A regulación dos certificados oficiais que acreditan os niveis de coñecemento da lingua galega (CELGAS) e os problemas xerados no proceso de normalización en Galicia

Descargas

Publicado

03-08-2011

Número

Sección

Artigos

Autores/as

  • Manuel Rico Verea

DOI:

https://doi.org/10.32766/cdl.33.24

Palabras clave:

avaliación, acreditación de niveis de referencia, certificados oficiais, formación de ensinanzas regradas e non regradas de adultos, lingua galega, marco común de referencia europeo, normalización e estandarización

Resumo

A Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega, supón unha modificación significativa (non sempre positiva) no proceso de normalización da lingua galega e tamén no proceso da súa estandarización.

Esta regulación, fóra do sistema educativo regrado, prodúcese á marxe da planificación que formula a Lei orgánica 2/2006, de educación, que o Estado desenvolve, que a Administración educativa de Galicia completa, por delegación de competencias, e que os centros educativos adecúan, no terceiro chanzo de concreción curricular, baseándose na autonomía pedagóxica que a citada lei orgánica lles outorga.

A regulación destes certificados oficiais acreditativos establece un marco de referencia europeo de aprendizaxe, ensino e avaliación, que adopta un sistema de avaliación de linguas estranxeiras para unha lingua sen normalizar, sen ter en conta un sector moi importante da cidadanía de Galicia, falante de galego de forma activa, que non accedeu a unha educación básica no seu ciclo escolar e que, polo tanto, carece da formación necesaria para poder acadar a certificación das competencias de comprensión e expresión escrita. Con esta orde, a Secretaría xeral de Política Lingüística do ano 2007, con asesores de escasa experiencia e coñecemento técnico na globalidade do sistema educativo regrado, emprendeu este novo camiño na competencia de formar e certificar os coñecementos da lingua esquecendo outros obxectivos, que tamén propoñía o Plan xeral de normalización da lingua galega, tan importantes, ou máis, para o proceso de normalización da lingua propia de Galicia.

Este novo marco de formación e acreditación, que non tivo no seu día unha recepción unánime, leva cinco anos en funcionamento, tempo abondo para que se puidesen detectar e resolver as graves eivas.

Se neste proceso de normalización é moi importante sumar vontades, máis importante é non excluír ese decisivo grupo social, galego falante, maiores de 40 anos, que non tivo a oportunidade académica de recibir unha formación básica (hoxe de educación secundaria obrigatoria) de lingua galega. Aínda que posúa unha certificación académica que lle dá acceso ao mundo laboral (certificado de estudos primarios, certificado de escolaridade ou título de graduado escolar) tamén é certo que o sistema actual de validacións lle impide acadar, na práctica, unha certificación do nivel de lingua galega, allea ao sistema educativo regrado, para acceder a diferentes postos da administración.

Descargas

Os datos de descargas aínda non están dispoñibles.