Cando se trasladou xa tiña tres fillos e a muller viaxaba embarazada. Fundamentalmente a prole fixo que Florencio buscase un traballo estable e ben retribuído; iso, daquela, esixía desprazarse a Guadalajara. No tempo libre combinou o seu traballo de representante dos laboratorios Queralt Mir coa venda de maquinaria variada da casa Remington, traballo que lle proporcionara o seu amigo Ramón Esturao.
Ao contrario doutros galegos que fixeron cartos, Florencio vivía ao día e contentábase con ter o preciso para ir indo e darlles estudos aos fillos. Segundo Celia, era caseiro e amante dos seus nenos. Outras actividades que Florencio non deixou foron os grandes paseos e a observación da natureza, que lle serviría de fonte de inspiración da súa poesía “creoula” ou multicultural. A vexetación en Jalisco é exuberante e rica, cousa que Florencio reflicte ben nos seus cromáticos poemas desta época.
Xamais perdeu os contactos cos amigos da capital; froito deles foron as actividades culturais que levaron a cabo, algunhas coordinadas ou dirixidas por el desde o seu novo destino. A nova andaina de Saudade (1952-53, con dous números máis), a constitución do Padroado da Cultura Galega (1953), a colaboración nos programas de radio que emitían desde México capital e a publicación de Vieiros (1959-68) foron actividades que acometeu nesta década, todas cun nexo ideolóxico galeguista. A incorporación de galeguistas do interior e do resto do exilio americano como colaboradores nas publicacións e a integración a estas empresas de sectores ideolóxicos fóra do galeguismo foron as achegas máis significativas desta activa xeira. Mais logo habería desavinzas editoriais entre eles. Naquelas liortas de fondo político, Florencio sempre tivo un papel integrador e pacificador.
Os primeiros tratados literarios galegos referidos á poesía empezan a incorporar datos biográficos e poemas de Florencio: os do xa citado Francisco Fernández del Riego e os dos profesores Carballo Calero e Varela Jácome. Tamén comezan a publicarse os seus poemas en revistas valdeorresas.
Froito da relación epistolar que mantiña con Del Riego, Florencio publica o seu segundo libro de poesía na editorial Galaxia: Galicia infinda, na colección Salnés, n.º 12 (datado en 1963), que non saíra ata principios de 1964 por problemas coa censura. Unha escolma de 43 poemas recollida nun tramo temporal que abarca máis de vinte anos de traballo de creación. Todos eles revisados e con moitos engadidos, labor este no que Florencio se prodigaba moito.
QUE GANA DE MARCHAR PARA A TERRA!
A principios dos anos sesenta, cando algúns exiliados comezaron o retorno, a Florencio empezou a entrarlle a teima de regresar á terra. Conforme avanzaba o tempo, xa cos fillos maiores na universidade, meditaba a posibilidade de marchar tamén. Os desexos de volta amosáballos decote nas cartas á súa familia en Valdeorras. Para tomar a decisión definitiva, Florencio decidiu explorar as posibilidades cunha viaxe de proba. Devecía por poñer os pés na terra.
No ano 1968, Florencio toma a decisión de vir por un período de dous meses para ver cal podía ser o seu futuro e o da súa familia, e se habería posibilidades de ligalo a Córgomo. Viría só, comezando o mes de xullo. Visitou a familia, paseou por Valdeorras e viaxou por Galicia para encontrarse cos vellos galeguistas. En Vigo estivo con Paz Andrade e Del Riego; na Coruña coincidiu de convidado na casa de Díaz Pardo con Virxinia Pereira, viúva de Castelao, que ía ser homenaxeada; estivo con Sebastián Martínez-Risco na cidade herculina e en Santiago visitou a Piñeiro, Carballo Calero e García Sabell. A súa viaxe tivo certa repercusión nos medios; froito desta, as ofertas de publicar poemas seus viñeron en mancheas. Tamén lle deu tempo de despedirse do seu nonaxenario tío Manuel. Con todo, ao regreso non atoparía quórum entre os seus para regresar a Valdeorras.
Mais, xa xubilado, faría unha segunda tentativa na compaña da súa dona, pois os fillos, de viren, tiñan preferencias por asentárense nunha cidade. Desta volta, na outonía de 1976, Florencio viña expectante, ao comezar un novo tempo político en España, xa sen ditador. Fixo na terra, practicamente, as mesmas voltas que oito anos atrás, mais cun ser querido menos, o seu curmán Gonzalo, que morrera atropelado en accidente. Á lista dos visitados houbo que engadir os que retornaran do exilio. Logo dos contactos anteriores, Florencio concertou con Díaz Pardo as que ían ser as súas últimas publicacións: Cantarenas (1981) e O soño do guieiro (1983), en Ediciós do Castro. Tamén visitou o seu querido Portugal. Florencio, naquela altura, viña con folgos para quedar e participar en política, pero a súa muller Celia, que se resistía a se pechar en Córgomo, e un infarto a última hora, fixérono desistir. Con todo prolongou a súa estadía máis de dous meses. Mais non perdería xamais o sentido do humor, pois en carta á súa familia, con certa sorna, contaba que el, un republicano, fora levado á Residencia Francisco Franco para curar as coronarias…
De volta de México, e tras o trompazo electoral do nacionalismo en 1977, Florencio e os irmáns do exilio instaron á militancia espallada do interior a relanzar o PG. Mantivo unha interesante relación epistolar con Pousa Antelo, quen logo sería o primeiro secretario xeral do PG, despois da asemblea constituínte de novembro de 1978. Tamén escribiu en ton político á familia e á vella militancia galeguista do país, incluída Valdeorras. A un deles, ao irmán Pepe Gayoso, dirixiuse por carta nestes termos, o 22 de xullo de 1977: “A ver si agora, con liberdade e autonomía, podemos galeguizar a Galiza e poñela ao nivel dos pobos máis adiantados: eis o labor a facer e no que eu quixera tomar parte na Terra mesma e ao que, pola miña malafada, só poderei cooperar dende lonxe cos meus desexos e algún pequeno escrito”. Pepe Gayoso deu en Valdeorras a primeira charla divulgativa sobre Florencio (1978); sería un dos fundadores do Instituto de Estudios Valdeorreses e o seu primeiro presidente. A institución nomeou a Florencio membro de honra, cabo de Lauro Olmo e Paz Andrade. Pepe tamén prologou e colaborou na promoción dunha nova publicación do poeta: Cantarenas; este seu penúltimo libro compila a súa obra dividida en tres partes: “Bebedeira”, “Valdeorresas” e “Dionisias”. Gayoso valeuse das súas relacións para que a Real Academia Galega nomease a Florencio académico correspondente; a proposta fora formalizada por Paz Andrade, Del Riego e Ogando, co apoio de Casares, Piñeiro e Carballo Calero.
O corgomés converteuse en “obxecto” de culto visible da transición valdeorresa, pois foi homenaxeado e agasallado por todos na súa terceira viaxe ao país, en 1981. Uns, loando a figura do cantor do viño, sen querer ver alén do poeta aséptico, sen máis contido; referímonos a algúns representantes dos poderes políticos comarcais, que evitaban quedar fóra da raia democrática, herdeiros do franquismo que, coa proximidade da figura do poeta, querían representar un “aquí non pasou nada!”. Asemade, pretendían rehabilitalo para habilitarse eles cos novos tempos de liberdades, estando ao seu carón. Á esquerda resultoulle máis doado asimilar o que representaba o homo politicus e o compromiso: república, identidade co país, guerra civil, exilio e democracia; polo tanto, sintonía e recoñecemento. E para Florencio, logo de máis de corenta anos, unha obra de teatro con profundo sentimento, entre comedia e traxedia de difícil representación, pero con liberdade de guión. Ao tempo, sentíase contento na súa terra pola acollida da veciñanza.
Os valdeorreses acudiron aos actos atraídos pola figura de Florencio, con moitas expectativas e algo de morbo, pois era o primeiro exiliado valdeorrés coñecido que se presentaba publicamente, con certa cobertura oficial, na recente democracia. Fora moita a propaganda satanizante do franquismo cara aos vencidos que marcharan, como era o caso, e pouso hostil dos “gañadores” aínda había. Primeiro, o 5 de setembro, Florencio leu o pregón das festas do Barco. Logo dun “eiquí me tedes, vello de corpo e mozo de espírito”, espetoulle ao público:
Fai corenta e tantos anos lisquei de engueiras, ou, como tamén se di, deille sebo ás canelas; deixei as beiras do Sil e dispois de amarguexas vicisitudes naveguei polo Atlántico e fun ancorar na banda de acolá do Gulf Stream...
Ao outro día leu o discurso de entrada na Academia, que versaba, nomeadamente, sobre o papel dos exiliados en México. Ao xantar posterior, aberto á cidadanía valdeorresa, acudiron duascentas persoas. Talvez este foi un dos actos civís celebrados en Valdeorras máis conciliatorios. A figura icónica de Florencio, ao noso entender, logo das súas doces intervencións no ton, non no contido, deulles a moitos ferramentas para entender a traxedia de 1936 e a iniquidade do golpe de Estado. Tamén a súa obra poética, máis alá do localismo lírico.
Florencio morreu en California en 1987, cando visitaba as súas fillas. Unha vez máis, por sorpresa e fóra de sitio, outra volta polas coronarias, non sendo monárquico.
Velaí o itinerario vital deste valdeorrés, republicano e galeguista.