Dized’ai trobadores!
a Sennor das sennores
por que a non loades?
(CSM 260)
Ca trob’ e canto por senhor de pran,
que sobre quantas oj’ eu sey mays val
de beldad’ e de ben falar
e é cousida sen dultança.
(Ayras Nunez, 873, V457 = B885bis, V469)
Recentemente argumentei a prol da hipótese de que un grupo de clérigos galegos tiveron unha participación relevante na composición das Cantigas de Santa María (CSM) atribuídas a Afonso o Sabio (Monteagudo 2021). O meu razoamento parte da pista contida no Códice dos músicos, en que aparece escrito o nome “Arias nunez” a carón do primeiro verso entre as dúas columnas da cantiga 223 (E, fol. 204r), e relaciona este indicio coa emerxencia no último terzo do século XIII dun grupo de clérigos trobadores, a maioría deles composteláns e/ou relacionados coa sé xacobea, que tiveron presenza nas cortes de Afonso X e do seu fillo Sancho IV, como o propio Ayras Nunez. Este está documentado na corte do segundo desde 1284, poucos meses despois do seu ascenso ao trono, e dúas das súas cantigas poden datarse con seguranza en 1286 e 1289 (Tavani 1992, pp. 35-40). Os clérigos trobadores relacionados con Compostela foron Sancho Sanchez (documentado en 1260), Roy Fernandez de Santiago (doc. en 1276), Pay [Perez] da Cana (doc. de 1263 a 1283), e Martin Moxa (doc. en 1281); mais a estes nomes debe engadirse o de Gomez Garcia [de Soutomaior], “abade de Valadolide”, nado en Toledo e cóengo da sé primada, documentado a partir de 1275 e falecido en 1286.1
Tiveron algún papel estes clérigos trobadores, activos nas décadas de 1270 e 1280, na elaboración das Cantigas de Santa María? Máis aínda, tiveron un papel relevante na produción dos cancioneiros marianos Pay da Cana e Gomez Garcia, próximos a Afonso o Sabio e a Sancho IV respectivamente, e ocupantes en etapas sucesivas do importante cargo da abadía de Valladolid (1280-1283 Pay da Cana e 1282-1286 Gomez Garcia)? O presente contributo non se propón responder a estas preguntas, senón volver sobre a cuestión da probable participación de Ayras Nunez na elaboración do cancioneiro mariano. Esta hipótese foi defendida e ben argumentada polo editor das CSM, Walter Mettmann, nun breve artigo publicado en 1971. Lamentablemente, este texto é pouco coñecido, talvez a causa da dificultade para lelo na súa lingua orixinal, o alemán, polo que pagaba a pena traducilo ao galego e revisar os argumentos en que o seu autor fundaba a dita proposta. Esa tradución é publicada a continuación do presente artigo.
Para apoiar a dita hipótese, exploraremos algúns aspectos lingüísticos e compositivos dos textos de Ayras Nunez e compararémolos co conxunto da tradición trobadoresca profana e coas Cantigas de Santa María. En concreto, analizaranse certas concomitancias léxicas entre as Cantigas de Santa María, as composicións deste clérigo trobador e as de Afonso X contidas nos apógrafos italianos, tanto as profanas coma as dúas marianas copiadas en B (unha delas fragmentaria). Os recursos ao noso dispor na actualidade, nomeadamente, os que ofrecen o Projeto littera, o Universo Cantigas e o Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega,2 ademais da edición semidiplomática do corpus trobadoresco,3 permiten afinar e ampliar as observacións de Mettmann e apoiar a súa hipótese sobre bases máis sólidas, como tentaremos demostrar nas páxinas que seguen. Cómpre advertir que, por mor da simplicidade, imos referirnos ás cantigas remitindo á numeración que teñen no Cancioneiro da Biblioteca Nacional (B), salvo que só estean copiadas no Cancioneiro da Vaticana (V), e a non ser no caso de que, por algunha razón, sexa relevante citar a súa localización nos dous apógrafos italianos ou no Cancioneiro da Ajuda (A).
A HIPÓTESE DE WALTER METTMANN
Dado que o artigo de Walter Mettmann se ofrece traducido a seguir, limitarémonos a ofrecer aquí un resumo esquemático das súas observacións. Carolina Michaëlis de Vasconcellos xa conxecturara a participación de Ayras Nunez na composición das CSM a partir da anotación do seu nome contida no Códice dos músicos (E). Esta hipótese, que fora aceptada por Ramón Menéndez Pidal, é retomada por Mettmann, que se apoia na datación proposta por Tavani para a actividade do trobador (1992, pp. 35-41) e mais nas coincidencias léxicas que el detecta no corpus poético do clérigo trobador e nas Cantigas de Santa María. En concreto, o estudoso chama a atención sobre as voces adianos (B885) —lido como
Na presente achega imos retomar a hipótese principal de Mettmann referida á participación de Ayras Nunez, como coautor, na composición das CSM, ampliando e matizando os seus argumentos, e deixar en suspenso a secundaria, pois carecemos dunha base sólida para conxecturar a dimensión que atinxiu o seu rol autorial.
AS CONCOMITANCIAS LÉXICAS. A CANTIGA B873 = B885BIS
En efecto, como sinalou Mettmann, existen coincidencias no léxico entre algunhas composicións de Ayras Nunez e das Cantigas de Santa María que son altamente suxestivas. O investigador alemán só ten en conta as coincidencias exclusivas, isto é, as palabras ou expresións que se rexistran unicamente neses dous corpus. Porén, se se teñen en conta non só as coincidencias exclusivas, senón tamén as voces ou expresións caras (isto, con circulación escasa nos cancioneiros profanos e nos textos medievais en xeral), obtense un mangado de vocábulos cunha significación especial, que ademais se rexistran nun número moi reducido de autores. Nese grupo salientan por unha banda Afonso o Sabio, e por outra, dous círculos trobadorescos ben definidos —e con certeza interconectados—, un galego e o outro portugués. No grupo galego figuran varios dos clérigos coetáneos de Ayras Nunez que xa foron citados (nomeadamente, Martin Moxa), o burgués compostelán Johan Ayras e, nun segundo plano, outros trobadores galegos relacionados coa corte de Afonso X, como Afonso Eanes do Coton ou Pero da Ponte.
No grupo portugués salientan o rei don Denis e algúns trobadores da súa corte que tamén estiveron próximos ao seu fillo, o conde de Barcelos, nomeadamente Estevan da Guarda. Salientamos o dato de que as composicións deste último, igual que as de Ayras Nunez, Afonso o Sabio, o propio don Pedro e outros autores que aparecerán nas seguintes páxinas, como Pero Larouco ou Estevan Fernandez de Elvas, foron incorporadas tardiamente á Compilación xeral da lírica trobadoresca. Este é tamén o caso dos lays de Bretaña, cos que, igualmente, se rexistran coincidencias rechamantes, como veremos (Monteagudo 2019, pp. 890-931; 2020, pp. 164-172 e 186-187 e no prelo).
Dúas cantigas de amor de Ayras Nunez chaman especialmente a atención, entre outras razóns, pola súa excepcional vindicación do joy d’amor B872/V456 e B873/V457 = B885bis/V469. Como decontado se verá, a máis suxestiva é sen dúbida a segunda, unha das máis notables deste trobador e das que máis atraeu o interese da crítica por dúas razóns: polo seu ton provocador, ao contrastar a súa vindicación do joy co que acontece na inmensa maioría dos trobadores galego-portugueses, que se recreaban teimosamente na coita, e por acharse copiada nos apógrafos italianos en dúas redaccións notablemente diferentes. Imos deternos brevemente nesta cantiga. Para simplificar as referencias, cando proceda, referirémonos as súas dúas versións como A (B873/V457) e B (B885bis/V469).
Unha das series léxicas máis características da cantiga dúplice de Ayras Nunez é a formada por alegre, alegrarse e alegrança. O adxectivo alegre aparece nas dúas versións transmitidas polos autógrafos (“faz-m’alegr’ e faz-me trobador” B873 = B885bis), mentres que o substantivo alegrança se rexistra unicamente na primeira versión (“faz-me viver en alegrança”, B873) e o verbo alegrarse só na segunda (“com amor quero-me alegrar”, B885bis). Por parte, alegria aparece noutra cantiga de amor do noso autor: “Ey eu gran viç’ e grand’ alegria, / quando mh-as aves cantan no estyo” (B872). Segundo Corominas e Pascual, alegre procede dunha variante latino vulgar *alicre- do clásico alacrem, e a conservación do [l] intervocálico, que no galego debera desaparecer, denuncia que non se trata dunha voz patrimonial, senón que “ha de ser tomada del occitano trovadoresco” (1980, 1, pp. 141-142).
En todo caso, esa serie léxica é moi pouco frecuente nos cancioneiros trobadorescos (Fidalgo 2015): alegrança é un hápax non só nestes senón tamén nos textos galego-portugueses medievais, en canto que as outras voces se documentan unicamente en composicións de Martin Moxa (alegria B896, alegrar B897), Roy Fernandez (alegrar B901), Johan Ayras de Santiago (alegre B1463), os lays de Bretaña (alegrar B5) e don Denis (alegrar B524b, alegre B532, alegria B542).5 En total, son unha ducia de ocorrencias, o que é unha cifra moi escasa se se compara cos preto de cento trinta rexistros de ledo/leda. Todas elas se atopan en cantigas de amor, agás un caso, que é a devandita composición de Johan Ayras, de xénero escarniño.
Diríase que alegre e a súa familia léxica tiñan carácter neolóxico, dado que, como indican Corominas e Pascual, o adxectivo fora tomado da lírica occitana. Con certeza, este e os seus derivados foron postos en circulación na lírica galego-portuguesa por trobadores composteláns, quizais por volta de 1270, pois xa se rexistra nunha composición de Roy Fernandez de Santiago, cuxo testamento está datado en 1273. Trátase da antecitada cantiga B901 / A309, que contén a única ocorrencia do vocábulo que se documenta no Cancioneiro da Ajuda. Se a primeira datación de alegre é previa a 1275, dificilmente podería ter sido introducida por don Denis, nado en 1261,6 mais a cronoloxía da actividade de Roy Fernandez, e concretamente, do seu pasamento, non está claramente definida.7
A serie léxica relacionada con alegria aparece tamén nas Cantigas de Santa María (Fidalgo 2015, pp. 276-277). O substantivo presenta unha frecuencia elevada (máis de oitenta rexistros), mentres que alegre e alegrarse son moito menos frecuentes: o adxectivo ten só seis ocorrencias (CSM 85, 155, 216, 235, 381), e o verbo unicamente catro (CSM 132, 258, 369, 381). Chama a atención que no códice de Toledo non apareza ningún rexistro do adxectivo, ao contrario do que acontece co substantivo, que está abundantemente representado. Neste códice e nos outros códices marianos, igual que nos cancioneiros trobadorescos profanos, como adxectivo emprégase con moita maior frecuencia ledo, leda. É probable que alegria fose introducido inicialmente como alternativa preferida fronte a lediça—o substantivo derivado de ledo/leda—, que só conta con tres rexistros nos textos medievais galegos, todos eles nas CSM. Fidalgo, no seu estudo sobre alegre e alegria nos cancioneiros trobadorescos, elabora a seguinte conxectura:
O Sabio, amante das novidades e das posibilidades de innovación, axiña incorpora [os ditos termos, tomados da lírica occitana] ao seu repertorio léxico para manifestar a ledicia nos textos do xénero relixioso. Martín Moxa, Airas Nunez e o mesmo Johan Airas [...] frecuentaron a corte afonsina. A súa condición de cregos e hábiles trobadores poderíaos facer particularmente proveitosos para colaboraren na redacción dalgunhas cantigas marianas, sobre todo naquelas de contido máis especificamente mariolóxico, posto que deberían ser máis expertos coñecedores de himnos marianos [...], froito desta colaboración, puideron entrar en contacto cos termos que nos ocupan. O mesmo paso intermedio podería xustificar o emprego do verbo alegrar(se) por parte de Roi Fernandiz [...] (2015, p. 278).
Se chama a atención a concomitancia no emprego de alegre e alegria entre Ayras Nunez e os trobadores composteláns dunha banda e as Cantigas de Santa María doutra, ata o punto de ser considerada un indicio da colaboración dos trobadores clérigos nas CSM, aínda máis rechamante é a do vocábulo tristura, como tamén foi salientado por Mettmann. Este substantivo, que aparece na versión B da cantiga duplicada de Ayras Nunez (“e quen tristur’ ou mal andança / quer”, B885bis), é extremadamente inusitado nos cancioneiros profanos, onde só é empregado en tres textos: o que acabamos de citar, outro máis nunha cantiga de Santa María excepcionalmente copiada no Colocci-Brancuti, tamén recollida nos códices de Toledo e dos músicos (“ca tolhisti / de nós gran tristura” B467 = To30 / E40) e unha composición dun autor tardío que tamén acharemos frecuentemente en diálogo con Ayras Nunez, o portugués Estevan da Guarda (B619).8 A voz tristura é utilizada tamén —e igualmente, moi ao raro— nas Cantigas de Santa María: ademais da ocorrencia na cantiga que acabamos de amentar, cóntanse soamente cinco máis noutras tantas composicións: CSM 201, 224, 312, 352 e 403.
O diálogo poético entre Ayras Nunez, Martin Moxa e Johan Ayras con don Denis arredor do joy d’amor foi xa estudado por Fidalgo, que os considera “los cuatro trovadores que enarbolan el estandarte de un amor jubiloso”.9 Outro vocábulo indicativo desas trocas poéticas é o substantivo viço na súa acepción positiva (‘deleite, gozo’). Esta voz encabeza emblematicamente unha cantiga de amor do monarca portugués (“O gram viç’e o gram sabor / e o gram conforto que ey...”, B532), en que aparece asociado á alegria do trobador, pois, segundo este proclama, o amor da senhor “me faz alegr’andar / e mi dá comfort’e prazer”. Nótese que a mesma asociación aparece expresada noutra composición amorosa de Ayras Nunez que é todo unha exaltación do joy: “Ey eu gran viç’e gran alegria” (B872). A voz é tamén utilizada por Martin Moxa coa mesma acepción (B891, B895, B897). Mesmamente, no incipit dunha cantiga fai deliberado eco da de don Denis que acabamos de citar: “O gram prazer e o gram viç’en cuydar / que sempr’ouvi no ben de mha senhor” (B891). Moxa afirma noutro verso: “aquest’é meu viço e meu sabor” (B897). Fóra das composicións devanditas, viço na súa acepción positiva só se rexistra en cadansúa cantiga dos galegos Diego Moniz (B8), Pero de Veer (B1061) e Pero d’Armea (B1089).
Nas CSM, o vocábulo viço aparece tamén empregado nesta mesma acepción, aínda que non referido ao amor. Así, na CSM 103, un monxe lle pide a Santa María: “Se verei do Parayso, o que ch’ eu muito pidi, / algun pouco de seu viço ante que saya daqui”. Na CSM 241 dise que un mozo e a súa esposa, beneficiados por un milagre da virxe, “fillaren ordin / teveron por gran viço” e na CSM 357 a Virxe é alcumada como “orto dos viços do Parayso”. Non obstante, coidamos que o emprego de viço por parte dos trobadores amentados probablemente é máis indicativo das relacións intertextuais entre eles do que coas Cantigas de Santa María.
Nas dúas versións da cantiga dúplice de Ayras Nunez emprégase o substantivo beldade, un vocábulo que chama poderosamente a atención, aínda que non foi tido en conta por Mettmann porque non é exclusivo deste autor e as CSM: “sobre quantas oj’ eu sey mays val / de beldad’ e de ben falar” (B873), “ca trobey tanto por senhor, de pran / que de beldade quantas eu ssey val” (B885bis). Trátase dunha voz moi pouco frecuente nos cancioneiros, pois presenta un total de nove ocorrencias. Ademais da xa citada, rexístrase en dúas cantigas de don Denis (B520b, B548), noutra de Afonso Eanes do Coton, que, xustamente, parece facer eco da de Ayras Nunez (“E quantas outras donas sey / a sa beldad’est’a mayor”, B971) e as demais en autores ou textos tardíos. Así, rexístrase nun lays de Bretaña (B3) e na cantiga de amor de Estevan da Guarda que acaba de ser citada (B619), e, alén disto, en cadansúa composición de Pero Larouco (B612) —un cantar paródico, fortemente satírico— e Estevan Fernandez d’Elvas (B618), dous autores das últimas xeracións, presumiblemente pertencentes ao círculo do conde de Barcelos (Gonçalves 1993, Minervini 1993).
No conxunto das CSM beldade presenta unicamente sete rexistros, catro deles xa na colección inicial contida no códice de Toledo das Cantigas de Santa María. A primeira ocorrencia rexístrase na emblemática cantiga de loor nº 10: “Rosa das rosas e flor das flores / dona das donas, señor das señores / Rosa de beldad’e de pareçer / e flor d’alegria e de prazer”. Alén disto, en castelán, o CORDE só ofrece dous rexistos de beldad anteriores a 1300, ambos en textos en prosa: Calila e Dimna (1251) e a Estoria de Espanna de Afonso o Sabio (1270ca.). Por tanto, parece tratarse doutra innovación léxica xurdida na corte poética de Afonso, talvez de man do noso clérigo trobador, e semella significativo o eco que atopa tanto en don Denis canto nos lays de Bretaña, Estevan da Guarda e outros autores tardíos do círculo de don Pedro.
Referímonos antes a alegrança. Como xa sinalou Mettmann, este vocábulo é tan insólito que aparece só na versión A da cantiga dúplice de Ayras Nunez, mais nesta atópase en posición de rima con outros nomes derivados en -ança, entre os cales chaman a atención antolhança e dultança (B873). Na versión B, as voces que ocupan as correspontes posicións de rima son malandança, antolhança e dultança (B885bis). Imos reparar nestoutros vocábulos. Nos cancioneiros profanos, antolhança só ofrece eses dous rexistros, ben que outra palabra da súa familia léxica, o verbo antolhar(se) aparece nunha cantiga de Afonso X (B460). Pero nas Cantigas de Santa María documéntase o mesmo derivado antollança con dous rexistros (CSM 9 e 337). Canto a malandança, novamente, é un unicum nos cancioneiros profanos, pero nas Cantigas de Santa María ofrece seis rexistros: CSM 9, 24, 136, 154 e 255.
A situación repítese nuns termos moi similares no caso de dultança fóra dos rexistros documentados nas dúas versións da cantiga de Ayras Nunez, aparece exclusivamente noutra cantiga de Afonso o Sabio (B464) e mais nas Cantigas de Santa Marí, con catorce rexistros: CSM 9, 24, 136, 154, 222, 241, 268, 289 e 294, 303, 312, 352, 367. É de notar que, igual que acontece na lírica profana, nos cancioneiros marianos aparece case sempre na locución adverbial sen dultança. De máis a máis, como xa foi salientado por Mettmann, do mesmo xeito que nas dúas versións da cantiga de Ayras Nunez, practicamente todas as devanditas ocorrencias deses vocábulos en -ança aparecen en posición de rima, e case sempre rimando entre si. Este é o caso das CSM 9, 24 e 136.
No léxico da cantiga dúplice de Ayras Nunez aínda hai un par de voces máis utilizadas nas dúas versións que son merecentes de atención: desasperar e desasperados. Estas voces son escasamente usadas nos cancioneiros profanos: das trece ocorrencias que teñen en total, catro corresponden a esta mesma cantiga, outras catro aparecen en cadansúa composición de don Denis (B523, B559, B597, B604), e as restantes en cadansúa composición de Vasco Praga de Sandin (B100), Johan Ayras de Santiago (B949), a tenzón de Johan Baveca e Pedro Amigo de Sevilla (B1221), Estevan da Guarda (B1323) e Fernan Garcia Esgaravuña (B1510). Nas Cantigas de Santa María presenta catorce ocorrencias. Xa se vai vendo que os nomes de don Denis, Johan Ayras e Estevan da Guarda se reiteran unha e outra vez na nosa pescuda.
Finalmente, cómpre chamar a atención sobre a voz cousida, utilizada na versión A da cantiga vertente (B873), e cousecer, empregada nas dúas versións da mesma. O verbo cousir e o substantivo derivado cousimento, da mesma familia léxica, son usados con relativa frecuencia nos cancioneiros. O primeiro presenta quince ocorrencias, a maior parte delas en autores galegos, como Pay Soarez e Pero Vello de Taveyros ou Pero Viviaez, ou mesmamente composteláns como Ayras Carpancho, Bernal de Bonaval, Pero da Ponte, Roy Fernandez e Johan Ayras. O seu derivado cousimento ofrece nove rexistros, unha vez máis, case todos eles en trobadores galegos como Nuno Eanes Cerzeo, Pay Soarez de Taveyros, Nuno Rodriguez de Candarey, Fernan Padron ou Pero de Veer.
O derivado cousecer, que nos interesa directamente, é de uso máis raro: ten nove ocorrencias, catro delas nas dúas versións da cantiga de Ayras Nunez e as outras en cinco autores entre os que se contan Afonso X (B465, tenzón con Garcia Perez) e Martin Moxa (A306), aos que cómpre engadir o nome de Estevan da Guarda (B624); mentres que os outros dous autores son Pero Mafaldo (B372) e o xograr Lourenço (B1265bis). O que é verdadeiramente rechamante é que o adxectivo cousida só se rexistra, en feminino, nunha das versións da cantiga de Ayras Nunez (B873) e mais no fragmento de cantiga de loor mariana de Afonso X copiada no Cancioneiro da Bibloteca Nacional (B468). Nas CSM rexístranse unicamente cousir, cousimento e cousecer, mais non cousida, pois o devandito fragmento non foi transmitido nos códices marianos tal como chegaron a nós (ben que non se pode descartar que fose incluído no códice de Florencia, que chegou en estadio inacabado e severamente mutilado). A forma masculina cousido aparece unicamente noutra cantiga de Afonso X (B466), pero non nas CSM. O derivado cousidor constitúe un hápax, pois rexístrase unicamente nunha cantiga do clérigo compostelán Martin Moxa (A306).
Por tanto, o emprego de cousecer volve asociar os nomes de Ayras Nunez, Afonso X, Martin Moxa e Estevan da Guarda, mentres que o de cousida —voz non considerada por Mettmann, á que se podería engadir cousido—, é exclusivo do clérigo trobador e do monarca, e precisamente aparece nunha cantiga mariana atribuída ao segundo.
Aínda existen outras concomitancias léxicas entre Ayras Nunez e o cancioneiro profano e Afonso X e/ou as Cantigas de Santa María, pero trátanse de voces ou locucións máis banais. Ás indicadas por Mettmann —estar ‘hospedaría’, (valer) ũa palla, (chorar) de coraçon— poderíanse engadir os substantivos grilanda ou guerlanda (ocorre unicamente en B868-869-870 e CSM 121) e estio, que só se rexistra en Ayras Nunez (B872), Afonso X (B491, B466) e outro trobador máis, Fernan Soarez de Quinhones (B1553). Por parte, a locución adverbial en mil maneiras (B872) ten un eco en mais de cen mil maneiras (CSM 85), mentres que o adverbio passo, que se le na frase “eu mui passo fui-mi achegando” (B868/869/870), se emprega tamén en varios lugares das Cantigas de Santa María: mui passo (CSM 71 e 202), tan passo (CSM 113 e 205), sayu passo (CSM 228), chegava passo (CSM 235).
Podería argumentarse que as devanditas coincidencias léxicas son pouco significativas, pois os corpus poéticos das Cantigas de Santa María e, en menor medida, de don Denis e Johan Ayras de Santiago, ao seren os máis abundantes, son os que teñen máis posibilidades de conter voces ou locucións que aparecen en corpus máis reducidos, como o de Ayras Nunez. Non obstante, dificilmente se pode negar a significación das concomitancias léxicas de voces escasamente correntes, que circularon exclusivamente en poucos autores e en ambientes moi restrinxidos, cando, ademais, a maior parte delas teñen significado abstracto e posúen unha carga semántica moi potente, e máis aínda, cando se dá o caso de que varias delas son neoloxismos. Por todas estas razóns, o seu emprego foi, con certeza, deliberado e fortemente motivado desde o punto de vista estético e/ou ideolóxico.10 Por tanto, suxiren un contacto moi estreito entre Ayras Nunez e Afonso X, tanto na súa obra lírica profana coma na mariana. Outras voces ou locucións, máis banais, só son relevantes na medida en que se suman ás devanditas.
É razoable levar ás conclusións alén do dito, isto é, de dar por seguro un contacto estreito entre o clérigo e o monarca como trobadores? Entre as concomitancias indicadas por Mettmann hai unha especialmente rechamante: a dos vocábulos adianos e desbullar. Estas voces non só aparecen unicamente en Ayras Nunez e nas CSM, senón que nos dous casos son empregadas asemade nunha mesma composición, tanto no ciclo do primeiro (B885/ V468) coma nas CSM (273). Despois de todo o que levamos visto, esta coincidencia non pode verosimilmente ser atribuída á casualidade. Alén disto, na devandita composición satírica do clérigo trobador rexístrase a voz sergentes, outra coincidencia exclusiva coas Cantigas de Santa María (54, 67, 174, 255, 294 e 335), que tampouco foi indicada —ao menos, non expresamente— por Mettmann. E, se a lectura que ofrece V468 é correcta (o verso en que se atopa esa forma falta en B),11 ás anteriores aínda se podería engadir gage, que aparece soamente na dita composición de Ayras Nunez e nunha das CSM (62).12 Ora, precisamente esta cantiga B883 ten un esquema estrófico análogo ao de moitas cantigas marianas, como decontado veremos. Son demasiadas concomitancias para seren atribuídas a un simple contacto poético entre o clérigo e o monarca.
ESQUEMAS ESTRÓFICOS COINCIDENTES
B883, B885 E B873/B885BIS
O propio Tavani, que rexeitou sen moitas contemplacións a hipótese da contribución de Ayras Nunez ás CSM (1992: 40-41), chama a atención sobre a “estreita analoxía entre o esquema máis típico das Cantigas de Santa María (AA | bbba | AA)” e “a serie de rimas” da canción satírica B883 de Ayras Nunez a que acabamos de referirnos (1992, pp. 60-61) e mais sobre a estrutura estrófica da cantiga dúplice B873/B885bis. O esquema rimático da primeira é aaabbb, isto é, cada estrofa está composta de dous trísticos monorrimos. Este esquema é utilizado polo mesmo trobador noutra cantiga satírica máis (B885), coa diferenza de que a primeira é unha cantiga de refrán, mentres que a segunda é de meestria. Segundo Tavani, “o mesmo esquema de rimas atópase en moitas cantigas marianas de Afonso X” (1992, p. 127), que son todas elas de refrán. Entre estas, cómpre subliñalo, está CSM 223, a que leva o nome “Arias Nunez” escrito a carón do seu primeiro verso. O que fai especialmente notable a semellanza do esquema estrófico das dúas cantigas do clérigo e aqueloutro corrente nas CSM é que as estrofas mudan a primeira rima pero manteñen a segunda ao longo de toda a composición: aaabbb/cccbbb/dddbbb etc.
A segunda cantiga de Ayras Nunez a que fixemos referencia (B873/B885bis) é unha canción caudada, composta dunha base bipartita (ab:ab) e unha cauda de tres versos de rima nova con respecto á base (cdc), seguida dun refrán que retoma as rimas da cauda: o resultado é un esquema ababcdccdc, único nos cancioneiros profanos, pero que, con variantes, se emprega adoito nas CSM (Tavani 1967, p. 134). Dáse a singularidade de que na versión B da composición (B885bis) o refrán aparece no inicio, o cal, nas palabras do mestre italiano, reforza as analoxías coas composicións de esquema zexelesco “análogo ao dalgunhas cantigas marianas de Afonso X”, do que el mesmo pon como exemplo CSM 18 (Tavani 1992, p. 62).
En ambos os casos, o mestre italiano desbota outorgar relevancia ás devanditas analoxías. Canto á anticipación do refrán da versión B, considera que “non se remonta á súa forma orixinaria, senón que debe ser atribuída a un copista posterior, a quen a analoxía entre a estrofa caudada e o villancico lle suxeriría o cambio de lugar do refrán” (1992, p. 63), xa que, segundo argumenta noutro lugar, o esquema do zéxel sería máis coñecido ca o da estrofa caudada “polo uso que del fixo Afonso X as súas cancións marianas” (1992, p. 26). Porén, incluso admitindo que a anteposición do refrán ao corpo da cantiga na versión B non corresponde á situación orixinal, senón que se debe a un copista posterior, permanece a idea de que a afinidade estrutural coas CSM era claramente percibida xa na época.13
Ao noso entender, mesmo se podería sospeitar que Ayras Nunez nesta cantiga, ao dar renda solta á insólita expresión da súa alegrança e a reprobación da tristura dos desasperados de Amor, e tendo en conta os termos con que gaba da súa senhor, xoga explicitamente coa evocación das cantigas de loor marianas, construíndo a cantiga cun esquema métrico extraordinario e empregando un léxico, como vimos, excepcionalmente afín ao dalgunhas composicións do repertorio marial: nomeadamente, alegria e beldade están na célebre cantiga de loor nº 10, mentres que tristura se rexistra na cantiga nº 40, copiada tamén en B, entremedias do cancioneiro profano de Afonso.
En definitiva, coidamos que a referencia a “Arias nunez” escrita a carón do primeiro verso da cantiga 223 do códice E das Cantigas de Santa María ofrece un indicio absolutamente fidedigno da participación deste clérigo trobador na elaboración da colección mariana. Unha participación que seguramente non foi menor e que probablemente se viu acompañada por outros trobadores galegos, comezando polos seus coetáneos con que partillaba o ambiente áulico e a condición clerical, e talvez tamén por outros trobadores galegos, como Johan Ayras de Santiago.
Táboa. Principais concomitancias léxicas entre Ayras Nunez, Afonso X e/ou as Cantigas de Santa María, don Denis, trobadores e clérigos galegos, os lays de Bretaña, Estevan da Guarda e outros.
Ayras Nunes | Afonso X | Denis | Galegos/clérigos | Lays | Estevan Guarda | Outros | |
alegre | B873, B885bis |
CSM | B532 | Johan Ayras B1463 | |||
alegría | B872 | CSM | B542 | Martin Moxa A896 | |||
alegrar(s) | B885bis | CSM | B524b | Martin Moxa A897 R. Fernandez B901 |
B5 | ||
alegrança | B873 | ||||||
tristura | B885bis | B476* CSM |
B619 | ||||
beldade | B873, B885bis |
CSM | B520 B548 |
Afonso Coton B971 | B3 | B619 | B612 B618 |
antolhança | B873, B885bis |
[B460] CSM |
|||||
malandança | B885bis | CSM | |||||
(sen) dultança | B873, B885bis |
B464 CSM |
|||||
cousecer | B873, B885bis |
B465 CSM |
Martin Moxa A306 | B624 | B372 B1265b |
||
cousida | B873 | B468* | |||||
cousido | B466 | ||||||
cousidor | Martin Moxa A306 | ||||||
adianos | B885 | CSM | |||||
desbullar | B885 | CSM | |||||
sergentes | B885 | CSM | |||||
gage | B885 | CSM |
Observación: B467* e B468* son textos marianos copiados en B.
Fonte: Elaboración propia.