Nos ricos fondos de arquivo da Real Academia Galega localizamos un expediente interesante tanto para coñecer a evolución da posición de Ricardo Carballo Calero en relación coa codificación normativa do galego, canto para a propia historia desta cuestión. O documento central do expediente é un escrito que, ata onde sabemos, permanece descoñecido e por iso nos pareceu oportuno dalo ao prelo, aínda que o seu contido non é novidoso, como de aquí a pouco se explicará. Trátase dunha proposta articulada de reforma das Normas ortográficas e morfolóxicas da RAG presentada por Carballo á Academia en 1979 de cara a unha nova edición revista e acrecentada. Como se sabe, en 1970 foran aprobadas e publicadas as primeiras normas ortográficas da RAG; no ano seguinte aprobaríanse as morfolóxicas e ese mesmo ano ambas as dúas foron obxecto de publicación conxunta (Real Academia Galega 1970, 1971). Este texto conxunto fora reeditado a finais de 1977 −o colofón leva a data do 2 de decembro−, ao coidado do propio Carballo, como axiña se verá (Real Academia Galega 1977).
Acompañando o envío da proposta á RAG, no arquivo desta institución consta unha carta do seu autor datada a 3 de abril de 1979. Nela, don Ricardo, despois de lembrar que fora o “principal autor” das normas de 1970-71, explica a oportunidade da súa proposta. Esta vai precedida de dous textos da súa autoría, fotocopiados do nº 59 da revista Grial (Carballo 1978a, 1978b): unha recensión da re-edición das Normas de 1977, propondo unha serie de emendas, e mais a primeira páxina dunha recensión das Bases prá unificación das normas lingüísticas do galego, publicadas a nome da USC (Universidade de Santiago de Compostela 1977). Semella plausible que don Ricardo considerase estes textos como presentación ou xustificación da proposta de reforma normativa propiamente dita. Esta vén recollida en oito páxinas mecanografadas, articulada do seguinte xeito:
- NORMAS ORTOGRÁFICAS (pp. 1-5), con tres apartados e un total de vinte artigos:
- O abecedário galego: sete artigos.
- O acento ortográfico: nove artigos.
- Contraccións: catro artigos.
- NORMAS MORFOLÓXICAS (pp. 6-8), con quince artigos.
Ademais dos documentos que constan no propio expediente, pescudamos no arquivo da RAG na procura de máis información que permitise reconstruír os antecedentes e o curso da proposta vertente. Para colocar o asunto no seu contexto institucional cómpre remontarse a un acordo da Xunta de Goberno da Academia de 11 de marzo de 1977, baixo a presidencia de Sebastián Martínez-Risco, na que se toma a decisión de reeditar as Normas de 1971 e enviar un exemplar a Carballo para a súa revisión previa. Coñécese que este foi moi dilixente no cumprimento da encomenda, pois na acta da seguinte xuntanza do mesmo órgano, celebrada o 1 de abril do mesmo ano, acúsase recibo do exemplar co texto das Normas de 1971 corrixido por Carballo e acórdase o seu envío á imprenta.
A seguinte noticia sobre o asunto aparece na Xunta de Goberno de 14 de xaneiro de 1978, agora, tralo pasamento de Martínez-Risco ocorrido en setembro de 1977, presidida por Domingo García-Sabell. Trátase simplemente da recepción dos exemplares impresos da nova edición das Normas. Haberá que agardar máis dun ano, ao 29 de abril de 1979, para que nas actas deste mesmo órgano se dea conta da recepción da proposta de reforma presentada por Carballo. Probablemente haxa que explicar a oportunidade desta polo feito de que na Academia se decidira proceder a unha nova edición das Normas, segundo se deduce do texto dun oficio datado a 30 de abril de 1979. Neste ponse formalmente en coñecemento do interesado que a Xunta de Goberno da RAG tomou coñecimento
da súa proposta para terse en conta na nova edición que das mesmas se pensa facer
(salientado noso). Nun oficio semellante, datado ese mesmo 30 de abril, a Xunta de Goberno remite xerocopia da proposta a Xosé Filgueira Valverde e Ramón Piñeiro como membros da Comisión de Lingüística, para que coa urxencia que lle sexa posíbel
emitan un informe sobre a mesma. É de notar que estes dous académicos formaran parte, xunto ao propio Carballo, da comisión que elaborara as normas ortográficas e morfolóxicas de 1970-71.
O plenario da RAG, en sesión celebrada o 3 de xuño de 1979, toma coñecemento da proposta de Carballo e decide crear unha comisión para estudala, composta polos dous académicos devanditos máis o secretario Francisco Vales Villamarín e o académico correspondente Abelardo Moralejo Laso, a quen se lles roga se sirvan emitir o pertinente ditame á maior brevedade posibel
, segundo reza a correspondente acta. Así e todo, máis dun ano despois, en setembro de 1980, o asunto aínda non fora tratado na corporación, pois nunha nota sen sinatura (probablemente do secretario) enviada ao presidente con data de 23 dese mes, advírtese de que na última sesión ordinaria
do plenario da RAG se volvera sobre o asunto e se acordara solicitarlle tamén ditame a José Luís Pensado Tomé, membro correspondente da Academia e catedrático de Filoloxía Románica na Universidade de Salamanca. Segundo a copia do oficio remitido a este último, pedíuselle que remitise o seu ditame coa máxima urxencia para que puidese ser considerado, xunto aos dos devanditos académicos, na sesión plenaria prevista para o 26 de outubro seguinte.
Finalmente, cando o asunto vai ser debatido polo Pleno da RAG, cos ditames recibidos e enriba da mesa, Carballo retira a proposta, pois, segundo explica na carta enviada ao presidente a tal efecto, desexo estudá-la baixo novas luces, para modificá-la ou anulá-la, segundo xulgue en conciéncia máis conveniente
(reproducimos a cita textual que se recolle na acta da xuntanza do dito 26 de outubro).
Para entender esta decisión de don Ricardo cómpre ter en conta que entrementres, a Xunta preautonómica −constituída antes da aprobación do Estatuto de Autonomía− creara ou ía crear unha Comisión de Lingüística presidida polo propio Carballo. Descoñecemos a data exacta da constitución desta Comisión, pero o dato relevante é que en abril de 1980 aprobou unhas Normas ortográficas do idioma galego, publicadas en maio, que estaban destinadas a ser oficializadas pola Xunta de Galicia. Deste xeito, a Academia quedaba á marxe da codificación normativa e, por tanto, a súa autoridade neste terreo ficaba en suspenso e posta en cuestión (Alonso Pintos 2006, pp. 268-276 e Fernández Rei 2018, pp. 87-89).
Como é sabido, a RAG retomaría un papel activo no proceso pouco despois, cando emprendeu, en colaboración co Instituto da Lingua Galega, a elaboración das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, que serían aprobadas en 1982 en sesión conxunta das dúas institucións e que despois serían oficializadas pola Xunta de Galicia. Posteriormente, a Lei de Normalización Lingüística, aprobada polo Parlamento de Galicia o 15 de xuño de 1983, estipulaba na súa disposición adicional que Nas cuestións relativas á normativa, actualización e uso correcto da lingua galega, estimarase como criterio de autoridade o establecido pola Real Academia Galega
.
Pero volvamos á proposta de Carballo. Como se deduce da información que acabamos de ofrecer, durante aqueles anos o debate normativo entrou en intensa ebulición (Alonso Pintos 2002, pp. 120-134; 2006, pp. 211-300; Fernández Rei 2003, pp. 90-94; 2018, pp. 83-90). De feito, ao noso entender, a proposta en foco debe interpretarse á luz da previa publicación das Bases prá unificación das normas lingüísticas do galego, elaboradas nunha serie de seminarios promovidos polo Instituto da Lingua Galega en que participaron mestres, filólogos, escritores e sociolingüistas −entre eles Carballo e outros representantes do incipiente movemento reintegracionista, como Martinho Montero Santalha− e que se celebraron entre decembro de 1976 e xuño de 1977 (Alonso Pintos 2002, pp. 124-126; 2006, pp. 229-238; Fernández Rei 2018, pp. 83-85). As Bases viñeron a lume a finais de 1977 cun prólogo de Domingo García-Sabell, que acababa de ser elixido presidente da RAG. Neste prólogo eran gabadas nuns termos non disonantes aos empregados por Carballo Calero pero nun ton ben diferente (verase máis adiante), por teren procedido con deliberada atención ás tendencias existentes no proceso unificador, á percura dunha integración equilibrada das mesmas
, nunha actitude realista e construtiva que se reflexa de xeito positivo nos resultados
.
Asemade, a finais deste mesmo 1977 aparece unha nova edición das Normas ortográficas e morfolóxicas da RAG de 1971 ao coidado do propio don Ricardo, segundo xa se explicou e tal como el mesmo declara na recensión publicada en Grial (1978a, p. 99). Esta era unha iniciativa que a primeira vista parecía extemporánea, pois resultaba obvio que as Bases supuñan unha rotunda superación das Normas, tanto en extensión e sistematicidade canto en fundamentación lingüística e respaldo social. Semella altamente verosímil que esta reedición respondese a unha tentativa da Academia dos tempos de Martínez-Risco de afirmar a súa autoridade. Á vista das recensións que Carballo dedica a unha e outra obra, é claro que partillaba a iniciativa e o seu propósito vindicador, talvez agraviado ao ter a sensación de que se cuestionaba a súa auctoritas non só como académico e principal autor das Normas, senón tamén −ou sobre todo− como catedrático universitario de Lingüística e Literatura Galega, o primeiro e aínda o único.
A defensa da autoridade da Academia que se tece na recensión de Carballo deixa pouco lugar a dúbidas: a normativa lingüística [...] é unha función de política cultural que, co debido asesoramento técnico, pode e debe corresponder á Academia Galega
(1978a, p. 99). Porén, o noso autor, un intelectual lúcido, ao reflexionar sobre o feito de que a Academia non fose capaz de abordar as tarefas de codificación da lingua para as que fora fundada, concede que a Universidade dispón dunha capacidade de traballo de que aquela carece e recoñece que a Academia, como todos os organismos similares, sofre actualmente unha crise de identidade. É evidente que non pode competir con outros organismos dotados para a investigación colectiva
(1978a, p. 98).
Ao noso entender, a proposta de reforma que presentou á Academia en 1979 tiña a mesma intención de afirmar a súa auctoritas persoal e a colectiva da RAG sobre a normativa lingüística. Naquela altura estaría preparando a sétima edición −que ía ser a derradeira− da súa Gramática elemental del gallego común, que veu a lume a finais de ano (o colofón está datado a 26 de novembro) (Carballo 1979). Practicamente todas as reformas propostas á RAG aparecen recollidas nesta Gramática. Así, os dous primeiros apartados das normas ortográficas da súa proposta aparecen cunha redacción idéntica (en castelán) e os mesmos exemplos nas páxinas 152-155, mentres que as normas morfolóxicas están recollidas nas páxinas 264-267. Igual acontece coas normas para as contraccións: as referentes aos pronomes atópanse na páxina 195 e as que atinxen ás contraccións das preposicións cos artigos e, no seu caso, demostrativos, indefinidos e pronomes persoais, nas páxinas 254-255.
Por outra banda, na Gramática declárase que as normas reformadas que Carballo propuña á RAG eran as codificadas pola “Dirección do Departamento de Filoloxía Galega da Universidade” (1979, p. 152), ou sexa, por el mesmo. Por tanto, eran as “Normas da cátedra de lingüística”, que con tanto afán e sen suceso perseguiu o investigador Serafín Alonso Pintos (2006, pp. 253-254), as que se ensinaban nas materias de lingua e literatura galegas da Universidade, cuxo uso se esixía aos estudantes destas (podemos dar testemuño directo e persoal disto). Xa que logo, o que menos se pode dicir é que a estratexia de don Ricardo naquela altura era confusa: corrixía unha edición das Normas académicas en 1977, sendo que el mesmo non as seguía nas aulas da universidade, e adiantábase a impoñer as súas propias ao estudantado da facultade e ás publicacións do departamento, solicitando tardiamente a aprobación da RAG (1979) e non agardando a obtela nin sequera antes de aplicalas e estampalas na súa Gramática. E non só isto, senón que pouco despois contornaba novamente a autoridade da Academia ao presidir a Comisión de Lingua designada pola Xunta preautonómica en 1980.
Diríase, pois, que antes da súa xubilación como catedrático universitario de Lingüística e Literatura Galega que vía próxima (outubro de 1980) e no uso da autoridade que tal posición lle confería, Carballo pretendía deixar ben marcado un camiño decididamente orientado ao reintegracionismo −ben que, inicialmente, con cautela e nunha progresión pautada− que comezara a profesar moi poucos anos antes. Esta determinación iríao apuxando a rachar consensos traballosamente decantados durante décadas de cultivo e estudo do idioma, e moi particularmente nos anos precedentes. Aínda en 1978, a nota sobre as Bases publicada en Grial está inzada de afirmacións optimistas do tipo no momento actual temos conseguido amplas zonas de concordia
, hoxe, entre as persoas responsabeis, as diferencias son pequenas
, se prescindimos das aberracións, podemos afirmar que non esiste a anarquía de que algúns falan
, no orde ortográfico e morfolóxico, pouco afasta actualmente aos cultivadores do galego
ou o consenso xeral está atinxido en moitos puntos, e en todos os demáis, ou case todos, vanse reducindo cada día as diferencias
(1978b, pp. 103 e 109-110). Nos anos seguintes, esas distancias entre as distintas correntes normativas non farían máis ca incrementarse, deriva non imputable precisamente á corrente autonomista que non se afastou nin moito nin pouco das amplas zonas de concordia
atinxidas á altura de 1977.
Cal é a razón da actitude progresivamente discordante de Carballo? Cando comprobou que os seus esforzos para impoñer a súa auctoritas a prol da opción reintegracionista non obtiñan os resultados apetecidos, pois nin a Academia aceptaba maioritariamente esta orientación nin os seus postulados prendían na Universidade −onde non foi quen de deixar unha escola que o continuase−, radicalizaría progresivamente as súas posicións e tinguiría de acedume o seu discurso. Tamén é verdade que a esta radicalización puido contribuír o cambio de fase na política do idioma −e na política en xeral− que se produciu nos anos finais da década dos setenta e os iniciais da seguinte. Referímonos concretamente ao paso da fase experimental en que a cuestión normativa se contemplaba antes de 1980, a unha etapa máis resolutiva, unha transición de fase que coñeceu un momento crítico, un salto cualitativo e punto de non retorno, coa aprobación e oficialización das Normas ortográficas do idioma galego elaboradas polo ILG e a RAG en 1982.
A evolución da cuestión normativa contradicía as súas previsións anteriores en dous sentidos. En primeiro lugar, contrariaba a súa expectativa de que se resolvería dun xeito gradual
, mediante un proceso dabondo longo
no que a lingua común
xurdiría dun proceso de maduración
que non podía forzarse, aínda que sí estimularse
. Aquel consenso espontáneo
que propugnaba, ao que se debía chegar progresivamente
, como único xeito seguro de afincar un padrón lingüístico
íase arredado e en 1982 chegou o que el interpretou como un autoritario degredo de unificación
, que tan enfaticamente refugaba (Carballo 1978b, p. 103). En segundo lugar, e sobre todo, viu frustradas as súas esperanzas, pouco realistas, dun avance imparable da posición reintegracionista. Sen dúbida, estas frustracións o arrastraron a unha posición de intransixencia.
Neste sentido, é significativa a súa reacción ante as Bases, que gabou como un “documento conciliador” pero que se negou rotundamente a aceptar. Á derradeira, a súa valoración positiva destas fundamentábase non no seu carácter de acordo de concordia, senón na súa convicción de que constituían unha claudicación cara ás súas posicións. É así que a recensión que lles dedicou rebe un triunfalismo moi pouco conciliador: celébraas porque considera que nelas o isolacionismo se bate en retirada, o que nos semella moi positivo
, xa que ou ben evolucionóu cara unha posición reintegracionista, ou ficóu desbordado por unha forte corrente reintegracionista que resultóu maioritaria nos seminarios e impuxo en moitos puntos outros criterios
(Carballo 1978b, pp. 104-105).
O certo é que o rexeitamento das Bases por parte de Carballo e da corrente reintegracionista (Martinho Montero Santalha e José Luís Rodriguez, entre outros), a pesar das concesións que obtivera, e os acontecementos subsecuentes (culminados nas Normas da Comisión de Lingüística da Xunta de Galicia de 1980), foi determinante para convencer á corrente autonomista, amplamente maioritaria, de que nunca se chegaría a conseguir un consenso normativo. Desa convicción xurdiu o acordo normativo entre a Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega de 1982.
Naquela altura, en franca minoría na Academia e perdida a súa posición privilexiada no campo da lingüística galega ao xubilarse da súa cadeira, Carballo Calero sentíase desautorizado e condenado ao ostracismo, optaba por afastarse voluntariamente do ámbito institucional e presentábase como unha vítima maltratada polo novo establishment autonómico, alimentando así a fábula da súa presunta marxinación, subxectivamente comprensible pero que non resiste o mínimo contraste cos feitos. Unha fábula que vén sendo engrosada de ano en ano ata os nosos días, con máis (lexítimo) afán reivindicativo ca necesaria ecuanimidade e obrigado respecto pola verdade histórica.