Boletín da Real Academia Galega

Núm. 381, pp. 91-118

© 2020. Real Academia Galega

https://doi.org/10.32766/brag.381.788

O TRATAMENTO DO XÉNERO POÉTICO NA OBRA ENSAÍSTICA DE RICARDO CARBALLO CALERO. CRÍTICA LITERARIA, CANON E HISTORIOGRAFÍA

THE TREATMENT OF THE POETIC GENRE IN THE ESSAYS OF RICARDO CARBALLO CALERO. LITERARY CRITICISM, CANON AND HISTORIOGRAPHYY

Alberte Valverde
Universidade de Vigo

Resumo: Nesta intervención, o obxectivo principal é a revisión da produción ensaística de Ricardo Carballo Calero centrada no xénero poético do século XX. O eixe temporal que se vai abranguer transita dende os inicios na revista Nós até a presentación da súa magna obra Historia da literatura galega contemporánea, na edición definitiva de 1979. Asemade, cotexarase con diferentes calas representativas en textos do profesor e doutros axentes do campo. En concreto, este traballo pretende partir da produción deste autor para observar como se concibe e desenvolve a crítica no campo literario galego do século pasado.
Ao mesmo tempo, incidirase na proposta que realiza Carballo Calero dun canon poético para o século XX e mais a súa achega á construción dunha historiografía científica ligada ao nacionalismo literario incipiente. Desta maneira, acóutase unha obra que se considera determinante na hora de escoller uns habitus concretos na crítica e historiografía galega que se manteñen até os nosos días.

Abstract: The main objective of this article is to review the essay production of Ricardo Carballo Calero focusing on poetry of the twentieth century. Its scope encompasses his beginnings as an essayist in the Nós magazine to the presentation of his great work, Historia da literatura galega contemporánea [History of Contemporary Galician Literature] in the definitive edition of 1979. At the same time, it will be compared with different representative features in Carballo Calero’s texts and those of other practitioners in the field. Specifically, this work aims to use the production of this author as a basis on which to observe how criticism is conceived and developed in the Galician literary field of the twentieth century.
It will examine Carballo Calero’s proposal for a poetic canon for the twentieth century and his contribution to the construction of a scientific historiography linked to incipient literary nationalism. It therefore intends to provide a survey of work that is regarded as having been decisive in the adoption of specific approaches to Galician criticism and historiography that are still employed in the present.

Palabras chave: Ricardo Carballo Calero, poesía, crítica literaria, canon, historiografía, literatura nacional, nacionalismo literario.

Key words: Ricardo Carballo Calero, poetry, literary criticism, canon, historiography, national literature, literary nationalism.

A REVISTA NÓS. CONFIGURACIÓN DUNHA NOVA CRÍTICA LITERARIA

A revista Nós, da que neste ano 2020 celebramos o seu centenario, serviu de banco de probas para a configuración da crítica no campo literario galego. Na sección “Os homes, os feitos, as verbas”, omnipresente dende o seu primeiro número no outono de 1920 até o seu derradeiro nas vésperas da Guerra Civil, serviu de ágora de información varia que trataba dende as novidades editoriais até noticias verbo de exposicións ou traballos do Seminario de Estudos Galegos (SEG).

Esta sección foi configurándose como un espazo institucional no que espertaba unha nova forma de entender a crítica literaria. Comeza cun corpus textual mínimo, dando conta de reedicións de obras como D’O Ermo (Nós 1) ou Vento mareiro (Nós 10), para chegar ás recensións de carácter filolóxico dos anos trinta. Cómpre destacar aquí como será Vicente Risco, director literario, quen máis se ocupe desta faceta. Do que non cabe dúbida é de que esta concepción da crítica iniciática apenas pretende canonizar un tipo de poesía que liga as súas raíces co discurso político do ideario nacionalista da altura, isto é, do nacionalismo literario1 orquestrado polo cenáculo ourensán.

O “sentimento da Terra” que se subliña na obra de Noriega Varela (Nós 1) tamén se ha mimetizar noutras voces, creando unha sorte de canon poético de autores que superaron a liña repertorial que parte do Rexurdimento cos tres axentes incuestionables: Rosalía de Castro, E. Pondal e M. Curros Enríquez. Deste xeito, detéctase un espazo ermo entre Pondal e os autores da primeira década do século XX á hora de establecer un canon literario.

Os axentes literarios que se ven canonizados a partir dunha análise textual inicial na revista son Noriega Varela, Cabanillas, López Abente e V. Taibo. Este espazo de institucionalización establece xa dende a primeira tiraxe como Noriega Varela é un dos nosos poetas máis representativos. Co Cabanillas, López Abente e outros modernos. Mencionan o adxectivo “moderno” probablemente para incidir aínda máis nesta idea de configuración dun novo canon para un novo tempo. Mesmo en 1922 se chega a citar a Trindade da moderna lírica galega que neste caso sería Cabanillas, López Abente e Taibo2.

A crítica nos primeiros anos é parca en palabras. Atópase na sección “Os homes, os feitos, as verbas” un tipo de escrita que menciona as novidades editoriais. A extensión textual, no que atinxe a un corpo analítico propio, contrasta coa doutras latitudes, como a desenvolvida por J. Bal y Gay na revista Ronsel. Desta maneira, na primeira xeira de Nós (1920-1926), detéctase unha pluma que só dá conta de autores que comungan co ideario nacionalista máis risquiano, especialmente co que ten a ver co tratamento do volksgeist, tal como se aprecia na recensión de Raza e Terra de Eladio Rodríguez (Nós 16) ou tamén pola vía da proxección internacional. Con isto último faise referencia a como os contactos internacionais que mantiñan os cadros directivos desta publicación consideraban moi importante o traballo cun capital simbólico especial.

Neste sentido, a figura de Philieas Lebesgue, xa estudada no seu día por A. Figueroa (2010), serve tamén para constatar como o canon lírico toma forma. A proxección de axentes e produtos na esfera internacional achégalle maior autonomía ao campo literario. Na recensión que se realiza da obra D-Outono de López Abente afirman:

Philieas Lebesgue, que tanto aprecia os seus versos, cando lea D-Outono, qu’iste poeta galego, que é dos seus preferidos, non via pra trás, senon pra diante e pra riba (Nós 19).

O director literario da publicación confecciona nesta liña unha sorte de escola na que introduce voces como a de Lugrís Freire (Ardencias en Nós 41). A raza, a historia (por exemplo nas sagas de Cabanillas en Nós 29), o tratamento do volksgeist, da etnografía e, en menor medida, do criterio filolóxico (dálle moita importancia ao traballo coa fonética) son os criterios que o autor da Teoría do nazonalismo establece como repertorio canónico desta nova vaga de poetas.

Os primeiros textos de tipo crítico que atopamos na sección “Os homes, os feitos, as verbas” son cautos na hora de expresar de forma clara e precisa os repertorios máis traballados no momento. Por exemplo, camiño adiante dos anos vinte, a vangarda vai collendo folgos e creando un distanciamento entre os axentes nados nunha e noutra década. A vangarda será o capital simbólico e repertorio plural que estableza esta fronteira, porén na primeira etapa da publicación son poucas as referencias a el. Así, a primeira referencia que se atopa é a presentación da revista catalá Proa, coordinada por Salvat Papasseit, que liga vangarda e loita nacional (Nós 4). Cómpre esperar un tempo para a publicación na sección que nos ocupa de fragmentos do manifesto Máis alá, asinado polo poeta Manuel Antonio e o deseñador A. Cebreiro (Nós 12) ou recensións de obras en castelán como a de Julio J. Casal e o seu libro Cincuenta y seis poemas (Nós 13) ou o Hélices de Guillerme de la Torre (Nós 17).

Botada a andar a nova navegación deste proxecto colectivo, especialmente coa aparición de novos axentes literarios no campo galego, agroman as tensións no seu seo. Coa incorporación de poetas máis novos como Manuel Antonio ou Amado Carballo xorden dinámicas paralelas e en conflito. Este último non vai ser alleo á crítica literaria establecida na publicación. Desta forma, no final dos anos vinte aparecen tamén outras voces da crítica literaria como Otero Espasandín, F. Bouza Brey ou o autor que nos ocupa nestas liñas: Ricardo Carballo Calero, os cales son coñecedores da vangarda.

O profesor Carballo publica en Nós tres artigos de carácter ensaístico centrados no xénero poético e varias achegas críticas de produtos concretos. Comeza amosando poesías de seu −a primeira en 1928, sendo el un estudante universitario en Compostela− e será nos anos trinta cando se vaia construíndo un crítico e historiador do campo literario galego.

A primeira entrega que realiza o profesor ten como título “Ollada encol da poesía lírica galega contemporánea” (Nós 87) no ano 1931. Trátase da publicación do seu discurso de apertura do ano académico 1930-31 na Universidade de Santiago de Compostela e na que se centra en establecer unha nova xeira de axentes poéticos no campo literario da altura.

Comeza Carballo (1931) discernindo entre poesía lírica (“en verso”) e non lírica (“en prosa”, afirma). Para tal contraposición bota man da obra de M. de Unamuno, o cal parece non aceptar esta última na sentenza los versos se hacen para ser oídos y no para ser vistos, e xustifícaa a partir da figura de C. Baudelaire, do verso libre en R. Darío e da proposta de ligazón co recurso do paralelismo na lírica medieval.

A partir desta idea, constrúe unha historia da poesía galega. Esta estaría confi-gurada por “ciclos” historiográficos:

  1. Cancioneiros (séculos XII-XV)
  2. Postración (séculos XV-XIX)
  3. Renacencia (séculos XIX)

En todos destaca o feito de tratar sempre un repertorio poético lírico (fala mesmo dun “frorecer sempiterno”) e bota en falta a ausencia de poesía épica e dramática por mor dunha profunda dependencia doutros focos do poder.

Nesta liña historiográfica, canoniza os tres grandes mestres da Renacencia: “Rosalía, Curros e Pondal”, á vez que os liga co século XX na figura de Cabanillas, Noriega Varela e Taibo, continuando a teoría de V. Risco que foi descrita en parágrafos anteriores.

A continuación, Carballo propón un habitus novo no campo literario, en con-creto no que se refire ao papel do crítico e historiador da literatura. Considera que a crítica actual é “inaproveitabre”, como tamén que “non temos críticos especializados en poesía”, tal como tamén sinala no campo literario español, exceptuando as voces de Gómez Baquero e Díaz Canedo, aos que reivindica como figuras punteiras.

O ferrolán propón un tipo de crítica asentada na “cencia”, na “cencia ouxeitiva” e, para tal fin, presenta unha análise da produción poética contemporánea que mesmo recorda experiencias máis achegadas aos nosos días, como a do Anuario de Estudos Literarios Galegos. Carballo entende a crítica científica no sentido filolóxico e erudito ligada aos traballos do SEG3. Marca un espazo temporal concreto, neste caso os catro últimos anos, e avanza tres grandes polos ou “tradiciós líricas galegas”, que xorden nunha “anarquía” de propostas poéticas que foron xurdindo nesta liña temporal.

A primeira é Bouza Brey. Aquí toma como base da materia poética a lírica medieval dos cancioneiros. A segunda abrangue a que parte dos Precursores, especialmente de Pondal, e se perpetúa en Cabanillas e a terceira é aquela importada doutras latitudes, isto é, a vangarda.

Nesta liña de análise tamén subliña as carencias que, ao seu ver, ten o campo literario. A ausencia dunha poesía “sensual” (que ocuparía maior espazo no campo literario español con voces como Lorca, Ausias March ou Catulle Mendes) vese xustificada por un volksgeist que caracteriza como “a alma céltiga, neboenta e nordesía, non profesa un culto ao corpo” e que recorda en moito as teorías atlantistas de Risco. O mesmo sucede coa pouca ou nula ligazón que se forxa entre o campo literario galego e español (Alberti, Salinas, Guillén, Lorca e G. Diego) a prol doutras latitudes como o influxo portugués (Noriega), o modernismo hispánico (Cabanillas), a tradición medieval (Bouza) ou o “espírito europeo de vangarda” (Manuel Antonio).

Deste xeito, marca dous grupos de poetas máis contemporáneos:

A “Nova era” serán aquelas voces marcadas por V. Risco dende a primeira xeira de Nós Cabanillas (capital simbólico: modernismo e nacionalismo), Noriega (capital simbólico: a Terra e a tradición ou igual que a súa proxección fóra e dentro do campo: “o máis traducido e imitado”) e Taibo (capital simbólico: a lingua e continuación de Cabanillas).

“Os seguintes” serán os poetas nados en 1900: Bouza Brey (capital simbólico: cultismo na lingua), Amado Carballo (capital simbólico: ligar a poesía moderna cos máis vellos e o panteísmo), Euxenio Montes (capital simbólico: o introdutor de novidades europeas) e Manuel Antonio (capital simbólico: a ligazón entre vangarda e nación; “Manuel Antonio escribe a nosa Odisea”).

Remata esta intervención introducindo unha nova forma de realizar a crítica literaria ao postular sentenzas de corte persoal. Nestas liñas estase a contradicir el propio ao afastarse daquela “cencia” que botaba en falta. Así se manifesta en consideracións como que Bouza Brey “seméllame o de mais porvir” ou que Montes é o “máis universal”.

Un ano despois de publicar este texto en Nós, aparece na mesma revista unha segunda intervención en forma de artigo do autor que nos ocupa. Con “Balance e inventario da nosa literatura” (Nós 108) realiza unha crítica da produción literaria do ano 1932. Desta maneira, a nivel xeral, comeza xustificando como minguaron os títulos por mor da “activa vida política” dos axentes.

Carballo neste momento focaliza tres textos en prosa e outros tres en verso para describir o comportamento do campo literario galego da altura. Na prosa cita as Xornadas de Bastián Albor de A. de las Casas, Contos do camiño e da rúa de Otero Pedrayo e Morte e resurrección do mesmo autor. En poesía destaca o Vento segrel de A. Casas, Poemas en catro tempos de Blanco Amor e Mar ao norde de A. Cunqueiro. Os dous primeiros foron libros comentados polo propio Carballo na revista Nós.

Deste texto destacamos a utilización da palabra “persoalmente”, que temos que ligar ao antigo debate sobre a ciencia do texto crítico-literario que anunciaba no anterior escrito. Aquí, o ferrolán distánciase das outras voces contemporáneas ao asentar a súa escrita en dous rexistros: o científico e mais o ensaístico. O primeiro tenta incidir no canon e describir de xeito obxectivo o produto literario. Pola contra, o ensaístico penetra a súa escrita na valoración persoal. Neste “Balance” veremos como mesmo anticipa a recepción dos novos poemarios que xa tivo nas súas mans, probablemente en forma de manuscritos, e que marcarán un fito no ano 1933: Nao senlleira (non creo que sexa superado en moitos anos), Corazón ao vento (humano e íntimo) e Poemas do si e do non (algo ao Alberti).

Continuando coa reflexión sobre esta nova xeración de poetas, presenta en Nós 130 (abril de 1934) unha análise sobre a poesía de Bouza Brey en forma de artigo: “Grorias e perigos da poesía de Bouza Brey”. Parte neste caso dunha revisión do concepto “novo” (“novo pode ser o que é diferente do antigo”). Traza paralelas entre a obra de Bouza Brey e mais o canon establecido por Risco dende inicios dos anos vinte: Cabanillas e Noriega. Mais neste caso tamén incorpora os novecentistas Amado Carballo e os discípulos. Após este dato achega o adxectivo de romántico, mais encadrado na interpretación “campesiña” e cheo de simbolismo verbal. Da mesma maneira, singulariza a obra do ponteareán co seu entroncamento coa lírica medieval galega e mais cunha “poesía verdadeiramente nacional”. Finalmente, focaliza a “señardade” do popular, concepto que volverá analizar anos despois ao falar da saudade na poesía galega.

Considera Nao senlleira unha obra con capital simbólico de seu no campo literario da época, sobre todo pola súa novidade ao dialogar coa tradición medieval e coa vangarda. Asemade, aposta Carballo por ir definindo a escola de poetas que se dan a coñecer entre 1926 e 1933, o que se ten denominado como Novecentistas.

En paralelo a esta intervención, publica o cuarto escrito en Nós (131-132; novembro-decembro 1934). Con “A xeneración de Risco” establece unha ligazón entre a denominada “Xeneración de Risco” e mais a “Xeneración do 98”. As dúas terían en común a vivencia dunha crise nacional e histórica.

Isto vai servir de anticipo da súa tese central: a convivencia na actualidade de dúas estéticas enfrontadas. A primeira é a representada polo cenáculo ourensán, que na poesía ten como principais baluartes as firmas de Cabanillas, Noriega e Taibo. A segunda, e en confronto, serían os “Novecentistas”, título que provén do ano en que nacen a maioría dos autores catalogados e que formarían unha pléiade de autores máis novos que se configuran como contrapunto ao texto de Risco, “Nós, os inadaptados”.

Carballo reclama neste artigo un distanciamento persoal á hora de realizar un estudo o máis obxectivo posible. Contra o final ataca o ensaio “Nós, os inadaptados”, ao pór como defectos da produción deste grupo de escritores certo “esoterismo” ou “dandismo”, que el mesmo focaliza no cenáculo ourensán. A nivel xeral, valora positivamente o seu traballo en prol dunha construción nacional. Porén, amósase moi crítico co posicionamento político desta xeración, se cadra pola dupla ocupación do axente literario nos anos trinta ao pisar o campo político e literario ao mesmo tempo.

Neste ano 1934 hai unha evolución moi firme no campo literario galego á hora de se distanciaren os axentes ligados a Risco e o seu texto “Nós, os indaptados” e os novos poetas. Así, estes últimos reafirmarían o seu capital simbólico, enraizando coa vangarda como punto de inflexión.

As orixes desta diatriba xa se establecen en 1928 co artigo “La nueva literatura gallega” asinado por Augusto M. Casas en La Gaceta Literaria (1/VII/1928 e 15/VII/1928) e desenvólvense posteriormente nos textos “¿Qué es la vanguardia?” (5-8-1930) e “La novísima poesía gallega” (17-8-1930) publicados en La Zarpa no ano 1930. O poeta galego mozo aposta por revisar o canon poético da altura e establecer un distanciamento entre a camada de axentes literarios nados nos albores do século XIX (conservadores del fuego sagrado), o que Carballo denominará como Xeneración de Risco, e os poetas nados en 1900. Estes últimos terían como principal capital simbólico o traballo coa vangarda. Dos primeiros considera que non evolucionaron nada dende o Rexurdimento. Fala de poetas posrománticos e neoclásicos como Cabanillas, Noriega, Abente ou don Eladio.

Augusto M. Casas postula a vangarda como capital simbólico e síntoma dunha autonomía que “restaurará” a orde nun campo literario galego que, no que atinxe á poesía, semella un “guiriray”. Neste momento poético confecciona un habitus (Bourdieu) que ten o discurso de vangarda como cerna, o cal se desenvolverá nos anos trinta, cando dende estas liñas se anima a que os escritores máis “avanzados” dialoguen co campo político.

Os valores máis “puros” desta novísima poesía segundo Casas son: Amado Carballo, Manuel Antonio, Otero Espasandín, Denys Fernández, Eugenio Montes, Correa-Calderón, J. Bal, L. Pimentel, Juan Vidal Martínez, J. Carballeira, Bouza Brey ou Blanco Amor. Así, considera que Manuel Antonio (“el primero y más interesante”) e Eugenio Montes (“principal motor de la renovación”) son os principais axentes desta nova vaga.

Na mesma liña de contraste coas teses de Risco atópase Francisco Fernández del Riego. No texto “Índice cultural e artístico do Renacemento galego” (Nós 117 e 118) describe a evolución que sufriu o campo literario galego centrado sobre todo no discurso nacionalista. A. Figueroa (2010) ten reparado neste texto e na súa achega cara a unha maior autonomía do campo.

Penso que este traballo representa, con outros dos que imos falar logo e que van aparecendo nos primeiros anos trinta, a iniciación dunha perspectiva crítica sobre a literatura galega e consecuentemente da relativización das regras da arte do campo de produción ideolóxico. (2010, p. 105)

Fernández del Riego volve presentar o canon que evoluciona de Cabanillas e Noriega Varela cara a Manuel Antonio e Cunqueiro (o “Movimento lírico”). Estes dous últimos poetas creacionistas non gongoranos antepoñen a selección de matices á seleición de imaxes e veñen dos creacionistas franceses de 1933, de Divoire, de Vildrac, de Jean Cocteau. Aquí introduce a L. Pimentel, Bal y Gay, E. Montes e Otero Espasandín. Pola contra, neste “Movimento lírico” novo, a escola de Amado Carballo vén caracterizada por poetas “dazanovistas con influencia de Juan Ramón Jiménez, de Antonio Machado, de Hölderlin, de Paul Valery”. Son exemplo desta liña tamén Carballo Calero, Augusto M. Casas e Blanco Amor. Nun terceiro grupo caracteriza os “Poetas do novo romantismo”, representado por A. Iglesia Alvariño que se caracteriza por empregar unha “mitoloxía rústica finísima”, “afán de ausencia” e poemas que reflicten os “azos da natureza”. Por último, describe os “Poetas que retornan ao primitivo senso lírico dos cancioneiros”. Será Bouza Brey o principal representante, ficando patente como as mesmas características das que fala Carballo son as que emprega Fernández del Riego.

O artigo prosegue caracterizando o campo pictórico, escultórico e musical. Amosa o autor un dominio amplo destes mesmos campos a nivel europeo (por exemplo, no momento de falar da obra de Castelao emparéntaa coa de Klee, Flehter ou Gross, na hora de falar dun “dibuxo alemán-xudeu”).

Remata o escrito Fernández del Riego describindo o campo literario centrado na prosa. Destaca como é un xénero á alza nesta época. Caracteriza os axentes máis interesantes ao seu ver, establecendo unha sorte de canon: Risco, Otero Pedrayo, Castelao, Vicente Viqueira e E. Montes son os autores escollidos. Mais tamén hai un oco para a prosa científica, da que loa o labor de F. L. Cuevillas.

Nas últimas liñas, sinala os tres ámbitos institucionais do campo ideolóxico: o SEG, Ultreia de A. de las Casas e mais a Universidade de Santiago. As tres asumen a loita de resistencia cultural.

Paralelamente, Carballo preséntase como voz crítica nos anos trinta. Son varias as súas intervencións como crítico literario na revista Nós. Así as cousas, establécense tres liñas de traballo neste labor. A primeira sería a de comentar voces de gran produción (atendendo a un campo literario en vías de normalización como o caso galego). Aquí falamos de críticas a libros como Codeseira de Crecente Vega (Nós 122), pois focaliza o criterio filolóxico e oponse á vangarda (“Non interesará aos leitores de Cunqueiro”). Nesta liña tamén se podería entender o artigo sobre “Robert Burns e o diaño” (Nós 105) ao explorar a figura de poeta-labrego que incorpora a etnografía e antropoloxía cultural como repertorio poético.

O segundo grupo son os textos vindos de fóra, especialmente de Portugal. Coa visión sobre Mar coalhado de Branquinho de Fonseca (Nós 118) e Poesía de Gil Vicente (edición de Dámaso Alonso) (Nós 126-127) aproveita para reflexionar sobre o contacto que se establece entre o campo literario galego, portugués e castelán. Destaca ademais como o caso galego é moi anárquico (cando fala da obra de Branquinho de Fonseca comenta: “En Galicia cada un fai o que lle peta, apenas hai homoxeneidade nas tendencias dos nosos modernos líricos”).

O terceiro grupo é o que máis nos interesa porque aquí se anticipa a aposta de Carballo por un novo canon e xogo de capitais simbólicos no seo do campo. No comentario que realiza sobre o libro O vento segrel de Agusto M. Casas (Nós 101) contextualiza a obra de Casas ora a nivel sincrónico cos seus coetáneos ora a nivel diacrónico coa historia do campo. O criterio filolóxico comeza a ter moita forza na base crítica, ao lado do estilístico e do musical.

No seguinte número céntrase no Poema en catro tempos de Blanco Amor (Nós 102). Neste caso a crítica encamíñase a través da ligazón interxeracional. Considera Blanco Amor un autor modernista, mais entendendo este movemento afrancesado, pois iníciase cos postulados de Baudelaire e tería continuidade con Verlaine e o hispano R. Darío. Paralelamente, sinala a pegada de De catro a catro no nivel temático.

O mesmo esquema crítico serve para anotar o poemario de Delgado Gurriarán, Bebedeira (Nós 128-129). Aquí volve destacar o criterio filolóxico: “língoa enxebre e ricaz” e repara nunha “escola ourensana” que ten como pai a Amado Carballo e como “afiliados” a A. María Casas, E. Montes, E. Blanco Amor, M. Lois Acuña e F. Delgado Gurriarán.

Non se atopan máis textos de carácter crítico de Carballo até o que presentou en Nós 136 arredor da figura de Rosalía de Castro e Curros. Neste caso alude a como foi traducida por Juan Ramón Jiménez e como Rubén Darío recoñeceu a poetisa de Padrón.

Nos textos de Ricardo Carballo detéctase unha evolución nos criterios repertoriais e de manexo de capitais simbólicos dende os inicios no ano 1931 até os últimos no ano 1934. No artigo “A xeración de Risco” distáncianse alumno e discípulo. É a posteriori (Fernán Vello e Pillado 1989, p. 59) o momento que considera oportuno para focalizar a Otero Pedrayo e Castelao como os que máis influíron na xeración de nados arredor de 1910. Pola contra, a pegada de Risco visualízase máis nos nados xusto a comezos de século (lectores do “Preludio a toda estética futura”). Non é menos certo que o editor literario da revista Nós configurou un espazo e un habitus de crítica literaria que marcarían a evolución do campo literario galego até a Guerra Civil. Poderíase considerar atinado, como se concretou antes, pór en diálogo o texto “Nós, os inadaptados”4 coa “Xeneración de Risco” de Carballo como fotografía das tensións no seo de campo entre dúas visións do mesmo nun momento preciso. Mais tamén se podería acrecentar nesta diatriba outro texto asinado por Augusto M. Casas en 1930, “Esquema da nova poesía galega”. Cos tres teriamos unha visión xeral das dinámicas internas no campo literario galego, especialmente ligado á inclusión da vangarda como elemento repertorial.

Desta maneira, detéctanse tres grupos de poetas con cadanseus repertorios en oposición para ocupar un lugar de seu no canon e no campo de produción restrinxida, organizado polos axentes con capital simbólico na hora de establecer o seu canon propio.

Así, vemos como hai un grupo de poetas da Xeración de Risco que se postula dende 1921: Cabanillas, Noriega Varela e V. Taibo. Os tres manexan o modernismo e continúan na construción dunha literatura nacional galega. A seguir teriamos os Novecentistas, todos con data de nacemento arredor do ano 1900 e que se distinguen por ter como mentor o propio Risco (“Prolegómenos dunha estética futura”) e introducirse na vangarda dende diferentes postulados. Por último teriamos os nados en 1910. Estes últimos asentan a vangarda como habitus para a enmarcar definitivamente na dinámica de construción dunha literatura nacional: ora a través do criterio filolóxico ora adaptando a vangarda a un discurso de nación.

Ficaría un cadro descritivo desta oposición entre axentes poéticos:

Os inadaptados Novecentistas Os novos
Nados a finais do século XIX Nados en 1900 Nados en 1910
Asimilan o modernismo desconstruíndo o volkgeist (Noriega Varela) Asimilan a vangarda dende os postulados de Risco en “Preludio a toda estética futura” Avanzan nunha vangarda que manexa os repertorios dun nacionalismo literario
Risco: Segregación “espiritual” da sociedade, autodenominación como seres pneumáticos (en oposición a hylicos e psíquicos) Risco: buscan a introversión e o espírito do eu (Amado Carballo e Manuel Antonio ) Axente duplo: combinan a súa acción no campo literario e político
Risco: Entenden a arte como un “goce esotérico dos escolleitos” Busca dunha nova forma de se dar a coñecer: a revista (Ronsel ou Alfar) Introducen a crítica literaria de xeito obxectivo. Formación filolóxica (Casas ou Carballo Calero)
Carballo: Extensión do modernismo (Cabanillas e Taibo) Manexan o ultraísmo, cubismo e creacionismo Procuran confluír a vangarda europea co volksgeist (E. Montes) e a tradición literaria galega (Bouza Brey)

No estudo elaborado pola profesora Carmen Blanco, “A crítica literaria de Carballo Calero” (1983), postula como o ferrolán foi quen de construír un discurso crítico autónomo dende os seus comezos na revista Nós. Blanco sinala como a crítica literaria se establece no campo literario galego como unha “ciencia sólida” (1983, p. 174) a través da filoloxía como tal.

Desta forma, considera unha serie de elementos determinantes na hora de establecer unha escrita crítica. O primeiro ten a ver coa “ideoloxía”, especialmente o discurso galeguista que Carballo descobre no SEG e no nacionalismo galego dos anos vinte e trinta, canda a súa formación universitaria en Compostela. Ligado a este elemento xorde o “criterio filolóxico” que, camiño adiante, ha ter un maior peso ao se ver cuestionado nos anos cincuenta e sesenta. E, do mesmo xeito, a “interpretación autóctona” (1983, p. 179) ou como a visión dende dentro é aquela que guía a voz crítica na hora de colocar un axente ou un texto no eixe diacrónico e sincrónico.

O “clasicismo” (1983, p. 180) do que fai gala Carballo detéctase na excesiva valoración do criterio estilístico ou formal que busca nos textos que analiza. Nos traballos presentados na revista Nós sempre garda un espazo concreto para anotar características deste estilo na obra seleccionada. Por iso mesmo, será difícil atopar na crítica do ferrolán valoracións de tipo persoal, como si se aprecian na realizada por Risco.

CANON E HISTORIOGRAFÍA LITERARIA. DENDE SETE POETAS GALEGOS ATÉ A HISTORIA DA LITERATURA GALEGA CONTEMPORÁNEA

Após o silencio da Guerra Civil e da cadea, a voz crítica de Carballo non volve ser ouvida até finais dos anos corenta. A través do pseudónimo Fernando Cadaval no suplemento do sábado de La Noche retoma a liña de crítica literaria que ficou paralizada na revista Nós.

Cun artigo como “Los problemas de la poesía gallega en 1949” (31/XII/1949) continúa a visión da produción do campo literario no que concirne ao xénero poético. Despois de máis dunha década, a voz de Carballo desvela un campo literario totalmente diferente daquel que describía nos anos trinta. Agora as “dificultades económicas de tipo editorial” xorden como o primeiro problema do xénero poético desta nova época.

Despois desta presentación, focalízanse instrumentos de investigación e crítica que xa aparecían nos textos anteriores, pero con menor profusión. Tal é o caso do criterio filolóxico. Apunta nesta liña o caos na hora de redactar cunha variante formal ou culta e como cómpre un grupo de filólogos que dijesen la palabra de la verdad. Para xustificar este criterio filolóxico apunta o profesor como existe unha “lengua poética” mais dun xeito transcendental.

Mantén as liñas bosquexadas por C. Blanco no que atinxe ao clasicismo na hora de abordar a métrica como segundo problema da poesía galega dese ano, á vez que anota a nivel temático unha busca dunha “poesía gallega universal y eterna”.

Cara ao final desta pequena intervención, o profesor Carballo considera moi necesaria unha crítica “libre de compadrazgos de tertulia”. Aposta por voces vindas xa dos tempos da revista Nós, tal como a de Otero Pedrayo, do cal pensa que é necesario un volume con escolma de versos. Culmina anunciando como será a Editorial Galaxia a encargada de desempeñar un transcendental papel en nuestra vida cultural.

Dende os anos cincuenta até o final do franquismo, Carballo Calero vai desenvolver a súa produción científica e ensaística na esfera da editorial Galaxia, estreada no mes de xullo de 1950. A casa confecciónase como un elemento decisivo na institucionalización da cultura galega nos peores anos de resistencia. Se ben os diferentes campos culturais (literario, filosófico, antropolóxico, etnográfico...) non dispoñen dunha esfera institucional garantida por un estado soberano, os axentes culturais que participan nesta empresa teñen moi clara esta función dende a súa constitución.

Neste artigo non se pode describir polo miúdo como se desenvolveu Galaxia, para o que xa existen traballos máis elaborados −dende volumes memorísticos de por parte dos axentes involucrados, até teses de doutoramento. Aquí apenas se intenta observar o papel que xogou Carballo Calero no campo literario galego.

Así as cousas, o profesor participou na construción da editorial dende a fundación. Nesta empresa tivo un papel moi activo na hora de deseñar unha serie de produtos culturais ligados ao ámbito filolóxico, continuando o traballo que se comezara na revista Nós. Existen dúas liñas de traballo de Carballo na política editorial de Galaxia. A primeira ten a ver coa revista Grial, entendida dende un inicio como filla de Nós. Se ben sempre se incide na ligazón entre estas coa Revista de Occidente, esta ligazón pode considerarse unha xustificación a maiores, sobre todo para se liberar de posibles imposicións da censura, tal como lle sucedeu á revista de Galaxia dende os primeiros números coa súa prohibición.

Carballo participa en Grial como membro do seu consello de redacción e achega textos literarios e algún traballo puntual. Xa dende o primeiro número publica pezas teatrais como A farsa das zocas (Grial 1) ou Auto do prisioneiro (Grial 28). Os escritos de carácter filolóxico están ligados á produción en prosa ensaística, isto é, á historiografía literaria (“Feixó e a razón borbónica”, Grial 6; “O conto popular na provincia de Lugo” Grial 15; “Centenario de Noriega Varela”, Grial 25; “Il canzoniere de don Lopo Liáns”, Grial 27; ou “John Smith e Eduardo Pondal”, Grial 55). Nesta liña tamén participa en volumes colectivos e dedicados a autores canonizados como Castelao (Grial 47) ou Cunqueiro (Grial 72).

A súa produción en Grial irá a menos nos anos setenta e mesmo mudará especializándose en cuestións de lingüística (no número 50 publica un traballo sobre o xerundio flexional no galego de Rianxo) ou mesmo realizando traducións de textos como o que adapta e versiona a dúas mans con Constantino García no número 64 sobre o texto “O redondel” de Li Hsing-Tao. Nesta liña filolóxica tamén se podería entender a súa “Bibliografía rosaliana” (número 58).

Carballo Calero figura no consello de redacción desta revista até o número 100, derradeiro exemplar que ten como directores a Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego. A publicación muda no seguinte exemplar do ano 1989, con Carlos Casares como encargado máximo da mesma.

Durante o franquismo, o profesor dá a coñecer gran parte da súa produción ensaística en Galaxia. Trátase do que máis tempo e esforzo lle vai ocupar, sobre todo nas décadas dos cincuenta, sesenta e setenta. Comeza publicando un volume sobre a poesía galega: Sete poetas galegos (1955) e nesta liña culminará o seu traballo de historiografía na magna obra Historia da literatura galega contemporánea. Poderíase afirmar que Carballo ocupa unha sorte de cátedra de Lingua e Literatura de Galaxia dende 1950.

Sete poetas galegos (1955) anuncia un punto de inflexión no traballo filolóxico de Carballo. Aínda que xa se describiu a liña de crítica literaria desenvolvida na revista Nós, agora busca configurar un canon literario de forma máis explícita en forma de libro. Deste xeito, xa se vai albiscando o territorio que virá a seguir: a historiografía literaria, a cal canoniza e institucionaliza o campo literario galego.

Para comezar a analizar esta proposta débese antes de máis nada entender a publicación dentro da nova editorial Galaxia, que daquela xa contaba con cinco anos de existencia. De analizarse a produción até ese momento, detectaríase como esta editorial se move entre dúas augas. A primeira é a de erixirse como continuadora da revista Nós. A segunda é a de avanzar no tempo incorporando novos capitais simbólicos, neste caso vindos da filosofía (especialmente a ligada á escola alemá de Heidegger).

A maior parte dos capitais simbólicos veñen da época das Irmandades, lugar de formación dos axentes implicados en Galaxia. Desta maneira, o nacionalismo literario que se configurou nesta época é o mesmo que se atopará agora. A ideoloxía de Castelao configúrase non só como capital simbólico dos repertorios emanados, senón que se transforman en habitus. Porén, non se pode desenvolver de forma explícita esta formulación. A censura e a maquinaria represora do franquismo imposibilitou o seu traballo, e como exemplo do dito temos as prohibicións explícitas ou puntuais na hora de modificar os textos.

A resistencia cultural e a reconstrución da cultura popular son a base ou obra viva que Galaxia volve pór no centro do seu traballo. O volksgeist e a etnicidade forman parte do nacionalismo literario que xa describira o propio Castelao e tan ben analizou Ramón Máiz:

En síntese, atopámonos, en principio, perante un concepto explícito de nación de clara impronta organicista, centrado nunha etnicidade entendida máis como volksgeist e carácter nacional que como “raza”, o que despraza −en ausencia radical da vontade política como elemento conferidor do carisma nacionalitario− a cerna da definición ós sobranceiros productos do volksgeist: a lingua e a cultura. (Máiz 1997, p. 272)

R. Piñeiro e mais o grupo de coordinación literaria da editorial Galaxia deseñan un repertorio centrado na lingua, na historia e na etnografía do país. Desta volta existen elementos que o van diferenciar da época anterior. En concreto falamos do concepto “ciencia” e do existencialismo de Heidegger. O segundo ten unha profunda pegada en volumes como os dedicados á saudade ou a cuestións antropolóxicas como os traballos de Rof Carballo.

Dende os primeiros traballos de Carballo Calero na revista Nós, a palabra “ciencia” impera na idea de ordenación do material analizable. Así, atopamos un grupo de autores nados arredor do 1910 que comezan a investigar arredor do SEG e sistematizan os seus traballos so un ollar positivista e máis metódico. Desta maneira, opóñense ao grupo de Risco, achegado a un traballo co sentimento, obra cabal dun ser “pneumático”.

A nova prosa ensaística de Galaxia oriéntase dunha forma crítica, buscando un distanciamento co obxecto estudado. Por exemplo, xa non se atopan conceptos como o da “raza” nestes autores. Porén, mantéñense nesta liña as firmas aínda vivas da época Nós, tal é o caso do Ensaio histórico sobre a cultura galega, na que Otero fala sobre a presencia dunha raza (Otero 1982, p. 15). Os conceptos son defendidos cunha bibliografía adaptada ás novidades da época, tal como sucede no ensaio sobre a saudade asinado por R. Piñeiro.

Agora, a prosa encamíñase a prol dunha lingua pretendida e explicitamente científica, que nos traballos de Carballo Calero é unha constante, ao igual que nas obras de Rof Carballo ou Piñeiro. Porén, existe un enfrontamento directo co grupo Risco. En prólogos como o da Historia de Galicia de Risco, publicada en Galaxia, dise que “No es el presente un “Manual” de tipo científico” (Risco 1952, p. 7) e que tamén se insire na liña ensaística de Otero Pedrayo. Neste camiño, C. Fernández de la Vega ironiza coa ciencia ao describir a súa “época de superstición “cientificista”, tal como aparece nas primeiras liñas d’O segredo do humor (Fernández de la Vega 1983, p. 15).

Galaxia non vai ser apenas unha editorial. Configúrase ao pouco de se crear como unha institución que compite coa Real Academia Galega, naquela altura nas mans do franquismo que pexa toda manifestación nacional non española. Todos os axentes teñen en común un obxectivo, o de configurar unha literatura nacional nova e erixirse como institución que busca a autonomía no campo. Para tal finalidade recae en Carballo Calero a tarefa de historiar o campo e canonizar certos repertorios e axentes.

Aparecen tres textos singulares asinados polo autor e que levan o selo Galaxia. Os dous primeiros teñen o formato de libro: Sete poetas galegos e Historia da literatura galega contemporánea. O terceiro é un artigo asinado en Grial no ano 1974 (“Figuras representativas da literatura galega actual”).

O primeiro deles é un monográfico dedicado á produción poética contemporánea, entendida esta dende o Rexurdimento até a época Nós cos vangardistas. >ete poetas galegos configúrase como a volta definitiva da sinatura Carballo Calero ao campo literario galego após anos de silencio.

No prólogo da obra atopamos datos que confirman como esta proposta camiña de forma paralela coa escrita da magna Historia da literatura galega contemporánea, que como el mesmo ten afirmado en carta a Luís Seoane o ten “hipotecado” de forma vital (CCG, carta de Carballo a Seoane do 31 de setembro de 1960). A empresa historiográfica encétase no seo de Galaxia na hora en que Piñeiro viaxa ao colexio Fingoy en Lugo en 1951 para encargarlle tamaña empresa.

Desta forma, no incipit de Sete poetas galegos atopamos informacións xerais a respecto da historiografía contemporánea que retoma na súa historia. Así, a periodización non se modifica. Considera que o Rexurdimento comeza como unha táboa rasa, isto é, sen os seus axentes teren un coñecemento dos repertorios pasados, mesmo da literatura medieval (“O Rexurdimento co seu romantismo non foi coñecedor da lírica medieval” Carballo 1955, p. 7). Non imos debruzarnos nestas liñas nos seus traballos sobre os tres grandes vates do século XIX (Rosalía de Castro, Pondal e Curros Enríquez) e atendendo á produción do século XX encóntranse informacións que nos retrotraen a escritos do profesor na revista Nós e que se debullaron no apartado anterior.

Cando Carballo estuda a produción poética que vén após a “Xeración antre dous séculos” (termo tomado conscientemente dun título de Álvarez Limeses), considera que a lírica contemporánea comeza coa obra de Bouza Brey e que nos primeiros anos do século é o modernismo (hispano) o que máis inflúe nos poetas nados arredor de 1900 (Amado Carballo e Manuel Antonio) e, en menor medida, na seguinte camada nada en 1910.

Neste mesmo prólogo apunta Carballo como na tarefa do historiador da literatura cómpre focalizar a distancia temporal entre investigador e materia obxecto: A sua obra é presente, e non pode ser aínda ouxeto de un estudo cabal. Desta forma xustifica a canonización dos poetas escolmados (Dos que xa poden considerar crásicos, teño escollido sete).

Tamén apunta, como nos traballos anteriores, a metodoloxía escolleita: Isto é un ensaio de crítica literaria, tal como anotaba na revista Nós. Procuro unha interpretación persoal, igualmente alonxada da irresponsabilidade xornalística e a nimiedade arqueolóxica (1955, p. 9). Posiciónase Carballo xustificando a súa proposta de canon de xeito persoal e distanciándose doutras maneiras de interpretar o produto literario −o da simple recensión no xornal ou a “arqueolóxica”−, facendo mención a un distanciamento total coa materia estudada. Aquí ligaría o carácter científico cun tipo de traballo disciplinado, filolóxico que asume de xeito individual os razoamentos e ideas que achega.

Centrándose no século XX, comeza o profesor estudando a figura de Noriega Varela. O método de análise segue sendo o positivista: biografía, temáticas na súa poesía, estilo e ligazón diacrónica co campo literario galego e sincrónica con outros campos paralelos.

Nesta liña metodolóxica, a contextualización opera da seguinte maneira: unha obra artística só pode ser premanentemente valorada dentro do meio cultural que agrome posto que ningunha obra de arte é un mundo pechado en si mesmo (Carballo 1955, p. 89).

Ao pór en marcha este mecanismo de análise, observa como liga a produción do soneto no autor galego con outras latitudes próximas como a “tradición crásica española” e a máis moderna portuguesa de Guerra Junqueiro e Teixeira de Pascoaes.

No seguinte capítulo céntrase na obra de R. Cabanillas. Comeza analizando as loitas internas no seo do campo por ver quen ocupa o lugar de Curros como “poeta da raza” após a súa morte. Aquí xorden en liza dous autores: Alberto García de Ferreiro e Cabanillas. Nesta sección, Carballo aposta máis por unha liña de literatura comparada entre campos. Así describe o repertorio do cambadés na súa aposta por construír unha liña modernista no campo literario galego en diálogo co ámbito hispánico (Rubén Darío) e en contraposición cun antimodernismo de inspiración social e costumista, un realismo no fondo e na forma (Carballo, 1955, p. 98).

Por último e nesta liña de comparación, reserva un espazo concreto para a súa poesía en prosa. Nesas páxinas confronta coa obra de Noriega, caracterizada por ser máis “dionisíaca” ou “virxilián”. Serían así os dous polos dunha nova xeración de escritores que traballan coa poesía e que se virían adscritos á nómina de autores que participan na revista Nós, mais dende uns parámetros diferentes, ora nos capitais simbólicos cos que traballan ora cuns hábitos tamén dispares.

Após a presentación de cadanseu capítulo dedicado a Noriega Varela e R. Cabanillas, o profesor deseña unha nova liñaxe de poetas que contrastará coa anterior. Nos dous últimos capítulos do libro céntrase nas figuras de Amado Carballo e Manuel Antonio. Terían como elemento aglutinador o traballo coa vangarda, elemento que definirá a xeración dos novecentistas (termo que explorará con máis precisión na Historia da literatura galega contemporánea) e que asemade diverxe coas camadas anteriores.

Respecto da obra de Amado Carballo, comeza focalizando o traballo que o pontevedrés ofrece verbo da paisaxe. Carballo describe como un lector prototipo ha de entender os capitais simbólicos cos que se xoga neste sentido. Distingue dúas Galicias. A primeira é a rural, a do volksgeist, a que o nacionalismo literario expresa nos textos teóricos e literarios (Rosalía de Castro). Porén, detecta o profesor unha outra esfera do país que é a Galicia crónica, a Galicia máis coñecida, a preferida xeneralmente. É a Galicia que creen coñecer e din ademirar os turistas (Carballo 1955, p. 115).

A partir da desconstrución desta terra é como Amado Carballo culmina unha poesía universal en língoa galega. A partir do hilozoísmo e da poesía pictórica configura unha escola romántica ou neorromántica que ten continuación nos poetas nados en 1910 e que xa escolmara Carballo no seu traballo Ollada encol da poesía lírica galega contemporánea na revista Nós (1931). Estes poetas leron e asimilaron a obra de Amado Carballo, mais non os considera discípulos propiamente.

Pola contra, a figura de Manuel Antonio non tivo tanto suceso na época. Apunta como dos tres grandes escritores de vangarda no campo literario galego, Amado Carballo, Manuel Antonio e Otero Espasandín (neste caso non aparece Eugenio Montes), é o primeiro o que maior pegada deixou nas dinámicas internas do campo.

De Manuel Antonio entende que é dos máis fieis seguidores da escola fundada por Risco con “Preludio a toda estética futura” e culminada en “Nós, os inadaptados”. O rianxeiro rompe as “raigañas que vencellan ao século XIX” a través da exploración nas fontes teóricas da tradición vangardista de Jean Epstein, o cubismo francés (Pierre Reverdy) e o creacionismo suramericano de Huidobro. Considera que a súa poesía ten os trazos suficientes para a definir como “orixinal” nas dinámicas do campo naquela altura. Porén, amósase moi crítico coa mesma. Fala dunha “tendencia universalista que domina sobre a localista”. Establece que os códigos emanados polo nacionalismo literario non se empregan na escrita (“Odisea lírica de ringleiras desprovistas de ritmo e de rima”) e isto lévao a clasificar a pluma do rianxeiro como de “siño inteleitual”.

No derradeiro capítulo do libro chega á seguinte conclusión sobre este: A valoración que compre a Manuel Antonio é principalmente histórica. Para confrontalo con Amado Carballo, axente en liza por ocupar o posto de representante da vangarda nos Novecentistas, bota man de Mathew Arnold para destacar, tal como o facía este último, o aspecto emocional da poesía, algo que non é tan presente en Manuel Antonio e que mesmo liga o pontevedrés coa figura de Rosalía de Castro.

Após este volume de poetas, a seguinte achega bibliográfica que se vai analizar é a Historia da literatura galega contemporánea. Esta “Grande e Geral Estoria”, tal como a definiu Otero Pedrayo, edítase nun primeiro volume no ano 1963, para dez anos despois ser publicada na súa totalidade en 1975 e abranguendo o espazo temporal que vai dende 1808 até 1936. Se ben o manual máis coñecido é o que presenta na súa terceira edición en 1981, este será o libro de cabeceira para os estudantes de filoloxía, especialmente para os de filoloxía galega até os anos noventa do pasado século, coa aparición de cadanseu volume asinados por Anxo Tarrío e Dolores Vilavedra.

A orixe desta obra xa foi estudada noutro artigo presentado na revista Grial (Valverde 2020). Aquí documéntase como a redacción deste estudo demorou dende o mes de santos de 1951. Nun principio tomou a forma de tese de doutoramento (publicada en Gredos co título de Aportaciones a la literatura gallega contemporánea en 1955). Porén, despois dun gran periplo vital (oposicións a cátedra na Universidade de Santiago de Compostela, entrada na Real Academia Galega ou diferentes achegas bibliográficas) acabou publicándose na editorial viguesa.

Volvendo a reafirmar que apenas nestas liñas o estudo se centra no século XX, desbótase logo a necesidade de estudar con máis calma as figuras do Rexurdimento e espazos adxacentes. Xa que logo, o primeiro tomo desta historia non se vai tratar nestas liñas, centrando o discurso analítico no segundo, o cal dá conta do século XX.

Este volume aglutinará todas as esculcas do profesor durante trinta anos. Así, o estilo escollido será o científico-ensaístico, debido á procura dun lector/a especializado no tema. Na política editorial de Galaxia obsérvase un inicio no que a divulgación era o eixe da mesma. A busca dun receptor/a con poucos coñecementos sobre o tema facía que xurdisen textos como os preparados por Francisco Fernández del Riego, ora escolmas ora manuais de fácil lectura para unha persoa á que lle fora roubada a súa autoconsciencia como galego/a. Esta proposta mesmo xerou algún debate intenso como o que formula R. Piñeiro en carta:

Ti querías unha “Historia” que fixese unha valoración fina e cabal da nosa evolución literaria. A min tamén me gustaría, mais comprendo que no estado aitual dos nosos estudos literarios non se pode pretender iso n-un Manual de divulgación como son os manuales de Galaxia. O manual de “Historia de Galicia” que está a preparar Risco é, do mesmo xeito, unha esposición descriptiva dos feitos. Non son libros para especialistas senon para o público vulgar que carece de instrumentos informativos sinxelos sobre os distintos aspeitos da cultura galega e compre poñelos ó seu alcance. ¿Tan lonxe está d-ista finalidade o “Manual” que escribíu o del Riego? A min paréceme honradamente que non está tan lonxe. Ainda máis: coido que hoxe en día é o que millor cumpre isa finalidade introductoria. (Piñeiro 2004, p. 34).

Pasados dez anos, enténdese que xa cómpre un manual con outro calado. A escrita rigorosa e científica de Carballo agroma en calquera liña desta Historia da literatura galega contemporánea e achega a súa proposta de crítica literaria, canonización e historiografía da que viña falando dende os primeiros textos da revista Nós.

A nivel xeral, a periodización presentada é a mesma que postula dende os inicios. Establece unha serie de capítulos que se dividen en dúas seccións, os dous tomos que presentou entre a primeira e segunda edición. A primeira parte ten a ver co século XIX. Aquí escolle capítulos xerais e introdutorios que versan sobre escolas concretas (por exemplo, “O romantismo”), etapas histórico-políticas (“A literatura galega dende a invasión francesa até a morte de Fernando VII”) ou que procuran catalogar unha serie de escritores/as que preceden ou suceden os tres grandes poetas canónicos. Desta maneira aparecen capítulos como “Os diádocos” ou “Os epígonos”. Porén, os tres grandes poetas −Rosalía de Castro, Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez− establecen o canon deste século.

No século XX, pola contra, non hai capítulos dedicados a un axente en concreto. Os cortes veñen ditaminados polo eixe temporal e xenérico. Con “A literatura postrenacentista” englobará a escola franciscanista de Noriega Varela e os últimos ecos do século XIX. “A época das Irmandades” dará conta dos modernistas, isto é, Cabanillas e Taibo, ao igual que a pouca narrativa e teatro desta experiencia. “O grupo Nós” céntrase na obra narrativa de V. Risco, Otero Pedrayo e Castelao. Por último, con “Os novecentistas” e “Os tempos do seminario” dá conta da produción poética das xeracións nadas en 1900 e 1910 e que xa viña caracterizando dende había anos.

O prólogo da obra é un conxunto ben argumentado de xustificacións das súas intencións. Aquí describe o seu modo de traballar e mais os capitais simbólicos máis importantes na escrita. Asemade, fortalece a consciencia de traballo científico ao focalizar a rigorosidade na hora de establecer a orixe de cada dato que emana do libro. Estamos pois diante dun volume que cataloga toda a produción literaria dende o Rexurdimento até os anos cincuenta-sesenta, posto que os autores que aínda fican vivos no momento da redacción desta historia están en plena produción e Carballo incorporará nas sucesivas edicións da obra.

Nestas liñas introdutorias focaliza conceptos clave no seu discurso analítico, no seu habitus (Bourdieu). O primeiro que trata é a cuestión filolóxica, mais agora dende unha posición paralela a outras latitudes diacrónicas. Existe un distanciamento entre os anos trinta e os sesenta. Nos escritos publicados en Nós o tratamento da lingua era un capital ligado ao nacionalismo literario. Na historiografía e crítica literaria dos anos vinte e trinta, o/a autor/a que incorporara unha lingua depurada de estranxeirismos, especialmente castelanismos e apostara por achegar léxico vindo do ámbito do volksgeist era recibido positivamente e mesmo podería ocupar un espazo de seu no canon. Pola contra, co franquismo a cuestión filolóxica muda. Agora a literatura española tenta deglutir outros campos anexos por cuestión política (véxase a figura de Rosalía de Castro que chega a ser emblema na Transición nun billete de cincocentas pesetas) e, tanxencialmente, o concepto literatura galega tamén se ve cuestionado ao incluír produtos escritos en castelán. Neste aspecto, Carballo amósase moi belixerante e non admite esta estratexia. A cuestión filolóxica marca o campo literario galego, mais sen esquecer que certos axentes traballaron dous códigos.

O segundo elemento que propón analizar é o volksgeist. A partir da dicotomía campo-cidade e manexando unha ideoloxía expresada polo nacionalismo literario e reflectida en manuais como Ensaio histórico sobre a cultura galega de Otero Pedrayo, establece como “cultura galega” aquela que é quen de describir un espazo no que a terra e a saudade son inherentes ao mesmo. Como se indicou antes, conceptos como raza desaparecen e ocupan un lugar central outros como terra ao entender Galicia como un espazo no que o sector primario organiza a infraestrutura da súa sociedade. Ao igual que fai R. Williams (1973) ao describir a literatura inglesa, este elemento xorde como material literario.

A saudade terá un lugar de seu neste escrito. Cómpre ler devagar a terceira liña a rodapé para constatar como presenta un tratado sobre a mesma poucas veces tan ben descrito. Desta forma, establécese un diálogo entre as propostas do grupo Galaxia a respecto deste termo e como se insire no nacionalismo literario como repertorio e capital simbólico. A nivel xeral, a saudade será o termo que ligue o sentimento da terra en Risco co volksgeist proposto polo grupo Galaxia, adaptándoo aos novos tempos e ligándoo co campo literario e cultural portugués. De forma paralela, tamén axudaría a entender como prolifera o xénero poético no campo galego, en contraposición con outros como o narrativo.

Desta maneira, poderiamos ler en paralelo un artigo, “El poeta lírico, la víscera coridal y la tierra madre”, publicado en La Noche Suplemento del Sábado (26 de xuño de 1956) so o pseudónimo de Fernando Cadaval. Aquí volve Carballo falar verbo da saudade como el más puro sentimiento que contribúe a configurar unha cultura baseada na realidade sentimental (dogma de fe entre nuestros escritores). No canon, Rosalía de Castro xustifica unha poesía telúrica e de contacto coa terra.

A segunda parte da introdución céntrase na historiografía literaria. Aquí presenta as diferentes calas que se foron desenvolvendo na historia e aposta por aquelas que sobrepoñen a obra de Rosalía de Castro como canon xeral. É consciente de como a historiografía fixa un canon duns textos lexitimados social e esteticamente, para, asemade, propor unha historia da literatura nacional galega.

Non se pode realizar unha descrición polo miúdo neste artigo, mais achegamos o método aplicado polo profesor na hora de abordar o feito literario. Cada capítulo contén información moi valiosa de varios elementos historiográficos, os cales son determinantes para Carballo para analizar o campo literario.

A primeira é a biografía dos autores/as. Alén de bosquexar o periplo vital, tamén afonda en datos persoais. Por exemplo, cómpre ler o texto dedicado a Rosalía de Castro, Risco ou Otero para observar como a liña que separa a literatura e o ensaio obxectivo escorrega. O mesmo sucede cando non hai datos, por exemplo no caso de Amado Carballo, ou cando ten que emendar o afirmado sobre un autor como Manuel Antonio e modifica o texto na seguinte edición ao apareceren novidades sobre o mesmo.

A seguir, describe a bibliografía, sen obviar o caso de literatura realizada noutro idioma (sobre todo o castelán, abofé). Aquí é cando máis obxectivo se mostra, achegando información ecdótica nos máis dos casos. En terceiro lugar, temos a información estilística. Nesta vai primar o que xa C. Blanco ten designado como “clasicismo” (1983, p. 180). En moitos capítulos e subapartados titula como “Estilo” unha análise de carácter estilística na cal vai ter en conta os elementos máis formalistas do texto (por exemplo, véxanse as obras de Rosalía de Castro, Pondal ou Cabanillas).

Este terceiro elemento vese truncado cando trata de describir repertorios pouco desenvolvidos como é a vangarda. Na terceira edición definitiva da Historia da literatura galega contemporánea, fixa a súa proposta de canon a través da evolución: Modernismo, novecentistas e xeración do Seminario. A primeira vén fixada na obra de Cabanillas e Noriega Varela; mais, pola contra, os novecentistas estarían distribuídos en dúas direccións. A liña “neorrománica” é aquela que segue o camiño de Amado Carballo, tamén caracterizada a posteriori como hilozoísta ou paisaxista segundo outras voces. A segunda é a máis pretendidamente universalista e amosa a Manuel Antonio como figura central.

En terceiro lugar, teriamos os Tempos do Seminario. Aquí distingue entre unha sección de autores que participaron activamente no SEG e unha segunda promoción, nados arredor de 1910, que estiveron ligados mais non activos. Os dous terían en común a formación de investigadores, e o estudo científico de Galicia en todos os seus aspectos (Carballo 1979, p. 736). Serían aqueles que analizou no revista Nós e que opón á Xeración de Risco.

DO NACIONALISMO LITERARIO Á LITERATURA NACIONAL.

Nacionalismo literario e literatura nacional son dous termos tratados no seu momento polo profesor González-Millán (1995) que nos serven para entender mellor a evolución do campo literario. Estes tamén explicarían a viaxe teórica e filolóxica de Carballo Calero dende os textos iniciais de Nós até a Historia da literatura galega contemporánea.

O profesor considera que estes dous termos son “dous procesos socioculturais centrais na reflexión sobre a institucionalización nacional do discurso literario”, aínda que diferentes. Aquí os procesos de hexemonía e autonomía de campo son centrais. Así, existen dúas vías para a institucionalización do campo literario: o nacionalismo literario e mais a literatura nacional.

O ideario imaxinario (termos moi ligados á concepción de nación ideada por B. Anderson5) viría cubrir un amplo espectro da superestrutura social da que falaba Marx e na que introducía a arte e, como non, a literatura. Este imaxinario social no campo galego configúrase xa no Rexurdimento a través do nacionalismo literario. Paralelamente, os diferentes axentes que participan no campo procuran ocupar cadanseu espazo, ben nos campos de gran produción ben na estrutura ideolóxica (véxase o exemplo de Risco). É nos anos vinte e trinta cando asistimos á configuración dunha literatura nacional.

Toda literatura nacional basea a súa lexitimación nunha serie de textos que combinan un alto valor alegórico e unha recoñecida calidade estética. É o seu canon o que estrutura toda a produción literaria e articula a súa evolución cronolóxica (González-Millán 1995, p. 6). Velaí o espazo que veu ocupar Carballo Calero con toda a súa obra filolóxica e crítica. Poderíase dicir que esta tivo como principal función organizar e describir unha nova literatura nacional, creada sobre todo nos anos trinta e ligada nun inicio á revista Nós.

Como se analizou nos apartados anteriores, Carballo iníciase no campo literario galego dun xeito duplo: como produtor e como analista. No presente traballo non se aventura ningún tipo de análise sobre a produción parte poética, senón que nos centramos na produción estudosa que o profesor verteu sobre o caso galego.

Iníciase Carballo na crítica literaria na súa dupla faciana. A primeira é aquela que analiza produtos concretos como os poemarios de Casas, Blanco Amor ou Bouza Brey. Na segunda xa se aventura por camiños máis crispados como a canonización dos novos valores literarios e mesmo na contraposición de estéticas e posicionamentos concretos no seo da loita pola hexemonía literaria. Mostra disto son os artigos problemáticos como A xeneración de Risco (Carballo 1934).

Os capitais simbólicos cos que xoga o ferrolán veñen do eido filolóxico, que tan ben coñece por formación universitaria. Para a crítica literaria bota man de modelos vindos da filoloxía hispánica e o campo literario español. Establece unha crítica literaria que ten moito que ver coa instituída por V. Risco: valorar máis o elemento ligado ao nacionalismo literario do que os repertorios vindos do estranxeiro e, asemade, focalizar aqueles que se ligan ao canon do Rexurdimento, mais reformulándoos e adaptándoos aos novos tempos.

Porén, Carballo distánciase de Risco ao apostar por un grupo de autores nados arredor do ano 1910, os cales tamén fan evolucionar as posturas do cenáculo ourensán e apostan por unha lírica que achanza os repertorios da vangarda adaptándoos ao nacionalismo literario galego dos anos trinta, máis político e menos “pneumático”, empregando a terminoloxía do ourensán.

No caso da historiografía, establece un canon literario. Segundo González-Millán: Para que a canonización sexa efectiva é imprescindible un alto nivel de correspondencia entre os mundos imaxinarios e as institucións responsables da súa apropiación ideolóxica (González-Millán 1995: 7). É así como Carballo sitúa a súa proposta. Sen desprestixiar en ningún momento a institución que o formou (cenáculo ourensán e SEG) revisa o nacionalismo literario e o campo ideolóxico (Figueroa 2010) para o establecer un elemento primordial na hora de acadar o estadio do canon.

O imaxinario nacionalista pon as condicións autónomas ao non haber unha institución con poder político e administrativo (velaí a necesidade dunha autono-mía para Galicia). Carballo Calero cos seus textos é quen de traballar na liña de crear un sistema literario nacional, pasando do nacionalismo literario que defen-día Risco a unha maior autonomía. Nesta liña tamén se unirían os traballos de Augusto M. Casas ou Fernández del Riego.

Sostén González-Millán que se pode falar de literatura nacional cando un determinado ideario nacional(ista) se fía coa lexitimación social e potencia ó mesmo tempo a institucionalización autónoma da canonización estética (1995, p. 10). Os chanzos para acadalos son os textos en Nós dos autores citados no parágrafo anterior, mais é con Galaxia cando se acada dito nivel de institucionalización que refería o profesor do Hunter College.

A historiografía literaria desenvolvida coa Historia da literatura galega contemporánea de Carballo Calero lexitima a lectura nacional da produción literaria a través do criterio filolóxico e mais do tratamento do volksgeist (macrometáfora nacional). Aquí a historiografía e a crítica camiñan da man ao estudar a lectura nacional da produción literaria.

O criterio filolóxico que nun comezo era empregado como simple aliado no estilo empregado polo axente literario que se analizaba, agora pasa a ter un gran poder ideolóxico. Se cadra teriamos que ligar isto coa evolución que tivo o discurso nacional español no campo literario galego. Fernández del Riego en 1933 analizaba o proceso de “anexión” por parte da cultura española das adxacentes como a catalá, a portuguesa ou a galega. Exemplos desta son, por exemplo, a incorporación de cadansúa cadeira na RAE para as literaturas do estado, onde é o propio Cabanillas o encargado da sección galega.

Este proceso tivo un devir aínda máis forte no franquismo. A censura e certos axentes culturais do estado franquista son os encargados en crear unha idea da literatura galega como aquela que se crea en galego ou en español. É nesta liña na que debemos encadrar tamén a posición que toma Carballo no campo e como necesita dotalo de maior autonomía.

Manexando unha sorte de metáfora, teriamos unha vacina para adquirir inmunidade e autonomía para o campo que pasaría por unha fase 1: crítica literaria, fase 2: establecemento do canon e fase 3: historiografía. Pártese pois dun discurso fixo, nacionalismo literario, para fixar unha historia da literatura nacional.

CONCLUSIÓNS

Carballo Calero é un dos autores imprescindibles na hora de dotar o campo literario galego de maior autonomía. Cos seus textos de carácter descritivo publicados en Nós pon as bases dunha crítica literaria que se mantería até os nosos días. A análise da obra dende a filoloxía −isto é, o estilo literario e mais a xustificación do texto no devir das tomas de posición no campo− é a base da mesma.

Ao mesmo tempo, nos anos trinta é quen de comezar a súa ardua tarefa de historiar o campo literario. Para tal finalidade ha de enfrontarse á Xeración de Risco, tal como figura nun dos seus artigos, á vez que anticipa un canon que irá depurando co paso dos anos.

Após o desastre da Guerra Civil e da irrupción do franquismo na vida cultural galega, volve introducirse nas dinámicas do campo ao aceptar incorporarse ao proxecto Galaxia en 1950. Nesta aventura afonda na historiografía literaria con títulos como Sete poetas galegos, as diferentes achegas como crítico literario en La Noche Suplemento del Sábado so o pseudónimo de Fernando Cadaval e tamén nas súas colaboracións na revista Grial, xa andados os anos sesenta. Nestas últimas explorará a crítica literaria como xa o fixo antes, mais avanzando materiais que completarán a magna obra que o “hipotecará” moitos anos da súa vida, a Historia da literatura galega contemporánea. Este manual de historiografía marcará un fito nos estudos do campo literario galego, ao inventariar e analizar toda a produción literaria dende 1808 até 1936 dunha forma rigorosa e sistémica.

Carballo pon os chanzos dunha ciencia nova na filoloxía galega, que transitará entre as claves configuradoras dun nacionalismo literario incipiente e culminará cunha proposta de canon para unha literatura nacional. Asemade, instala unha nova forma de entender a crítica literaria dun xeito máis obxectivo e, desta maneira, achega un nivel de autonomía ao campo literario nunca antes visto. Poderíase dicir que o profesor foi quen de iniciar unha viaxe que chega até os nosos días e que mesmo se perpetúa neles.

NOTAS

1

Os conceptos nacionalismo literario e literatura nacional hanse de entender como termos diferenciados e son tratados neste estudo atendendo a descrición dos mesmos establecida polo profesor González-Millán.

2

Noriega Varela xa non se menciona, se cadra polo seu distanciamento co campo político e ideolóxico do nacionalismo, mais retomarase de por parte do Seminario de Estudos Galegos, cando en maio de 1926 decidan catalogar de máis representativos as figuras de Cabanillas, Noriega Varela, López Abente e Taibo (Nós 28).

3

Fernández del Riego (1933) cita a Ortega na hora de explicar o concepto Raza no campo literario como modelo de erudición científico-humanística.

4

Os principais elementos repertoriais e capitais simbólicos que manexa Risco neste texto son os seguintes:

5

Nun documento da época asinado por Fernández del Riego (1933), este fai referencia á teoría nacional marxista de Jaurés. Aquí podería estar a chave que une os conceptos nación, raza e comunidade tan manidos nesta época e asumidos polo nacionalismo galego antes da Guerra Civil.

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS

Bourdieu, Pierre (1998). Les règles de l’art. Genèse et structure du champ littéraire. 5ª ed. Paris: Seuil.

Cadaval, Fernando (1949). Los problemas de la poesía gallega en 1949. La Noche. Suplemento del Sábado, 31/12/1949.

Cadaval, Fernando (1956). El poeta lírico, la víscera cordial y la tierra madre. La Noche, 26/VI/1956, 3.

Carballo Calero, Ricardo (1931). Ollada encol da poesía lírica galega contemporánea. Nós. Boletín mensual da cultura galega, 87, 52-59.

Carballo Calero, Ricardo (1932). Balance e inventario da nosa literatura. Nós. Boletín mensual da cultura galega, 108, 222-223.

Carballo Calero, Ricardo (1934). A xeneración de Risco. Nós. Boletín mensual da cultura galega, 131-132, 182-184.

Carballo Calero, Ricardo (1955). Sete poetas galegos. Vigo: Galaxia.

Carballo Calero, Ricardo (1974). Figuras representativas da literatura galega actual. Grial, 45, 269-279.

Carballo Calero, Ricardo (1981). Historia da literatura galega contemporánea 1808-1936. 3ª ed. Vigo: Galaxia.

Casas, Augusto M. (1928). La nueva literatura gallega. La Gaceta Literaria, 37, 6; 38, 6.

Casas, Augusto M. (1930a). ¿Qué es la vanguardia? La Zarpa 2796 (7/VIII/1930), 1.

Casas, Augusto M. (1930b). La novísima poesía gallega. La Zarpa 2805 (17/VIII/1930), 6-7.

Casas, Augusto M. (1935). Esquema da nova poesía galega. Nós. Boletín mensual da cultura galega, 139-144, 115-124.

Consello da Cultura Galega (2020). Ricardo Carballo Calero con Otero Pedrayo [epistolario, 2021]. Dispoñible en http://consellodacultura.gal/fondos_documentais/epistolarios/epistolario.php?epistolario=9631

Fernández de la Vega, Celestino (1985). O segredo do humor. Vigo: Galaxia.

Fernández del Riego, Francisco (1933). Índice cultural e artístico do Renacemento galego. Nós. Boletín mensual da cultura galega, 117, 184-188; 118, 224-228; 119, 241-243.

Fernández del Riego, Francisco (1996). A xeración Galaxia. Vigo: Galaxia.

Fernández del Riego, Francisco (2000). Un epistolario de Ramón Piñeiro. Vigo: Galaxia.

Fernán-Vello, Miguel A. e Pillado, Francisco (1986). Conversas en Compostela con Carballo Calero. Barcelona: Sotelo Blanco.

Figueroa, Antón (2001). Nación, literatura, identidade. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.

Figueroa, Antón (2010). Ideoloxía e autonomía no campo literario galego. Santiago de Compostela: Laiovento.

Figueroa, Antón (2015). Marxes e centros. Para unha socioloxía do campo cultural. Santiago de Compostela: Laiovento.

Franco Grande, Xosé L. (2004). Os anos escuros. A resistencia cultural dunha xeración. Vigo: Galaxia.

González-Millán, Xoán (1994). Do nacionalismo literario a unha literatura nacional. Hipótese de traballo para un estudio institucional da literatura galega. Anuario de Estudios Literarios Galegos, 1994, 67-81.

González-Millán, Xoán (1998). O criterio filolóxico e a configuración dunha literatura nacional: achegas a un novo marco de reflexión. Cadernos da lingua, 17, 5-24.

González-Millán, Xoán (2000). Resistencia cultural e diferencia histórica, a experiencia da subalternidade. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco.

Otero Pedrayo, Ramón (1982). Ensaio Histórico sobre a Cultura Galega. Vigo: Galaxia.

Máiz Suárez, Ramón (1997). A idea de nación. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.

Piñeiro, Ramón (2002). Da miña acordanza: memorias. Vigo: Galaxia.

Piñeiro, Ramón (2004). Cartas de Ramón Piñeiro a Ricardo Carballo Calero. Cadernos Ramón Piñeiro V. Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Edición de: Luís Alonso Girgado, María Cuquejo Enríquez e Carmen Fariña Miranda.

Risco, Vicente (1933). Nós, os inadaptados. Nós. Boletín mensual da cultura galega, 115, 115-123.

Risco, Vicente (1952). Historia de Galicia. Vigo: Galaxia.

Silva, Vitor M. de Aguiar e (1993). Teoría da literatura. Coimbra: Livraria Almedina.

Valverde, Alberte. (2020). Carballo Calero e a Historia da literatura. Grial, 227, 82-89.

Williams, Raymond (1974). The country and the city. New York: Oxford University Press.