Boletín da Real Academia Galega

Núm. 381, pp. 317-323

© 2020. Real Academia Galega

https://doi.org/10.32766/brag.381.800

ARREDOR DO PERGAMIÑO VINDEL: FONDOS SIGNIFICATIVOS NA BIBLIOTECA DA RAG

CONCERNING THE VINDEL PARCHMENT. SIGNIFICANT COLLECTIONS IN THE RAG LIBRARY

Ana María Menéndez Rodríguez
Biblioteca da Real Academia Galega

Resumo: O obxetivo deste traballo é dar a coñecer aos investigadores un conxunto de obras que posúe a Biblioteca da Real Academia Galega arredor do Pergamiño Vindel, expostas na sede da institución en 2018 con motivo do Día Internacional do Libro, para incentivar a súa consulta e servir de base a futuros traballos de investigación.

Abstract: The aim of this work is to introduce researchers to a set of works owned by the Royal Galician Academy Library concerning the Vindel Parchment, exhibited at the institution’s headquarters in 2018 on the occasion of International Book Day, in order to encourage consultation and serve as a basis for future research work.

Palabras chave: Martin Codax, Cantigas, Pergamiño Vindel, lírica profana galego-portuguesa, música profana galego-portuguesa, Real Academia Galega.

Key words: Martin Codax, Cantigas, Vindel Parchment, profane Galician-Portuguese lyric, profane Galician-Portuguese music, Real Academia Galega.

Que a Biblioteca da Real Academia Galega é un tesouro en si mesma non é, a estas alturas, ningún descubrimento. Sen embargo faise necesario, de cando en vez, lembrar a existencia de determinados fondos para difundir o seu valor e incentivar a súa consulta.

Non é obxeto deste artigo incidir na descuberta do Pergamiño Vindel nin na súa historia ao longo do tempo, que o lector atopará na bibliografía existente ao respecto, senón a posta en valor dunha serie de obras relevantes que posúe a Biblioteca da RAG arredor desta xoia, tanto edicións facsimilares como novas ou estudos sobre o Pergamiño. A maior parte delas están relacionadas dalgún xeito coa Academia, ben por estar publicadas pola institución, ben por estar a cargo da súa edición algún académico, ben por ter pertencido á colección particular dalgún dos seus membros ou ben por ter sido difundidas no boletín institucional.

Estas obras, centradas exclusivamente no Pergamiño Vindel, foron expostas do 23 de abril ao 4 de maio de 2018 na sala de consulta da Biblioteca, con motivo da celebración do Día Internacional do Libro.

Coa organización desta pequena pero valiosa mostra bibliográfica lembrouse a desafortunada marcha de España, cen anos antes, desta xoia da lírica galego-portuguesa, mercada ao seu descubridor, Pedro Vindel, por Rafael Mitjana, diplomático e musicólogo afincado en Suecia.

A continuación ofrecemos ao lector unha relación destas pezas seleccionadas coa información que amosou cada unha delas e na orde en que foron expostas:

  1. D’ORVENIPE, D. L. Las siete canciones de la enamorada: poema musical por Martín Codax, juglar del siglo XIII. En: Arte Español, T.II (febreiro 1914).

    Sign.: RE 86/1.

    Artigo de Pedro Vindel dando a nova do descubrimento. Emprega o pseudónimo D.L. D’Orvenipe. [Aberto pola páx. 27].


  2. Importante descubrimiento. En: Boletín da Real Academia Galega, N. 84 (1-6-1914).

    Sign.: Sección Referencia

    A nova do descubrimento no Boletín da RAG. [Aberto pola páx. 320].


  3. CODAX, Martín. Las siete canciones de amor: poema musical del siglo XII [sic]. Publícase en facsímil, ahora por primera vez, con algunas notas recopiladas por Pedro Vindel. Madrid: [s.n.], 1915 (Imp. de la Sucesora de M. Minuesa de los Ríos)

    Sign.: F-984

    Exemplar da primeira edición facsimilar do Pergamiño Vindel que pertenceu ao académico da RAG Eladio Oviedo Arce.


  4. VASCONCELOS, Carolina Michaëlis de. A propósito de Martim Codax e das suas cantigas de amor. En: Revista de Filología Española, T.II (1915)

    Sign.: RE 111/1

    Primeiro traballo cualificado sobre o Pergamiño Vindel. [Aberto pola páx. 258-259].


  5. OVIEDO ARCE, Eladio. El genuíno “Martín Codax”, trovador gallego del siglo XIII. En: Boletín da Real Academia Galega, N. 109, 111-114, 117-118 (1916-1917)

    Sign.: Sección Referencia

    Primeiro estudo galego sobre o Pergamiño Vindel. [N. 109, aberto pola páx. 1].


  6. OVIEDO ARCE, Eladio. El genuíno “Martín Codax”, juglar gallego del siglo XIII según un apógrafo trecentista de su “cancionero”. Texto literario (interpretación y crítica) por Eladio Oviedo y Arce; texto musical (interpretación y crítica) por Santiago Tafall y Abad. Coruña: [s.n.]: [191?] (Lit. e Imp. Roel). Separata do BRAG, N. 109, 111-114, 117-118 (1916-1917)

    Sign.: 13762

    Primeiro estudo galego sobre o Pergamiño Vindel.


  7. CODAX, Martín. Cantigas. [Edición] Henrique Monteagudo. Vigo: Galaxia, D.L. 1998.

    Sign.: 37558

    Edición facsimilar.


  8. CODAX, Martín. Bañarnos emos nas ondas!: as sete cantigas, o pergamiño Vindel. Edición Henrique Monteagudo. [A Coruña]: Real Academia Galega; [Santiago de Compostela]: Xunta de Galicia: Parlamento de Galicia, D.L. 2014

    Sign.: 47731

    Edición facsimilar.


  9. PERGAMINO Vindel: cantigas de amigo. Barcelona: M. Moleiro, D.L. 2016

    Sign.: 49024

    Edición facsimilar + volume de estudos. [Facsímile despregado].


  10. PERGAMIÑO Vindel: un tesouro en sete cantigas. [Santiago de Compostela]: Xunta de Galicia, 2017

    Sign.: 49025

    Catálogo da exposición celebrada en Vigo, que mostrou o orixinal do Pergamiño Vindel por primeira vez dende que marchara en 1918.

 

Lonxe de entrar a comentar cada unha das obras expostas no 2018, consideramos oportuno incidir en certos aspectos dalgúns dos exemplares.

A peza máis relevante foi, sen dúbida, a titulada Las siete canciones de amor: poema musical del siglo XII [sic], publicada por Pedro Vindel en 1915, segundo consta na portada, aínda que no colofón aclara que se rematou de imprimir o 10 de decembro de 1914.

A súa importancia radica no feito de conter o primeiro facsímile publicado do pergamiño, o que permitíu dalo a coñecer aos eruditos. Presenta ademais, como singularidade diferenciadora doutras edicións facsimilares, o feito de ser levada a cabo polo propio descubridor, que incluso ten participación activa na obra.

E aínda incrementa máis o seu valor o feito de tratarse dunha edición especial de tiraxe moi curta para distribución privada e da que tan só se poñen á venda, como se indica no verso da anteportada, dez unidades. Trátase, por tanto, dun dos escasos exemplares desta obra que se conservan na actualidade, procedente do fondo particular do académico numerario Eladio Oviedo Arce. O seu pasamento tivo lugar o 19 de xaneiro de 1918 e dez días despois a súa irmá Visitación entregaba esta obra para formar parte dos fondos da Biblioteca da Academia.

Pois ben, a procedencia deste exemplar é outro valor engadido á súa singularidade, posto que Oviedo Arce foi o primeiro erudito galego que estudou seriamente o Pergamiño, coa colaboración do académico correspondente Santiago Tafall y Abad. Foi precisamente este exemplar o que lle servíu de fonte para a elaboración do citado estudo. O propio autor afirma no seu traballo:

Uno de estos ejemplares tengo yo, y lo guardo, como oro en paño […] por el fotograbado, que tanto le avalora, de la preciadísima hoja por donde ha llegado hasta nosotros […] el único Cancionero gallego del siglo XIII, de carácter profano y popular.

Este feito fai único este exemplar da Academia, que conta, ademais, con anotacións manuscritas na segunda parte da obra, titulada: “Facsímiles en detalle sobre fotografías restauradas”, concretamente na IV e V cantigas.

Outra das obras significativas é o mencionado estudo dos académicos Oviedo Arce e Tafall Abad titulado El genuíno “Martín Codax”, juglar gallego del siglo XIII, según un apógrafo trecentista de su “cancionero”. O primeiro ocuparíase da interpretación da parte literaria e o segundo, da interpretación da parte musical.

Trátase, como xa dixemos, da primeira investigación galega sobre a descuberta do Vindel. En Portugal, Carolina Michaëlis de Vasconcellos xa publicara o primeiro estudo cualificado en 1915, no número correspondente a xullo-setembro da Revista de Filología Española, titulado “A propósito de Martim Codax e das suas cantigas de amor”, outra das pezas da mostra, onde, por certo, reclamaba unha edición depurada do texto literario así como unha interpretación do primeiro texto musical coñecido da música profana galaico-portuguesa.

O propio Oviedo Arce comenta no seu traballo sobre o facsímile feito por Vindel: Por lo demás, era esto −el fotograbado del rollo o volumen codaciano− lo único aprovechable de la edición príncipe del nuevo Martín Codax, tipográficamente espléndida pero literariamente descuidada, para máis tarde aclarar: Era preciso hacer una edición completa y crítica de nuestro trovador vigués del siglo XIII. Deste xeito quedaba máis que xustificada a elaboración do estudo por parte dos académicos.

Os seus autores dano a coñecer no Boletín da Real Academia Galega, que xa xogara un importante papel espallando a nova do descubrimento do Vindel e agora servía de canle para difundir este estudo do Pergamiño, nos números 109, 111-114 e 117-118, entre os anos de 1916 e 1917. Posteriormente sería editado como separata desta publicación.

Das restantes obras convén lembrar a oportuna edición realizada por Galaxia no ano 1998, a cargo de Henrique Monteagudo, con motivo da celebración do Día das Letras Galegas dedicado aos poetas da Ría de Vigo, así como a edición que a Real Academia Galega, a Xunta e o Parlamento de Galicia realizaron no ano 2014, coa tradución a sete linguas das cantigas de Martín Codax. Hai que destacar ademais a calidade excepcional da edición facsimilar do Pergamiño Vindel realizada polo editor Manuel Moleiro, ao que engade un interesante volume de estudos, sen esquecer o catálogo da exposición de Vigo, que trouxo de volta o Vindel a Galicia, e que está, xunto coas restantes obras, a disposición dos investigadores.

Convén apuntar que, con posterioridade á celebración da Mostra do 2018, a Biblioteca da Real Academia Galega seguíu a incorporar obras relacionadas co Pergamiño. Unha delas foi a publicada pola RAG no ano 2019 titulada O son das ondas: as sete cantigas, o pergamiño Vindel, e no 2021 a institución recibía a doazón doutro exemplar da valiosa e escasísima primeira edición facsimilar do Vindel, que pertencera ao escritor e académico Xosé Luís Franco Grande, quen o recibira como agasallo da anterior propietaria, a tamén escritora e académica Xohana Torres, amiga súa. O exemplar inclúe, como valor engadido, unha dedicatoria autógrafa da escritora ao seu amigo.

En definitiva, todas estas obras citadas, de excepcional calidade, convirten á Biblioteca da RAG nun importante referente para futuros traballos arredor do Pergamiño Vindel, actualmente na cidade de New York, propiedade da Morgan Library & Museum, que custodia alén mar esta xoia tan nosa.

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS

Codax, Martin (1915). Las siete canciones de amor: poema musical del siglo XII [sic]. Madrid: [s.n.] (Imp. de la Sucesora de M. Minuesa de los Ríos).

Codax, Martin (1998). Cantigas. Vigo: Galaxia. Edición de Henrique Monteagudo.

Oviedo Arce, Eladio (191?). El genuíno “Martín Codax”, juglar gallego del siglo XIII según un apógrafo trecentista de su “cancionero”. Coruña: [s.n.] (Lit. e Imp. Roel).

Vasconcelos, Carolina Michaëlis de (1915). A propósito de Martim Codax e das uas cantigas de amor. Revista de Filología Española, II, 258-273.