A FORMACIÓN COMO LECTORA E A ACTIVIDADE PRELITERARIA
No segundo parágrafo de Non te amola! (Galaxia 2021), texto no que dende a voz dunha rapaza de nove anos rememora os días de infancia, Xela Arias lembra que “na [súa] casa os estantes rozan os teitos do cuarto, e non teñen máis ca libros”. Referencia que páxinas máis adiante repite como a súa responsabilidade de “meter libros e libros en caixas” no primeiro dos traslados de domicilio da súa familia. Confesións de quen sabe pertence a unha estirpe lectora, dende o berce viviu entre libros, moitos deles libros en galego, nos que leu dende os catro anos e entre os que agromou o seu celme literario.
Foi Xela Arias unha rara avis da nosa xeración de galeguistas neofalantes dende a adolescencia, xa que ela mamou o galego como lingua familiar en Ortoá, na granxa escola de Barreiros, herdanza idiomática dos Castaño de Mouzós e dos Arias da Vilerma; sendo con toda naturalidade a súa lingua primeira, que aos seis anos xa dominaba, tamén como a castelá, por escrito. Historia lingüística da que con toda a fachenda deu conta o seu pai Valentín no artigo “Xeliña fala galego”, publicado no libro das festas de San Xoán de Sarria de 1968. Unha valiosa declaración a prol da educación plurilingüe en pleno tardofranquismo que non perdeu actualidade tanto pola afirmación da “lingua como o meirande logro colectivo dun pobo” como pola utilidade dunha educación lingüística onde o galego como lingua primeira facilita tanto adquirir outras linguas como poder entenderse [daquela] con “máis de cen millóns de portugueses e brasileiros”, xa que, salienta Valentín, “entre portugueses e galegos non hai cuestión por mor da lingua”.
Competencia galegofalante que Xela Arias non perdeu nin agochou á súa chegada aos sete anos a aquel Vigo de fronteira que comezaba a despregarse de forma desordenada sobre o Val do Fragoso. Unha cidade da que Xela xa se manifestaba orgullosa nun texto manuscrito en galego de carácter escolar, “O meu pobo”, cando aos nove era alumna da Escola Graduada de Sárdoma onde cursou a vella primaria e a segunda etapa da EXB.
No meu pobo hai escolas, prazas, mercados, prantas, animás.
O meu pobo é Vigo.
En Vigo prodúcese uvas, repolo, pescado, millo e moitas outras cousas.
A min góstame moito o meu pobo, ten mar e nil podémonos bañar, edificios altos pra vivir son casas de novo.
Tamén temos o porto para embarcar e desembarcar as persoas e os alimentos.
Viva Vigo e o seu Porto!
Viva!
(Texto manuscrito en 1971, conservado na Biblioteca Penzol)
Lectura e escrita en galego que xa nunca abandonaría, tanto polo acceso na biblioteca familiar aos primeiros libros infantís en galego, dos publicados por Galaxia, como A galiña azul (1968) de Carlos Casares, que cita en Non te amola!, ou dos publicados polo poeta Manuel María, bo amigo da familia, como Os soños na gaiola (Cartonajes ANMI, 1968), que ela e o seu irmán Xoán ilustraron para o autor, tamén un dos seus libros de poemas preferidos, ou Barriga Verde (Castrelos, 1968) que o de Outeiro de Rei dedicará aos Arias Castaño.
Actividade preliteraria de Xela Arias que a levará a asinar o conto “A pobreza e a negrura da aldea” (1 de decembro de 1972), que permanece inédito, e a presentar o conto titulado “A fraga dos paxaros faladores e a fraga leopardicia” ao VI Concurso O Facho, resultando gañador o 17 de maio de 1973, texto que será publicado no mes de xullo daquel ano, acompañado dunha entrevista con ela, no Boletín da Asociación Cultural de Vigo. Primeira publicación e recoñecemento literario que lle abrirá as páxinas de Faro de Vigo, onde, entrevistada por J. Hortigüela, expresa con apenas once anos unha conciencia lingüística precoz e un compromiso xa inquebrantable coa escrita en lingua galega.
Aqueles anos como estudante, primeiro de EXB no Colexio Público de Moledo-Sárdoma, despois de BUP no Instituto mixto do Calvario, coincidirán co traballo do seu pai como xerente da editorial Galaxia (1975-1978), o que incrementará seu coñecemento do mundo do libro galego e de figuras referenciais deste ámbito, singularmente a de don Paco Fernández del Riego, “un vello afable de cabelo cano”, a quen respectará ao longo de toda a súa vida, mesmo convidándoo a participar na presentación do seu derradeiro libro, Intempériome (2003), e dedicándolle o poema “Na retina, desde nena” (2002), e a de Xulián Maure, daquela responsable comercial de Grupo Anaya en Galicia, quen anos despois a convidaría a incorporarse ao primeiro cadro de traballo de Edicións Xerais de Galicia.
Anos de adolescencia nos que Xela Arias vivirá experiencias editoriais que lle deixarán pegada, como a de axudar ao seu pai, xunto ao seu irmán Xoán, no traslado en 1976 dos libros da biblioteca persoal de Otero Pedrayo doados a Galaxia dende o piso de don Ramón, na rúa da Paz de Ourense, aos locais vigueses da Fundación Penzol. Como o foron tamén para ela a participación nas excursións organizadas pola Asociación Cultural de Vigo, citadas nas páxinas de Non te amola!, como a visita ás ruínas de Caaveiro, recordadas tamén como inesquecibles experiencias construtoras do galeguismo por Xosé Luís Méndez Ferrín, un dos seus membros, cando en xuño de 1987 saudaba a publicación de Denuncia do equilibrio (Xerais, 1986), o seu primeiro libro de poemas.
UNHA DÉCADA NO CADRO DE XERAIS
Con semellante equipaxe de experiencias editoriais e galeguistas, e tras decidir abandonar o instituto [do Calvario] onde iniciara COU, chegou Xela Arias ás dependencias viguesas de Edicións Xerais de Galicia no mes de outubro de 1980. Incorporouse como oficinista ao equipo que dirixía Xulián Maure e do que entón formaban parte Roberto Pérez Pardo e Manuel Méndez Batán. Para a súa contratación, o director da editorial valorou que buscaba “unha persoa o máis plurifuncional posible que coñecese ben a lingua galega falada e escrita”, perfil ao que respondía moi ben Xela, quen por riba “era boa mecanógrafa”.
O 27 de marzo de 1981 inauguráronse os locais de Edicións Xerais de Galicia na rúa viguesa de Doutor Marañón, 10. Nun acto que reuniu un cento de persoas, o director da editorial expresou os obxectivos marcados para esta nova empresa cultural galega: primeiro, “que todo galego teña a posibilidade de ser culto na súa propia lingua”, con ese obxectivo abríase a colección de peto Montes e Fontes, na que tiñan cabida a narrativa, o ensaio ou as guías de viaxe; segundo, “abrir Galicia a todas as culturas”, polo que se traducirían para o galego importantes obras feitas no estranxeiro; terceiro, “poder exportar as mellores producións culturais da nosa terra”; cuarto, “colaborar para que a produción da cultura galega non estea presidida nin polo narcisismo ilustrado nin polos intereses partidarios”, pulando pola presenza no catálogo de autores colectivos e colaboracións. Rematou Maure a súa intervención expresando o seu máis íntimo anceio: “soño con chegar ao século XXI xubilado, gozando cuns medios de comunicación social feitos dunha maneira libertaria polas xeracións que hoxe comezan a leren a cultura que se lle vai dando a través de Edicións Xerais de Galicia”.
Coñecemos aquelas palabras con tanta precisión polas notas manuscritas que aquel serán de venres tomou Xela Arias. Coa inauguración da sede da editora incorporaríanse Carlos Blanco, como xerente, e Xosé Guillermo, como ilustrador, co que Xela Arias axiña amigaría, como lembraría no poema “Epístola. Biografía”, que en 1993 lle dedicaría ao mestre artenauta e creador da Fundición Nautilus:
Eu tiña dezaoito anos e ti a idade de cristo menos un mes.
Non me deitaba contigo (¿viches como se di dunha muller?).
Deixara os meus estudios e traballaba, pero entre Novalis
almorzaba Rimbaud xantaba Verlaine e ceaba Baudelaire
(Novoneyra ou Ferrín de aperitivo).Glu... Glu... Periódico discontínuo 1, ano I
Antes de finais de 1981, incorporouse Luís Mariño Pampín como director editorial. Conformábase así o reducido cadro inicial de profesionais que asumían o proxecto de xestionar unha nova editora en lingua galega con criterios estritamente profesionais, superadores do voluntarismo que, coa honrosa excepción das Edicións Castrelos de don Xosé María Álvarez Blázquez, caracterizaba entón o sector.
Unha editora, Xerais, que, aberto o recoñecemento institucional do galego no proceso preautonómico, pretendía dar resposta tanto ás demandas de materiais didácticos para o ensino da lingua galega e para a súa utilización como lingua vehicular como a ampliar o catálogo do libro galego a novos ámbitos temáticos e formatos de edición (libro de peto, obras ilustradas...). Xerais apostaba por modernizar, profesionalizar e normalizar a edición de libros en galego, tarefas para as que se precisaba unha normativa ortográfica para a lingua propia, que, como sinalou Xosé Luís Méndez Ferrín, “Xerais adoptaba como distintivo editorial, sen concesión á falacia reintegracionista en todas a súas formas”.
Secasí, naquel segundo ano de actividade (1981), Xerais publicaría 27 novidades, consolidando un catálogo de 39 títulos, cifras nada desprezables naquela altura para un sector do libro en galego que acadou as 168 referencias no ISBN. Ademais da publicación dos cinco primeiros títulos para o ensino do galego na EXB, a editora xeralista viguesa iniciaba a colección Grandes Mestres, coa edición completa d’Os eidos de Uxío Novoneyra, cando se cumprían os vinte e cinco anos da primeira edición; Historias que ningúen cre de Ánxel Fole e a Obra literaria de Fermín Bouza Brey. Outras novidades dese ano foron a edición facsímile en dous volumes das Cantigas de Santa María, editadas por Walter Mettmann e prologadas por Ramón Lorenzo, e Terra, mar e xentes, unha antoloxía da obra de José Suárez, até entón o máis universal fotógrafo de Galicia.
No ano seguinte, 1982, a oferta de Xerais ampliouse a 38 novidades, abríndose ao mundo infantil coa colección Arroás de álbum ilustrado, ademais de estender a actividade de promoción a todo o país. Foi o momento no que Xulián Maure lle propuxo a Xela Arias que se integrase no departamento editorial, dirixido por Luís Mariño, abandonando a recepción e comezando a desenvolver tarefas de edición de mesa (preparación e corrección ortográfica e ortotipográfica) dos textos literarios de coleccións como Ventobranco (poesía), Monte e Fontes (narrativa, viaxe e divulgación), Grandes Mestres, Extramuros e, con especial interese, a colección Xabarín, a primeira de traducións para o galego de clásicos da literatura xuvenil. Tarefas editoriais que Xela Arias compartía coa relación con autores e tradutores (nun contorno literario e editorial entón moi masculinizado), así como representando a editora nalgúns actos de presentación de novidades ou nos debates arredor de cuestións educativas e literarias que convocaba Xerais revolucionando a comunicación editorial.
Foi entón cando Xerais organizou os seus primeiros debates literarios: “A literatura infantil en galego”, “A narrativa galega”, “A escritora galega onte e hoxe”, todos en Santiago; “Modelos culturais e narrativa galega”, en Lugo; “Narrativa galega e lingua”, na Coruña; así como recitais poéticos en colaboración co Concello de Redondela e coloquios, “Fole e o seu mundo”, no Instituto Feminino de Lugo; “Viaxar por Galicia” no Ateneo de Pontevedra e “O cómic galego” en Noia. Xela Arias participou naquel equipo que introduciu tamén outra innovación no sector editorial galego: a realización dos primeiros carteis de promoción dos seus autores, coincidindo co lanzamento de Amor de Artur de Xosé Luís Méndez Ferrín e dos premios recibidos por Alfredo Conde polas súas novelas Breixo e Memoria de Noa. Responsabilidades editoriais que, con vinte anos feitos, coinciden coa publicación da súa primeira páxina poética n’A Nosa Terra (26/II/1982), ilustrada por Xosé Guillermo, daquela deseñador e responsable da maioría das cubertas de Xerais, así como do primeiro poema na revista Dorna, “Vin... unha árbore” e da súa primeira participación nun recital poético, nun acto contra a entrada de España na OTAN.
No ano 1983, cando a editora acada os cen primeiros títulos do seu catálogo, prodúcese a primeira mudanza na dirección xeral, pasando a ocupala Luís Mariño. Ao final do ano amplíase o cadro de persoal coa incorporación de Xosé García Crego, Siro Iglesias Izquierdo e Celia Torres Bouzas, que, con Xela Arias, conformarán un equipo que daría continuidade e identidade á editora durante estas case catro décadas. Xela comezará a representar a editorial, como sucedeu o 20 de xuño de 1983 cando no salón de sesións de Casa do Concello de Lugo participou na presentación da colección Xabarín da que xa se ocupaba.
Anos de proxectos ilusionantes e plans editoriais cada vez máis ambiciosos; porén, como ben lembra a súa compañeira Celia Torres (2021), tamén sometidos aos sobresaltos da intransixencia: “Si no cerrais la editorial, esta noche la romperemos por dentro. ¡Arriba España!, ¡Viva Cristo Rey!”, escoitouse na chamada anónima recibida en Xerais o Día das Letras Galegas de 1984, daquela aínda non fora declarado non laborable. Unha chamada ameazante que se unía ao apedramento da fachada da editora por parte de tres menores. Un episodio que nin Xela nin o resto do cadro de Xerais nunca esquecerían.
Coa dirección de Luís Mariño renovouse por vez primeira o catálogo, creáronse as coleccións Xerais Narrativa e Xerais Universitaria, das que se ocupou Xela como editora de mesa; creouse o Premio Xerais de novela (1984) e despois, o Premio Merlín de literatura infantil e xuvenil (1986), así como a edición dun Boletín de Novidades (1984) e un catálogo anual (1985). Proxectos nos que intervíu, así como co pulo que foron collendo as coleccións infantís, nas que comezou a participar tamén como tradutora, como foron os casos d’O Gato Gaiado e a Andoriña Señá. Unha historia de amor (1986), obra da que xestionou a cesión de dereitos por parte do propio Jorge Amado, Amor de perdición (1986) de Camilo Castelo Branco ou O bosque animado (1987) de Wenceslao Fernández Flórez, ambas as dúas publicadas en Xabarín, colección á que xa na década de 1990 incorporará dous dos seus grandes títulos como tradutora: O derradeiro dos mohicanos (1993) de Fenimore Cooper, polo que recibiría o Premio Ramón Cabanillas, e Drácula (1999) de Bram Stoker.
Coa segunda remuda na dirección de Xerais (1988) e a incorporación a esta responsabilidade de Víctor F. Freixanes, Xela Arias implicarase como editora na creación das coleccións Grandes do Noso Tempo, Biblioteca das Letras Galegas e Xerais Crónica, responsabilizándose da edición de mesa, do encargo de traducións, edicións e introducións. Momento (1989) no que muda tamén o deseño editorial —até entón externalizado no estudio Revisión (Pepe Barro, Xosé Díaz), que se ocupara da homoxeneización da imaxe da marca— coa incorporación de Miguel Vigo, deseñador de Tigres coma cabalos (1990), libro de poemas de Xela Arias e fotografías de Xulio Gil. Edición moi coidada, como a da exposición itinerante que a acompañou e que coincidiu co abandono de Xela Arias do cadro de persoal (30 de setembro de 1990) coa intención de retomar, primeiro, os estudos de COU a distancia, e despois iniciar (1991) na Universidade de Vigo a licenciatura de Filoloxía Hispánica que remataría en 1996. Estudos universitarios que compartiu cos seus traballos de tradución e edición externa das coleccións Universitaria e Biblioteca das Letras Galegas de Xerais, o que axudou, sendo eu mesmo director editorial, a manter o vínculo semanal de traballo con ela. Conversa profesional da que saíron numerosas e moi valiosas propostas de tradución, como algunhas publicacións avaladas polo seu criterio como lectora.
EDITORA DE MESA RIGOROSA
Ao longo dunha década, que coincide tamén cos anos de entusiasmo da movida viguesa, xeralmente en horario nocturno, e do inicio do seu activismo literario e cultural, Xela Arias forxouse como editora de mesa de formación autodidacta, mantendo unha alta responsabilidade con respecto á calidade da lingua dos textos, sendo as súas interpretacións moi relevantes no proceso de fixación da norma ortográfica de 1983 cos criterios que existían no momento.
Obsesionada pola mellora do coñecemento léxico e respectuosa cos criterios do Instituto da Lingua Galega, cando non existían tampouco dicionarios normativos (o Xerais é de 1986), Xela Arias procuraba na edición dos textos alleos idéntica fidelidade e rigor léxico, sintáctico e ortotipográfico que imprimía cando retorcía e destilaba as frases das súas traducións ou dos seus poemas.
Aquela rapaza que comezou metendo libros en caixas convertérase nunha das pioneiras da edición galega, inventando en Galicia o nobre oficio de editora do que fomos continuadores.