Historia da revista

Cadernos de Lingua é unha revista de lingüística, centrada fundamentalmente no estudo da lingua galega, pero aberta tamén a tratar temas referidos a outras linguas que poidan ter interese directa ou indirectamente para un mellor coñecemento do galego.

Foi creada no ano 1990, baixo a dirección de Constantino García, coa aspiración de promover a investigación científica sobre a lingua galega, así como de divulgar aspectos lingüísticos que son de interese para os estudosos e para a sociedade galega en xeral. No ano 2005 fíxose cargo da súa dirección Manuel González González, ata ese momento vicedirector da revista.

No número 35 interrompeuse temporalmente a súa publicación para repensala e preparar a súa edición dixital, coa renovación da secretaría técnica, do consello de redacción e do comité científico. O número 36, correspondente ao ano 2018, é o primeiro desta nova xeira na que a revista aparece en papel e en edición dixital.

Todos os artigos e notas publicados en Cadernos de Lingua terán que ser sometidos previamente a unha revisión por pares e seren avaliados positivamente. Unha vez que reciban a avaliación positiva poderán ser prepublicados, cunha paxinación autónoma, ata que se peche o número e se proceda á súa edición definitiva.