Boletín da Real Academia Galega

Núm. 383, pp. 25-51

© 2022. Real Academia Galega

https://doi.org/10.32766/brag.383.817

DÚAS INCURSIÓNS NA EPISTOLOGRAFÍA DE FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN: RAMÓN OTERO PEDRAYO E RODOLFO PRADA

TWO FORAYS INTO THE EPISTOLOGRAPHY OF FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN: RAMÓN OTERO PEDRAYO AND RODOLFO PRADA

Ramón Nicolás
Real Academia Galega
IES Castelao (Vigo)

Resumo: No ámbito das relacións epistolares conservadas de Florencio Delgado Gurriarán destacan aquelas cartas dirixidas a Otero Pedrayo, por un lado, e as que se conservan no fondo Rodolfo Prada da Biblioteca Penzol por outro. Neste relatorio achegámonos aos seus contidos; nalgúns casos documentos relevantes para coñecer a biografía política e literaria do autor de Córgomo, sobre todo no que atinxe á súa actividade como responsable da expatriación a México de numerosas persoas que se exiliaron en Francia tras a guerra civil. No anexo deste artigo exhúmanse os orixinais de boa parte delas.

Abstract: In the scope of the preserved epistolary relationships of Florencio Delgado Gurriarán, the letters sent to Otero Pedrayo, on the one hand, and those in the Rodolfo Prada collection at the Penzol Library, on the other, are significant. This study will assess their contents. In some cases, this concerns documents of relevance for the study of the political and literary biography of the author from Córgomo, above all in relation to his role in assisting with the expatriation to Mexico of numerous people who went into exile in France after the Spanish Civil War. The originals of many of them are displayed in the appendix of this article.

Palabras chave: epistolografía, Florencio Delgado Gurriarán, Ramón Otero Pedrayo, Rodolfo Prada.

Key words: epistolography, Florencio Delgado Gurriarán, Ramón Otero Pedrayo, Rodolfo Prada.

Teño a convicción de que boa parte da nosa memoria radica nas afortunadamente aínda abondosas relacións epistolares conservadas. Os epistolarios constitúen unha fonte extraordinaria para poder explicar o que aconteceu, para poder entender o pasado e como este condicionou e condiciona o noso presente.

Boa parte das investigacións de carácter biográfico sobre Florencio Delgado Gurriarán, editadas antes e ao longo deste ano 2022, como é lóxico e natural, beberon desas fontes, e penso na relevancia que ten este recurso na biografía referencial de Ricardo Gurriarán (1999, reeditada en 2022) sobre a figura homenaxeada. Nesta ocasión oriento a miña participación neste simposio cara á exhumación, e breve comentario, de parte do corpus epistolar de Delgado Gurriarán ao que tiven acceso. Un corpus, ao meu ver, inzado de interese e depositado nos fondos da Fundación Penzol, institución a quen aquí agradezo as facilidades para a súa consulta e reprodución (neste último caso boa parte del incorporado no anexo deste relatorio).

Centrareime, así pois, en dous conxuntos de cartas con características diferentes e situados de épocas distintas. En primeiro lugar, repararase naqueles textos conservados da relación epistolar que Florencio Delgado Gurriarán mantivo con Ramón Otero Pedrayo e que se estende no período que vai de 1952 a 1965. Este conxunto acada unha cifra limitada —cinco cartas conservadas, aínda que é ben posible que existisen algunha máis— das que non nos resultou posible acceder ás respostas do propio Otero Pedrayo. Con todo, estas cartas permítennos obter algúns datos de certo interese do poeta de Córgomo, sobre todo de carácter biográfico.

Na primeira das cartas, manuscrita e asinada en Guadalaxara o 30 de maio de 1952, Delgado Gurriarán esténdelle a Ramón Otero Pedrayo as súas felicitacións por acadar a cátedra na Universidade de Santiago. Ao tempo, sublíñalle que é un lector apaixonado dos artigos que espalla nas diversas revistas ás que ten acceso e agradécelle unha cita que fixo del nunha conferencia que ditara no Liceo de Ourense, organizada polos Montañeiros de Galicia, segundo puido saber a través do seu curmán Gonzalo Gurriarán. O interese da carta céntrase na vontade de lle explicar ao seu interlocutor epistolar como é o país no que vive e, para iso, reproduce o poema “Xarabe Tapatío”, nome dunha danza da que sinala que “lembra un pouco á nosa muiñeira” e que, en 1959, publicaría no primeiro número de Vieiros (México, 1959), para, posteriormente, integrala como unha composición máis da sección “Poemas mexicanos” de Galicia infinda (1963)1. Na presentación do poema apunta que o compuxo “nun intre de lecer” e que para el constitúe uns “aleluias xeográficos ou refraneiro da Nova Galiza”. O poema claramente está na orixe das versións posteriores con mínimas variantes, como a aparición de dous versos novos como son o terceiro: “milleiros de Melibeas – con feitizos de sereas”, ou o derradeiro (“E istas son bariles leendas, – de: 'Ai, Xalisco, non te fendas'!”) e algunha variante menor (“pai do tequila” no canto de “nai” na versión definitiva).

Na devandita carta ofrécelle algúns datos de carácter máis persoal que subliñan a galeguidade da súa vida cotiá. Afirma: “Estou casado e a miña dona é galega polo «ius sanguineo» e polo sentimento e formación, pois viveu na Terra; os meus catro cativiños tamén se sente enxebres”. Engade, por último, e ironicamente, que “escrebo moi pouquiño para ben das Musas”, ademais de sinalar que se exercita no galego con algunha tradución, entre elas a do “Cemiterio mariño” de Paul Valéry da que lle adxunta a Otero unha versión que non se conserva. Como é sabido (Vilavedra 2022, pp. 56-57), esta tradución vería a luz dous meses despois, na publicación semanal Opinión gallega, de Buenos Aires, en agosto de 1952, e na revista Grial no ano 1969 (nº 23).

Na segunda carta deste corpus, tamén manuscrita e datada o 11 de Nadal de 1955, case dous anos despois da anterior, alén de consideracións de menor interese acode de novo á dimensión máis persoal ao confesarse deste xeito: “Eiquí sigo co mesmo traballo de axente de Laboratorio, traballo que me da para vivir e manter os meus cinco cativos, aínda que non vaia moi de acordo co meu temperamento”. El, coido, sempre foi consciente de ser un exiliado, e un exiliado agradecido á nación que o acolleu. No seu discurso de ingreso na Real Academia Galega como académico correspondente (2022, p. 15) sinala: “O noso exilio, que non nos desvencellou da Terra, foi bo para nós e para a nazón que nos acolleu. Houbo moitas e diferentes opinións sobre nós na terra anfitrioa, mais se fixésemos un inquerimento sobre eles comprobariamos que foron máis e mellores as favorábeis”.

Case un ano e medio despois, o 21 de abril de 1957, con Otero xa en Ourense, faille chegar unha carta na que lle comunica o seu pésame polo falecemento da súa nai e xustifica o seu silencio epistolar por un accidente automobilístico que sufriu co seu fillo Lucio, que daquela contaba con cinco anos de idade. Segue a cultivar as fórmulas de despedida habituais nas relacións epistolares de preguerra, como “irmán na Terra”, distintivo da irmandade, na que aínda acreditaba, do galeguismo republicano.

Poucos meses despois, en novembro de 1957, asina unha carta co cuño do Hotel Sierra de Alica, en Tapic, Nayarit —establecemento hostaleiro que aínda existe e cunha aparencia moi semellante, sospeito, á de hai máis de cincuenta anos— na que lle solicita unha colaboración para a revista Vieiros nos seguintes termos: “a quen consideramos a figura máis representativa das letras galegas de agora e tamén o noso mestre e guiador benquerido”. A devoción e o respecto que Delgado Gurriarán e o equipo de Vieiros cultivan respecto da figura de Otero gozan dunha resposta afirmativa á devandita petición, de maneira que no primeiro número da revista, tras o texto inicial titulado “Alicerce”, que é unha declaración de intencións, incorpórase o texto “Noite compostelán”, asinado en Trasalba en 1959, que vén ser, ao meu ver, un novo “Alba de groria” talvez aínda pouco explorado e comentado na súa función de texto inzado de claves simbólicas e proxectado a un presente concreto.

A derradeira carta que manexamos —aínda sospeitando que é ben posible que existisen máis— data do 10 de marzo de 1965 e é a única mecanografada (no anexo, carta nº 1). Nela felicítao polo seu aniversario, mais fala tamén en representacións de dous “irmáns” que, como sinala, “comparten comigo o desterro —relativamente dóce— na Nova Galiza: o licenciado Mosquera e Ramón Esturau, de Santiago e da Mahía, respeitivamente”. Alén diso, a misiva oriéntase cara a unha valoración respecto da recepción da súa obra literaria, pois confesa sentirse desenganado arredor do seu Galicia infinda, publicado dous anos atrás, que considera “pasóu sin deixar ronsel”, ao que engade “non é cousa de pórse a chorar por iso”. Si comparte con Otero unha visión un tanto crítica respecto da obra dos “novos”, aos que aconsella, cito literalmente, “tomaran un pouco mais en serio a fala e foran un pouco menos «esotéricos» no seu xeito de expresarse”, malia recoñecer o que denomina “a espléndida froración das nosas letras”.

O outro corpus epistolar do que queremos dar conta aquí componse dun total de once cartas e outros documentos, que se distribúen ao longo do período que vai do 18 de febreiro ao 26 de abril de 1939, isto é, unha fase na cal Florencio Delgado Gurriarán desenvolve labores de responsabilidade política e humanitaria en Barcelona e París. Dentro dos primeiros, Xesús Alonso Montero (2022, p. 42) apunta que en Barcelona “axiña foi incorporado á Subsecretaría de Armamento e, logo, ó Servicio de Información Perfiérica”. Ao fío do que sinala Ricardo Gurriarán (1999, pp. 135-136), Florencio Delgado entrara uns meses antes —finais do verán do 1938— a formar parte da Executiva do Partido Galeguista que “tiñan a sede do partido na rúa Fontanella, 9, 1, 2º A, en Barcelona, nun local cedido pola Generalitat” (1999, p. 134). O seu biógrafo apunta que, malia non comentar aos seus achegados que desenvolvía responsabilidades e cargos políticos: “levou a cabo importantes tarefas políticas”, e engade con moito tino que “ó gozar da confianza plena de Castelao, fixo que se lle encomendaran labores dentro do PG de gran relevancia”.

Detéñome nesta afirmación pois aquí pode comezar a descrición e comentario do corpus epistolar “Rodolfo Prada” en relación con Delgado Gurriarán e depositado na Fundación Penzol. De feito, este conserva unha carta enviada por Delgado Gurriarán a Castelao, con data de 24 de Nadal de 1938, en papel timbrado da Generalitat de Catalunya (Comissariat de Propaganda) e co cuño da “Segredaría” da Xunta Executiva Xeral do Partido Galeguista. Esta carta, reproducida no anexo (carta nº 2), dalgún xeito, parece estar en relación con outra que rescata Ricardo Gurriarán e reproduce no apéndice da súa biografía (1999, pp. 414-419). En efecto, na carta rescatada por Ricardo Gurriarán e asinada o 19 de febreiro de 1939, Castelao, antes de partir con Luís Soto desde A Habana cara a Nova York, subliña a relevancia dos traballos feitos a prol da denominada S.: probablemente “Solidariedade Galega Antifeixista”. Na que envía Delgado Gurriarán a Castelao, depositada no fondo Prada, Florencio evidencia unha proximidade e total confianza coa figura política e humana do seu interlocutor. Nela felicita, en nome da Xunta Executiva do Partido, o seu labor propagandístico desenvolto en Cuba e nos Estados Unidos de América dos que están moi satisfeitos, pois: “como irmáns de ideal, consideramos os teus éxitos coma éxitos nosos e, coma galeguistas, vemos n’eles o trunfo da Terra”. Mais, deseguido, apón o que denomina un “reproche de irmáns”, exposto nestes termos:

compre, en nome da Xunta, dirixirche unha queixa. E esta (sic) motivada â túa falla de contacto connosco: nin unha carta, nin un telegrama, nin rén. Sabemos que o constante trafego de viaxes e desprazamentos non che deixaría moito tempo para comunicarte coa Xunta, mais cabía agardar que de vez en cando, te dirixiras a ela.

Engádese, finalmente, nesa carta a intención de organizar un ciclo de conferencias para apoiar o quinto dos —reproduzo— “ademirábeles 13 puntos do Dr. Negrín, cô que se fará laboura republicán e galeguista ao mesmo tempo” para o que se recaba a súa opinión, isto é, aquel que rezaba “Libertades regionales sin menoscabo de la unidad española”, dentro daquel programa político conciliador rexeitado por Franco.

Fóra desta carta anterior, no fondo epistolar ao que nos asomamos, rastréxase un intercambio de misivas entre Delgado Gurriarán, nalgunhas ocasións coasinándoas xunto con Ramiro Illa Couto e Carlos Tomé —seis en total—, e Rodolfo Prada, que lle fai chegar catro cartas que procedemos a analizar. Ao meu ver, gozan de inequívoco interese pois, agás unha, é un material inédito e ilumina as brétemas deste período, no cal, en misión oficial do goberno republicano e con visado emitido polas autoridades francesas, vai implicarse con denodo no labor de prestar axuda humanitaria aos galeguistas e galegos en xeral recluídos nos campos de concentración franceses. Velaí como, por volta de febreiro do ano 1939, establecido en París, elabora un programa de axuda aos exiliados no cal interveñen, en diferente medida e ademais del mesmo e de Rodolfo Prada, outras persoas como Castelao, Ramiro Illa Couto, Seoane, Suárez Picallo, Mosteiro, Antón Baltar, Miñores ou Pérez Guerra, aquén e alén mar, e cuxo primeiro paso é o a redacción dunha listaxe dos galegos recluídos nos campos de concentración franceses. É a época na que o seu biógrafo sinala que abraza estes obxectivos:

encetar conversas con entidades oficiais francesas, negociar cupos de evacuación —dificultosas para o PG dada a súa capacidade organizativa e a dispersión, xunto coa representatividade cativa que tiña fronte ós grandes partidos e as súas asociacións para proceder ó traslado— e servir de coordenador das xestións que Castelao e Soto estaban facendo en América (Gurriarán 1999, p. 136).

Ricardo Gurriarán incorpora igualmente na súa biografía (1999, p. 413) unha carta dirixida a Rodolfo Prada, a primeira deste corpus, datada en París o 18 de febreiro de 1939. A copia que nós consultamos é exactamente igual, coa diferenza de que vén asinada por Florencio Delgado e por Ramiro Illa Couto cunha dedicatoria manuscrita que reza “Unha aperta saudosa” e tres apuntamentos a lapis que rezan “Villar Pellit”, “Izq. Rep.” e “Elpidio Villaverde”. Nela referénciase unha carta anterior, do día 11 dese mes e non conservada, na que agradece —como así foi— que a carta que arriba citei fose entregada a Castelao. Esta carta (carta nº 3) é verdadeiramente dramática no que atinxe á necesidade de pór en marcha un programa de protección aos galegos. Subliña o contacto que Picallo e el mesmo manteñen co Frente Popular Galego de Nova York a través de Mosteiro e Ernesto Pérez Guerra, alén de reclamar a Castelao a súa axuda organizativa. E, tras comunicarlle o propósito de realizar unha listaxe de galegos ingresados en diversos campos de concentración, engade a necesidade de axuda para procurar unha saída dos refuxiados cara a algún país de América e proporcionar medios para embarcar. Conclúe apuntando as situacións delicadas de Ramón de Valenzuela, dos fillos do xeneral Caridad, de Martínez López, Plá, López Durá ou Calros Tomé, ademais de solicitarlle a Prada que contacte con Héctor González, curmán seu que vive en Buenos Aires, para que o axude nas encomendas, non concretadas, que anteriormente lle solicitara e logo comentarei.

En todo o corpus manexado, que rastrexa as dificultades para levar a cabo este labor, non se citan nin sequera unha vez as sociedades que o Goberno Español dispuxera —a JARE e a SERE— para a evacuación dos refuxiados republicanos, o que evidentemente confirma a apreciación que Ricardo Gurriarán (1999, p. 151) apuntou no seu día: “Os galeguistas víronse desamparados en Francia xa que os organismos creados polo Goberno da República pouco contaban co PG”, e, de feito, de non existir o apoio da emigración galega, onde cumpriu un papel fundamental, ademais de Castelao, o propio Rodolfo Prada, non se conseguirían nin unha mínima parte dos obxectivos humanitarios que finalmente se acadaron.

Velaí como na carta manuscrita que Delgado Gurriarán lle envía a Rodolfo Prada, datada o 11 de “marzal” de 1939 (carta nº 4), aínda é máis dramática. Nela indica que adxunta unha carta mecanografada (carta nº 5) para que “fagades copias e as remitades aos outros grupos de América, Montevideo, etc., así como aos galeguistas illados, pois facelo directamente dende aquí resúltanos moi caro” e da que logo se falará. Nesta do 11 de marzo relata verdadeiras situacións dramáticas, como a acontecida a Xoán Xosé Plá, secretario do Grupo Galeguista de Viveiro en 1936 e que logo participou na creación das Milicias Populares Galegas, sendo secretario de asistencia de Solidaridade Galega Antifeixista. Tempo despois, Plá incorporaríase ao maquis e, logo da liberación de Francia, estableceríase en Montauban. Plá foi vítima dun roubo que imposibilitou o seu embarque e o da súa parella cara a México, o que acabou por lle provocar unha crise cardíaca pola que tiveron que hospitalizalo. Na misiva Florencio pídelle axuda con urxencia a Prada para Plá e solicítalle que contacte co seu curmán Héctor González, para viaxar a Buenos Aires, rogándolle que o axude “nas súas xestións”, pois “esto ponse cada vegada máis mal para nós”.

Esta última carta, como sinalei, acompáñase doutra mecanografada coa mesma data que supón un capítulo relevante na biografía de Delgado Gurriarán. Nela detalla a situación naquel momento dos refuxiados. A carta parte dun feito asumido cifrado no comezo da mesma: “A perda da guerra trae como consecuencia fondos problemas que compre resolver con urxencia”. Velaquí a relación de casos coñecidos por Florencio Delgado Gurriarán:

Hai espallados nos campos de concentración, moitos irmans nosos. Ate agora temos localizados aos seguintes: Ramón de Valenzuela, Amparo L. Jean, Elixio Rodríguez, Horacio Casas. Os irmáns Caridad (fillos do xeneral fusulado (sic) na Cryña (sic) ao comezo do movimento), Ramón Cabanillas fillo, Roxelio Rodríguez de Bretaña, Isidro Puga Álvarez e alguns mais. Hai outros como Xohan Xose Pla e Calros Tome que estan fora dos campos, mais que se atopan nunha situacion de inseguridade por falla de documentacion. Martinez Lopez atopase en Perpignan e Ramiro Illa Couto mais eu en Paris.

Ademais esiste o problema dos galegos en xeral, xa que son moitos, cecais uns milleiros os que se atopan eisiliados en Francia. Estamos facendo as listas d-eles co ouxeto de facilitar calquera traballo d-axuda a eles.

A carta continúa a expor o problema dos refuxiados e recoñece que recibiron información con recomendacións para as futuras xestións nun cablegrama asinado por Castelao, Marcial Fernández —socialista galego— e Suárez Picallo diante de representantes do “Partido Nazonalista Vasco”. Estes non contemplaron esa posibilidade malia a existencia de 5.000 vascos nos campos de concentración. Daquela engade que solicitaron aos asinantes do cable unha solución “que non debe ser outra que o traslado a America de todol-os que non poden repasar [sic] a Peninsua” e demandan “un delegado para traballar eiqui, con amplas facultades para obrar”. Alude, ao mesmo tempo, a un plan de acción exposto en carta de Rodolfo Prada do 11 de febreiro, que non nos foi posible atopar, insistindo na necesidade dunha actuación inmediata para a “resolución do problema dos galegos” e ollar “con preferencia aos irmans exiliados”, subliñando que “dentro da desgracia que supon a perda da guerra”, talvez esta tarefa sexa, e reproduzo literalmente, “a mais doada para chegar a unidade de todos os galegos d-esquerda baixo unha bandeira galeguista e republican”.

O 18 de marzo de 1939 responde Rodolfo Prada á carta de Florencio. Deita nela (carta nº 6) información valiosa que explica á definitiva imposibilidade de que o poeta se estableza en Buenos Aires:

De seguida fun persoalmente a visitar a teu parente D. Hector Gonzalez a quen lle fixen entrega da esquela que mandabas pra él. Díxome que istaba arranxando pra ver de che faguer algún envío de fondos. Il persoalmente parés que non se alcontra en situazón desafogada, a causa d-unha longa enfermedade que rematóu con intervenzón quirúrxica que lle coméu moitos cartos. Pro me dixo que a tua parenta Maria istá ben de cartos e que coida que che ha de axudar. Pol-o que fai o teu viaxe a iste pais, o choio é moi difícil, senón imposibre, pol-o d-agora. Iste pais ten pechada a inmigrazón, e somentes permiten entrar aos que veñen coa documentazón visada por Consul Arxentino en base a contratos de traballo en carauter de técnicos especializados en algo. O contrato de traballo ten que istar feito por casa ou industria de responsabilidade instalada eiquí. Istá a considerazón da Presidenza d-ista Repúbrica unha petizón que lle foi elevada por un fato de outas persoalidades d-eiquí (de toda crás de color político), no senso de permitir a entrada ao pais a inteleutaes, artistas e nenos españoles dos que istán refuxiados en Francia. Téñense poucas espranzas de que a resoluzón sexa favorable, xa que iste goberno entrou en relaciós con Franco e a sua tendenza e moi dereitista. Si algunha novedade favorable houbera sobor do particular, eu che avisaréi de contado.

Alén de comunicarlle que segue sen noticias de Castelao e de Suárez Picallo, e de facer un canto á necesidade de xuntar “esforzos, ideas e plás pra axudar aos irmáns necesitados e pra refacer a eistrutura do Partido que non debe, non, morrer...!”, Prada coméntalle que sabe que a carta que el redactara para Castelao chegou ás súas mans e que repartiu a misiva informativa tanto ao Grupo Galeguista de Buenos Aires coma ao de Uruguai. Tamén subliña que “as miñas xestiós ante a Federación de Sociedades Gallegas e o Comité Orensano Leal istán doando o seu froito”, de maneira que este último xa dispón de 20.000 francos dos que el mesmo se responsabilizará do envío e respecto do que apunta: “Dende logo faréi canto poida pra que vosoutros os galeguistas teñades a preferenza e para que os envíos se fagan pol-o intermedio teu” e informa da partida de axudas para Xusto Couto, do Grupo de Ourense, en Bordeos, e ao irmán Plá da súa propia man e de dous coterráneos, Alvariños Chao e Xosé Domínguez.

A carta conclúe cunha demanda moi concreta e que ten moito sentido: solicítalle que lle faga chegar unha listaxe “de irmáns galeguistas e de valores galegos [sic]” e insiste en que “indiques, ademais das suas señas, o lugar da Galiza de onde son. Iste último dato é moi bó pra intresar na axuda aos veciños de cada cal”.

O papel de Prada neste desafío é crucial xa que, en carta dirixida a Delgado Gurriarán catro días despois, o 22 de marzo de 1939, faille chegar a París unha carta e un documento (cartas nº 7a e 7b). A misiva concreta o envío de 4.000 francos recollidos polo Grupo Galeguista de Buenos Aires e, asumindo que todo esforzo é pouco, engade que o Comité Orensano Leal enviará 20.000 francos e o Comité da Federación de Sociedades Gallegas —por suxestión de Seoane, Colmeiro, Baltar e del mesmo— designará en París outro comité para axilizar as axudas, que estaría composto por Florencio Delgado Gurriarán, Illa Couto e Germán Vidal.

O documento que engade esta carta é, ao meu ver, extraordinariamente relevante. Baixo o título de “Lista de refugiados gallegos localizados en Francia”, en castelán, responde á referencia da carta na que di: “tamén che mandaréi lista de irmáns e outros galegos que istán escribindo a nosoutros dende difrentes campos de concentración de Francia”. A listaxe, agás dalgúns intelectuais, recolle o nome e os apelidos dos refuxiados e o lugar de orixe de cada un: once persoas acollidas no Centre d’Hébergement de Réfugiés Espagnoles de Montelieu, preto de Carcasona, e outras persoas en domicilios particulares en París, Grenoble, Árgeles-Sur-Mer, Beziers-Hérault, entres as que se atopa unha única muller: Emerenciana Patiño, que sitúan no Campo de Verdún, Ylle-et-Vilaime, Rennes, que foi estudada por Aurora Marco. Emerenciana Patiño, natural de Noia, xunto con Manuel Figueroa, conseguiu que vinte e tres persoas, nunha fuxida organizada por un comité clandestino da CNT, subiran a unha barca na Coruña e chegaran ao peirao de Brest, en Francia. Patiño faleceu no ano 1989 en La Grand-Combe, na rexión do Languedoc-Rosellón, onde se radicou.

Un capítulo especial merece nesta listaxe a referencia que se fai de Lorenzo Varela, José Otero Espasandín e Rafael Dieste. Destas voces relevantes no noso sistema literario dise: “La dirección de estos tres es: c/o monsieur Jean Richard Bloch, «La Merigotte», Poitiers (Vienne)”2.

Sería de inequívoco interese afondar na figura de Jean Richard Bloch, que abriu a súa casa para acoller estes tres intelectuais. Bloch (París, 1884-1947) foi un xornalista, historiador, político e escritor antifascista que participou na guerra civil no bando republicano, experiencia que recolleu no libro España, España (1936). Casado con Marguerite Herzog, irmá de André Maurois, a súa filla, France Bloch-Sérazin (1913-1943) foi unha militante comunista francesa que perdeu o seu marido, un activista no campo da metalurxia, asasinado pola Gestapo en 1944. Ela foi executada por un tribunal militar alemán en Hamburgo. O fillo de ambos os dous, Roland Sérazin (1940-2020), salvouse grazas a unha coidadora e aínda asistiu á inauguración da casa familiar reformada de La Mérigote3, en Poitiers, o 9 de febreiro de 2019, mercada polo concello e denominada “Vila Bloch”, para residencia de artistas que exerciten, explicitamente, a liberdade de creación, recuperando a súa tradición, pois por alí pasaron, en réxime de acollida ou refuxio, intelectuais como Georges Duhamel, Jules Romains, André Maurois, Louis Aragon, André Gide, Henri Barbusse ou Diego Rivera, e moitos refuxiados políticos do nazismo e do franquismo, chegando a ofrecerlle a casa a Antonio Machado, que non puido chegar a ela. Na casa recolleu colaboradores da revista Hora de España, onde estaba Dieste, mais tamén Gil-Albert, Antonio Sánchez-Barbudo e Arturo Serrano Plaja.

Retornando ao corpus epistolar, a anterior misiva goza dunha resposta redactada tres días despois e asinada por Delgado Gurriarán, Ramiro Illa Couto e Calros Tomé (carta nº 8). O máis substantivo dela é a confirmación da chegada de 500 francos para Xohán Plá e 2.100 para Ramón de Valenzuela “que lle envían os de Bandeira”, e que sinala se atopa no campo 13, grupo 7, de Saint Cyprien. Engádese na carta, tal e como se sinala, unha lista “de galeguistas e simpatizantes que teñen realmente necesidade de ser axudados” pero que non se conservou. Tamén apunta o infrutuoso resultado das conversas cos vascos, a ausencia de noticias de Castelao e Picallo e unha nota, manuscrita, na que Delgado agradece as xestións feitas diante do seu parente bonaerense.

O corpus complétase cunha carta (carta nº 9), asinada por Rodolfo Prada o 29 de marzo de 1939, nas vésperas do célebre comunicado franquista que anuncia a fin da guerra. Nela, bastante extensa, asume que tomou corpo oficialmente a proposta para nomear un comité conformado por Delgado Gurriarán, Ramiro Illa Couto e Germán Vidal como responsables da distribución dos fondos recadados, que poden ascender a uns 150.000 francos, derivados inicialmente ao Comité de Socorro Internacional para logo seren transferidos, segundo o que o Comité acorde, coa indicación de prestar socorro nesta orde:

galegos da Fronte Popular que pol-a sua autuación relevante ao servizo da Repúbrica, corran maor peligro no caso de ser devoltos a Hespaña pol-o goberno francés; aos artistas e inteleutaes, etc que constituian verdadeiros valores para o maña de Galiza; aos que, por razós moi especiales, conveña por a salvo. [...] Dende logo que debedes vosoutros tres incruirvos, quedando pra ela relevados da obriga de posposición que a vosa delicadeza vos ditará. Vosoutros tres sodes homes que aos galegos de esquerda lles convén por a salvo pol-o moito que podedes rendir pra causa da libertá da Galiza.

Sinala, na mesma carta que envía, unha listaxe dos galegos dos que teñen noticia en Buenos Aires que non se conserva, a non ser que sexa á que antes nos referimos, e completa o máis substancial da mesma sinalando que, tras carta recibida de Castelao, el mesmo será quen se vai responsabilizar de xestionar o permiso de entrada en Arxentina do autor de Sempre en Galiza.

O 5 de abril de 1939, xa rematada, e perdida, a guerra, Rodolfo Prada, insístelle en información xa coñecida anteriormente (carta nº 10) con dúas referencias interesantes: a primeira é que é sabedor de que saíra “un persoeiro do Frente Galego Antifeixista de Nova York pra París co encárrego de orgaizar a axuda aos galegos elí refuxiados” e que o Comité Orensano Leal xira 20.000 francos pero a favor do denominado “Comité Internacional de coordinación e información” —que sospeito debe ser o oficialmente chamado “Comité Internacional de Coordinación de la Ayuda para la España Republicana”, presidido por Víctor Basch, da Liga para os Dereitos do Home, e polo científico Paul Langevin—, comité ao que se adheriron intelectuais como André Malraux, Henri Wallon, Irene e Frédéric Joliot-Curie, Jean Cassou ou o propio Jean-Richard Bloch. Este comité desexaba “lle dar preferenza, dentro do posibre, as xentes que sexan da provinza d-Ourense”. Ao contrario, a Central Galega da Federación de Sociedades Gallegas remite o xiro a nome de Florencio, Ramiro Illa Couto e Carlos Tomé directamente para axilizar a chegada das axudas, coa petición expresa de que informen ás dúas asociacións do seu labor humanitario.

O 11 de abril de 1939, Ramiro Illa Couto e Delgado Gurriarán responden á última (carta nº 11), que ten un carácter protocolario, para confirmar a chegada dos fondos e cuestións e na que se refiren a unha listaxe —a segunda— de galegos refuxiados que, lamentablemente, tampouco non se conserva.

Por último, a derradeira carta conservada neste fondo (carta nº 12) data do 26 de abril de 1939 e nela Rodolfo Prada infórmao de novas remesas económicas en preparación: o Comité Orensano Leal dispón de entre 10.000 e 20.000 francos; a Central Galega da Federación de Sociedades duns 100.000 francos e os galeguistas realizarán outro envío, xa que “istamos aforrando e xuntando de porta en porta”. Prada, ao mesmo tempo, diante de certos receos que xera a súa actuación, confesa que “fixen forza co Central Galega e co Comité Orensano para que, sin máis, deixasen de cotizar no Comité Nacional de Ayuda a España, e fixeran, en troques, os envios direutos a vosoutros”.

Finalmente, incorpora unha apreciación interesante, coa que remato a miña intervención, vinculada cunha petición de axuda para a escritora Consuelo Berges, figura respecto da que resultaría importante afondar na dimensión exacta que gozou o seu achegamento ao galeguismo en Buenos Aires. Desta escritora, xornalista incendiaria de pensamento libertario, feminista e tamén tradutora, sabemos da súa estadía en Buenos Aires no ano 1929, onde colabora con El Diario Español e mais La Nación, alén de trabar amizade con Alfonsina Storni, Norah Borges e Ana María Benito, entre outras. Será tamén en Buenos Aires onde publique en 1930 o seu primeiro libro, Escalas, do que renegará máis adiante. Sinala, así, Prada:

Hoxe permitínme facer un xiro aéreo a nome teu por 200 francos, pequena suma que destiño pra axudar a unha eiscelente escritora repubricana chamada: Consuelo Berges, que tivo que fuxir tamén de Barcelona e se atopa refuxiada nun pobo da Franza. Prégoche que lle fagas chegar esa cantidade pol-o intermedio da Señorita Teresa Proenza, da Legación de México en París. Si che non fora moi molesto, poderías visitar na dita Legación a Srta. Proenza e, o mesmo tempo que lle entregas os cartos, ver onde se atopa agora Consuelo Berges. Ista escritora Consuelo Berges, anque é santanderina, istivo aquí en Bós Aires moi vinculada aos galeguistas, e foi moi camarada de Suárez Picallo, de Obella, de mín e de outros. E unha muller de moito talento e dun gran espritu e sanísima moral. Coido que lle fará falla moito calquer axuda. Eu vos pedería que fixerades por éla canto vos sexa posibre. Si as urxenzas dos galegos o permitisen ben poderíades incruila entre os inteleutuales a axudar cos fondos que van a ise Comité. Deixo isto librado ao voso bon criterio. Moitas gracias de antemán.

É de supor que esta axuda chegaría ás mans de Berges malia que viviu na clandestinidade en París do ano 1939 ao 1943.

Antes de concluír a carta engade unha nova relación de refuxiados e os seus enderezos —non conservada— e formula unha pregunta que fai pensar na complexidade das axudas humanitarias:

Que crás de comité e un que din Domingo Mateo e Suceso Gonzalez haber formado n-isa a base de Ossorio Tafall «para auxiliar a gallegos», n-unha circular que veñen mandando a todol-os orgaísmos e sociedades d-eiquí? Vexo que na dita circular figura a mesma direución tua. Convén acraredes o que iso sexa pra evitar confusionismos.

Até aquí a miña achega. Velaquí algúns dos trazos biográficos de Delgado Gurriarán que se extraen da relación epistolar con Otero e algúns dos esforzos realizados no ámbito das responsabilidades políticas e solidarias nas que Delgado Gurriarán se embarcou ata que, tamén el, colleu camiño do exilio a bordo do Ipanema, con outros galegos que conseguiu localizar e evacuar. Quede así constancia deste labor, un tanto descoñecido, do autor de Bebebeira neste ano centrado en homenaxear a súa figura e obra.

NOTAS

1

Tamén en Delgado Gurriarán (2022, pp. 241-242).

2

En carta posterior, do 29 de marzo, Prada sinálalle a Delgado Gurriarán: “Lorenzo Varela, José Otero Espasandín e Rafael Dieste, foron sacados dun Campo de Concentración pol-o escritor francés Jean Richard Bloch (súa direución: “La Merigotte” – Poitiers (Vienne), Francia), Segredario da Casa de Cultura de Francia, quen os ten aloxados na sua propia casa. Conviría que vosoutros vos puxérades en comunicación cos ditos Varela, Espasandín e Dieste e pol-o intermedio d-iles co propio Bloch que, seguramente, vos pode axudar moito na laboura de sacar xentes nosas dos Campos de Concentración e demáis xestiós”.

3

Pódese visitar virtualmente en https://360.goterest.com/sphere/villa-bloch

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS

Alonso Montero, Xesús (2022). Florencio Delgado Gurriarán, poeta na terra, na guerra e no exilio. Vigo: Galaxia.

Delgado Gurriarán, Florencio (2022). Obra completa. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.

Delgado Gurriarán, Florencio (2022). Saudades de Valdeorras. A Coruña: Real Academia Galega. https://doi.org/10.32766/rag.398

Gurriarán, Ricardo (1999). Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista. Sada: Ediciós do Castro.

Vilavedra, Dolores, ed. (2022). Florencio Delgado Gurriarán. O soño dunha Galicia infinda. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela.

ANEXO

[Premendo nas imaxes amplíanse]
1. Carta de Florencio Delgado Gurriarán a Ramón Otero Pedrayo. Guadalajara, 10 de marzo de 1965. Fonte: F. Penzol
2. Carta de Florencio Delgado Gurriarán a Alfonso R. Castelao. Barcelona, 24 de decembro de 1938. Fonte: F. Penzol
3. Carta de Florencio Delgado Gurriarán a Rodolfo Prada. París, 18 de febreiro de 1939. Fonte: F. Penzol
4. Carta de Florencio Delgado Gurriarán a Rodolfo Prada. París, 11 de marzo de 1939. Fonte: F. Penzol
5. Carta de Florencio Delgado Gurriarán. París, 11 de marzo de 1939. Fonte: F. Penzol
6. Carta de Rodolfo Prada a Florencio Delgado Gurriarán. Anverso. Buenos Aires, 18 de marzo de 1939. Fonte: F. Penzol
6. Carta de Rodolfo Prada a Florencio Delgado Gurriarán. Reverso. Buenos Aires, 18 de marzo de 1939. Fonte: F. Penzol
7. Carta de Rodolfo Prada a Florencio Delgado Gurriarán. Buenos Aires, 22 de marzo de 1939. Fonte: F. Penzol
7. Carta de Rodolfo Prada a Florencio Delgado Gurriarán. Documento anexo. Buenos Aires, 22 de marzo de 1939. Fonte: F. Penzol
8. Carta de Florencio Delgado, Ramiro Illa Couto e Carlos Tomé a Rodolfo Prada. París, 25 de marzo de 1939. Fonte: F. Penzol
9. Carta de Rodolfo Prada a Florencio Delgado Gurriarán. Buenos Aires, 29 de marzo de 1939. Fonte: F. Penzol
10. Carta de Rodolfo Prada a Florencio Delgado Gurriarán. Buenos Aires, 5 de abril de 1939. Fonte: F. Penzol
11. Carta de Florencio Delgado Gurriarán a Rodolfo Prada. París, 11 de abril de 1939. Fonte: F. Penzol
12. Carta de Rodolfo Prada a Florencio Delgado Gurriarán. Buenos Aires, 26 de abril de 1939. Fonte: F. Penzol