1. FIXANDO O GALEGO COMÚN
Se hace necesario un gallego normativo que permita al profesor orientar sus enseñanzas, y al escritor resolver sus problemas de comunicación con el público. (Carballo 1966, p. 12).
Tal e como se nos aclara nas páxinas limiares, a intención de Ricardo Carballo Calero cando asume a responsabilidade de redactar unha gramática da lingua é a de regular o galego escrito da época para facilitar a súa docencia e ordenar a súa utilización como lingua literaria. Un modelo de lingua culta para as aulas e para os libros. Esta premisa dá noticia tamén dun cultivo en modesta expansión: El cultivo literario del gallego, que hoy –con mayor o menor modestia– se extiende, o tiende a extenderse, a todos los campos, reclama una información gramatical de carácter general
(Carballo 1966, p. 12).
Desde o punto de vista da estandarización, a gramática de Carballo Calero pode en puridade considerarse a exposición máis ampla diso que na historia do galego escrito denominamos convencionalmente “normativa Galaxia”. Establecida na década de 1950 para a homoxeneización dos orixinais que publicaba a editorial viguesa, a práctica ortográfica implementada por Galaxia fora consolidándose na Galicia da Terra como unha mostra recoñecible e en xeral ben aceptada desa abstracción que na época chamaban “galego literario” e nesta gramática recibe máis frecuentemente o apelativo de “galego común”. Este galego común que Carballo comeza a ordenar en Fingoi para as clases de galego que inaugurará no curso 1965-1966 na Universidade de Santiago de Compostela (un gallego normativo que permita al profesor orientar sus enseñanzas
) non difire do empregado aquén e alén mar por outras iniciativas editoriais da época (y al escritor resolver sus problemas de comunicación con el público
) e concorda co planificado no seu día polo Seminario de Estudos Galegos (1933, 1936).
Se nos centramos no galego escrito culto que aquí se describe, comprobamos que coincide con aquel de base castelá iniciado no Rexurdimento. O inventario de grafemas e dígrafos, así como as súas normas de uso, é o da lingua castelá. A nivel vocálico, renúnciase a marcar graficamente o grao de abertura de <e> e <o>. Para as consoantes, a única diferenza con aquela ortografía está no emprego do grafema <x> (xente, queixo) e do dígrafo <nh> (unha, algunha). No apartado de diacríticos, signos e regras resultan igualmente familiares para alguén versado na ortografía usual do galego. Suprímense da escrita os acentos graves <`> e circunflexos <^> con que se marcaran noutrora os grafemas <e> e <o> naqueles casos en que presentan valores de lectura de /ε/ e /ɔ/ (fero, roda). Asemade, recoméndase con carácter xeral a representación íntegra das palabras na secuencia escrita (La ortografía conserva ordinariamente la estructura morfológica íntegra de los vocablos
, 1966, p. 59). Esta decisión implica, na práctica, o arrombamento dos guións e apóstrofos que inzaran o galego escrito do período 1808-1936 como marcadores de elisións e contraccións.
Parece importante lembrar que todas estas decisións, se cadra evidentes aos ollos dunha persoa escolarizada na ortografía oficial do galego no século XXI, non o resultaban tanto na época da primeira edición deste manual. A evolución histórica do galego escrito, a liña do galego literario
en célebre expresión do propio Carballo (1972a), non mostraba daquela o mesmo grao de unanimidade en todos os seus puntos. O profesor coñece ben o camiño andado pola lingua literaria. De feito, ao argumentar as súas decisións con respecto ás alternativas que se foron formulando para codificar o galego, insire e ao tempo individualiza a súa proposta nesa mesma tradición. Unha calidade destacada da gramática de Carballo Calero atopámola nese diálogo e en como o noso autor modula ao longo dos anos as súas opinións acerca do que é e do que debe ser o galego literario. Repasamos agora algúns aspectos desta interlocución na primeira edición do texto.
Como acontece con outros idiomas do marco europeo, a convención maioritaria que Carballo escolma e promove como normativa coñeceu historicamente diversas tentativas de revisión. Entre elas, hóuboas cultistas, trazadas para intentar harmonizar o galego con outros modelos neolatinos de lingua de cultura, e hóuboas tamén que se deseñaron co propósito expreso de reducir a distancia entre o galego escrito culto e o galego falado polo pobo. Entre as primeiras, comenta Carballo Calero a de recuperar para a ortografía do galego moderno algunhas grafías etimolóxicas (nomeadamente, o <g> e o <j> en palabras como gente ou queijo), que rexeita por incongruente
e arbitraria
(1966, p. 78). Entre as segundas, o galego coñeceu diversos intentos de simplificación fonética da escrita habitual, concibidos co ánimo de a aveciñar á fala para facilitar a alfabetización masiva das clases populares. O autor amósase igual de claro á hora de rexeitar este tipo de reforma foneticista (acústica
) da ortografía consuetudinaria (1966, p. 79) e marca distancias cunha oralidade dialectal que considera inferior á lingua literaria e na que condena fenómenos característicos como a gheada, o seseo e os encontros vocálicos e para a que, a nivel prosódico, establece o seu referente oral na fala das persoas cultas das cidades (1966, p. 46).
O dilema, igualmente presente no proceso de elaboración doutros estándares occidentais, entre procurar o idioma culto na lingua literaria dos clásicos do canon patrio ou arraigalo na esencia enxebre da lingua oral dialectal tamén se coñece entre nós. Ricardo Carballo Calero avoga inequivocamente a prol do primeiro arquetipo (Es el gallego culto, el gallego literario, que aspira a ser un instrumento cabal de cultura, el que nos interesa
, 1966, p. 13). O canon de referencia é o da Historia da literatura galega contemporánea (1963) e a gramática de Galaxia toma os seus exemplos dos clásicos do século XIX, con Rosalía de Castro á fronte. Rosalía e Francisco Añón (1966, p. 207, n. 4), Rosalía e Antonio Noriega Varela (1966, p. 235), as máis das veces Rosalía soa. A mesma Rosalía do seu discurso de entrada na Real Academia Galega (1959), da súa lección de ingreso como catedrático na Universidade de Santiago de Compostela (1972b) e de tantas e tantas páxinas eruditas na súa traxectoria de intelectual galeguista. É por Rosalía que propugna antre no canto da máis estendida entre para o derivado galego de INTER (Esta forma es la empleada por Rosalía. Muchos emplean entre
, 1966, p. 181, n. 187). Detrás dela, Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez. Ás tres coroas do Rexurdimento engádese algún autor contemporáneo do gusto do profesor (Álvaro Cunqueiro, Aquilino Iglesia Alvariño). Escritores máis recentes, porén, non gozan de igual recoñecemento e deberán agardar aínda para figuraren con nome propio na gramática normativa (En un escritor de nuestros días hallo
, 1966, p. 220). Trátase, case sen excepcións, de poetas, pois para Carballo Calero a poesía constitúe a substantivación máis elevada dun idioma de cultura.
O galego común de Carballo Calero procura o seu espazo propio no ámbito ibérico fronte aos grandes estándares estatais castelán e portugués. O castelán é lingua de redacción e referencia básica da exposición (la lengua española es el término de referencia de nuestro estudio
, 1966, p. 16). O recurso ao portugués resulta unha pauta ben coñecida na tradición do galego escrito e o noso autor acode a ese idioma naqueles casos en que considera o resultado de aplicar esta opción máis afianzado na ortografía herdada. Exemplos hai varios. Entre eles, a regularización do xénero dos substantivos rematados en -axe conforme ao padrón portugués (Hoy la tendencia es a seguir al portugués, que los considera femeninos
, 1966, p. 84) e afecta tamén ao léxico (Fuera de los castellanismos que se quieren excluir, sólo los arcaísmos y los portuguesismos pueden llenar las lagunas que se observan
, 1966, p. 32). Neste mesmo eido, como os seus referentes son do século XIX, sinala a Eduardo Pondal e os seus seguidores (Pondal y los escritores que le siguen
, 1966, p. 25) como exemplo saliente de renovación vocabular a través do portugués. A postura do autor en relación á polémica histórica entre as grafías <ao> e <ó> é tamén favorable á solución gráfica portuguesa (1966, p. 111, n. 17).
Como vemos, á hora de fixar o seu ideal de galego común, o autor selecciona e organiza para os seus lectores as escollas que estima máis estables na escrita corrente (ortografía habitual
, 1966, p. 46) da época. Pola contra, se a práctica non a xulga ben asentada, inclúe sen xerarquizar as distintas variantes utilizadas polos escritores. Deste xeito, amósase categórico á hora de defender as grafías <x> e <nh>, rexeitar acentos graves e circunflexos, guións e apóstrofos, grafías etimolóxicas, ortografías fonéticas e calquera intimidade excesiva coa fala oral popular. Noutros casos, porén, sente que a tradición non é tan constante e prefire agardar a ver cara a onde evoluciona o galego literario (ha de ser el contraste real de las variantes lo que determine a la larga la orientación que la lengua tomará
, 1966, p. 14). Nestas ocasións, deixa ir no texto as distintas solucións en xogo (formas en competencia
, 1966, p. 15) sen prescribir o emprego preferente dunha delas, pois a sistematización do galego común é un proceso sempre en marcha (una tarea que nunca podrá considerarse terminada, pues la vida del idioma no se detiene jamás
, 1966, p. 14). Actúa así, por exemplo, no encontro da conxunción ca e o artigo a, para a que presenta as grafías contracta <cá> e analítica <ca a> á espera de que o galego común acabe por decantarse por unha ou pola outra. Esta estratexia de, en caso de a tradición ser vacilante, esperar e non impoñer é unha característica da Gramática elemental del gallego común. Entende Carballo que a súa función é a de mediador e non a de creador e promotor de novidades. Non lle corresponde a el ensaiar solucións, o seu cometido debe ser máis ben o de recoller aquelas mellor aceptadas entre as xa existentes na práctica xeral e ofrecelas ordenadas ao seu público lector de estudantes e escritores.
En síntese, na primeira edición da Gramática elemental Carballo Calero organiza aqueles aspectos que considera máis seguros de entre os que están en uso no galego escrito da década de 1960. Naqueles casos en que non percibe ben firme a tradición, opta de maneira consciente por adiar a elección entre as diversas “formas en competencia” e agardar a ver cara a onde se orienta a práctica maioritaria para incorporala despois ao seu modelo normativo de galego común, un modelo que se axusta ao que Galaxia vén promovendo na súa actividade editorial desde o decenio anterior e, como agora veremos, co que a Real Academia Galega sanciona como válido na súa primeira normativa ortográfica.
2. UN MODELO CO AVAL DA ACADEMIA
Saltamos por riba das edicións segunda (1968) e terceira (1970) para nos centrar na cuarta, que sae do prelo en 1974. Das sete, é a máis completa e resultará tamén a máis veces editada, con dúas reimpresións en 1976. O padrón de galego culto que Carballo perfilara en 1966 coñeceu importantes progresos naqueles anos (Desde entonces, la codificación del gallego ha avanzado mucho
, 1974, p. 7). Entre eles, o de principiar a década co aval da Real Academia Galega. Publicadas en 1971, as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego recollen, nalgúns casos de xeito literal, os principios e a orientación enunciados por Carballo para o seu galego común, uns postulados que despois de recibiren a ratificación da Academia regresan ás páxinas da gramática con rango de lei.
Considera Carballo que o galego común ten nese momento unha posición máis firme ca en 1966, e esta percepción asoma nas páxinas da gramática. Vexamos como se describían nas tres edicións anteriores as consecuencias da presión histórica do castelán sobre un galego sen apenas cultivo literario: Finalmente el castellano [...] influyó poderosamente la lengua de Galicia, que, muy poco cultivada literariamente, no podía ofrecer una resistencia eficaz
(1966, p. 25; 1968, p. 29; 1970, p. 28). Nesta cuarta edición, o engadido dunha puntualización temporal (entonces) varía o sentido da afirmación e amosa un investigador en reflexión constante sobre o obxecto que describe (Finalmente el castellano [...] influyó poderosamente la lengua de Galicia que, muy poco cultivada literariamente, no podía ofrecer entonces una resistencia eficaz
, 1974, p. 57).
Con todo, as novidades acontecidas na liña do galego literario non afectan só á convención maioritaria. En 1973, a publicación na revista Grial dun artigo do ilustre profesor portugués Manuel Rodrigues Lapa (“A recuperação literária do galego”) orixina un debate na esfera galeguista acerca da conveniencia de tomar o portugués como única lingua culta dos galegos. Tamén por aquelas datas, a alternativa de conceder maior peso no galego culto á realidade oral dialectal recibe un pulo relevante co Gallego, un manual para a aprendizaxe da lingua elaborado por un novo actor no escenario da promoción do idioma, o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela.
Ningunha destas propostas altera, porén, os principios que Ricardo Carballo Calero trazara para o galego común na primeira edición, uns principios que contan agora co referendo da Academia. Alá onde non alcanza o pronunciamento académico Carballo segue preferindo agardar e ver como evoluciona o galego literario. Esta máxima, non obstante, só se aplica neses casos. Naqueloutros en que si existe un posicionamento académico é obrigado acatar o disposto pola Real Academia (1970, 1971), un clausulado que se incorpora íntegro ás páxinas do texto de Carballo Calero. O seu cometido como redactor da gramática normativa segue sendo o de recoller os usos establecidos. O beneplácito da Academia facilita este labor na cuarta edición do volume (las normas académicas van siendo de observancia general, y ello facilita en gran manera la labor del que se propone suministrar información sobre los caracteres esenciales del gallego
, 1974, p. 7).
Desde o punto de vista científico, esta versión é a máis completa. Se as edicións que seguiron á primeira (1966) aparecían con cadencia bianual (1968, 1970), o noso autor dispuxo de catro anos para madurar esta cuarta entrega. Había pouco que actualizara a súa bibliografía para preparar o seu acceso á cátedra de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela (1972) e esta posta ao día beneficiou a exposición do noso texto. Na primeira edición, das once entradas que figuran no epígrafe dedicado ás gramáticas (“Estudios generales”), cinco non pasan de 1900 e ningunha vai alén de 1935. Oito anos despois, a situación mellorou. As entradas seguen en consonancia co nivel de desenvolvemento do coñecemento científico do galego que existía na época, pero amplían as que había. Nas tres primeiras edicións, estes eran os contidos da “Orientación bibliográfica”:
- Estudios generales
- Dialectología
- Diccionarios gallego-castellanos
- Vocabularios castellano-gallegos
- Otros trabajos de interés
Estes son os apartados en que se estrutura ese mesmo capítulo a partir de 1974:
- La bibliografía del gallego y la del portugués
- Bibliografía lingüística gallega
- Época medieval
- Formación de la lengua
- Gramáticas históricas gallegas
- Gramáticas históricas portuguesas
- El léxico medieval
- La lengua moderna
- Estudios generales
- Dialectología
- Fonología
- Diccionarios y vocabularios generales
- Métodos prácticos para el aprendizaje del gallego
Unha ampliación e posta ao día similar pode observarse no resto dos capítulos, que se amosan aquí na súa presentación definitiva. De feito, como veremos, cando en 1979 dea ao prelo a derradeira versión do texto, os cambios non alterarán os contidos básicos do volume nas materias de fonética e fonoloxía e morfoloxía e sintaxe senón que afectarán máis ben ao diálogo do autor coa tradición do galego literario e á consideración que lle merece a proposta normativa da Real Academia Galega.
En resumo, o noso autor reafírmase, nesta cuarta edición da Gramática elemental, na teoría e na práctica que trazara para o galego literario en 1966. O seu modelo de galego común, que nun camiño de ida e volta figura agora na gramática co aval da Real Academia Galega, segue a coincidir co de máis emprego na época. Esta convención, con todo, resultaba cuestionada daquela, entre outros, por quen defendía que os galegos e as galegas debiamos tomar o portugués como lingua única de usos cultos (Lapa) e tamén por quen postulaba que aquel modelo de galego literario resultaba artificialmente distante da fala espontánea (Instituto da Lingua Galega).
3. A GRAMÁTICA E OS VIEIROS DA REINTEGRACIÓN
Aunque en materia de normatividad continuamos profesando nuestro viejo liberalismo, la conciencia de que el gallego, como idioma hispánico occidental, no debe volver las espaldas a las otras formas del romance atlántico, nos aconsejaría hoy en algunos casos una distribución distinta (Carballo 1979, p. 12).
Na cita, tomada do prólogo á sétima edición, o autor alude aos contidos de morfoloxía verbal, pero ilustra paradigmaticamente a súa postura en relación á tradición do galego literario no momento de entregar a Galaxia a que será a derradeira versión do texto. Cando, á altura de 1979 (“hoy”) ten que volver editar a súa gramática, leva anos desconforme coa orientación ordinaria do galego escrito. Por iso solicita un cambio de rumbo e unha reforma da ortografía da Real Academia Galega. Unha parte dos axustes na redacción aluden a esta necesidade de redireccionar o galego común (cambio de orientación, rectificar, retoques, ajustes...) para garantir a súa supervivencia. Vexamos como se concreta esta demanda, que caracterizará os últimos anos da actividade pública do intelectual galeguista, nas páxinas da súa gramática.
Segundo Carballo, o galego común precisa unha aproximación (reintegración) á ortografía do portugués (La necesidad de una reintegración del gallego en su mundo originario se nos aparece más clara
, 1979, p. 12). A procura dunha harmonización ponderada de diferentes fontes (galego literario, galego oral, castelán, portugués...) propia das edicións previas revísase agora conforme á premisa da reintegración e o xogo de equilibrios do galego común (Carballo 1966, pp. 13-15) recalíbrase conforme a este criterio. Para detallar a materialización gráfica dese proceso de reintegración sérvese do clausulado das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego da Real Academia Galega (1971). Para o portugués non menciona ningunha ortografía de referencia, aínda que as súas propostas cadran coas do Acordo Ortográfico de 1945.
A nivel ortográfico, o repertorio de grafemas e dígrafos mantense conforme á práctica xeral. Con todo, detectamos algún cambio parcial na redacción, como cando deixa de xulgar incongruente e arbitraria a ortografía etimolóxica e pasa a considerala máis culta (El fonema š se representa por x. Una ortografía etimológica más culta conserva el uso de g o j
, 1979, p. 150). Pero é se cadra no catálogo de diacríticos e nas súas normas de utilización onde a mudanza resulta máis visible. Así acontece coa decisión de recuperar guións e acentos graves. O guión promóvese agora, á portuguesa, para separar o verbo e o pronome átono enclítico (que se une a este con un guión
, 1979, p. 151), e a escrita recomendada para o encontro do verbo ver e o pronome o pasa de velo a ve-lo. Para a súa reintegración no portugués, o galego común deberá empregar o acento grave <`> segundo as pautas vixentes na ortografía portuguesa (Cuando la cantidad tenga valor diacrítico se marcará con un acento grave si hay contracción de palabras: à ‘a la’
, 1979, p. 149). O acento agudo mantense, pero suxeito a novas regras. Palabras como aquí, raíña e algúns pérdeno (aqui, raiña, alguns) e pasan a telo outras como cámbio e língua (1979, pp. 152-155). Se os buscamos, podemos localizar tamén algúns cambios a nivel gramatical, como verbos que pasan da terceira á segunda conxugación (dicer, escreber, viver) e algún exemplo solto no léxico (bairro e cuase por barrio e case das edicións anteriores), pero a formulación básica de galego reintegrado enúnciase nesta obra sobre e para os quince puntos das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego da Real Academia Galega (1971).
Con todo, o galego común erguérase sobre outros principios teóricos e conforme a outra práctica gráfica. O catedrático Carballo é moi consciente desta situación e no prólogo a esta sétima edición declara que, para o adecuar ao seu punto de vista naquela altura, o texto habería que redactalo de novo (Hubiéramos preferido escribirlo totalmente de nuevo, es decir, hacerlo otro, hacer otro
, 1979, p. 11). Por iso non o reedita máis e pasa a expoñer o seu parecer sobre o galego literario desde outros lugares. Serán outros tamén os textos de referencia do Carballo reintegracionista. Un dos máis citados é a parte reintegracionista das normas da Comisión de Lingüística da Xunta de Galicia, as primeiras do organismo autonómico, elaboradas baixo a súa presidencia nese mesmo 1979. Serán tamén editoriais distintas de Galaxia as que publiquen as súas manifestacións máis coñecidas acerca da teoría da reintegración lingüística.
En síntese, cando ten que entregar á imprenta a que ha de ser a derradeira versión da súa gramática, Ricardo Carballo Calero non concorda xa coa postura da Real Academia Galega en materia de galego común. Esta convicción, que é pública desde hai anos, trasládase ao corpo dun manual que, como manifesta no limiar, trazárase sobre outros principios e non se axeita ben a este propósito. Por iso non o reedita máis e traslada a outros lugares a exposición da necesidade de reintegración do galego no portugués que defenderá na etapa final da súa traxectoria intelectual.
CONCLUSIÓN
Como acabamos de ver, ao longo das sete edicións da Gramática elemental e nun arco temporal (1966-1979) que coincide cos seus anos de docencia na Universidade de Santiago de Compostela, Ricardo Carballo Calero establece un sutil e criterioso diálogo coa tradición do galego escrito. O noso autor coñece ben a liña do galego literario e este diálogo, sempre consciente e ben argumentado, espella en cada momento a súa opinión acerca do que é ou do que debe ser o galego común. O seu pensamento vaise afinando en cada nova entrega do manual e evoluciona desde a posición acorde coa práctica maioritaria das seis primeiras edicións, unha práctica que el mesmo acompañou desde Galaxia ao espazo institucional da Real Academia Galega, á proposta de reforma reintegracionista da ortografía académica que introduce na sétima e determinará unha parte importante das súas accións e manifestacións públicas na década seguinte.