Historia da revista

O Boletín da Real Academia Galega (BRAG) é o órgano oficial da institución que acolle nas súas páxinas tanto traballos científicos como noticias que dan conta das actividades e do funcionamento interno da Academia. No decurso da súa longa historia o BRAG veu publicando artigos consagrados a diferentes materias e disciplinas científicas, nomeadamente literatura e lingua galegas, pero tamén historia, arte, arqueoloxía, etnografía e folclore, sempre en relación con Galicia. Nel escribiron ademais as personalidades máis representativas e importantes da nosa cultura contemporánea, dende finais do século XIX até o día de hoxe.

Entre os contidos da publicación resultan de especial relevancia as escolmas de literatura oral (cantigas, adiviñas, refráns etc.) recollidas directamente da tradición popular, así como a transcrición e edición de textos relacionados coa historia de Galicia. Froito do interese por ese labor de edición foi a creación dunha sección especial dedicada a Documentos Históricos que inclúe textos redactados en latín, galego e castelán abranguendo un período de mil anos, do século IX ao XIX. Esta sección, que orixinariamente apareceu inserida nos diferentes números do BRAG a maneira de suplemento e cunha numeración propia, reunida forma unha Colección á parte composta por catro volumes publicados en 1915, 1931, 1969 e 1970.

Dentro do Boletín tamén se debe salientar a importancia da súa Sección Oficial, configurada por unha ampla variedade de noticias acerca das actividades da institución, ingresos de novos académicos, discursos, adquisicións para a biblioteca, doazóns etc. Por este motivo, a Sección Oficial converteuse hoxe nunha fonte de información esencial para o coñecemento do devir histórico da Real Academia Galega.

Polo demais, no regulamento redactado inicialmente pola Asociación Iniciadora y Protectora de la Real Academia Gallega de la Habana que debía rexer o funcionamento da futura institución, xa se contemplaba a creación dun boletín. O certo é que non se tardou moito en facer realidade o proxecto, porque o número inaugural do BRAG veu a lume o vinte de maio de 1906, durante o primeiro ano de vida da Academia.

Durante as primeiras décadas da súa existencia a periodicidade da revista foi mensual, se ben con frecuentes atrasos e interrupcións que deron lugar á aparición de varios Boletíns que reunían ao mesmo tempo dous ou máis números. Despois de 1936, e tras unha interrupción de cinco anos como consecuencia da guerra e da inmediata posguerra, o BRAG retomou a súa andaina en condicións difíciles, feito que se traduciu nunha periodicidade moi irregular, ás veces reducida a un só número por ano, ou ben provocou a publicación dentro dun mesmo Boletín de catro, cinco ou seis números consecutivos. Finalmente o BRAG deixou de se editar temporalmente a partir de 1981, rematando así a súa primeira etapa co número 360 do tomo XXXIII. Pero no ano 2001 retomaríase de novo a publicación, agora cunha periodicidade anual e continuando a numeración precedente a partir do número 361.