É preciso sinalarmos que a lingua literaria de Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987) é, esencialmente, a lingua viva do pobo, a da xente de Valdeorras, aínda que tamén presenta outros elementos. No plano léxico é onde mellor se percibe esa lingua popular e dialectal.
No proceso de estandarización da lingua, Fernández Salgado e Monteagudo Romero (1995, p. 177 ss.) contemplan catro etapas cronolóxicas: (1) galego popularizante, de comezos a finais do século XIX; (2) galego enxebrizante ou diferencialista, de finais do século XIX a 1936; (3) galego protoestándar, de 1936 á década de 1970; e (4) galego estándar, de final desta década á actualidade.
Concretamente, a lírica do autor abrangue as fases (2) enxebrista, (3) protoestándar e (4) estándar, dado que a desenvolve no transcurso de cinco décadas. Por tanto, desde o seu primeiro poemario ata o derradeiro hai certa muda no léxico que emprega, camiñando desde unha poesía de vangarda hilozoísta moi nutrida en termos propios de Valdeorras e comarcas próximas, e enxebrismos, ata chegar a unha poesía satírica e social-patriótica con diversas referencias culturais, de base máis elaborada e máis característica do galego protoestándar e estándar.
Pasamos agora a debullar as seis características arredor das fontes léxicas1 na lírica de Florencio Delgado Gurriarán (FDG).
1. UNHA LINGUA POPULAR DEPURADA DE CASTELANISMOS E APOIADA PRINCIPALMENTE POLO RECURSO DO PORTUGUÉS
Na escrita do autor asistimos a diversos tipos de fontes de arrequecemento léxico que se afastan do galego común; por unha banda, os arcaísmos conqueriu (C.41), ren (SG.53) e vegada (B.6), que deixan a pegada medieval na lingua do poeta; os diferencialismos almasí (GI.80), outo (B.30) e rube (GI.32); os hiperenxebrismos fror (C.69), gañanza (B.71) e primaveira (C.106); por outra banda, os distintos tipos de lusismos: fonéticos, como aldeia (B.62), anceio (GI.91), areias (GI.75), cadeia (SG.24), candeia (SG.22), ceio (GI.57), centeio (GI.57), correio (B.18), feia (SG.24), seio (GI.45) e sereias (GI.59); gráficos, como nascer (B.55), névoas (SG.43) e povo (SG.16); morfolóxicos, como nubens (C.28) e viver (GI.63), e, sobre todo, léxicos, como alcovita (GI.48), alcouve (GI.59), baptismo (C.144), bigodes (GI.57), brinquedo, (B.59), carregadas (GI.60), grei (C.68), isolado [do francés isoler] (GI.55) e meia (SG.44), cos que enriquece o léxico e se afasta da forma coincidente co castelán.
No tocante ao portugués e en relación coa edición do poemario Cantarenas, FDG tamén manifesta o seu interese polo emprego de trazos valdeorreses semellantes aos da lingua irmá fronte á forma do estándar galego. Concretamente, no que concirne ao uso do plural, tal e como llo comunica ao seu amigo e protector Pepe Gayoso (Gurriarán 1999, p. 332):
Paréceme ben o emprego do plural valdeorrés en ois, tan enxebre e que tanto se achega á variante portuguesa da nosa fala común luso-galaico-brasileira. Penso, como Carballo Calero, Paz Andrade, Rodríguez Lapa e moitos máis, que a salvazón do galego como lingua de cultura está no achegamento ás variantes irmás xa cultivadas, sen perder, non faltaba máis, a nosa enxebreza. Debemos aspirar á universalidade, aproveitando o insino do portugués e do brasileiro, cultivados e oficiais, mais nós temos tamén moito que darlle á FALA.
Naturalmente, o léxico tamén se ve afectado pola presión do castelán; porén, son insignificantes os castelanismos no conxunto da súa obra fronte aos diferencialismos e lusismos, dado que é pretensión do autor afastarse en todo momento desa lingua “hexemónica”. Entre os castelanismos léxicos rexístranse baraxa (SG.38), mortaxa (B.76), que ás veces concorre con mortalla (C.115), parexas (B.34) e roxo (C.24), adaptados á fonética galega, amais dalgún castelanismo morfosintáctico, quenes (B.71), ou gráfico, bermello (GI.56).
2. MARCADA AMPLAMENTE POLOS TERMOS DIALECTAIS DA COMARCA DE VALDEORRAS E ZONAS ESTREMEIRAS E POLAS FORMAS ESPECÍFICAS DA SÚA CONTORNA RURAL
A bisbarra de Valdeorras sitúase no nordeste da provincia de Ourense e está formada por nove concellos: O Barco, O Bolo, Carballeda, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, A Veiga e Vilamartín. Estrema coa comarca luguesa de Quiroga, coas ourensás de Viana e Terra de Trives, coas bisbarras leonesas do Bierzo e da Cabreira, de fala galega na súa parte occidental, e coa das Portelas, concretamente co concello galegófono de Porto, como se pode observar no mapa seguinte.
Isto contribúe a que a fala valdeorresa tamén reciba influencias lingüísticas destes territorios e que as peculiaridades valdeorresas, á súa vez, se espallen a outras zonas próximas nun contínuum dialectal, o que se reflicte en nomes como alpabarda ‘inocente’, avisedo ‘terreo sombrío’, bulleiro ‘lodo’, cachois ‘regos abundantes de auga’, caldeira ‘canle do rego’, cantarena ‘cantarela’, caracocha ‘cavidade nun castiñeiro’, carambelo ‘xeo’, carrúa ‘paso de carros’, cavorco ‘gabia no terreo’, choupín ‘fungo comestible’, conchos ‘noces’, curisco2 ‘vento frío’, fervuro ‘xarope medicinal natural’, folión ‘comitiva musical no Entroido’, gandaia ‘troula’, louxa ‘lousa’, milpéndora ‘ouriolo’, muradella ‘morea de pedras’, pegureiros ‘embutido’, pinchacarneiras ‘reviravoltas’, rebolos ‘carballos’; adxectivos como estordegado ‘torcido’, vougo ‘baleiro’; accións verbais como axotar ‘espantar’, billar ‘poñerlle a billa á cuba’, cochar ‘non chegar á liña no xogo dos bolos’, depinicar ‘comer aos poucos ou facer pouca cousa’, escozomelar ‘proer ou descompoñer’, froxar ‘xirar para atrás co carro’, larafuzarse ‘ensuciarse’, ralbar ‘correr ás presas’, remelar ‘abrir moito os ollos’, rouxar ‘xirar o carro en sentido contrario’… Todas estas formas rexístranse na poesía de FDG.
Concretamente, o valdeorrés garda moita semellanza co vianés no seu conxunto, como ben sinalaba Prieto Rodríguez (1958, p. 13) hai máis de seis décadas:
A fala das terras de Viana difrénciase ben das bisbarras veciñas, menos da de Valdeorras, cua que ten mutas semellanzas, e que, anque ten sinaladas difrencias, se cuadra non bastan para consideralas unha aparte da outra, senón como unha sola forma dialeutal.
Aínda que, máis dunha década despois, no seu estudo sobre o vianés (1973) sinala que no sueste da provincia de Ourense existen formas dialectais do galego moi diferentes do resto da provincia: o vianés, o frieirés e o valdeorrés, glotónimos cos que denominaría as variedades de Viana do Bolo, As Frieiras e Valdeorras, e sinala o seguinte:
En canto ó valdeorrés, os vianeses sabemos ben cando falamos cun valdeorrés, non somentes polas difrencias de léxico; senón tamén pola entonación. Agóra ben, así como o frieirés non hai dúbida en consideralo un dialeto difrente do vianés, non sabemos se eso mesmo o podemos decir do valdeorrés. (Prieto Rodríguez 1973, p. 6)
En xeral, as falas do galego oriental presentan unha grande unidade, pertenzan estas ao leste de Lugo e de Ourense ou ao galego estremeiro, no que se insiren as variedades do occidente de Asturias, de León e de Zamora (Fernández Rei 1990, p. 141).
Partindo desta premisa é preciso destacarmos que varias formas dialectais forman parte ademais, da Terra de Viana e de Trives (Ourense), do galego do Bierzo Occidental e da Cabreira Baixa (León), de Quiroga (Lugo) e, en menor medida, do galego de Porto (As Portelas).
A teor disto, debemos precisar que boa parte do léxico dialectal de Florencio tamén se rexistra na poesía de Fernández Morales (1861), autor astorgano, mais de crianza berciana. Tamén na poesía berciana escolmada por Álvarez Pousa e Costas (2002), onde, ademais da do autor dos Ensayos poéticos en dialecto berciano, se recolle a doutros poetas bercianos. Nesta selección poética, alén dalgúns trazos fonéticos e varios morfolóxicos, rexístrase léxico compartido co da lírica de Florencio: cachón, cavorco, concho, rebolo… Vocabulario que ademais se reflicte no estudo léxico da obra poética de Fernández Morales (Castelo Veiga 2017).
En relación con este aspecto, Álvarez (2017, p. 498) sinala as afinidades do galego berciano da obra de Fernández Morales con respecto ás variedades próximas orientais:
Don Antonio Fernández Morales logrou o seu obxectivo de nos transmitir, nos seus Ensayos poéticos, un espléndido retrato do galego berciano da súa época, moi semellante polo demais ao que aínda hoxe se fala no mesmo territorio. É esta unha variedade do galego oriental, coa maior parte dos trazos compartidos coas que falan os galegofalantes das comarcas luguesas e ourensás veciñas.
Alén disto, na narrativa breve de Prieto Rodríguez (1958, 1968, 1978) rexístranse algúns termos da escrita florenciana, dada a similitude das variedades valdeorresa e vianesa. Amais dalgunhas características fonéticas e morfolóxicas, documéntase léxico compartido: aigue, arelar, caracocha, casoupa, concho, folgar, pegureiro, rebolo, tanguer… Algún deste vocabulario tamén agroma en Cueto (2002), nunhas memorias autobiográficas centradas na Terra do Bolo, así como na obra do poeta Rogelio Rodríguez Díaz (1888-1948), natural de Petín e emigrado a Arxentina.
No tocante á poesía de Novoneyra, estes trazos coinciden en menor medida, xa que algunhas peculiaridades fonéticas e morfolóxicas son compartidas a nivel xeral co autor courelao e tamén algún léxico, dada a coherencia xeral das falas orientais. Non obstante, é preciso salientarmos que o poeta do Courel desenvolve un léxico específico desta zona onde abrollan termos como boubo, brelo, burdiar, candias, carnabudo, cerengo, flairas, loairas, nabarega… (González González 2010, p. 283), que non serían comúns na lírica florenciana.
Como acontece con FDG, cuxa escrita non se fixa unicamente polo galego oral de Valdeorras, a lingua de Novoneyra procede do galego courelao, mais ese patrón non é exclusivo, xa que, como manifestaba el mesmo, a súa lingua estaba influenciada pola procedencia dos seus catro avós onde se mesturaban as diversas orixes do Bierzo, Samos, O Cebreiro e O Courel (Freixeiro Mato 2010, p. 88).
Novo (2004, p. 23), pola súa parte, salienta que a lingua novoneiriana é debedora do galego courelao e do galego familiar como fiel reflexo da autenticidade poética e mais da identidade persoal, postura que daría lugar a un rexistro intradialectal, interiorizado, vivenciado e ontoloxizado no conxunto da súa obra.
Así e todo, algúns termos como cachón, caldeira, carambelo, castañeiro, cavorco, choupín, cochorra, niño, pincheira, ralbar… son comúns na lírica dos dous poetas. No entanto, Nogueira Pereira (2010, p. 194), manifesta que en ocasións o poeta do Courel amosa certa actitude contraria con respecto ao substrato courelao da súa escrita, pois, segundo el, a súa linguaxe literaria representa o conxunto de varios idiomas poéticos, posto que noutras obras se reflicten diferentes estilos como o idioma de vangarda, amais doutros rexistros que se afastarían do estilo da lingua oral, polo que non se debe reducir a visión da súa linguaxe unicamente ao estilo d’Os Eidos. Este aspecto comprobámolo, ademais, tras revisarmos os seus diferentes poemarios (Novoneyra 1955, 1981, 1985, 1986, 1991, 1994, 2010 e 2018).
Consonte o exposto, na lírica florenciana rexístranse termos específicos do valdeorrés, que non serían comúns en zonas próximas, entre eles os relativos á fauna: carrapaxo ‘carracha’ (roienlle as brillas as crabas / cal se foran carrapaxos B.17); chinclo ‘merlo de río’ (do princhaflor, do chinclo e da papuxa C.104); mostaceira ‘paxaro lavandeira’ (do meigo reiseñor, da mostaceira C.104); recoteixo ‘porcoteixo’ (do recoteixo, do lobo e da cegoña… C.104).
De igual modo, nomes referentes á flora: balsaín ‘pexegueiro’ (roxo de balsaís e sangradeiros C.103); cantariña ‘clase de uz’ (de cantariñas, hérbedos e toxos GI.34); cereixón ‘cerdeira’ (de cireixois, loureiros e carpazos GI.34); muleira ‘apóutega’ (nascen as muleiras B.63); sangradeiro ‘pavieiro’ (roxo de balsaís e sangradeiros C.103); soutelo ‘souto’ (nun soutelo / un castiro a apodrecer B.76).
Tamén formas do común: cachopa ‘pipa de fumar’ (e ata o ceo bota chamas / e fume pol-a cachopa B.17); niallo ‘niño’ (o niallo de mostaceiras / do chanteiro das Cortiñas GI.16); sapiño ‘paxaro de cría’ (ten areias i un sapiño C.89); vindimarego ‘vendimador’ (xudeus vindimaregos / terano de apreixar C.22). E mesmo accións verbais: andar ó bago relú ‘rebusca da vendima’ (andar ó “bago relú”, / ós hérbedos i os choupís GI.16); esforciar ‘forzar’ (máis á neve, outrora virxe, / co seu riscar esforciaron GI.24).
Cobo Rodríguez (2022) recolle diversos valdeorresismos na obra florenciana, mais é preciso salientarmos que a maior parte deste léxico non é especificamente valdeorrés, senón compartido nunha zona oriental moi ampla, que en varios casos abrangue, amais de Valdeorras, as variedades próximas berciana, courelá, vianesa e portelá. Respecto a algúns termos que o devandito autor circunscribe unicamente a esta comarca, é mester sinalarmos que tamén se dan en variedades próximas como a vianesa. É o caso das formas calantornia, cantarena, carrúa, fervuro, imalia, muradella, ralbar, sin3…, algunhas das cales tamén son comúns na variedade berciana, polo que o número de valdeorresismos específicos consideramos que é inferior ao marcado polo devandito estudoso.
No tocante ao Cancioneiro da loita galega (2022), no que FDG representa unha parte moi activa, ademais de contribuír coas súas achegas baixo o pseudónimo de Nadel, atopamos unha escrita semellante no que concirne ao léxico empregado no conxunto dos poemarios. Non hai, polo tanto, un cambio substancial respecto do léxico desta publicación dedicada aos mártires galeguistas e cuxa primeira edición veu a lume en México da man do Partido Galeguista en 1943.
A especial admiración de FDG polo valdeorrés quedou patente no dicionario desta variedade que pretendía levar a cabo; e, dada a estancia curta que pasou en Valdeorras, non deixou de recadar datos e de interesarse por cuestións lingüísticas nesa especial ilusión que tiña, posto que era moi consciente de que na lingua inicial que aprendera había formas moi diferentes ás do galego común, aspecto que tamén podemos percibir comprobando o seu rexistro no DRAG e DdD.
Aínda que non se trata de unidades particulares de significado, debemos facer referencia aos topónimos, xa que achegan tamén esa interiorización da fala valdeorresa: Arcos, Baxeles, O Barco, Castelo, Cesures, Correxais, Córgomo, Millarouso, Outarelo, A Portela, Portomourisco, Reporicelo, Veigamuíños, Viloira, Xagoaza…, e reflicten a fidelidade do autor polo ámbito que o rodea, ao tempo que singularizan o conxunto da súa lírica. A este feito debemos sumar os nomes do seu medio máis próximo, as viñas de Chancelo, Moucho, Valsadal e o río de Farelos.
Así mesmo, figuran termos propios doutras variedades que serían alleos ao galego valdeorrés e oriental. É o caso de castiro (C.125) ‘castañeiro’ da área central de transición do bloque central, ou golpe (C.81) ‘raposo’ da área mindoniense do bloque central; mesmo se rexistra algún termo do bloque occidental da área pontevedresa propio de falas da Arousa, tremesiño (B.75) ‘terra moi branda e húmida’, que serían froito da situación de inestabilidade da lingua e o interdialectalismo. Inclusive se documenta algún termo propio doutras áreas do bloque oriental, como castañeiro, propio das áreas zamorana e asturiana e do norte da área oriental-central, de falas do Bierzo e da Cabreira Baixa, que no caso do galego oriental ourensán ten un uso máis restrinxido, xa que se documenta só en puntos de Valdeorras. O ALGa VI, mapa 256, marca un territorio ben definido do seu uso no galego oriental en boa parte das falas galegas de Asturias, Lugo, León e Zamora e parte da comarca de Valdeorras.
3. INFLUENCIA DA TRADICIÓN LITERARIA POR VÍA DO INFLUXO DOUTROS AUTORES
FDG facía constar que o seu galego, ademais de aprendido do pobo, era sobre todo aprendido nos libros, a través das lecturas de autores clásicos, pois o contacto co ámbito labrego que o rodeaba fora curto debido aos numerosos desprazamentos e ao posterior exilio. A biblioteca persoal do autor tamén dá boa conta deste feito, xa que nela se rexistran varias obras de diferentes xéneros, publicacións varias e prensa.
Froito da inestabilidade da lingua no tempo en que desenvolve o poeta corgomés a súa produción, a súa lírica fortalécese, así mesmo, con léxico que entra por vía da tradición literaria da man doutros autores, tal como se aprecia no material do TILG e apuntamos noutros estudos (Álvarez Pousa 2020, 2022a). Algúns dos casos máis significativos son os seguintes:
- Almasí ‘marfil’, lectura incorrecta do medieval almafí, usado por Filgueira, Carballo e Bouza-Brey, entre outros: “tolaxe de tepideces; / almasí morno a tremer; / tenro desleixo de morte / dozura no esmorecer” (B.28).
- Bris ‘brisa’, usado por Curros, Cabanillas e López Abente, entre unha nómina moi grosa e cunha presenza moi notoria na escrita florenciana: “Pol-o heliógrafo do río / pide o ceo a terra estrelas; / e a terra, no tren da bris, / remésallas con urxencia” (B.29). Santamarina (2008, p. 270) refire que o termo está na literatura desde 1884 (Amor Meilán) e que resulta moi frecuente en autores ourensáns como Pérez Placer e Álvarez Nóvoa, polo que podería tratarse dunha forma popular nesta provincia.
- Follax ‘follaxe’ e romax ‘romaxe’, cuxa primeira documentación é de Rosalía: “As candeias, de afrodisiaco cheiro, / pola verde follax agarimadas // Da sombra, na romax, ás muiñeiras. / Alcovita ao malvís nos seus xuntoiros” (GI.48).
- Souril ‘alegre’, cunha ampla representación na lírica florenciana: “Do meu val de biriscas e petrucios / e de nenas souriles e de mozos” (GI.35); “O Merlo, ‘souril viudo’ /a ‘Viuda Alegre’ asubía / inda que vista de luito” (C.112); “No purépecho falar dos teus antergos, / de rechouchía esdrúxulo, / que é souril e lizgairo” (SG.54). A primeira documentación do termo rexístrase en Pintos (A gaita gallega, 1853) e seguidamente en López Ferreiro (O castelo de Pambre, 1895), Nós (1921), Cotarelo (Trebón, 1922), Pita (Jacobusland, 1942) e Otero Pedrayo (O señorito da Reboraina, 1960), entre outros. Trátase dunha palabra polisémica que segundo os contextos e diferentes autores adquiriría o valor de alegre, agradable, agudo ou tranquilo.
- Tremesiño ‘terra moi branda e húmida’, cuxo primeiro rexistro literario é de Cabanillas: “e corren polos camiños / para morrer, afogadas, / na lama dun tremesiño” (B.75).
- Xaruto ‘cigarro’ [lusismo charuto] empregado por Vilar Ponte, Noriega e Fole, entre unha ampla nómina de autores, e cuxo primeiro rexistro se documenta n’O Tío Marcos da Portela (1876): “fora a lingua da boca, cal xaruto bermello / a fumegalos folgos do que corre; o cabelo” (GI.56).
É preciso mencionarmos nesta listaxe o termo arela, que o ferrolán Aurelio Ribalta introduciu en 1910 no galego escrito e con gran fortuna no galego literario, como se rexistra no TILG, pois antes da publicación de Bebedeira está moi documentado, entre outros, en López Abente, Risco, Amado Carballo, Dieste, Cabanillas, Pedrayo ou Blanco Amor, como tamén se rexistra o verbo arelar nalgúns destes autores ou en Castelao. Poida que as formas de FDG sexan literarias; porén, no valdeorrés, como xa se indicou, existe arela ‘desexo’.
O poeta utiliza en Galicia infinda (1963) o substantivo arela “veira da estrada, a debecer na arela / de camiñar e camiñar por ela” (GI.47), “¿Qué arela eu teño do Sputnik, / do Xúpiter, nin de nada?” (GI.88), o adxectivo arelante unha rapaza arelante / escoita, detrás da fiestra” (B.62), e o verbo arelar “ando a conquerir ensoños: / no cabezal do teu peito / arelo durmilos todos” (B.21), verbo que xa empregara en Bebedeira (1934): “reconquerir o castelo / non arela, por agora” (B.72), “arelando un bico / dúas bocas se achegan” (B.65).
Asemade, o autor introduce diversos termos no galego literario que deixarán o seu ronsel na escrita:
- Abollo ‘aborto’: “coa sua comadre xiada / puido amañar un abollo” (B.47), empregado con posterioridade por Gómez Ledo (Cancioeiro, 1953).
- Amerodos ‘froito da amorodeira’: “Madurecen amerodos / na campía do teu peito” (B.23), usado posteriormente por Pita (Jacobusland, 1942).
- Broslador ‘bordador’: “O broslador fogueteiro / brosla cen rosas de fogo / no escuro raso do ceo” (B.30), termo empregado máis tarde en Nós (1935), por Cabanillas (Prólogo Antífona da cantiga, 1951) e por Fidalgo Santamariña (Os saberes tradicionais dos galegos, 2001).
- Cantarenas ‘cantarelas’ con varios rexistros posteriores nas obras do berciano Poncelas Abella (O mestre púxose louco, 1995; e Contos e lendas do Bierzo, 2004): “Cantarenas na noite: foguetes que / alumean, calderois froreados e notas rebuldeiras. Cantarenas risoñas, parafusos / das trevas, arrautadas de mozos que o dormir espaventan” (C.15).
- Cepeira ‘cepas’: “Coma é médico de sona, / ha de cobrarlle ás cepeiras, / abondo no ouro das follas.” (B.51), con varios rexistros no conxunto da lírica florenciana é empregado posteriormente por Pita (Jacobusland, 1942) e Tovar (Arredores, 1962).
- Delourado ‘seco’: “Do meu val delourado polos ventos / e barrufado coa teimosa choiva” (GI.34), cuxo único rexistro é de FDG. No entanto, a forma delourar documéntase posteriormente en Puentes (Aguillóns de Ortegal, 2005).
- Esforciaron ‘forzaron’: “máis á neve, outrora virxe, / co seu riscar esforciaron” (GI.24), cuxo único rexistro pertence a FDG.
- Gateñar ‘subir trepando coma os gatos’: “Vou gateñar ata enriba / e beber, pinguiña a pinga” (B.5), cuxos únicos rexistros corresponden aos dous primeiros poemarios do poeta valdeorrés.
- Mostaceira ‘paxaro lavandeira’: “do meigo reiseñor, da mostaceira, / do princhaflor, do chinclo e da papuxa” (GI. 34), cun único rexistro de FDG.
- Parreiral ‘conxunto de parras’: empregado por Prieto Marcos (Versos, 1943) logo do poeta valdeorrés: “pol-a forca dun arame / o parreiral enforcado / bota a lingua para afora” (B.45).
- Vindimaregos ‘vendimadores / da vendima’: “Xudeus vindimaregos / terano de apreixar” (B.10), cuxa única documentación pertence a FDG.
- Ou inclusive o termo godello cuxo segundo rexistro consta na lírica do poeta valdeorrés, logo de usalo o etnógrafo Xaquín Lorenzo (1962) e a seguir diversos autores: “Casóu don Godello / con dona Mencía / e van pór a casa / polo val das viñas” (GI.25).
4. REFORZADA COA PRESENZA DE ESTRANXEIRISMOS, PROPIOS DE LINGUAS EUROPEAS MODERNAS, PRINCIPALMENTE NOS ÚLTIMOS POEMARIOS
Rexístranse principalmente anglicismos: cities (GI.8), pedigree (SG.5), set (SG.63), towns (GI.8), weekend (SG.53), western (SG.63), e galicismos: balet (C.95), boulevard (GI.63), cabaret (B.43), cartier (GI.64), chambre (GI.64), toilette (B.40); pero tamén algún termo do noruegués: slalom (GI.24). Alén disto, documéntanse algúns topónimos estranxeiros: Hong-Kong (GI.8), London (SG.13), New York (GI.8), Montgomery (GI.59).
No entanto, a novidade e orixinalidade destaca nos “Poemas mexicanos” (Galicia infinda, 1963) onde se rexistran diversos termos da lingua amerindia náhuatl: huapango (GI.71) e sons veracruzanos (GI.69), xéneros musicais; jacales (GI.83), vivenda rústica construída con materiais naturais; jarocha (GI.69), xentilicio de Veracruz; xacarandá (GI.77), planta tropical; xarabe tapatío (GI.73), baile tradicional; tabachín (GI.86), árbore; purépecho (SG.54), lingua dos indios michoacanos, orixinalmente purépecha etc.
Carballo Calero (1981, p. 727) afirmou verbo do léxico destas composicións:
Algús destes poemas son en realidade cáseque bilingües, están escritos nunha especie de creolo galego mexicano, pois é tan considerabre en ocasións o número de voces nahuatles que conteñen, que a súa comprensión cabal esixe certos coñecimentos da fala do país. Non menos ha ser ilustrado o leitor en materia de lingua galega, pois o autor usa moitos termos dialectáis, moi comarcáis e vivos, que non están ao doado alcance do que non nacéu naqueles paraxes en que se formóu a conciencia lingüística do poeta.
Posteriormente, Lama López (1999, p. 751) botou abaixo esta idea, pois, aínda que destaca a orixinalidade dese “crioulo galego mexicano” pola simbiose de culturas, a presenza de voces do náhuatl é moi reducida, limitándose a bailes, instrumentos musicais, plantas, topónimos e xentilicios que axudan a situar o eu lírico dos poemas, polo que non se podería falar rotundamente de linguaxe crioula e de bilingüismo.
Certamente, o seu conxunto, así como a orixinalidade destes poemas, foi o que levou a Carballo Calero a falar desta mestizaxe lingüística, xa que non era habitual nos poetas do exilio nin na época este tipo de composicións híbridas: “Nomes de Michöacan, son garruleiro e lisgairo, Tsintsunsan, Paricutín […] / Nomes da veira do Sil, / Val de Afreixo, Val de Godo, / a Pena da Moura, O Castro […]” (“Nomes”, GI.10).
Mais esta nómina de termos do náhuatl fortalécese coa presenza tamén de topónimos estranxeiros e, sobre todo, mexicanos: Ario, Atotonilco, Manzanillo, Michöacan, Morelia, Sirahuen, Tacámbaro, Tangancícuaro, Tsintsunsan, Uruapan, xunto con orónimos relativos a fenómenos naturais, Paricutín (volcán), ou os hidrónimos Cupatizsio (río) e Sararácua (fervenzas), que axudan a situar o eu poético nese irmandamento especial que realiza o autor entre a cultura galega e a mexicana.
5. MARCADA POLOS CULTISMOS NESE CAMIÑO CARA Á LINGUA ELABORADA
Amais do léxico patrimonial reflectido nas abondosas formas dialectais, a escrita do autor vai evolucionando cara a unha lingua máis elaborada con frecuentes cultismos, principalmente nos últimos poemarios: alcaloide (B.21), ambrosía (C.138), ecuménica (GI.7), cataléptico (GI.31), cenáculo (C.147), receptáculo (C.147). Outros termos constitúen propiamente neoloxismos: os substantivos macadam (GI.7), élitros (GI.79), heliógrafo (B.29), mercadotecnia (SG.70), exiptólogo (SG.70); adxectivos como antibélico (C.147), cacofónico (SG.16), ortopédicos (SG.12), eufónico (SG.16).
Noutros casos, adxectivos como enófilo (C.136) lembran a especial loanza que o poeta valdeorrés realiza dos viños galegos e, en particular, dos valdeorreses, ao tempo que crean termos en relación co descordo da queimada nos poemas dionisíacos de Cantarenas (1981): dipsético, dipsómano, eutrapélico, ledoxéneo, termoxéneo (C.147). Rexístrase, ademais, algún latinismo como Pater Noster (SG.31), resurrexit (GI.12), e tamén algunha locución, homo faber, homo ludens (SG.71). Outras formas, aínda que cultismos, son de uso máis común na lingua: esotérica (C.148), nomenclatura (SG.16), pirómano (C.147), quimérica (C.148), sublime (SG.15).
6. ENRIQUECIDA POLA DERIVACIÓN E A COMPOSICIÓN COMO PROCEDEMENTOS PRINCIPAIS DE FORMACIÓN DE PALABRAS
No tocante ao proceso de formación de léxico, cinguímonos unicamente aos fenómenos máis relevantes na súa obra, o da derivación a través da sufixación e o da composición mediante a combinación de diferentes categorías, xa que supoñen unha achega especial ao léxico empregado polo autor ao crear termos significativos e conferirlle orixinalidade á súa lírica. Baseámonos para este labor no referido no manual de Freixeiro Mato (2006).
Respecto da sufixación apreciativa, destacan principalmente diminutivos en -iño/-a campoliña (B.64), coitadiñas (B.16), currunchiño (GI.7), feituquiño (SG.35), herbiñas (GI.21), manciñas (B.13), manseliño (GI.21), manteliño (GI.31), pinguiña (C.19), pombiñas (B.23), ventiño (C.64), Xoseíño (C.47). Outros diminutivos menos frecuentes son en -ete falsete (GI.70); -echo/-a pequerrecha (GI.87); -ote/-a pequenota (B.80), pingotas (B.5), ricote (GI.55). Noutros casos, estes sufixos dan lugar a formas xa lexicalizadas: -elo/-a rabuñadela (B.87); -olo/-a cachola (C.55), castañola (GI.57).
O elemento diminutivo está presente xeralmente en substantivos e adxectivos, mais tamén se dan casos da súa presenza en formas verbais, como -uxo/-a cantaruxando (C.94). Rexístranse casos de pexorativos a través do sufixo -oupo/-a casoupas (SG.52) e -upo/-a casupas (GI.87).
Verbo da sufixación nocional, o sufixo máis frecuente é -eiro/-a adegueiro (C.150), couteiro (C.113), guerreiro (GI.69), menciñeiro (B.58), quincalleiros (SG.47), en termos relativos a oficios; outros indican colectividade: carballeira (B.49), carpaceiros (B.63), parreiras (C.130); e outros calidades: contequeira (C.44), paroleira (B.35), ou ben se atopan sobre base substantiva ou adxectiva: bacalloeiras (GI.8), charramangueiros (GI.58), churrusqueira (C.73) ou miragreira (C.97). Menos frecuentes son os sufixos en -nte (-ante, -ente, -iente, -inte): arelante (B.62), axexantes (B.67), frondentes (GI.59), namorantes (B.81), queimantes (GI.75), recendentes (B.62), xirxilantes (GI.9). Asemade, rexístranse algúns aumentativos en -ón/-ona peluconas (GI. 56), arañón (SG.34).
A prefixación é menos común; así e todo, documéntanse termos creados por este procedemento: encalexado (B.68), enguedellarte (SG.15), enxorda (SG.13), desfollada (GI.75), innobre (SG.28), supercastrapo (SG.16).
A composición é outro dos procedementos máis destacados na obra do poeta valdeorrés, xa que figuran diversos termos creados a través da combinación de diferentes categorías gramaticais, que lle confiren singularidade ao conxunto do léxico. Así, algúns dos casos máis relevantes de palabras formantes son os seguintes:
- Verbo + substantivo: esmaga-piollos (SG.70), furabolos (SG.70), pinchacarneiras (C.109), princhaflor (GI.34).
- Verbo + verbo: runxe-runxe (GI.78).
- Substantivo + substantivo: bocarribeira (GI. 33), frechas-tentacións (GI.52), pantrigo (SG.5), recoteixo (GI.34), veiramar (SG.29).
- Substantivo + adxectivo: augaforte (C.102), augardente (B.5), herbaboa (GI.70), ourilocente (GI.34), papos-rubios (B.67), salferidos (SG.5).
- Adxectivo + adxectivo: agre-doce (C.25), malva-azul (GI.77), verde-gris (GI.57).
- Adverbio + verbo: malvises (SG.30), nonmeesquezas (GI.34).
- Adverbio + substantivo: semprenoivas (GI.34).
- Adverbio + adxectivo: benamada (C.152), benaventurados (SG.17), benquerido (GI.35), malfadada, malferidos (C.70), malpocados (B.7), maltreita (SG.25).
Cómpre sinalar, por último, outros termos que son inventos léxicos por parte do autor, que resultan de unir a terminación -trapo (de castrapo) aos xentilicios anglo e ianqui, dando lugar ás formas anglotrapo e ianquitrapo (SG.13), ou ás bases fran e xermán, que dan lugar aos nomes frantrapo e xermántrapo (SG.13). Estes termos rexístranse nos poemas sociolingüísticos, dotados dunha gran carga de defensa do idioma galego fronte á uniformización do castelán e con eles podemos falar dun Delgado Gurriarán onomaturgo onde estas formas posiblemente funcionen como hápax en función do motivo social dos poemas, coa misión de equiparar a substitución do galego a procesos semellantes que se darían noutras linguas do mundo, como sería o caso da variedade spanglish. Do mesmo xeito, os termos comentados con anterioridade dipsético, dipsómano, eutrapélico, ledoxéneo, termoxéneo (C.147) tamén nos achegan esa idea de onomaturxia por parte do autor en función da exaltación dos poemas dionisíacos, e onde a xeito de descordo se pondera o proceso da queimada.
CABO
Florencio Delgado Gurriarán retratou a situación sociolingüística na súa poesía e, froito da falta dunha normativa estable nos anos en que escribiu os seus poemarios, botou man de diferentes recursos á hora de desenvolver a súa produción literaria.
Verbo das fontes léxicas nas que se baseou, valeuse fundamentalmente dos seis recursos que se acaban de tratar. Primeiramente, a súa é unha lírica depurada de castelanismos, que resultan irrelevantes no conxunto da súa obra. Porén, rexístranse diversos elementos de enxebrización, a través de arcaísmos, diferencialismos e hiperenxebrismos. Os abondosos lusismos tamén están presentes, principalmente os léxicos, nesa misión por parte de varios autores de apartárense do castelán e crear un modelo literario máis afín ao portugués.
Unha das peculiaridades máis sobranceiras dentro das fontes léxicas son as formas dialectais de Valdeorras, o galego oral do seu Córgomo natal. No entanto, a situación desta comarca do nordeste ourensán, estremeira con outros concellos de Ourense, Lugo, León e Zamora, fai que a maior parte do léxico teña unha continuidade en variedades próximas e resulte común en zonas veciñas, como é o caso do termo cantarenas, que comparten o berciano, o valdeorrés e o vianés.
Non obstante, tamén se rexistra un léxico específico valdeorrés en relación co mundo labrego do poeta, vocabulario que nos achega un bo coñecemento da variedade valdeorresa e que o singulariza no conxunto das falas galegas orientais: amerodos, balsaín, cantariña, mostaceira, muleira, niallo, sangradeiro…
Debido á inestabilidade da lingua no período en que FDG escribe os seus primeiros poemarios, tamén se amosan formas pertencentes a outros bloques lingüísticos, por mor do interdialectalismo, como é o caso dos termos castiro, da área central de transición do bloque central; golpe, da área mindoniense do bloque central, e tremesiño, do bloque occidental, propio de falas de Arousa da área pontevedresa.
Porén, a lingua valdeorresa coas súas formas dialectais, non está illada na lírica de FDG, senón que se complementa con outros medios, como o galego literario que entra na súa produción por vía doutros autores, do que se desprende que hai unha achega léxica influenciada, entre outros, por Rosalía (follax e romax), Cabanillas (tremesiño) ou Otero Pedrayo e Risco (souril).
Alén disto, os estranxeirismos concédenlle unha fasquía de renovación á escrita ao incluír termos procedentes do inglés, francés, noruegués e da lingua amerindia náhuatl coa achega de nomes que designan plantas, topónimos, xentilicios e instrumentos musicais: huapango, jarocha, xacarandá… Resulta singular, xa que logo, a simbiose que o poeta valdeorrés realiza da cultura galega e mexicana enlazando diversos elementos como a paisaxe, os costumes e a toponimia que dan lugar a un irmandamento de culturas.
En xeral, os diferencialismos, aínda que seguen presentes, son menos acentuados nos dous últimos poemarios, onde se vai introducindo un léxico máis anovado debido aos diversos cultismos que depuran o léxico primitivo por medio de neoloxismos, inventos léxicos, latinismos e termos cultos de uso máis frecuente.
No tocante ao proceso de formación de palabras, a lingua do autor rexistra abondosas formas creadas a través, principalmente, do proceso de derivación mediante sufixación, onde os sufixos máis relevantes son -iño como sufixo apreciativo e -eiro como sufixo nocional. A composición establécese a través da combinación de diferentes categorías, sendo algunhas das máis relevantes substantivo + adxectivo e adverbio + adxectivo.
En definitiva, a lírica florenciana ten como alicerce fundamental seis fontes léxicas. Non obstante, o valdeorrés constitúe a peculiaridade máis notoria na súa poesía, por canto o poeta quixo transmitirnos, ademais dunha poesía civil, unha poesía hilozoísta centrada na súa contorna e con abondosas referencias a ela. Este feito é máis patente aínda, dado o carácter reiterativo de varias composicións en poemarios posteriores nas que enalteceu o mundo de Valdeorras a través da fala, a paisaxe, a vida e as xentes, como poñemos de manifesto en Álvarez Pousa (2019, 2022 b), e como se desprende da compilación poética de homenaxe ao autor (Delgado Gurriarán 2002).
Convén a esta altura lembrar o mencionado por Regueira (1993, p. 99) en relación coa lingua literaria. Segundo este autor, a riqueza léxica dunha obra non se mide pola cantidade diferente de palabras que emprega, senón que habería que comprobar se o léxico empregado se corresponde co máis frecuente na lingua e tamén observar cales son os campos semánticos para poñelos en relación coa vontade estética do autor.
Neste sentido debemos precisar que Florencio, amais de poeta social, foi un autor que camiñou decotío coa lingua da súa Terra, achegando o característico da montaña e do ámbito labrego. Constancia desta especial relación coas súas orixes foi seguir tendo presente o seu lugar de Córgomo no conxunto xeral dos seus poemarios.
É por esta premisa que a principal fonte léxica son as formas dialectais valdeorresas que abranguen un territorio amplo na súa maioría, xunto ao galego literario que vai estar presente, inclusive, nos poemarios posteriores pertencentes a outros períodos da estandarización con pequenas variacións.
Xa para rematar, cómpre indicarmos que a poesía de Florencio Delgado Gurriarán é unha oda á comarca de Valdeorras, pero tamén é un himno aos que coma el loitaron por Galicia na fría escuridade da guerra e do desterro. Unha lírica que se expresa na lingua viva do pobo. Cantada na fala do seu Córgomo natal, “de bocarribeira clara no que non anda a Santa Compaña”, dotada de amerodos, amieiros, balsaís, bidos, cepeiras, cereixois, concheiros, chinclos, choupís, felgos, milpéndoras, rebolos, recoteixos e sangradeiros.