No presente relatorio vaise considerar a traxectoria de Ricardo Carballo como filólogo no período 1950-1975, situando esta no marco da política cultural, nomeadamente da política da lingua, impulsada polo grupo Galaxia. Comezando polo marco histórico, a traxectoria intelectual de Ricardo Carballo seguiu unha liña de continuidade que dá coherencia ao conxunto da súa singradura, pero tanto as circunstancias históricas cambiantes canto a súa propia evolución permiten distinguir tres etapas: inicial, anterior a 1936; central, aproximadamente de 1950 a 1975/1980; e final, ata o seu pasamento en 1990.
A primeira é unha etapa de formación como intelectual nacionalista no contexto da democracia republicana, no seo do Seminario de Estudos Galegos e do Partido Galeguista e baixo o maxisterio das grandes figuras da xeración Nós. Os anos 1936-1950 son de escuridade: a guerra nas ringleiras do exército republicano, a prisión en Xaén, a condena ao ostracismo no seu Ferrol natal. A pesar de estar marcada pola Ditadura, a etapa central é a de madureza e atinxe a súa plenitude nos seus anos como profesor da Universidade de Santiago (1965-1980). Iniciada cun período de metamorfose que grosso modo coincide coa transición política (1975-1980), a etapa final é a da súa virada reintegracionista, cando, xubilado da Universidade, se afasta progresivamente do grupo Galaxia para se situar fóra do ámbito institucional.
Na súa etapa central, Carballo foi un dos intelectuais máis significativos do grupo Galaxia e, sen dúbida, o seu filólogo. El mesmo aseverou de forma categórica que se sentía enteiramente inserto
no grupo de ensaístas de Galaxia, un grupo ao que podemos chamar xerazón Galaxia
, ben que pola súa idade el se atopaba máis próximo ao Seminario de Estudos Galegos. E engadiu: eu interviñen, naturalmente, no rexurdimento das letras galegas despois da guerra civil, que foi obra exclusiva nun momento determinado, case exclusiva despois dun tempo, de Galaxia, e estiven mui ligado a Galaxia
(Blanco 1989, p. 133). El mesmo definiu o carácter da editorial: Galaxia é un proxecto de política cultural
(Salinas 2020, pp. 48-49).
Na presente achega vaise entender Galaxia como unha rede de galeguistas, unha coalición de lectores
−segundo a célebre metáfora acuñada por Benedict Anderson (1991), quen salientou a importancia destas coalicións na conformación das nacións como comunidades imaxinadas− reunidos arredor dunha empresa editorial, dirixida por un núcleo que define a política cultural, elabora o discurso, establece os obxectivos e deseña as estratexias. Os adherentes a esta rede compartían unha ideoloxía, o nacionalismo galego, e atribuíanlle á empresa a finalidade defender e promover a cultura galega e nomeadamente a literatura e a lingua galegas, que se consideraban elementos nucleares da identidade nacional de Galicia. Todo isto nun contexto de resistencia fronte a unha ditadura que impedía o desenvolvemento de calquera actividade política, reprimía todo tipo de disidencia e visaba destruír ou asimilar a identidade galega.
Como se mostrará, Carballo formaba parte do núcleo da rede, partillaba a súa ideoloxía, colaborou nas súas estratexias e contribuíu de xeito sobranceiro aos seus proxectos. Sobre todo, xogou un papel central na política da lingua de Galaxia. O propio interesado recoñeceu o carácter programático, no marco do proxecto de Galaxia, das súas contribucións máis importantes á filoloxía galega:
Algúns dos meus libros, como a propria Gramática elemental del gallego común e a Historia da literatura galega contemporánea, foron realizacións de planos previstos e que se me propuxeron e eu aceitei desenvolver. [...] Foron os homes de Galaxia os que me impulsaron a escreber algúns dos libros que escribín; Sete poetas galegos foime solicitado por Galaxia e Historia da literatura galega contemporánea e coido que tamén a Gramática (Blanco 1989, pp. 113, 133-134).
A editorial Galaxia articulaba dun xeito flexible e eficaz a acción concertada do grupo, nomeadamente do núcleo da rede. A acción colectiva non diluía o perfil intelectual de cada un dos activistas nin a súa achega persoal, senón que os realzaba e os potenciaba. Como o contexto restrinxía severamente as posibilidades de actuación, o núcleo escolleu moi selectivamente os seus obxectivos, as súas estratexias e as súas prioridades, obrigado como estaba a optimizar os precarios recursos e os escasos efectivos humanos de que dispuña. Estas limitacións suplíanse cunha incansable laboriosidade, un afervoado espírito de sacrificio e un talento invulgar.
Ata 1963, o grupo expresouse fundamentalmente a través das súas publicacións en formato libro e das colaboracións en distintos medios impresos (xornais, revistas...) ou mediante outras actividades (conferencias, celebracións...). Desde 1963 puido contar cun órgano de expresión propio, a revista Grial, arredor da cal se foi ampliando e consolidando a coalición de lectores
. A achega de don Ricardo a Grial é tratada nun artigo desa mesma revista (Monteagudo 2020b). Deixemos recollido o testemuño do propio autor: a revista Grial, que veu ser unha continuación de Nós [...] En Grial tamén continuei o labor de Nós publicando críticas de libros e estudos máis concretos
(Blanco 1989, p. 112). Abonden algúns datos para dar unha idea da importancia da súa achega a Grial: foi membro do seu consello de redacción ata 1989 −isto é, ao longo de vinte e cinco anos−, publicou regularmente nela ata 1983 e asinou un total de cento tres colaboracións, incluíndo seis entregas creativas (poemas, teatro, unha narración e unha tradución), dezaseis artigos longos e máis de oitenta recensións e notas.
Canto á relación de Ricardo Carballo coa Real Academia Galega, que será tratada con certa extensión máis adiante, abonda lembrar que ingresou nesta como numerario en 1958 e participou de xeito sobranceiro en varias das súas decisións sobre a norma lingüística; decisións, por tanto, de política lingüística. Por último, canto ao uso deste termo, que pode chocar no título do noso relatorio, téñase en conta que entendemos as políticas da lingua nun sentido amplo, en que se inclúen as iniciativas de abaixo arriba (bottom up) procedentes da sociedade civil e nomeadamente as políticas de resistencia contra a opresión. Sen dúbida, o galeguismo resistente agrupado arredor da Editorial Galaxia desenvolveu unhas determinadas políticas de defensa e promoción do idioma galego nos tempos extraordinariamente adversos da ditadura franquista, políticas en que Ricardo Carballo xogou un papel decisivo na súa condición de filólogo, un filólogo militante na resistencia cultural.
Nas páxinas seguintes verase que o marco ideolóxico en que cómpre situar a posición do noso autor en relación co idioma galego é o do nacionalismo galego, tal como foi formulado pola «xeración Nós». Posteriormente, analizaremos algúns aspectos significativos do contributo de Ricardo Carballo ás políticas da lingua desenvolvidas por Galaxia durante o período indicado, no marco dun proxecto político-cultural nacionalizador. Concretamente, trataremos da loita por impoñer o criterio filolóxico como definidor da cultura galega, da estratexia de rescate da Academia Galega, da participación do noso autor na actividade normativa desta institución e da elaboración da Gramática elemental del gallego común. No noso libro O idioma galego baixo o franquismo: da resistencia á normalización (1950-1975) (Monteagudo no prelo) ofrécese unha información máis ampla e detallada sobre os asuntos tratados. Por parte, con carácter complementario, tamén deben terse en conta os artigos “A individualidade do galego no pensamento lingüístico de Ricardo Carballo Calero” (2020a), que pon o foco na Gramática como testemuña da evolución do seu pensamento lingüístico entre 1974 e 1980, e “Carballo Calero, filólogo de Galaxia, con Grial ao fondo”, centrado na súa achega á revista Grial (Monteagudo 2020b), ademais da presentación do documento da proposta normativa que exhumamos no presente volume (Monteagudo 2020c).
1. NACIONALISMO LINGÜÍSTICO E LITERATURA NACIONAL: O CRITERIO FILOLÓXICO
En 1955, nunha entrevista realizada para a revista Galicia emigrante, editada por Luís Seoane no seu exilio bonaerense, Francisco Fernández del Riego preguntoulle a Carballo: Como sintetizarías o teu xeito de ver Galicia?
. A súa resposta foi: o meu é o «xeito Seminario de Estudos Galegos». Vexo a Galicia como a vía o Martiño Dumbría de Devalar, o grande himno galego de Otero Pedrayo
(Lorenzana 1955). Na mesma entrevista afirmou sobre o idioma:
Quixemos expresar en galego toda cras de ideas e sentimentos, facer da nosa fala un medio total de expresión. Nisto non fixemos máis que continuar a obra da «xeración Nós». Todos nós procuramos escribir unha linguaxe enxebre, ceibe de exotismos, rexeitando formas medievais esquecidas. Non gostamos do dialectalismo, do ruralizado, do vulgarismo (Lorenzana 1955).
A resposta á primeira pregunta, oblicua porque naquelas circunstancias non podía ser directa, vén dicir: vexo Galicia do mesmo xeito que a viron a xeración Nós e o Seminario de Estudos Galegos, como unha nación. Ora, cabe preguntarse: quen son os “nós” que, segundo Carballo, se consideran continuadores da dita xeración? A resposta, implícita na entrevista, fíxoa explícita o propio autor anos máis tarde: Galaxia é a sucesora do grupo Nós
(Blanco 1989, p. 136), isto é, a continuación do galeguismo tradicional, mais potenciando −de acordo coa orientación que xa se iniciara polos homes de Nós− o carácter moderno, o carácter europeo, desa cultura
(Salinas 2020, p. 49). Por tanto, na liña do nacionalismo de entreguerras en que se formou intelectualmente, a ideoloxía do grupo Galaxia, e dentro del, de Carballo, tiña no seu centro a concepción de Galicia como unha nación cunha identidade propia, definida entre outros elementos centrais, por un idioma de seu. Por outra banda, unha paráfrase ampliada da súa resposta sobre a lingua galega podería ser: o idioma é unha creación orixinal do pobo galego, que debe ser redimido da súa marxinación para convertelo nun idioma nacional plenifuncional.
O cultivo literario do galego constituía unha estratexia prioritaria do grupo, como xa acontecera coas xeracións galeguistas precedentes. As razóns poderían resumirse en catro: por causa da súa subordinación, o galego estaba limitado aos dominios informais e incultos, por tanto, había que conseguir ampliar o seu rango funcional, comezando polo cultivo literario; a marxinación do galego implicaba o seu desprestixio social e cultural, mentres que a literatura gozaba dun capital simbólico amplamente recoñecido, ao menos polas minorías instruídas; o galego carecía de elaboración formal e dunha variedade culta, que tradicionalmente se identificaban co cultivo literario; finalmente, o cultivo do idioma propio permitiría crear un sistema literario autónomo, unha literatura nacional que expresase os trazos esenciais do carácter galego, o Volksgeist. O grupo Galaxia pugnou por establecer un canon da literatura galega e, ao mesmo tempo, propúxose crear un canon lingüístico, unha variedade idiomática de referencia. Como veremos, a primeira tarefa resultou ser menos ardua ca a segunda.
Canto ao ideal de lingua que debía informar a elaboración da variedade lingüística canónica, era crenza compartida que o cultivo literario do galego, afincado no tesouro dos falares patrimoniais, enriquecido e modernizado aproveitando a amiliaridade co portugués −idioma irmán plenamente desenvolvido−, desembocaría na decantación dun rexistro culto. Na segunda parte da resposta, Carballo define o seu ideal de lingua elaborada: Non gostamos do dialectalismo, do ruralizado, do vulgarismo
. Por unha banda, bótase de ver que tal ideal estaba insuficientemente perfilado, como delata a súa definición en negativo; mais doutra banda semella clara a orientación: o galego culto debía estar claramente diferenciado fronte os falares populares. De feito, como máis adiante veremos, había moitas dúbidas e incluso desacordos sobre como e canto apoiarse nos falares patrimoniais, na tradición literaria, na lingua medieval, no portugués etc... pero, falando en termos xerais, Carballo e Galaxia mantiñan unha posición máis inclinada cara ao elitismo do que cara ao popularismo.
Nas condicións de total adversidade en que tiveron que pelexar polos seus obxectivos os estrategos de Galaxia, o campo que escolleron para dar a primeira batalla foi o literario. O cultivo literario do galego tiña un impacto escaso nas prácticas lingüísticas da maioría da sociedade, pero, como antes apuntamos, a literatura conservaba un gran prestixio. Xa que o réxime franquista impedía avanzar no desenvolvemento funcional do galego, marcouse como prioridade dotalo de prestixio cultural, isto é, activar e reforzar o seu capital simbólico. A literatura atesouraba un capital simbólico moi significativo, sobre todo entre as minorías urbanas e cultas a que Galaxia se dirixiu de xeito prioritario, o que, obviamente, tamén se reflicte no seu ideal de lingua. Por parte, este obxectivo era solidario co de conseguir o recoñecemento da literatura galega como sistema autónomo, isto é, como unha literatura nacional. Cara a este obxectivo apuntaban as tentativas de definir os seus trazos esenciais (lirismo, saudade, amor á terra, humorismo), seguindo o ronsel do principal teórico do nacionalismo, Vicente Risco, e do Castelao de Sempre en Galiza (Monteagudo 2000a). Nótense os títulos dos primeiros volumes colectivos de ensaio publicados por Galaxia: 7 ensayos sobre Rosalía (a poeta que personificaba eses trazos, nomeadamente o lirismo e a saudade)1, La saudade e Paisaxe e cultura, ao que seguiría, uns anos máis tarde, O segredo do humor, de Celestino Fernández de la Vega.
Pero para afirmar a autonomía do sistema literario galego e, tacitamente, o seu carácter nacional, o camiño máis dereito era delimitalo mediante o criterio filolóxico: a literatura galega era a literatura escrita en galego. Como sinala Dolores Villanueva, a intención dos axentes que defendían o criterio filolóxico
era redefinir o campo literario galego en termos nacionais
(Villanueva 2015, p. 199). Unha primeira vitoria neste terreo, modesta pero significativa, foi precisamente o galardón conseguido en 1950 pola obra A xente da Barreira no concurso de novela galega convocado por Bibliófilos Gallegos. Como é sabido, a convocatoria deste premio deixaba aberta a definición de novela galega a todo texto de autor de naturalidade galega ou de temática galega, e a única das vinte presentadas en idioma galego foi a de Carballo. Non foi casualidade que xustamente esta fose a premiada −sen unanimidade, por un xurado en que os galeguistas eran maioría−, para se converter inmediatamente na primeira novela en galego publicada en Galicia desde o inicio da guerra civil. Implicitamente, o criterio filolóxico impúñase sobre o de naturalidade do autor e o temático, e incluso sobre o da calidade (Dasilva 2020).
Pero esta vitoria non era nada máis ca un fito dun longo e arduo combate. Outros episodios deste foron a publicación da Historia de la literatura gallega (1951) e do segundo volume da Escolma da poesía galega. Os contemporáneos (1955), de Francisco Fernández del Riego. Igualmente significativa foi a primeira grande achega de Carballo á historia literaria, a monografía Sete poetas galegos (1955), publicada en castelán como Aportaciones a la literatura gallega contemporánea, que recolle o texto da súa tese de doutoramento. Precisamente, indicáraselle a Carballo que era mágoa que non incluíse nela autores tan galegos coma Emilia Pardo Bazán ou Valle-Inclán. Por suposto, esta observación non era inocente, como non era inocente a súa exclusión dunha obra que estudaba exclusivamente poesía feita en galego.
Porén, a saída do volume d’Os contemporáneos da Escolma da poesía foi a que ergueu máis revoeira na prensa, precisamente por seguir ese mesmo criterio, o que tocaba na fibra de poetas vivos. Así, varios autores en castelán como Ramón González Alegre ou Miguel González Garcés saíron á palestra cuestionando a pertinencia do criterio lingüístico (Franco 2004, pp. 69-71). Por caso, o segundo sentía cuestionada mi irrenunciable y absoluta integridad de hombre gallego
e aseveraba:
La lírica gallega es la escrita por gallegos y que respondan a un modo de ser y actuar gallego. Nunca solamente la escrita en idioma gallego. El idioma es factor secundario. La Noche. 7/I/1956.
O monográfico da revista española Ínsula sobre as letras galegas (nº 152-153, de 1959) constituiría tamén outra vitoria notable no mesmo sentido, pois, ao conseguir a aceptación do criterio filolóxico fóra de Galicia tamén se conseguía reforzar a súa lexitimidade dentro do propio país. Este monográfico constitúe unha presentación das letras galegas coetáneas cara ao público español, realizada polas principais plumas galeguistas do momento. Os artigos que ofrecen o panorama da literatura galega articulan unha visión desta segundo o criterio filolóxico, e corresponden a algúns dos ensaístas máis representativos de Galaxia: a presentación corre a cargo de Ramón Cabanillas, Ramón Piñeiro define os “Factores esenciales de la literatura gallega”, Ánxel Fole trata do ensaísmo, Xosé L. Franco Grande da poesía, Salvador Lorenzana do teatro e Martínez Risco da narrativa, mentres que Manuel Rabanal ofrece unha aproximación a Castelao e Ramón Lugrís achégase a Risco. A contribución de Ricardo Carballo versa sobre Otero Pedrayo, un autor admirado e reverenciado por el dun xeito moi especial.
Como era de agardar, o aspecto que resultou máis polémico desta publicación foi a identificación implícita das “letras galegas” con aquelas producidas en lingua galega. Cando Del Riego pon en coñecemento de Piñeiro as queixas que está recibindo de escritores galegos en castelán por non seren incluídos no dossier de Ínsula, o pronunciamento deste é rotundo:
As literaturas están definidas polo idioma e non pola xeografía [...] No caso de Ínsula o criterio é ben ás claras idiomático. O número de Ínsula está concebido e planeado para dar a coñecer o panorama da literatura galega contemporánea. Enténdese por literatura galega a que está escrita en lingua galega (Piñeiro 2000, p. 165).
Finalmente, para lexitimar academicamente o criterio filolóxico foi decisiva a aparición do primeiro volume da Historia da literatura galega contemporánea (1963). Non fai falla insistir na idea, unanimemente aceptada, de que esta obra, sobre todo a partir da súa edición completa (1975) −unha das achegas máis importantes do autor, e mais da editorial Galaxia, á cultura galega− ten carácter fundacional na constitución do campo dos estudos literarios galegos (Casas 2020). O libro veu consagrar de xeito definitivo aquel criterio, xustificado na súa introdución:
Concibo nista obra a historia da literatura galega como a esposición das realizacións e do desenrolo da fala galega no orde literario. Íste é o senso máis doado e natural que cabe atribuir á espresión “historia da literatura galega”. Técnicamente, é o idioma empregado o que caracteriza ás distintas literaturas [...] Nen a nacencia do autor nen os ambientes descritos son criterios axeitados pra determinar a incrusión das obras dentro dos marcos dunha ou outra literatura [...] Entendo por literatura galega a literatura en galego (Carballo 1962, p. 11).
En definitiva, unha das herdanzas máis importantes que deixou aquela xeración Galaxia á cultura galega do noso tempo foi a consagración do criterio filolóxico como definidor da literatura galega, e o contributo de Ricardo Carballo para conseguir este avance do galeguismo e do idioma galego foi, sinxelamente, decisivo.
2. A ACHEGA DE RICARDO CARBALLO AO PROXECTO GALAXIA. A HISTORIA DA LITERATURA GALEGA
Ao tratar do contributo de Ricardo Carballo ao proxecto Galaxia debe comezarse pola súa propia obra persoal. Isto é, alén dos títulos xa citados, Sete poetas galegos (1955) e Historia da literatura galega contemporánea (1963, 1975), as monografías Versos iñorados ou esquecidos de Eduardo Pondal (1961) e Gramática elemental del gallego común (1966/1979) e mais as misceláneas Sobre lingua e literatura galega (1971) e Estudos rosalianos (1979), incluíndo o poemario Salterio de Fingoy (1961), a súa obra dramática nas Catro pezas (1971), a antoloxía en tres volumes Prosa galega (1976, 1978, 1980) e as Conversas con Carballo Calero (1989), de Carmen Blanco. Son dez títulos que conteñen unha porción non menor da súa obra, tanto no aspecto cuantitativo canto no cualitativo.
No conxunto das achegas de Carballo, salientan dúas pezas chave naquel proxecto, amentadas na cita que se reproduciu antes: a Historia da literatura e a Gramática elemental (por comodidade, abreviamos os títulos). Antes de debruzarnos na primeira, cómpre aclarar que, malia insinuacións que se teñen feito nese sentido, nunca puxemos en dúbida que se trata dunha obra estritamente individual do seu autor, como el mesmo reivindica (Fernán-Vello e Pillado 1986, p. 160). Mais non é menos certo que a obra foi posible mercé á colaboración de moitas persoas, comezando por Ramón Piñeiro e Fernández del Riego e incluíndo toda a rede de Galaxia e a súa propia familia, sen esquecer as profesoras que colaboraron con el, como Carme García e Lydia Fontoira. Para fundamentar un novo campo de estudos, proeza que el conseguiu culminar con esta obra ciclópea, precisábase dun arquivo das letras galegas, que daquela non existía, e mais dun amplo grupo de colaboradores que antes de 1970 malamente podían ser institucionais, porque os soportes institucionais estaban practicamente vedados ao galeguismo. Vexamos pois en que consistiu a colaboración de Galaxia no proceso de elaboración da magna obra.
A orixe da Historia da Literatura atópase nunha proposta que Ramón Piñeiro lle fixo chegar ao seu amigo, daquela residente en Lugo, nunha carta en que lle pedía que escribise unha Historia da lírica galega moderna para Galaxia (carta do 30 de outubro de 1951)2. Na resposta, Carballo recoñece que é unha tentación demasiado forte pra min
, pero aproveita para matizar que el quere facer un libro de crítica literaria e persoal sobre as grandes figuras da literatura galega contemporánea
(carta do 4 de novembro de 1951, énfase no orixinal). Pouco despois xurdiulle a Carballo a oportunidade de doutorarse aproveitando para a súa tese os materiais que levaba elaborado para aquela obra, que aparecerá en 1955 baixo o título Sete poetas galegos. Non obstante, en 1956 ten unha idea clara dunha nova obra máis ambiciosa, que lle expón a Piñeiro:
A verdade é que levo na cabeza e teño en parte plasmado en notas un libro sobre a nosa literatura contemporánea que xa non podo considerar versión nova das pubricadas, porque tratando a mesma materia, contén tantas ideas novas, tales cambios de sistema e método, tales ampriacións, supresións e correicións, que o esquema primitivo das “Aportacións” resulta totalmente superado (carta do 14 de abril de 1956) [na edición di empezado por superado, erro evidente que corriximos].
Piñeiro responde:
Moito me alegra o ver que tes en proceso de reelaboración os teus estudos anteriores, pois estou seguro que cos novos materiás e, sobre todo, co-a profundización da túa propia esperiencia [...], a nova obra, cando esteña feita, será unha verdadeira e definitiva “Historia crítica da literatura galega moderna” (carta do 23 de abril de 1956).
Pero o proxecto de Carballo batía cunha dificultade insuperable: a recadádiva de material é pra min materialmente imposible
, pois, segundo explica,
hai que falar de moitos escritores cuio valor é puramente histórico, que pra min son difíciles de atopar e que, sin embargo, hai que leer ou releer. ¿Ónde? ¿Cómo? O número de poetas e prosistas galegos [...] é asombrosamente grande. E quen escriba unha historia da literatura galega ten que dispor das súas obras completas. Inda que non seña máis que pra adicarlles unhas liñas, ten que telos leídos íntegros, pois se non interesa un xuicio solvente e persoal, abonda cos manuás xa pubricados [...] ¿Cómo, sen saír de Fingoy, podo leer os mil libros e folletos dos que tería que falar? (carta do 13 de maio de 1956).
Na resposta de Piñeiro ofrece unha solución: solicitar a colaboración dos “amigos”. A partir de aí, este mobiliza a rede de contactos de Galaxia á procura de fontes bibliográficas, dirixida desde un centro que se encargará tamén do mecanografado e o arquivo dos materiais que Carballo vaia producindo. Piñeiro argalla así un mecanismo bibliográfico que te ha de ir abastecendo de material de estudo
, cunha central de abastecimentos
a cargo de Francisco Fernández del Riego situado na sede da editorial en Vigo. En carta a del Riego, Piñeiro relaciona esta rede cun proxecto en que Galaxia levaba traballando un tempo: a fundación dun centro de investigación arredor dunha biblioteca, isto é, a Penzol:
Estivo aquí unhas horas Carballo Calero. Falamos de que conviña comezar unha nova etapa de Galaxia: a da investigación cultural. A base fundamental para esta etapa será o gran centro bibliográfico que reuniremos coa integración das bibliotecas de Martínez López e mais de Penzol. Con todo, mentres este centro non funciona, cómpre comezar igualmente a laboura. Organizando unha especie de prestación bibliográfica colectiva, pódeselle facilitar a cada investigador que traballe para Galaxia os elementos necesarios para o seu labor. Galaxia pode establecer ese servizo (carta do 25 de xuño de 1956).
Ao referirse á “prestación bibliográfica colectiva”, estaba pensando precisamente no proxecto acordado con Carballo, que considera central nos propósitos do grupo:
Contando con [este servizo], Carballo comprometeuse a unha empresa de gran alento: a elaboración dunha Historia crítica da literatura galega. Revisará toda a nosa literatura para ir establecendo un xuízo crítico actual. Esta obra será, sen dúbida, a gran aportación crítica da nosa etapa. Coido que é moi de celebrar que se leve a termo baixo o padroado e estímulo de Galaxia, que así dá un paso máis no seu papel de inspiradora e orientadora da vida cultural galega do noso tempo (carta do 25 de xuño de 1956).
Sobre este encargo e o que para el supuxo, Carballo reflexiona en carta a del Riego:
Desde o día do ano de 1953 –se non me trabuco– en que Ramón Piñeiro me visitou en Fingoy para solicitar de min formalmente que puxese –como inmediatamente fixen– mans nesta obra, a historia da literatura galega, a historia da lingua galega, a historia de Galiza e a miña propria humilde historia atravesaron por tantos días e traballos (cartas do 3 e do 13 de agosto de 1956).
Estas frases están reproducidas case literalmente no prólogo á terceira edición da Historia da literatura, datado a 27 de novembro de 1979. Por parte, como se pode ler a feito os epistolarios de Carballo con un e con outro, ao longo do proceso de elaboración da obra, o autor tivo en Piñeiro o principal interlocutor para o diálogo intelectual (Carballo/Piñeiro 2015) e en del Riego un abnegado e eficiente xestor, axudante e editor (Carballo 2006). Ao primeiro trasladoulle arreo dúbidas e cavilacións: moitas voltas lle teño dado ao problema de se ordenar a materia por autores ou por xéneros
, ¿deberei facer un libro «impersoal» e ouxetivo, ou ten máis interese un libro «persoal» e subxetivo?
... Ramón Piñeiro, pola súa banda, non deixa de ofrecerlle a súa opinión e de darlle azos para que non desista:
Estou moi ledo e nada arrepentido de ter contribuído parcialmente a te mergullar en tan esforzada aventura. Sabía das moitas e moi fatigosas dificultás, e sabía, igualmente, que se lle restaba −que se lle roubaba− un considerabel caudal de enerxía á tua obra de creación. Mais, ¿quén, que non foses mesmamente ti, podería hoxe en dia acometer e levar a termo a empresa?
Algunhas reflexións sobre a significación da obra, o papel histórico que ambos −e todo o grupo Galaxia− xogaron e o custo persoal que a súa entrega á causa lles supón, reveladoras da súa propia auto-conciencia, son ilustrativas:
Cando esteña rematada, [a túa obra] impresionará pola sua mañitude e polo seu rigor. Será, de certo, un dos grandes logros culturás desta nosa etapa heroica. Moitas, moitas veces teño cavilado si «podiamos» impoñerche unha tarefa que iba devorar o tempo que podias adicar á tua obra de creación. Considerando que un sagrificio semellante facémolo todos −supeditar a vocación ó deber− e tendo en conta a raíz esencialmente ética da tua persoalidade, na miña concencia sempre resolveu esta dúbida en senso afirmativo. [...] E cada dia estou máis convencido de que os resultados nos xustificarán rotundamente a todos (carta do 25 de setembro de 1959; énfase engadida).
3. ESTRATEXIAS DE GRUPO. O RESCATE DA RAG PARA O GALEGUISMO
Como é sabido, a partir de 1936 a Academia Galega pasou por grandes dificultades, que case a abocaron á súa desaparición, de xeito que nas décadas dos corenta e cincuenta se mantiña en estado practicamente aletargado. No contexto da ditadura franquista, e ante un panorama de esmorecemento das escasas, precarias e esmaceladas institucións culturais do país, o grupo Galaxia entendeu que, como parte da súa estratexia de resistencia, era preciso rescatar a Academia da súa irrelevancia (Monteagudo 2008). Explícao mellor ca ninguén Francisco Fernández del Riego (1990, pp. 234-238). Despois da guerra civil, asegura, o labor académico non só esmorecera, senón que case se podía chatar de desgaleguizador
. Mais, a pesar da súa inoperancia −pois a Academia apenas tiña significado no proceso das actividades culturais autóctonas
− o certo era que gozaba de certo carácter representativo, polo menos a nivel oficial
e contaba con certo prestixio simbólico
sobre todo cara ás comunidades galegas do exterior.
Tendo en conta a deriva que estaba tomando coa incorporación de personaxes alleos á cultura galega tal como Galaxia a entendía −comezando polo idioma−, o grupo entendeu que non debiamos desentendernos da vida da Corporación
. Deste xeito, aínda que silandeiramente, cumpría proceder ao seu remozamento
, e por tanto sería conveniente ir incorporando xentes novas fieis á fala e á cultura propias
. En resumo, velaí outra batalla máis para incrementar o capital simbólico da lingua galega e do propio grupo galeguista. O interese deste por gañar esa batalla queda de vulto nos epistolarios xa citados entre Carballo e Piñeiro e destes dous con Francisco Fernández del Riego, e entre Otero Pedrayo e Filgueira, (Piñeiro 2000; Carballo 2006; Filgueira e Otero 2009; Piñeiro e Losada 2009; Carballo e Piñeiro 2015)3.
Malia que se poden sinalar algúns precedentes −como o ingreso de Leandro Carré Alvarellos en 1945, o de Victoriano Taibo en 1948 ou o de Aquilino Iglesia Alvariño en 1949−, a incorporación do grupo Galaxia, e en xeral da inteligentzia galeguista non afecta ao franquismo, experimenta un pulo perceptible a partir de 1951, cos ingresos na Academia de Manuel Gómez Román, Xesús Ferro Couselo, Xaquín Lorenzo Fernández, Ramón Vilar Ponte e Antón Iglesias Vilarelle. Quen levou a iniciativa nestas incorporacións foi Otero Pedrayo, que xogou un papel chave na estratexia galaxiana. En 1953 accede á Academia Sebastián Martínez Risco. Entre 1954 e 1956 ingresan tamén Enrique Chao Espina, Manuel Chamoso Lamas e Antón Fraguas, igualmente apoiados polo sector galeguista liderado por Pedrayo. Varios dos devanditos formaban parte do grupo Galaxia: por caso, Gómez Román foi o primeiro vicepresidente do consello de administración da editorial e Martínez Risco e mais Ferro Couselo eran vogais dese mesmo consello.
Pero o núcleo máis representativo da xeración Galaxia foi incorporándose nos finais da década dos cincuenta e comezos da década dos sesenta. O primeiro foi precisamente Ricardo Carballo Calero (1958). Seguiríano García Sabell (1959), Fernández del Riego (1960), Cunqueiro (1963), Fole (1963) e Álvarez Blázquez (1964), entre outros, ata Ramón Piñeiro (1967). Son moi ilustrativos os termos dos parabéns de Piñeiro ao primeiro cando a súa elección: Sempre tiven desexos de que a Academia chegue algún dia a estar en condicións de cumplir «en serio» o seu cometido dentro da nosa vida cultural. Incorporacións como a tua son a millor garantía de que imos camiño deso
(carta do 10 de maio do 1958). Na correspondencia cruzada entre del Riego e o noso autor tamén abundan as referencias a ingresos e non faltan manifestacións contundentes deste sobre que política debía seguir o sector galeguista:
Dende logo, coido que no sucesivo, e salvo casos moi especiás, non debemos votar a quenes non escriban en galego […] Máis que sair triunfantes, hoxe, que temos bastante xente, interesa votar sistemáticamente de acordo cos nosos principios (carta do 31 de maio de 1965).
Carballo incluso propón constituír unha comisión do propio grupo Galaxia para orientar a política de ingresos de novos académicos:
Abondaría con que ti [del Riego], Piñeiro e García Sabell, por exempro, vos puxérades de acordo, sen consultar a ninguén máis, pra designar isa comisión [...] que representaría o ponto de vista de Galaxia [...] podería funcionar eficazmente e na práctica aseguraría as eleicións, recadando os votos necesarios. [...] Así habería sempre candidatos de Galaxia [...] E nada de sabios que non escriban en galego ou de boas persoas que se supón que nos ven con simpatía, mentres teñamos xente acretada que siga a nosa liña (carta do 31 de maio de 1965).
O espírito de equipo con que os integrantes do grupo Galaxia encaraban o seu labor queda de manifesto nunha carta en que Ramón Piñeiro trata de convencer a Francisco del Riego para que acepte que o presenten como candidato: Agora tocouche a ti o seres instrumento da próxima batalla. O mesmo lle puido tocar a outro
(carta do 15 de novembro de 1958). Exactamente ese é o ánimo con que Ricardo Carballo respondeu á felicitación do segundo: Moitas gracias pola túa fraternal felicitación con motivo da miña designación como numerario da Academia. Foi eleito un de nós. Esa é a única significación do feito
(carta do 2 de abril de 1957).
4. ESTRATEXIAS INSTITUCIONAIS. UN EPISODIO DA POLÍTICA LINGÜÍSTICA DA RAG (1962)
A verdade é que, malia a infusión de sangue novo que supuxo a incorporación dos académicos galeguistas, durante a década dos sesenta a vida da Academia continuou o seu curso languidecinte. Unha das tarefas máis relevantes para a que fora creada, máis reclamada polo público e na que a súa acción viña sendo deficitaria desde sempre, a pesar de figurar entre os seus obxectivos fundacionais, era a da regulación do idioma. Á parte dun moi ansiado dicionario, era moi sentida a necesidade dunha gramática normativa e dunhas normas ortográficas −adoitaba darse por suposto que estas ían naquela− que servisen de guía aos usuarios do galego escrito. Certo é que a inquedanza por este asunto viña sendo máis ou menos recorrente e que non fallaban nin as iniciativas nin a boa vontade, pero dar pasos concretos revelouse moi difícil. Imos reparar nun episodio relacionado con este asunto en que interviñeron de xeito decisivo Ramón Piñeiro e Ricardo Carballo.
Cinxíndonos á Academia da posguerra, os primeiros precedentes relativos á gramática de que temos noticia espreitan cando Leandro Carré Alvarellos, autor dun ben fornido e dabondo exitoso Diccionario galego-castelán, con varias edicións desde a xa antiga primeira (1928), presenta unha proposta para que se constitúa unha comisión dentro da Academia coa finalidade de que informe sobre a utilidade do manual de gramática que el mesmo tiña redactado (Libro de actas das Xuntas do Plenario da Academia, Arquivo da RAG, xuntanza do 3/IV/1955). Paulino Pedret Casado, Sebastián Martínez Risco, Ramón Otero Pedrayo, Fermín Bouza-Brey e Xosé Filgueira Valverde son designados para redactar un ditame sobre a cuestión, ditame que, caracteristicamente, non resulta concluínte, de maneira que a decisión queda en suspenso. Uns anos máis tarde, logo do pasamento de Manuel Casás, é elixido para a presidencia da Academia Sebastián Martínez Risco (1960), quen fixa este asunto entre os seus obxectivos prioritarios, tal como se recolle nunha declaración pública de 1961:
Si se atiende al factor de la urgencia y a la importancia que debe concederse al conocimiento y fijación del idioma gallego, considero de publicación preferente los textos lingüísticos abreviados, pero de absoluto rigor científico, tales como una gramática, una antología, un vocabulario. Este es el criterio que ha determinado el acuerdo adoptado por la Real Academia Gallega de proceder a su redacción, que ya está en marcha, y a su edición (apud Freixeiro 1994, p. 158).
Efectivamente, en febreiro de 1961 constituíuse unha comisión académica para abordar as ditas tarefas, inicialmente composta polos seguintes membros: Vicente Risco, Fermín Bouza-Brey, Xosé Filgueira Valverde, Victoriano Taibo (que renunciou axiña, alegando incompetencia), Aquilino Iglesia Alvariño, Enrique Chao Espiña, Ricardo Carballo Calero, Abelardo Moralejo Laso e Manuel Rabanal Álvarez. Os dous últimos, aínda que non eran numerarios da Academia, foron designados na súa condición de lingüistas profesionais. Dentro desta comisión constituíuse unha subcomisión, formada por Iglesia Alvariño, Filgueira Valverde, Moralejo e Rabanal −sorprende a omisión de Carballo−, co encargo específico de elaborar un relatorio de base para a gramática. Dado que o primeiro faleceu poucos meses máis tarde, en agosto do mesmo ano 1961, é designado para substituílo Ramón Piñeiro, a pesar de que era só académico correspondente.
As divisións de criterio no seo da comisión non tardaron en aflorar: algúns dos seus membros, como Chao Espiña e Bouza-Brey, coidaban que a misión era urxente e había que abordala de xeito inmediato, mentres que a outros, como Rabanal e Piñeiro, lles parecía que o asunto requiría un estudo demorado. Ao pouco tempo, Moralejo e Rabanal renunciaron a formar parte da Comisión, alegando: se trata de un trabajo que ha de ser realizado principalmente por gallegos que sientan la lengua desde dentro, cosa que nosotros no podemos sentir
. Piñeiro declarara anos antes sobre o problema da unificación do idioma, na nota sobre os criterios lingüísticos que acompaña a tradución do Cancioeiro da poesía céltiga (1952): Entendemos que a nosa evolución lingüística aínda non pasou desta etapa de escolma a unha etapa, necesariamente posterior, de unificación
(Fernández e Piñeiro 1952, p. xv). Á vista disto, non é de estrañar que en 1962 o noso autor expresase o punto de vista que lle expón con franqueza en carta a Martínez Risco:
Estamos nun semi-caos lingüístico. Para saírmos del necesitamos da autoridade normativa da Academia. Iso obrígalle a proceder con moito tino e coa meirande responsabilidade. Pensar que no estado actual dos nosos coñecementos lingüísticos pode a Academia publicar a gramática académica do galego é bastante alarmante para quen teña consciencia da nosa realidade idiomática e dos seus intricados, múltiples e delicados problemas (apud Freixeiro 1994, pp. 171-172).
Aínda así, nesa mesma comunicación Piñeiro comprométese a presentar un informe claro e preciso
, cun plan positivo consultado cos “técnicos”, isto é, filólogos formados, para que a Academia poida levar a cabo, con realismo e eficacia, a súa elevada misión neste terreo
, pois considera que de toda a actividade da Academia
, a responsabilidade idiomática
é a que máis me preocupa e interesa
.
Este informe está datado en febreiro de 1962 (Piñeiro 2009). Divídese en catro partes: 1) a situación lingüística, 2) as necesidades da lingua, 3) o papel da Academia, 4) as posibilidades da Academia. Verbo do primeiro punto (1), chama a atención sobre a fragmentación dialectal do galego e a carencia histórica da súa unificación e fixación como lingua de cultura. Aínda non existía un galego común, nin sequera o galego, senón varios galegos, pois faltou sempre a forza ou corrente unificadora que puidese crear o galego común
. Canto ás necesidades da lingua (2), recoñece que existía unha urxente necesidade dese galego común: agora que emprende con pulo a súa vida de língoa literaria, a primeira, a máis radical das súas necesidás é librarse do poliformismo anárquico
.
Sobre o papel da Academia (3), admite que a misión máis alta da Academia Galega é mesmamente esta: crear a unificación do galego, dar as normas que farán do galego o galego común
. Non obstante, a unificación só se podía conseguir por dúas vías: a) que un dialecto se consagrase como lingua oficial ou b) mediante un proceso de selección de toda a diversidade existente para chegar a un galego académico que, por vía cultural
se convertese no galego común. A primeira parecíalle descartada, mentres que aseveraba que a segunda será, estou seguro, aceptada sin dificultade, porque eisiste a conciencia aguda da súa necesidade
. Non obstante, para avanzar nesta cumpría basearse nun coñecemento previo, sólido e a fondo, da realidade lingüística do galego. Era evidente que faltaba ese coñecemento e ademais a Academia carecía de lingüistas preparados para avanzar nese camiño.
Finalmente, no tocante ás posibilidades da Academia (4), propuña abordar o problema en tres fases: estudo dos feitos lingüísticos, unificación selectiva e redacción da gramática. A tarefa correspondente á primeira etapa debía ser encomendada aos lingüistas, mentres que as outras dúas recaerían na Academia, mais esta non as podía realizar sen que estivese avanzada aquela. Xa que logo, en conclusión, propuña que a RAG puxese en marcha a primeira tarefa, a da investigación lingüística. Non obstante, xa que no seo da Academia non había lingüistas preparados, suxería convocar un concurso sobre os temas fundamentás que han de servir de base ó labor da segunda e terceira etapa
.
O informe de Piñeiro foi pasado aos membros dunha comisión creada ao efecto para que desen o seu ditame. Un dos membros desta comisión foi precisamente Carballo e coñecemos a súa opinión porque lla expresou ao propio Piñeiro nunha carta en que acompañou copia do seu ditame (carta de 27 de maio de 1962). Neste, Carballo comezaba por diferenciar o traballo de descrición científica do idioma do labor de codificación, que debía estar guiado por un determinado ideal de lingua e que por tanto tiña un carácter cultural. Carballo consideraba que a función da Academia se limitaba ao primeiro e non atinxía ao segundo:
Opino que unha gramática galega pode describir a realidade do idioma galego, ou pode configurar o ideal dise idioma.
A realidade é algo ouxetivo; o ideal é algo suxeitivo. Estudar aquéla é unha tarefa científica. Estabelecer íste é unha empresa de política cultural.
A primeira función é evidentemente propria da Academia. Verbo da segunda, que pretende a unificación do idioma, ouservo que o normal non é que as Academias unifiquen os idiomas, senón que as Academias rexistren a unificación realizada na lingua literaria por un proceso histórico (carta de 27 de maio de 1962).
O parágrafo é merecente de análise. É obvio que existen procesos de elaboración lingüística in vivo, en que o papel das Academias ou organismo semellantes se limita −que non é pouco− á codificación sistemática dunha variedade canónica, máis ou menos fixada de xeito espontáneo, a través dun proceso decantación histórica, e outros in vitro en que, por dicilo dalgún xeito, o proceso é máis artificial, pois a elaboración da dita variedade é inducido mediante unha intervención institucional deliberada, con vistas a precipitar aquela decantación (Calvet 1998, pp. 97-106). Por resumilo dalgún xeito, no primeiro caso dáse primeiro a decantación e despois a codificación, mentres que no segundo a codificación precipita a decantación.
Pero é chocante que Carballo atribúa ás academias a función de estudar cientificamente as linguas e reduza o seu papel normativo ao “rexistro” dun código previamente cristalizado na lingua literaria. Esta concepción do papel da Academia deriva da súa actitude “liberal” −o adxectivo é del mesmo e realmente resulta moi acaído− en materia normativa, segundo a cal a selección das “formas comúns” debe ser confiada á “libre competencia” entre as concorrentes, todo o cal ten claras resonancias da doutrina de Menéndez Pidal sobre o particular (Monteagudo 2000b, pp. 897-901):
Como no caso do galego se non chegou aínda á unificación, sería arbitraria e destinada ao fracaso unha decisión. Un «decreto de unificación» non sería obedecido, pois as Academias non impoñen os idiomas ao pobo e aos escritores. O pobo e os escritores son os que fan os idiomas, e as academias son notarios diste feito. A libre competencia impón as formas comúns, a unificación prodúcese empiricamente, e as Academias, cando o feito se realiza, certifican o feito. Como en Galicia o feito se non realizou, é imposible unha gramática galega normativa. Esta, hoxe, sería soamente a gramática dun novo dialecto galego artificial: o dialecto académico.
A conclusión derivada desta argumentación, que demostra un profundo descoñecemento dos procesos de elaboración lingüística e de codificación das variedades normativas, é desconcertante. A Academia debía centrar os seus esforzos en elaborar unha gramática descritiva, pero como o galego non estaba unificado, non había variedade de referencia que describir, de xeito que a tal gramática descritiva sería, a final, un manual de dialectoloxía galega:
En troques, se o estado actual do galego impede unha gramática normativa, permite unha gramática descritiva. Ista gramática, altamente desexabre, sería un «manual de dialectoloxía galega» [...] Ao meu ver, pois, o que actualmente debe perseguir a Academia, é a composición dunha gramática descritiva da realidade empírica do galego, ou sexa, o manual de dialectoloxía (carta do 27 de maio de 1962).
Esta conclusión é abraiante, porque en ningún caso un manual de dialectoloxía constitúe unha gramática descritiva “empírica”, nin unha gramática descritiva pode consistir nun manual de dialectoloxía. Un coñecemento elemental de nocións básicas de lingüística sería suficiente para non caer nunha confusión tan grosa coma esta. As gramáticas descritivas das linguas establecidas consisten fundamentalmente en descricións sistemáticas da súa variedade canónica na fala e na escrita, variedade que á derradeira é o resultado −en proporcións variables dependendo da lingua− en parte da evolución “espontánea” da lingua e noutra parte de determinadas intervencións institucionais sobre ela, nomeadamente, de iniciativas codificadoras de academias e institucións análogas4. Doutra banda, calquera variedade ou subsistema lingüístico (dialecto ou fala) posúe unha gramática que pode ser obxecto de descrición empírica.
En definitiva, Piñeiro e Carballo coincidían en que o coñecemento científico da lingua galega non estaba suficientemente desenvolvido como para emprender a elaboración dunha gramática académica e ademais concordaban na súa concepción gradualista do proceso de selección e codificación da variedade normativa (enténdanse estes termos no sentido de Haugen 1966), asentada na convicción de que a variedade padrón acabaría decantándose espontaneamente pola aceptación consensual −por parte dos escritores, dicía Piñeiro− de determinadas formas que irían gañando a concorrencia con outras no uso literario xeral. De feito, na declaración que precede a tradución do Cancioneiro de Pokorny, Piñeiro afirmara que a fixación literaria da nosa lingua debe facerse gradualmente, sin forzar con violencias normativas a súa marcha natural cara á maturidade cultural
.
Pola contra, canto ao papel da Academia, cómpre subliñar a diferente argumentación dun e doutro: Piñeiro móstrase convencido de que a misión máis alta da Academia Galega é contribuír á unificación do galego, dar as normas que farán do galego o galego común
, mentres que o segundo sostén que o normal non é que as Academias unifiquen os idiomas, senón que as Academias rexistren a unificación realizada na lingua literaria por un proceso histórico
, de xeito que un decreto de unificación non sería obedecido, pois as Academias non impoñen os idiomas ao pobo e aos escritores
.
Á derradeira, aínda que con argumentos en parte peculiares, Carballo concluía concordando co criterio de Ramón Piñeiro no sentido de que naquelas circunstancias a Academia debía absterse de elaborar unha gramática normativa. O informe de Piñeiro tivo tamén como valedor dentro da corporación a García-Sabell e causou impresión aos académicos, como suxire a lectura do Libro de actas das Xuntas do Plenario da Academia Galega (xuntanzas de 24 de xuño, o 20 de outubro e o 12 de decembro de 1962) e confirma a correspondencia de Piñeiro (Lorenzo 1991, pp. 138-139 e Villanueva 2010, pp. 104-105). A súa posición, que se dunha banda resultaba asisada, doutra banda implicaba aprazar sine die a tarefa da codificación, acabou prevalecendo e a Academia postergou a decisión sobre a gramática (Freixeiro 1994, p. 174).
Semella claro que neste caso Piñeiro e Carballo seguiron a mesma estratexia, asumida polo grupo, e o mesmo aconteceu cando ambos e dous mudaron de opinión. É que, como decontado veremos, Piñeiro e Carballo non tardarían moito en desdicirse, pois novas condicións político-lingüísticas impuxeron decisións impostergables. Primeiro, co gallo da introdución do ensino do galego na Universidade, Piñeiro encargou a Carballo a redacción dunha gramática (Gramática elemental del gallego común, que viría a lume en 1966). Non moito máis tarde, o primeiro puxo en marcha un procedemento que, urxido pola aprobación da Ley General de Educación, desembocaría na elaboración das primeiras Normas ortográficas e morfolóxicas (1970 e 1971) da RAG, a cargo novamente do propio Carballo. Este, por outra banda, despois de propoñer á Academia que aprobase unha profunda reforma normativa elaborada por el propio e que non foi aceptada pola institución (1979), que publicamos no presente volume (Monteagudo 2020c), retomaría a súa visión “liberal” do proceso de codificación á calor dos debates normativos da década dos oitenta. Alén das ironías da historia, o certo é que en todo este tempo Carballo actuou no marco das estratexias de Galaxia, en estreita complicidade con Ramón Piñeiro, o principal estratego do grupo.
Pasamos agora a referirmos ao proceso de xestación doutra das achegas fundamentais de Carballo e da propia editorial á cultura galega, a Gramática elemental del gallego común.
5. O ENSINO DO GALEGO NA UNIVERSIDADE E A GRAMÁTICA ELEMENTAL DEL GALLEGO COMÚN
Se o encargo de escribir a Historia da literatura foi ao encontro das inclinacións intelectuais do autor, o caso da Gramática elemental del gallego común é diferente: trátase dunha obra escrita estritamente por encargo e realizada polo seu autor a custa de renunciar ás súas auténticas preferencias e prioridades. O proxecto arrinca da creación dunha Sección de Filoloxía Románica na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Santiago, que ata daquela ofrecía unicamente a titulación de Historia. A finais de 1962, en canto Ramón Piñeiro soubo que a Universidade tiña mentes de incorporar o estudo da lingua e a literatura galegas no currículo da nova sección, enviaba recado a Carballo:
Acaba de se crear na nosa Facultade de Filosofía a Seición de Filoloxía Románica. Dentro dela, no 5º curso, figura a cátedra de Língoa e Literatura Galega. [...] Ora, eu penso que a cadeira de Língoa e Literatura Galega, que comezará a funcionar dentro de dous anos, correspóndelle de modo natural ó autor da gran “Historia da Literatura Galega” que vai saír, ben oportunamente por certo, de “Sete Poetas Galegos”, de “Aportaciones a la Literatura Gallega Contemporánea”, [...] ¿Non coidas ti o mesmo? (carta do 1 de novembro de 1962).
Na súa resposta, Carballo fólgase da nova e manifesta un estoico escepticismo canto ás expectativas que podía albergar:
É moi certo que a creación da Seición de Filoloxía Románica na nosa Universidade é un acontecimento de estraordinaria trascendencia. [...] En canto ao teu pensamento de que a min me corresponde de modo natural un posto no profesorado, non teño senón agradecerche a opinión tan favorabre. A viveza con que a manifestas non pode menos de emocionarme. Sei que se de ti dependera, isa arela se faría realidade. Iso abonda pra a miña satisfaición. Eu non podo facer senón continuar traballando (carta do 22 de novembro de 1962).
Aquela era unha oportunidade de ouro para iniciar a institucionalización da filoloxía galega. Des que se coñeceu a nova, o grupo Galaxia propúxose como obxectivo conseguir aquel posto para Carballo. A publicación do primeiro tomo da Historia da literatura galega contemporánea habilitábao como o candidato idóneo como profesor de literatura, pero existía un baleiro importante, tanto no currículo do aspirante in pectore coma no repertorio bibliográfico galego: o estudo da lingua atopábase en coiro ata o punto de que se carecía unha Gramática axeitada que servise como libro de consulta e manual para os futuros estudantes. Avanzar neste terreo convértese nun obxectivo prioritario da política lingüística galeguista, así que Galaxia toma a iniciativa e encárgalle a tarefa ao propio Carballo. A fins de 1963, este escríbelle a del Riego: Xa que anunciades a miña Gramática teréi que pensar en facela. Conviría que me mandaras todo o que teñas de antecedentes, pois eu carezo de libros de filoloxía galega
(carta do 22 de decembro de 1963). A petición é toda unha proba de ata que punto o autor vivira ata o momento alleo aos estudos de tipo propiamente lingüístico. En abril do ano seguinte xa pode comunicar a Piñeiro:
Coido que non tardaréi moito en me poñer a redactar a Gramática, pois se agardara a estar preparado ate o derradeiro escrúpulo, temo que non podería empezala nunca. Todo iste tempo teño madurado o plan e leído o que puiden a fin de reducir as probabilidades de erro. En todo caso, haberá que facer un traballo modesto e prudente (carta do 8 de abril de 1964).
A última afirmación do texto citado pon en vulto a conciencia plena que o autor tiña das súas limitacións como lingüista. É obvio que Carballo redactou a Gramática non por iniciativa propia, senón, como dixera Piñeiro, supeditando a vocación ao deber e, evidentemente, tamén aguilloado polo estímulo que para el supoñan as expectativas de promoción profesional. Por outra banda, percibe o escaso entusiasmo, mesmo a reticencia ou o desgusto, dalgúns sectores ante aquel empeño e, alén disto, non se lle escapa a lectura política −et pour cause− que a obra podía ter naquel contexto:
Hai unha corrente de opinión desfavorabre á empresa. Os seus representantes coidan que istas enerxías debínas consagrar ao segundo tomo da Literatura, porque a Gramática non pode sair tan ben que xustifique o tempo empregado en compoñela. En fin, eu estóu xa embarcado na empresa, que me resulta penosa, e que posiblemente non satisfaga a ninguén: pero se a considerades necesaria ¿quén a ía facer? Os capacitados pra elo difícilmente quererían arriscar o seu prestixio nista tarefa, que considerarán política e non científica (carta a Fernández del Riego do 31 de maio de 1965).
Ao final do curso 1964/65, aínda en Fingoi mais xa en expectativa de trasladarse no prazo de poucos meses a Compostela, consulta sobre as prioridades de traballo:
voso criterio é que urxe a redacción da Gramática. [...] Xa teño detido o segundo tomo da literatura. ¿Non é o axeitado adicar á gramática todo o vagar disponibre? ¿Ímola demorar máis? (carta a R. Piñeiro do 2 de maio de 1965).
Ramón Piñeiro concorda na absoluta prioridade da Gramática. E non era para menos, pois en setembro de 1965 Carballo recibe por fin a proposta formal de facerse cargo da materia de lingua e literatura galegas na Universidade, que se estrea no curso 1965/66. Xa instalado en Compostela e ensinando esa disciplina, no verán de 1966, o noso autor fai un esforzo titánico para rematar a obra: todo o meu traballo, mesmo as miñas leituras, están orientados á Gramática, de cuia posesión demoníaca desexo me liberar
, confésalle a del Riego (carta do 16 de xullo de 1966). Por fin, nos inicios do seu segundo curso como profesor universitario (1966/67), sae do prelo: Recibín a Gramática, que editorialmente resulta un fremoso volume
, notifica alborozado o autor ao mesmo correspondente (carta do 22 de novembro).
A obra esgotouse rapidamente, de xeito que a mediados de 1968 xa estaba preparando a segunda edición. As confidencias epistolares a del Riego dan idea tanto de ata que punto laboraba na Gramática por pura disciplina canto das duras condicións en que desenvolvía o seu traballo:
Renunciando ao veraneo, pensaba adicar oito horas diarias nas vacacións a traballar no segundo tomo da Historia [da Literatura]; pero Piñeiro díxome que se daba por esgotada a primeira edición da Gramática, e que despóis de maduras reflesións considerábase que a preparación da segunda edición debía ter prioridade sobre a elaboración do segundo tomo da Historia. Coa disciplina que constitúi o meu principal defeito, non ben me vin en Lugo, adiquei dez horas diarias a ese traballo, pois como sabes tiña moitísimas papeletas dispostas, e hoxe rematéi o meu labor (carta de 30 de xuño de 1968).
Xustamente dous anos máis tarde andaba atarefado coa terceira edición, que se lle volvía atravesar no proxecto que persoalmente máis lle interesaba, a continuación da Historia da literatura, e volve queixarse do crónico exceso de traballo que o atafegaba:
Teño unha morea de papeletas para mellorar o testo [...] Tamén ando pensando se incluir ou non algúns dados sobre a lingua arcaica [...] De todos xeitos, eu comezo a traballar inmediatamente na ordenación da terceira edición, que agardo mellore moito a segunda. Aumentará dabondo o volume, aínda que suprimiréi certos pasaxes que perderon actualidade, [...] Estóu xa enteiramente desbordado polo traballo. Non podo encher o programa mínimo que me trazo, pois as moitas clases do Instituto e da Universidade, coas súas esmagadoras obrigas de preparación e correccións de exercicios, téñenme totalmente fora de cacho. A famosa Historia da Literatura, II, adíase máis e máis; e por segunda ou terceira vez por culpa da Gramática (carta do 16 de abril de 1970).
Sen entramos na análise do seu contido, sobre o que non faltan traballos (Alonso Pintos 2000, Álvarez Blanco 2011, Monteagudo 2020a), podemos observar que, na liña do xa apuntado, a elaboración da Gramática contradí as reservas que en 1962 tanto Piñeiro como Carballo opuxeran á iniciativa da RAG. Ben é certo que a Gramática de Carballo non se presenta como unha gramática normativa, pois non tiña un carimbo académico oficial, pero non é menos certo que esa condición normativa se lle presupuña, igual que se lle presupuña o seu carácter oficioso. E non era menos certo que poñía mans á obra prescindindo dos estudos previos de carácter descritivo sobre as distintas variedades do galego que en 1962 se consideraran imprescindibles e que tiveron que agardar ao impulso que lles deu a cátedra de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago a partir de 1967.
Sexa como for, a Gramática chegou ata a sétima edición (1979) e, nun contexto de absoluta penuria de materiais, constituíu unha ferramenta imprescindible para a aprendizaxe dos rudimentos gramaticais do galego por parte non só das sucesivas promocións de estudantes de galego na Universidade, senón de milleiros de persoas dentro e fóra do país. Un fito histórico máis nas traxectorias de Carballo e de Galaxia.
6. GALEGO CULTO / LITERARIO, GALEGO COMÚN. A LINGUA POPULAR E O “RURALISMO VULGAR”
De feito, a actividade máis relevante de Carballo na Academia estivo relacionada coa función normativa da institución. Entre os obxectivos estratéxicos do grupo Galaxia estaba a configuración dunha variedade canónica do galego, pero, como antes se viu, as condicións para conseguilo estaban moito menos maduras do que acontecía no caso do canon literario, basicamente porque a falta de soporte institucional fora máis difícil de suplir para os estudos lingüísticos ca no caso dos estudos literarios. A concepción da propia variedade lingüística canónica era dabondo nebulosa, pois considerábase que a chave desta estaba no galego literario, sen distinguir claramente esta noción das de galego culto e de galego padrón ou normativo: a primeira apunta a unha variedade especializada nunha determinada dimensión (o galego empregado na literatura escrita, fronte, por exemplo, o empregado na prosa didáctica ou na fala coloquial); a segunda refírese a unha variedade situada noutra dimensión diferente (un estilo coidado de lingua, empregado por falantes cultos na comunicación formal fronte a estilos máis relaxados, propios de falantes menos cultos en situacións informais); e a terceira, a unha variedade definida noutra dimensión máis (un rexistro sen marcas dialectais, conforme a un código normativo, estandarizado).
A partir dos anos cincuenta foise abrindo paso a noción de galego común, na cal o adxectivo debe entenderse referido á variación diatópica, isto é, unha variedade de lingua caracterizada polo seu carácter supradialectal, en camiño de converterse na variedade lingüística canónica. Pero este galego común aínda debía emanciparse dunha concepción moi apegada aos usos literarios e o ideal de lingua que debía informar a súa elaboración −a que Carballo Calero fixera oportuna referencia no seu ditame de 1962, como xa se viu− estaba insuficientemente perfilado. Como atrás sinalamos, falando en termos xerais, Carballo e Piñeiro, e con eles Galaxia, coa súa refuga do “vulgarismo” e do “ruralismo”, mantiñan unha posición máis ben inclinada cara ao elitismo do que cara ao popularismo.
Esta inclinación cara a un ideal de galego común de feitío máis ben literario manifestárase xa, aínda que dun xeito tantariñante, en escritos de Carballo publicados por volta de 1950. Así, nun artigo publicado en La Noche en 1949, “Una lengua viva”, consideraba que o poeta galego tiña ante si dúas opcións: a) emplear un gallego correcto desde el punto de vista de la gramática histórica, es decir, un gallego erudito, académico
; ou b) utilizar la misma lengua viva del pais, es dicir, un gallego popular y dialectal
. Na súa opinión, crear unha lingua poética diferente da lingua común supondría la rotura del cordón umbilical que debe unir el arte con la vida
. Perante este dilema, a súa opción é clara: es preciso que la lengua poética hunda sus raices en la lengua viva
, aínda que a cuestión de hasta dónde ha de llegar la depuración de ésta, es cuestión de tacto
, para o que se require equilibrio y cordura
(Cadaval 1949). Velaí unha posición matizadamente inclinada cara ao popularismo lingüístico.
Porén, ao ano seguinte publicaba o artigo “Lengua dialectal y lengua común” (Cadaval 1950), en que matiza a doutrina anterior. O articulista distinguía dúas clases de escritores en galego, dependendo de como enfocaban o cultivo da lingua: os que se circunscribían a unha fala local concreta e os que procuraban un idioma máis común. Carballo distingue entre os escritores que se nutren del habla de su tiempo y lugar
e os que saltan por encima de las barreras de lugar y tiempo, esforzándose por crear un eficaz instrumento literario mediante la armónica combinación de toda clase de elementos, con tal que sean auténticamente gallegos
. Ante este dilema, agora el decantábase claramente a prol do segundo enfoque: El cantonalismo literario, con todo su atractivo familiar, está naturalmente encerrado en sus propios y estrechos límites. No puede sostenerse cuando se intenta una empresa de más altos vuelos
. Na súa opinión este gallego común
−nótese a expresión, destinada a figurar no título da súa gramática− está en proceso de formación sin prisa y sin pausa
. A identidade entre este criterio e o manifestado por Piñeiro no prólogo á tradución do Pokorny non pode ser máis estreita, como decontado se verá.
Ao dito proceso de formación do galego común contribuían, segundo a opinión que Carballo verte no artigo que acabamos de citar e mais noutro publicado un par de anos máis tarde, “Celtas e Románs cantan en galego” (Carballo 1952), as traducións ao galego que estaban vindo a lume naqueles anos: Poesía inglesa e francesa vertida ao galego, de Plácido R. Castro, Lois Tobío e Florencio Delgado Gurriaran (1949), os Carmina de Horacio, por Aquilino Iglesia Alvariño (1951) e o Cancioeiro da poesía céltiga de Julius Pokorny, por Ramón Piñeiro e Celestino Fernández de la Vega (1952). Este último artigo evidencia unha certa confusión de Carballo verbo das opcións para construír o galego literario que se discutían naquel momento (Dasilva 2008, 2009 e 2010). O noso autor entoa unha gabanza ditirámbica da versión dos Carmina, ata o punto de que se fai eco do prólogo do tradutor ao celebrar que agarrou a Horacio pola toga e o trouxo a patuxar polos nosos lameiros prestándolle os seus propios e rexos zocos
, xa que concorda con Iglesia Alvariño en que iste é o Horacio que cabe ser en galego, o Horacio que pode interesar a Galicia. Conserva a toga, pero calza zocos
(Carballo 1952, p. 26).
O comentario de Carballo non deixaba de ser implicitamente polémico, pois Alvariño fora moi criticado por seguir un criterio vulgarizante e dialectalizante. Mais, sorprendentemente, non é menos entusiasta o eloxio que tece do labor dos tradutores de Pokorny, que seguiran un criterio orientado cara a un galego literario selectivo e supradialectal, diametralmente contraposto, neste sentido, ao do tradutor de Horacio. Ao parecer do articulista, grazas ao seu tacto excepcional
e ao seu equilibrado gosto na escolma do vocabulario
, conseguiran un galego solto e ceibe de prexuízos medievalistas
(Carballo 1952, p. 26). A seguir, Carballo salienta que tanto unha coma a outra opuñan un novo modelo ao galego doutros notables escritores de hoxe, baseado nun limitado e arcaico vocabulario escolar e salferido de medievalismos trabucados e pseudocultismos neolóxicos argallados segundo leises mal dixeridas
. Xa que logo, os Carmina e o Cancioneiro están chamados a deixar un profundo calco na historia da nosa literatura e a influír resoltamente na evolución do galego literario
(1952, p. 27).
É difícil de crer que Carballo fose totalmente sincero no encomio de Alvariño se lembramos non só o seu artigo de 1950, xa comentado, senón a declaración de principios sobre a lingua que o noso autor pronunciou na entrevista con del Riego publicada en 1955: Todos nós procuramos escribir unha linguaxe enxebre, ceibe de exotismos, rexeitando formas medievais esquecidas. Non gostamos do dialectalismo, do ruralizado, do vulgarismo
(Lorenzana 1955). Canto ao criterio de Piñeiro, na declaración de principios lingüísticos anteposta á súa tradución do Cancioneiro de Pokorny, afírmase que a primeira etapa da conversión do galego en língoa de cultura superior debe consistir na escolma daquela parte do seu vocabulario
que teña posibilidás de unha meirande dinidade literaria, procurando debullalo da codia de ruralismo vulgar
(Fernández de la Vega/Piñeiro 1952, pp. XV-XVI). Na mesma liña, no seu discurso de ingreso na RAG de 1967, afirmaría: nós temos incorporado o noso idioma ás funcións máis requintadas da cultura sen nos preocuparmos de substituír a súa coroza labrega de xuncos polo manto académico de liño. Cómpre facelo
(Piñeiro 2007, p. 81). Con certeza, esta concepción do galego culto era solidaria coa convicción que Piñeiro abrigaba de que o futuro do idioma se xogaba na súa incorporación á vida urbana. En todo caso, é claro que, en liñas xerais, o ideal lingüístico de Carballo estaba moi lonxe do de Alvariño e moi preto do de Piñeiro. Tratábase dun ideal de orientación elitista: o galego común debía estar ben diferenciado do galego popular, que, con certo prexuízo e escasa obxectividade, era identificado co “ruralismo vulgar”.
7. AS NORMAS ORTOGRÁFICAS E MORFOLÓXICAS (1970 E 1971)
Comparando o informe redactado por Piñeiro en 1962 co seu discurso de ingreso na RAG, de 1967, semella claro que a argumentación sobre a diversidade dialectal do galego como atranco maior para a forxa dunha variedade común e a súa regulación normativa non só é abandonada, senón completamente rexeitada. A cuestión é tratada cando se detén a refutar o prexuízo lingüístico
, isto é esa opinión escéptica que, con diversos matices, dubida das posibilidades do noso idioma apoiándose nalgúns feito obxectivos
, entre os cales cita o polimorfismo dialectal
e a anarquía ortográfica
.
Sobre o primeiro, relativiza o alcance da diversificación dialectal do galego, xa que non constitúe unha característica privativa
súa, senón un fenómeno común a todas as linguas faladas. Conforme ao seu parecer, a diferenza radicaría en que as variedades escritas das linguas establecidas non reflicten a diversidade dialectal, en canto que o galego escrito aínda non ten esa unidade normativa
. Pero isto constitúe un atraso técnico que se poderá superar nun prazo curto, tan pronto como a nosa Academia considere facedeiro establecer as normas da unificación e os nosos escritores a impoñan na lingua literaria
. Dese xeito tamén se resolverá o problema da anarquía ortográfica (Piñeiro 2007, pp. 79-80). Afirmación esta que, por parte, se revelaría optimista en exceso.
Segundo Piñeiro, a iniciativa para que a RAG concertase unhas normas arrincou en mediados de 1968, cando Filgueira, Isidoro Millán, Carballo e el mesmo propuxeron crear unha comisión espontánea que elaboraría unha proposta para someter directamente á Academia (Piñeiro e Losada 2009, p. 796). O estratego de Galaxia non dá unha explicación sobre os motivos desa urxencia. Probablemente, resultou decisiva a introdución do ensino do galego na Universidade. Á vista das intencións que se albiscan naquela parte do seu discurso de ingreso a que acabamos de nos referir, non debe ser casual que a iniciativa xurdise ao pouco tempo da súa incorporación como numerario na RAG. En todo caso, á altura de 1970 a necesidade dunhas normas académicas parecía imperiosa e inaprazable, tendo en conta as expectativas que abría a Ley General de Educación ao dar respaldo legal á posibilidade de introducir o galego no sistema educativo.
Conforme declara o propio Carballo, el foi o redactor principal das Normas da RAG (Fernán-Vello e Pillado 1986, pp. 182-183). Porén, no seu documentado estudo sobre o proceso de elaboración destas, Xosé R. Freixeiro apunta con tino: Aínda que Carvalho Calero fose, con efecto, o redactor material das normas, parece lóxico pensarmos, tendo en conta que as súas ideas eran na altura bastante coincidentes coas de Piñeiro, que foi este quen supervisou e controlou de forma directa todo o proceso normativo
(2018, p. 314). Na explicación epistolar sobre este asunto que Piñeiro ofrece a Basilio Losada, vólvese á doutrina exposta no prólogo á tradución ao Cancioeiro da poesía céltiga, pero agora ponse o acento sobre a intervención dunha autoridade reguladora, a da propia Academia. O cultivo literario secular do galego camiñaba cara á unificación e, desde que se aspiraba a introducilo no medio escolar, era imprescindible que se fixase unha forma culta, polo menos nalgúns aspectos básicos:
Quizais o máis importante seña o paso inicial dado pola Academia cara á unificación idiomática. Xa se aprobaron −veríalas nos xornais− unhas Normas de unificación ortográfica. Como eu formei parte da Ponencia −con Carballo, Filgueira e Millán− pódoche dicir cal foi o criterio que se seguiu. Partimos do feito de que nos cen anos de cultivo literario, o galego, como lingua escrita, foi evolucionando cara á súa unificación. Como estamos nun intre delicado no afianzamento nos leitores galegos e de posible incorporación ó ensino, quixemos proceder con prudencia. Consideramos que o máis asisado era tomar por base a realidade actual do galego escrito, do galego que todos len e escriben, sistematizala e darlle carácter académico oficial. E ademais, darlle incluso carácter provisional. A Academia concordou plenamente con istes puntos de vista (carta do 7 de marzo de 1970).
As Normas morfolóxicas de 1971 van precedidas dunha introdución que soa a un exercicio de captatio benevolentiae, talvez para xustificar o seu limitado alcance e as súas modestas pretensións ou ben porque no fondo pesa a sensación de que, aínda que a RAG tiña recoñecida certa auctoritas para ditar a norma da lingua, carecía da necesaria potestas para impoñela. Talvez no fondo pesaba a idea de que a autoridade normativa nun idioma sen status recoñecido carecía do recoñecemento social que se atribuía aos códigos normativos dos idiomas establecidos. Incluso se pretende, con aparente inxenuidade, que a Academia codificóu as normas xa ouservadas polo pobo e polos escritores
(RAG 1971, p. 23). Pero tamén resoan os ecos do discurso “liberal” en materia normativa, con constantes referencias ao prudente labor de ordenación do idioma
que non é natural forzar academicamente
, ecos que reverberan así mesmo en afirmacións como a Academia non pretendéu forzar a simetría da lingua, encaixándoa dogmaticamente nunha escrita ríspeta
ou o labor académico consagra un fenómeno lingüístico, pero non o crea
, clara reminiscencia dos argumentos apuntados por Carballo en 1962. Pola súa banda, este levou as normas académicas ás aulas universitarias desde o primeiro momento. Así, en carta de 20 de marzo de 1971 anuncia a Del Riego o envío duns traballos do seu alumnado universitario co seguinte comentario: Todos van acordes coas Normas Ortográficas, así que se notas neles discrepancias, ten en conta que será en puntos aínda non lexislados pola Academia. Os meus alumnos coñecen ben as Normas, porque as practican continuamente
(carta do 20 de marzo de 1971).
As Normas ortográficas e morfolóxicas da RAG teñen sido criticadas por contemplaren un número reducido de puntos, por seren moi parcas en exemplos e careceren de listaxes que poderían esclarecer dúbidas e, no caso das ortográficas, por se decantaren dun xeito servil pola ortografía castelá. Aínda que, ao noso parecer, esas críticas son xustas, o certo é que probablemente as Normas foron concibidas como complementarias da Gramática elemental, e se son contempladas como tales, os reparos merecen ser máis matizados. En todo caso, semella innegable que en conxunto, tendo en conta o punto de partida e as limitacións de todo tipo con que Carballo Calero traballou, a Gramática elemental e Normas académicas supoñen un avance moi significativo no proceso de codificación do galego, un avance en liñas xerais asisadamente orientado. Un fito histórico máis para a lingua en que Carballo traballou en total sintonía co grupo Galaxia.
8. CABO
Como pretendemos mostrar no presente contributo, está plenamente xustificado considerar Ricardo Carballo como o filólogo de Galaxia, sen excluír os matices específicos das súas concepcións persoais, nin, por suposto, restar un ápice de mérito ao seu labor individual. Semella claro que así como no ámbito dos estudos literarios traballou sobre a base dun proxecto persoal madurecido e aplicando uns criterios propios, perfilados nun proceso de reflexión independente, no caso das súas achegas lingüísticas operou por encargo, sobre bases precarias e moito máis en diálogo e concertación con Ramón Piñeiro. Non é menos certo que, co gallo das sucesivas revisións e ampliacións da súa Gramática e da súa progresiva formación como lingüista e, sobre todo, ao fío do debate que estoupou cun novo axente científico, o Instituto da Lingua Galega creado en 1971, Carballo foi conformando unha reflexión propia canto á lingua galega que desembocaría na súa viraxe cara ao reintegracionismo (Monteagudo 2020a). Mais esta é outra historia, que corresponde a outra etapa da súa traxectoria intelectual.