Boletín da Real Academia Galega

Núm. 383, pp. 99-121

© 2022. Real Academia Galega

https://doi.org/10.32766/brag.383.821

FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN, GANADOR DO CONCURSO DE TRADUCIÓN DA FEDERACIÓN DE SOCIEDADES GALEGAS (1946)

FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN: WINNER OF THE GALICIAN SOCIETIES FEDERATION TRANSLATION COMPETITION (1946)

Xosé Manuel Dasilva
Universidade de Vigo
ORCiD: 0000-0002-3360-6995

Resumo: O obxectivo deste traballo é afondar na faceta de Florencio Delgado Gurriarán como tradutor de diversas voces poéticas para o galego. En efecto, o autor valdeorrés reservou entre as súas ocupacións intelectuais unha parcela para o exercicio de verter textos desde outros idiomas, como o francés e o inglés. En concreto, examínase a súa participación no certame literario convocado pola Federación de Sociedades Galegas de Buenos Aires en 1946, onde na modalidade de tradución Delgado Gurriarán logrou o máximo galardón e Plácido R. Castro e Lois Tobío dous accésits. Ao longo do artigo abórdanse as características do volume Poesía inglesa e francesa vertida ao galego, editado en 1949, no que se agruparon os traballos premiados, un fito na historia da tradución galega por se tratar do primeiro tomo de versións á nosa lingua que viu a luz despois da guerra civil. A última parte do estudo céntrase na recepción crítica de que foi obxecto, tanto no exilio coma en Galicia. A conclusión primordial que se alcanza pon de manifesto que a tradución significou para Delgado Gurriarán unha vertente notable no conxunto do seu labor, malia que non se consagrase á mesma de forma perseverante no transcurso da súa traxectoria.

Abstract: The aim of this work is to examine Florencio Delgado Gurriarán as a translator of various poetic voices into Galician. The intellectual occupations of the Valdeorras author included the exercise of translating texts from other languages, such as French and English. Specifically, his participation in the literary competition organised by the Galician Societies Federation in 1946, where Delgado Gurriarán won the top prize in the translation category and Plácido R. Castro and Lois Tobío won two runners-up prizes, will be examined. Throughout the article, the characteristics of the volume Poesía inglesa e francesa vertida ao galego [English and French Poetry Translated Into Galician] published in 1949, in which the prize-winning works were printed, and a milestone in the history of Galician translation as it was the first volume of translations into Galician to be published after the Civil War, are also analysed. The last part of the study focuses on its critical reception, both in exiled Galician communities and in Galicia. The main conclusion reached shows that translation was for Delgado Gurriarán a notable aspect of his work as a whole, even though he did not devote himself to it in a constant manner throughout his career.

Palabras chave: tradución en galego, Florencio Delgado Gurriarán, Plácido R. Castro, Lois Tobío, Poesía inglesa e francesa vertida ao galego.

Key words: Galician translation, Florencio Delgado Gurriarán, Plácido R. Castro, Lois Tobío, Poesía inglesa e francesa vertida ao galego [English and French Poetry Translated Into Galician].

INTRODUCIÓN

Con relación á figura de Florencio Delgado Gurriarán, nunha contribución antecedente (Dasilva 2022a) prestamos atención á totalidade da súa tarefa como tradutor, que abrangue a intervención na antoloxía Poesía inglesa e francesa vertida ao galego (Castro, Tobío Fernández, Delgado Gurriarán 1949)1, a adaptación do célebre poema “Oh Captain! My captain!” de Walt Whitman (Delgado Gurriarán 1951), a tradución do non menos famoso “Le cimetière marin” de Paul Valéry (Delgado Gurriarán 1952) e a versión do tamén bastante coñecido “Le Bateau Ivre” de Arthur Rimbaud (Delgado Gurriarán 1968). Noutra achega (Dasilva 2022b) levamos a cabo unha análise do proceso de conversión ao galego da composición de Walt Whitman, emprendida con motivo do primeiro cabodano do falecemento de Castelao.

Na presente ocasión o noso propósito consistirá en abordar as circunstancias do certame de tradución posto en marcha pola Federación de Sociedades Galegas en 1946, no cal Delgado Gurriarán conquistou o primeiro premio. Esta máxima honra, por certo, é unha información da que non nos consta que existise coñecemento ata arestora. Cómpre sinalar que este novo traballo nace como consecuencia dunha interpelación de Xesús Alonso Montero, no referente ás bases que rexeron o devandito certame, formulada ao remate do noso relatorio “As traducións de Florencio Delgado Gurriarán”, dentro do simposio que a Real Academia Galega lle dedicou ao autor valdeorrés.

A CONVOCATORIA DO CONCURSO LITERARIO DA FEDERACIÓN DE SOCIEDADES GALEGAS

Lois Tobío rememoraba de primeira man, nas súas memorias, o notorio papel que desempeñou no concurso de tradución patrocinado pola Federación de Sociedades Galegas:

No ano 1946 a Federación de Sociedades Galegas de Arxentina convocou un certame literario no que había un premio para a mellor colección de poesías francesas ou inglesas traducidas ao galego. Eu mandei unha que resultou premiada con outras de Plácido R. Castro e Florencio Delgado Gurriarán. As de Plácido eran todas inglesas, as do Florencio todas francesas e as miñas metade e metade [...]. (Tobío 1994, p. 562)

A mencionada organización decidira concibir, a principios de 1946, unha competición dividida en catro seccións, das cales unha correspondía á tradución. Daquela, o xornal A Nosa Terra facíase eco das bases, reproducidas literalmente en castelán, que establecían catro premios (Sen sinatura 1946a, p. 6). O primeiro, dunha contía de quiñentos pesos, o mesmo que os restantes, adxudicábase “a la mejor novela, escrita en idioma gallego, de tema libre y de extensión corriente”. O segundo estaba destinado “a la mejor colección de ensayos de temas libres, sobre arte, literatura, música, folklore o historia, en idioma gallego”. Un terceiro premio asignábase a “la mejor colección de poesías de diez poetas franceses o ingleses modernos, o de ambos idiomas a la vez, traducidos directamente al gallego”, sen que os poemas puidesen superar, conforme se advertía, douscentos versos por autor. O derradeiro premio consignábase para “la mejor comedia dramática de tema libre, en varios actos, en idioma gallego”.

Como prazo límite para a recepción dos orixinais, fixábase a data do 12 de outubro de 1946. Pechaban as bases estas indicacións xenéricas:

Todos los trabajos deberán estar escritos a máquina, de un solo lado y en papel carta u oficio; deberán estar firmados con seudónimo y lema. En un sobre lacrado aparte, en el exterior, debe figurar el lema y el seudónimo; y en el interior, el nombre, el lema, el seudónimo y el domicilio del autor.

Un jurado competente, tendrá a su cargo el discernimiento de los premios; pudiendo declarar desiertos los que, a su juicio, no los merezcan. (Sen sinatura 1946a, p. 6)

A Nosa Terra, antes de transcribir as bases, facía fincapé en que a idea era “diña de todo aplauso”, porque supuña “unha verdadeira novedade para a nosa colonia do Plata” e, asemade, translucía “boa orientación para fomentar o cultivo do noso idioma”. No seguinte número, o voceiro nacionalista desculparase por non dar conta entón do acontecemento con meirande profundidade, garantindo que agora o faría: “Cando xa estaba rematándose de armar o anterior número de A Nosa Terra, recibimos a nota coas bases do certame de literatura galega, a que publicamos sin o correspondente i obligado comentario por falla de tempo e de espacio. Hoxe imos a encher ise baleiro” (Sen sinatura 1946b, p. 5).

A Nosa Terra pasaba a desfacerse en afagos ao evento, que collera o xornal por sorpresa debido a que o castelán era a lingua habitual da Federación de Sociedades Galegas, ao igual que de Galicia, o seu órgano de expresión2. Entrevíase unha mudanza palpable, así pois, cara aos intereses galegos, a cal se valoraba por extenso de forma satisfactoria:

É decote máis agradábel poder gabar que verse na obriga de por reparos ou facer censuras. Por elo, escribimos a presente acotación con doble motivo de ledicia, xa que temos de loubare unha grande iniciativa, e porque ela é crara mostra de como a nosa coleitividade vai preocupándose seriamente dos intereses culturaes galegos, co que pon de bulto un patriotismo san e asisado.

Certamente, o concurso que orgaíza a Federación de Sociedades Gallegas, non é unha cousa calquera. Ben mirado, é, en todal’as suas partes, eispresión d-un fino senso da galeguidade, que apunta a mesma esencia da nosa cultura, a sua base fundamental: ao idioma. Mais non o fai así coma así, de calquera xeito, ou por vellos canles. Non. A iniciativa que comentamos, tenciona empurrar o desenrolo idiomático, facéndolle amostrarse, na forma e no fondo, coma un istrumento de formación e d-eispresión cultural posto ao día, capaz de recoller, na prosa e no verso, a poesía i-o pensamento oucidentaes d’istes intres, e de conquerir o mesmo plano d’aitualidade e de adianto no tocante a propia produción. (Sen sinatura 1946b, p. 5)

Nesta noticia apuntábase que na novela, o ensaio e o teatro tiña que “amostrarse o idioma galego na sua función creadora de cultura”. No marco da tradución sostíñase, en cambio, que debía “compulsarse a sua capacidade receptiva”, para acreditar que había “amplitude d’abondo, capacidade de medios eispresivos para recoller i amostrar de xeito cumprido a aitualidade espritoal, das ideias e das imaxes, que se manifesta nas composicións poéticas dos povos de vangarda” (Sen sinatura 1946b, p. 5)3. Concluíase redobrando os calorosos parabéns á Federación de Sociedades Galegas, co desexo de que fose “iste paso, dado tan en seguro, devanceiro d’unha longa carreira, pol-a roita da galeguidade, na que todos teremos d’atoparnos”4.

No que fai á orixe do concurso, hai que aclarar que a Federación de Sociedades Galegas cumpría vinte e cinco anos o 24 de setembro de 1946, e que no programa deseñado para conmemorar a solemnidade figuraba a súa convocatoria (Sen sinatura 1946f, p. 3). Outros actos previstos co gallo de honrar as vodas de prata eran unha exposición de arte galega, un ciclo de conferencias, un encontro de música coral, unha audición radial e unha función de teatro, alén dun magno banquete (Sen sinatura 1946g, p. 3; 1946i, p. 7). Como A Nosa Terra oportunamente afirmaba, “as autoridades da mesma están preparando un programa de festexos que despertou gran eispeitativa no seo da nosa coleitividade” (Sen sinatura 1946f, p. 3).

Unha vez expirado o prazo que se estipulara, desde Galicia notificábase a constitución do xurado para contrastar as propostas. Estaba composto por Eduardo Blanco Amor, Ramón Rey Baltar, Avelino Díaz, Rodolfo Prada e Francisco Regueira, en calidade de secretario. O primeiro, por ter que se ausentar de Buenos Aires, sería substituído finalmente por Alfredo Baltar (Sen sinatura 1946l, p. 2). As deliberacións, que empezaron no mesmo mes de outubro de 1946, desenvolvéronse durante dous meses. A mediados de novembro informábase de que se recibiran “valiosos trabajos que actualmente está examinando el jurado a efectos de dar su veredicto en fecha próxima” (Sen sinatura 1946m, p. 1). Polo que se dicía, “tanto de Galicia como de algunos países americanos han llegado obras de positivo mérito, las cuales constituyen magníficos aportes a la cultura gallega: ensayos, comedias y traducciones de los mejores poetas franceses e ingleses vertidas al idioma gallego”.

Nesta crónica manifestábase que quedaba máis que demostrado, á vista diso, “el acierto de la entidad patrocinante” e, ao mesmo tempo, “el interés de nuestras gentes por elevar el idioma y la cultura de Galicia al rango que merecen”. Ademais, encarecíase que o concurso da Federación de Sociedades Galegas entrañaba un episodio que posuía connotacións estimulantes de seu, en especial no relativo a que se facultase a penetración na nosa cultura, a través da tradución, de xoias de literaturas que gozaban de rango universal:

[...] en cuanto a este concurso se refiere, se puede asegurar que ha de tener honda repercusión y ha de marcar un hito en la historia de nuestra cultura, pues, merced a esta circunstancia y por obra de los concursantes, se han de esclarecer hechos y cosas de sumo valor para nuestro acervo histórico-cultural y se ha de incorporar a él lo positivamente valioso de la cultura de otros pueblos por medio de las traducciones a que ya hicimos mención. (Sen sinatura 1946m, p. 1)

A resolución do xurado dábase a coñecer o 14 de decembro de 1946, tras se celebrar a última xuntanza dos seus membros nesa data. Nos eidos da novela e o teatro, optouse lamentablemente por non repartir os premios, en razón de que “nengún dos traballos chegados ao concurso axuntaba méritos suficentes” (Sen sinatura 1946n, p. 3). Declarábase a seguir que no apartado ensaístico, pola contra, acadaba a distinción a colección de prosas baixo o título Cos ollos do noso esprito, de Francisco Fernández del Riego.

Á súa vez, na área da tradución o premio agraciaba a Delgado Gurriarán en exclusiva, contemplándose dous accésits, cada un de 250 pesos, para Plácido R. Castro e Lois Tobío. Todos os autores laureados recibían eloxios, nun ton entusiasta non exento de claros elementos ideolóxicos, en condición de “outos valores inteleituaes perteñecentes a xenerazón de xóvenes patriotas e galeguistas”, os cales se revelaban, por outro lado, como “afervoados cultores da sagra lingoa galega que brilaba na nosa Terra no intre mouro que ficou amagastrada pol-o crudel falanxismo” (Sen sinatura 1946n, p. 3)5.

Canto á esfera da tradución, xa desde o primeiro intre percibíase que era nela onde o concurso lograba unha resonancia superior, polo seu elevado nivel6. Resaltábase, dese modo, non só “o valimento eisceucional dos traballos premiados”, senón ademais “a circostanza da outa categorización que lle asiñan ao idioma galego os tres traballos de tradución de modernos poetas ingreses e franceses que o xurado atopou merecentes de ser recompensados, non embargantes que, pra ise tema, istaba anunciado un soio premio” (Sen sinatura 1946n, p. 3). A continuación, como vantaxe prominente, púñase o acento en que a maioría dos poemas ingleses e franceses traspasados ao galego carecían nesa altura de versión en castelán. Esta peculiaridade propiciaba a reflexión seguinte:

Pol-o conseguinte daráse a honrosa e relevante circonstanza de que os inteleituaes de fala castelán que non seipan o francés ou ingrés, coñocerán os taes poemas o través do idioma galego. E será moi xeral, no mundo inteleitual hispano-americano, a solpresa de ollar que a língua galega istá prenamente axeitada pra recoller, con grandeira categoría, as máis outas eispresións literarias do estranxeiro. (Sen sinatura 1946n, p. 3)

Uns meses despois, volveríase gabar o éxito atinxido polo concurso no campo da tradución. Insistíase en que as versións que concorreran avalaban, sen dúbida ningunha, as aptitudes do galego como molde adecuado para as manifestacións doutros idiomas:

[...] hoxe, áchanse traducidos ao galego, os máis grandes poetas franceses e ingleses modernos, desde o romanticismo até as máis ultras escolas literarias, gracias ao patriotismo e a intelixente capacidade de tres galegos beneméritos: Plácido Castro, F. Delgado Gurriarán e Luis Tobío [...]. Ao seren traducidos, estos poetas, demostraron en forma indubidosa a capacidade receiptiva do galego. O que hay que facer é cultivalo. (Sen sinatura 1947, p. 3)

O PROCESO DE EDICIÓN DE POESÍA INGLESA E FRANCESA VERTIDA AO GALEGO

Grazas á correspondencia de Fernández del Riego, vencedor como ensaísta, é factible aproximarse ás dilixencias para publicar os textos que se distinguiran. Por ela sábese, así, que ningunha xestión se levou a cabo no curso de case tres anos, permanecendo inéditos os traballos. Antonio Alonso, secretario da Federación de Sociedades Galegas e presidente da editorial Alborada, dirixíase a Fernández del Riego o 15 de febreiro de 1949, e anunciáballe que comezaran a adoptar as medidas precisas para os dar á luz. Engadía que se agardaba que as obras estivesen na rúa en non máis de dous ou tres meses:

Por fin damos comienzo a una labor que nos tenía bastante preocupados: la edición de las dos obras, de prosa y verso, premiadas en el certamen literario del año 1946, organizado por la Federación de Sociedades Gallegas, con motivo de su 25º aniversario (de la que esta Editorial es su ente jurídico; la poseedora de sus bienes inmobiliarios y negocios editoriales)..

Ya hemos pedido presupuestos, y, aceptado el más conveniente —dentro de una edición, si no lujosa, por lo menos digna—, entrarán mañana mismo en máquina, a fin de poderlos poner a la venta en los primeros días de abril o mayo, a la entrada del invierno (en ésta)7.

Á fin, o período esperado alongaríase un pouco. Antonio Alonso escribíalle de novo a Fernández del Riego, o 25 de agosto, para lle comunicar o envío de Cos ollos do noso esprito, que o día anterior viña de se estampar. Na mesma carta anticipáballe a inminente impresión de Poesía inglesa e francesa vertida ao galego: “A tiduo informativo manifestamoslle que pra os primeiros dias do mes de outono, salirá do prelo a antoloxía de poesías francesas e inglesas, vertida ao galego por Castro, Tobío e Gurriarán”8. Ha ser o 28 de decembro cando Antonio Alonso lle curse unha nova misiva a Fernández del Riego para o previr de que lle mandaran por correo marítimo un exemplar deste libro, simultaneamente remitido a Ramón Otero Pedrayo, Fermín Bouza-Brey, Aquilino Iglesia Alvariño, Valentín Paz-Andrade, Álvaro Cunqueiro e Ricardo Carballo Calero9.

Esta nómina escolleita de beneficiarios de Poesía inglesa e francesa vertida ao galego é boa proba da coidadosa difusión que a Federación de Sociedades Galegas cobizaba outorgarlle á obra. En conexión con iso, Antonio Alonso facíalle chegar a Fernández del Riego este comentario sobre a enorme ledicia que sentían:

Que lle parece? ... É bon ou non? Coidamos que enrequecemos a nosa literatura con esta edición; nos gostaría saber a sua opinión, e se nos mandara unha colaboración encol d-este libro (cando teña vagar), quedaríamoslle moi agradecidos. Precisámola pra entusiasmar a nosa xente, que pensa moito no “Sueño de la casa propia”.

Na verdade, Poesía inglesa e francesa vertida ao galego erixíase nun auténtico fito por se tratar do primeiro tomo de traducións galegas que viña a lume após a guerra civil, o cal saía xustamente á outra beira do Atlántico. Non é casual que ao facerse pública a decisión do xurado, tres anos antes, se subliñase de forma singular que Delgado Gurriarán se atopaba “eisilado en México” e Lois Tobío estaba “eisilado en Montevideo” (Sen sinatura 1946n, p. 3).

En Galicia, as traducións inaugurais da etapa de posguerra aparecerían no ano 1951. Por unha banda, Musa alemá, na colección Benito Soto, repertorio de quince composicións pertencentes a seis poetas de orixe xermana —Friedrich Hörderlin, Heinrich Heine, Richard Dehmel, Rainer Maria Rilke, Agnes Miegel e Franz Werfel— realizada por Celso Emilio Ferreiro e Antonio Blanco Freijeiro. Por outra banda, os Carmina de Horacio, ao abeiro do Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos, transplantados por Aquilino Iglesia Alvariño.

Musa alemá tivo problemas coa censura franquista, aínda que non tantos nin tan graves como se obstinaron en propalar, de maneira fraudulenta, tanto Celso Emilio Ferreiro coma Sabino Torres, autor e editor respectivamente, quen ofreceron versións contraditorias e mesmo bastante diverxentes entre si (Dasilva 2015, p. 471). Misteriosamente, o expediente de censura de Musa alemá desapareceu do arquivo onde estaba gardado, sen que resulte inverosímil que algunha persoa vinculada ao volume fose culpable desa perda. En calquera caso, nunha tarxeta oficial rexistráronse os trámites relativos a Musa alemá, a partir dos cales se verifica que inicialmente non se puxeron estorbos á súa saída e máis tarde se suspendeu a autorización.

No que respecta aos Carmina, ao contrario, hai que puntualizar que o volume non se someteu a control oficial, de acordo coa Orden de la Subsecretaría de Educación Popular de 25 de marzo de 1944 pola que se regulaba “el régimen de censura” de diversas clases de publicacións. No artigo 2.d desta norma, decretábase explicitamente que o filtro de censura se suprimía para aquelas obras “de carácter técnico y científico” editadas por un centro oficial superior de ensinanza ou investigación, como era o caso do Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos. En virtude do mesmo texto legal, tampouco precisaban de fiscalización as obras de editoriais que contasen cun informe do Consejo Superior de Investigaciones Científicas, como sucedía cos títulos de Bibliófilos Gallegos.

Pódese tomar como mostra deste segundo suposto o libro Macías el Enamorado y Juan Rodríguez del Padrón. Estudio y antología, de Carlos Martínez Barbeito. No seu expediente de solicitude de licenza está un escrito de Xosé Filgueira Valverde, secretario de Bibliófilos Gallegos, ao Director General de Propaganda, do 19 de setembro de 1951, no que se pregaba “la autorización que exige la Orden del 29 de abril de 1938, y disposiciones complementarias para la edición del libro cuyas características se indican, deseando acogerse, por el carácter de la obra, a la Orden de 25 de marzo de 1944”. Tamén se localiza un escrito asinado o 24 de setembro de 1951 por Felipe Cordero Carrete, secretario do Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos, pertencente ao Consejo Superior de Investigaciones Científicas, no que se certificaba:

[...] sobre la obra Macías el Enamorado y Juan Rodríguez del Padrón por Carlos Martínez Barbeito, publicada por la Editorial de los Bibliófilos Gallegos de esta ciudad, por acuerdo de este Instituto y previa consulta a sus colaboradores, hago constar se trata de un erudito y acertado estudio, seguido de una antología, de los citados poetas cortesanos del XIV, de indudable empeño y utilidad para los estudiosos de estos temas, cuidadosamente editado, por lo que merece se le conceda acogerse a la Orden del 25 de marzo de 1944 de la Subsecretaría de Educación Popular referente a la autorización de publicaciones no periódicas.

PARA UNHA CARACTERIZACIÓN DE POESÍA INGLESA E FRANCESA VERTIDA AO GALEGO

A escolma Poesía inglesa e francesa vertida ao galego, xuntamente con Cos ollos do noso esprito, constituía a estrea da editorial Alborada, impulsada pola Federación de Sociedades Galegas. Na súas páxinas reuníanse todas as traducións recoñecidas cun trofeo polo xurado do certame que alentara esta asociación. Polo tanto, non se brindaban soamente as de Delgado Gurriarán, que mereceran o primeiro premio, senón tamén as de Plácido R. Castro e Lois Tobío, as cales recibiran senllos accésits.

A competencia tanto idiomática como tradutora dos segundos estaba sobradamente comprobada. Plácido R. Castro vivira unha parte da infancia e a xuventude no Reino Unido, e transportara ao galego, antes da guerra civil, as pezas dramáticas The Land of Heart’s Desire e Cathleen Ni Houlihan, de W. B. Yeats, en compaña dos irmáns Villar Ponte, nun libro editado por Nós en 1935. Pola súa parte, Lois Tobío cursara estudos en Berlín a finais da década dos 20 e ingresara na carreira diplomática en 1933, un servizo que o conduciu a viaxar por moitos países10. Como tradutor, principiara a exercer esta ocupación após a súa chegada a Montevideo en 1940, transferindo The Life of Greece, de Will Durant, textos de ficción, como Narziss und Goldmund, de Hermann Hesse, e tratados filosóficos, políticos e económicos, como Staatslehre, de Hermann Heller.

Malia ser o ganador, Delgado Gurriarán non xustificaba formación lingüística nin experiencia tradutora11. A familiaridade co francés explicaríase polos seus avatares biográficos na guerra civil, que o levaron a residir no país galo en dúas fases. Tras o estalido do conflito bélico, fuxiu a Portugal, viaxando desde Porto a Bordeos nun barco noruegués. Refuxiouse alí ata xaneiro de 1938, data en que se desprazou a Barcelona. A comezos de 1939, Delgado Gurriarán regresou a Bordeos, onde embarcou en xuño con rumbo a México. Na faceta de tradutor, Delgado Gurriarán era un completo neófito, aínda que podía presumir da súa actividade como poeta pola publicación de Bebedeira en 193412.

Faise indispensable debullar o “Limiar” de Poesía francesa e inglesa vertida ao galego, sen firma ao pé, mais da autoría supostamente de Lois Tobío (Sen sinatura 1949)13. Neste paratexto testemuñábase, con magnífica clarividencia, o que comportaba transvasar textos doutras literaturas ao galego naqueles días (Dasilva 2005). Xusto ao primeiro, cavilábase sobre a imaxe non sempre benigna desta nobre misión:

Moito se ten falado en mingoa dos traductores e das traduccións. E non hai dúbida que, en certos casos, con razón d’abondo. Vense hoxe se cadra máis do que nunca as traduccións cativas. A ruindade d’unha traducción literaria pode vir, naturalmentes, ou d’incapacidade pra enxergal-a obra orixinal, ou d’impotencia pra rendel-a n-unha nova língoa. E aínda sendo imprescindible pra un cumprido fin o ter vencido esas duas limitacións, cicais sexa máis decisivo o vencimento da derradeira. O bon traductor debe ser, denantes de nada, bon escritor.

Salientábase a complexidade do quefacer tradutor, pois estaba lonxe de ser “tarefa doada a de facer unha boa versión literaria”, polo que se xulgaba que aquela persoa que “con éisito a fine, é merecente de louvor pol-as dificultades do traballo e pol-o servizo que presta”. Ulteriormente, o que se recalcaba era a substancial influencia da tradución para o progreso de calquera literatura, sobre todo das que amosaban unha posición feble:

Longo sería facel-a historia do infruxo das traduccións no desenrolo das literaturas. Unha literatura nova moitas vegadas trocou o rumbo i-encetou roita nova pol-a mor d’ese infruxo. Moitas literaturas teñen comenzado, ou axudáronse no seu primeiro pulo, con versións, adaptacións ou paráfrasis de obras estranxeiras.

En particular, chamábase a atención para os múltiples atrancos da tradución poética, por canto nesta feitura “interesan d’adoito menos os valores lóxicos e racionaes que os de suxerencia i-emotividade”. En consecuencia, como se aducía, “non abonda con trasladar estrictamente os conceitos do orixinal”, dado que, máis ben, “é mester dal-o vento, a lus e soma, o són, o arume, o ambente, ingredientes, imbeles i-esenciaes da creación poética que riscan s‘esvaer na traslación”. Perante iso, enumerábase un abano de recomendacións frutíferas para tal tipo de tradución:

O traductor poético debe, por eso, dispor d’unha meirande libertade na orde lóxica dos conceitos pra conserval-a outra faciana da obra, a máis importante. Pode ser traditore na mesura precisa pra atinguir ese fito. Hai n-esto certa semellanza coa interpretación das obras musicaes, máis aínda cando s’emprega un instrumento distinto do estabelecido pol-o compositor. O intérprete musical —coma o traductor de poesía— debe, n-un certo xeito, recreal-a obra, reproducindo, â travesa da sua sensibilidade e da sua arte, o senso fondo, enxergado en intuitiva sympathia, sen se deixar enguedellare nas miudezas formaes e na fidelidade servil ao aparello racional.

Neste escrito introdutorio non se renunciaba a efectuar unha revisión da presenza da tradución na evolución das letras galegas, e chegábase á conclusión de que o balance non semellaba suficientemente gratificante. Dábase puntual noticia, con todo, de “xurdias mostras dende os primeiros tempos do noso renascer literario”, entre as que se lembraba, como modelo senlleiro, a oda “Beatus ille”, de Horacio, transmutada ao galego por José García Mosquera de forma pioneira a mediados do século XIX, máis alá doutras versións “tamén fermosas e axeitadas de crásicos latinos”.

Con afouta actitude, exaltábanse os beneficios da tradución desde o punto de vista patrimonial: “A nosa língoa acaróase, asina, a outras língoas e literaturas e d’este contaito estreito somente ben lle pode vir. Os ares d’afora limpan, refrescan, renovan. A vos de Galicia ten que se ouvir no mundo e as do mundo en Galicia”. E loábase a indiscutible utilidade que reportaba ao idioma galego:

Máis alén d’este senso profundo e universal, unha razón máis concreta e propincua aconsella promover este xeito de labouras i-ela é a grande importancia que garda pr’o rexurdimento da nosa fala. Non hai máis xurdia e froitosa discipriña pra unha lingoaxe e pra un escritor que o ter que arranxar nova forma aquecente e vernácula â intensa cárrega d’esprito d’un nobre poema estrano.

Na parte última do “Limiar” facíase referencia ao concurso da Federación de Sociedades Galegas que tivera lugar tres anos antes: “No programa do certame, propúñanse, antre outros temas, o d’unha colección de versións galegas de poesías de dez poetas franceses ou ingreses modernos”. Describíanse as tonalidades variadas dos tres monllos de traducións recompilados, onde se xuntaban “unhas máis vellas e outras máis novas; unhas rexas, mesmo aspras; outras dondas, lenes, tenras”. En calquera caso, o que se detectaba era “un nidio acento galego” na totalidade, razón pola que se culminaba cunha proclama categórica: “O estranxeiro ven a gañar carta de cidadanía. O alleo é agora noso”.

No corpo de Poesía inglesa e francesa vertida ao galego, os textos de Plácido R. Castro eran de fala inglesa, os de Lois Tobío de procedencia inglesa e francesa e os de Delgado Gurriarán de filiación francófona. Ao primeiro pertencían vinte e catro versións dos poetas contemporáneos Christina Rossetti, Ernest Dowson, Thomas Hardy, George W. Russell, Alfred E. Housman, William B. Yeats, William Henry Davies, Walter de la Mare, John Masefield e Padraic Colum14. Ao segundo debíase unha vintena de poesías de catro autores de lingua inglesa, do romántico Percy Bysshe Shelley ao norteamericano Henry W. Longfellow, e seis franceses, desde Charles Baudelaire ata Louise de Vilmorin15. Delgado Gurriarán ocupábase de trece representantes da lingua francesa con cadanseu poema, desde Paul Verlaine a Philippe Chabaneix, pasando por Mallarmé, Maeterlink, Henri de Régnier, Paul Valéry, Hélène Vacaresco, Paul Claudel, Tristan Klingsor, Lucie Delarue-Mardrus, Jules Supervielle, Jean Cocteau e Pierre Drieu La Rochelle16.

No que concirne ás características do mostrario de Delgado Gurriarán, imponse indicar que o criterio de ordenación era temporal. Desde un prisma estético, non se descubría ningunha prelación de índole literaria á hora de coleccionar as pezas. Efectivamente, arrancábase do simbolismo de Paul Verlaine e o prevangardismo de Mallarmé e arribábase a un rexistro coevo coma o de Cocteau, predominando o eclecticismo temático e estilístico. Polo demais, todos os nomes eran franceses, agás Maeterlink, de nacionalidade belga, e Hélène Vacaresco, de berce romanés. Para terminar, resulta ostensible a visibilidade de dúas voces femininas, concretamente a citada Hélène Vacaresco e Lucie Delarue-Mardrus.

Persoalmente, Lois Tobío non se esquecería de delinear o perfil das versións de Delgado Gurriarán integradas en Poesía inglesa e francesa vertida ao galego

Mais volvo ó concurso de Bos Aires e ó libro de traduccións. Non ten dúbida que Florencio lera e traballara tódolos poetas franceses daquel tempo. Entón, cando veu o concurso do Centro Galego, así como outros tiraron do inglés, ou mesturaron poemas de varias linguas, que foi o que eu fixen, el tódolos poemas que traduciu e mandou ó concurso eran poemas franceses e case todos do seu tempo.

Deixando de lado os influxos, habería que dicir que a súa linguaxe poética era dunha exquisitez sinxela. Non buscaba cousas extravagantes desas que chaman a atención ou pretenden sorprender, senón que ía facendo a súa poesía dun xeito que poderiamos dicir manseliño. É dicir, non buscaba cousas detonantes, senón en ton menor, delicadas e finas en ton menor. Era, realmente, un poeta. A través da súa poesía vese que era un poeta da delicadeza. (Gurriarán 2003, p. 274)

A RECEPCIÓN CRÍTICA DE POESÍA INGLESA E FRANCESA VERTIDA AO GALEGO

Lois Tobío reflectiu nas súas memorias, outra vez, o cálido recibimento dispensado a Poesía inglesa e francesa vertida ao galego “Aquela recadádiva foi moi ben acollida e eloxiada na Arxentina, no Uruguay e en Galicia e, de certo, era unha mostra galana de como a nosa lingua préstase para verquer nela os máis delicados matices doutras máis traballadas coma instrumento literario” (Tobío 1994, pp. 562-563). Cronoloxicamente, a primeira recensión da que se ten coñecemento asomaba ben cedo, o mes de xaneiro de 1950, no Suplemento del Sábado de La Noche. Sen nome, a paternidade pertencía probablemente a Fernández del Riego, pola súa responsabilidade, a carón de Xaime Isla Couto, neste caderno especial do vespertino compostelán (Sen sinatura 1950a).

Nas súas liñas, evocábase a transcendencia do concurso da Federación de Sociedades Galegas, do cal se aseveraba que o seu “recuerdo seguramente perdurará por la importancia de sus contribuciones a nuestra literatura”. Enaltecíase a personalidade dos tradutores, por mor do creto que exhibían, matizándose que desta volta “no sólo han sabido mantenerse a la altura de sus méritos, sino que —quizá por la gran envergadura del intento— lograron mostrarse con un grado de perfecta madurez difícilmente superable”. Alén diso, incluíase esta valoración encomiástica do traballo executado polo autor de Bebedeira

Delgado Gurriarán ha seleccionado en la poesía francesa una línea sutil y antológica de autores, exquisitamente representativa de ese delicado espíritu francés que no tiene par en poesía alguna. Verlaine, Mallarmé, Maeterlinck, Claudel y algunos más, culminan en los actuales Cocteau y Chabaneix. Versiones en las que la libertad traductora de las palabras, no inhibe la perfecta comprensión de los originales, sino que, muy al contrario, refuerza con una extraordinaria sensibilidad el sentido de los versos17.

No mes de febreiro dese ano, Plácido R. Castro, un dos protagonistas, falaba de Poesía inglesa e francesa vertida ao galego no programa radiofónico sobre cultura galega que a BBC emitía por entón (Castro 1950). En primeiro lugar, agradecía con intensidade o afán meritorio da Federación de Sociedades Galegas e a editorial Alborada:

Mais non quixen que a modestia me roubase a ledicia e o privilexio de ser eu quen acollese aquí con agarimo este volume, e quen fixese constar o meu fondo agradecimento á Federacion de Sociedades Galegas de Bos Aires, e á Editorial Alborada, non soio nun senso persoal, senón na gabanza da súa iniciativa, que ten permitido aportar á riqueza poética da nosa fala estes exemplos doutras literaturas, estas vibracións da sensibilidade doutros pobos, vibraciós irmáns das nosas propias, nesa linguaxe natural que é a poesía.

Antes de proceder á lectura das versións “Volta da primaveira”, de Philippe Chabaneix, e “Chora o meu corazón”, de Paul Verlaine, alén doutras de Lois Tobío e súas, Plácido R. Castro enxalzaba a brillante actuación dos seus dous compañeiros:

O mesmo nas versións feitas por Delgado Gurriarán que nas que se deben a Tobío Fernández pódese apreciar un xusto equilibrio entre a fidelidade ao orixinal e o anceio de facer unha traducción que fose unha verdadeira poesía galega. Coido que este propósito cumpriuse inteiramente, e que co seu traballo fixeron ambos unha magnífica contribución á riqueza poética da lingua galega18.

Polas mesmas datas, Luis Seoane insería outra estimación laudatoria de Poesía inglesa e francesa vertida ao galego na revista Galicia do Centro Galego de Buenos Aires (Seoane 1950). Antes de nada, atendía á calidade da edición e ao devezo abnegado que guiara os tradutores:

He aquí un libro bellamente presentado de poesía inglesa y francesa traducido al idioma gallego por tres notables escritores de Galicia. Cada uno de ellos, [...] ha traducido por propia cuenta, sin que les vigilase el bastardo interés comercial de una empresa editora, aquellos poemas que más gustaron a su sensibilidad, o que encontraron más en armonía con su espíritu.

Consonte Seoane alegaba, estas traducións había que reputalas como “modelo de justeza en lo que se refiere a respetar íntegramente el tema del poema traducido, a la vez que por el cuidado de dar al verso el valor rítmico aproximado al del original”. Ao seu xuízo, as versións non se cinguiran ao compoñente verbal dos textos de partida con submisión, senón que respectaran o ánimo primixenio dos creadores. Nesa dirección, Seoane censuraba aqueles que se limitaban a traducir literalmente, á marxe dos patróns métricos:

Era esta norma —la que siguen los tres escritores gallegos— establecida de antiguo entre los que por placer intelectual dedicaban sus actividades o sus ocios a la tarea de traducir o de interpretar, antes de que surgiesen los partidarios de la traducción de poemas en verso libre... y, al pie de la letra, cuyo resultado es a veces atentatorio para la finalidad original del poeta.

Tras remarcar que moitos dos textos de Poesía inglesa e francesa vertida ao galego “quedarán incorporados como breves obras maestras realizadas en nuestro idioma”, Seoane singularizaba o itinerario precedente de Delgado Gurriarán:

Publicó hace muchos años un tomo de poesía, Bebedeira, en idioma gallego, en un idioma rico, con formas y palabras y aire de su comarca. Bebedeira es un libro dionisíaco, nacido entre las vides de Valdeorras, entre las que Delgado Gurriarán escuchó la flauta de Pan, observó las carreras de las Ninfas y escuchó la soberana carcajada de Baco encendido de color y de vino, coronado de hojas de parras de Orense. Sus poemas últimos no están recogidos en libro, sino en muy diversas publicaciones19.

Novamente no mesmo mes de febreiro, La Noche transmitía unha crítica espléndida de Poesía inglesa e francesa vertida ao galego que viña de aparecer no periódico arxentino La Prensa (Sen sinatura 1950b). Con patente orgullo, bendicíase este extraordinario feito:

El importante diario bonaerense La Prensa ha publicado un oportuno juicio crítico sobre el reciente libro Poesía inglesa e francesa vertida ao galego, del que ya dimos noticia en estas páginas. Dice, entre otras cosas, la mencionada crítica: “Más de treinta autores se encuentran representados, y en cada caso se ha dado la obra original junto con la traducción. La selección de por sí, asegura la belleza del libro en conjunto, y a ella se suma el interés lingüístico de las versiones, a las cuales la dulzura fonética del gallego da un encanto singular”.

Unhas poucas semanas despois, La Voz de Galicia albergaba unha apreciación máis do libro, subscrita con iniciais (J. R. 1950). Incidíase no peso inmenso que atesouraba a tradución para o noso idioma:

En manos de estos tres poetas, la lengua gallega, forzada a la expresión de nuevas ideas e imágenes, de nuevos sentimientos y matices, se ve sometida a una formidable disciplina, para adquirir nuevos giros, belleza formal, intensidad y concisión. Profunda satisfacción nos causa leer una lengua y una poesía gallegas, elevadas sobre el tono y la preocupación de “corredoira”. Una poesía y una lengua gallegas abiertas a las inquietudes y sentimientos universales.

E calibrábase o proveito que encerraban as versións de Poesía inglesa e francesa vertida ao galego por seren produtos que admirablemente ganaban nova vida:

De la Argentina nos llega un magnífico libro de poesía gallega. Y decimos “gallega” y no “en gallego” porque aunque se trata de la traducción de poemas ingleses y franceses, están “recreados” de tal forma y adquieren una expresión y un sentimiento tan genuinamente vernáculos, que puede decirse que vienen a enriquecer el caudal de la poesía gallega.

Plácido Rodríguez Castro, Luis Tobío Fernández y Florencio Manuel Delgado Gurriarán no han hecho una simple traducción o transcripción, carente de sensibilidad y de valor poético. Su obra es de auténticos poetas. El sentimiento y la imagen de los poetas que han traducido, los convirtieron antes en cosa propia, y los “recrearon” en una expresión gallega que nos parece uno de nuestros más formidables logros filológicos.

Fernández del Riego, co pseudónimo Salvador Lorenzana, ha ser quen lle confira máis consideración a Poesía inglesa e francesa vertida ao galego. Á parte daquela nota presuntamente súa no Suplemento del Sábado de La Noche, esmiuzada con anterioridade, neste mesmo periódico, no mes de abril de 1950, internábase no volume ao saudar as resplandecentes novidades que estaban a agromar no terreo da tradución para o galego (Lorenzana 1950a). Fernández del Riego referíase de maneira individual aos tres participantes no libro, especificando sobre o noso persoeiro:

Finalmente, Delgado Gurriarán realizó una magnífica selección de modernos poetas de Francia; selección en la que no falta ninguno de los representativos, a partir de Verlaine y terminando en Chabenaix. El autor de Bebedeira ha hecho más que traducir; nos da el espíritu de la moderna poesía francesa, en versos tan bellos como armónicos. Escogió, a tal fin, algunos de los más hermosos poemas; mantiene luego, en ellos, una gracia y una elegancia de lenguaje, que no parece fácil de superar en una traducción así.

No xornal Galicia da Federación de Sociedades Galegas, Fernández del Riego difundía por aquelas xornadas outra colaboración sobre Poesía inglesa e francesa vertida ao galego, onde analizaba a súa dimensión de xeito exhaustivo (Lorenzana 1950b). Como preámbulo, puña de relevo o impacto da tradución no escenario galego: “A Galicia cómprelle —pra incorporar ó acerbo da sua cultura renacida— o esforzo das traducciós. Todo canto se faga pra verquer á nosa lingua as obras mestras da literatura universal é merecente dos meirandes apoios”. Despois, ponderaba a excelencia do volume:

A antoloxía de poemas ingleses e franceses, que nos regala a Editorial Alborada, é unha certeira amosa de bó gusto. Revela, por parte dos traductores, longo e antergo trato cos poetas traducidos. Sinala, por banda dos editores, un cuidadoso i esforzado anceio de nos dar unha obra digna. E o propósito está acadado: un volume ademirabremente presentado, e unhas versiós cáseque todas perfectas.

Fernández del Riego expuña minuciosamente que cumpría suxeitarse a tres premisas na tradución poética. A primeira alicerzábase en “percurar o emprego d’un linguaxe equivalente ó utilizado pol-o poeta”, en tanto que a segunda implicaba “fidelidade ós ritmos e cadencias do orixinal”. A última descansaba en que “o contido da composición débese respetar escrupulosamente”. Ao seu entender, a aplicación simultánea destes requisitos non sempre era accesible, polo que “o traductor de boa fé, abanéase entre conceder a primacía ó contido ou ás palabras”. Diante desa tesitura, interrogábase acerca de dúas técnicas entre as que se podía elixir: “¿É máis importante criar novas formas, forzándoas deica onde sexa necesario pra que sexan poesía na fala do traductor? ¿Ou, con meirande docilidade, restrinxir a sua tarefa á estricta reproducción do texto na nova lingua?”.

A tal efecto, Fernández del Riego dexergaba que nos textos de Poesía inglesa e francesa vertida ao galego se apostara por unha afortunada conciliación:

N-ista obra de que falamos, imprentada pol-a Editorial Alborada, consérvase, en xeral, o ritmo e a fidelidade ó contido. Atinguiuse unha armoñización intelixente das duas técnicas devanditas. Por outra banda, o acerto que presidiu a escolma dos poemas traducidos, permitiu unha belida i enteira transfusión d’un a outro idioma.

Por conseguinte, ditaminábase sobre os acertos do volume favorablemente:

Toda a obra, Poesía inglesa e francesa vertida ao galego, é o firme expoñente d’un roteiro ditosamente emprincipiado. Os versos dos traductores son belidos, esgrevios, fideles ó senso dos textos orixinás. Pódese decir que tal cousa sucede en todal-as partes do volume. Trátase d’un traballo feito con dilixente amor á tarefa, ateigado de acertos, e mergullado —no seu conxunto— no esprito dos poetas traducidos.

O libro publicado é, en resume, un bó libro; un libro-crave no campo específico do seu contido. Os amantes das letras galegas están en débeda con traductores i editores, pol-o meritorio servicio que teñen feito á cultura de Galicia20.

CABO

Pola ignorancia que prevalecía ao respecto, é de xustiza reivindicar o prestixio de Delgado Gurriarán como ganador en solitario, na categoría de tradución, do certame da Federación de Sociedades Galegas de 1946. Este concurso determinou un suceso non pouco sobresaínte no panorama tan desolador da cultura galega durante a posguerra. Debeuse iso á xerarquía das versións mormente, tendo en conta que a mediocre participación obrigou a deixar desertos os premios de novela e teatro.

Inmerecidamente, a vitoria sobranceira de Delgado Gurriarán esvaeceuse decontado. Unha causa crucial radicou no propio deseño editorial de Poesía inglesa e francesa vertida ao galego, onde se acollían tamén os traballos premiados con accésit. Aínda máis, é pertinente reparar en que Delgado Gurriarán incluso foi relegado ao terceiro lugar do índice, detrás de Plácido R. Castro e Lois Tobío, sen que se albisque ningunha pauta que xustificase esa orde. Por outro lado, no “Limiar” púñanse os tres triunfadores expresamente ao mesmo nivel: “Tres coleccións foron premiadas: unha de poesías ingresas, outra de poesías francesas e outra de poesías ingresas e francesas” (Sen sinatura 1949).

Como clausura, é ineludible destacar que alguén na situación de Delgado Gurriarán, afastado forzosamente de Galicia, tivese azos no seu devir cotián para asumir o reto de traer textos doutra literaturas á nosa lingua. Para comprender todo o mérito das súas xeiras neste ámbito, non hai máis que ler o que lle relataba a Ramón Otero Pedrayo, con enteireza retranqueira, nunha carta de mediados dos anos 50:

Eiquí sigo co mesmo traballo de axente de Laboratorio, traballo que me da pra vivir e manter aos meus cinco cativos, inda que non vaia moi de acordo co meu temperamento; por eso digo de min: “camiño con disfrace de extroverso / coma calquera comercial axente / a visitar galenos e farmacias / e namentres en min xermola un verso / vou, por fora, a nadare coa corrente / e, ata a rir chego, do cliente, as gracias21.

NOTAS

1

Cumpridas case seis décadas, saíu unha segunda edición (Castro, Tobío Fernández e Delgado Gurriarán 2005)

2

Paralelamente, Galicia propagaba as bases en varias oportunidades (Sen sinatura 1946e, p. 3; 1946h, p. 3).

3

Polo que se agregaba con apaixonado ímpeto, “a iniciativa é xurdiamente galeguista; diña se ser suscrita pol’a máis enxebre entidade galega”, ata tal punto que “deixando de lado o éisito que poida acadar, ela quedará coma un moi diño precedente que, sen dúbida algunha, terá de repetirse e de ser fonte e vehículo eficaz da cultura galega” (Sen sinatura 1946b, p. 5).

4

En territorio galego a convocatoria recolleuna o xornal El Progreso (Sen sinatura 1946c, p. 4) e a revista viguesa Cartel (Sen sinatura 1946d, p. 6), dirixida por Julio Sigüenza.

5

Máis adiante, reiterábase a loanza tanto á entidade como aos ganadores cunha nítida mensaxe de teor político: “Vaian as nosas máis afervoadas felicitaciós a Federación de Sociedades Galegas de Bós Aires pol-a sua patriótica iniciativa; e os catro autores premiados pol-a outa laboura que rendiron a patria galega” (Sen sinatura 1946n, p. 3).

6

Galicia ratificaba, nese sentido, que era “digno de destacar el hecho de que en el tema de traducciones de poesías francesas e inglesas al idioma gallego, se han presentado diversos trabajos, lo cual demandó suma atención de parte del jurado y un mayor espacio de tiempo para producir el fallo” (A. D. 1946, p. 1).

7

Este documento, xunto con outros que se han citar, está na Biblioteca-Museo Francisco Fernández del Riego. Expresamos o noso agradecemento a Benito Ramírez Abal.

8

Fernández del Riego aventurara, a mediados de 1948, que o libro estaba case listo naqueles días: “Vertida a nuestro idioma, con la máxima solvencia, se imprime en estos días en Buenos Aires una selección de modernos poetas ingleses, franceses y alemanes, realizada por Plácido Castro, Delgado Gurriarán y Tobío Fernández” (Lorenzana 1948, p. 5).

9

É curiosa esta apostila de Antonio Alonso, tras nomear os autores agasallados con Poesía inglesa e francesa vertida ao galego, a propósito do autor mindoniense: “Non sendo o Cunqueiro todos son dos nosos”.

10

Lois Tobío aconselláballe a seu irmán nunha carta do 27 de xuño de 1948, divulgada polo Consello da Cultura Galega, sobre a aprendizaxe de idiomas: “¡¡Y no olvides el estudiar idiomas!! Es muy conveniente por mil motivos. A mí me ha valido más que otros conocimientos, y ello tanto ahí como aquí. Las traducciones me han ayudado a darme a conocer y a vivir, como antes mis conocimientos de francés y alemán me permitieron ganar las oposiciones”.

11

Porén, a sensibilidade de Delgado Gurriarán por esta disciplina evidenciarase en moitos momentos. Nunha carta a Fernández del Riego, do 28 de marzo de 1964, traía a colación por exemplo a necesidade de traducir textos relixiosos: “Outra cousa, ¿non sería doado faguer unha tradución das oracións máis comúns: painosos, salve, etc., ao galego? Pois tendo en conta a eisistenza dunha relixión que está fortemente chantada nas nosas concencias, ¿por qué non precurar que os nosos compatriotas recen na súa fala aos seus santos? Coido que, dado o esprito do novo Papa, non sería imposibre o iniciar algo niste senso; ¿qué opinan os sacerdotes escritores en galego?”. Noutra carta a Ramón Otero Pedrayo, do 30 de decembro de 1952, Delgado Gurriarán fixera saber: “Escribo moi pouquiño, pra ben das Musas, e exercítome no galego con algunhas traduccións; adxúntolle a do «Cemiterio mariño» de Paul Valery”. A copia de tal tradución, con anotacións manuscritas, está depositada hoxe en día na Fundación Penzol, o mesmo que a comunicación epistolar, á disposición dos investigadores.

12

Lois Tobío caracterizaba o dicir poético de Delgado Gurriarán con estes trazos: “Florencio era un poeta dunha sensibilidade exquisita. Se houbera que dicir cara qué escola poética bandeaba, eu tería que dicir que cara á poesía francesa do seu tempo. Non a poesía francesa máis vella, senón a poesía francesa do tempo en que el vivía. Era, nese senso, un poeta exquisito, no sentido máis etimolóxico da palabra. Un poeta sumamente refinado, que coidaba non só a frase senón tamén o espírito, a sensibilidade, o matiz delicado. Tiña pois un senso moi vivo da actualidade, do seu tempo” (Gurriarán 2003, p. 273).

13

Atribuído algunha vez a Arturo Cuadrado, Lois Tobío atestou no seu libro autobiográfico: “[...] tres anos despois serán publicadas nun fermoso volume pola Editorial Alborada precedidas dun limiar que me pediran que fixera” (Tobío 1994, p. 562).

14

O nexo que unía todas estas mostras cimentábase no sentimento da saudade. A través da tradución, Plácido R. Castro tentaba recuperar a identidade galega por medio da rehabilitación deste concepto (Dasilva 2001-2002). En 1928, publicara o ensaio La Saudade y el arte en los pueblos célticos, con prólogo de Manuel Portela Valladares.

15

Nunha entrevista datada nos últimos anos da súa vida, Lois Tobío meditaba, con fonda perspicacia, arredor do desafío da tradución fundamentalmente no dominio poético: “O traductor ten que recrear a obra, tomala como pretexto, ter conciencia de que o que vai facer é unha obra nova, porque está trasladando un mundo a outra lingua, a outro mundo. Hai libros que se prestan máis á independencia do traductor, hai libros nos que se pode estar máis próximo ao texto, depende da natureza da obra e do mundo que traduce. Cun libro de teatro, cunha novela ou con poesía, o importante é coñecer a obra de quen escribe, coñecer o seu mundo literario, saber o significado que a obra que se quere traducir ten en todo ese universo, e logo captar ese espírito e trasladalo. En poesía é onde moitas veces quen traduce ten que facelo todo de novo, captar e interpretar ese sentido, porque a poesía non se pode traducir ao pé da letra” (Romero 1999, p. 39).

16

A tradución deste poeta volvíase dar, ao pouco, en La Noche (Delgado Gurriarán 1950). Logo de case vinte anos, as versións de Lois Tobío e Delgado Gurriarán de “Il pleure dans mon coeur”, de Paul Verlaine, tituladas “Chora o meu corazón” e “Choiva”, facilitaríanse en La Voz de Galicia (Sen sinatura 1965).

17

Non se omitía felicitar o selo que apadriñaba o volume: “Editorial Alborada presenta este libro en tan estupendas condiciones gráficas, tamaño, papel y disposición, que la acreditan definitivamente como la editorial que mejor sirve a Galicia en nuestros días”. Analogamente, aplaudíase o “Limiar” e agoirábase éxito para a obra: “Un sencillo, pero jugoso prólogo, inicia las páginas de este volumen, al que profetizamos una acogida fervorosa entre los aficionados a la buena poesía, y a la cultura gallega”.

18

Plácido R. Castro precisaba das súas traducións, humildemente, que as acometera coa mellor intención: “Do meu propio traballo non me cómpre falar, salvo para decir que foi feito con fondo amor á poesía orixinal e á fala que recibía as traduccións, e para asinalar que me inspirou o mesmo desexo que aos meus compañeiros de facer traduccións poéticas, que son as únicas que me parecen xustificadas”.

19

Nunha carta a Lois Tobío do 22 de febreiro de 1950, posta en circulación polo Consello da Cultura Galega, Seoane aludía privadamente a este texto seu en Galicia: “Recibí el libro que me dedicaste de Poesia inglesa e francesa vertida ao galego que te agradezco muchísimo. Con estas líneas te envío la nota que hice, un poco precipitadamente, sobre dicho libro. No fue hecha con la calma con que pensaba hacerla y resultó bastante floja, pero creo que de cualquier manera puede ser útil para los editores. El tomo en general me parece muy bueno y lo único que noto es la ausencia de algunas noticias sobre los autores y traductores”.

20

Transcorridos uns anos, Fernández del Riego encargábase máis unha vez de honrar Poesía inglesa e francesa vertida ao galego nunha emisión radiofónica da BBC (Lorenzana 1955).

21

Este documento atópase na Fundación Penzol.

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS

A. D. (1946). Resultado del Concurso Literario de la Federación. Produjo su fallo el Jurado. Galicia. 987, 28/XII/1946, 1.

Castro, Plácido R. (1994 [1950]). Dous libros galegos que nos chegan de América. En: Antonio Raúl de Toro Santos, ed., Galicia desde Londres –Galicia, Gran Bretaña e Irlanda nos programas galegos da BBC (1947-1956). A Coruña: Editorial Tambre, 200-205. Programa radiofónico emitido pola BBC o 6 de febreiro de 1950.

Castro, Plácido R., Tobío Fernández, Lois e Delgado Gurriarán, Florencio M. (1949). Poesía inglesa e francesa vertida ao galego. Buenos Aires: Editorial Alborada.

Castro, Plácido R., Tobío Fernández, Lois e Delgado Gurriarán, Florencio M. (2005). Poesía inglesa e francesa vertida ao galego. Vigo / A Coruña: Galaxia / Fundación Caixa Galicia.

Dasilva, Xosé Manuel (2001-2002). O pensamento de Plácido R. Castro sobre a tradución. Viceversa. Revista Galega de Tradución. 7-8, 281-288. Reproducido en: O alleo é noso. Contribucións para a historia da tradución en Galicia. Noia: Editorial Toxosoutos, 2008, 311-318.

Dasilva, Xosé Manuel (2005). Un clásico da tradución galega. Grial. 167, 90-91. Reproducido en: O alleo é noso. Contribucións para a historia da tradución en Galicia. Noia: Editorial Toxosoutos, 2008, 255-258.

Dasilva, Xosé Manuel (2015). Achegas documentais para a biografía de Ramón Piñeiro. Boletín da Real Academia Galega. 376, 465-479. https://doi.org/10.32766/brag.376.487

Dasilva, Xosé Manuel (2022a). O quefacer tradutor de Florencio Delgado Gurriarán. En: Luís Alonso Girgado, Luís Cochón e Armando Requeixo, eds. Estudos arredor de Florencio Delgado Gurriarán. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 41-56.

Dasilva, Xosé Manuel (2022b). Florencio Delgado Gurriarán como tradutor. Entre Walt Whitman e Castelao. Grial. 235, 92-95.

Delgado Gurriarán, Florencio (1950). Queixa dos soldados europeos. La Noche. Suplemento del Sábado. 13, 14/I/1950.

Delgado Gurriarán, Florencio (1951). ¡Ouh Capitán! ¡Meu Capitán!, por Walt Whitman. A Nosa Terra. 475, II, 6. Reproducido en Galicia, 30/XII/1957.

Delgado Gurriarán, Florencio (1952). O cemiterio mariño, por Paul Valéry. Opinión Gallega. 135, 1/VIII/1952, 4-5.

Delgado Gurriarán, Florencio (1968). Barco bébedo. Vieiros. 4.

Gurriarán, Ricardo (2003). Entrevista con Luís Tobío. A Trabe de Ouro. 54, 271-276.

J. R. (1950). Poesía inglesa e francesa vertida ao galego. La Voz de Galicia. 1/III/1950, 5.

Lorenzana, Salvador (1948). Los valores intelectuales de nuestra tierra. La Noche. 24/VII/1948, 5.

Lorenzana, Salvador (1950a). Traducciones al gallego. La Noche. 27/IV/1950, 3. Reproducido en: La Voz de Galicia, 25/I/1961, 3.

Lorenzana, Salvador (1950b). Poesía Ingresa e Francesa, en Galego. Galicia. 30/IV/1950. Reproducido con pequenas modificacións en: Tapal. 9 (1955), 32.

Lorenzana, Salvador (1994 [1955]). Literatura universal na lingua galega. En: Antonio Raúl de Toro Santos, ed., Galicia desde Londres –Galicia, Gran Bretaña e Irlanda nos programas galegos da BBC (1947-1956). A Coruña: Editorial Tambre, 526-528. Programa radiofónico emitido pola BBC o 7 de novembro de 1955.

Romero, Marga (1999). Conversa con Lois Tobío. Galicien Magazin. 8, 36-44.

Sen sinatura (1946a). Importante iniciativa galeguista. A Nosa Terra. 446, III-IV, 6.

Sen sinatura (1946b). O Concurso Literario anunciado pol-a Federación de Sociedades Gallegas. A Nosa Terra. 447, IV-V, 5.

Sen sinatura (1946c). Para conmemorar las bodas de plata de las sociedades gallegas en Argentina. El Progreso. 28/IV/1946, 4.

Sen sinatura (1946d). Certamen literario gallego. Cartel. 10, 10/V/1946, 6.

Sen sinatura (1946e). Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina. Concurso literario gallego a realizarse, con motivo de celebrar el 25º aniversario de su fundación. Galicia. 961, 15/VI/1946, 3.

Sen sinatura (1946f). Bodas de Prata da Federación de Soc. Galegas. A Nosa Terra. 450, VIII, 3.

Sen sinatura (1946g). As Bodas de Prata da Federación de Soc. Galegas. A Nosa Terra. 451, IX, 3.

Sen sinatura (1946h). Vence el 12 de Octubre próximo el Concurso Literario Galego, organizado por la Federación de Sociedades Gallegas, con motivo de sus Bodas de Plata. Bases y premios que se otorgarán. Galicia. 974, 14/IX/1946, 3.

Sen sinatura (1946i). A Federación de Sociedades Galegas cumple 25 anos. A Nosa Terra. 452, X, 7.

Sen sinatura (1946l). El Concurso Literario Gallego. Quedó constituído el Jurado. Galicia. 978, 19/X/1946, 2.

Sen sinatura (1946m). El Concurso Literario de la Federación de Sociedades Gallegas. Galicia. 982, 16/XI/1946, 1.

Sen sinatura (1946n). Concurso Literario da Federación de Sociedades Galegas. O fallo do xurado. Importanza dos traballos premiados. A Nosa Terra. 454, XII, 3.

Sen sinatura (1947). O noso idioma, e os direitivos do Centro Gallego. A Nosa Terra. 455, V, 3.

Sen sinatura (1949). Limiar. En: Plácido R. Castro, Lois Tobío Fernández e F. M. Delgado Gurriarán. Poesía inglesa e francesa vertida ao galego. Buenos Aires: Editorial Alborada.

Sen sinatura (1950a). Libros a la vista. Poesía inglesa e francesa vertida ao galego. La Noche. Suplemento del Sábado. 13, 14/I/1950.

Sen sinatura (1950b). Notas de oír y ver. La Noche. 11/II/1950, 4.

Sen sinatura (1965). Paul Verlaine. Dos versiones gallegas de uno de sus poemas. La Voz de Galicia. 9/IV/1965, 12.

Seoane, Luís (1950). Dos libros editados en Buenos Aires. Galicia. 443, 14-15.

Tobío, Lois (1994). As décadas de T.L. Sada: Ediciós do Castro.